Capítulos 6-10

 

CAPÍTULO 6

 

A esmola

 

1Tede coidado de non practicardes a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.

2Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados polos homes; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. 3Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. 4Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.

 

Sobre a oración (Lc 11, 2-24)

 

5Cando recedes non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nos recantos das rúas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa. 6Ti, pola contra, cando queiras rezar métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.

7E cando vos poñades a rezar non sexades lareteiros coma os pagáns. Botan de conta que os van escoitar polo moito falar. 8Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades. 9Vós, rezade así:

Noso Pai que estás no ceo,

santificado sexa o teu nome;

10veña o teu Reino,

fágase a túa vontade

así na terra coma no ceo.

11Dános hoxe o noso pan de cada día.

12E perdoa as nosas débedas

como tamén nós perdoamos xa ós nosos debedores.

13E non nos sometas á tentación,

mais líbranos do Malo.

14Porque se vós perdoades ós outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial perdoará as vosas; 15pero se non perdoades ós outros, voso Pai celestial tampouco non perdoará as vosas ofensas.

 

O xaxún

 

16Cando xaxuedes non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas: desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. 17Ti, en troques, cando xaxúes, perfuma a cabeza e lava a cara, 18para que non che se note ante os homes, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.

 

O verdadeiro tesouro (Lc 12, 33-34)

 

19Non amoreedes tesouros na terra onde a traza e mais a ferruxe acaban con eles, e os ladróns asaltan as casas para roubalos. 20Amoreade tesouros no ceo, onde non hai traza nin ferruxe que acaben con eles, nin ladróns que asalten e os rouben. 21Que onde está o teu tesouro está o teu corazón.

 

A luz do corpo (Lc 11, 34-36)

 

22A luz do corpo é o ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumeado; 23pero se o teu ollo está malo, todo o teu corpo estará na escuridade. E se a luz que hai en ti é escuridade, ¡canta escuridade!

 

Deus e o diñeiro (Lc 16, 13)

 

24Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben atende a un e menospreza ó outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.

 

A Providencia (Lc 12, 22-31)

 

25Por iso dígovos: non andedes agoniados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso corpo (o que ides vestir). ¿Non vale máis a vosa vida cá mantenza, e non vale máis o voso corpo có vestido?

26Ollade para as aves do ceo: nin sementan, nin segan, nin recollen nas arcas e, con todo, son mantidas polo voso Pai celestial. ¿Non valedes vós máis ca elas? 27E ¿quen de vós, por máis que se angustie, pode engadir un anaco máis ó tempo da súa vida?

28E polo vestido ¿por que vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como medran, e non traballan, nin fían. 29E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria se chegou a vestir coma un deles. 30Pois se á herba do campo, que hoxe verdea e mañá será botada ó forno, Deus así a viste, ¿canto máis non fará por vós, homes de pouca fe?

31Non andedes angustiados dicindo: "¿Que imos comer?" ou "¿que imos beber?" ou "¿que imos vestir?" 32Por todas esas cousas andan angustiados os pagáns; e ben sabe voso Pai celestial que as precisades. 33Procurade primeiro o Reino de Deus e mais a súa xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis. 34Así que non vos angustiedes polo de mañá; mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo cos seus pesares.

 

 

 

CAPÍTULO 7

 

Non xulgar ós demais (Lc 6, 37-38. 41-42)

 

1Non xulguedes para que non vos xulguen a vós. 2Porque co xuízo que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida coa que midades hanvos medir a vós. 3¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu? 4E, ¿como lle vas dicir a teu irmán: "Deixa que che quite o lixo que tes no ollo", tendo ti unha trabe no teu? 5¡Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.

6Non deades o sagrado ós cans nin lle botedes as vosas perlas ós porcos; non sexa que as esmaguen cos pés, e, virándose contra vós, vos esnaquicen.

 

Perseverar na oración (Lc 11, 9-13)

 

7Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. 8Pois quen pide, recibe; quen busca, atopa; e a quen peta, abriráselle.

