Capítulos 11-15

 

CAPÍTULO 11

 

1En rematando de lles dar estas instrucións ós doce discípulos, partiu de alí para ensinar e predicar por aquelas vilas.

 

Pregunta de Xoán e loanza de Xesús (Lc 7, 18-30)

 

2Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar:

3‑¿Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?

4Respondeulles Xesús:

‑Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: 5os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres estáselles anunciando a Boa Nova. 6¡E ditoso quen non se escandalice de min!

7Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:

‑¿Que fostes ver ó deserto?: ¿unha cana abaneada polo vento?

8Pois logo, ¿que fostes ver?: ¿un home vestido con roupas finas? Pero os que visten roupas finas están nos pazos dos reis. 9Pois logo, ¿a que saístes?: ¿a ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. 10Este é de quen está escrito:

Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti,

para que prepare o teu camiño.

11Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.

12Desde o tempo de Xoán Batista ata agora o Reino dos Ceos está a ser violentado, e os violentos repáñano. 13Pois ata Xoán profetizaron todos os Profetas e mais a Lei. 14El é Elías, o que tiña que vir; así que aceptádeo, se queredes. 15Quen teña oídos, que escoite.

 

Xesús xulga a súa xeración (Lc 7, 31-35)

 

16¿Con quen compararía eu esta xeración? Aseméllase a eses rapaces que, sentados no rueiro, rifan entre si 17dicindo:

Tocamos a frauta, e non bailastes;

fixemos o pranto, e non chorastes.

18Porque apareceu Xoán, que nin comía nin bebía, e din: "ten o demo no corpo"; 19apareceu o Fillo do Home, que come e bebe, e din: "que larpeiro, que bebedor e que amigo de recadadores e pecadores". Con todo, a sabedoría quedou acreditada polas súas obras.

 

Xesús censura as cidades (Lc 10, 13-15)

 

20Entón empezou a rifarlles ás vilas nas que fixera a maior parte dos milagres, pero que non se converteran.

21‑¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai xa tempo que facían penitencia cubertas de saco e de cinsa. 22Por iso dígovos: O día do Xuízo será moito máis livián para Tiro e Sidón do que para vós. 23E ti, Cafarnaún: ¿Seica pensas que vas chegar ata o ceo? ¡Asolagaraste no abismo!  Porque se en Sodoma se fixesen os milagres que se fixeron en ti, aínda duraba hoxe. 24Por iso dígovos que Sodoma terá un día do Xuízo máis livián ca vós.

 

Achegádevos a min (Lc 10, 21-22)

 

25Naquel tempo dixo Xesús:

‑Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e ós prudentes e llas revelaches á xente humilde. 26Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. 27Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece ó Fillo agás o Pai, nin coñece ó Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.

28Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. 29Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; 30porque o meu xugo é livián e a miña carga lixeira.

 

 

 

CAPÍTULO 12

 

O asunto das espigas no sábado (Mc 2, 23-28; Lc 6, 1-5)

 

1Naquel tempo pasou Xesús nun sábado por unhas leiras traballadas. Os seus discípulos sentiron fame e empezaron a arrincar espigas e comelas. 2Os fariseos, vendo aquilo, dixéronlle:

‑Mira que os teus discípulos fan o que non está permitido facer no sábado.

3El contestoulles:

‑¿Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu fame el e mais os seus acompañantes? 4Entrou na casa de Deus e comeu pan do ofrecido, cousa que non lle estaba permitida a el nin ós seus acompañantes, senón só ós sacerdotes. 5¿E non tendes lido na Lei que os sacerdotes no templo quebrantan o sábado sen por iso seren culpables? 6Pois eu asegúrovos que aquí hai algo meirande có templo. 7Se entendésedes ben o que significa: Misericordia quero e non sacrificios, non condenabades a estes inocentes. 8Porque o Fillo do Home é Señor do sábado.

 

O home da man tolleita (Mc 3, 1-6; Lc 6, 6-11)

 

9E saíndo de alí foi á sinagoga deles. 10Había alí un home que tiña unha man tolleita e preguntáronlle para o tentar:

‑¿E logo,  está permitido curar en sábado?

11El respondeulles:

‑¿Quen de vós que teña unha soa ovella, se lle cae en sábado nun foxo, non a colle e a saca de alí? 12Pois un home vale moito máis ca unha ovella: polo tanto está permitido facer ben no sábado.

13E coa mesma díxolle ó home:

‑Estende a túa man.

El estendeuna e púxoselle tan sa coma a outra. 14E con só saír, os fariseos empezaron a maquinar na maneira de acabar con el.

