Capítulos 21-25

Ioram de Xudá

 

Capítulo 21

 

1Morreu Ioxafat e enterrárono cos seus antepasados na Cidade de David. Seu fillo Ioram sucedeulle no trono. 2Tiña varios irmáns por parte do pai: Azarías, Iehiel, Zacarías, Azarías, Miguel e Safatías, todos eles fillos de Ioxafat de Xudá. 3Seu pai legoulles gran cantidade de prata, ouro e obxectos de valor, ademais de fortalezas en Xudá; pero o trono  deixoullo a Ioram por ser o primoxénito. 4Cando se afianzou no trono de seu pai, asasinou a todos os seus irmáns e tamén a algúns xefes de Israel.

5Tiña trinta e dous anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén oito anos. 6Imitou a conduta do rei de Israel, e as accións da casa de Ahab, porque casou cunha filla deste. Fixo o que o Señor reproba. 7Pero o Señor non quixo destruír a casa de David, a causa do pacto que fixera con David, e porque prometera manter sempre acesa a súa lámpada e a de seus fillos.

8No seu tempo, Edom independizouse de Xudá e nomeou un rei. 9Ioram foi cos seus xenerais e todos os seus carros, levantouse de noite, e aínda que desbaratou o exército idumeo, que o envolvera a el e ós oficiais do escuadrón de carros, 10Edom independizouse de Xudá ata hoxe; tamén Libnah conseguiu daquela a independencia. Isto ocorreu por abandonar ó Señor, Deus de seus pais.

11Levantou ermidas nos outeiros das cidades de Xudá, induciu á idolatría ós habitantes de Xerusalén e descarreirou a Xudá. 12O profeta Elías mandoulle dicir por escrito: ‑"Así di o Señor, Deus de teu pai David: por non imitares a conduta de teu pai, Ioxafat, e a de Asá, rei de Xudá, 13senón a conduta dos reis de Israel; por fomentares a idolatría en Xudá e entre os habitantes de Xerusalén, copiando as prácticas idolátricas da casa de Ahab, e por asasinares ós teus irmáns, da casa de teu pai, que valían todos máis ca ti, 14o Señor ferirá ó teu pobo, a teus fillos, as túas mulleres e as túas posesións cunha praga terrible. 15E ti mesmo padecerás unha enfermidade grave, un cancro que che consumirá as entrañas día tras día".

16O Señor atizou contra Ioram a hostilidade dos filisteos e dos árabes que habitaban onda os cuxitas. 17Subiron a Xudá, invadírona e levaron consigo todas as riquezas que encontraron no palacio así como as mulleres e fillos. Só lle quedou o máis novo, Ioacaz. 18Despois disto, o Señor feriulle as entrañas cunha doenza incurable. 19Pasaron os días e ó cabo de dous anos a enfermidade consumiulle as entrañas; morreu entre atroces dores. O seu pobo non lle acendeu unha larada, como fixera cos seus predecesores.

20Tiña trinta e dous anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén oito anos. Desapareceu sen que ninguén o chorase. Enterrárono na Cidade de David, pero fóra do panteón real.

 

Ocozías de Xudá

 

Capítulo 22

 

1Os habitantes de Xerusalén nomearon rei ó seu fillo menor, Ocozías, porque os outros foran asasinados pola banda dos árabes que viñeran ó campamento. Así reinou Ocozías, fillo de Ioram de Xudá.

2Tiña corenta e dous anos cando subiu ó trono, e reinou en Xerusalén un ano; súa nai chamábase Atalía e era filla de Omrí. 3Tamén el imitou a conduta da casa de Ahab, porque súa nai o incitaba ó mal. 4Fixo o que o Señor reproba, igual que a casa de Ahab, xa que ó morrer seu pai, eles foron os seus conselleiros, para a súa perdición. 5Por consello seu, acompañou a Ioram, fillo de Ahab, rei de Israel, a loitar contra Hazael, rei de Siria, en Ramot de Galaad. Os sirios feriron a Ioram 6e este volveu a Iezrael para se curar das feridas que lle inflixiran en Ramot, durante a batalla contra Hazael, rei de Siria. Entón Ocozías, fillo de Ioram, rei de Xudá, baixou a Iezrael para visitar a Ioram, fillo de Ahab, que estaba enfermo. 7Con esta visita o Señor provocou a ruína de Ocozías. Durante a súa estancia, saíu con Ioram ó encontro de Iehú, fillo de Nimxí, a quen unxira o Señor para exterminar a dinastía de Ahab 8e mentres Iehú facía xustiza na dinastía de Ahab, encontrou as autoridades de Xudá e os parentes de Ocozías que estaban ó seu servizo e matounos. 9Despois buscou a Ocozías; apresárono en Samaría, onde se escondera, e levárono con eles a Iehú, que o mandou matar. Pero déronlle sepultura, pensando: ‑"Era fillo de Ioxafat, que serviu ó Señor de todo corazón".

