PRIMEIRA CARTA DE SAN PEDRO

 

 

 

CAPÍTULO 1

 

Saúdo

 

1Pedro, apóstolo de Xesús Cristo, ós emigrantes espallados polas provincias do Ponto, Galacia, Capadocia, Asia e Bitinia, 2ós que xa Deus Pai tiña escollidos e a quen santificou co Espírito para obedeceren a Xesús Cristo e para asperxelos co seu sangue. ¡Para vós graza e paz con toda abundancia!

 

 

PRIMEIRA PARTE: ESIXENCIAS DO BAUTISMO

 

Loanza a Deus por renacer cristiáns

 

3¡Loado sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo!

Que pola súa grande compaixón,

resucitou a Xesús Cristo da morte

e nos fixo renacer a unha vida que se nos dá en esperanza,

4a unha herdanza que non se corrompe

nin se afea

nin murcha,

predestinada por Deus para vós;

5grazas á fe que vós tedes,

estades protexidos polo poder de Deus

en vistas á salvación

que está para se manifestar, no intre final.

6Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir por un pouco tempo diferentes probas. 7Deste xeito, o xenuíno da vosa fe ten máis valía do que o ouro ‑que, a pesar de ser pasadío, se aquilata no lume‑ e considérase merecente de loanza, gloria e honra cando se revele Xesús Cristo. 8A quen amades sen o terdes visto; en quen credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha alegría indicible e gloriosa, 9porque conseguistes o froito da vosa fe, a vosa salvación persoal.

10Sobre esta salvación meditaron e pescudaron algúns profetas, que profetizaron acerca da graza que se vos concedeu. 11Pescudaron eles a data e as circunstancias ás que o Espírito de Cristo, presente neles, se quería referir, cando lles predicía os sufrimentos reservados a Cristo e as glorias que virían despois. 12Revelóuselles que non eran ministros destes misterios proféticos para proveito deles senón para o voso; misterios proféticos, que nesta era vos anunciaron os que vos evanxelizaron movidos polo Espírito Santo mandado desde o ceo; cousa esta que os mesmos anxos desexan achegarse a ollar.

 

Ser santos, a imitación de Deus

 

13Por iso, preparados espiritualmente para a vosa peregrinación e vivindo con sobriedade, poñede toda a vosa esperanza na graza que se vos concederá cando sexa a revelación de Xesús Cristo. 14Coma fillos obedientes, non vos axeitedes ós desexos de antes, cando viviades na ignorancia, 15senón que, do mesmo xeito que o que vos chamou é santo, así tamén sede vós santos en calquera circunstancia, 16porque a Escritura di: Seredes santos, porque eu son santo.

17E aínda que lle podedes chamar Pai ó que xulga con imparcialidade as obras de cada un, comportádevos con respecto durante o tempo do voso peregrinar. 18Porque xa vedes que non vos rescataron dese tipo idolátrico de vida, que recibistes dos vosos pais, con algo perecedoiro, tal coma ouro ou prata; 19senón que vos rescataron co precioso sangue de Cristo, Año sen defecto nin tacha. 20El xa estaba escollido de antes da creación do mundo pero presentouse nos derradeiros tempos para o voso ben. 21Por medio del tedes fe en Deus que o resucitou da morte e o glorificou e dese xeito a vosa fe e a vosa esperanza están postas en Deus.

 

O amor, esixencia do anuncio cristián

 

22Xa que a purificación do voso interior coa aceptación da Verdade, vos levou a querervos sinceramente coma irmáns, querédevos ben uns ós outros, de corazón e con constancia. 23Porque volvestes nacer, non dunha semente perecedoira, senón dunha imperecedoira: volvestes nacer por medio da Palabra vivificadora e permanente de Deus. 24Porque

todo mortal é coma unha herba,

e toda a súa beleza coma a flor dunha herba:

secou a herba

e caeu a flor.

25En troques, a palabra do Señor permanece para sempre.

Ora, esa é a palabra con que vos evanxelizaron.