9¿Ou é que hai alguén entre vós que, se o seu fillo lle pide pan, lle dá unha pedra? 10¿Ou se lle pide un peixe dálle unha cobra? 11Pois se vós, que sodes ruíns, ben sabedes darlles cousas boas ós vosos fillos, ¿canto máis voso Pai celestial llelas dará ós que llas pidan? 12Así que tratade á xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque esta é a Lei e mais os Profetas.

 

A porta estreita (Lc 13, 24)

 

13Entrade pola porta estreita. Porque ancha é a porta e espazoso o camiño que leva á perdición, e son moitos os que entran por el. 14Pero ¡que estreita é a porta e que apertado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!

 

A árbore coñécese polos froitos  (Lc 6, 43-44)

 

15¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovellas, pero no fondo non son máis ca lobos rapaces! 16Polos seus froitos coñecerédelos. ¿Ou é que se recollen uvas dos espiños ou figos dos abrollos? 17Así, toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos, e toda árbore de mala caste produce froitos ruíns. 18Non pode unha árbore boa producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos de calidade. 19Toda árbore que non produce froitos bos, córtase e bótase no lume. 20Así que polos seus froitos é como os coñeceredes.

 

A falsa piedade (Lc 6, 46; 13, 25-27)

 

21Non todo o que me di: "¡Señor! ¡Señor!" entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a vontade do meu Pai celestial. 22Moitos hanme dicir naquel día: "¡Señor! ¡Señor!, ¿non profetizamos no teu nome, non botamos os demos fóra no teu nome, e no teu nome non fixemos moitos milagres?" 23Pero daquela eu heilles dicir abertamente: "¡Endexamais non vos coñecín: arredádevos de min os que practicades o mal!"

 

A piedade auténtica (Lc 6, 47-49)

 

24Así pois, todo aquel que escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma o home asisado que edificou a súa casa sobre rocha. 25Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa; pero non se derrubou porque estaba asentada na rocha. 26Mais todo o que escoita as miñas palabras e non as leva á práctica, pórtase coma un toleirán que edificou a súa casa sobre area. 27Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval, e batendo na casa derrubouna, sendo grande a desfeita.

28E resulta que, rematando o seu discurso, a xente quedou sorprendida pola súa doutrina; 29porque lles ensinaba con autoridade e non coma os letrados.

 

 

 

CAPÍTULO 8

 

Curación dun gafo (Mc 1, 40-45; Lc 5, 12-16)

 

1Cando Xesús baixou do monte foino seguindo moita xente. 2E nestas achegouse a el un gafo, que, prostrándose ante el, díxolle:

‑Señor, con só que queiras pódesme limpar.

3El estendeu a man e tocouno, dicindo:

‑Quero, queda limpo.

E, coa mesma, quedou limpo da lepra. 4E díxolle Xesús:

‑Mira, non digas nada; pero vai, preséntate ó sacerdote, e ofrece o donativo que prescribiu Moisés para que lles sirva de testemuño.

 

A fe do centurión (Lc 7, 2-10; Xn 4, 46-54)

 

5O entrar en Cafarnaún achegóuselle un centurión que lle suplicou 6dicindo:

‑Señor, o meu criado xace tolleito na casa e padece moito.

7Díxolle Xesús:

‑Eu irei e curareino.

8Replicoulle o centurión:aínda Señor, non son merecente de que entres baixo o meu teito, abonda cunha palabra túa para que o meu criado cure. 9Que eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes; e dígolle a este: "vai", e vai; a aqueloutro: "ven", e vén; e ó meu criado: "fai isto", e faino.

10A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo, e díxolles ós que o seguían:

‑Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel. 11E dígovos que moitos de oriente e mais de occidente virán sentar na mesa de Abraham, Isaac e Xacob, no Reino dos Ceos. 12Pero ós fillos do Reino botaranos para fóra, á escuridade; alí será o pranto e o triscar os dentes.