Na familia de Ocozías non quedou ninguén capaz de reinar.

 

Reinado e morte de Atalía

 

10Cando Atalía, nai de Ocozías, viu que seu fillo morrera, empezou a exterminar a toda a familia real da casa de Xudá. 11Pero cando os fillos do rei estaban sendo asasinados, Ioxeba, filla do rei Ioram, esposa do sacerdote Iehoiadá e irmá de Ocozías, raptou a Ioax, fillo de Ocozías, e escondeuno coa ama de cría no seu dormitorio. Así llo ocultou a Atalía, que non o puido matar. 12Estivo escondido con elas no templo durante seis anos, mentres no país reinaba Atalía.

 

Capítulo 23

 

1O ano sétimo Iehoiadá armouse de valor e reuniu os centurións: Azarías, fillo de Ieroham, Ismael, fillo de Iohomán, Azarías, fillo de Obed, Maseías, fillo de Adaías, e Elixafat, fillo de Zicrí. Xuramentouse con eles e percorreron Xudá 2congregando os levitas de todas as cidades e os cabezas de familia de Israel. Cando regresaron a Xerusalén, 3toda a asemblea fixo no templo un pacto co rei. Logo díxolles:

‑"Debe reinar un fillo do rei, como prometeu o Señor á descendencia de David. 4Ides facer o seguinte: O terzo de vós, sacerdotes e levitas, que entra de servizo o sábado, fará garda nas portas; 5outro terzo ocupará o palacio e o último terzo a Porta do Fundamento. O pobo situarase nos adros do templo. 6Pero que ninguén entre no templo, a excepción dos sacerdotes e os levitas de servizo. Eles pódeno facer porque están consagrados; pero o pobo deberá observar as prescricións do Señor. 7Os levitas rodearán o rei por todas partes, arma en man. Se alguén quere entrar no palacio, matádeo. E estade a carón do rei, vaia onda vaia".

8Os levitas e os xudeus fixeron o que lles mandou o sacerdote Iehoiadá. Cada un reuniu os seus homes, os que estaban de servizo o sábado e os que quedaban libres, porque o sacerdote Iehoiadá non exceptuou ningunha das seccións. 9O sacerdote Iehoiadá entregoulles ós oficiais as lanzas, escudos e adargas do rei David, que se gardaban no templo. 10Colocou a todo o pobo con armas curtas, desde o ángulo sur ata o ángulo norte do templo, entre o altar e o templo, para protexer o rei. 11Entón trouxeron ó príncipe, colocáronlle a diadema e as insignias, proclamárono rei, e Iehoiadá e seus fillos unxírono, aclamando:

‑"¡Viva o rei!".

12Atalía oíu o clamor da tropa que corría e aclamaba ó rei e foi cara á xente, ó templo. 13Pero cando viu o rei en pé sobre o estrado, na entrada, e os oficiais e a banda a carón do rei, toda a poboación en festa, as trompetas tocando e os cantores acompañando os cánticos de loanza cos seus instrumentos, rachou as vestiduras e dixo:

‑"¡Traizón, traizón!".

14O sacerdote Iehoiadá ordenou ós oficiais que mandaban as forzas:

‑"Sacádea do adro. A quen a siga, matádeo".

Pois non quería que a matasen no templo.

15Fórona empuxando coas mans, e cando chegaba a palacio pola Porta das Cabalerías, alí mesmo a mataron.

16Iehoiadá selou un pacto con todo o pobo e co rei para que fose o pobo do Señor. 17Toda a poboación dirixiuse logo ó templo de Baal: destruírono, derrubaron os seus altares e as súas imaxes, e a Matán, sacerdote de Baal, degolárono ante o altar.

18Iehoiadá puxo gardas no templo, ás ordes dos sacerdotes e levitas que David distribuíra na casa de Deus para ofreceren holocaustos ó Señor ‑segundo o manda a lei de Moisés‑ con alegría e con cánticos compostos por David. 19Puxo porteiros nas portas do templo para que non entrase absolutamente nada impuro. 20Logo, cos centurións, os notables, as autoridades e todo a veciñanza, sacaron do templo ó rei, e levárono ó palacio pola Porta Superior e instalárono no trono real. 21Toda a poboación fixo festa e a cidade quedou tranquila. A Atalía matárana a espada.

