Capítulos 6-10

Os apertos do ministerio apostólico

 

CAPÍTULO 6

 

1Coma colaboradores seus, exhortámosvos a non desaproveitar a graza de Deus.

2Pois di El:  no tempo oportuno, escoiteite; en día de salvación acudinche.

Pois agora é tempo oportuno, agora é día de salvación.

3Nunca damos motivo de escándalo en nada, para que o noso ofrecemento non se poida censurar. 4O contrario, acreditámonos decote coma servidores de Deus con tanto como sufrimos: tribulacións, adversidades, angustias, 5golpes, prisións, tumultos, angueiras, noites en vela, días sen comer; 6actuando con limpeza, con siso, con paciencia, con bondade, coa guía do Espírito Santo; con amor sincero, 7coa mensaxe da verdade e a forza de Deus; empuñando na dereita e na esquerda as armas da honradez, 8tanto na honra coma na afronta, tanto na boa coma na mala sona. Pasamos por falsarios, e mais dicimos a verdade; 9pasamos por descoñecidos, e ben que se nos coñece; pasamos por moribundos, e mais ben vivos que estamos; pasamos por destinados ó castigo, e mais nunca non nos executaron; 10pasamos por xente triste, e ben alegres que estamos sempre; pasamos por pobres, e mais enriquecemos a moitos; pasamos por xente que non ten nada, e mais témolo todo.

11Falámosvos francamente, corintios; abrímosvos de todo o noso corazón. 12Non é dentro de nós onde estades apertados; é, máis ben, nas vosas entrañas. 13Pois correspondede vosoutros agora: xa que vos falo coma a fillos, sede sinceros tamén vós.

 

As relacións cos pagáns

 

14Nos vos xungades en parella desigual cos infieis. ¿Que ten que ver a rectitude coa maldade? ¿Ou é que poden andar xuntas luz e escuridade? 15¿Que sintonía pode haber entre Cristo e Beliar? ¿Pode o crente ser parceiro do infiel? 16¿Que consenso pode haber entre o templo de Deus e mais os ídolos? Nós somos templo de Deus vivo; así o dixo Deus: hei vivir e camiñar con eles; serei o seu Deus e eles serán o meu pobo. 17Por iso di o Señor: saíde do medio desa xente, afastádevos, non toquedes o que é impuro, e eu acollereivos. 18Serei un pai para vós e vós seredes para min fillos e fillas, di o Señor que todo o sostén.

 

CAPÍTULO 7

 

1Xa que tales promesas temos, meus amigos, limpémonos de toda inmundicia de corpo ou de espírito e completemos a santificación no temor de Deus.

 

Cariño de Paulo polos corintios

 

2Facédenos un sitio no voso corazón: a ninguén ofendemos, a ninguén defraudamos, a ninguén explotamos. 3Non o digo para vos censurar; xa vos dixen que ides tan dentro dos nosos corazóns que estamos xuntos para vivir e mais para morrer. 4Teño moita confianza en vós e estou orgulloso de vós. Estou moi animado e rebordo alegría no medio de todas as nosas tribulacións.

5Certo que tampouco ó chegar a Macedonia non tivemos acougo, senón ó contrario, tribulacións por todas partes: cara a fóra, loitas; e cara a dentro, temores. 6Pero Deus, que lles dá alento ós abatidos, consoloume coa chegada de Tito. 7Vaia, coa chegada e cos ánimos que traía de vós, contándome da vosa saúde, das vosas mágoas, da vosa ansia por min, o que me alegrou aínda máis.

8Por iso, a pesar de que vos contristei coa miña carta, non teño pena. Se o sentía ‑ó ver que aquela carta vos contristou, aínda que foi momentaneamente‑, 9agora alégrome, non de que vos contristásedes senón de que esa tristeza vos levase ó arrepentimento. A vosa foi unha tristeza segundo criterios de Deus, así que non perdestes nada por culpa nosa. 10Pois unha tristeza segundo criterios de Deus produce un arrepentimento para a salvación, sen volta atrás; mentres que a tristeza por motivos mundanos produce a morte. 11Velaí canta ansia provocou en vós o contristarvos segundo criterios de Deus e mesmo con que desculpas e con que indignación, con que temor, con que saudade, con que emulación, con que escarmento demostrastes de todos os modos posibles que non tiñades culpas no asunto. 12Así que, se vos escribín, non foi en realidade nin polo ofensor nin polo ofendido; só quería que manifestásedes diante de Deus o interese que tedes por nós. 13E isto foi o que nos consolou.

