Capítulos 26-30

Azarías (Ozías) de Xudá

 

Capítulo 26

 

1Entón Xudá en pleno tomou a Ozías, de dezaseis anos, e nomeárono rei, sucesor de seu pai Amasías. 2Despois que morreu o rei, reconstruíu Elat, devolvéndoa a Xudá. 3Ozías tiña dezaseis anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén cincuenta e dous anos. Súa nai chamábase Iecolías, natural de Xerusalén. 4Fixo o que o Señor aproba, igual ca seu pai Amasías. 5Serviu ó Señor mentres viviu Zacarías, que o educara no temor de Deus; mentres serviu ó Señor, Deus fíxoo triunfar.

6Saíu a loitar contra os filisteos, derrubou as murallas de Gat e Iábneh e Axdod, e construíu cidades en Axdod e no territorio filisteo. 7Deus axudouno na guerra contra os filisteos, contra os árabes que habitaban en Gur-Baal e contra os meunitas. 8Os amonitas pagaron tributo a Ozías, e chegou a ser tan poderoso que a súa fama se estendeu ata a fronteira de Exipto.

9En Xerusalén Ozías construíu e fortificou torres na Porta do Ángulo, na Porta do Val e na Esquina. 10Tamén levantou torres no deserto e cavou moitos pozos para o abundante gando, que posuía na chaira e na meseta; tamén tiña labradores e viñateiros nos montes e nas veigas, porque a Ozías gustáballe o campo.

11Dispuxo dun exército en pé de guerra agrupado en escuadrón segundo o censo efectuado polo secretario Ieiel e o comisario Maseías por orde de Ananías, funcionario real. 12O número das cabezas de familia ó mando de soldados era dous mil seiscentos. 13Tiñan ás súas ordes un exército de trescentos sete mil cincocentos guerreiros valentes, que loitaban contra os inimigos do rei. 14Ozías equipou a toda a tropa con adargas, lanzas, helmos, coirazas, arcos e tirapedras. 15Fixo uns artefactos, inventados por un enxeñeiro, que lanzaban frechas e pedrolos; colocounos nas torres e nos ángulos de Xerusalén. Coa axuda prodixiosa de Deus, fíxose forte e a súa fama chegou ata moi lonxe. 16Pero ó facerse poderoso, a soberbia arrastrouno á perdición. Rebelouse contra o Señor, seu Deus, entrando no templo para queimar incenso no altar dos perfumes. 17O sacerdote Azarías e oitenta valentes sacerdotes foron tras el, 18plantáronse ante o rei Ozías e dixéronlle:

‑"Ozías, a ti non che corresponde queimar incenso ó Señor. Só poden facelo os sacerdotes aharonitas, consagrados para iso. ¡Sae do santuario, que o teu pecado non te honra perante o Señor".

19Ozías, que tiña o incensario na man, indignouse cos sacerdotes, e no mesmo momento, no templo, diante dos sacerdotes, onda o altar dos perfumes, a lepra brotou na súa fronte. 20Botárono de alí, mentres el mesmo se apresuraba a saír, ferido polo Señor.

21O rei Ozías seguiu leproso ata o día da súa morte. Viviu na leprosería, con prohibición de acudir ó templo. Seu fillo Iotam encargouse da corte e de xulgar a poboación.

22Para máis datos sobre Ozías, desde o principio ata a fin do seu reinado, véxase o libro do profeta Isaías, fillo de Amós. 23Cando morreu enterrárono cos seus antepasados no campo do cemiterio real, considerando que era un leproso. O seu fillo Iotam sucedeulle no trono.