13E Xesús díxolle ó centurión:

‑Vaite, que se cumpra segundo a túa fe.

E naquela hora curou o criado.

 

Outras curacións (Mc 1, 29-34; Lc 4, 38-41)

 

14En chegando Xesús á casa de Pedro atopou á sogra deste deitada con febre. 15Tocoulle na man e fóiselle a febre. Ela ergueuse e púxose a servilo.

16Contra a tardiña leváronlle moitos endemoñados, e coa súa palabra botoulles fóra os espíritos e curou os enfermos todos. 17Así cumpriuse o que deixara dito o profeta Isaías:

Apandou coas nosas doenzas

e cargou coas nosas enfermidades.

 

O seguimento de Xesús (Lc 9, 57-62)

 

18Vendo Xesús que o rodeaba un mundo de xente, ordenou pasar para a outra banda. 19E achegándose a el un letrado díxolle:

‑Mestre, seguireite vaias a onde vaias.

20Respondeulle Xesús:

‑As raposas teñen tobeiras e os paxaros niños, pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.

21Outro dos seus discípulos díxolle:

‑Señor, deixa que vaia primeiro enterrar a meu pai.

22Xesús respondeulle:

‑Ti sígueme, e deixa que os mortos enterren ós mortos.

 

Temporal no mar (Mc 4, 35-41; Lc 8, 22-25)

 

23Subiu á barca, e seguírono os seus discípulos. 24De súpeto levantouse tan grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía. 25Os discípulos fórono espertar, exclamando:

‑¡Señor, sálvanos que afogamos!

26El díxolles:

‑¿Por que vos acovardades, homes de pouca fe?

E poñéndose de pé increpou os ventos e mais o mar, e veu unha grande calma. 27Os homes, abraiados, dicían:

‑¿Quen será este que mesmo os ventos e mais o mar lle fan caso?

 

Os endemoñados de Gadara (Mc 5, 1-20; Lc 8, 26-39)

 

28En chegando á outra banda do mar, ó país de Gadara, saíronlle ó camiño desde uns sepulcros dous endemoñados, tan asañados que ninguén se atrevía a pasar por alí.

29E berrando dicían:

‑¡¿Que temos que ver contigo, Fillo de Deus? ¿Seica vés para atormentáresnos antes de tempo?!

30Había lonxe de alí unha boa camada de porcos fozando, 31e os demos rogáronlle:

‑Se nos botas, mándanos para a manada de porcos.

32El díxolles:

‑Ide.

Saíron, e fóronse para os porcos, que, guindándose barranco abaixo, foron dar ó mar, onde morreron afogados. 33Os porqueiros, fuxindo, chegaron á vila e contaron todo, incluso o dos endemoñados. 34E toda a vila saíu ó encontro de Xesús. E cando o atoparon, pedíronlle que abandonase aquela terra.

 

 

 

CAPÍTULO 9

 

Curación dun paralítico (Mc 2, 1-12; Lc 5, 17-26)

 

1Subiu a unha barca, cruzou para a outra banda e chegou á súa vila. 2Nisto trouxéronlle un tolleito nunha padiola. Vendo a fe que tiñan, díxolle ó tolleito:

‑¡Animo, meu fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.

3Entón algúns letrados dixeron para si:

‑Este home blasfema.

4Coñecendo Xesús o que pensaban, díxolles:

‑¿Que cavilades nos vosos adentros? 5¿Que é máis fácil, dicir: "perdoados quedan os teus pecados"; ou dicir: "érguete e anda?" 6Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados ‑díxolle ó tolleito‑: "érguete, colle a padiola, e vai para a casa".

7E erguéndose foise para a súa casa. 8Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a Deus por lles dar tal poder ós homes.

 

Vocación de Mateu (Mc 2, 13-17; Lc 5, 27-32)

 

9O pasar Xesús por alí, viu un home sentado ó mostrador da contribución, chamado Mateu, e díxolle:

‑Sígueme.

