Capítulos 16-20

Xob (16-17)

 

Capítulo 16

 

1Respondeulle Xob:

2‑"Razóns coma estas téñoas oído a milleiros.

¡Valentes consoladores sodes todos vós!

3¿Non haberá un límite para as verbas baldeiras?

ou ¿que é o que te move a responder?

4Tamén eu podería parolar coma vós,

con tal que estivésedes vós no meu posto.

Aparellaría por vós as palabras,

abaneando contra vós a testa.

5Coa miña boca daríavos forza,

calmaríavos co mover dos meus labios.

6Pero se falo, non cede a miña dor

e se desisto, non se aparta de min.

7E agora Deus tenme acabado,

destruíu canto era a miña compaña

8e apértame con gadoupas de ferro;

ergueuse coma testemuña contra min

e bótame en cara a miña fraqueza.

9A súa carraxe, chea de furia, esgázame;

renxe contra min os dentes;

o meu adversario afía os ollos cara a min.

10En contra miña ábrense bocas;

por burla losquéanme na cara;

todos se xuntan contra min.

11Ponme Deus na custodia dos malvados,

e bótame nas mans dos criminais.

12Estaba eu quedo, e esmagoume;

colleume do pescozo, e esnaquizoume;

colocoume por branco dos seus tiros.

13Rodeáronme os seus arqueiros,

espetoume nos riles sen piedade,

espallou polo chan o meu fel,

14atravesoume con ferida tras ferida,

arremeteu contra min coma un guerreiro.

15Levo un saco cosido á miña pel

e humillei no po o meu vigor.

16Teño a face vermella de tanto chorar,

cóbreme as pálpebras unha negra sombra,

17por máis que non haxa crime nas miñas mans

e sexa sincero o meu rogar.

18¡Terra, non encubras o meu sangue

e que o meu laio non atope tobo!

19Aínda está no ceo a miña testemuña;

o meu garante, no máis alto,

20o meu intérprete, o meu amigo ante Deus:

diante del choran os meus ollos.

21¡Que el dirima entre o home e mais Deus

coma se xulga un preito entre home e home!

22Pois acaban, están contados os meus anos,

vou marchar polo camiño sen retorno.

 

Capítulo 17

 

1O meu espírito vital vai esmorecendo,

tan só a cova me resta.

2Para min non hai máis ca aldraxes,

entre amarguras consómense os meus ollos.

3¡Leva da túa conta a miña fianza!

Se non o fas ti ¿quen me vai dar unha man?

4Se ti ocultaches das súas mentes a razón,

non a vas facer medrar agora.

5(Hai quen fala de herdanzas cos veciños,

mentres os ollos dos seus fillos esmorecen).

6Fixéchesme andar na boca das xentes,

un a quen se pode cuspir na cara.

7Os meus ollos consómense de tristura;

os meus membros son xa unha sombra.

8Os honrados abráianse por iso

e o inocente alporízase contra o réprobo.

9Pero quen ten razón mantense na súa conduta

e o de mans limpas colle folgos.

10¡Voltade todos vós e vinde,

que non penso atopar en vós un sabio!

11Foxen os meus días na vergonza,

estráganse as ansias do meu corazón.

12¡Hai quen troca a noite en día,

a alborada no canto das tebras!

13¡Eu xa non espero ren! O Xeol é o meu lar

e estendo nas sombras o meu leito.

14Dígolle á cova: Ti es o meu pai;

miña nai, miña irmá, chámolles ós vermes.

15¿Onde ficou a miña esperanza?

E a miña felicidade ¿quen a albisca?

16¿Vai descender comigo ata o Xeol?

¿Ímonos afundir xuntos na terra?"

 

Bildad

 

Capítulo 18

 

1Falou de novo Bildad o xuhita e dixo:

2‑"¿Ata cando vas armar trampas coas verbas?

¡Repénsao, e despois falaremos!

3¿Por que nos tes por bestas?

¿Coidas que somos badocos?

4Ti estrágaste na túa xenreira,

¿e pola túa causa haberá que deixar deserta a terra

ou remover as rochas?

5Tamén se extingue a luz dos impíos

e non brillan faíscas no seu lume;

6escurécese a luz da súa tenda

e sobre el apágase a candea.

7Fanse máis breves os seus pasos firmes

e derrúbao a súa propia matinación;

8vai dar na rede polos seus pés,

reméxese entre as mallas;

9atrapállao o lazo polos nocellos

e aferra nel o cepo.

10Para el está escondida a corda no chan

e o cepo de caza na súa corredoira

11O seu arredor espántano os terrores,

escorréntano a cada paso.

12Está famenta del a desgraza

e a calamidade prepáralle a caída.

13A doenza róelle na pel,

morde nos seus membros o vinculeiro da morte.

14Arríncano da súa cómoda tenda,

lévano diante do rei dos terrores;

15mora na súa tenda a pantasma;

espallan xofre polos seus eidos.

16Sécanlle por debaixo as raíces,

múrchanlle por riba as pólas.

17Desaparece a súa fama do país,

non ten sona na rexión.

18Empúxano da luz para a escuridade,

refúgano do mundo.

19Sen prole nin descendencia no seu pobo,

sen quen lle sobreviva nos seus eidos.

20Tremerán co seu fado os occidentais,

encheranse de arrepío os orientais:

21Velaquí as moradas do inicuo;

este é o posto de quen rexeita a Deus".