 

Xesús, o servo de Deus

 

15Xesús, ó sabelo, decidiu ir para outro lado, seguido por moitos e curando a todos. 16E mandoulles que non o descubrisen, 17para que se cumprise o que dixera o profeta Isaías:

18Velaquí o meu servo, o meu elixido,

o meu amado, a miña regalía.

Pousarei o meu Espírito sobre el,

para que anuncie o dereito ás nacións.

19Non discutirá nin berrará,

ninguén oirá a súa voz polos rueiros.

20Non crebará a canivela cascada,

nin apagará a torcida que fumega

ata que faga triunfar o dereito:

21El será a esperanza das nacións.

 

Xesús e Belcebul (Mc 3, 22-30; Lc 11, 14-23; 12, 10)

 

22Trouxéronlle, daquela, un endemoñado cego e mudo. El curouno e o mudo falaba e vía. 23E todos pasmados dicían:

‑¿Non será este o Fillo de David?

24Pero os fariseos, oíndo isto, dixeron:

‑Este non bota os demos se non é co poder de Belcebul, xefe dos demos.

25El, coñecendo os seus pensamentos, díxolles:

‑Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado; nin pode manterse en pé unha cidade ou unha familia dividida contra si mesma. 26E se Satán bota a Satán, está dividido contra si mesmo. ¿Como se vai manter, logo, en pé o seu reino? 27E se eu boto os demos co poder de Belcebul, ¿os vosos fillos co poder de quen os botan? Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. 28Pero se boto os demos polo Espírito de Deus, vese que xa chegou a vós o Reino de Deus. 29Pois ¿como poderá entrar alguén na casa dun home forte e roubarlle canto ten, se primeiro non ata ó home forte para logo arramplar con todo canto hai na casa?

30Quen non está comigo está contra min; e o que non recolle comigo, derrama. 31Por iso asegúrovos que ós homes háselles perdoar calquera pecado e blasfemia, pero o pecado contra o Espírito non terá perdón. 32E a quen fale contra o Fillo do Home poderáselle perdoar, pero a quen fale en contra do Espírito Santo non se lle perdoará, nin neste mundo nin no vindeiro.

 

A árbore e os froitos (Lc 6, 43-45)

 

33Se unha árbore é boa, dará froito bo; e se é mala, o seu froito será malo. Porque a árbore coñécese polo froito.

34¡Raza de víboras! ¿Como ides falar ben sendo vós malos? Pois do que reborda o corazón fala a boca. 35O home bo saca boas cousas do tesouro da súa bondade, pero o home ruín saca cousas ruíns do pozo da súa maldade. 36Asegúrovos que toda palabra falsa que digan os homes háselles ter en conta no día do Xuízo. 37Pois polas túas palabras declararante xusto e polas túas palabras condenarante.

 

O sinal de Xonás (Mc 8, 11-12; Lc 11, 29-32)

 

38Entón, para replicar, algúns letrados e fariseos dixéronlle:

‑Mestre, queremos ver un sinal teu.

39Respondeulles el:

‑¡Unha xeración perversa e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle dará máis sinal có de Xonás o profeta. 40Que así como estivo Xonás no ventre do peixe, así estará o Fillo do Home no seo da terra tres días e tres noites. 41Os habitantes de Nínive enfrontaranse no Xuízo con esta xeración para condenala, porque se converteron cando escoitaron a predicación de Xonás; pero aquí está quen é máis ca Xonás. 42A raíña do Sur enfrontarase no Xuízo con esta xeración e fará que a condenen; porque ela veu desde o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón e aquí está quen é máis ca Salomón.

 

Volta do espírito malo (Lc 11, 24-26)

 

43Cando o espírito inmundo sae do home vai polos ermos adiante buscando acougo sen atopalo. 44Entón di: "Volverei á casa de onde saín", e ó chegar atopa a casa desocupada, varrida e ordenada. 45Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el e establécense alí; e o final daquel home acaba sendo peor có principio. Así lle vai pasar tamén a esta xeración malvada.

 

A nai e os irmáns de Xesús (Mc 3, 31-35; Lc 8, 19-21)

 

46Mentres Xesús lle estaba falando á xente, súa nai e mais os seus irmáns presentáronse fóra buscando o xeito de falaren con el. 47Díxolle un:

‑Mira que túa nai e mais os teus irmáns están aí fóra, que te buscan para falaren contigo.

48El respondeu ó que llo dicía:

‑¿Quen é miña nai e quen son os meus irmáns?

