Capítulos 11-15

Sofar

 

Capítulo 11

 

1E Sofar o namateo empezou a dicir:

2‑"¿Vai ficar sen resposta tal falabarato?

¿Vai levar a razón o leriante?

3¿Vai silenciar ós demais o teu latricar?

¿Habíaste de mofar sen que ninguén se opoña?

4Ti ben que dixeches: A miña doutrina é limpa,

estou diante de ti coma home puro.

5Mais ¡oxalá Deus falase

e abrise os seus labios contra ti!

6Mostraríache os misterios da Sabedoría,

pois ten moitos aspectos o saber;

decataríaste entón de que xa tolleu parte da túa culpa.

7¿Podes ti, por caso, dexergar o profundo de Deus?

¿Poderaste achegar ata os confíns do Omnipotente?

8É máis alto có ceo: ¿que lle vas facer ti?

Máis fondo có Xeol: ¿que podes ti saber?

9É máis longo cá terra;

é máis ancho có mar.

10Cando El pasa a conta, encadea

e chama a xuízo, ¿quen o disuadirá?

11Coñece ben á xente falsa;

olla a iniquidade sen que ninguén o albisque.

12¡Pero o home tolo recobrará o seu siso

cando o onagro montés naza desbravado!

13Mais se ti entras en razón

e estendes cara a El as túas mans,

14se arredas o mal das túas palmas

e non cobizas na túa tenda a ruindade,

15poderás erguer a fronte sen chata,

afincarte no chan sen ter medo.

16Daquela esquecerías as túas mágoas;

recordaríaste delas coma de auga pasada.

17Coma o mediodía xurdiríache a vida

e mesmo a tebra trocaríase en abrente.

18Poderás entón afiuzar, porque existe esperanza,

ollar ó teu arredor, e adormecer acougado,

19pousarte sen que ninguén te espante;

e haberá moitos que veñan gañar o teu favor.

20Mais os ollos dos impíos devecen:

perdéuselles o refuxio,

quédalles coma esperanza soamente o expirar".

 

Xob (12-14)

 

Capítulo 12

 

1E Xob respondeulle:

2‑"¡Vós si que sodes xente!

¡Convosco vai morrer a Sabedoría!

3Tamén eu teño siso coma vós;

non vos son  menos.

¿Quen non sabe todo isto?

4Mais vin ser a burla do veciño,

eu, un que chamaba a Deus e El me escoitaba,

o xusto e íntegro, son motivo de escarnio.

5Sobre o caído, aldraxes  ‑pensa o que está seguro‑;

dándolles o que lles convén ós de pé vacilante.

6Pero, mentres, as tendas dos ladróns están en paz

e teñen seguridade os que alporizan a Deus,

os que levan o seu Deus na man.

7¡Inquire logo ás bestas, e elas ensinaranche;

e ás aves do ceo, que cho han contar;

8ou ós bechos do chan, e daranche leccións;

hante informar mesmo os peixes do mar!

9¿Quen non sabe destes seres

que foi a man de Deus quen os fixo?

10Pois na súa man está a alma de canto vive

e o espírito do corpo de cadaquén.

11¿Non é o oído o que distingue as palabras?

¿Non é o padal o que saborea a comida?

12¿Non anda entre os vellos o saber

e o entendemento por entre os anciáns?

13¡Pois El ten a Sabedoría e o Poder,

ten o Consello e mais a Intelixencia!

14Se El bota abaixo, non hai quen constrúa;

se pecha, non hai quen abra.

15Se contén as chuvias, sécase todo;

pero déixaas ir, e revolven a agra.

16Ten El a forza e mais o éxito,

son seus o enganado e o que engana.

17El é quen fai tolear ós ministros,

volve parvos ós gobernadores,

18solta as insignias dos reis

e cínguelles os lombos cunha corda;

19fai correr nus ós sacerdotes,

trabuca ós aristócratas,

20deixa sen fala os especialistas,

quítalles o bo senso ós anciáns,

21verte a vergonza sobre os nobres

e afrouxa o cinto dos valentes.

22Descobre cousas máis fondas cás tebras

e fai xurdir a luz da sombra máis escura.

