Capítulos 1-5

NACEMENTO E INFANCIA DE XESÚS

 

CAPÍTULO 1

 
Xenealoxía de Xesús (Lc 3, 23-38)
 
1Libro da xenealoxía de Xesús Cristo, fillo de David, fillo de Abraham. 2Abraham xerou a Isaac. Isaac xerou a Xacob. Xacob xerou a Xudá e mais os seus irmáns. 3Xudá, de Tamar, xerou a Peres e mais a Zarán. Peres xerou a Esrón. Esrón xerou a Arán. 4Arán xerou a Aminadab. Aminadab xerou a Naasón. Naasón xerou a Salmón. 5Salmón, de Rahab, xerou a Booz. Booz, de Rut, xerou a Obed. Obed xerou a Iexé. 6Iexé xerou ó rei David.
David, da que foi muller de Urías, xerou a Salomón. 7Salomón xerou a Roboam. Roboam xerou a Abías. Abías xerou a Asá. 8Asá xerou a Ioxafat. Ioxafat xerou a Ioram. Ioram xerou a Ozías. 9Ozías xerou a Ioatán. Ioatán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías. 10Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón xerou a Ioxías. 11Ioxías xerou a Ieconías e mais os seus irmáns, en tempos da deportación a Babilonia.
12Despois da deportación a Babilonia, Ieconías xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel. 13Zerubabel xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Asor. 14Asor xerou a Sadoc. Sadoc xerou a Aquim. Aquim xerou a Eliud. 15Eliud xerou a Elazar. Elazar xerou a Matán. Matán xerou a Xacob. 16Xacob xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.
17Foron, logo, catorce as xeracións desde Abraham ata David, catorce tamén desde David ata a deportación de Babilonia, e catorce desde a deportación de Babilonia ata Cristo.
 
Nacemento de Xesús (Lc 1, 27-35; 2, 1-7)
 
18O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. 19Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. 20Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
 Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. 21Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
22Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
23Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo,
e poñeranlle de nome Emmanuel
(que quere dicir "Deus connosco").
24Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo a súa prometida; 25e sen que a tocase, ela deu a luz un fillo. E el púxolle de nome Xesús.
 
 
 

CAPÍTULO 2

 
Adoración dos magos
 
1Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
2 ¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente, e vimos para lle rendermos homenaxe.
3Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse, e con el toda Xerusalén. 4Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. 5Eles responderon:
 En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
6E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena,
entre as vilas de Xudea,
que de ti ha saír o guía
que será o pastor do meu pobo Israel.
7Entón Herodes, ás agachadas, chamou ós magos, para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. 8Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
 Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a lle render homenaxe.
9Eles, despois de oíren ó rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. 10Grande alegría sentiron ó veren saír de novo a estrela.
11E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle coma regalo ouro, incenso e mirra. 12Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súa terra por outro camiño.
 
Exilio en Exipto e matanza dos inocentes
 
13En canto se foron, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle:
 Érguete, colle o neno e mais a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.
14Xosé ergueuse, colleu o neno e mais a nai, pola noite, e alá se foi para Exipto. 15Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta:
Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto.
16Daquela Herodes, decatándose de que fora burlado polos magos, incomodouse moito. E, botando contas polos datos dos magos, mandou matar a todos os nenos de dous anos para abaixo, de Belén e da bisbarra. 17Daquela cumpriuse tamén o dito polo profeta Xeremías:
18Oíuse un berro en Ramah,
choros e moito lamento:
é Raquel que chora polos seus fillos,
e non se quere consolar porque xa non existen.
 
Volta para Nazaret
 
19En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé en Exipto 20e díxolle:
 Érguete, colle o neno e mais a nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno.
21Ergueuse Xosé, e collendo o neno e mais a nai, foise para a terra de Israel. 22Pero, ó saber que Arquelao reinaba en Xudea, en lugar de seu pai, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños, marchou para a banda de Galilea, 23indo vivir a unha vila chamada Nazaret. Cumpriuse así o que dixeran os profetas: que se chamaría nazareno.
 
 
 
PREPARACIÓN DA PREDICACIÓN DE XESÚS
 

CAPÍTULO 3

 
Xoán Bautista (Mc 1, 2-8; Lc 3, 1-18)
 
1Naqueles días apareceu Xoán Bautista no deserto, proclamando:
2 Convertédevos, que xa chega o Reino dos Ceos.
3El era de quen dixera o profeta Isaías:
Unha voz clama no deserto:
Preparade o camiño do Señor,
endereitade os seus vieiros.
4Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguideiro de coiro no van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. 5Ia onda el xente de Xerusalén, de toda Xudea e mais da banda do Xordán. 6Confesaban os seus pecados e el bautizábaos no Xordán.
7Como se decatara de que moitos fariseos e saduceos viñan a que os bautizase, díxolles:
 ¡Raza de víboras! ¿Quen vos ensinou a fuxir do castigo que está a chegar? 8Dade froitos dignos dunha verdadeira conversión, 9e non vos fagades ilusións dicindo entre vós: "Somos fillos de Abraham", porque vos aseguro que Deus pode sacar fillos de Abraham mesmo destas pedras. 10Xa está a machada posta contra a raíz das árbores, e toda árbore que non dea froito cortarase e botarase ó lume.
11Eu bautízovos con auga para que vos convertades. Pero o que vén detrás miña é máis forte ca min, e nin tan sequera son digno de lle levar as sandalias. El havos bautizar co Espírito Santo e con lume. 12Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira e na hucha recoller o trigo; e ha queimar a palla nun lume que nunca se apaga.
 
