Capítulos 11-15

Capítulo 11

 

1Cando Roboam chegou a Xerusalén, mobilizou cento oitenta mil soldados de Xudá e Benxamín para loitar contra Israel e recuperar o reino. 2Pero o Señor dirixiu a palabra ó profeta Semaías:

3‑"Di a Roboam, fillo de Salomón, rei de Xudá, e a todos os israelitas de Xudá e Benxamín: 4Así di o Señor: non vaiades loitar contra vosos irmáns; que cada un volva á súa casa, porque isto sucedeu por vontade miña".

Obedeceron ás palabras do Señor e desistiron da campaña contra Ieroboam.

 

Roboam de Xudá

 

5Roboam habitou en Xerusalén e construíu fortalezas en Xudá. 6Restaurou Belén, Etam, Tecoa, 7Bet-Sur, Socó, Andulam, 8Gat, Marexarh, Zif, 9Adoraim, Láquix, Axecah. 10Sorah, Aiabón e Hebrón, fortalezas de Xudá e Benxamín, 11equipou as fortalezas, puxo nelas comandantes e forneceunas de almacéns de víveres, aceite e viño. 12Todas as cidades tiñan escudos e lanzas; estaban perfectamente armadas. Reinou en Xudá e Benxamín.

13Os sacerdotes e levitas de todo Israel acudían desde as súas terras para unirse a el; 14os levitas abandonaron os seus eidos e posesións para establecerse en Xudá e Xerusalén, porque Ieroboam e os seus fillos lles prohibiran exercer o sacerdocio do Señor, 15nomeando pola súa conta sacerdotes para as ermidas dos outeiros, para os sátiros e para os beceros que fabricaran. 16Tras eles, israelitas de todas as tribos desexosas de servir o Señor, Deus de Israel, foron a Xerusalén para ofreceren sacrificios ó Señor, Deus de seus pais. 17Consolidaron o reino de Xudá e fixeron forte a Roboam, fillo de Salomón, durante tres anos, tempo no que imitaron a conduta de David e Salomón.

18Roboam casou con Mahlat, filla de Ierimot, fillo de David e de Abigaíl, filla de Eliab, de Ixaí. 19Deulle varios fillos: Ieux, Xemarías e Zaham. 20Despois casou con Macah, filla de Abxalom que lle deu a Abías, Atai, Zizá e Xelomit. 21Roboam quería a Macah máis do que a todas as outras mulleres e concubinas; tivo dezaoito esposas e setenta concubinas e xerou vinte e cinco fillos e setenta fillas.

22A Abías, fillo de Macah, púxoo ó mando de seus irmáns, escolléndoo como sucesor. 23Repartiu prudentemente os seus fillos por todo o territorio de Xudá e Benxamín e por todas as fortalezas, dándolles gran cantidade de víveres e procurándolles moitas mulleres.

 

Capítulo 12

 

1Pero cando Roboam consolidou o seu reino e se fixo forte, el e todo Israel abandonaron a Lei do Señor. 2Por se rebelar contra o Señor, o ano quinto do seu reinado, Xexac rei de Exipto 3atacou Xerusalén con mil douscentos carros, sesenta mil xinetes e unha multitude innumerable de libios, suquitas e cuxitas procedentes de Exipto. 4Conquistaron as fortalezas de Xudá e chegaron ata Xerusalén. 5Entón o profeta Semaías presentouse a Roboam e ás autoridades de Xudá, que se reuniran en Xerusalén por medo a Xexac, e díxolles:

‑"Así di o Señor: vós abandonástesme; pois eu abandónovos agora nas mans de Xexac".

6As autoridades de Israel e o rei confesaron humildemente: ‑"O Señor leva razón".

7Cando o Señor viu que se humillaran, dirixiu a súa palabra a Semaías:

‑"Foron humildes, non os aniquilarei. Salvareinos dentro de pouco e non derramarei a miña cólera sobre Xerusalén por medio de Xexac. 8Pero ficarán sometidos para que aprecien o que vai de servirme a min a servir os reis da terra".

9Xexac, rei de Exipto, atacou Xerusalén e apoderouse dos tesouros do templo e do palacio; levou todo, mesmo os escudos de ouro que fixera Salomón. 10Para substituílos, o rei Roboam, fixo escudos de bronce e encomendóullelos ós xefes da escolta que vixiaban o acceso ó palacio; 11cada vez que o rei ía ó templo, os da escolta collíanos e logo volvían deixalos no corpo de garda. 12Por se humillaren, o Señor apartou a súa cólera del e non o destruíu por completo. Tamén en Xudá houbo certo benestar.

