Capítulos 16-20

Capítulo 16

 

1Pero o ano trinta e seis do reinado de Asá, Baxá de Israel fixo unha campaña contra Xudá e fortificou Ramah para cortar as comunicacións a Asá de Xudá. 2Este sacou entón prata e ouro dos tesouros do templo e do palacio e enviounos a Ben Hadad, rei de Siria, que residía en Damasco, con esta mensaxe: 3‑"Fagamos un tratado de paz, como o fixeron teu pai e o meu. Aquí che mando prata e ouro; anda, rompe a túa alianza con Baxá de Israel, para que se retire do meu territorio". 4Ben Hadad fixo caso a Asá e mandou os seus xenerais contra as cidades de Israel, devastando Iión, Dan, Abel-Maim e todos os depósitos das cidades de Naftalí. 5En canto o soubo, Baxá, deixou de fortificar Ramah e fixo parar as obras. 6O rei Asá mobilizou daquela a todo Xudá; desmontaron as pedras e madeiros con que Baxá fortificaba Ramah e aproveitáronos para fortificar Gueba e Mispah.

7Naquela ocasión o vidente Hananí presentouse ante Asá, rei de Xudá, e díxolle:

‑"Por te apoiares no rei de Siria en vez de apoiarte no Señor, teu Deus, escapóuseche das mans o exército do rei de Siria. 8Tamén os cuxitas e libios constituían un gran exército con innumerables carros e cabalos; pero entón apoiácheste no Señor, teu Deus, e El púxoos nas túas mans. 9Porque o Señor repasa a terra enteira cos seus ollos para fortalecer ós que lle son leais de corazón. Fixeches unha loucura e de agora en adiante vivirás en guerra".

10Asá indignouse co vidente, e irritado con el polas súas palabras, meteuno no cárcere. Por entón asañouse tamén con outras persoas do pobo.

11Para os feitos de Asá, dos primeiros ós derradeiros, véxanse os Anais dos Reis de Xudá e Israel.

12O ano trinta e nove do seu reinado enfermou do mal da gota. Aínda que a enfermidade se foi agravando, acudiu só ós médicos, sen acudir ó Señor nin sequera na enfermidade. 13Asá morreu no ano corenta e un do seu reinado, indo reunirse cos seus antepasados. 14Enterrárono na sepultura que se cavara na Cidade de David. Puxérono nun leito cheo dun ungüento confeccionado a base de aromas e perfumes, e acenderon na súa honra unha gran larada.

 

Ioxafat de Xudá

 

Capítulo 17

 

1Sucedeulle no trono seu fillo Ioxafat, que logrou imporse ó reino de Israel. 2Instalou guarnicións en todas as fortalezas de Xudá, e nomeou gobernadores no territorio de Xudá e nas cidades de Efraím, que conquistara seu pai Asá.

3O Señor estivo con Ioxafat porque imitou a antiga conduta de seu pai David e non servía os baales, 4senón o Deus de seu pai, cumprindo os seus preceptos; non imitou a conduta de Israel. 5O Señor consolidou o reino nas súas mans. Todo Xudá lle pagaba tributo, e Ioxafat chegou a ter gran riqueza e prestixio. 6O seu orgullo era camiñar polas sendas do Señor, e volveu suprimir as ermidas dos outeiros e as estelas de Xudá.

7No ano terceiro do seu reinado, mandou algúns xefes ‑Benhail, Abdías, Zacarías, Natanael e Miqueas‑, a instruír ós habitantes das cidades de Xudá, 8e con eles os levitas Semaías, Netanías, Zebadías, Asael, Xemiramot, Ionatán, Adonías, Tobías e os sacerdotes Elixamá e Ioram. 9Percorreron, coma instrutores de Xudá, todas as cidades de Xudá, levando o libro da Lei do Señor, e instruíron ó pobo.

10Todos os reinos veciños de Xudá, presos dun pánico sagrado, se abstiveron de loitar contra Ioxafat. 11Os filisteos pagábanlle tributo copioso en diñeiro. Tamén os árabes lle traían gando menor: sete mil setecentos carneiros e sete mil setecentos machos cabrúns. 12Ioxafat fíxose cada vez máis poderoso. Construíu fortalezas e cidades de avituallamento en Xudá. 13Tiña moitos empregados nas cidades de Xudá. En Xerusalén dispuña de soldados valentes e aguerridos, 14alistados por familias:

Alto mando de Xudá: Adnah, capitán xeneral, con trescentos mil soldados; 15ás súas ordes, o xeneral Iohanán, con douscentos oitenta mil, 16e Amasías, fillo de Zicrí, que servía ó Señor como voluntario, ó mando de douscentos mil.