23Fai grandes ós pobos ou estrágaos;

fai que as nacións prosperen ou desaparezan.

24Tíralles a razón ós xefes

e extravíaos por estepas sen vieiros;

25van atoutiñando nas tebras sen luz

a fainos andar ás toas coma bébedos.

 

Capítulo 13

 

1Todo iso xa o viron os meus ollos,

escoitárono os meus oídos, e caín ben na conta.

2O que saibades vós, tamén o sei eu,

que en nada vos son menos.

3Pero ¡quen me dese falarlle ó Omnipotente!

O que eu arelo é discutir con El.

4Vós sodes, abofé, uns cuspe-trolas

falaces menciñeiros todos vós.

5¡Quen me dese que caledes dunha vez:

vindo de vós, sería gran sabedoría!

6¡Oíde, por favor, o meu agravio!

¡Entendede a disputa dos meus labios!

7¿Ides defender a Deus con falsidades,

pronunciándovos no seu favor con engano?

8¿Ides darlle vantaxe

ou tomar partido ó seu favor?

9¿Sentaríavos ben que El vos sondase?

¿Coidades de entrampalo, como se fai cos homes?

10¡Por certo que vos había zorregar,

se o queredes favorecer ás agachadas!

11¿Non vos arrepía a súa maxestade?

¿Non cae o seu medo sobre vós?

12Os vosos ditos son refráns borrallentos,

e as vosas defensas, escudos de arxila.

13¡Estádeme calados! Vou falar eu,

e que sexa o que queira!

14Collerei cos meus dentes a miña carne

e levarei nas mans a miña vida.

15Aínda que me dese a morte, xa tería esperanza

con tal de defender na súa cara o meu obrar.

16Iso xa sería para min unha vitoria,

pois El non deixa ó impío comparecerlle diante.

17¡Escoitádeme atentos esta razón,

que a miña declaración chegue ós vosos oídos!

18Teño ben preparada a miña defensa,

pois estou certo de ser o inocente.

19¿Quen é o que quere preitear comigo?

Pois calar agora sería morrer.

20Soamente non me fagas dúas cousas,

e entón xa non me esconderei de ti.

21¡Aparta de min a túa opresión,

e que tampouco o teu terror non me espante!

22¡Inquíreme despois, e responderei!

E, se non, podo eu expoñer, e ti replicas.

23¿Cantas son as miñas culpas e pecados?

¡Móstrame ti as miñas faltas e os meus erros!

24¿Por que ocultas o rostro

e me tes por inimigo?

25¿Teimas en amedrentar unha folla que foxe?

¿Vaste pór a perseguir unha palla seca?

26Pois anotas na miña conta rebelións,

fasme levar as chatas da miña mocidade,

27átasme os pés no cepo

e estasme a vixiar cada vieiro,

debuxando as marcas dos meus pasos.

28Bótase a perder coma cousa podre,

coma a roupa comesta pola traza.

 

Capítulo 14

 

1O home, nado de muller,

curto de días,

farto de inquedanzas,

2agroma coma a flor e logo murcha,

e foxe coma a sombra sen deterse.

3¿E contra este vixían os teus ollos

e chámalo a preitear contigo?

4¿Quen tirará o puro do impuro? ‑¡Ninguén!

5Se están determinados os seus días,

se depende de ti o número dos seus meses

e lle puxeches un valado que non ha de pasar,

6aparta del a túa vista, para que acougue!

¡Que, igual có xornaleiro, goce da súa xornada!

7Unha árbore ten esperanza:

se a cortan, aínda se renova,

non cesa de botar pólas.

8Se as raíces avellentan na terra,

aínda que morra a cana entre os terróns,

9ó contacto coa auga torna a agromar

e dá ramallos coma unha planta nova.

10Pero o home, en morrendo, fica inerme;

despois de expirar, ¿onde está?

11Retíranse as augas do mar;

consómense e secan os regatos,

12pero o home que se deitou non rexorde;

ata que o ceo desapareza non se ergue,

non ha espertar do seu sono.

 13¡Quen me dera que me acochases no Xeol,

que me escondeses mentres non pase a túa ira

e que me deses prazo para de min te lembrares!

