Capítulos 21-25

 

EN XERUSALÉN

 

CAPÍTULO 21

 


Entrada triunfal en Xerusalén (Mc 11, 1-11; Lc 19, 28-40; Xn 12, 12-19)

 

 

1E cando se aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ó pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos, 2dicíndolles:

‑Ide á aldea que tendes aí de fronte, e de seguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela; ceibádeos e traédeos. 3Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan falta ó Señor, e que de seguida llos mandará de volta.

4Isto sucedeu para que se cumprise o que fora dito polo profeta:

5Dicídelle á filla de Sión:

Velaí o teu Rei que vén onda ti,

humilde e montado nunha burra,

nun burro, fillo de animal de carga.

6Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara. 7Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. 8Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron pólas das árbores, e estendéronas tamén no camiño. 9E a xente que ía diante e mais os que o seguían gritaban:

‑¡Hosanna ó Fillo de David! ¡Bendito o que vén no nome do Señor! ¡Hosanna  nas alturas!

10E ó entrar en Xerusalén, toda a cidade conmovida preguntaba:

‑¿Quen é este?

11A xente respondía:

‑Este é o profeta Xesús, o de Nazaret de Galilea.

 

Xesús bota os tendeiros fóra do templo (Mc 11, 15-19; Lc 19, 45-48; Xn 2, 13-22)

 

12Entrou Xesús no templo, e botou fóra os tendeiros e compradores do templo, derrubando as mesas dos cambiadores e os postos dos vendedores de pombas. 13E díxolles:

‑Está escrito: A miña casa será casa de oración; pero vós convertédela en cova de bandidos.

14No templo rodeárono cegos e coxos, e curounos. 15Pero os sumos sacerdotes e os letrados, vendo os milagres que facía e os nenos que exclamaban no templo: "Hosanna ó Fillo de David!", indignáronse; 16e dixéronlle:

‑¿Seica non oes o que estes nenos din?

Xesús respondeulles:

‑Si, ¿e logo nunca lestes aquilo: Da boca dos meniños de peito fixeches saír unha loanza?

17E deixándoos, saíu da cidade cara a Betania, onde pasou a noite.

 

A figueira maldita (Mc 11, 12-14. 20-24)

 

18Pola mañá cedo, cando regresaba á cidade, sentiu fame.

19Vendo unha figueira ó pé do camiño, achegouse a ela; pero nada atopou, fóra de follas. Entón dixo:

‑Nunca mais darás froito.

E, de súpeto, secou a figueira. 20Vendo aquilo os discípulos, preguntaron abraiados:

‑¿Por que secou de súpeto a figueira?

21Xesús respondeu:

‑Eu asegúrovos que se tendes fe, e non dubidades, non faredes soamente o da figueira, senón que se lle dixerdes a este monte: "arríncate de aí, e bótate no mar", mesmo iso se faría. 22Todo canto pidades con fe na oración, recibirédelo.

 

A autoridade de Xesús (Mc 11, 27-33; Lc 20, 1-8)

 

23Entrou no templo e mentres ensinaba, acercáronselle os sumos sacerdotes e mais os senadores do pobo, para lle preguntaren:

‑¿Con que autoridade fas esas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade?

24Xesús respondeulles:

‑Vouvos facer tamén eu a vós unha pregunta; e se respondedes, dígovos eu tamén con que autoridade fago estas cousas: 25o bautismo de Xoán, ¿de onde era? ¿Era cousa de Deus ou dos homes?

Eles razoaban entre si dicindo: "se respondemos de Deus, preguntaranos: ¿entón por que non crestes nel? 26Pero se respondemos dos homes, temémoslle ó pobo, porque todos teñen a Xoán por profeta". 27E contestáronlle a Xesús:

‑Non sabemos.

Xesús replicou:

‑Pois eu tampouco non vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.

 

Parábola dos dous fillos

 

28‑Pero, ¿que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle: "Meu fillo, vai traballar hoxe na viña". 29El respondeu:

"Non quero"; pero despois, arrepentido, foi.

30Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: "Vou, señor"; pero non foi.

31‑¿Quen dos dous fixo a vontade do pai?

Respondéronlle:

‑O primeiro.

Entón díxolles Xesús:

‑Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. 32Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.

