Capítulos 26-30

Xob

 

Capítulo 26

 

1Deu Xob a súa resposta:

2‑"¿Como poderás ti axudar ó feble,

ou salvar os de brazos sen forzas?

3¿Como é que aconsellas ós que non saben

e lles mostras como van ter sorte en todo?

4¿Quen che axudou a compor estas razóns?

¿De quen é a inspiración que sae de ti?

5Mesmo as ánimas tremen diante del

por embaixo das augas e dos seus habitantes;

6fica espido diante del o Xeol,

non hai cuberta para o antro da Perdición.

7El tendeu o Norte sobre o Baldeiro

e pendurou a terra sobre a nada;

8pechou cun atado a auga nas nubes,

e non se racha con elas o nubeiro;

9logo encubriu a face do luar

botándolle por riba unha nube;

10gravou o horizonte sobre as augas

na fronteira entre a luz e as tebras;

11abanean os piares do ceo

espantados diante do seu berro;

12coa súa forza alporizou ó mar,

coa súa habilidade destruíu a Rahab;

13co seu vento varreu o ceo,

coa súa man feriu a serpe fuxidía.

14E isto non é máis cá ladeira do seu poder.

Só é un pequeno murmurio o que del oímos.

¿Quen entenderá o trebón do seu poder?"

 

Capítulo 27

 

1Seguiu Xob declamando o seu poema:

2‑"¡Por Deus, que tolleu o meu dereito,

polo Omnipotente, que me encheu de tristura:

3que mentres teña folgos

e alento de Deus no meu nariz

4non han falar en falso os meus labios

nin saír mentiras da miña lingua!

5¡Lonxe de min o darvos a razón!

¡Deica expirar non cederei na miña integridade!

6¡Hei soster a miña inocencia sen afrouxar!

Nin por un dos meus días me reprende a conciencia.

7¡Que o meu inimigo sexa considerado coma o malvado,

e o meu adversario coma o impío!"

 

Sofar (27, 8-23; 24, 18-24)

 

8‑"Pois ¿que esperanza lle queda ó rebelde cando fina,

cando Deus lle quere arrincar a vida?

9¿Escoitará Deus os seus laios,

cando a angustia se lle bote enriba?

10¿Vaise alegrar no Omnipotente?

¿Chamará a Deus a cada intre?

11Falareivos do poder de Deus,

non vos esconderei o que matina o Omnipotente.

12Vós mesmos o tedes visto,

¿para que estades entón a facer o parvo?

13Esta é a sorte do home impío ante Deus,

a herdanza que recollen do Omnipotente os tiranos:

14Se multiplican os fillos é para a espada,

os seus xermolos non se han ver fartos de pan.

15O resto dos que lles queden, hállelos levar a Morte,

non lles han facer pranto as súas viúvas.

16Se amorea coma terróns a prata,

e dispón de vestidos coma o barro,

17gardounos para que os vista o xusto,

e o inocente repartirase a prata.

18Se edificou a súa casa coma un vixía,

como constrúe o garda unha casopa,

19hase deitar rico por vez derradeira:

cando abra os ollos, xa non atopa ren.

20Asáltano os temores polo día

e pola noite arrebátao o temporal;

21arrómbao o vento do leste

e empúrrao do seu lugar;

22disparará contra el sen piedade

por máis que teime fuxir da súa forza;

23baterá palmas por el e asubiará,

para que desapareza do seu posto".

 

Himno á Sabedoría

 

Capítulo 28

 

1"Ten por certo a prata unha veta

e o ouro ten lugar para ser refinado.

2O ferro tírase da terra,

e da pedra fundida sae o bronce.

3Póñenlle un tope á tebra

e pescúdano todo ata os confíns,

ata as rochas máis mouras e máis sinistras.

4Furan galerías lonxe dos casais,

carreiros esquecidos polo pé;

descenden pendurados, afástanse dos homes.

5A terra da que saen os alimentos

ferve no fondo coma lume;

6eses penedos son as minas dos zafiros,

neles atópanse as carabuñas do ouro.

7O seu vieiro non o coñece o voitre

nin o dexerga o ollo do falcón;

8non o pisaron as máis altivas feras

nin os leóns tripan nel.

9O home bótalle a man ó seixo,

desfai os montes desde as raíces,

10nas rochas fende galerías

co ollo atento para todo o de valía;

11contén os mananciais dos regatos,

tira á luz o escondido.

12Pero a sabedoría ¿onde se atopa?

¿Onde ten o seu posto a intelixencia?

13Non sabe o home da súa morada:

non se atopa na terra dos viventes.

14Di o océano: Non está en min,

e di o mar: Non vai comigo.

15Non se cambia por ouro,

nin por ela se pon prata na pesa;

16non se paga co ouro de Ofir,

co ónice de prezo ou con zafiros.

17Non a igualan nin o ouro nin o vidro,

nin se troca por ánforas douradas;

18non contan para ela corais e cristal da rocha,

e un saquiño de sabedoría vale máis cás perlas;

19non se emparella co crisólito de Etiopía,

nin o ouro máis puro lle ten comparación.

20¿De onde sae entón a sabedoría?

¿Onde ten o seu posto a intelixencia?

21Está encuberta para todo ollo vivo,

acochada mesmo das aves do ceo.

22A Perdición e a Morte afirman:

Cos nosos oídos escoitamos algo da súa sona.

23É Deus quen sabe do seu camiño

e quen coñece o seu posto,

24pois el dexerga ata os confíns do mundo

e olla todo o que existe baixo o ceo.