49E, sinalando coa man os seus discípulos, dixo:

‑Velaí a miña nai e mais os meus irmáns. 50O que cumpre a vontade do meu Pai celestial, ese é o meu irmán, a miña irmá e mais a miña nai.

 

 

 

CAPÍTULO 13

 

Parábola do sementador (Mc 4, 1-9; Lc 8, 4-8)

 

1Naquel día Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar. 2Tanta era a xente reunida ó pé del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na beira. 3E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:

‑Dunha vez saíu un labrego a sementar. 4E ó botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. 5Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; 6pero non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou. 7Outra parte caeu na silveira, e ó medraren as silvas afogárona. 8Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. 9¡Quen teña oídos que escoite!

 

O motivo das parábolas (Mc 4, 10-12; Lc 8, 9-10)

 

10E achegándose os discípulos dixéronlle:

‑¿Por que lles falas en parábolas?

11El respondeulles:

‑Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino dos Ceos, pero a eles non. 12Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten aínda o que ten se lle quitará. 13Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando, non oen nin entenden. 14Cúmprese así neles o que profetizara Isaías dicindo:

Oír, oiredes, pero non entenderedes;

ollar, ollaredes, pero non veredes.

15Porque o corazón deste pobo está insensibilizado:

endureceron os seus oídos

e pecharon os seus ollos,

para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos,

nin entenderen co seu corazón nin se converteren

para que eu os cure.

16¡Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e mais os vosos oídos, porque oen! 17Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ver o que vós vedes, e non o viron, e oír o que vos oídes, e non o oíron.

 

Explicación da parábola do sementador (Mc 4, 13-20; Lc 8, 11-15)

 

18Escoitade, logo, vós a parábola do sementador: 19Sempre que un escoita a Palabra do Reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón: esa é a que caeu no camiño. 20O que caeu entre as pedras, vén ser aquel que, escoitando a Palabra, de seguida a recibe con alegría; 21pero, ó non ter raíz e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandona. 22O que cae na silveira, vén ser aquel que escoita a Palabra; pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito. 23Pero o que foi sementado en boa terra, vén ser aquel que escoita a Palabra e a comprende: este si que dá froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.

 

Parábola do xoio no medio do trigo

 

24E contoulles outra parábola:

‑Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. 25Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. 26Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.

27Os criados do dono fóronlle dicir: "Señor, ¿ti non sementaras boa semente na túa leira? ¿De onde lle vén, logo, o xoio?" 28El contestoulles: "Isto é obra dun inimigo".

Os criados preguntáronlle: "¿Queres que o vaiamos arrincar?" 29El respondeulles: "Non, non sexa que ó collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. 30Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir ós segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en mollos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".

 

Parábola do gran de mostaza e mais do fermento (Mc 4, 30-32; Lc 13, 18-21)

 

31E contoulles outra parábola:

‑O Reino dos Ceos é semellante a un gran de mostaza que un home sementou na súa horta. 32A mostaza vén sendo a máis pequerrecha de todas as sementes; pero cando medra chega a ser meirande ca todas as hortalizas, converténdose nunha árbore; de tal xeito, que mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas pólas.

33Díxolles outra parábola:

‑O Reino dos Ceos é semellante ó fermento que unha muller amasou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.

34Todo isto lle falou Xesús en parábolas á xente, e nada lle falaba que non fose por medio de parábolas. 35De xeito que se cumprise o que dixera o profeta:

Abrirei a miña boca para dicir parábolas,

proclamarei cousas escondidas desde que o mundo é mundo.

 

Explicación da parábola do xoio

 

36Entón, deixando á xente, foise para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:

‑Explícanos a parábola do xoio na leira.

37El respondeu:

‑O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; 38a leira é o mundo; a boa semente son os fillos do Reino; o xoio son os fillos do Malo. 39O inimigo que a sementa é o Satán; a sega é a fin do mundo e os segadores son os anxos. 40E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo. 41Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino todos os escándalos e a todos os que fan o mal; 42e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. 43Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite.

 

Parábola do tesouro, da perla e mais da        rede

 

44O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira: o home que o atopou vólveo a agachar; e, cheo de alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira.

45Tamén se parece o Reino dos Ceos a un tratante de perlas finas: 46en atopando unha de grande valor, foi vender canto tiña e mercouna.

47Do mesmo xeito é semellante o Reino dos Ceos a un aparello de rapeta largado no mar, que recolleu peixes de todas as castes. 48Unha vez cheo, tiran por el para a ribeira e, sentados, escollen os bos nun queipo e os malos tiran con eles. 49Así será na fin do mundo: sairán os anxos e arredarán os malos dos xustos 50para botalos no forno do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes.

