Capítulos 26-28

 

A PAIXON

 

CAPÍTULO 26

 

Conspiración contra Xesús (Mc 14, 1-2; Lc 22, 1-2; Xn 11, 45-53)

 

1Cando Xesús rematou este discurso díxolles ós seus discípulos:

2‑Xa sabedes que pasado mañá é a Pascua e van entregar o Fillo do Home para que o crucifiquen.

3Entón reuníronse os sumos sacerdotes e mais os senadores do pobo no pazo do sumo sacerdote chamado Caifás, 4e ordenaron prender a Xesús á traizón e matalo. 5Pero dicían: "Durante a festa non, para que non se arme un rebumbio cando hai aquí tanta xente".

 

Unción en Betania (Mc 14, 3-9; Xn 12, 1-8)

 

6Estando Xesús en Betania na casa de Simón o gafo, 7achegouse a el unha muller cun frasco de alabastro cheo dun perfume moi caro, e untoulle a cabeza mentres estaba recostado á mesa. 8O veren aquilo, os discípulos indignáronse dicindo:

‑Pero, ¿a que vén este estrago? 9Podíase vender por moitos cartos e dárllelos ós pobres.

10Xesús, decatándose, díxolles:

‑¿Por que molestades a esa muller? Ben está o que fixo comigo. 11Os pobres sempre os tendes convosco, pero a min non sempre me teredes. 12Unxindo con este perfume o meu corpo, preparoume para a sepultura. 13E asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra dela, do que acaba de facer.

 

Traizón de Xudas (Mc 14, 10-11; Lc 22, 3-6)

 

14Entón foi un dos Doce, chamado Xudas Iscariote, onda os sumos sacerdotes e 15díxolles:

‑¿Canto me dades se volo entrego?

Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. 16E desde entón andaba buscando o momento axeitado para llelo entregar.

 

Preparación da Pascua (Mc 14, 12-16; Lc 22, 7-13)

 

17No primeiro día dos Ácimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús:

‑¿Onde queres que che preparemos a cea pascual?

18El respondeu:

‑Ide á cidade, á casa de fulano e dicídelle: "O Mestre di: O momento está preto; vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa".

19Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.

 

Anuncio da traizón (Mc 14, 17-21; Lc 22, 14. 21-23)

 

20Chegado o solpor, púxose á mesa cos Doce. 21E mentres ceaban díxolles:

‑Asegúrovos que un de vós me vai entregar.

22Moi tristes empezaron a preguntarlle un por un:

‑¿Non serei eu, Señor?

23El respondeu:

‑Un que meteu comigo a man no prato, ese entregarame.

24O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero ¡ai daquel que entrega ó Fillo do Home! Máis lle valía non nacer.

25Entón Xudas, o que o ía entregar, preguntoulle:

‑¿Non serei eu, Mestre?

Respondeulle:

‑Ti o dixeches.

 

A  Eucaristía (Mc 14, 22-25; Lc 22, 15-20)

 

26Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando grazas, partiuno e déullelo ós seus discípulos, dicindo:

‑Tomade e comede: isto é o meu corpo.

27E collendo unha copa, dando grazas, déullela dicindo:

‑Bebede todos dela. 28Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados. 29E asegúrovos que desde agora non volverei beber este produto da viña ata o día que o beba, noviño, convosco no Reino do meu Pai.

 

Anuncio das negacións de Pedro (Mc 14, 27-31; Lc 22, 31-34; Xn 13, 36-38)

 

30Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras. 31Entón díxolles Xesús:

‑Esta noite todos ides tropezar na vosa fe por causa miña, conforme está escrito:

Ferirei o pastor e dispersaranse as ovellas do rabaño. 32Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea.

33Replicoulle Pedro:

‑Aínda que todos tropecen pola túa causa, eu si que non tropezarei.

34Respondeulle Xesús:

‑Pois ti ten por seguro que esta mesma noite, antes de que cante o galo, hasme negar tres veces.

35Díxolle Pedro:

‑Aínda que teña que morrer contigo, endexamais non te negarei.

E o mesmo dixeron todos os discípulos.

 

A oración en Xetsemaní (Mc 14, 32-42; Lc 22, 39-46)

 

36Entón chegou Xesús cos seus discípulos a un terreo chamado Xetsemaní e díxolles:

‑Sentade aquí, mentres eu vou orar.

37E, levando consigo a Pedro e mais ós dous fillos do Zebedeo, empezou a poñerse triste e a sentirse fondamente angustiado. 38E díxolles:

‑Morro de tristura; quedade aquí, e vixiade comigo.

