PRIMEIRA CARTA DE SAN XOÁN

 

 

 

CAPÍTULO 1

 

Prólogo

 

1O que pasou desde o comezo,

o que temos oído,

o que teñen visto os nosos ollos,

o que contemplamos nós e palparon as nosas mans,

a saber, a Palabra que é a vida

2(porque a vida manifestouse

e nós vímola e damos testemuño dela,

e anunciámosvola a vós: a vida eterna,

que estaba na intimidade do Pai

e que se nos amosou a nós):

3iso que temos visto e oído

agora tamén volo anunciamos a vós,

para que tamén vós teñades parte connosco;

pois compartir connosco

é compartir co Pai e co seu Fillo Xesús Cristo.

4Escribímosvos isto

para que a nosa alegría sexa ben cumprida.

 

Primeiro criterio de vida cristiá: Deus é Luz, debemos vivir na Luz

 

5Esta é a mensaxe que lle temos oído a El e que agora vos anunciamos a vós: que Deus é Luz e que nel non hai escuridade ningunha. 6Se aseguramos que estamos en comuñón con El e vivimos na escuridade, mentimos e non practicamos o que cremos. 7Pero se nós vivimos na Luz, do mesmo xeito que El está na Luz, entón estamos en comuñón uns cos outros e o sangue de Xesús, o seu Fillo, estanos purificando de todos os pecados.

8Se dicimos que non temos pecado, desviámonos

e non temos en nós a verdade.

9Se recoñecemos publicamente os nosos pecados, fiel e xusticeiro é Deus; El perdoaranos os pecados e limparanos de toda ruindade.

10Se dicimos que endexamais non pecamos, estamos facendo de Deus un mentireiro e non podemos ter connosco a súa revelación.

 

 

 

CAPÍTULO 2

 

1Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non pequedes; pero, se algún peca, temos quen nos defenda diante do Pai: Xesús Cristo, o xustificador. 2El é quen expía os nosos pecados; e non só os nosos senón tamén os de todo o mundo.

 

Segundo criterio: cumprir cos mandamentos, maiormente o do amor

 

3Sabemos que o coñecemos de verdade polo feito de que cumprimos cos seus mandamentos. 4O que di: "Eu coñézoo" pero non cumpre cos seus mandamentos, é un mentireiro e non ten en si a verdade revelada. 5Quen garda a súa Palabra, nel o amor de Deus chega de verdade ó máximo; nisto é onde coñecemos que estamos con El. 6Quen di que permanece en comuñón con El, ten que comportarse como Xesús se comportou.

7Meus amigos, non vos comunico un mandamento novo senón un mandamento antigo, que xa tiñades desde o comezo: este mandamento antigo é a Palabra que daquela escoitastes. 8E, con todo, comunícovos un mandamento novo: esta novidade é verdadeira sexa polo que a Xesús toca, sexa polo que vos toca a vós, porque a escuridade vai desaparecendo e brilla xa a luz verdadeira.

9Quen di que está na Luz, pero odia a seu irmán, aínda está na escuridade.

10Quen ama a seu irmán, está na Luz e nel non hai nada que o faga tropezar.

11En troques, quen odia a seu irmán, está na escuridade e camiña na escuridade e, por isto, non sabe a onde vai, porque a escuridade lle cegou os ollos.

 

A verdadeira comuñón con Deus

 

12Dígovos, meus fillos,

que os vosos pecados están perdoados por mor do seu nome.

13Dígovos, pais,

que vós tedes o coñecemento daquel, que é desde o comezo.

Dígovos, mozos,

que vós vencestes o Maligno.

14Díxenvos, por tanto, meus filliños,

que vós tedes o coñecemento do Pai.

Díxenvos, por tanto, pais.

que vós tedes o coñecemento daquel, que é desde o comezo.

Díxenvos, por tanto, mozos,

que vós sodes valentes,

que a Palabra de Deus está dentro de vós,

e que por isto vencestes o Maligno.

15Non lle queirades ben ó mundo nin ó que hai nel. O amor do Pai non pode estar en quen lle queira ben ó mundo. 16Porque todo o que hai no mundo ‑as inclinacións ó mal, os ollos que endexamais nunca se enchen e o orgullo que dá ter moitos cartos‑ non vén do Pai, senón que vén do mundo. 17Porque o mundo pasa e as súas cobizas tamén, pero quen cumpre coa vontade de Deus, permanece para sempre.

18Meus fillos, estamos na hora derradeira. Conforme oístes, tiña que vir o Anticristo; ollade que xa están aquí moitos anticristos; por isto sabemos que estamos na hora derradeira. 19Os anticristos saíron dos nosos, aínda que eles non eran dos nosos; se fosen dos nosos habían quedar connosco; pero non, eles saíron para deixar ver que non todos son dos nosos.

20Vós, en troques, recibistes do Santo unha unción e todos vós tedes o coñecemento. 21Decidinme a escribirvos, non porque non coñezades a verdade senón xustamente porque xa a coñecedes e porque da verdade non saen mentiras.