 

Iotam de Xudá

 

Capítulo 27

 

1Cando subiu ó trono, Iotam tiña vinte e cinco anos, e reinou en Xerusalén dezaseis anos. Súa nai chamábase Ieruxah, filla de Sadoc. 2Fixo o que o Señor aproba, igual ca seu pai Ozías. Pero non ía ó templo, e o pobo seguía corrompéndose. 3Construíu a Porta Superior do templo e fixo moitas obras na muralla de Ofel. 4Construíu cidades na serra de Xudá e levantou fortalezas e torres nos matos. 5Loitou contra o rei dos amonitas e venceuno. Os amonitas pagáronlle aquel ano cen pesos de prata, dez mil toneis de trigo e dez mil de cebada; e igual cantidade os dous anos seguintes. 6Iotam fíxose poderoso porque procedeu rectamente ante o Señor, o seu Deus.

7Para máis datos sobre Iotam, as súas guerras e empresas, véxase o libro dos Reis de Israel e Xudá. 8Subiu ó trono á idade de vinte e cinco anos e reinou en Xerusalén dezaseis anos. 9Cando morreu enterrárono na Cidade de David. O seu fillo Ahaz sucedeulle no trono.

 

Ahaz de Xudá

 

Capítulo 28

 

1Cando subiu ó trono Ahaz tiña vinte anos e reinou en Xerusalén dezaseis anos. Non fixo, coma o seu antepasado David, o que o Señor aproba. 2Imitou ó rei de Israel, facendo estatuas ós baales. 3Queimaba incenso no val de Ben-Hinnom e incluso sacrificou a seu fillo na fogueira, segundo costume aborrecible das nacións que o Señor expulsara ante os israelitas. 4Sacrificaba e queimaba incenso nos outeiros, nos outeiros e baixo as árbores frondosas. 5O Señor, seu Deus, entregouno nas mans do rei sirio, que o derrotou, capturou numerosos prisioneiros e levounos a Damasco. Tamén o entregou nas mans do rei de Israel, que lle inflixiu unha gran derrota.

6Pécah, fillo de Romelías, matou nun só día a cento vinte mil xudeus, pois abandonaron o Señor, Deus de seus pais. 7E Zicrí, un soldado de Efraím, matou a Maseías, fillo do rei, a Azricam, mordomo do palacio, e ó primeiro ministro Elcanah. 8Entre mulleres, fillos e fillas, os israelitas colleron a seus irmáns douscentos mil prisioneiros; apoderáronse tamén dun gran botín e levárono a Samaría.

9Había alí un profeta do Señor, chamado Oded. Cando o exército volvía a Samaría, saíu ó seu encontro e díxolles:

‑"O Señor, Deus de vosos pais, indignado con Xudá, púxoo nas vosas mans. Pero a saña con que os matastes clama ó ceo. 10E por riba propóndesvos converter en escravos e escravas os habitantes de Xudá e Xerusalén. ¿Non pecastes xa bastante contra o Señor, voso Deus? 11Facédeme caso e devolvede os vosos irmáns que collestes prisioneiros, porque vos ameaza a ardente cólera do Señor".

12Algúns xefes efraimitas ‑Azarías, fillo de Iohanán, Berequías, fillo de Mexilemot, Ezequías, fillo de Xalum, e Amasá, fillo de Hadlai‑, puxéronse tamén en contra do exército que volvía, 13e dixéronlles:

‑"Non metades aquí eses prisioneiros, porque seriamos reos ante o Señor. Bastante pecamos xa para que vos dediquedes a aumentar as nosas faltas e culpas irritando ó Señor contra Israel".

14Entón os soldados deixaron os prisioneiros e o botín á disposición das autoridades e da comunidade. 15Designaron expresamente a algúns para que se fixesen cargo dos cativos. Os que estaban espidos vestíronos con traxes e sandalias do botín; logo déronlles de comer e beber, unxíronos, montaron en burros ós que non podían camiñar e leváronos a Xericó, a cidade das palmeiras, cos seus irmáns. A continuación volvéronse a Samaría.