39E avantando un pouco, caeu rostro en terra, mentres rogaba:

‑Meu Pai, se é posible, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti.

40E, volvendo onda os discípulos, atopounos durmindo. Díxolle a Pedro:

‑¿Non puidestes velar comigo nin tan sequera unha hora? 41Estade á espreita e orade, para que non entredes na tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil.

42E arredándose de novo, por segunda vez púxose a orar dicindo:

‑Meu Pai, se este cáliz non pode pasar sen que eu o beba, fágase a túa vontade.

43E, volvendo de novo, atopounos tombados, porque lles caían os ollos co sono. 44Deixounos e arredouse de novo, e púxose a orar por terceira vez, repetindo as mesmas palabras. 45Despois volveu onda os seus discípulos e díxolles:

‑¿Conque aínda durmides e descansades? Pois sabede que xa chega a hora e o Fillo do Home vai ser entregado nas mans dos pecadores. 46¡Veña, erguédevos e vaiámonos, que xa está aquí o que me vai entregar!

 

Detención de Xesús (Mc 14, 43-50; Lc 22, 47-53; Xn 18, 3-12)

 

47Aínda estaba falando cando chegou Xudas, un dos Doce, acompañado dun tropel de xente con espadas e paus, mandada polos sumos sacerdotes e polos senadores do pobo. 48O traidor déralles esta contrasinal:

‑A quen eu lle dea un bico, ese é, prendédeo.

49De seguida achegouse a Xesús e díxolle:

‑¡Saúde, Mestre!

E bicouno. 50Xesús respondeulle:

‑Amigo, ¿e para isto viñeches?

Entón, adiantáronse, botáronlle a man enriba a Xesús e prendérono.

51Pero un dos que estaba con Xesús, botando man á súa espada, desenvaiñouna, e feriu ó criado do sumo sacerdote, rabenándolle unha orella. 52Pero Xesús díxolle:

‑Volve a espada ó seu sitio, pois todos os que levan espada pola espada perecerán. 53¿Seica pensas que non podo acudir a meu Pai? El poñería á miña disposición, agora mesmiño, máis de doce lexións de anxos. 54Pero, ¿como se ían entón cumprir as Escrituras, que din que ten que suceder así?

55E naquela hora díxolle á xente:

‑Saístes prenderme con paus e espadas, coma se fose un bandido. A diario estiven sentado no templo ensinando e non me prendestes. 56Pero todo isto pasa para que se cumpra o que escribiron os profetas.

Entón todos os discípulos fuxiron, abandonándoo.

 

Xesús ante o Sanedrín (Mc 14, 53-65; Lc 22, 54-55. 63-71; Xn 18, 12-14. 19-24)

 

57Os que prenderon a Xesús levárono á casa de Caifás, o sumo sacerdote, onde estaban reunidos os letrados e mais os senadores. 58Pedro seguiuno de lonxe ata o patio do sumo sacerdote e, entrando dentro, sentou cos criados para ver como acababa todo aquilo.

59Os sumos sacerdotes e mais o Sanedrín teimaban por encontrar algún falso testemuño contra Xesús para o poderen condenar á morte. 60Pero non o atopaban por moitas falsas testemuñas que comparecían. O fin, viñeron dúas 61que dicían:

‑Este afirmou: podo destruír o templo de Deus e reconstruílo en tres días.

62Entón ergueuse o sumo sacerdote e díxolle:

‑¿Non respondes nada? ¿Que é o que estes testemuñan contra ti?

63Pero Xesús calaba, e o sumo sacerdote dixo:

‑Conxúrote polo Deus vivo que me digas se ti es o Mesías, o Fillo de Deus.

64Xesús contestou:

‑Ti o dixeches. E dígovos máis: A partir de agora ides ver como o Fillo do Home senta á dereita do Todopoderoso e vén entre as nubes do ceo.

65Daquela o sumo sacerdote, rachando os vestidos, exclamou:

‑¿Que necesidade temos de testemuñas? Vós mesmos oístes a blasfemia. 66¿Que vos parece?

Eles responderon:

‑É culpable: merece a morte.

67Entón cuspíronlle na cara e uns déronlle unhas trompadas; outros zorregábanlle 68dicindo:

‑¡Cristo, ora, adiviña quen che pegou!

 

Negacións de Pedro (Mc 14, 66-72; Lc 22, 56-62; Xn 18, 15-18. 25-27)

 

69Pedro estaba sentado fóra, no patio. Acercouse a el unha criada e díxolle:

‑Ti tamén andabas con Xesús o Galileo.

70El negouno diante de todos:

‑Non sei de que me falas.

