Capítulos 6-10

Capítulo 6

 

1Entón Salomón dixo:

‑"O Señor quere habitar nunha densa nube; 2e eu construínche un palacio, un sitio onde vivas para sempre".

3Logo volveuse para botar a bendición a toda a asemblea de Israel, toda a asemblea de Israel estaba en pé, 4e dixo:

‑"Bendito o Señor, Deus de Israel, que coa súa boca fixo unha promesa a meu pai, David, e coa súa man cumpriuna: 5Desde o día que saquei do país de Exipto ó meu pobo non elixín ningunha cidade das tribos de Israel para facerme un templo onde residise o meu Nome, e non elixín a ninguén para que fose caudillo do meu pobo, Israel, 6senón que elixín a Xerusalén para pór alí o meu nome e elixín a David para que estivese á fronte do meu pobo, Israel. 7Meu pai, David, pensou edificar un templo en honra do Señor, Deus de Israel, 8e o Señor díxolle: Ese proxecto que tes de construír un templo na miña honra, fas ben en telo; 9só que ti non construirás ese templo, senón que un fillo das túas entrañas será quen constrúa ese templo na miña honra. 10O Señor cumpriu a promesa que fixo; eu sucedín no trono de Israel a meu pai David, como prometeu o Señor, e construín este templo na honra do Señor, Deus de Israel. 11E nel coloquei a arca onde se conserva a alianza que Iavé pactou cos fillos de Israel".

12Salomón, de pé diante do altar do Señor, na presenza de toda a asemblea de Israel, estendeu as súas mans. 13Salomón fixera un estrado de bronce de dous metros e medio de longo por dous e medio de ancho e un cincuenta de alto, e colocárao no medio do adro; subiu a el, e axeonllouse perante toda a asemblea de Israel, elevou as mans ó ceo 14e dixo:

‑"Señor, Deus de Israel. Nin no ceo nin na terra hai deus ningún coma ti, fiel á alianza cos teus vasalos, se proceden de todo corazón de acordo contigo; 15a meu pai, David, teu servo, mantivécheslle a palabra da túa boca, prometíchelo e coa túa man cumpríchelo hoxe. 16Agora, pois, Señor, Deus de Israel, mantén en favor do teu servo, meu pai David, a promesa que lle fixeches: Non che faltará na miña presenza un descendente no trono de Israel, a condición de que teus fillos saiban comportarse, camiñando pola miña Lei como camiñaches ti. 17Agora, pois, Señor, Deus de Israel, confirma a promesa que fixeches ó teu servo David. 18Aínda que, ¿é posible que Deus habite cos homes na terra? Se non cabes no ceo nin no máis alto do ceo, ¡canto menos neste templo que che construín!

19Volve o teu rostro á oración e súplica do teu servo, Señor, meu Deus, escoita a oración e o clamor que che dirixe o teu servo. 20Día e noite estean os teus ollos abertos para este templo, sobre o sitio onde quixeches que residise o teu Nome. 21¡Escoita a oración que o teu servo che dirixe neste sitio! Escoita as súplicas do teu servo e do teu pobo Israel, cando recen neste sitio; escoita ti desde a túa morada do ceo, escoita e perdoa.

22Cando un peque contra outro, se se lle esixe xuramento e vén xurar ante o teu altar neste templo, 23escoita ti desde o ceo e fai xustiza ós teus servos, condenando ó culpable, volvéndolle o seu merecido e absolvendo ó inocente, pagándolle segundo a súa inocencia.

24Cando o teu pobo, Israel, sexa derrotado polo inimigo por pecar contra ti, se se converten e confesan o seu pecado, e rezan e suplican ante ti neste templo, 25escoita ti desde o ceo e perdoa o pecado do teu pobo, Israel, e fainos volver á terra que lles deches a eles e a seus pais.

26Cando, por teren pecado contra ti, se peche o ceo e non haxa chuvia, se rezan neste lugar, confesan o seu pecado e se arrepinten cando ti os aflixes, 27escoita ti desde o ceo e perdoa o pecado do teu servo, do teu pobo Israel, mostrándolle o bo camiño que deben seguir e manda a chuvia á terra que deches en herdanza ó teu pobo.

