Capítulos 21-25

Xob

 

Capítulo 21

 

1Entón Xob respondeu:

2‑"Escoitade atentos o meu propósito:

¡Que iso sexa para min o voso consolo!

3Aturádeme un intre mentres falo,

cando remate xa vos mofaredes:

4¿Presento eu o meu agravio contra un home?

¿Non teño razón para me impacientar?

5Ollade para min e estarrecede,

e ponde a man na boca.

6Cando o penso, alporízome

e apértanseme as carnes co medo:

7¿Como é que aínda viven os malvados

e de vellos se cadra son máis ricos?

8A súa caste medra a carón deles;

a súa prole, diante dos seus ollos.

9Nas súas casas hai paz, non hai temores,

non bate nelas o fungueiro de Deus.

10O seu touro cobre a vaca sen fallar,

a súa vaca pare sen abortar.

11Deixan os seus nenos choutando coma años,

bailan os seus pequenos;

12entoan ó ritmo do pandeiro e da cítola,

fólganse ó son da frauta,

13transcorren os seus días na ledicia

e baixan tranquilos ó Xeol,

14por máis que lle teñan dito a Deus: ¡Arreda de nós,

non queremos saber dos teus camiños!

15¿Quen é o Omnipotente para que o sirvamos?

¿Que proveito tiramos de rogarlle?

16(Non teñen no seu control a súa prosperidade,

non estou eu de acordo co matinar dos malvados).

17¿Cantas veces se lle apaga a candea ó impío?

¿Cantas veces dá neles o malvado

ou lles reparte Deus dores na súa ira

18ou se converten en palla diante do vento

ou coma lixos que a treboada esparexe?

19¿Garda Deus a miseria para os seus fillos?

¡Que lla faga pagar a el para que o sinta!

20¡Que vexan os seus ollos a desfeita!

¡Que beba a carraxe do Omnipotente!

21Pois ¿que vai ser da súa casa despois del

cando remate a conta dos meses?

22¿Vai un darlle leccións a Deus

que xulga ós máis egrexios?

23Uns morren na plenitude das súas forzas,

zumegando paz, e sen cavilacións,

24cos lombos cheos de graxa

e aínda mol a cana dos seus ósos;

25morren outros fartos de amargor,

sen gustar o que é bo,

26e xuntos déitanos na mesma cinsa,

cóbrenos ós dous os vermes.

27Ben sei eu os vosos pensamentos

e as opinións que contra min tecedes.

28Dicides: ¿Onde está o pazo do poderoso

e onde a morada dos malvados?

29¿Seica non o dades inquirido dos viandantes?

¿Non o dades pescudado nas súas historias?:

30Que nos días malditos se salva só o impío

e se ceiba no día do furor.

31¿Quen lle bota en cara a súa conduta

e o forza a pagar polo que fixo?

32En troques, lévano solemnemente ó nicho,

pónselle garda de honor no mausoleo;

33sábenlle ben mesmo os terróns da cova,

arrastra tras de si un xentío,

e diante del desfilan a milleiros.

34¿Como teimades entón consolarme tan  en van?

¡Das vosas respostas o que queda é fraude!"

 

 

CICLO TERCEIRO DA DISPUTA (22-27)

 

Elifaz

 

Capítulo 22

 

1Elifaz de Temán empezou a resposta:

2‑"¿Vai poder un home beneficiar a Deus?

¡Non! Só de si mesmo tira proveito o sabio.

3¿Que vantaxe tira Deus de que ti sexas xusto?

¿Que gaña con que ti te portes ben?

4¿Iate el probar pola túa piedade,

levarte a preito por iso?

5¿Non é máis ben enorme a túa maldade

e incontables as túas culpas?

6Pois sen razón demandábaslles peñores ós teus irmáns

e mesmo ós farrapentos lles arrincabas os vestidos.

7Non dabas a beber auga ó sedento,

e ó famento negábaslle o pan:

8¡A terra é para os forzudos,

quen recada honor, que viva nela!

9As viúvas botáchelas fóra baleiras,

e arruinaches os brazos dos orfos.

10Por iso rodéanche as trampas,

e o medo súbito asáltate,

11ou escurece e xa non podes ver

e alágate o pulo da enxurrada.

12¿Non se alza Deus tanto coma o ceo?

e ¡olla para estrela do cénit, que é tan alta!

13E, con todo, ti pensas: ¿Que sabe Deus?

¿Vai gobernar El por entre o nubeiro?

14As nubes son o seu veo, por iso non ve;

El fai a rolda pola órbita do ceo.

15¿Queres seguir o vieiro antigo

por onde calcaron os inicuos

16que foron arrincados antes de tempo,

cando a riada lles afundiu os alicerces?

17Dicíanlle eles a Deus: ¡Arreda de nós!

¡Que nos pode valer o Omnipotente!

18E fora El quen lles enchera ben de todo as casas,

pero eles apartábano dos seus plans inicuos.

19Ven isto os xustos e alégranse,

fai burla deles o inocente:

20Abofé que esgotaron os seus haberes

e o que quedaba devoróullelo o lume.

21Ti axusta as contas e ten paz con El

e dese xeito acadarás un bo pasar.

22¡Ten por bo o ensino dos seus beizos!

¡Toma a peito as súas palabras!

23Se te volves ó Omnipotente hate sandar.