71O saír cara ó portalón viuno outra criada e díxolles ós que estaban alí:

‑Este andaba con Xesús de Nazaret.

72De novo volveu el negalo con xuramento:

‑Non coñezo a ese home.

73De alí a un pouco achegáronse os presentes, dicíndolle a Pedro:

‑Si, ti tamén es deles; descóbrete a túa mesma fala.

74Entón el empezou a maldicir e a xurar:

‑¡Que non coñezo a ese home!

E coa mesma cantou o galo. 75Pedro, acordándose das palabras que dixera Xesús: "Antes de que cante o galo hasme negar tres veces", saíu para fóra e chorou amargamente.

 

 

 

CAPÍTULO 27

 

Xesús levado a Pilato (Mc 15, 1; Lc 23, 1; Xn 18, 28)

 

1Ao raiar o día, todos os sumos sacerdotes e mais os senadores do pobo celebraron consello contra Xesús, para condenalo á morte. 2Amarrárono e fóronllo entregar a Pilato, o gobernador.

Morte de Xudas

3Entón Xudas, o traidor, ó ver que o condenaran, cheo de remordementos, devolveulles as trinta moedas de prata ós sumos sacerdotes e mais ós senadores 4dicindo:

‑Pequei entregando á morte a un inocente.

Eles contestaron:

‑¿E a nós que nos contas? Alá ti.

5El, guindando as moedas no templo, marchou, e foise aforcar. 6Os sumos sacerdotes, apañando as moedas, dixeron:

‑Non é lícito botalas no peto das ofrendas, xa que son prezo de sangue.

7Entón, despois de deliberar, compraron con elas o Agro do Oleiro, para enterrar nel os forasteiros. 8Por iso, aquel agro chámase aínda hoxe o "Agro do sangue". 9Cumpriuse así o que deixara escrito o profeta Xeremías: Colleron as trinta moedas de prata, prezo co que taxaran a un home (pois esa era a taxa que poñían os fillos de Israel), 10pagando así o Agro do Oleiro, tal como mo mandara o Señor.

 

Xesús ante Pilato (Mc 15, 2-15; Lc 23, 2-5. 13-25; Xn 18, 29-19, 16)

 

11Compareceu Xesús ante o gobernador, que lle preguntou:

‑¿Es ti o rei dos xudeus?

Xesús contestou:

‑Ti o dis.

12E ós cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mais os senadores, non respondeu nada. 13Entón preguntoulle Pilato:

‑¿Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?

14Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ó gobernador moi estrañado.

15Resulta que pola festa tiña o costume de ceibar o preso que a xente lle pedise. 16Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Xesús Barrabás. 17Pilato dirixiuse ó pobo reunido:

‑¿A quen queredes que vos solte, a Xesús Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?

18Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.

19Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir:

‑Deixa en paz a ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del.

20Pero os sumos sacerdotes e mais os anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús. 21O gobernador insistiu:

‑¿A quen queredes que vos libere?

Eles dixeron:

‑A Barrabás.

22Díxolles Pilato:

‑¿E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo?

E responderon todos:

‑¡Que o crucifiquen!

23El replicou:

‑Pero, ¿que mal fixo?

Pero eles berraban máis forte dicindo:

‑¡Que o crucifiquen!

24Vendo Pilato que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo:

‑Alá vós, eu non son responsable deste sangue.

25Todo o pobo respondeu dicindo:

‑Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre nosos fillos.

26Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.

 

Coroación cos espiños (Mc 15, 16-20; Xn 19, 2-3)

 

27Os soldados do gobernador levaron a Xesús ó Pretorio, e reuniron toda a compañía. 28Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata; 29e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose:

‑¡Saúde, rei dos xudeus!

30Cuspíanlle e coa canivela dábanlle xostregadas na cabeza. 31Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.

 

Crucifixión (Mc 15, 21-32; Lc 23, 26-43; Xn 19, 17-27)

 

32O saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús. 33Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, que quere dicir: "lugar da Caveira", 34déronlle de beber viño mesturado con fel. Xesús probouno, pero non o quixo beber. 35Crucificárono, e repartiron entre eles a roupa botándoa a sorteo. 36Despois sentaron alí a ter conta del.

37Puxéronlle tamén enriba da cabeza un escrito co motivo da condena: "Este é Xesús, o rei dos xudeus". 38Tamén crucificaron con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.

39Os que pasaban por alí, insultábano, abaneando a cabeza  40e dicindo:

‑¡Vaites, vaites, o que destrúe o templo e o reconstrúe en tres días! Ora, sálvate a ti mesmo e baixa da cruz, se es fillo de Deus.