28Cando no país haxa fame, peste, seca e alforra, lagostas e pulgóns; cando o inimigo peche o cerco nalgunha das súas cidades; en calquera calamidade ou enfermidade; 29se un calquera, ou todo o teu pobo Israel, ante os remorsos e a dor, estende as mans cara a este templo e che dirixe oracións e súplicas, 30escoita ti desde o ceo onde moras, perdoa e paga a cada un segundo a súa conduta, ti que coñeces o corazón humano; 31así respectarante e marcharán polas túas vereas mentres vivan na terra que lles deches a nosos pais.

32Pero tamén ó estranxeiro que non pertence ó teu pobo Israel: cando veña dun país apartado, atraído pola túa grande fama, a túa man forte e o teu brazo estendido, cando veña rezar neste templo, 33escóitao ti desde o ceo, onde moras, fai o que che pida, para que todas as nacións do mundo coñezan a túa fama e te respecten coma o teu pobo Israel e saiban que o teu Nome foi invocado neste templo que construín.

34Cando o teu pobo saia á campaña contra os seus inimigos polo camiño que lle sinales, se che rezan, voltos cara a esta cidade que elixiches e ó templo que construín na túa honra, 35escoita ti desde o ceo a súa oración e súplica e failles xustiza.

36Cando pequen contra ti ‑porque ninguén está libre de pecado‑ e ti, irritado con eles, os entregues ó inimigo, e os vencedores os desterren a un país remoto ou próximo; 37se no país onde viven deportados reflexionan e se converten, e no país do seu desterro che suplican dicindo: Pecamos, faltamos, somos culpables; se no país do desterro a onde os deportaron 38se converten a ti con todo o corazón e con toda a alma, e rezan voltos á terra que deches a seus pais, cara á cidade que elixiches e ó templo que construín na túa honra, 39desde o ceo onde moras escoita ti a súa oración e súplica, failles xustiza e perdoa ó teu pobo os pecados cometidos contra ti. 40Que os teus ollos, meu Deus , estean abertos e os teus oídos atentos ás súplicas que se fagan neste lugar.

41E agora, levántate, Señor, Deus, ven á túa mansión, ven coa arca do teu poder; que os teus sacerdotes, Señor Deus, se vistan de gala, que os teus fieis reborden de felicidade. 42Señor Deus, non negues audiencia ó teu unxido; recorda a lealdade de David, o teu servo".

 

A gloria do Señor

 

Capítulo 7

 

1Cando Salomón terminou a súa oración, baixou lume do ceo, que devorou o holocausto e os sacrificios. 2A gloria do Señor encheu o templo, e os sacerdotes non podían entrar nel porque a gloria do Señor enchía o templo. 3Os israelitas, ó veren que o lume e a gloria do Señor baixaban ó templo, prostráronse rostro en terra sobre o pavimento e adoraron e deron grazas ó Señor, porque é bo, porque é eterna a súa misericordia.

 

Sacrificios

 

4O rei e todo o pobo ofreceron sacrificios ó Señor; 5o rei Salomón inmolou vinte e dous mil touros e cento vinte mil ovellas. Así dedicaron o templo de Deus o rei e todo o pobo. 6Os sacerdotes oficiaban de pé mentres os levitas cantaban ó Señor cos instrumentos que fixera o rei David para loar e dar grazas ó Señor, porque é eterna a súa misericordia; os sacerdotes achábanse perante eles e todos os israelitas mantíñanse de pé.

7Salomón consagrou o adro interior que hai diante do templo, ofrecendo alí os holocaustos e a graxa dos sacrificios da comuñón, pois no altar de bronce que fixo Salomón non cabían os holocaustos, a ofrenda e a graxa. 8Naquela ocasión Salomón celebrou durante sete días a festa; acudiu todo Israel, un xentío inmenso, desde o paso de Hamat ata o río de Exipto. 9Despois de festexar a dedicación do altar durante sete días, o oitavo celebraron unha asemblea solemne e logo outros sete días de festa. 10O día vinte e tres do mes sétimo Salomón despediu a xente; marcharon ás súas casas  alegres e contentos por todos os beneficios que o Señor fixera a David, a Salomón e ó seu pobo Israel.