El ergueuse e seguiuno.

10E resulta que, estando á mesa na casa, viñeron moitos recadadores e pecadores, e puxéronse tamén á mesa con Xesús e mais os seus discípulos. 11Cando tal viron os fariseos, dixéronlle ós discípulos del:

‑¿Como é que o voso Mestre está a comer con recadadores e pecadores?

12El oíunos e dixo:

‑Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico. 13Ide, pois, aprender o que significa aquilo de Misericordia quero e non sacrificios. Porque non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores.

 

O xaxún (Mc 2, 18-22; Lc 5, 33-39)

 

14Entón achegáronselle os discípulos de Xoán preguntando:

‑Nós e mais os fariseos gardamos moito o xaxún. ¿Por que non o gardan os teus discípulos?

15Respondeulles Xesús:

‑¿Poden os compañeiros do esposo estar de loito mentres dura a voda? Xa chegará o día no que lles leven o esposo; entón si que xaxuarán.

16Ninguén lle bota un remendo de pano aínda sen remollar a un vestido vello, pois o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. 17Tampouco se lle ocorre a ninguén botar viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, iríase o viño e estragaríanse os pelellos; pola contra bótase o viño novo en pelellos novos para que ámbolos dous se conserven.

 

A filla de Xairo e a muller con hemorraxias (Mc 5, 21-43; Lc 8, 40-56)

 

18Mentres Xesús lles dicía estas cousas, velaí apareceu un xefe que, prostrándose ante el, rogáballe:

‑A miña filla acaba de morrer. Ven, impón a túa man sobre ela e vivirá.

19Erguéndose Xesús, seguiuno cos seus discípulos. 20Nisto unha muller que padecía hemorraxias desde había doce anos, achegándose por detrás, tocoulle a orla do seu manto, 21falando para si:

‑Se lle dou tocado a roupa, xa curo.

22Xesús virouse e ó vela díxolle:

‑¡Animo, filla, a túa fe sandoute!

E desde aquel instante a muller quedou salva.

23O chegar Xesús á casa do xefe, vendo os frautistas e mais o barullo da xente, 24dixo:

‑Apartade, que a rapaciña non está morta; a rapaza dorme.

A xente facía riso del. 25Pero el, en botando para fóra a xente toda, entrou e colleu a rapaza pola man. E ela ergueuse. 26A noticia espallouse por toda a redonda.

 

Curación dos cegos (20, 29-34)

 

27Cando saíu Xesús de alí, fórono seguindo dous cegos que berraban:

‑Fillo de David, ten dó de nós.

28E ó entrar na súa casa, os cegos achegáronselle. Preguntoulles Xesús:

‑¿E vós credes que eu podo facer iso?

Responderon:

‑Cremos.

29Entón tocoulles os ollos, dicindo:

‑Fágase conforme a vosa fe.

30E abríronselles os ollos. Logo avisounos moi serio:

‑¡Mirade que non o saiba ninguén!

31Pero, mal se foron, déronlle unha grande sona por toda aquela terra.

 

Curación dun mudo (Lc 11, 14-15)

 

32O que se foron os cegos, presentáronlle un mudo endemoñado. 33E así que lle botou o demo fóra, o mudo falou. A xente quedou coa boca aberta e dicía:

‑Nunca tal cousa se viu en Israel.

34Pero os fariseos dicían:

‑Bota os demoños co poder do xefe dos demoños.

 

Percorre Galilea (Mc 6,  6b; Lc 8, 1)

 

35Xesús percorría todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciando a Boa Nova do Reino e curando toda enfermidade e doenza. 36Pero, vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. 37Entón díxolles ós discípulos:

‑A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; 38así que rogádelle ó dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.