 

 

 

CAPÍTULO 2

 

O sacerdocio dos cristiáns

 

1Así que, espídevos de toda maldade, de toda mesquindade e finximento, da envexa e de falar mal dos outros. 2Coma nenos que acaban de nacer, ansiade o leite puro, o espiritual, que recibistes no bautismo, para medrardes con el en orde á salvación, 3xa que probastes o bo que é o Señor.

4O achegárdevos ó Señor, pedra vivificadora ‑de refugallo para os homes, pero pedra escollida e apreciada ós ollos de Deus‑, 5sede tamén vós, coma pedras vivas, parte da construción do templo espiritual: para os cultos dun sacerdocio santo e para ofrecer ofrendas espirituais, aceptables a Deus por medio de Xesús Cristo. 6Por iso lese na Escritura:

Ollade que eu poño en Sión unha pedra

angular, escollida e digna de honra,

de xeito que quen fíe nela, non levará desengano.

7A súa honra é para vós os que credes, pero para os que non cren é

a pedra que refugaron os canteiros

e que se converteu en esquinal

8e aínda máis:

en pedra onde se tropeza,

en couce onde un se esnafra.

Eles tropezan contra a Palabra, porque non lle fixeron caso: tropezar era o seu destino.

9Pero, en cambio, vós sodes raza escollida, sacerdocio de reis, nación santa, pobo adquirido por Deus, para pregoardes as marabillas daquel que vos chamou das tebras á súa luz admirable.

10Vós, os que antes non erades pobo,

agora sodes o pobo de Deus;

ninguén se compadecía de vós,

pero agora atopastes quen se compadeza de vós.

 

 

DIVERSOS  CONSELLOS

 

Consellos ó pobo de Deus que vive entre pagáns

 

11Meus amigos, recoméndovos que, coma forasteiros e emigrantes que sodes, vos manteñades lonxe dos baixos desexos que loitan contra nós. 12Entre os pagáns mantede un comportamento honrado, para que, aínda que vos calumnien polo voso comportamento coma malfeitores, ó veren as vosas obras boas, acaben por dar gloria a Deus, o día que El os visite.

13Sometédevos ante toda institución humana por mor do Señor, ora sexa o emperador, coma soberano que é, 14ou os gobernadores, coma delegados seus, para castigar os malfeitores e premiar ós que fan o que está ben. 15Porque isto é o que Deus quere: que portándovos ben, lle tapedes a boca á ignorancia dos estúpidos. 16Isto facédeo coma xente libre de verdade e non coma quen toma a liberdade para tapar a ruindade, senón coma servidores de Deus. 17Tede consideración con todo o mundo, querede ben ós irmáns, respectade a Deus, honrade o emperador.

 

Consellos para a vida en familia: os criados

 

18Os criados sometédevos ós vosos amos con todo o respecto; non só ós que son bos e comprensivos, senón tamén ós que son tortos, 19pois o mérito está en que un, dándose conta de que Deus o quere, ature mágoas inxustamente sufridas. 20Porque ¿que mérito ten que aguantedes que vos enchan de labazadas por vos portardes mal? Pero, se vos portades ben e, mesmo así, aguantades sufrimentos, isto é precioso ós ollos de Deus.

21De feito chamouvos Deus para isto,

porque tamén Cristo sufriu por vós,

deixándovos así un exemplo para que sigades os seus pasos.

22El, que non fixo pecado,

nin engano se atopou na súa boca,

23cando o aldraxaban, non devolvía aldraxes;

mentres sufría, non ameazaba,

senón que se puña nas mans do que xulga con xustiza.

24No seu corpo, el ofrendou os nosos pecados sobre a cruz,

para que nós, mortos ó pecado, vivamos para a xustiza:

curáronnos as súas chagas.