 

Oráculo do Señor

 

11Salomón terminou o templo do Señor e o palacio real; todo canto desexara facer para o templo e o palacio saíulle perfectamente. 12Aparecéuselle o Señor de noite e díxolle:

‑"Escoitei a túa oración e elixo este lugar como templo para os sacrificios. 13Cando eu peche o ceo e non haxa chuvia, cando ordene á lagosta que devore a terra, cando mande a peste contra o meu pobo, 14se o meu pobo, que leva o meu Nome, se humilla, ora, me busca e abandona a súa mala conduta, eu escoitareino desde o ceo, perdoarei os seus pecados e sandarei a súa terra. 15Manterei os ollos abertos e os oídos atentos ás súplicas que se fagan neste lugar. 16Escollo e consagro este templo para que estea nel o meu Nome eternamente. O meu corazón e os meus ollos estarán sempre nel. 17E en canto a ti, se procedes de acordo comigo coma teu pai David, facendo exactamente o que eu che mando e cumprindo os meus mandatos e decretos, 18conservarei o teu trono real como pactei con teu pai, David: Non che faltará un descendente que goberne a Israel. 19Pero se apostatades e descoidades os mandatos e preceptos que vos dei e ides dar culto a outros deuses e os adorades, 20arrincareivos da terra que vos dei, rexeitarei o templo que consagrei ó meu Nome e convertereino no refrán e na burla de todas as nacións. 21E todos os que pasen onda este templo que foi tan magnífico asombraranse, comentando: ¿Por que tratou o Señor de tal maneira a este país e a este pobo? 22E diranlles: Porque abandonaron ó Señor, o Deus de seus pais, que os sacara de Exipto, e seguiron a outros deuses, adoráronos e déronlles culto; por iso botoulles encima esta catástrofe".

 

Noticias sobre Salomón

 

Capítulo 8

 

1Salomón construíu o templo do Señor e o palacio durante vinte anos. 2Fortificou as cidades que lle dera Hiram e instalou nelas ós israelitas. 3Logo Salomón dirixiuse contra Hamat de Sobah e apoderouse dela. 4Fortificou Tamor, no deserto, e todas as cidades de avituallamento que construíra en Hamat. 5Converteu Bethorón de Arriba e Bethorón de Abaixo en prazas fortes, con murallas, portas e ferrollos. 6O mesmo fixo con Balat, cos centros de avituallamento que tiña Salomón, as cidades con cuarteis de carros e cabalería, e canto quixo construír en Xerusalén, no Líbano e en todas as terras do seu imperio.

7Salomón fixo unha leva de traballadores non israelitas entre os descendentes que quedaban aínda dos hititas, amorreos, perizitas, hivitas e iebuseos, 8pobos que os israelitas non exterminaran. 9Os israelitas non lles impuxo traballos forzados, senón que o servían coma soldados, funcionarios, xefes e oficiais de carros e cabalería. 10Os xefes e capataces que mandaban nos obreiros eran douscentos cincuenta.

11A filla do faraón trasladouna da Cidade de David ó palacio que construíra, porque pensaba: ‑"O palacio de David, rei de Israel, quedou consagrado pola presenza da arca do Señor; a miña muller non pode vivir nel".

12Salomón ofrecía holocaustos ó Señor sobre o altar de Iavé, que construíra diante do adro. 13Observaba o rito cotián dos holocaustos e as prescricións de Moisés referentes ós sábados, principios de mes e ás tres solemnidades anuais: a festa dos Azimos, a das Semanas e a das Tendas. 14Seguindo as prescricións do seu pai David, asignou ás clases sacerdotais os seus servizos; ós levitas, as súas funcións de cantar e oficiar na presenza dos sacerdotes, segundo o rito de cada día; e ós porteiros encargounos por grupos de cada unha das portas. Así o dispuxera David, o home de Deus. 15Non se desviaron do que o rei lles mandara ós sacerdotes e ós levitas en cousa ningunha, nin sequera no referente ós almacéns. 16Así levou a cabo toda a obra desde o día en que puxo os cimentos do templo do Señor ata a súa terminación.