41Do mesmo xeito os sumos sacerdotes, burlándose del xunto cos letrados e senadores, dicíanlle:

42‑¡Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! ¡É o rei de Israel! ¡Que baixe agora da cruz e creremos nel! 43Confía en Deus: pois que o salve agora, se é que de verdade o quere;  ben que dixo: "Son fillo de Deus".

44Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el.

 

Morte de Xesús (Mc 15, 33-41; Lc 23, 44-49; Xn 19, 28-30)

 

45Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata as dúas e pico da tarde. 46E nesa hora Xesús berrou moi forte dicindo:

‑Elí, Elí ¿lemá sabactaní?

Isto é: Meu Deus, meu Deus, ¿por que me abandonaches?

47E algúns dos que estaban alí, oíndo aquilo, comentaban:

‑Este chama a Elías.

48Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa con vinagre  e, espetándoa nunha cana, deulle de beber. 49Pero os demais dicían:

‑Deixade, a ver se vén Elías salvalo.

50Pero Xesús, dando de novo un grande berro, entregou a alma.

51Entón o veo do Santuario rachouse en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon, 52e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. 53E despois que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos.

54O centurión e mais os que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:

‑Verdadeiramente este era o Fillo de Deus.

55Había alí, mirando desde lonxe, moitas mulleres que seguiran a Xesús desde Galilea para servilo. 56Entre elas estaba María Magdalena, María a nai de Santiago e mais de Xosé, e a nai dos fillos do Zebedeo.

 

Sepultura de Xesús (Mc 15, 42-47; Lc 23, 50-56; Xn 19, 38-42)

 

57A tardiña chegou un home rico de Arimatea chamado Xosé, que tamén era discípulo de Xesús. 58Foi onda Pilato e pediulle o corpo de Xesús. Pilato mandou que llo entregasen.

59Collendo o corpo envolveuno nunha saba limpa 60e púxoo no seu propio sepulcro novo, que tiña cavado nunha rocha; e, facendo rodar unha grande lousa na entrada do sepulcro, foise. 61Estaban alí María Magdalena e mais a outra María, sentadas fronte ó sepulcro.

 

Vixilancia do sepulcro

 

62O outro día, pasado o día da Preparación, os sumos sacerdotes e mais os fariseos foron xuntos onda Pilato 63e dixéronlle:

‑Señor, lembramos que aquel enredante, cando estaba vivo, dixo: "Resucitarei despois de tres días". 64Así que manda que vixíen o sepulcro ata o terceiro día; non vaia ser que cheguen os discípulos e o rouben e que lle digan á xente: "Resucitou de entre os mortos". E así a derradeira impostura sería peor cá primeira.

65Díxolles Pilato:

‑Tendes a garda, ide, e vixiádeo como mellor saibades.

66Eles foron e selaron a lousa, asegurando a vixilancia do sepulcro coa garda.

 

 

 

CAPÍTULO 28

 

A Resurrección (Mc 16, 1-8; Lc 24, 1-12; Xn 20, 1-10)

 

1Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena e mais a outra María foron visitar o sepulcro. 2Entón produciuse un grande terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e sentou enriba dela. 3Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve. 4Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. 5Mais o anxo díxolles ás mulleres:

‑Non teñades medo, ben sei que buscades a Xesús o crucificado. 6Non está aquí, resucitou tal como dixera. Vinde ver o sitio onde estaba. 7E ide axiña dicirlles ós seus discípulos: "Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes". Iso é o que vos tiña que dicir.

8Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren ós seus discípulos.

9Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo:

‑Alegrádevos.

Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e prostráronse ante el. 10Xesús díxolles:

‑Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán.

 

A versión dos gardas

 

11Mentres elas ían, algúns da garda foran á cidade para informaren ós sumos sacerdotes de canto acontecera. 12Eles, reuníndose cos senadores, acordaron darlles unha boa presa de cartos ós soldados, 13encargán-dolles:

‑Vós dicide: "os seus discípulos fórono roubar de noite, mentres nós durmiamos". 14E, se o gobernador chega a saber algo, xa o convenceremos nós, sacándovos do apuro.

15Eles, collendo os cartos, fixeron tal como lles mandaran. E así correu este rumor entre os xudeus ata o día de hoxe.

 

Misión dos discípulos (Mc 16, 14-16; Lc 24, 38. 46-48; Xn 20, 19-23)

 

16Os once discípulos fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. 17E véndoo, prostráronse ante el, aínda que algúns dubidaban. 18Xesús, achegándose, díxolles:

‑Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. 19Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; 20ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com