22¿Quen é o mentireiro, senón o que nega que Xesús é o Mesías? Ese tal é o Anticristo, porque nega ó Pai e ó Fillo. 23Quen nega ó Fillo, xa non ten comuñón co Pai; e quen profesa a súa fe no Fillo, tamén ten comuñón co Pai.

24Respecto a vós, ó contrario: que vos quede dentro o que aprendestes desde o comezo. Se o que aprendestes desde o comezo vos queda dentro, tamén vós permaneceredes no Fillo e no Pai, 25xa que esta é xustamente a promesa que o Fillo nos fixo: a vida eterna.

26Ben. Dos que vos queren descamiñar, xa chega co dito. 27Ademais, vós conservades dentro a unción que recibistes de Cristo e deste xeito non precisades que ninguén vos faga de mestre; porque a unción de Cristo ‑que é unha realidade e non unha ilusión‑ xa vos ensina todo. Permanecede nel como ela vos ensinou.

28Pois logo, meus fillos, seguide en comuñón con el, para que cando se nos manifeste o día que volva, teñamos unha seguridade confiada e non nos sintamos fracasados lonxe del.

 

Terceiro criterio: practicar a xustiza é propio dos fillos

 

29Xa sabedes que Cristo é xustificador; tirade, logo, de aquí a consecuencia: que todo aquel que fai o que é xusto, é fillo del.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

1Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade. Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El. 2Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é. 3Todo o que ten posta en Xesús esta esperanza, trata de vivir unha vida limpa, para ser limpo coma el.

4Todo aquel que peca comete unha ruindade, xa que o pecado é esa rebeldía. 5E xa sabedes que el se presentou para quitar os pecados, xa que nel non hai pecado. 6A quen segue en comuñón con el, non lle dá por pecar: quen peca é que non o viu nin o coñeceu.

7Meus fillos, que ninguén vos extravíe: quen fai o que é xusto, vólvese xusto, xa que imita a Aquel que é xusto. 8Quen comete pecado, vén do demo, xa que o demo é pecador desde o comezo. Por isto se fixo ver o Fillo de Deus, para acabar coas obras do demo. 9Quen naceu de Deus, xa non comete pecado, porque a semente de Deus queda nel: xa non pode pecar, porque naceu de Deus. 10Nisto é onde se ven os que son fillos de Deus e os que son fillos do demo.

 

Cuarto criterio: o amor ó próximo

 

Quen non fai o que é xusto, isto é, quen non quere ben a seu irmán, non vén de Deus. 11Porque esta é a mensaxe que oístes desde o comezo: que nós nos amemos uns ós outros. 12Non coma Caín, que, vindo da caste do demo, degolou a seu irmán. ¿E por que o degolou? Porque os seus feitos eran do demo, mentres que os do seu irmán eran xustos.

13Non vos admiredes, irmáns, de que o mundo vos teña odio. 14Ollade que nós sabemos que pasamos da morte á vida en que lles queremos ben ós irmáns; o que non quere ben, permanece na Morte. 15Quen odia a seu irmán  é un asasino e xa sabedes que ningún asasino leva en si a vida eterna.

16Soubemos o que é o amor desde que el deu a súa vida por nós e entón decatámonos de que nós temos que dar a vida polos irmáns. 17Pois ¿como pode estar o amor de Deus naquel que, tendo moitos bens deste mundo e vendo pasar necesidade ó irmán, lle cerra as entrañas? 18Meus filliños, non amemos de palabra e de lingua, senón con feitos e na verdade.

 

Confianza con Deus

 

19Deste xeito saberemos que vivimos conforme a verdade e sosegaremos o noso corazón diante do tribunal de Deus. 20Porque aínda que o noso corazón nos acuse, Deus é meirande có noso corazón e coñece todo. 21Meus amigos, se o corazón non nos acusa, temos confianza para nos achegar a Deus 22e El dános o que lle pidamos, porque cumprimos cos seus mandamentos e facemos o que a El lle agrada.

23Isto é o que El manda: que creamos no seu Fillo Xesús Cristo e que nos queiramos ben uns ós outros, coma el nos mandou. 24O que cumpre cos seus mandamentos, está en comuñón con Deus, e Deus en comuñón con el: coñecemos que Deus está en comuñón connosco polo Espírito que nos deu.

 

 

 

CAPÍTULO 4

 

Quinto criterio:  a fe en Xesús, levados polo Espírito

 

1Meus amigos, non fiedes en calquera espírito; máis ben, poñede á proba os espíritos, para ver se veñen de Deus. Porque de entre nós saíron polo mundo moitos falsos profetas.

2O Espírito de Deus podémolo distinguir nisto: vén de Deus todo espírito que profesa que Xesús Cristo veu en carne mortal; 3non pode vir de Deus todo espírito que non profesa a Xesús; ese é o espírito do Anticristo, de quen oístes dicir que ía vir e agora xa está no mundo.

4Meus filliños, vós sodes de Deus, e tedes os anticristos sometidos a vós, porque o que está en vós é maior có que está no mundo. 5Eles son dos do mundo, falan ó xeito do mundo e por isto escóitaos o mundo. 6Nós, en troques, somos dos de Deus: quen coñece a Deus, escóitanos; quen non é dos de Deus, non nos escoita. Nisto é onde coñecemos o Espírito da verdade e o espírito do error.