25Erades coma ovellas extraviadas,

pero agora volvéstesvos ó voso pegureiro e pastor.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

Consellos ás mulleres

 

1No tocante ás mulleres, que se sometan ós seus homes; deste xeito, se algúns non cren na Palabra, sen necesidade de palabra ningunha poderanos gañar 2polo bo xeito de vida por respecto ó Señor. 3Que os vosos adornos non sexan os exteriores dunha trenza no pelo nin rodearvos de xoias de ouro ou vestirvos con variedade de vestidos; 4senón que sexa a personalidade escondida dentro, no corazón, co adorno indeformable dun espírito agarimoso e sereno; isto si que é algo precioso ós ollos de Deus. 5Así tamén se adornaban noutro tempo as santas mulleres que esperaban en Deus, someténdose ós seus homes. 6Así obedeceu Sara a Abraham, chamándolle "o meu dono". Vós, se facedes o ben e non vos atemorizades por ningunha alarma, é porque xa vos fixestes fillas de Sara.

 

Consellos ós homes

 

7No tocante ós homes, convivide coas vosas mulleres con comprensión, mostrándolles o debido respecto, tal como se lle debe a un ser máis feble e coma a herdeiras convosco do don gratuíto da Vida; así seredes capaces de rezar sen estorbos.

 

Levarse ben

 

8En fin, andade todos de acordo e cos mesmos sentimentos, querédevos coma irmáns, tede un corazón compasivo e un xeito humilde; 9non vos volvades mal por mal, nin insulto por insulto; ó contrario, devolvede bendicións, porque para isto vos chamaron: para serdes herdeiros dunha bendición. 10Porque

se un ama a vida

e quere ver días felices,

conteña a súa lingua do mal,

e os seus beizos de falar falsidades;

11escape do mal e faga o ben,

procure a paz e esfórcese por pillala.

12Pois a mirada do Señor fólgase nos xustos,

e os seus oídos atenden os seus rogos;

pero a cara do Señor anóxase contra os que fan o mal.

 

É bo sufrir, sendo honrados

 

13Ademais, ¿quen sería capaz de vos facer mal, se vós estivésedes afincados no ben? 14Pero, aínda supoñendo que tivésedes que sufrir por serdes xustos, benaventurados vós: non lles teñades medo nin vos asustedes. 15O contrario para os vosos adentros adorade a Cristo coma Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro. 16Pero respondede con bo xeito e con respecto; tede a conciencia limpa, de xeito que os que desprezan o voso bo comportamento cristián, se vexan confundidos naquilo mesmo de que vos calumnien. 17Pois sempre sería mellor sufrir, se tal fose a vontade de Deus, por facerdes o ben, que por facerdes o mal.

 

O exemplo de Cristo e a salvación polo bautismo

 

18Tamén Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,

o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus;

sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.

19Foi daquela cando lles foi proclamar a salvación

mesmo ós espíritos encadeados, 20que foran rebeldes,

cando, nos tempos de Noé,

Deus, cheo de paciencia,

estábaos agardando, mentres se construía a arca;

dentro dela, uns poucos,

en total oito persoas,

salváronse pola auga;

21esta auga simbolizaba o bautismo que vos salva a vós,

non por ser unha limpeza do corpo lixoso,

senón por ser o compromiso con Deus dunha conciencia honrada,

pola mediación de Xesús Cristo resucitado,

22que subiu ó ceo e está á dereita de Deus,

despois que se lle someteron os anxos, os poderes e as forzas.

 

 

 

CAPÍTULO 4

 

O que sofre na carne rompe co pecado

 

1Pois, xa que Cristo padeceu na súa carne, armádevos tamén vós da mesma idea: que quen sofre na carne rompe co pecado; 2de xeito que vivades o resto da vosa vida corporal para cumprirdes a vontade de Deus e xa non para satisfacer as paixóns humanas. 3Pois o tempo pasado foi máis que de abondo para vivirdes vós en plan pagán, afeitos como estabades á luxuria e ós vicios, ás orxías, esmorgas, borracheiras e infames idolatrías. 4E así estráñanse ó ver que non corredes con eles, coma de costume, a estragar cartos e á inmoralidade, e insúltanvos. 5Xa darán contas a Aquel que está preparado para xulgar vivos e mortos; 6pois para isto se lles predicou o Evanxeo mesmo ós mortos: para que, en recibindo na súa carne mortal a sentencia común a todos os homes, poidan vivir no espírito coa vida de Deus.