 

Parábola dos viñateiros (Mc 12, 1-12; Lc 20, 9-19)

 

33‑Escoitade outra parábola:

Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.

34Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados ós viñateiros, para cobrar as rendas. 35Pero os viñateiros agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. 36De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.

37Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: "O meu fillo hano respectar". 38Pero os viñateiros, ó veren o fillo, comentaron: "Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa". 39E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.

40‑Ben, ¿e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles?

41Respondéronlle:

‑A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.

42Díxolles entón Xesús:

‑¿Seica non lestes nunca na Escritura:

A pedra que desbotaron os canteiros

é agora o esquinal:

esa pedra colocouna o Señor,

¡que regalía para nós!?

43Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos. 44Quen caia enriba desa pedra, esnaquizarase; pero aquel sobre quen ela caia, ficará esmagado.

45Oíndo as súas parábolas, os sumos sacerdotes e mais os fariseos decatáronse de que ían por eles. 46Quixérono prender, pero tivéronlle medo á xente, que o tiña por profeta.

 

 

 

CAPÍTULO 22

 

Os convidados á voda (Lc 14, 15-24)

 

1E Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas:

2‑Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo. 3Mandou os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir.

4Volveu mandar outros criados, encargándolles: "Dicídelles ós convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e mais os demais animais cebados; todo está disposto: ¡vide á voda!" 5Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro ós seus negocios. 6Os demais botáronse ós criados, maltratáronos e matáronos.

7Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. 8E díxolles ós criados: "A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. 9Así que ide ás encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda".

10Saíron ós camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda.

11Cando entrou o rei para ollar os convidados, viu un home que non vestía traxe de voda 12e díxolle: "Amigo, ¿como entraches aquí sen traxe de voda?" El ficou caladiño: 13Entón o rei díxolles ós camareiros: "Atádeo de pés e mans, e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes".

14Porque os chamados son moitos, pero poucos os escollidos.

 

A contribución do César (Mc 12, 13-17; Lc 20, 20-26)

 

15Entón os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de pillalo nalgún dito. 16E mandáronlle algúns dos seus discípulos e dos partidarios de Herodes, que lle preguntaron:

‑Mestre, sabemos que es sincero: que ensinas o verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixas levar polos respectos humanos. 17Dinos, logo, ¿que che parece: está permitido pagarlle o tributo ó Cesar ou non?

18Xesús, catando a malicia, contestoulles:

‑¿Por que me queredes comprometer, hipócritas? 19Mostrádeme a moeda do tributo.

Eles presentáronlle un denario. 20E el preguntoulles:

‑¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?

21Contestáronlle:

‑Do César.

Entón replicoulles:

‑Pois logo dádelle ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus.

22O oíren isto ficaron pasmados e, deixándoo, marcharon.

 

Acerca da resurrección (Mc 12, 18-27; Lc 20, 27-38)

 

23Naquel día chegaron onda el uns saduceos, deses que din que non hai resurrección, 24e preguntáronlle:

‑Mestre, Moisés dixo: Se un morre sen deixar fillos, que o seu irmán case coa viúva, para lle dar descendencia ó irmán. 25Pois este era o caso de sete irmáns que había entre nós. O primeiro casou, pero como morreu sen fillos, deixoulle a muller ó seu irmán. 26O mesmo lle pasou ó segundo e mais ó terceiro. E así, ós sete. 27O cabo, morreu tamén a muller. 28Ora, cando resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, xa que estivo casada cos sete?

29Respondeulles Xesús:

‑Andades descamiñados porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus. 30Cando resuciten, non casarán nin eles nin elas, porque serán coma anxos do ceo.

31E volvendo á resurrección dos mortos, ¿non tendes lido o que vos deixou dito Deus: 32Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac, o Deus de Xacob? Ben, pois El non é Deus dos mortos, senón dos vivos.

33E a xente, ó escoitalo, estaba marabillada da súa doutrina.

 

O principal mandamento (Mc 12, 28-34; Lc 10, 25-28)

 

34Os fariseos, ó se informaren de que Xesús lles tapara a boca ós saduceos, reuníronse; 35e un deles, que era xurista, preguntoulle para poñelo a proba:

36‑Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei?

