Capítulos 1-5

Saúdo e acción de grazas

 

CAPÍTULO 1

 

1Paulo, apóstolo de Xesús Cristo por designio de Deus, e o irmán Timoteo, á Igrexa de Deus que está en Corinto e a todos os cristiáns da Acaia enteira deséxovos a 2graza e a paz de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.

3¡Bendito sexa Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo, Pai misericordioso e Deus de toda consolación! 4El anímanos en todas as nosas mágoas, de xeito que poidamos nós animar os outros en calquera aflición, no consolo que recibimos de Deus. 5Pois, do mesmo modo que rebordan en nós os sufrimentos de Cristo, tamén grazas a Cristo reborda igualmente o noso ánimo.

6Se pasamos apertos, é para que vós teñades ánimo e vos salvedes; se estamos animados, é para que vós teñades ánimo e aturedes con paciencia os mesmos sufrimentos que padecemos nós. 7Sodes para nós motivo de firme esperanza porque sabemos que, se sodes participantes nas mágoas, tamén o seredes no ánimo.

8Non queremos que descoñezades, irmáns, as tribulacións que pasamos en Asia, cargados por riba das nosas forzas, ata perder a esperanza de saírmos con vida. 9Porque tivemos sobre nós a sentencia de morte. Así aprendemos a non poñermos a confianza en nós senón en Deus, que resucita os mortos. 10El foi quen nos librou de tan evidente perigo de morte e hanos de seguir librando ‑confiamos nel, que nos librará no futuro‑, 11se colaborades tamén vós coa vosa oración en favor noso. Así, a graza conseguida pola intercesión de moitos fará tamén que moitos dean grazas por cousa nosa.

 

Os motivos do seu comportamento

 

12O noso orgullo é o testemuño da nosa conciencia, de nos comportar no mundo ‑e non digamos convosco‑, coa santidade e transparencia de Deus, non con sabedoría humana senón por graza de Deus. 13Porque non vos escribimos outra cousa do que ledes e entendedes. Espero que comprendades de vez, 14xa que nos entendestes en parte,  que somos -lo motivo da vosa honra, como vós o ides ser para nós, o día do noso Señor Xesús.

15Precisamente con esta confianza propúñame comezar eu por visitarvos, para que tivésedes un dobre regalo: 16pensaba ir a Macedonia pasando por onda vós, e de Macedonia ir outra vez onda vós, para me arranxardes a viaxe a Xudea.

17¿Actuei con lixeireza cando programei así? ¿Ou é que eu fago os meus plans con miras humanas, de xeito que non quede ben claro en min o si coma un si e o non coma un non? 18¡Ben sabe Deus que, cando trato convosco, non hai si e non, 19porque o Fillo de Deus, Cristo Xesús, que nós vos anunciamos ‑Silván, Timoteo e mais eu‑, non foi si e non; nel non houbo máis ca si: 20todas as promesas de Deus encontraron nel o si; velaí o porqué de respondermos "amén" por el cando damos gloria a Deus. 21O que nos mantén firmes ‑a min e a vós‑ na adhesión a Cristo é Deus, que nos unxiu para si, 22que tamén nos marcou co seu selo e infundiu nos nosos corazóns a garantía do seu Espírito.

23Pola miña parte, poño a Deus por testemuña (e que me quite a vida se vos minto) que, se aínda non volvín a Corinto, foi por consideración convosco. 24Non é que a vosa fe dependa de min; pero son colaborador da vosa alegría, pois, de certo, estades seguros na fe.

 

CAPÍTULO 2

 

1E tomei a decisión de non ir outra vez onda vós con mágoas. 2Porque, se eu vos entristezo, ¿quen me vai alegrar a min, non sendo o que está magoado por causa miña? 3E escribinvos todo iso para que, cando eu chegase, non me causasen tristeza os que me debían producir alegría, confiado como estou en que todos facedes vosa a miña alegría. 4De tanta tribulación e angustia que sentía, escribinvos cheo de bágoas, pero non para vos poñer tristes, senón para que vos decatásedes do moito cariño que vos teño.