 

Sexto criterio: a fe no amor de Deus

 

7Meus amigos, amémonos uns ós outros, porque o amor vén de Deus; e todo aquel que ama naceu de Deus e coñece a Deus. 8O que non ama, aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor.

9O amor de Deus fíxose ver entre nós en que Deus mandou ó mundo o seu Fillo Unixénito, para que nos dese a súa vida. 10Hai amor dentro de nós, non porque nós teñamos amado a Deus, senón porque El nos amou a nós e mandou o seu Fillo para que expiase os nosos pecados.

11Meus amigos, se Deus nos amou tanto, tamén nós nos temos que amar uns ós outros. 12A Deus non o deu visto nunca ninguén; pero, se nós nos amamos uns ós outros, Deus está en comuñón connosco e o seu amor faise realidade cumprida en nós.

13Coñecemos que estamos en comuñón con El e El connosco, en que nos deu parte no seu Espírito. 14Nós mesmos o contemplamos e por iso testemuñamos que o Pai mandou o seu Fillo coma salvador do mundo. 15Se un profesa que Xesús é o Fillo de Deus, Deus está en comuñón con el e el con Deus. 16Pero nós xa o coñecemos e temos posta a nosa fe neste amor: o amor que Deus mantén vivo entre nós. Deus é amor e quen permanece no amor, permanece en Deus e Deus permanece nel.

17Nisto chega o amor a ser realidade cumprida en nós: en que miramos para o día do xuízo con confiada seguridade porque, tamén nós vivimos neste mundo ó xeito de Cristo. 18No amor non hai temor. Antes ben, o amor perfecto bota fóra o temor, pois o temor é temor dun castigo: quen ten medo non chegou a un amor perfecto.

19Nós somos capaces de amar, porque El nos amou primeiro. 20Se un di: "Eu amo a Deus", pero odia a seu irmán, é un mentireiro. Porque quen non ama a seu irmán a quen está vendo, non pode amar a Deus, a quen nunca viu: 21este é xustamente o mandamento que temos recibido del: que quen ama a Deus, ame tamén a seu irmán.

 

 

 

CAPÍTULO 5

 

A fe, razón  do amor e da comuñón con Deus

 

1Todos cantos cren que Xesús é o Mesías, naceron de Deus; e quen ama ó que xera, ama tamén a quen aquel xerou. 2Sabemos que amamos os fillos de Deus, se amamos a Deus e cumprimos cos seus mandamentos.

3Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados, 4porque nacer de Deus permítenos vencer o mundo. E esta é a vitoria que derrota o mundo: a nosa fe. 5Porque ¿quen é o que derrota o mundo, senón o que cre que Xesús é o Fillo de Deus?

6O que veu con auga e sangue, foi el, Xesús Cristo; non veu con auga só, senón con auga e con sangue. E o Espírito é quen dá testemuño, xa que o Espírito é a Verdade. 7Porque tres son os que dan testemuño: 8o Espírito, a auga e mais o sangue; e os tres testemuñan no mesmo senso. 9Se nós aceptamos o testemuño dos homes, maior razón ten o testemuño de Deus. E este é o testemuño de Deus: o que El nos ten dado acerca do seu Fillo. 10Quen cre no Fillo de Deus leva dentro de si este testemuño; quen non lle dá fe a Deus pono por mentireiro, xa que non cre no testemuño que Deus ten dado acerca do seu Fillo. 11E nisto consiste ese testemuño: en que Deus nos deu a vida eterna, a vida que está no seu Fillo. 12Quen ten o Fillo, ten a vida; quen non ten o Fillo, non ten a vida.

 

Epílogo

 

13Con esta carta quero que vós, os que credes no Fillo de Deus, esteades seguros de que tedes a vida eterna. 14Cando acudimos a el, estamos certos de que nos escoita, se o que lle pedimos está conforme coa súa vontade. 15Se estamos certos de que nos escoita en calquera cousa que lle pidamos, estamos tamén certos de que xa conseguimos o que lle estamos pedindo.

16Se alguén ve que o seu irmán peca con pecados que non levan á morte, que rece por el e Deus daralle a vida. Refírome ós que cometeron pecados que non levan á morte. Porque hai un pecado que leva á morte; e non é por este polo que eu digo que se rece. 17Toda inxustiza é pecado, pero hai pecados que non levan á morte.

18Sabemos que todo aquel que é un nacido de Deus non peca, senón que o garda consigo aquel que naceu de Deus, para que non lle toque o Maligno. 19Sabemos que nós vimos de Deus, mentres que o mundo enteiro está nas mans do Maligno. 20Sabemos que o Fillo de Deus xa está aquí e que nos deu entendemento para coñecer o Verdadeiro; nós estamos co Verdadeiro, co seu Fillo Xesús Cristo. Este é o Deus verdadeiro e a vida eterna. 21Meus Filliños, gardádevos dos falsos deuses.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com