Bautismo de Xesús (Mc 1, 9-11; Lc 3, 21-22)
 
13Entón apareceu Xesús, que viña desde Galilea ó Xordán, para que Xoán o bautizase. 14Xoán trataba de impedilo dicindo:
 ¿Como vés ti onda min, se es ti quen me tes que bautizar a min?
15Xesús respondeulle:
 Deixa agora, pois convén que cumpramos a vontade de Deus.
Xoán accedeu. 16Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar como unha pomba ata se pousar enriba del. 17E oíuse desde o ceo unha voz que dicía:
 Este é o meu fillo benquerido, o predilecto.
 
 
 

CAPÍTULO 4

 
As tentacións (Mc 1, 12-13; Lc 4, 1-13)
 
1Foi entón cando o Espírito conduciu a Xesús ó deserto, para que Satán o tentase. 2Despois de xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter fame. 3O tentador, achegándose a el, díxolle:
 Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan.
4Pero el respondeu:
 Está escrito:Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus.
5Levouno logo o Satán á cidade santa, e púxoo na atalaia do templo, 6dicíndolle:
 Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: Mandará os seus anxos para que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas pedras.
7Xesús respondeu:
 Tamén está escrito: Non tentarás o Señor, o teu Deus.
8Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, 9díxolle:
 Heiche dar todo isto se te prostras e me adoras.
10Entón replicoulle Xesús:
 Arreda, Satán, porque está escrito: Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto.
11Deixouno o Satán, e achegáronse os anxos para o serviren.
 
EN GALILEA
 
A Boa Nova (Mc 1, 14-15; Lc 4, 14-15)
 
12Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. 13Deixando Nazaret, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, 14para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
15Terra de Zebulón, terra de Naftalí,
camiño do mar na outra ribeira do Xordán.
Galilea dos pagáns.
16O pobo que xacía na escuridade
viu unha gran luz:
Para os que habitaban no escuro país da morte
brillou unha alborada.
17E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
 Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.
 
Os primeiros discípulos (Mc 1, 16-20; Lc 5, 1-11)
 
18Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e Andrés; os dous, que eran pescadores, estaban largando o aparello no mar. 19Díxolles:
 Vide comigo, e fareivos pescadores de homes.
20Eles deixaron de contado o aparello, e seguírono. 21Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando o aparello. Tamén os chamou, e 22eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguírono.
23Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo. 24Falábase del en toda Siria e traíanlle enfermos con toda clase de doenzas e padecementos, endemoñados, epilépticos, tolleitos; e a todos curaba. 25Eran moitos os que o seguían, un mundo de xente chegada de Galilea, Decápole, Xerusalén, Xudea e da outra banda do Xordán.
 
 
 

CAPÍTULO 5

 
Anuncio da verdadeira dita (Mc 9, 50; Lc 6, 20-23)
 
1Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos, 2e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
3 Ditosos os que teñen espírito de pobres,
porque deles é o Reino dos Ceos.
4Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
5Ditosos os non violentos,
porque eles herdarán a terra.
6Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
7Ditosos os misericordiosos,
porque eles acadarán a misericordia.
8Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
9Ditosos os que traballan pola paz
porque eles serán chamados fillos de Deus.
10Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos Ceos.
11Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: 12alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos; do mesmo xeito perseguiron ós profetas anteriores a vós.
 
Sal da terra, luz do mundo (Mc 4, 21; 9, 50; Lc 11, 33-36)
 
13Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.
14Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. 15Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. 16Alume así a vosa luz ós homes, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen a voso Pai que está nos Ceos.
 
Nova interpretación da Lei
 
17Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento. 18Porque vos aseguro: mentres non pasen o ceo e mais a terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que todo se cumpra. 19E quen falte a un destes mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer ós outros, será declarado o máis pequeno no Reino dos Ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos Ceos. 20Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no Reino dos Ceos.
 
A ira
 
21Tedes oído que se lles dixo ós vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo ante o tribunal. 22Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo ante o tribunal; quen o alcume será reo ante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
23Se ó presentares a túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, 24pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve a presentar a túa ofrenda.
25Ponte de acordo, canto antes, co teu preiteante mentres ides de camiño; non sexa que te entregue ó xuíz, o xuíz ó garda, e te boten na cadea. 26Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.
 
O adulterio (18, 8-9; Mc 9, 43-49)
 
27Tedes oído que foi dito: Non cometerás adulterio.  28Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
29Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. 30Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.
 
O repudio  (19, 9; Mc 10, 11-12; Lc 16, 18)
 
31Ténsevos dito: Quen repudie á súa muller, déalle acta de repudio. 32Pero eu dígovos: Todo o que repudia á súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.
 
O xuramento
 
33Tamén tedes oído que se lles dixo ós devanceiros: Non xurarás en falso, e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ó Señor. 34Pero eu dígovos: Non xuredes nunca: nin polo ceo, que é o trono de Deus; 35nin pola terra, porque é escano para os seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran Rei. 36Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo. 37Falade, logo, deste xeito: "Si", cando é si; "Non", cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.
 
A vinganza (Lc 6, 29-30) 
 
38Tedes oído que se vos dixo: Ollo por ollo e dente por dente. 39Pero eu dígovos: non volvades mal por mal. O contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; 40a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; 41a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. 42A quen che pide, dálle; e non te vires de costas a quen che pida emprestado.
 
Amor ós inimigos (Lc 6, 27-28. 32-36)
 
43Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. 44Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. 45Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos. 46Porque, se amades os que vos aman, ¿que recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? 47E se saudades soamente a vosos irmáns, ¿que facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? 48Daquela sede bos sen exclusivismos, coma o voso Pai celestial é totalmente bo.
 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com