 

Xob

 

Capítulo 19

 

1Respondeu Xob:

2‑"¿Ata cando me estaredes a atormentar,

a me esmagar con discursos?

3Xa van dez veces que me asoballades,

e ¿non vos dá vergonza aldraxarme?

4¡Aínda que de verdade ande errado,

o erro vai comigo!

5¿Non será que queredes avantaxarvos á miña conta

acusándome por mor da miña desfeita?

6Sabede que é Deus quen me fai dano,

cinguíndome coa súa rede.

7Berro ¡inxustiza!, pero ninguén responde;

pido axuda, pero non me fan xustiza.

8Choeu o meu carreiro e non podo pasar,

encheu de tebras o meu vieiro.

9Espiume da gloria,

arrincoume da cabeza a coroa.

10Destruíu todo ó meu arredor, e teño que irme;

fendeu coma unha árbore a miña esperanza.

11Acendeu a súa ira contra min

e tenme por seu inimigo.

12Xúntanse as súas bandas para atacar:

contra min enlousan a calzada,

poñen o campo arredor da miña tenda.

13Foxen de min os meus irmáns,

os meus parentes trátanme coma alleo;

14boto en falta veciños e coñecidos,

esquézome dos que estaban ó meu cargo;

15trátanme de forasteiro as miñas servas:

óllanme cal se fose un estranxeiro.

16Chamo ó meu escravo e non responde

teño que lle rogar eu mesmo;

17dálle noxo o meu alento á miña muller,

fédolles ós meus irmáns;

18mesmo os picariños me refugan

e dan volta cando intento erguerme.

19¡Os da serán abóuxanme,

os benqueridos rexéitanme!

20Apégaseme a pel do corpo ós ósos,

caen os meus dentes das enxivas.

21¡Piedade, piedade, meus amigos,

que a man de Deus me feriu!

22¿Por que me perseguides coma Deus

e non vos dades fartos na miña carne?

23¡Se algún día se escribisen as miñas palabras!

¡Oxalá fixesen delas unha inscrición!

24¡Que con cicel e chumbo

se labrasen para sempre nun penedo!

25Con todo, eu sei: o meu Liberador está vivo

e ó remate hase erguer sobre a terra;

26despois de ter esgazada a miña pel,

aínda sen carnes hei ver a Deus.

27Eu mesmo o hei ver;

hano ver os meus ollos, non os doutro.

¡Esmoréceme o corazón nas entrañas!

28E se teimades: ¿Como o perseguiremos

ou como poderiamos collerlle as voltas?

29¡Tende medo da espada!

Pois estes son delitos dignos dela;

e para que o saibades: ¡hai un xuíz!"

 

Sofar

 

Capítulo 20

 

1Sofar o namateo respondeulle:

2‑"A este propósito rebole en min un matinar,

por isto desacóugase a miña mente.

3Tiven que oír a burla do teu aviso

e, con todo, responde en min un espírito asisado:

4¿Non sabes ti de sempre,

desde que foi posto o home sobre a terra,

5que o reloucar dos malvados é para pouco

e que a ledicia dos impíos dura un intre?

6Aínda que chegue ata o ceo a súa soberbia,

e aínda que toque ata as nubes coa cabeza,

7coma o esterco perderase para sempre

e han preguntar os que o ollaron: ¿Ulo?

8Voará coma un soño sen que o atopen

e pasará coma visión noitébrega.

9Xa non o albiscarán os que o miraron,

non o verá máis o lugar onde moraba.

10Os seus fillos indemnizarán ós pobres,

pois coas mans terán que repoñer a súa fortuna.

11A súa osamenta chea de xuventude

con el ten que se deitar no po.

12Se era tan doce para a súa boca o mal

que o deixaba esluír baixo a lingua,

13que o mantiña sen o deixar pasar,

reténdoo no  padal,

14podrece agora o seu xantar no ventre

e fáiselle alí dentro fel de cóbregas.

15Riquezas que enguliu, tenas que vomitar;

é Deus mesmo quen llas saca do ventre.

16Zugará a pezoña das cóbregas;

hao rematar a lingua das serpes.

17Non correrán para el fontes de aceite,

nin ríos de mel e manteiga.

18Terá que devolver os produtos sen os consumir,

e non se gozará do que gañou mercando,

19pois oprimiu deixando espidos ós pobres

e acaparou as casas que el non construíra.

20Pois no seu corazón non coñeceu descanso

e a súa cobiza non deixou fuxir ren;

21nada ficaba salvo do seu trabar,

por iso non vai perdurar o seu deleite.

22Da enchente vai pasar á angustia,

botaráselle enriba a forza da desgraza.

23Para que encha o seu ventre

halle enviar Deus a súa ardente carraxe,

fará chover por riba o lume do seu noxo.

24Se foxe da arma de ferro

alcánzao o arco de bronce;

25a frecha sáelle polas costas,

a punta da lanza polo fel;

asáltano os terrores.

26Todas as tebras están para el reservadas;

un lume, non atizado por home, consómeo;

¡mal lle vai ir a quen se refuxie na súa tenda!

27O ceo ha pregoar o seu pecado,

e contra el revolverase a terra.

28Un torbón de auga desfaralle a casa,

os torrentes do día da carraxe.

29¡Este é o quiñón que ten Deus para o home impío,

a herdanza divina para o rebelde!"

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com