5Porque ‑sen esaxerar‑ se alguén me magoou, non me magoou a min, senón dalgunha maneira  a todos vós. 6A ese tal, abóndalle a corrección aposta pola maioría da comunidade. 7Agora, en troques, é mellor que o perdoedes e que o animedes, non vaia sentirse o home amargado por tanta tristeza. 8Por iso recoméndovos que lle fagades sentir o voso agarimo. 9Pois para iso tamén vos escribín: para coñecer a vosa compostura, a ver se sodes obedientes en todo. 10A quen vós perdoades algo, tamén eu perdoo: que, ben mirado, o que eu perdoo ‑se algo teño que perdoar‑, é por causa vosa, diante de Cristo, 11para que Satán non saque vantaxe de todo isto, pois non descoñecemos as súas intencións.

12Cando cheguei a Tróade para anunciar o Evanxeo de Cristo, aínda que tiña as portas abertas para traballar coma cristián, 13non tiven acougo no meu espírito, por non encontrar alí o irmán Tito. Entón despedinme daquela xente e saín para Macedonia.

 

A salvación "en Cristo"

 

14Doulle grazas a Deus, que, unidos a Cristo, nos leva decote ó seu triunfo e que por medio de nós espalla por todas partes o perfume do seu coñecemento. 15Porque somos recendo de Cristo para Deus, tanto entre os que se salvan coma entre aqueles que se perden: 16para estes somos un cheiro de morte, para morte; para os outros, un recendo de vida, para vida. E nestas cousas, ¿hai alguén capaz abondo? 17Nós, de feito, non imos traficando coa mensaxe de Deus, coma tantos outros, senón que falamos con transparencia, coma quen é de Deus e fala diante de Deus, en Cristo.

 

O ministerio da Nova Alianza

 

CAPÍTULO 3

 

1¿Comezamos outra vez a recomendarnos? ¿Será que, coma certos individuos, precisamos de cartas de recomendación para vós ou da vosa parte? 2A nosa carta sodes vós: unha carta escrita nos nosos corazóns, coñecida e lida por toda a xente. 3Nótasevos que sodes unha carta de Cristo, redactada por nós, e non escrita con tinta senón co Espírito do Deus vivo; e non en táboas de pedra, senón en táboas de corazóns de carne.

4Esta é a confianza que temos diante de Deus, grazas a Cristo. 5Non é que de noso teñamos aptitudes para poder apuntar nada na nosa conta coma cousa propia: a nosa capacidade vénnos de Deus, 6que nos capacitou para sermos axentes dunha alianza nova, non de letra, senón de Espírito; que a letra mata, mentres que o Espírito dá vida.

7Se aquela oferta de morte (letras gravadas na pedra) se volveu gloria, ata o punto que os israelitas non podían fitar o rostro de Moisés, "polo resplandor do seu rostro" (efémero e todo como era), 8¡canto máis gloriosa non será a oferta do Espírito! 9Porque se a oferta da condena tivo gloria, ¡canta máis gloria vai ter a oferta da xustiza! 10De feito aquela gloria xa non é gloria, comparada con esta gloria desbordante. 11Daquela se o efémero tivo o seu momento de gloria, ¡canta máis gloria terá o que é permanente!

12Tendo entón esta esperanza, comportámonos con moita afouteza; 13non coma Moisés, que puña un pano por diante da cara para que os israelitas non percibisen a fin do que era caduco. 14E cegóuselles o entendemento, porque ata o día de hoxe permanece aínda o mesmo pano cando len o Antigo Testamento, sen se decataren de que, con Cristo, esvaece. 15Aínda hoxe, sempre que len a Moisés, un pano cobre os seus corazóns. 16"Pero cando se convertan ó Señor, quitarase o pano". 17Ora, o Señor é o Espírito, e onde está o Espírito do Señor hai liberdade. 18E nós todos, coa cara descuberta, reflectindo coma nun espello a gloria do Señor, a súa imaxe, ímonos transformando de gloria en gloria, pola acción do Espírito do Señor.

 

As tribulacións dos apóstolos e a forza do Evanxeo

 

CAPÍTULO 4

 

1Por iso exercendo este servizo pola misericordia de Deus, non nos apoucamos; 2máis ben puxemos á parte todo tipo de simulación, deixándonos de intrigas e evitando falsear a palabra de Deus. Ben ó contrario, manifestando a verdade, recomendámonos nós mesmos á conciencia que todo home ten diante de Deus.