 

Ioax de Xudá

 

Capítulo 24

 

1Ioax tiña sete anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén corenta anos. Súa nai chamábase Sibías e era natural de Beerxeba. 2Mentres viviu o sacerdote Iehoiadá, fixo o que o Señor aproba. 3Iehoiadá procuroulle dúas mulleres e xerou fillos e fillas. 4Máis tarde, Ioax sentiu desexos de restaurar o templo. 5Reuniu os sacerdotes e os levitas, e díxolles:

‑"Ide polas cidades de Xudá recollendo diñeiro de todo Israel para reparardes todos os anos o templo do voso Deus. Dádevos présa".

Pero os levitas tomárono con calma. 6Entón o rei chamou ó sumo sacerdote Iehoiadá e díxolle:

‑"¿Por que non te preocupaches de que os levitas cobren en Xudá e Xerusalén o tributo imposto por Moisés, servo do Señor, e pola comunidade de Israel para a tenda da alianza? 7¿Non te dás conta de que a malvada Atalía e os seus secuaces estragaron o templo e dedicaron ós baales todos os obxectos sagrados do mesmo?".

8Entón, por orde do rei, fixeron unha hucha e colocárona na porta do templo por fóra. 9Logo pregoaron por Xudá e Xerusalén que había que ofrecer ó Señor o tributo que Moisés, servo de Deus, impuxera a Israel no deserto. 10As autoridades e a poboación fixérono de boa gana e botaron diñeiro ata que se encheu a hucha. 11Cada vez que os levitas levaban a hucha á inspección real e vían que había moito diñeiro, presentábanse un secretario do rei e un inspector do sumo sacerdote, libraban a hucha e volvían colocala no seu sitio. Así o fixeron periodicamente, reunindo unha gran suma de diñeiro.

12O rei e Iehoiadá entregábano ós capataces da obra do templo, e estes pagaban os canteiros e carpinteiros que restauraban o templo e os ferreiros e broncistas que o reparaban. 13Os obreiros fixeron a súa tarefa; baixo as súas mans foi rexurdindo a estrutura, ata que levantaron solidamente o templo segundo os planos. 14O terminaren, devolveron ó rei e a Iehoiadá o diñeiro sobrante, co que fixeron obxectos para o templo, utensilios para o culto e para os holocaustos, copas e obxectos de ouro e prata. Mentres viviu Iehoiadá ofreceron holocaustos regulares no templo. 15Este chegou a vello e morreu en idade avanzada, ós cento trinta anos. 16Enterrárono cos reis na Cidade de David, porque foi bo con Israel, con Deus e co seu templo.

17Cando morreu Iehoiadá, as autoridades de Xudá foron render homenaxe ó rei, e este seguiu os seus consellos; 18esquecendo o templo do Señor, Deus de seus pais, deron culto ás estelas e ós ídolos. Este pecado desencadeou a cólera de Deus contra Xudá e Xerusalén. 19Mandoulles profetas para convertelos, pero non fixeron caso das súas amoestacións. 20Entón o Espírito de Deus apoderouse de Azarías, fillo do sacerdote Iehoiadá, que se presentou ante o pobo e lle dixo:

‑"Así fala Deus: ¿Por que quebrantades os preceptos do Señor? Ides á ruína. Abandonastes o Señor e El abandónavos".

21Pero conspiraron contra el e lapidárono no adro do templo por orde do rei. 22O rei Ioax, sen ter en conta os beneficios recibidos de Iehoiadá, matoulle o fillo, que morreu dicindo:

‑"¡Que o Señor xulgue e sentencie!"

23O cabo dun ano, un exército de Siria dirixiuse contra Ioax, penetrou en Xudá ata Xerusalén, matou a todos os xefes do pobo e enviou todo o botín ó rei de Damasco. 24O exército de Siria era reducido, pero o Señor entregoulle un exército enorme porque o pobo abandonara ó Señor, Deus de seus pais. Vingáronse así de Ioax. 25O retirárense os sirios, deixándoo gravemente ferido, os seus cortesáns conspiraron contra el para vingar o fillo do sacerdote Iehoiadá. Asasinárono na cama e morreu. Enterrárono na Cidade de David, pero non lle deron sepultura no panteón real. 26Os conspiradores foron: Zabah, fillo de Ximat, a amonita, e Iehozabad, fillo de Ximrit, a moabita.

27Para o referente a seus fillos, ás numerosas profecías contra el e á restauración do templo, véxase o comentario dos Anais dos Reis. O seu fillo Amasías sucedeulle no trono.