17Salomón dirixiuse entón a Esion-Guéber e Elat, na costa de Edom. Por medio dos seus ministros, 18Hiram envioulle unha flota e mariñeiros expertos. Foron a Ofir cos escravos de Salomón e trouxeron de alí ó rei Salomón uns dezaseis mil quilos de ouro.

 

Visita da raíña de Sabá

 

Capítulo 9

 

1A raíña de Sabá oíu a fama de Salomón e foi desafialo con enigmas. Chegou a Xerusalén cunha grande caravana de camelos cargados de perfumes e ouro en grande cantidade e pedras preciosas. Entrou no palacio de Salomón e propúxolle todo o que pensaba. 2Salomón resolveu todas as súas consultas; non houbo unha cuestión tan escura que Salomón non lla puidese resolver.

3Cando a raíña de Sabá viu a sabedoría de Salomón, a casa que construíra, 4os manxares da súa mesa, toda a corte sentada á mesa, os camareiros cos seus uniformes, servindo, os copeiros cos seus uniformes, os holocaustos que ofrecía no templo do Señor, quedou abraiada 5e dixo ó rei:

‑"É verdade o que me contaron no meu país de ti e da túa sabedoría. 6Eu non quería crelo, pero agora que vin e o vexo cos meus propios ollos, resulta que non me dixeran nin a metade. En abundancia de sabedoría superas todo o que eu oíra. 7Feliz a túa xente, felices os cortesáns que están sempre na túa presenza aprendendo da túa sabedoría. 8¡Bendito sexa o Señor, teu Deus, que, polo amor con que quere conservar para sempre a Israel, te elixiu para te colocar no trono coma rei deles pola graza do Señor, teu Deus, para que gobernes con xustiza!".

9A raíña regalou ó rei catro mil quilos de ouro, gran cantidade de perfumes e pedras preciosas; nunca houbo perfumes coma os que a raíña de Sabá regalou ó rei Salomón.

10Os vasalos de Hiram e os de Salomón, que transportaban o ouro de Ofir, trouxeron tamén madeira de sándalo e pedras preciosas. 11Coa madeira de sándalo o rei fixo tarimas para o templo do Señor e o palacio real, e cítaras e arpas para os cantores. Nunca se vira madeira semellante na terra de Xudá.

12Pola súa parte, o rei Salomón regalou á raíña de Sabá todo o que a ela se lle antollou, superando o que ela mesma levara ó rei. Despois ela e o seu séquito emprenderon a viaxe de volta ó seu país.

 

Riqueza, sabedoría e comercio exterior

 

13O ouro que recibía Salomón ó ano eran vinte e tres mil trescentos quilos, 14sen contar o proveniente de impostos ós comerciantes e ó tránsito de mercancías; e todos os reis de Arabia e os gobernadores do país levaban ouro e prata a Salomón.

15O rei Salomón fixo douscentos escudos de ouro batido, gastando seis quilos e medio en cada un, 16e trescentas adargas de ouro batido, gastando medio quilo de ouro en cada unha; púxoas no salón chamado Bosque do Líbano. 17Fixo un gran trono de marfil, recuberto de ouro puro; 18tiña seis gradas, un año de ouro no respaldo, brazos a ambos lados do asento, 19e doce leóns de pé a ambos lados das gradas. Nunca se fixera cousa igual en reino ningún.

20Toda a vaixela de Salomón era de ouro e todas as alfaias do salón do Bosque do Líbano eran de ouro puro; nada de prata, que en tempos de Salomón non se lle daba importancia, 21porque o rei tiña unha flota que ía a Tárxix cos servos de Hiram, e cada tres anos volvían as naves de Tárxix, cargadas de ouro, prata, marfil, monos e pavos reais.

22Na riqueza e sabedoría o rei Salomón superou a todos os reis da terra. 23Todos os reis do mundo viñan visitalo, para aprender da sabedoría da que Deus o enchera. 24E cada un traía cadanseu agasallo: vaixelas de prata e ouro, mantos, perfumes e aromas, cabalos e mulos. E así todos os anos.