37El respondeulle:

‑"Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento. 38Este é o mandamento primeiro e máis grande. 39O segundo é semellante a el: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. 40Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mais os profetas.

 

Fillo de David (Mc 12, 35-37; Lc 20, 41-44)

 

41Estando reunidos os fariseos, preguntoulles Xesús:

42‑¿Que pensades vós do Mesías?: ¿de quen é fillo?

Eles responderon:

‑De David.

43El replicoulles:

‑¿Como é logo que David, movido polo Espírito, o chama Señor, dicindo:

44Díxolle o Señor ó meu Señor:

senta á miña dereita,

que vou poñer os teus inimigos

coma estrado dos teus pés.

45Ora, se David o chama Señor, ¿como vai ser o seu fillo?

46E ninguén foi capaz de lle responder palabra; e desde aquel día ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

 

 

 

CAPÍTULO 23

 

Denuncia dos letrados e fariseos (Mc 12, 38-40; Lc 11, 37-52; 20, 45-47)

 

1Entón Xesús dirixiuse ós discípulos e mais á xente 2dicindo:

‑Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e mais os fariseos. 3Facede, logo, e cumpride canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta porque falan pero non cumpren. 4Atan fardos pesados e cánganos no lombo dos outros, pero eles nin un dedo poñen para os mover. 5Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, ancheando as filacterias e as franxas dos seus mantos; 6buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas; 7que lles fagan reverencias nos rueiros e que os chamen "mestre".

8Pero vós non vos fagades chamar "señor mestre", pois un só é o voso Mestre, e todos vós sodes irmáns. 9E a ninguén chamedes "pai" na terra porque un só é o voso Pai: o celestial. 10Nin tampouco vos fagades chamar "dirixentes", porque un só é o voso dirixente: Cristo. 11O máis importante entre vós debe ser o voso servidor. 12Porque quen se enaltece será rebaixado, e quen se rebaixa será enaltecido.

13¡Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles pechades ós homes o Reino dos Ceos! Nin entrades vós nin deixades entrar ós que o intentan.

15¡Ai de vós, letrados e fariseos, hipócritas, que percorredes mar e terra para conseguir un prosélito; e cando o conseguides, facédelo fillo da perdición dúas veces máis ca vós!

16¡Ai de vós, guías cegos, que dicides: "Se alguén xura polo templo, non pasa nada; pero se xura polo ouro do templo, fica obrigado". 17¡Parvos e cegos! ¿Que é máis importante: o ouro, ou o templo que consagra o ouro? 18E tamén: "Se alguén xura polo altar, non pasa nada; pero se xura pola ofrenda que está enriba do altar, fica obrigado". 19¡Cegos! ¿Que é máis importante: a ofrenda, ou o altar que consagra a ofrenda? 20Quen xura polo altar, xura por el e mais por todo o que hai enriba del; 21e quen xura polo templo, xura por el e mais por Aquel que o habita; 22e quen xura polo ceo, xura polo trono de Deus e mais por Aquel que está sentado nel.

23¡Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que pagádelo décimo pola menta, o anís e mais o comiño, e descoidades o máis importante da Lei: a xustiza, a misericordia e a fidelidade! Pero é isto o que hai que practicar, aínda que sen descoidar o outro. 24¡Guías de cegos, que coades o mosquito e tragades o camelo!

25¡Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que limpades por fóra a copa e mais o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e vicio! 26Fariseo cego, limpa primeiro o interior da copa para que o seu exterior fique tamén limpo.

27¡Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que vos parecedes ós sepulcros encalados, que por fóra parecen fermosos e por dentro están cheos de ósos de mortos e de impureza! 28Tamén vós por fóra parecedes homes xustos, pero por dentro estades cheos de hipocrisía e inxustiza.

29¡Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles construídes sepulcros ós profetas e adornades os monumentos dos xustos, 30e dicides: "Se vivísemos no tempo de nosos pais, nós non seriamos cómplices deles no asasinato dos profetas". 31De xeito que contra vós mesmos testemuñades que sodes os fillos dos que asasinaron ós profetas. 32¡Pois veña! ¡Acabade tamén vós de encher a medida de vosos pais!