14(Se morre o home, ¿volverá a vivir?).

Eu ben esperaría todos os días do meu traballo

ata que me chegase a vez.

15Chamaríasme entón e eu respondería;

terías saudade da obra das túas mans,

16pois se daquela controlases as miñas pegadas

non habías ter conta dos meus pecados.

17Selarías nun saquiño as miñas culpas,

ou botarías unha man de cal sobre os meus erros.

18Abofé que mesmo os montes caen a tombos,

e as rochas ceden do seu posto;

19desgasta a auga os pelouros

e alaga a riada os terróns da agra.

Así ti perdes a esperanza do home,

20asobállalo e vaise para sempre;

cámbiaslle o rostro e desbótalo.

21Se os fillos gañan sona, el non o sabe;

e se son uns pobriños, el non se decata.

22Soamente o seu corpo se doe del;

por el só fai pranto o seu espírito".

 

 

CICLO SEGUNDO DA DISPUTA (15-21)

 

Elifaz

 

Capítulo 15

 

1Púxose a falar Elifaz o temanita:

2‑"¿Respondería o sabio cun saber que é vento

coma se enchese o ventre co Siroco,

3con razóns sen fundamento,

paroladas sen xeito nin dereito?

4Ti estás a subverter a relixión

e búrlaste do rogarlle a Deus.

5A mala lei inspira a túa boca;

escolliches a lingua dos arteiros.

6Cúlpate a túa boca, que non eu;

testemuñan contra ti os teus labios.

7¿Fuches ti o primeiro home en nacer?

¿Paríronte antes dos outeiros?

8¿Déronche audiencia na asemblea divina?

¿Apañaches alí a Sabedoría?

9¿Que sabes ti, que non saibamos nós?

¿Que albiscas ti, que nós non entendamos?

10Haiche canas de anciáns entre nós,

e máis cheos de días có teu pai.

11¿Non te abrandan os agarimos de Deus

nin a palabra que contigo foi tan lene?

12¿Cara onde te arrastra o sentimento

e detrás de que se che van os ollos?

13Revíraste contra Deus coa túa xenreira

e botas aldraxes por esa boca.

14¿Quen é o home para se ter por puro

e como se declara inocente un fillo de muller?

15Aquel non se fía nin dos anxos;

nin os ceos son puros ós seus ollos.

16¡Canto máis un ser ruín e corrompido,

un mortal que bebe a maldade coma auga!

17Voute ensinar, ti escóitame;

vouche contar o que vin,

18o que os sabios transmitiron

pois non llelo ocultaron os seus mestres;

19‑soamente a eles lles deron o país;

non conviviu con eles o estranxeiro‑:

20Decote o impío anda angustiado,

e son poucos os anos reservados ó tirano;

21leva nos oídos o bruar do medo;

se pensa estar en paz, cáenlle enriba os bandidos;

22non imaxina xa poder volver das tebras,

téñeno reservado para o coitelo.

23Vai errante coma pasto dos voitres;

sabe ben que o seu final é cousa feita.

24Amedóñao xa o día sombrío;

a anguria e a opresión estreméceno,

coma un rei que se prepara ó ataque.

25Pois estendeu a man contra Deus

e desafiou ó Omnipotente:

26correu de cabeza contra El

levando por diante o seu escudo.

27Porque cubriu de gordura a súa cara

e ten ben de lardo os cadrís,

28habitará en cidades arruinadas,

en casas que xa ninguén habita,

dispostas a seren moreas de pedras.

29Non ha enriquecer, nin manter fortuna,

nin baixarán á cova os seus haberes.

30Non fuxirá da sombra,

a labarada secará os seus xermolos,

lévalle o vento os gromos.

31(Que non se apoie no baldeiro que engana

e que paga con vaidade).

32Antes de tempo múrchanselle os gallos;

e non lle florecen as pólas.

33Coma o bacelo perderá os seus acios,

coma da oliveira desprenderase a súa flor.

34Pois é erma a xuntanza dos impíos

e o lume engole as tendas subornadas.

35Concebiu a miseria e pariu a maldade;

está o seu ventre a preparar o engano".

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com