25Ao pórlle peso ó vento

e ó controlar as augas,

26ó darlle lei á chuvia

e un carreiro ó lóstrego da treboada:

27foi entón cando a viu e a calculou,

estableceuna despois de pescudar nela.

28E díxolle ó home:

Fíxate: o temor do Señor é sabedoría,

e arredarse do mal é intelixencia".

 

 

O RETO DE XOB (29-31)

 

Outrora

 

Capítulo 29

 

1Proseguiu Xob co seu poema, dicindo:

2‑"¡Quen me dera volver ós meses de antano,

a aqueles días en que Deus me gardaba!

3Cando a súa lámpada alumaba a miña cabeza

e a súa luz atravesaba as tebras;

4tal como era nos meus días mozos,

cando Deus viña facer xuntanza á miña tenda.

5Cando aínda estaba comigo o Omnipotente

e me rodeaban os meus fillos máis novos;

6cando bañaba os meus pés no leite,

e a mesma pedra me daba regatos de aceite,

7cando saía para a porta da cidade

e tiña na praza a miña cadeira fixa.

8Ollábanme os máis novos e afastábanse,

erguíanse e tíñanse en pé os vellos;

9os principais abstíñanse de verbas,

levando a man para os beizos;

10pousaban a voz os dirixentes

e apegaban a lingua ó seu padal.

11Oído que me escoitaba, dábame parabéns,

ollo que me miraba, apoiábame;

12pois eu ceibaba ó pobre que pedía axuda

e ó orfo sen defensa.

13Botábame bendicións o agoniado,

exaltábame o corazón da viúva;

14por vestido púñame a xustiza,

o dereito foi o meu manto e turbante.

15Eu fun ollos para o cego

e pés para o coxo.

16Eu era o pai dos pobres,

preparei a defensa dos que nin coñecía;

17rompinlle a queixada ó inicuo

arrincando dos seus dentes a presa.

18Pensaba para min: Coma o Fénix morrerei no meu niño,

coma os del serán numerosos os meus días;

19a miña raíz chegará ás augas,

o orballo pousará nos meus gallos;

20a miña sona renovarase comigo

na miña man tornará o arco a disparar.

21Eles oíanme e agardaban,

calaban esperando a miña opinión;

22nada engadían despois de falar eu:

bebían coma orballo as miñas razóns;

23anceiábanme coma a chuvia temperá,

abrían a boca coma para a chuvia serodia;

24sorría para eles e non daban creto,

non deixaban pasar un xesto meu de aprecio;

25decidía o seu proceder, sentado coma xefe,

púñame coma o Rei entre a súa garda,

ou coma quen consola ós acorados.

 

Agora

 

Capítulo 30

 

1Agora, en troques, fanme burla

rapaces máis novos ca min,

fillos daqueles pais ós que eu considerara

mesmo indignos de os comparar ós cans do meu rabaño,

2fillos dos que nin forzas tiñan para servirme,

pois perderan os folgos para o traballo.

3A causa da carestía e da fame estéril

van rillando raiceiras pola estepa,

pola terra baleira e desolada,

4recollendo xestas e silveiras

e raigañas de uces para se quecer,

5desbotados de onda as xentes dos casais

que berran tras eles coma ós ladróns.

6Habitaban nas paredes dos barrancos,

nas covas da terra e mesmo das penas;

7gritan por entre os matos

facendo as súas xuntanzas nas toxeiras.

8¡Xentalla e fillos de ninguén,

zorregados para fóra do país!

9E agora fixeron de min o retrouso das súas cántigas,

motivo das súas murmuracións,

10quérenme mal e afástanse de min

e non reparan en cuspirme na cara;

11cando afrouxou a corda do meu arco

perderon ante min todo freo.

12A miña dereita ergueuse a canalla, faime esvarar os pés,

enlóusame o carreiro da ruína;

13estragan o meu vieiro, procuran que me perda:

non hai quen os deteña;

14entran por unha fenda moi ampla,

varrendo coma unha treboada.

15Vóltanse contra min os medos,

esvaece coma o vento a miña dignidade

e fuxiu coma nube a miña sorte.

16Agora derrétese o meu ánimo,

acóranme os días da anguria,

17fura a noite nos meus ósos,

non dormen os que me torturan;

18pois El con violencia cólleme da roupa

cíngueme arredor coma o colo da túnica;

19guíndame despois na lama,

xa semello po e mais cinsa.

20Bérroche ¡socorro!, e non me fas caso;

póñome diante de Ti, e nin me consideras.

21Trocácheste no meu verdugo,

con man dura volvícheste o meu inimigo;

22álzasme ó vento e fasme cabalgalo

e déixasme randeado pola galerna.

23Ben sei eu que me estás a levar cara á morte,

adro das xuntanzas de todo canto vive.

24¿Non tende a man o que afoga,

non berra ¡socorro! na súa desesperanza?

25¿Acaso non chorei co coitadiño

ou non tiven piedade co pobre?

26Abofé que, agardando o ben, chegoume o mal

e agardando a luz, apareceume a tebra.

27Reméxenseme as entrañas sen acougo,

viñéronme en contra días de tristura;

28lonxe do sol camiño, facendo o pranto,

érgome na reunión pregando axuda;

29convertinme no irmán dos chacais

e no veciño das avestruces;

30cáeseme a pel denegrida,

férvenme os ósos coa febre;

31tanxe co loito a miña cítola,

e a miña frauta acompaña o pranto.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com