Capítulos 11-16

 

CAPÍTULO 11

 

1Procurade imitarme a min, como eu imito a Cristo.

 

NORMAS PARA AS ASEMBLEAS LITÚRXICAS

 

As mulleres e o pano da cabeza

 

2Felicítovos por vos lembrar de min en todo, e por manterdes as tradicións tal como volas entreguei. 3Pero quero que saibades que a cabeza de todo home é Cristo, que a cabeza da muller é o home, e que a cabeza de Cristo é Deus. 4Todo home que reza ou profetiza coa cabeza cuberta deshonra a súa cabeza. 5E toda muller que reza ou profetiza coa cabeza descuberta deshonra a súa cabeza, pois é talmente igual coma se estivese rapada. 6Logo, se unha muller non se cobre, que se rape. Pero, se é unha deshonra para a muller cortar o pelo ou raparse, que se cubra.

7O home non necesita, xa que logo, cubrir a cabeza, sendo como é a imaxe e reflexo de Deus. Mais a muller é o reflexo do home. 8Porque o home non procede da muller, senón a muller do home. 9Nin se creou o home para a muller, senón a muller para o home. 10Por iso debe a muller levar na cabeza un sinal de submisión, por mor dos anxos. 11(Aínda que polo demais, no Señor nin a muller existe sen o home nin existe  o home sen a muller; 12pois do mesmo xeito que a muller vén do home, o home vén por medio da muller; e todo vén de Deus).

13Xulgade por vós mesmos: ¿é decente que a muller rece a Deus coa cabeza descuberta? 14¿Non vos ensina a mesma natureza que é unha deshonra  para o home deixar medrar o pelo; 15e que, pola contra, cámpalle á muller o pelo longo? Pois a ela as guedellas déronselle coma pano da cabeza. 16Ademais, se alguén ten gana de discusións, saiba que non temos tal costume, nin tampouco as igrexas de Deus.

 

A  Cea do Señor

 

17O facervos estas recomendacións, non podo aplaudir o feito de que as vosas reunións produzan máis mal ca ben. 18O primeiro que oio é que cando vos xuntades en asemblea hai divisións entre vós e, en parte, créoo. 19Pois é necesario que haxa bandos entre vós, para que se vexa quen entre vós é honesto.

20Deste xeito, cando vos xuntades en común, iso xa non é comer a Cea do Señor. 21O poñervos a comer, cada un agárrase á súa propia comida e uns pasan fame mentres os outros se emborrachan. 22¿Seica non tedes casas para comer e para beber? ¿Ou é que queredes desprezar a Igrexa de Deus e avergonzar ós que non teñen? ¿Que vos vou dicir? ¿Vouvos felicitar? ‑Non, nisto non vos felicito.

23Porque eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan 24e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". 25Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña".

26Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.

27De maneira que quen coma o pan ou beba a copa do Señor indignamente, terá que responder do corpo e do sangue do Señor.

28Examínese cadaquén a si mesmo antes de comer o pan e de beber a copa. 29Porque quen sen recoñecer o Corpo come e bebe, come e bebe a súa propia condenación. 30Que por iso hai entre vós moitos achacosos e enfermos e mortos abondo. 31Se nos examinásemos nós, non nos xulgaría ninguén. 32Aínda que, se nos xulga o Señor, é para educarnos, para que non nos condenemos co mundo.

33Pois logo, meus irmáns, cando vos xuntedes para comer, atendédevos uns a outros. 34Se algún ten fame, que coma na casa, de modo que non vos xuntedes para condenación. O resto xa o arranxarei cando chegue.

 

Os dons do Espírito

 

CAPÍTULO 12

 

1Acerca dos dons espirituais non quero, irmáns, que esteades na ignorancia.

2Ben sabedes que cando erades pagáns, sentiádesvos arrebatados á forza cara ós ídolos mudos. 3Por iso declárovos que ninguén que diga "Renegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e que ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.

 

Variedade e unidade dos dons

 

4Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. 5Hai diversidade de servizos, pero un mesmo Señor. 6Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.

7A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. 8A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; 9a aqueloutro o mesmo Espírito concédelle fe. 10A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas. 11Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.

 

A comparanza do corpo

 

12Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo. 13Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

14Pois ben, o corpo non está formado por un único membro senón por moitos. 15Se o pé dixer: "como non son man, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. 16E se o oído dixer: "como non son ollo, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. 17Se todo o corpo for ollo, ¿onde estaría o oído? Se for todo oído, ¿onde estaría o ulido?

18Ora, foi Deus quen puxo os membros, colocando cada un deles no corpo coma El quixo. 19Se todo for un único membro, ¿onde estaría o corpo? 20En realidade, hai moitos membros, pero un corpo só. 21O ollo non lle pode dicir á man: "Non preciso de ti", nin a cabeza ós pés: "non preciso de vós". 22Todo o contrario: os membros do corpo que parecen máis débiles son os máis necesarios; 23e os que temos por menos decorosos, cubrímolos con máis decoro; e os menos honestos tratámolos con máis recato; 24cousa que non precisan os honestos. Deus dispuxo o corpo, dándolle máis honor ó máis privado del, 25para que non haxa discordia no corpo; senón que, ó revés, os membros se preocupen por igual uns dos outros. 26E así, cando padece un membro, todos padecen con el; cando a un membro o tratan ben, todos se alegran con el.