16Por entón, o rei Ahaz mandou unha embaixada ó rei de Asiria para pedirlle axuda. 17Os idumeos fixeran unha nova incursión, derrotando a Xudá e collendo prisioneiros. 18Os filisteos saquearon as cidades da Xefelah e do Négueb de Xudá, apoderándose de Bet-Xémex, Aiabón, Guederot, Socó e a súa comarca, Timnah e a súa comarca, Guimzó e a súa comarca, establecéndose nelas. 19O Señor humillaba a Xudá por culpa de Ahaz, que trouxera o desenfreo a Xudá, e mostrábase rebelde ó Señor. 20Pero Teglat Peléser, rei de Asiria, en vez de axudalo, marchou contra el e cercouno. 21E aínda que Ahaz espoliou o templo, o palacio e as casas das autoridades para gañar a vontade do rei, non lle serviu de nada. 22Incluso durante o asedio seguiu rebelándose contra o Señor. 23Ofreceu sacrificios ós deuses de Damasco que o derrotaran, pensando:

‑"Os deuses de Siria si que axudan ós seus reis. Ofrecereilles sacrificios para que me axuden a min". Pero foron a súa ruína e a de Israel.

24Ahaz reuniu os obxectos do templo e fíxoos anacos; pechou as portas do templo, construíu altares en todos os recantos de Xerusalén 25e levantou ermidas en todas as cidades de Xudá para queimar incenso a deuses estraños, irritando ó Señor, Deus de seus pais.

26Para as súas restantes actividades e empresas, do principio á fin do seu reinado, véxase o libro dos Reis de Xudá e Israel. 27Cando Ahaz morreu, non o levaron ó panteón real de Xudá, senón que o enterraron na cidade, en Xerusalén. O seu fillo Ezequías sucedeuno no trono.

 

Ezequías de Xudá

 

Capítulo 29

 

1Cando Ezequías subiu ó trono tiña vinte e cinco anos e reinou en Xerusalén vinte e nove anos. Súa nai chamábase Abía, filla de Zacarías. 2Fixo o que o Señor aproba, igual có seu antepasado David.

3O ano primeiro do seu reinado, o mes de marzo, abriu e restaurou as portas do templo. 4Fixo vir os sacerdotes e levitas, reuniunos na Praza de Oriente 5e díxolles:

‑"Escoitádeme, levitas: purificádevos e purificade o templo do Señor, Deus de vosos pais. Sacade do santuario a impureza, 6porque nosos pais pecaron, fixeron o que reproba o Señor noso Deus, abandonárono e despreocupáronse por completo da morada do Señor. 7Por se fose pouco, pecharon as portas da nave, apagaron as lámpadas e deixaron de queimar incenso e de ofrecer holocaustos no santuario do Deus de Israel. 8Entón o Señor indignouse con Xudá e Xerusalén, e fíxoos obxecto de estupor, de espanto e de burla, como puidestes ver cos vosos propios ollos. 9Nosos pais morreron a espada e nosos fillos, fillas e mulleres marcharon ó desterro por este motivo. 10Agora teño o propósito de selar unha alianza co Señor, Deus de Israel, para que cese na súa ira contra nós. 11Por tanto, meus fillos, non sexades neglixentes, que o Señor vos elixiu para estardes na súa presenza, servilo, ser os seus ministros e queimar incenso".

12Entón os levitas: Máhat, fillo de Amasai, e Ioel, fillo de Azarías, descendentes de Quehat, Quix fillo de Abdí, e Azarías fillo de Iehalelel, descendentes de Merarí; Ioah, fillo de Zimah, e Edén fillo de Ioah, descendentes de Guerxom; 13Ximrí e Ieiel, descendentes de Elisafán; Zacarías e Matanías, descendentes de Asaf; 14Iehiel e Ximí, descendentes de Hemán; Semaías e Uziel, descendentes de Iedutún, 15reuniron a seus irmáns, purificáronse e foron purificar o templo, como dispuxera o rei por orde do Señor. 16Os sacerdotes penetraron no interior do templo para purificalo; sacaron para o adro todas as cousas impuras que encontraron no templo, e os levitas colléronas e chimpáronas fóra, ó torrente Cedrón. 17A tarefa de purificación comezou o día un do mes primeiro; o oito chegaron á nave do templo, e durante outros oito días purificaron o templo, acabando o dezaseis do mesmo mes. 18Presentáronse logo ó rei Ezequías e dixéronlle:

‑"Xa purificamos todo o templo: o altar dos holocaustos, con todos os seus utensilios e a mesa dos pans presentados, con todos os seus utensilios.