3Se o noso Evanxeo continúa velado, é para aqueles que se perden: 4pola súa incredulidade o deus deste mundo cegoulles o entendemento para que non vexan o esplendor do Evanxeo da gloria de Cristo, que é imaxe de Deus. 5Porque nós non nos anunciamos a nós, anunciamos a Xesús Cristo como Señor; e a nós, coma servos vosos por causa de Xesús. 6Pois o Deus que dixo brille a luz no medio das tebras, alumeou nos nosos corazóns, para que se manifestase o coñecemento da gloria de Deus no rostro de Cristo.

7Mais levamos ese tesouro en vasos de barro. E así esa forza tan extraordinaria aparece coma forza de Deus, e non nosa. 8Apré-tannos por todas partes, mais non nos esmagan; andamos en apuros mais non desesperados; 9andamos perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan. 10Por todas partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo. 11Porque a nós, estando vivos, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. 12E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.

13Mantendo, con todo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito creo e por iso falo,  tamén nós cremos e por iso falamos. 14Porque sabemos que Aquel que resucitou a Xesús nos ha resucitar tamén a nós con Xesús e nos ha colocar convosco onda el. 15Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ó estenderse a graza, se multiplique o número dos agradecidos, para gloria de Deus.

16Por iso non nos apoucamos: aínda que o noso exterior vai esmorecendo, o interior, todo o contrario: renóvase de días a días. 17Os sufrimentos transitorios e leves prepárannos unha inmensa carga de gloria eterna por riba de toda medida. 18Non poñemos as nosas olladas nas cousas que se ven, senón nas que non se ven; porque as que se ven son efémeras, mentres que as que non se ven son eternas.

 

Arelas de vida eterna

 

CAPÍTULO 5

 

1Sabemos que, se a nosa morada terrestre ‑que vén ser coma unha cabana‑, se derrubase, contamos cunha edificación de Deus, unha casa eterna no ceo, non feita por mans de homes. 2Por iso xememos na cabana actual, coa arela de vestirmos a morada celeste, 3pois así atoparémonos vestidos, non espidos. 4Os que vivimos nesta cabana, xememos oprimidos, porque non queremos quitar o que temos posto, senón poñer outra roupa por riba, de xeito que o mortal quedase absorbido pola vida. 5Quen nos dispuxo para isto foi Deus, que nos deu como garantía o Espírito.

6Así que estamos sempre cheos de ánimo por sabermos que, mentres o corpo sexa o noso domicilio, vivimos coma desterrados lonxe do Señor, 7e seguimos camiñando guiados pola fe, non polo que se ve. 8E con este ánimo, preferimos desterrarnos do corpo e habitar a carón do Señor. 9En todo caso, ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle. 10Porque todos teremos que comparecer tal como somos perante o tribunal de Cristo, para que cada un recolla o seu merecido polo que teña feito mentres vivía no corpo: ben ou mal.

 

A reconciliación con Deus, por Xesús

 

11Por iso, sabendo o respecto que se lle debe ó Señor, procuramos convencer ós homes, e xa que para Deus somos transparentes, confío en que tamén o sexamos ante as vosas conciencias.

12Non queremos outra vez recomendarnos diante de vós: só darvos a oportunidade de presumir de nós, de modo que teñades resposta para os que presumen das aparencias e non do corazón. 13Se perdemos o siso, foi por Deus; e, se agora estamos cordos, é por vós.

14É o amor de Cristo o que nos preme, cando pensamos que, ó morrer un por todos, morreron todos; 15el morreu por todos, a fin de que os que viven xa non vivan para si, senón para o que morreu e resucitou por eles.

16Por iso, nós xa non apreciamos a ninguén conforme a criterios mundanos; aínda que teñamos coñecido a Cristo conforme a eses criterios, agora xa non o coñecemos así. 17Polo tanto, quen estea en Cristo, é unha criatura nova: o que era vello, pasou. ¿Vedes? Hai unha realidade nova.

18E todo iso provén de Deus que nos reconciliou consigo por medio de Cristo e nos encomendou o servizo da reconciliación. 19Pois Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo, non levando conta dos delitos dos homes e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación. 20Somos, logo, embaixadores de Cristo; e é coma se Deus vos exhortase por medio noso. Pedímosvolo por Cristo: deixádevos reconciliar con Deus. 21A aquel que non tiña nada que ver co pecado, Deus fíxoo pecado por nós, para que nós, grazas a el, nos volvésemos nel xustiza de Deus.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com