 

Para o que falta, paga a pena sacrificarse polos outros

 

7E, por outra banda, a fin de todo está cerca; polo tanto, tede control e regra con vós mesmos para poderdes rezar. 8Antes que nada, esforzádevos no amor duns ós outros, porque o amor tapa moitos pecados. 9Dá-devos pousada uns ós outros sen murmurar. 10Cada un esfórcese en servir os outros cos seus dons, os que de Deus recibiu, como corresponde a bos administradores dos diferentes dons de Deus. 11Quen fala, que sexa voceiro de Deus; quen sirva, que o faga coa forza que Deus lle dá, para que en todo Deus reciba gloria por medio de Xesús Cristo. A El pertencen a gloria e o poder polos séculos dos séculos. Amén.

 

 

SEGUNDA PARTE

 

Loar a Deus polas persecucións

 

12Meus amigos, saíde do medo que vos deu o incendio que xurdiu entre vós, para vos poñer a proba, coma se vos viñese enriba algo estraño. 13Máis ben alegrádevos, conforme ides tendo parte nos sufrimentos de Cristo, para que deste xeito cando se manifeste a súa gloria poidades tamén alegrarvos xubilosos. 14Se se burlan de vós por serdes cristiáns, felicitádevos, porque o Espírito da gloria, isto é, o Espírito de Deus, permanece sobre vós. 15Que ninguén de vós siga sufrindo por ser asasino ou ladrón ou mala persoa ou un entremetido; 16pero, se sofre por ser cristián, que non teña vergonza, máis ben que loe a Deus polo título que ten. 17Isto quere dicir que chegou o tempo do xuízo, comezando pola casa de Deus. Ora, se os seus principios en nós son así, ¿cal será a fin dos que se rebelan contra o Evanxeo de Deus? 18Se caro lle custa ó xusto salvarse, ¡que non será do impío e pecador! 19En conclusión: os que sofren conforme á vontade de Deus, facendo sempre o ben, encoméndense ó Creador que é fiel.

 

 

 

CAPÍTULO 5

 

Preocupación pastoral e obediencia na humildade

 

1Os responsables das vosas comunidades, exhórtoos eu, responsable coma eles, que fun testemuña dos padecementos de Cristo e que terei parte convosco na gloria que está para se manifestar: 2coidade o rabaño de Deus, que está á vosa garda; mirade por el, non por pura obriga senón, como Deus quere, de boa gana; nin por baixos intereses de lucro senón porque vos agrada; 3nin dándovolas de señores dos que se vos encomendaron senón facéndovos exemplo para o rabaño. 4Así, cando apareza o supremo Pastor, recibiredes a coroa da gloria, que nunca murcha.

5Tamén os mozos habedes ser ben guiados cos responsables. No trato cos demais revestídevos todos vós dun pensar humilde, porque

Deus oponse ós soberbios,

pero concédelles a graza ós humildes.

6Por iso vós facédevos humildes,

para estardes baixo a man poderosa de Deus,

de xeito que El vos levante no intre oportuno.

7Botade sobre Deus todas as vosas ansias,

que El coida de vós.

 

Estar en liña, para vencer o demo e servir a Deus

 

8Pero comede e bebede con regra. ¡Alerta!

Que o voso inimigo, o demo, bruando coma un león,

anda ó arredor á procura de quen engulir.

9Resistídelle firmes na fe,

sabendo que os mesmos sufrimentos lles están reservados

ós vosos irmáns en todo o mundo.

10Pois Deus, de quen vén toda a graza e que vos chamou por medio de Cristo á súa gloria eterna, despois dun pouco de sufrimento, El mesmo vos porá en forma, vos volverá firmes, fortes e vos dará estabilidade. 11El ten poder polos séculos dos séculos. Amén.

 

Despedida

 

12Do puño de Silván, irmán fiel ‑así o considero‑, escribinvos esta pequena carta, para vos exhortar e asegurar que esta é a verdadeira graza de Deus. Afincádevos ben nela.

13A comunidade escollida coma vós, que vive en Babilonia, mándavos saúdos e tamén o meu fillo Marcos. 14Saudádevos uns ós outros cun bico de irmáns. Paz a todos vós, os cristiáns.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com