17De Benxamín, o valeroso Eliadá, con douscentos mil homes armados de arco e adarga; 18ás súas ordes estaba Iozabad, con cento oitenta mil homes dispoñibles. 19Todos estes achábanse ó servizo do rei, sen contar os que este destinara ás fortalezas de Xudá.

 

Capítulo 18

 

1Cando Ioxafat chegou ó cume da súa riqueza e prestixio, emparentou con Ahab. 2Anos máis tarde baixou a Samaría a visitar a Ahab. Este matou gran cantidade de ovellas e de touros para el e para o seu séquito; logo induciuno a atacar Ramot de Galaad. 3Ahab, rei de Israel, dixo a Ioxafat, rei de Xudá:

‑"¿Queres vir comigo contra Ramot de Galaad?".

Ioxafat respondeulle:

‑"Ti e mais eu, o teu exército e o meu, iremos xuntos á guerra".

4Logo engadiu:

‑"Consulta antes o oráculo do Señor".

5O rei de Israel reuniu os profetas, catrocentos homes, e preguntoulles:

‑"¿Podemos atacar Ramot de Galaad, ou déixoo?".

Responderon:

‑"Vai; Deus entrégalla ó rei".

6Entón Ioxafat preguntou:

‑"¿Non queda por aí algún profeta do Señor para preguntarlle?".

7O rei de Israel respondeulle:

‑"Queda aínda un, Miqueas, fillo de Imlah, por quen podemos consultar o Señor; pero eu aborrézoo, porque nunca profetiza venturas, senón sempre desgrazas".

Ioxafat dixo:

‑"¡Non fale así o rei!".

8O rei de Israel chamou a un funcionario e díxolle:

‑"Que veña axiña Miqueas, fillo de Imlah".

9O rei de Israel e Ioxafat de Xudá estaban sentados nos seus tronos, coas súas vestiduras rexias, na praza, onda a porta de Samaría, mentres todos os profetas acenaban diante eles. 10Sedecías, fillo de Cananah, fíxose uns cornos de ferro e dicía:

‑"Así di o Señor: con estes escornearás ós sirios ata acabares con eles". 11E todos os profetas coreaban:

‑"¡Ataca Ramot de Galaad! Triunfarás, o Señor entrégacha". 12Mentres tanto o mensaxeiro que fora chamar a Miqueas, díxolle:

‑"Ten en conta que todos os profetas a unha están profetizando venturas ó rei. A ver se o teu oráculo é coma o deles e anuncias venturas".

13Miqueas replicou:

‑"¡Vive Deus! ¡Direi o que Deus me mande!".

14Cando se presentou ante o rei, este preguntoulle:

‑"Miqueas, ¿podemos atacar Ramot de Galaad, ou déixoo?".

Miqueas respondeulle:

‑"Ide, triunfaredes. O Señor entrégavola".

15O rei dixo:

‑"Pero ¿cantas veces terei que tomarche xuramento de que me dis só a verdade no nome do Señor?".

16Entón Miqueas dixo:

‑"Estou vendo a Israel espallado polos montes, coma ovellas sen pastor. E o Señor di: Non ten amo. Volva cada un á súa casa e en paz".

17O rei de Israel comentou con Ioxafat:

‑"¿Non cho dixen? Non profetiza venturas, senón desgrazas".

18Miqueas continuou:

‑"Por iso, escoitade a palabra do Señor: Vin o Señor sentado no seu trono. Todo o exército celeste estaba en pé, á dereita e á esquerda; 19e o Señor preguntoulle: ¿Quen poderá enganar a Ahab, rei de Israel, para que vaia e morra en Ramot de Galaad?

Uns propuñan unha cousa, outros outra. 20Ata que se adiantou un espírito e, posto en pé ante o Señor, dixo: Eu enganareino. O Señor preguntoulle: ¿Como? 21Respondeu: Irei e transformareime en oráculo falso na boca de todos os profetas. O Señor díxolle: Conseguirás enganalo. Vai e faino. 22Como ves, o Señor puxo oráculos falsos na boca deses profetas teus, porque o Señor decretou a túa perda".

23Entón Sedecías, fillo de Cananah, acercouse a Miqueas e deulle un lapote, dicíndolle:

‑"¿Por onde escapou de min o espírito do Señor para falarche a ti?"

24Miqueas respondeu:

‑"Veralo ti mesmo o día en que vaias escondéndote de apousento en apousento".

25Entón o rei de Israel ordenou:

‑"Collede a Miqueas e levádeo ó gobernador Amón e ó príncipe Ioax. 26Dicídelles: Por orde do rei, metede a este no cárcere e taxádelle a ración de pan e auga ata que eu volva vitorioso".