 

Amasías de Xudá

 

Capítulo 25

 

1Amasías tiña vinte e cinco anos cando subiu ó trono e reinou en Xerusalén vinte e nove anos. Súa nai chamábase Iehoadán e era natural de Xerusalén. 2Fixo o que o Señor aproba, aínda que non de todo corazón. 3Cando se afianzou no poder, matou ós ministros que asasinaran a seu pai. 4Pero non matou a seus fillos, conforme o libro da Lei de Moisés promulgada polo Señor: ‑"Non serán executados os pais polas culpas dos fillos, nin os fillos polas culpas dos pais; cada un morrerá polo seu propio pecado".

5Amasías reuniu ós de Xudá e puxo a todos os xudeus e benxaminitas, por familias, ás ordes de xefes e oficiais. Fixo o censo dos maiores de vinte anos; resultaron trescentos mil en idade militar e equipados de espada e escudo. 6Recrutou en Israel cen mil mercenarios por cen pesos de prata. 7Pero un profeta presentouse ante el e díxolle:

‑"Maxestade, non leves contigo o destacamento de Israel, que o Señor non está cos efraimitas. 8Se te apoias neles, Deus derrotarate fronte ós teus inimigos. Porque Deus pode dar a vitoria e a derrota".

9Amasías preguntou ó profeta:

‑"¿E que pasa cos cen pesos de prata que dei ó destacamento de Israel?"

O profeta contestoulle:

‑"O Señor pódechos devolver multiplicados".

10Amasías licenciou a tropa procedente de Efraím para que volvese á súa terra. Eles indignáronse con Xudá e volvéronse para os seus lugares, enfurecidos.

11Amasías armouse de valor, tomou o mando da tropa, marchou ó Val do Sal e matou a dez mil seiritas. 12A outros dez mil colleunos vivos, levounos ó cume da rocha e chimpounos desde ela. Morreron todos desfeitos.

13Mentres, o destacamento que licenciara Amasías para que non loitase ó seu lado, dispersouse polas cidades de Xudá ‑desde Samaría ata Bethorón‑, matando a tres mil persoas e capturando un gran botín. 14Cando Amasías volveu de derrotar ós idumeos, trouxo consigo os deuses dos seiritas, adoptounos coma deuses propios, adorounos e queimoulles incenso. 15O Señor indignouse con Amasías e mandoulle un profeta que lle dixo:

‑"¿Por que serves a uns deuses que non puideron salvar o seu pobo da túa man?"

16Amasías cortouno en seco, dicíndolle:

‑"¿Quen te fixo conselleiro do rei? Cala dunha vez, se non queres que te maten".

O profeta terminou con estas palabras:

‑"Polo que fixeches e por non escoitares o meu consello, estou certo de que Deus aconsella a túa destrución".

17Despois de se aconsellar, Amasías de Xudá mandou unha embaixada a Ioax, fillo de Ioacaz, de Iehú, rei de Israel, con esta mensaxe:

‑¡Sae, que nos vexamos as caras!

18Pero Ioax de Israel mandou esta resposta a Amasías de Xudá:

‑"O cardo do Líbano mandou dicir ó cedro do Líbano: Dáme a túa filla por esposa de meu fillo. Pero pasaron as feras e esmagaron o cardo. 19Ti dis: Derrotei a Edom, e enchícheste de fachenda. Goza da túa gloria ficando na casa. ¿Por que te queres meter nunha guerra catastrófica provocando a túa caída e a de Xudá?"

20Pero Amasías non fixo caso, porque Deus quería entregalo nas mans de Ioax por servir os deuses de Edom. 21Entón Ioax de Israel subiu ó encontro de Amasías de Xudá en Bet-Xémex de Xudá. 22Israel derrotou ós xudeus, que fuxiron á desbandada. 23En Bet-Xémex apreixou Ioax de Israel a Amasías de Xudá, fillo de Ioax de Ioacaz, e levouno a Xerusalén. Na muralla de Xerusalén abriu unha brecha de douscentos metros, desde a Porta de Efraím ata a porta do Ángulo. 24Apoderouse do ouro, prata, os utensilios que se achaban no templo ó coidado de Obededom, os tesouros de palacio e os reféns, e volveu a Samaría. 25Amasías de Xudá, fillo de Ioax, sobreviviu quince anos a Ioax de Israel, fillo de Ioacaz.

26Para máis datos sobre  Amasías, desde o principio ata a fin do seu reinado, véxase o libro dos Reis de Xudá e Israel. 27Cando Amasías se apartou do Señor, tramaron contra el unha conspiración en Xerusalén; fuxiu a Láquix, pero perseguírono ata Láquix e matárono alí. 28Cargárono sobre uns cabalos e enterrárono cos seus antepasados na capital de Xudá.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com