33¡Cobras, niñada de víboras! ¿Como ides escapar da condena do inferno? 34Porque, ollade, eu mándovos profetas, sabios e letrados; a uns matarédelos e crucificarédelos, e a outros flaxelarédelos nas sinagogas, perseguíndoos de cidade en cidade. 35Así recaerá sobre vós todo o sangue inocente vertido na terra, desde o sangue de Abel, o xusto, ata o sangue de Zacarías, fillo de Baraquías, ó que matastes entre o santuario e o altar. 36Asegúrovos que todos estes crimes recaerán sobre esta xeración.

 

Laio por Xerusalén (Lc 13, 34-35)

 

37¡Xerusalén, Xerusalén, que matas os profetas e apedras os que che son enviados! ¡Cantas veces quixen aconchegar os teus fillos, como a galiña aconchega os seus pitiños baixo as súas ás, e non quixeches! 38Pois mirade: a vosa casa fica desolada, 39e asegúrovos que xa non me volveredes ver desde agora ata que digades: ¡Bendito o que vén no nome do Señor!

 

 

 

CAPÍTULO 24

 

A destrución do templo (Mc 13, 1-13; Lc 19, 41-44; 21, 5-19)

 

1Saíu Xesús do templo e, segundo ía camiñando, acercáronselle os discípulos e sinaláronlle as construcións do templo. 2El díxolles:

‑¿Vedes todo isto? Pois eu asegúrovos que se derrubará ata que non quede pedra sobre pedra.

3Estando el sentado no Monte das Oliveiras, achegáronselle os seus discípulos, preguntándolle en privado:

‑Anda, dinos cando van pasar estas cousas, e cal será o sinal da túa chegada e da fin do mundo.

4Respondeulles Xesús:

‑Estade atentos para que ninguén vos desoriente. 5Moitos virán dicindo: "Eu son o Mesías". E desnortarán a moita xente.

6Cando oiades falar de guerras ou de rumores de guerra, coidadiño con alarmarvos; pois teñen que vir, pero aínda non será a fin. 7Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá fame e terremotos en diversos lugares; 8e todo isto non será máis có comezo das dores.

9Daquela entregaranvos ás torturas, mataranvos e odiaranvos todos os pobos por causa miña. 10Entón moitos fallarán na fe, traizoaranse uns a outros e aborreceranse mutuamente. 11Aparecerán moitos falsos profetas, enganando a moita xente. 12E, ó crecer a maldade, arrefriarase o amor da maioría. 13Pero o que persevere ata o final, salvarase.

14Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes para dar testemuño a todos os pobos. Entón será a fin.

 

A destrución de Xerusalén (Mc 13, 14-24; Lc 21, 20-24)

 

15E cando vexades que a abominación da desolación, anunciada polo profeta Daniel, está no lugar santo ‑enténdao ben o lector‑, 16entón quen estea en Xudea que fuxa ó monte; 17quen estea na azotea que non baixe á casa nin para coller cousa ningunha; 18e quen estea na leira que non volva atrás a pola capa.

19¡Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días! 20Rogade para que a vosa fuxida non cadre no inverno, nin nun sábado. 21Porque haberá unha gran angustia, como non a houbo desde o principio do mundo, nin nunca máis a haberá. 22E, de non se abreviaren aqueles días, ninguén sairía con vida; pero por mor dos elixidos han ser abreviados.

23Se entón vos dixer alguén: "Mirade, velaquí está o Mesías", ou "alí o está", non lle fagades caso. 24Pois aparecerán falsos Mesías e falsos profetas, que farán grandes sinais e prodixios para desorientar a xente, e, se fose posible, incluso os mesmos elixidos. 25Mirade que quedades avisados.

26E se vos dixer alguén: "Mirade, está no deserto", non saiades; "mirade, está agachado na casa", non fagades caso. 27Pois, como o lóstrego sae do Oriente resplandecendo ata o Occidente, así será cando veña o Fillo do Home. 28Onde estea o cadáver amoréanse os voitres.

 

A chegada do Fillo do Home (Mc 13, 24-27; Lc 21, 25-28)

 

29Inmediatamente despois da calamidade daqueles días, o sol hase escurecer, a lúa deixará de aluar, as estrelas caerán do ceo e as potencias celestiais abalarán. 30Entón aparecerá o sinal do Fillo do Home no ceo. E todas as razas da terra daranse golpes no peito, vendo chegar o Fillo do Home enriba das nubes, con moito poder e gloria. 31E enviará os seus anxos cunha grande trompeta, para reuniren os elixidos desde os catro ventos, de cabo a cabo do mundo.