51‑¿Entendedes todo isto?

Eles responderon:

‑Entendemos.

52El concluíu:

‑Por iso todo letrado que se fai discípulo do Reino dos Ceos parécese ó dono dunha casa que saca das súas arcas o novo e mais o vello.

 

Xesús en Nazaret (Mc 6, 1-6; Lc 4, 16-30)

 

53E resulta que cando Xesús acabou de expoñer estas parábolas marchou de alí, 54indo para a súa terra. Alí con tal xeito lles ensinaba na sinagoga que dicían abraiados:

‑¿De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres? 55¿Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama María súa nai; e seus irmáns Santiago, Xosé, Simón e Xudas? 56E súas irmás ¿non viven connosco? Entón ¿de onde lle vén todo isto?

57Estaban realmente escandalizados por causa del. Pero Xesús díxolles:

‑A un profeta só o aceptan mal na súa terra e na súa casa.

58E alí non fixo moitos milagres pola falta de fe daquela xente.

 

 

 

CAPÍTULO 14

 

Morte do Bautista (Mc 6, 14-30; 9, 7-9)

 

1Naquel tempo chegou a sona de Xesús ós oídos de Herodes, o tetrarca.

2Este comentou cos seus cortesáns:

‑Ese é Xoán Bautista, que resucitou de entre os mortos con poderes milagrosos.

3Pois Herodes prendera a Xoán, meténdoo na cadea por cousa de Herodías, muller de seu irmán Filipo. 4Porque Xoán non paraba de lle dicir:

‑Non che está permitido vivir arrimado con ela.

5E aínda que Herodes o quería matar, tíñalle medo á xente, que o consideraba un profeta. 6Mais, cando Herodes celebrou o seu día de anos, a filla de Herodías bailou diante de todos. E tanto lle agradou a Herodes 7que lle prometeu baixo xuramento darlle o que lle pedira. 8Ela, encirrada pola súa nai, díxolle:

‑Tráeme nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.

9O rei entristeceuse, pero, como o xurara e por cousa dos convidados, ordenou que lla trouxesen, 10e mandou que fosen decapitar a Xoán na cadea. 11Trouxeron a cabeza nunha bandexa e entregáronlla á rapaza, que lla levou á nai. 12Logo viñeron os seus discípulos recoller o corpo e sepultalo. Despois foron informar a Xesús.

 

Primeira multiplicación do pan (Mc 6, 30-44; Lc 9, 10-17; Xn 6, 1-14)

 

13Cando o soubo Xesús retirouse de alí nunha barca a un lugar deserto e arredado. En canto a xente o soubo, foino seguindo por terra desde as vilas. 14Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El, conmovido, curou a todos os enfermos. 15Chegada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle:

‑O lugar está moi arredado e a hora moi avanzada: será mellor que despidas a xente para que vaian ás aldeas e merquen comida.

16Xesús díxolles:

‑Non precisan marchar, dádelles vós de comer.

17Eles responderon:

‑Aquí non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes.

18Pero Xesús replicoulles:

‑Pois, traédemos aquí.

19E mandando recostar á xente na herba, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a mirada ó ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e déullelos ós discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente. 20E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas. 21Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.

 

Anda por riba da auga (Mc 6, 45-52; Xn 6, 16-21)

 

22De seguida mandou ós seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a xente. 23Despois de despedila, subiu ó monte para orar el só, e alí colleuno a anoitecida.

24E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra. 25O riscar o día, Xesús foi cara a eles, camiñando polo mar. 26E, os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse dicindo: "é unha pantasma", e, cheos de medo, empezaron a berrar. 27De seguida faloulles Xesús dicindo:

‑Tranquilos, non teñades medo, que son eu.

28Respondeulle Pedro:

‑Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.

29El díxolle:

‑Ven.

Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. 30Pero, ó sentir o vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar:

‑¡Señor, sálvame!

31Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:

‑Home de pouca fe, ¿por que dubidas?

32E ó subiren eles á barca, quedouse o vento. 33Os que estaban na barca prostráronse ante el dicindo:

‑Realmente ti es Fillo de Deus.

 

Curacións en Xenesaret (Mc 6, 53-56)

 

34Rematada a travesía, chegaron á terra de Xenesaret. 35O recoñecelo, os homes do lugar mandaron aviso a toda a comarca. Leváronlle todos os enfermos, 36rogándolle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E cantos o tocaron, curaron.