13O rei Roboam reafirmouse en Xerusalén e seguiu reinando. Tiña corenta e un anos cando subiu ó trono e reinou dezasete en Xerusalén, a cidade que o Señor elixira como propiedade persoal entre todas as tribos de Israel. A súa nai chamábase Namah e era amonita. 14Obrou mal porque non se dedicou de corazón a servir o Señor.

15Os feitos de Roboam, dos primeiros ós últimos, áchanse escritos na Historia do profeta Semaías e do vidente Idó. Houbo guerras continuas entre Roboam e Ieroboam. 16Cando morreu, enterrárono na cidade de David. Seu fillo Abías sucedeulle no trono.

 

Abías de Xudá

 

Capítulo 13

 

1Abías subiu ó trono de Xudá o ano dezaoito do reinado de Ieroboam. 2Reinou tres anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Micaías, e era filla de Uriel, o de Guibah. Houbo guerra entre Abías e Ieroboam. 3Abías emprendeu a guerra cun exército de catrocentos mil soldados aguerridos. Ieroboam fíxolle fronte con oitocentos mil soldados aguerridos. 4Abías situouse no cume do monte Semaraim, na serra de Efraím, e berrou:

‑"Ieroboam, israelitas, escoitádeme: 5¿Acaso non sabedes que o Señor, Deus de Israel, con pacto de sal, concedeulle a David e ós seus descendentes o trono de Israel para sempre? 6A pesar diso, Ieroboam, fillo de Nabat, empregado de Salomón, fillo de David, rebelouse contra o seu señor, 7rodeándose de xente desocupada e sen escrúpulos, que se impuxeron a Roboam, fillo de Salomón, aproveitándose de que non podía dominalos por ser novo e débil de carácter. 8Agora propóndesvos facer fronte ó reino do Señor, administrado polos descendentes de David. Vós sodes moi numerosos, tedes convosco os ídolos que vos fixo Ieroboam, os becerros de ouro; 9expulsastes os aharonitas, sacerdotes do Señor, e os levitas; fixéstesvos sacerdotes, coma os pobos pagáns: a calquera que traia un becerro e sete carneiros ordenádelo sacerdote dos falsos deuses. 10En canto a nós, o Señor é o noso Deus e non o abandonamos; os sacerdotes que serven ó Señor son os aharonitas, e os encargados do culto os levitas; 11ofrecen ó Señor holocaustos matutinos e vespertinos e perfumes recendentes, presentan os pans sobre a mesa pura e acenden todas as tardes o candelabro de ouro e as súas lámpadas, porque nós observamos as prescricións do Señor, o noso Deus, a quen vós abandonastes. 12Sabede que Deus está connosco na vangarda. Os seus sacerdotes darán coas trompetas o toque de guerra contra vós. Israelitas, non loitedes contra o Señor, Deus de vosos pais, porque non poderedes vencer".

13Mentres tanto, Ieroboam dispuxo un destacamento para pillalos de costas. O groso do exército quedou diante dos de Xudá e o destacamento ás súas costas. 14Os xudeus, ó volvérense, observaron que os atacaban por diante e polas costas. Entón clamaron ó Señor, os sacerdotes tocaron as trompetas, 15a tropa lanzou o berro de guerra, e naquel momento Deus derrotou a Ieroboam e ós israelitas ante Abías e Xudá. 16Os israelitas fuxiron ante os xudeus e o Señor entregounos nas súas mans. 17Abías e a súa tropa inflixíronlles unha gran derrota, caendo mortos cincocentos mil soldados de Israel. 18Naquela ocasión os israelitas quedaron humillados, mentres os de Xudá se fixeron fortes por apoiárense no Señor, Deus de seus pais.

19Abías perseguiu a Ieroboam e arrebatoulle algunhas cidades: Betel e o seu distrito, Iexanah e o seu distrito, Efrón e seu distrito. 20Ieroboam non conseguiu recuperarse nos tempos de Abías; o Señor feriuno e morreu. 21Abías, polo contrario, fíxose cada vez máis forte. Tivo catorce mulleres e xerou vinte e dous fillos e dezaseis fillas.

22As restantes fazañas de Abías, a súa conduta e as súas empresas, áchanse escritas no comentario do profeta Idó. 23Cando morreu enterrárono na cidade de David, e sucedeulle no trono o seu fillo Asá. No tempo deste o país gozou de paz durante dez anos.

