SEGUNDA CARTA DE SAN PEDRO

 

 

 

CAPÍTULO 1

 

Saúdo

 

1Simón Pedro, servidor e apóstolo de Xesús Cristo, ós que tiveron a sorte de recibir unha fe de tanta estima coma a nosa, debido ó xusto reparto de Xesús Cristo, noso Deus e Salvador: 2que vos aumente a graza e a paz, ó irdes coñecendo mellor a Deus e a Xesús, noso Señor.

 

O camiño do Reino de Xesús

 

3O coñecermos a Aquel, que nos chamou coa súa propia gloria e coa súa forza, o seu poder divino convidounos con todo canto precisamos para a vida e para a piedade.

4Con esa gloria e esa forza tamén nos convidou ós máis preciosos e mellores bens prometidos, para que por estes bens, fuxindo da podremia que o egoísmo produce no mundo, sexades partícipes da natureza de Deus. 5Por iso mesmo, con toda a dilixencia, coidade fomentar coa vosa fe a virtude; coa virtude, o xuízo moral; 6co xuízo moral, o dominio de vós mesmos; co dominio de vós, a constancia; e coa constancia, a piedade; 7coa piedade, o agarimo de irmáns; e co agarimo, o amor.

8Pois ben, se xa sodes donos destas boas calidades e van en aumento en vós, non vos deixarán ser nugalláns e estériles para conseguirdes coñecer o noso Señor Xesús Cristo. 9Porque o que non as ten é un cego, que non ve de lonxe, xa que lle esqueceu a purificación dos seus pecados pasados. 10Por isto, irmáns, esforzádevos cada vez máis en asegurarvos a chamada e a elección que se fixo de vós. Se obrades así, endexamais non fracasaredes, 11pois deste xeito hásevos franquear a entrada no Reino eterno do noso Señor e Salvador Xesús Cristo.

 

Finalidades da carta

 

12E así eu teimarei sempre en vos lembrar estas cousas, aínda que xa as coñecedes e estades firmes na verdade que recibistes. 13Mentres vivo nesta tenda, penso que é o meu deber espertarvos cun testamento espiritual, 14sabendo que logo teño que abandonar a miña tenda, como mostrou o noso Señor Xesús Cristo. 15Coidarei, logo, de que, en toda ocasión, aínda despois da miña morte, vos poidades lembrar destas cousas.

 

O testemuño do apóstolo e o da palabra profética

 

16Se vos demos a coñecer a vinda poderosa do noso Señor Xesús Cristo, non foi guiándonos por contos argallados con habilidade, senón porque fomos testemuñas oculares da súa grandeza. 17Pois recibiu honor e gloria de parte de Deus Pai, cando desde a sublime Gloria lle chegou aquela voz tan especial: "Este é o meu Fillo, o meu predilecto, o Fillo do meu contento". 18Esta voz oímola nós vir do ceo, estando con el no monte santo. 19Deste xeito temos confirmación da palabra profética, á que facedes ben en estardes atentos, coma un candil aceso en lugar escuro, ata que alborexe o día e o luceiro da alba naza nos vosos corazóns.

20Antes que nada, dádevos conta disto: que ningunha profecía da Escritura é obxecto de interpretación privada. 21Porque ningunha profecía se fixo por proxecto de home senón que, sendo homes, falaron de parte de Deus, levados polo Espírito Santo.

 

 

 

OS FALSOS MESTRES

 

CAPÍTULO 2

 

Denuncia dos falsos mestres

 

1O mesmo que houbo no pobo xudeu profetas falsos, tamén haberá entre vós falsos mestres, que meterán arteiramente herexías perniciosas; ó negaren o Señor que os rescatou, carrexan para si unha rápida perdición. 2Moitos extraviándose, seguirán o camiño dos libertinos e por culpa deles maldicirase o camiño verdadeiro. 3Pois, por cobiza, hanvos explotar con discursos arteiros: a sentencia que merecen xa hai tempo que non folga; e a perdición que lles vén enriba non está a durmir, de certo.

 

Condena dos pecadores  e salvación  dos xustos

 

4Pois Deus non perdoou os anxos que pecaron senón que os botou ós alxubes escuros do inferno, gardándoos alí para o xuízo. 5Tampouco non lle perdoou ó mundo antigo senón que, cando mandou o cataclismo a aquel mundo de impíos, soamente gardou seguras a oito persoas con Noé, o pregoeiro da xustiza; 6e condenou as cidades de Sodoma e Gomorra volvéndoas cinsa, deixando deste xeito e para sempre un escarmento para os impíos. 7Pero librou ó xusto Lot, atormentado polo comportamento lascivo daquela xente sen decencia, 8pois como era un home xusto, co que lles vía e lles oía ós homes entre os que vivía un día e outro día, doíanlle na súa alma santa aquelas accións inicuas.