27Miqueas dixo:

‑"Se ti volves vitorioso, o Señor non falou pola miña boca".

28O rei de Israel e Ioxafat, rei de Xudá, foron contra Ramot de Galaad. 29O rei de Israel dixo a Ioxafat:

‑"Voume disfrazar antes de entrar en combate. Ti vai coa túa tropa". Disfrazouse e marcharon ó combate.

30O rei sirio ordenara ós comandantes dos carros que non atacasen a pequeno nin grande, senón só ó rei de Israel. 31E cando os comandantes dos carros viron a Ioxafat, comentaron:

‑"¡Aquel é o rei de Israel!"

E lanzáronse contra el. Pero Ioxafat gritou, e o Señor veu na súa axuda, apartándoos del. 32Os comandantes viron que aquel non era o rei de Israel e deixárono. 33Un soldado disparou o arco ó azar e feriu ó rei de Israel, atravesándolle a coiraza. O rei dixo ó auriga:

‑"Dá a volta e lévame do campo de batalla, porque estou ferido".

34Pero aquel día intensificouse o combate, de maneira que sostiveron ó rei de Israel en pé no seu carro fronte ós sirios ata o atardecer. Morreu ó solpor.

 

Capítulo 19

 

1Ioxafat de Xudá volveu san e salvo ó palacio de Xerusalén. 2Pero o vidente de Iehú, fillo de Hananí, saíulle ó encontro e díxolle:

‑"¿Conque axudas ós malvados e alíaste cos inimigos do Señor? O Señor indignouse contigo por iso. 3Pero contas tamén con boas accións: queimaches as estelas deste país e serviches a Deus con constancia".

4Ioxafat estableceu a súa residencia en Xerusalén, pero volveu visitar o pobo, desde Beerxeba ata a terra de Efraím, e converténdoo ó Señor, Deus de seus pais. 5Estableceu xuíces en cada unha das fortalezas do territorio de Xudá e advertiulles:

6‑"Coidado co que facedes, porque non xulgaredes con autoridade de homes, senón coa de Deus, que estará convosco cando pronunciedes sentencia. 7Polo tanto, temede ó Señor e procedede con coidado. Porque o Señor, o noso Deus, non admite inxustizas, favoritismos nin subornos".

8Tamén en Xerusalén designou algúns levitas, sacerdotes de cabezas de familia, para que se encargasen do dereito divino e dos preitos dos habitantes de Xerusalén. 9Deulles esta orde:

‑"Actuade con temor de Deus, con honradez e integridade. 10Cando vosos irmáns que habitan nas cidades vos presenten un caso de asasinato, ou ben vos consulten sobre leis, preceptos, mandatos ou decretos, instruídeos para que non se fagan culpables ante o Señor e non se derrame a súa cólera sobre vós e vosos irmáns. Se actuades así estaredes libres de culpa. 11O sumo sacerdote Amarías presidirá as causas relixiosas, e Zebadías, fillo de Ismael, xefe da casa de Xudá, as civís. Os levitas estarán ó voso servizo. Animo, a traballar, e que o Señor estea cos homes de ben".

 

Capítulo 20

 

1Algún tempo despois, os moabitas, os amonitas e algúns maonitas viñeron contra Ioxafat en son de guerra. 2Informaron a este:

‑"Unha gran multitude procedente de Edom, no outro lado do Mar Morto, diríxese contra ti; xa se encontran en Hasón-Tamar, a actual En-Guedí".

3Ioxafat, asustado, decidiu recorrer ó Señor, proclamando un xaxún en todo Xudá. 4Xudeus de todas as cidades reuníronse para pediren consello ó Señor.

5Ioxafat colocouse no medio da asemblea de Xudá e Xerusalén, no templo, diante do adro novo, 6e exclamou:

‑"Señor, Deus de nosos pais, ¿non es Ti o Deus do ceo, o que goberna os reinos da terra, cheo de forza e de poder, a quen ninguén pode resistir? 7¿Non fuches Ti, Deus noso, quen desbotaches os moradores desta terra diante do teu pobo, Israel, e lla entregaches para sempre á liñaxe do teu amigo Abraham? 8Habitárona e construíron nela un santuario na túa honra, pensando: 9Cando nos ocorra unha calamidade ‑espada, inundación, peste ou fame‑ presentarémonos ante Ti neste templo ‑porque nel estás presente‑, invocarémoste no noso perigo e Ti escoitarasnos e salvarasnos. 10Can-do Israel viña de Exipto non lle permitiches atravesar o territorio dos amonitas, o dos moabitas e a montaña de Seir en vez de destruílos arredor deles. 11E agora eles págannolo dispóndose a expulsarnos da propiedade que Ti nos concediches. 12Ti os has xulgar, noso Deus, que nós nada podemos contra esa tropa que se nos vén encima. Non sabemos que facer se non é cravarmos os ollos en Ti".