Ademais desta satisfacción, alegrámonos moito máis aínda ó ver a alegría de Tito, a quen tanto tranquilizastes. 14Se en algo presumín de vós, non quedei mal; do mesmo modo que vos dixemos sempre a verdade, así tamén as loanzas que de vós lle fixen a Tito saíron certas. 15E o agarimo que vos ten medra aínda máis, ó lembrar agora a obediencia de todos vós, e como o recibistes con sumo respecto. 16Alégrome de poder contar convosco para todo.

 

Colecta para os cristiáns de Xerusalén: o exemplo dos macedonios

 

CAPÍTULO 8

 

1Facémosvos sabedores, irmáns, da graza que Deus lles concedeu ás igrexas de Macedonia. 2No medio de moitas e duras tribulacións, a súa abondosa alegría e a súa extrema pobreza rebordaron nun derramo de xenerosidade. 3Dou testemuño de que, segundo os seus posibles e por riba deles, espontaneamente e 4insistentemente pedíronnos o favor de poderen contribuír a axudar ós outros cristiáns. 5E non só como esperabamos, senón que se ofreceron a si mesmos, ante todo ó Señor e despois a nós, por vontade de Deus, 6ata o punto de lle pedirmos a Tito que, xa que el a principiara, levase igualmente a bo termo entre vós esa obra de caridade.

7Xa que abundades en todo ‑en fe, en palabras, en ciencia, en interese por todo e en amor a nós‑, que abundedes tamén nesta graza. 8Non é unha orde; só que, pola solicitude doutros, quede probada a enxebreza do voso amor. 9Ben sabedes o xeneroso que é o noso Señor Xesús Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.

10Nisto douvos un consello, pois convenvos: dado que o ano pasado tomastes a iniciativa ‑non só na execución, senón incluso na mesma decisión‑, 11levade a termo agora a execución da iniciativa, de modo que, á prontitude da decisión lle corresponda a prontitude na realización, conforme ás vosas posibilidades; 12pois se precede a boa disposición, acéptase con gusto o que se ten, non o que non se ten. 13Non se trata de que vós pasedes apuros por aliviardes a outros, senón de que exista igualdade. 14Neste momento a vosa abundancia pode remediar a carencia deles, para que a abundancia deles poida vir en auxilio da vosa carencia. Así haberá igualdade, 15de acordo co que está escrito: A quen recollía moito, non lle sobraba; e a quen recollía pouco, non lle faltaba.

 

Os delegados

 

16Doulle grazas a Deus porque puxo no corazón de Tito o mesmo interese por vós, 17porque non só aceptou a miña petición senón que, con toda dilixencia, saíu para onda vós por decisión propia. 18Mandamos con el o irmán tan coñecido en todas as igrexas polo anuncio que fai do Evanxeo: 19e mesmo isto o elixiron as comunidades, para que fose o meu compañeiro de viaxe nesta obra de caridade, administrada por nós para gloria do Señor, e como proba da nosa dilixencia. 20Así evitamos que ninguén nos poida criticar pola administración desta farturenta colecta. 21Pois procuramos o que é bo, non só diante do Señor senón tamén diante dos homes.

22Mandámosvos tamén con eles outro irmán noso: del temos comprobado que é moi espelido en variados asuntos; e agora véselle aínda, se cadra, máis interese pola confianza que ten en vós.

23No que se refire a Tito, é compañeiro meu e colaborador nos vosos asuntos; os outros irmáns son delegados das igrexas e honra de Cristo. 24Dádelles, logo, probas do voso agarimo e xustificade ante eles e ante as súas comunidades o noso orgullo por vós.

 

Motivos de xenerosidade cristiá

 

CAPÍTULO 9

 

1Excuso escribirvos máis sobre esta colecta en favor dos outros cristiáns. 2Coñezo a vosa boa disposición, da que me gabo diante dos macedonios, para a vosa honra, dicíndolles que Acaia ten feitos todos os preparativos xa desde o ano pasado, e que a vosa ansia estimulou a moitos máis. 3Con todo, mándovos os irmáns, para que o noso orgullo por vós non sexa desmentido nese particular senón que, como dicía, esteades preparados. 4Non sexa que, se os macedonios que vaian comigo vos atopan sen preparar, nós ‑e non digamos vós‑, quedemos mal, por termos esa confianza. 5Por iso pareceume necesario pedirlles ós irmáns que fosen indo diante onda vós, para que teñan preparado de antemán o xeneroso donativo que prometestes, pois no caso de estar listo, será expresión de xenerosidade, e non de mesquindade.