19Tamén reparamos e purificamos todos os obxectos que o rei Ahaz profanou coa súa rebeldía durante o seu reinado. Deixámolos diante do altar do Señor".

20Moi de mañá, o rei Ezequías reuniu as autoridades da cidade e subiu ó templo. 21Levaron sete touros, sete carneiros, sete años e sete machos cabrúns coma sacrificio expiatorio pola monarquía, polo santuario e por Xudá. Logo ordenou ós sacerdotes aharonitas que os ofrecesen sobre o altar do Señor. 22Sacrificaron os touros, e os sacerdotes recolleron o sangue e derramárono sobre o altar; sacrificaron os años e derramaron o sangue sobre o altar. 23Logo levaron os machos cabrúns da expiación diante do rei e da comunidade para que lles impuxesen as mans. 24Os sacerdotes degoláronos e derramaron o sangue sobre o altar para obter o perdón de todo Israel, xa que o rei ordenara que o holocausto e o sacrificio de expiación fosen por todo Israel. 25O rei instalara os levitas no templo, con pratiños, arpas e cítolas, coma o dispuxera David, Gad o vidente do rei, e o profeta Natán. A orde era de Deus, por medio dos seus profetas. 26Así, pois, achábanse presentes os levitas cos instrumentos de David e os sacerdotes coas trompetas.

27Ezequías deu orde de ofrecer o holocausto, ante o altar, e no mesmo instante en que empezou o holocausto, comezou o canto do Señor e o son das trompetas, acompañados dos instrumentos de David, rei de Israel. 28Ata que acabou o holocausto toda a comunidade permaneceu prostrada, mentres continuaban os cantos e resoaban as trompetas. 29Cando acabou, o rei e o seu séquito prostráronse en adoración. 30Logo Ezequías e as autoridades pediron ós levitas que loasen ó Señor con cancións de David e do vidente Asaf. Fixérono con ton festivo e adoraron ó Señor facendo reverencia. 31Logo Ezequías tomou a palabra e dixo:

‑"Agora quedades consagrados ó Señor. Achegádevos e ofrecede sacrificios de acción de grazas polo templo".

A comunidade ofreceu sacrificios de acción de grazas e as persoas xenerosas holocaustos.

32O número de vítimas que ofreceu a comunidade foi de setenta touros, cen carneiros e douscentos años, todos en holocausto ó Señor. 33As ofrendas sagradas foron seiscentos touros e tres mil ovellas. 34Como os sacerdotes eran poucos e non daban feito para degolar tantas vítimas, axudáronos seus irmáns os levitas, ata que terminaron a tarefa e se purificaron os sacerdotes  (porque os levitas se mostraron máis dispostos a purificarse cós sacerdotes). 35Houbo moitos holocaustos, ademais da graxa dos sacrificios de comuñón e das libacións dos holocaustos. Así restableceuse o culto do templo.

36Ezequías e o pobo alegráronse de que Deus movese ó pobo, porque todo sucedeu nun abrir e pechar os ollos.

 

Capítulo 30

 

1Ezequías mandou mensaxeiros por todo Israel e Xudá, e escribiu cartas a Efraím e Menaxés para que acudisen ó templo de Xerusalén, coa fin de celebrar a Pascua do Señor, Deus de Israel. 2O rei, as autoridades e toda a comunidade de Xerusalén decidiron en consello celebrar a Pascua durante o mes de maio, 3xa que non puideran facelo ó seu debido tempo porque quedaban moitos sacerdotes sen purificarse e o pobo non se reunira aínda en Xerusalén. 4O rei e a toda a comunidade pareceulles acertada a decisión. 5Entón acordaron pregoar por todo Israel, desde Beerxeba ata Dan, que viñesen a Xerusalén celebrar a Pascua do Señor, Deus de Israel, porque moitos non a celebraban como está mandado. 6Os mensaxeiros percorreron todo Israel e Xudá levando as cartas do rei e das autoridades e pregoando por orde do rei:

‑"Israelitas, volvede ó Señor, Deus de Abraham, de Isaac e de Israel, e o Señor volverá a estar con todos os superviventes do poder dos reis asirios. 7Non sexades coma vosos pais e irmáns, que se rebelaron contra o Señor, Deus de seus pais, e este converteunos en obxecto de espanto, coma vós mesmos podedes ver. 8Non sexades testáns coma os vosos pais. Entregádevos ó Señor, acudide ó santuario que foi consagrado para sempre. Servide ó Señor, voso Deus, e El apartará de vós o ardor da súa  cólera. 9Se vos convertedes ó Señor, os que deportaron a vosos irmáns e fillos sentirán compaixón deles e deixaranos volver a este país. Porque o Señor, voso Deus, é clemente e misericordioso, e non vos volverá as costas se volvedes a El".

10Os mensaxeiros percorreron de cidade en cidade a terra de Efraím e Menaxés ata Zebulón, pero ríanse e burlábanse deles. 11Só algúns de Axer, Menaxés e Zebulón se mostraron humildes e acudiron a Xerusalén. 12Os xudeus, por graza de Deus, cumpriron unánimes o que o Señor dispuxera por orde do rei e das autoridades.

13O mes de maio reuniuse en Xerusalén unha gran multitude para celebrar a festa dos Pans Azimos; foi unha asemblea numerosísima. 14Suprimiron todos os altares que había por Xerusalén e eliminaron todas as  aras de incensar, guindándoas ó torrente Cedrón.

15O catorce de maio inmolaron a Pascua. Os sacerdotes levíticos confesaron os seus pecados, purificáronse e levaron holocaustos ó templo. 16Cada un ocupou o posto que lle correspondía segundo a Lei de Moisés, home de Deus; os sacerdotes derramaban o sangue que lles pasaban os levitas. 17Como moitos da comunidade non se purificaran, os levitas encargáronse de inmolar os años  pascuais de todos os que non estaban puros para consagralos ó Señor. 18Gran número de persoas, na súa maioría de Efraím, Menaxés, Isacar e Zebulón, non observaron o prescrito e comeron a Pascua sen se purificaren. Pero Ezequías intercedeu por eles dicindo:

‑"O Señor, que é bo, perdoe a todos os que serven de corazón a Iavé, 19Deus de seus pais, aínda que non teñan a pureza ritual".

20O Señor escoitou a Ezequías e curou ó pobo.

21Os israelitas que se encontraban en Xerusalén celebraron a festa dos Azimos durante sete días con gran xúbilo. Os sacerdotes e levitas loaban ó Señor día tras día con todo entusiasmo.

22Ezequías felicitou ós levitas polas súas boas disposicións co Señor. Pasaron os sete días de festa ofrecendo sacrificios de comuñón e confesando ó Señor, Deus de seus pais. 23Logo a comunidade decidiu prolongar a festa outros sete días. E puideron facelo, con gran xúbilo, 24porque Ezequías, rei de Xudá, proporcionoulles mil touros e sete mil ovellas, e as autoridades, outros mil touros e dez mil ovellas. Ademais purificáronse moitos sacerdotes. 25A alegría reinaba entre a comunidade de Xudá, entre os sacerdotes, os levitas, os que viñeran de Israel, os estranxeiros procedentes de Israel e os residentes en Xudá. 26Unha festa tan magnífica non se acordaba en Xerusalén desde os días de Salomón, fillo de David, rei de Israel.

27Os sacerdotes levíticos levantáronse para bendicir ó pobo. O Señor escoitou a súa voz e a pregaria chegou ata a súa santa morada dos ceos.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com