 

 

 

CAPÍTULO 10

 

Misión dos Doce (Mc 3, 13-19; 6, 7-13; Lc 6, 12-16; 9, 1-6)

 

1E chamando ós doce discípulos, deulles poder para botaren os espíritos malos e curaren toda enfermidade e doenza. 2Estes son os nomes dos doce apóstolos: o primeiro Simón, chamado Pedro, e mais Andrés seu irmán, Santiago o do Zebedeo e mais Xoán seu irmán, 3Felipe e Bartolomeu, Tomé e Mateu, o recadador de impostos, Santiago o de Alfeo e mais Tadeu, 4Simón o Zelota e Xudas Iscariote, o mesmo que o entregou.

5A estes doce mandounos Xesús con estas instrucións:

‑Non vaiades a terra de pagáns nin entredes en vilas de samaritanos; 6ide máis ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. 7E mentres camiñades proclamade que xa chega o Reino dos Ceos. 8Curade enfermos, resucitade mortos, limpade gafos, botade os demos fóra. E xa que de balde recibistes, dade de balde tamén. 9Non levedes nin ouro, nin prata, nin cobre nas vosas faixas; 10nin alforxa para o camiño, nin dúas túnicas, nin sandalias, nin caxato; porque o traballador ben merece a súa mantenza. 11En calquera vila ou aldea que entredes, informádevos se hai alguén de confianza e permanecede alí ata que marchedes.

12O entrar na casa, saudade. 13Se a casa é digna, veña a ela a vosa paz; pero se non é digna, que a vosa paz volva convosco. 14E se alguén non vos acolle nin escoita as vosas palabras, saíde daquela casa ou daquela vila e sacudide o po dos vosos pés. 15Asegúrovos que o día do Xuízo será máis livián para Sodoma e Gomorra do que para aquela vila.

 

As persecucións (Mc 13, 9-13; Lc 21, 12-17)

 

16¡Vede que vos mando coma ovellas entre lobos! Así que sede prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas. 17Tede coidado coa xente, porque entregaranvos ós tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas. 18E pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis, así daredes testemuño de min diante deles e dos pagáns.

19E cando vos entreguen, non andedes angustiados polo como ou polo que ides dicir, porque naquela hora hásevos inspirar o  que tendes que dicir. 20Non sodes vós os que falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. 21Haberá irmáns que entreguen a seus irmáns á morte; pais a fillos; fillos que denuncien a seus pais ata facelos matar. 22Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final hase salvar.

23Cando vos persigan nunha vila fuxide a outra, porque de certo vos aseguro: non acabaredes de andar as vilas de Israel antes de que veña o Fillo do Home. 24Non é o discípulo máis có seu Mestre, nin o servo máis có seu Señor. 25Abóndalle ó discípulo chegar a ser coma o seu Mestre; e ó servo coma o seu Señor. Se ó dono da casa o alcumaron Belcebul, ¡canto máis ós da súa casa!

 

A quen temer (Lc 12, 2-9)

 

26Pero non lles teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. 27O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo desde as azoteas.

28Non lles teñades medo ós que matan o corpo pero non poden matar a alma; temede máis ben a aquel que pode arruinar o corpo e a alma no inferno. 29¿Non se venden un par de pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai.

30Pois vós, mesmo tedes contados os pelos todos da cabeza. 31Así que non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.

32Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. 33Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu Pai celestial.

 

Xesús, sinal de contradición (Lc 12, 51-53; 14, 26-27)

 

34Non vaiades pensar que vin traer paz á terra: non vin traer paz senón espada. 35Por-que vin enfrontar o home co seu pai, a filla coa súa nai, a nora coa súa sogra  36e os propios familiares serán os inimigos de cada un. 37Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis ca a min non é digno de min. 38E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. 39Quen trate de conservar a vida, perderaa; pero quen a perda por min, ese conservaraa.

40Quen vos recibe a vós, recíbeme a min; e quen me recibe a min, recibe ó que me mandou. 41Quen recibe a un profeta por ser profeta, terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto, terá recompensa de xusto. 42E quen dea de beber a un destes pequenos, aínda que soamente sexa un vaso de auga fresca, por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com