 

 

 

CAPÍTULO 15

 

A tradición dos devanceiros (Mc 7, 1-23)

 

1Entón achegáronse a Xesús un grupo de fariseos e letrados de Xerusalén e preguntáronlle:

2‑¿Por que os teus discípulos quebrantan a tradición dos devanceiros e non lavan as mans antes de comer?

3El contestoulles:

‑¿E logo por que quebrantades vós o mandamento de Deus por causa de vosa tradición? 4Porque Deus dixo: Mira por teu pai e mais por túa nai, e quen abandone a seu pai ou súa nai é reo de morte. 5Pero vós dispoñedes: "quen lle diga a seu pai ou a súa nai: ofrézolle ó templo o sustento que teño para vós, 6non ten por que coidar de seu pai"; así invalidades o mandamento de Deus por mor da vosa tradición.

7¡Hipócritas! Ben profetizou de vós o profeta Isaías cando dixo:

8Este pobo hónrame cos labios,

pero o seu corazón está lonxe de min.

9Inutilmente me renden culto,

porque a doutrina que ensinan

non son máis ca costumes humanos.

10E, convocando á xente, díxolles:

‑Escoitade e procurade entender: 11Non é o que entra pola boca o que mancha ó home; o que sae pola boca, iso si que mancha ó home.

12E, achegándoselle os discípulos, dixéronlle:

‑¿Ti sabes que os fariseos se escandalizaron ó escoitaren a túa palabra?

13El contestoulles:

‑Toda planta que non plantase meu Pai celestial  arrincarase de raíz. 14Deixádeos: son cegos e guías de cegos. Se un cego guía a outro cego, ambos caerán na cova.

15Rogoulle Pedro:

‑Explícanos a comparanza.

16El díxolle:

‑¿Tamén vós estades aínda sen entender? 17¿Non comprendedes que todo o que entra pola boca vai dar ó ventre, e de alí ó escusado? 18Pero o que sae pola boca procede do corazón, e isto si que mancha ó home. 19Porque do corazón proceden os malos pensamentos, os asasinatos, os adulterios, as fornicacións, os roubos, os falsos testemuños, as blasfemias. 20Isto é o que mancha ó home; pero comer sen lavar as mans, iso non mancha ó home.

 

Viaxe polos arredores de Galilea. A muller cananea (Mc 7, 24-30)

 

21Saíndo de alí foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. 22E apareceu unha muller cananea daqueles contornos, que berraba:

‑Compadécete de min, Señor, Fillo de David: a miña filla está atormentada por un demo.

23Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, rogábanlle:

‑Despídea, que vén berrando detrás de nós.

24El contestoulles:

‑Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.

25Pero ela alcanzounos e, prostrándose, suplicoulle:

‑¡Señor, váleme!

26El respondeulle:

‑Non é ben quitarlles o pan ós fillos para llelo botar ós cadelos.

27Pero ela contestou:

‑Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.

28Entón respondeulle Xesús:

‑¡Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas!

E a súa filla ficou sa naquela hora.

 

Máis curacións

 

29Marchou Xesús daquela terra e chegou onda o mar de Galilea. Subiu a un monte e sentou alí. 30E veu a pé del un mundo de xente, traendo consigo coxos, cegos, eivados, xordos e outros moitos; botábanos ós pés de Xesús e el curábaos a todos. 31De xeito que a xente ficaba pasmada vendo os mudos falar, curados os eivados, os coxos andar e os cegos ver; e glorificaban ó Deus de Israel.

 

Segunda multiplicación do pan (Mc 8, 1-10)

 

32Chamou Xesús polos seus discípulos e díxolles:

‑Dáme pena esta xente: hai tres días que veñen tras miña e non teñen que levar á boca. Non os quero despedir sen tomaren nada, porque poderían esmorecer polo camiño.

33Dixéronlle os discípulos:

‑¿E de onde imos sacar, nun lugar deserto, pan abondo para fartar tanta xente?

34Pero el preguntoulles:

‑¿E logo, cantos pans tedes?

Eles responderon:

‑Sete e mais algúns peixes.

35Mandou que a xente sentase no chan; 36despois colleu os sete bolos e mais os peixes, rezou a acción de grazas, partiunos e déullelos ós seus discípulos; e os discípulos dábanllos á xente. 37Comeu a xente a se fartar, e cos anacos que sobraron encheron sete cestas. 38Os que comeron eran uns catro mil homes, sen contar mulleres nin nenos.

39Despois, despediu a xente, subiu á barca e foise para a terra de Magadán.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com