 

Asá de Xudá

 

Capítulo 14

 

1Asá fixo o que o Señor, o seu Deus, aproba e estima. 2Suprimiu os altares estranxeiros e as ermidas dos outeiros, esnaquizou as estelas e cortou os cipos. 3Animou a Xudá a servir o Señor, Deus de seus pais, e a observar a lei e os preceptos. 4Suprimiu as ermidas dos outeiros e os cipos en todas as cidades de Xudá. O reino gozou de paz na súa época. 5Aproveitando esta paz que lle concedeu o Señor, a calma que reinaba no país e a ausencia de guerras durante aqueles anos, construíu fortalezas en Xudá. 6Para iso propúxolles ós xudeus:

‑"Podemos dispoñer libremente do país porque servimos o Señor, noso Deus, e El concedeunos paz cos veciños. Imos construír estas cidades e rodealas de murallas con torres, portas e ferrollos".

Así o fixeron con pleno éxito.

7Asá dispuxo dun exército de trescentos mil xudeus, armados de escudo e lanza, e vinte e oito mil benxaminitas, armados de adarga e arco. Todos eran bos soldados.

8Zérah de Cux saíu ó seu encontro cun exército dun millón de homes e trescentos carros. Cando chegou a Marexah, 9Asá fíxolle fronte e entaboaron batalla no val de Safatah, onda Marexah.

10Asá invocou ó Señor, seu Deus:

‑"Señor, cando queres axudar non distingues entre poderosos e febles. Axúdanos, Señor, noso Deus, que en Ti nos apoiamos e no teu nome nos diriximos contra esa multitude. Ti es o noso Deus. Non te deixes vencer por un home".

11O Señor derrotou os cuxitas ante Asá e Xudá. Os cuxitas fuxiron; 12pero Asá perseguiunos coa súa tropa a Guerar. O Señor e as súas hostes esnaquizáronnos. Morreron tantos cuxitas, que non se puideron refacer. O botín foi enorme. 13Aproveitando que os poboados da bisbarra de Guerar eran presa dun pánico sagrado, asaltáronos e saqueáronos porque había neles gran botín. 14Mataron tamén a uns pastores e volveron a Xerusalén con gran cantidade de ovellas e camelos.

 

Capítulo 15

 

1O Espírito do Señor veu sobre Azarías, fillo de Oded. 2Saíu ó encontro de Asá e díxolle:

‑"Escoitádeme, Asá, Xudá e Benxamín: se estades co Señor, El estará convosco; se o buscades, deixarase encontrar; pero se o abandonades, abandonaravos. 3Durante moitos anos Israel viviu sen Deus verdadeiro, sen sacerdote que o instruíse, sen lei. 4Pero no perigo volveron ó Señor, Deus de Israel; buscárono e El deixouse encontrar. 5Naqueles tempos ninguén vivía en paz, todos os habitantes do país sufrían grandes turbacións. 6Pobos e cidades destruíanse mutuamente porque o Señor os turbaba con toda clase de perigos. 7Pero vós cobrade ánimo, non desfalezades, que as vosas obras terán a súa recompensa".

8Cando Asá escoitou esta profecía de Azarías, fillo de Oded, animouse a suprimir os ídolos de todo o territorio de Xudá e Benxamín, e das cidades que conquistara na serra de Efraím, e reparou o altar do Señor que se achaba diante do adro. 9Logo reuniu ós xudeus, ós benxaminitas e ós de Efraím, Menaxés e Simeón, que residían entre eles porque moitos israelitas se pasaran ó seu bando ó veren que o Señor, seu Deus, estaba con el. 10Reuníronse en Xerusalén en maio do ano quince do reinado de Asá. 11Sacrificaron ó Señor setecentos touros e sete mil ovellas do botín que trouxeran, 12e fixeron un pacto, comprometéndose a servir o Señor, Deus de seus pais, con todo o corazón e con toda a alma, 13e a condenar a morte a todo o que non o gardase, grande ou pequeno, home ou muller. 14Así o xuraron ó Señor a grandes voces, entre clamores e ó son de trompetas e cornos. 15Todo Xudá festexou o xuramento e fixérono de corazón, buscando o Señor con sincera vontade; El deixouse encontrar por eles e concedeulles paz cos seus veciños.

16O rei Asá quitoulle o título da raíña nai a súa nai, Macah, porque fixera unha imaxe de Axtarté. Esnaquizou a imaxe, reduciuna a po e queimouna no torrente Cedrón. 17Non desapareceron de Israel as ermidas dos outeiros, pero o corazón de Asá pertenceu integramente ó Señor durante toda a súa vida. 18Levóu ó templo as ofrendas de seu pai e as súas propias: prata, ouro e utensilios.

19Nos trinta e cinco primeiros anos do seu reinado, non houbo guerras.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com