9Deste xeito o Señor sabe ben como librar da proba os homes piadosos; e, en troques, tamén sabe gardar para o día do xuízo os culpables, que xa van ser castigados, 10maiormente os que van tras dos desexos impuros da carne e os que desprezan a autoridade do Señor. Ousados, pagados de si, destemidos, maldicen os Seres Gloriosos, 11cando nin os mesmos anxos, con seren maiores ca eles en forza e poder, non se atreven a lles botar unha maldición diante do Señor. 12Pero esa xente, coma animais irracionais, nacidos e destinados para que os cacen e os maten, por maldiciren o que nin sequera coñecen, morrerán cunha morte coma a destes animais. 13Recibirán así a paga dos seus erros, xa que pensan que a felicidade consiste en andar de esmorga en pleno día.

 

Denuncia dos seus pecados na comunidade e contra ela

 

¡Que noxo e que vergonza, cando, comendo convosco, se enzoufan nos seus praceres! 14Os seus ollos non se enchen de adulterar nin se cansan de pecar; andan á caza dos acabados de converterse, coñecen todas as mañas da cobiza, naceron para a maldición. 15O deixaren o camiño dereito, extraviáronse, seguindo o camiño de Balaam, fillo de Bosor, quen cobizou a paga por profetizar cousas inxustas; 16pero tivo quen lle botase na cara o seu pecado: unha burriña sen fala falou con voz de home e parou a loucura do profeta.

17Son coma fontes secas, nubes mouras empurradas por unha tormenta: a negra escuridade está gardada para eles. 18Pois con discursos que soan moi ben pero que non din cousa ó caso e aproveitando as paixóns lascivas da carne, cazan ós que hai pouco se apartaron dos que vivían no erro. 19Prométenlles liberdade, eles que son escravos da corrupción ‑porque o que nos vence, escravízanos‑. 20Se os que se libran das inmundicias do mundo, grazas a coñeceren ó noso Señor e Salvador Xesús Cristo, se deixan enlizar e vencer de novo polas mesmas inmundicias, o seu final vénlles ser peor do que o principio. 21Máis lles valía non coñecer o vieiro da xustiza, antes que, de coñecido, volverse atrás do cumprimento da santa doutrina que se lles entregou. 22Pasoulles o daquel atinado O can que vomitou, o vómito papou e aqueloutro: "Porca lavada envorcállese no bulleiro".

 

 

 

A VOLTA DO SEÑOR Á FIN DO TEMPO

 

CAPÍTULO 3

 

Aínda que se demore, a Parusía chegará

 

1Meus amigos, esta xa é a segunda carta que vos escribo; nas dúas quero avivecer o voso espírito sincero cun testamento espiritual, 2para que vos acorden as palabras que en tempos dixeron os santos profetas e o mandamento do Señor e Salvador, que vos transmitiron os vosos apóstolos.

3Antes de nada, tede presente que nos derradeiros días virán uns que farán riso de todo e que se comportarán segundo os seus propios antollos. 4Estes dirán: "¿Que queda da promesa da súa volta? Pois desde que morreron os nosos pais, todo segue igual que estaba desde o principio do mundo". 5Pero así esquécense adrede de que o ceo existe desde antigo e de que, pola palabra de Deus, a terra se formou da auga e subsiste mediante a auga. 6E por isto o mundo de entón pereceu alagado na auga. 7En canto ó ceo e mais á terra actuais, a mesma palabra os ten reservados para o lume e gárdaos para o día do xuízo e da perdición dos impíos.

 

Sentido desta demora e conseguintes esixencias de santidade no cristián

 

8Meus amigos, que non vos esqueza unha cousa: que para o Señor un día élle coma mil anos; e mil anos sonlle coma un día. 9Non está retrasando Deus o cumprimento do que prometeu, aínda que algúns o crean así: o que pasa é que ten paciencia convosco, porque non quere que ninguén pereza senón que a todos lles dea tempo a se converteren. 10Máis ben o día do Señor virá coma un ladrón: daquela os ceos desaparecerán con estrondo; os elementos disolveranse abrasados de calor; e a terra e todas as obras que hai nela nin se atoparán.

11Xa que todo isto se ha disolver desta maneira, ¡con que santo xeito e prácticas de piedade tedes que vivir 12mentres esperades e suspirades pola chegada do día de Deus! Porque é neste día cando os ceos incendiados se han disolver e os elementos abrasados de calor se han derreter. 13Pero nós, conforme á súa promesa, esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza.

 

Derradeiras recomendacións

 

14Por iso, meus amigos, mentres agardades isto, collede a peito que El vos atope en paz, sen tacha nin defecto. 15Tede por seguro que a paciencia do noso Señor é sinal de salvación, como xa o noso benquerido irmán Paulo volo escribiu co saber que Deus lle deu. 16El fala diso en todas as cartas. Aínda que nelas hai algunhas cousas difíciles de entender, que a xente ignorante e pouco firme interpretan retortamente para a súa propia ruína, como fan co resto das Escrituras.

17Polo tanto vós, meus amigos, ben avisados, estade en vela, para non perderdes a vosa firmeza, arrastrados polo erro de xente sen conciencia. 18Non; vós crecede na graza e no coñecemento do noso Señor e Salvador, Xesús Cristo. A el sexa a gloria, agora e deica o día eterno.

Amén.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com