 

Exemplo da figueira (Mc 13, 28-31; Lc 21, 29-33)

 

32Aprendede da figueira esta comparanza: cando reverdecen as súas pólas e agroman as súas follas, botades de conta que o verán está preto. 33Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas, caede na conta de que está pretiño: á porta. 34Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. 35O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.

 

O día e a hora (Mc 13, 32-37; Lc 17, 26-30. 34-36)

 

36E en canto ó día aquel e á hora, ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; só o Pai.

37Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home. 38Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca; 39e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home. 40Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán ó outro. 41Estarán dúas mulleres moendo no muíño, levarán unha e deixarán a outra.

42Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. 43Entendédeo ben: se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. 44Así tamén: estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do Home.

 

Parábola do criado fiel (Mc 13, 33-37; Lc 12, 41-48)

 

45¿Quen é o criado fiel e prudente, a quen o Señor encargou o coidado de dar de comer á servidume no seu debido tempo? 46¡Ditoso o criado aquel a quen o seu amo, cando chegue, o atope cumprindo coa súa tarefa! 47Tende por seguro que lle encomendará toda a súa facenda. 48Pero se aquel mal empregado di para si: "O meu amo aínda non vén para agora", 49e empeza a bourar nos seus compañeiros, comendo e bebendo cos borrachos, 50o día menos pensado e á hora máis imprevista chégalle o amo 51e bótao fóra, cos hipócritas; alí será o pranto e mais o triscar dos dentes.

 

 

 

CAPÍTULO 25

 

Parábola das dez mociñas

 

1Entón o Reino dos Ceos parecerase a dez mociñas que, collendo os seus candís, saíron recibir o noivo. 2Cinco eran parvas e cinco asisadas. 3As parvas colleron os candís pero non os encheron de aceite; 4as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. 5Como o noivo tardaba, pegoulles o sono, e botaron unha durmidela.

6Alá pola media noite oíuse berrar: "¡Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!"

7Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís.

8Entón dixéronlles as parvas ás asisadas: "Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen". 9Responderon as asisadas: "Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda e que o merquedes".

10No intre que elas ían mercalo, chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas, e pechouse a porta. 11Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: "¡Señor, Señor, ábrenos!" 12Pero el respondeulles: "Asegúrovos que non vos coñezo".

13Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.

 

Parábola dos talentos (Lc 19, 11-27)

 

14Si, é tamén coma un home que, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e deulles o coidado da súa facenda. 15A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un, a cadaquén segundo a súa capacidade; despois marchou.

16De seguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco. 17Do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous. 18Pero o que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do seu amo.

19O cabo de moito tempo chegou o señor daqueles criados, pedíndolles contas. 20Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: "señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei". 21Díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor". 22Chegou o que recibira dous talentos e dixo: "señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei". 23E díxolle o señor: "Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar da festa do teu señor".

24Chegou tamén o que recibira un talento e díxolle: "señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. 25Por iso collín medo, e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu". 26Pero o señor respondeulle: "¡Mal criado, lacazán! ¿Conque sabías que sego onde non semento e recollo onde non boto? 27Pois, poñías os meus cartos no banco e, así, cando eu volvese, podía coller os cartos e mais os intereses. 28Así que quitádelle o talento e dádello ó que ten dez. 29Porque ó que ten, háselle dar e abondo; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. 30E ó criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes".

 

O xuízo final

 

31Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. 32Diante del xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. 33E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. 34Entón dirá o Rei ós da súa dereita:

"Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. 35Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; 36estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver".

37Entón preguntaranlle os xustos:

"Señor, ¿cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? 38¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? 39¿Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?"

40O rei contestaralles:

"Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo".

41E diralles logo ós da súa esquerda:

"Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para o Satán e para os seus anxos. 42Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede, e non me destes de beber; 43fun forasteiro e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes".

44Eles replicaranlle:

"Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?"

45El responderalles:

"Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.

46Daquela irán estes ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna".

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com