6Lembrade aquilo: quen sementa con mesquindade, tamén con mesquindade recolle; e quen sementa con xenerosidade, tamén con xenerosidade recolle. 7Que cadaquén dea segundo o que teña decidido no corazón, non contra gusto nin por compromiso, que Deus ama ó que dá con alegría. 8Deus, pode, de certo, darvos con largueza toda clase de grazas, de xeito que, tendo sempre en todo o suficiente, aínda vos sobre para todo tipo de boas obras, 9pois está escrito: reparte esmola ós pobres, a súa xustiza permanece para sempre.

10O que fornece a semente ó sementador e proporciona pan para a comida, ha multiplicar tamén a vosa sementeira e fará medrar o froito da vosa xustiza. 11Seredes ricos en todo, para poderdes facer todo tipo de caridades, que producirán por medio de nós gratitude a Deus.

12Porque a prestación desta axuda non só dá remedio ás necesidades dos outros cristiáns, senón que fai ademais que moitos non cansen de darlle grazas a Deus. 13Pola comprobación deste servizo loarán a Deus pola vosa obediencia ó profesar o Evanxeo de Cristo e pola expresión xenerosa da vosa solidariedade con eles e con todos. 14E, cando recen por vós, manifestarán a benquerenza que vos teñen, pola desbordante graza de Deus en favor voso. 15Grazas sexan dadas a Deus, polo sublime regalo que nos deu.

 

A autoridade de Paulo

 

CAPÍTULO 10

 

1Eu, Paulo en persoa, pídovos isto, pola paciencia e benignidade de Cristo: eu, que na vosa presenza parezo coitado pero que, ausente, son ousado convosco. 2Pídovos que, cando vaia, non teña que poñerme atrevido coa firmeza que creo deber usar con algúns que nos acusan de camiñar con miras humanas. 3Aínda que camiñamos coma homes, non actuamos movidos por miras humanas. 4Porque as armas do noso combate non son terreais: son poderes de Deus, capaces de abater fortalezas; destruímos sofismas 5e toda altivez que se ergue contra o coñecemento de Deus; encadeamos todo pensamento á obediencia, someténdoo a Cristo; 6e estamos prontos a vingar toda rebeldía, unha vez que a vosa submisión sexa cumprida.

7¡Mirade ben! O que estea convencido de ser de Cristo, que teña en conta tamén que nós somos tan de Cristo coma el. 8E, aínda que teña que alardear un pouco de máis da nosa autoridade (que o Señor nos concedeu para edificación e non para destrución vosa), non me hei avergonzar; 9así non darei a impresión de querervos amedrentar coas cartas. 10Porque algúns din: "por carta é duro e enérxico pero en persoa é coitado e non fala ben". 11Pense ese tal que, como somos de palabra nas cartas estando ausentes, así imos ser de obra cando esteamos presentes.

12Xa non nos atrevemos a equipararnos ou a compararnos con algúns deses que tanto se chufan. Pero a eses, con tanto se poñeren de modelos de si mesmos e con tanto se compararen consigo mesmos, xa non lles goberna a cabeza.

13Pola nosa parte, non nos queremos gabar de máis, senón conforme a medida que estableceu Deus para nós; a medida de chegar ata vós. 14Non é coma se non chegásemos a vós e tivésemos que nos estirar, pois fomos os primeiros en chegar a vós co Evanxeo de Cristo. 15Nin nos gloriamos de máis nin nos gloriamos á conta de traballos alleos; pero tiñamos a esperanza de que, segundo se ía espallando a fe entre vós, iámonos multiplicar máis e máis, conforme a nosa idea, 16para levar o Evanxeo alén dos vosos eidos, sen presumir do traballo alleo meténdonos en terreo xa cultivado.

17O que presume, que presuma do Señor, 18porque non queda aprobado o que se pon el unha alta cualificación, senón aquel a quen lla pon o Señor.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com