¡Afasta da túa tenda a inxustiza!

24¡Bota o teu ouro polo chan,

o teu ouro de Ofir entre os callaos dos regatos!

25E que sexa o teu ouro o Omnipotente.

El mesmo, as túas moreas de prata.

26Será entón o Omnipotente o teu folgar,

erguerás diante de Deus o teu rostro.

27Cando lle rogues hate escoitar,

e ti cumprirás os teus votos.

28Todo canto decidas hase realizar

e o sol alumará nos teus camiños.

29Pois El rebaixa a arrogancia dos fachendosos

mais axuda ós que humildes baixan os ollos,

30rescata ó home sen chata;

por iso hate librar, se tes limpas as mans".

 

Xob

 

Capítulo 23

 

1Respondeu Xob:

2‑"Tamén hoxe é rebelde a miña queixa

pois a súa man fai pesado o meu xemido.

3¡Oxalá soubese eu como o encontrar!

Habíame achegar ata o seu trono,

4para expor a miña causa diante del

levando a boca chea de argumentos;

5coñecería con que razóns responde,

sabería o que me ten que dicir.

6¿Levaría El adiante o preito pola forza?

¡Non!, que me había de ter en conta.

7Pois daquela sería un home honrado quen contende con El,

gañaría eu de certo a causa para sempre.

8Mais se torno para o leste, non o atopo;

vólvome para o poñente, e non o albisco;

9procúroo no norte, e non o vexo,

vólvome cara ó sur e non o descubro.

10Mais, dado que El coñece o camiño do meu lar,

que me veña probar e hei saír coma o ouro:

11Mantívose o meu pé na súa pegada,

gardei o seu vieiro sen torcerme,

12non me afastei da orde dos seus labios,

no meu seo escondín a súa palabra.

13Pero se El xa decidiu, ¿quen é capaz de o cambiar?

El fai todo canto lle agrada:

14vai levar a cabo o que me decretou;

deste xeito obra sempre.

15Así fico eu diante del, estarrecido,

e cando o penso, cóllolle medo.

16Tal Deus amoléceme o ánimo

túrbame o Omnipotente.

17Pero non hei calar diante da escuridade,

por máis que estea só e que me encubran as tebras.

 

Xob (24, 1-17.25)

 

Capítulo 24

 

1¿Por que non se reserva o Omnipotente os tempos?

¿Por que os que o coñecen non saben dos seus días?

2Os malvados cambian os marcos dos lindeiros,

rouban as greas para os seus pastos;

3levan o asno dos orfos,

collen en prenda o boi da viúva;

4desbotan ós pobres do camiño

e teñen que acocharse os mendigos do país.

5Coma onagros monteses saen a facer a súa tarefa:

a procurar xantar polo deserto,

comida para os seus fillos;

6colleitan pola noite nas agras

ou estragan os viñedos dos ricos;

7déitanse nus, sen vestidos,

sen teren nin unha manta cando vai frío;

8fican enchoupados co orballo das montañas,

e por falta de acougo engrúñanse contra as rochas.

9(Rouban do peito da nai ó orfo,

collen en peñor o neno do mendigo).

10Van espidos, sen roupa,

famentos, carrexan as espigas;

11deitando aceite entre as rodas do muíño

e pisando no lagar, pasan sede;

12saloucan na cidade os moribundos,

berra ¡socorro! o espírito dos feridos;

mais Deus non atende os seus rogos.

13Outros son rebeldes contra a luz,

que non queren saber dos seus camiños,

nin tripan polos seus vieiros.

14De mañanciña érguese o homicida

para matar ó pobre e ó coitado;

axexa o ladrón de noite,

16afura as casas nas tebras.

15O ollo do adúltero esculca no solpor,

dicíndose: Non me ha ollar ninguén,

e vai coa cara tapada.

16b.c Polo día escondéranse,

non queren atoparse coa luz.

17Para todos eles a mañá é noxenta,

móvense ben entre os medos das tebras.

18Escorre lixeiro pola face das augas,

as súas leiras son malditas na bisbarra

e ningún traballador se dirixe ás súas viñas.

19Coma a calor e mais a seca lles rouban a auga ás neves,

así fai o Xeol cos que pecan.

20Esquéceo o ser que o xerou,

ninguén recorda xa o seu nome;

a maldade é tallada coma unha árbore

21(asañouse coa estéril e sen fillos,

non socorreu á viúva).

22Favoreceu co seu haber ós violentos,

rexurdía cando xa non contaba con vivir.

23Déixao medrar seguro

mais cos ollos El fita os seus camiños.

24Alzanse en pouco tempo e despois esmorecen,

logo arríncanos, múrchanse coma os demais,

séganos coma as cristas das espigas.

25Se non é así, que diga alguén que minto,

que demostre que son vas estas palabras!"

 

Bildad

 

Capítulo 25

 

1Díxolle entón Bildad o xuhita:

2‑"O seu dominio é arrepiante,

El é quen mantén a harmonía nas alturas.

3¿Quen contará as súas lexións?

¿Contra quen non pode por a súa emboscada?

4¿Vai un home ter razón ante Deus?

¿Pode ser puro o nacido de muller?

5¡O mesmo luar non lle brilla abondo,

nin son puras ós seus ollos as estrelas!

6¡E canto menos o home, o verme,

o ser humano, esa miñoca!"

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com