13Todos os xudeus, coas súas mulleres e fillos, incluso os nenos, permanecían de pé ante o Señor. 14En medio da asemblea, un descendente de Asaf, o levita Iahziel, fillo de Zacarías, fillo de Benaías, fillo de Ieiel, fillo de Matanías, tivo unha inspiración do Señor 15e dixo:

‑"Xudeus, habitantes de Xerusalén, e ti, rei Ioxafat, prestade atención. Así di o Señor: non vos asustedes nin acovardedes ante esa inmensa multitude, porque a batalla non é cousa vosa, senón de Deus. 16Mañá baixaredes contra eles cando vaian subindo a Costa das Flores; sairédeslles ó encontro no cabo do barranco que hai fronte ó deserto de Ieruel. 17Non teredes necesidade de combater; estade quietos e firmes contemplando como vos salva o Señor. Xudá e Xerusalén, non vos asustedes nin acovardedes. Saíde mañá ó seu encontro, que o Señor estará convosco".

18Ioxafat prostrouse rostro en terra, e todos os xudeus e os habitantes de Xerusalén caeron ante o Señor para adoralo. 19Os levitas descendentes de Quehat e os corahitas, erguéronse para loar con grandes voces ó Señor, Deus de Israel.

20De madrugada puxéronse en marcha cara ó deserto de Tecoa. Cando saían, Ioxafat detívose e dixo:

‑"Xudeus e habitantes de Xerusalén, escoitádeme: confiade no Señor, voso Deus, e subsistiredes; confiade nos seus profetas, e venceredes".

21De acordo co pobo, dispuxo que un grupo revestido de ornamentos sagrados marchase na vangarda cantando e loando ó Señor con estas palabras: ‑"Dade grazas ó Señor, porque é eterna a súa misericordia".

22Logo que comezaron os cantos de xúbilo e de loanza, o Señor sementou discordias entre os amonitas, os moabitas e os montañeses de Seir que viñan contra Xudá, e matáronse uns ós outros. 23Os amonitas e moabitas decidiron destruír e aniquilar ós de Seir, e cando acabaron con eles, pelexaron a morte uns cos outros. 24Chegou Xudá ó outeiro que domina o deserto, dirixiu a súa mirada á multitude e non viron máis ca cadáveres tendidos polo chan; ninguén se salvara. 25Ioxafat e o seu exército foron pillar o botín. Encontraron moito gando, provisións, vestidos e obxectos de valor. Colleron ata non poderen con máis. O botín foi tan copioso que tardaron tres días en recollelo. 26O cuarto día reuníronse no Val de Bendición ‑lugar ó que deron este nome con que se coñece ata hoxe, porque alí bendiciron ó Señor‑ 27e todos os xudeus e xerosolimitanos con Ioxafat á fronte, emprenderon a volta a Xerusalén, festexando a vitoria que o Señor lles concedera sobre os seus inimigos. 28Unha vez en Xerusalén, desfilaron ata o templo ó son de arpas, cítaras e trompetas.

29Os reinos circundantes foron presa dun pánico sagrado ó saberen que o Señor loitaba contra os inimigos de Israel. 30O reino de Ioxafat gozou de calma e o seu Deus concedeulle paz cos seus veciños.

31Ioxafat reinou en Xudá. Tiña trinta e cinco anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén vinte e cinco anos. Súa nai chamábase Azubah e era filla de Xilhí. 32Imitou a conduta de seu pai, Asá, sen desviarse dela, facendo o que o Señor aproba. 33Pero non desapareceron as ermidas dos outeiros e o pobo non se mantivo fiel ó Deus de seus pais.

34Para máis datos sobre Ioxafat, desde o principio ata a fin do seu reinado véxase a Historia de Iehú, fillo de Hananí, inserta no libro dos Reis de Israel. 35Ioxafat de Xudá aliouse con Ocozías de Israel, aínda que este era un malvado. 36Fíxoo para construír unha flota con destino a Tárxix; construíron as naves en Esion-Guéber. 37Pero o marexita Eliézer, fillo de Dodavahu, profetizou contra Ioxafat, dicindo:

‑"Por te aliares con Ocozías, o Señor destruirá a túa obra".

Efectivamente, as naves naufragaron, e non puideron ir a Tárxix.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com