25Salomón tiña nas súas cortes catro mil cabalos de tiro, carros e doce mil cabalos de montar. Instalounos nas cidades con cuarteis de carros e en Xerusalén, cerca do palacio. 26Tiña poder sobre todos os reis, desde o Éufrates ata a rexión filistea e a fronteira de Exipto. 27Salomón conseguiu que en Xerusalén a prata fose tan corrente coma as pedras, e os cedros, coma os sicómoros de Xefelah. 28Os cabalos de Salomón proviñan de Exipto e doutros países.

29Para máis datos sobre Salomón, da punta ó cabo do seu reinado, véxase a Historia do profeta Natán, a profecía de Ahías de Xiloh e as visións do vidente Idó a propósito de Ieroboam, fillo de Nabat. 30Salomón reinou en Xerusalén sobre todo Israel corenta anos. 31Cando morreu enterrárono na Cidade de David, seu pai. Seu fillo Roboam sucedeuno no trono.

 

O cisma

 

Capítulo 10

 

1Roboam foi a Xequem porque todo Israel acudira alí para proclamalo rei. 2Cando o soubo Ieroboam, fillo de Nabat ‑que estaba en Exipto, a onde fora fuxindo do rei Salomón‑, volveu de Exipto, 3porque o mandaran chamar. Ieroboam e todo Israel falaron a Roboam:

4‑"Teu pai impúxonos un xugo pesado. Alixeira agora a dura servidume á que nos suxeitou teu pai e o xugo pesado que nos botou encima, e servirémoste".

5E díxolles:

‑"Volvede dentro de tres días".

Eles fóronse, 6e o rei Roboam consultou os anciáns que estiveran ó servizo do seu pai, Salomón, mentres vivía:

‑"¿Que me aconsellades que responda a esa xente?"

7Dixéronlle:

‑"Se te portas ben con este pobo, condescendes con eles e lles respondes con boas palabras, serán servos teus de por vida".

8Pero el rexeitou o consello dos anciáns e consultou os mozos que se educaran con el e estaban ó seu servizo. 9Preguntoulles:

‑"Esta xente pídeme que lles alixeire o xugo que lles botou encima meu pai. ¿Que me aconsellades que lles responda?"

10Os mozos que se educaran con el respondéronlle:

‑"Así que esa xente che dixo: Teu pai impúxonos un xugo pesado, alixéiranolo. Pois ti dilles isto: O meu dedo maimiño é máis groso cá cintura do meu pai.

11Se meu pai vos cargou cun xugo pesado, eu aumentareivos a carga: se meu pai vos castigou con azoutes, eu castigareivos coa tralla".

12O terceiro día, data sinalada polo rei, Ieroboam e todo o pobo foron ver a Roboam. 13O rei respondeulles asperamente, rexeitou o consello dos anciáns e 14faloulles seguindo o consello dos mozos:

‑"Se meu pai vos impuxo un xugo pesado,

eu aumentaréivolo;

se meu pai vos castigou con azoutes,

eu fareino coa tralla".

15De maneira que o rei non fixo caso ó pobo, porque era unha ocasión buscada polo Señor para que se cumprise a palabra do Señor que Ahías, o de Xiloh, comunicou a Ieroboam, fillo de Nabat.

16Vendo os israelitas que o rei non lles facía caso, respondéronlle:

‑"¿Que é o que repartimos nós con David?

¡Non fixemos partilla co fillo de Ixaí!

¡As túas tendas, Israel!

¡Agora, David, a coidar da túa casa!"

Os de Israel marcharon á casa, 17aínda que os israelitas que vivían nas poboacións de Xudá seguiron sometidos a Roboam. 18O rei Roboam enviou entón a Adoram, encargado das brigadas de traballadores, pero os israelitas emprendérona a pedradas con el ata matalo, mentres o rei montaba á présa na súa carroza para fuxir a Xerusalén.

19Así foi como se independizou Israel da casa de David, ata hoxe.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com