 

O corpo místico de Cristo

 

27Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. 28Na Igrexa dispuxo Deus primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres. Despois os que teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de curacións, de asistencia, de goberno, de falar distintas linguas. 29¿Ou é que todos son apóstolos? ¿Todos son profetas? ¿Todos son mestres? ¿Todos fan milagres? 30¿Todos teñen o don de curar? ¿Todos falan en moitas linguas? ¿Todos saben interpretar?

31De todos modos, cobizade os carismas mellores. Pero, ademais aínda vos vou mostrar o camiño por excelencia.

 

Himno ó amor - caridade

 

CAPÍTULO 13

 

1Por moito que eu falase as linguas todas dos homes e as dos anxos, se non tiver amor, non sería máis ca un bronce que resoa ou un pandeiro que repenica.

2Por moito que eu falase inspirado e comprendese todos os misterios e mais toda a ciencia e tivese tanta fe que movese os montes, se non tiver amor, non sería nada.

3Por moito que eu reparta todo o que teño e me deixe queimar vivo, se non tiver amor, non me sería de proveito ningún.

4O amor é de corazón grande, é servizal. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece; 5non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia; 6non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade. 7Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre.

8O amor non pasa endexamais; mentres que as profecías desaparecerán, as linguas calarán, a ciencia acabará. 9Porque a nosa ciencia é limitada e limitada é a nosa inspiración: 10e cando veña o perfecto, desaparecerá o limitado. 11Cando eu era neno, falaba coma un neno, pensaba coma un neno, razoaba coma un neno; cando cheguei a home, deixei de lado as cousas de neno. 12Igual-mente: agora vemos nun espello, escuramente; pero daquela habemos ver cara a cara. Agora coñezo dun modo incompleto; pero daquela hei coñecer tan ben coma Deus me coñece a min. 13En resumo: hai tres cousas que permanecen: a fe, a esperanza, e o amor. Pero delas a meirande é o amor.

 

Finalidade dos carismas: a edificación da comunidade

 

CAPÍTULO 14

 

1Buscade a toda costa o amor; cobizade tamén os dons espirituais e, máis que nada, o da profecía. 2Porque o que fala en linguas estrañas non fala para os homes senón para Deus, xa que ninguén o entende: o que fai é falar polo Espírito cousas misteriosas. 3Mentres, quen profetiza fala para os homes, edifica, anima, consola. 4Quen fala co don de linguas edifícase a si, pero quen profetiza edifica a comunidade. 5Quixera que todos faledes en linguas, pero quero máis que faledes profeticamente. Porque quen fala inspirado é máis có que fala en linguas; a non ser que ó mesmo tempo as interprete, de maneira que sirva de edificación á comunidade.

6Porque supoñamos, irmáns, que eu chegase onda vós falando en linguas. ¿De que vos aproveitaría, se a miña palabra non vos aportase nin revelación, nin ciencia, nin inspiración, nin ensinanza? 7Pasa igual que cos instrumentos de música: unha frauta ou unha cítola, poñamos por caso. Se non dan as notas con precisión, ¿como un vai saber o que tocan? 8Ou tamén: se unha trompeta toca sen xeito ningún, ¿quen se vai preparar para o combate? 9Pois igual vós: se co don de linguas non pronunciades palabras claras, ¿como se vai entender o que falades? Falaredes para o vento. 10No mundo hai linguas a barullo e ningunha carece de sentido. 11Pero se non coñezo o significado das verbas, serei un estranxeiro para quen me fala; e estranxeiro será el para min. 12Pois logo, xa que desexades tanto os dons espirituais, procurade abundar neles, para edificación da comunidade.

13Por iso, quen fale co don de linguas, que pida o don de interpretalas. 14Porque, se rezo co don de linguas, reza o espírito; pero o meu entendemento queda sen froito. 15¿Entón que? ‑Rezarei co espírito, pero tamén rezarei co entendemento; cantarei himnos co espírito, pero cantareinos tamén co entendemento. 16Doutro xeito, se dás grazas co espírito, ¿como van responder Amén á túa acción de grazas os que aínda están no grupo dos simpatizantes?: eles non entenden o que dis. 17Ti fas, de certo, unha excelente acción de grazas, pero o outro non queda edificado.

18Grazas a Deus teño máis don de linguas ca todos vós. 19Pero na asemblea prefiro dicir cinco palabras contadas, pero que se entendan e que poidan instruír tamén ós demais, antes ca un discurso enteiro co don de linguas.

20Irmáns, non sexades meniños no xuízo, senón só na falta de malicia: no xuízo tedes que ser homes. 21Está escrito na Lei:

Por homes doutra lingua

e con labios alleos,

heille falar a este pobo;

e nin así me escoitarán,

di o Señor. 22De maneira que as linguas serven de sinal non para os crentes, senón para os incrédulos; a profecía, pola contra, serve para os crentes e non para os incrédulos. 23Poñamos por caso que se reúne toda a comunidade en asemblea e que todos falan co don de linguas: se lles cadra entrar a algúns simpatizantes ou non crentes, ¿non dirán que toleastes? 24Pero, se todos profetizades e entra un non crente ou un simpatizante, séntese argüído por todos, séntese xulgado por todos, e 25quedan ó descuberto os segredos do seu corazón. Entón prostrarase e adorará a Deus proclamando: "realmente Deus está no medio de vós".

 

Regras prácticas

 

26¿Que facer, entón, irmáns? ‑Cando vos xuntedes, cada un pode cantar un himno, dar unha ensinanza, manifestar unha revelación, falar unha vez co don de linguas, facer unha interpretación. Que todo sirva de edificación.

27No caso de que alguén fale co don de linguas, que sexan un ou dous soamente ou, como moito, tres e á rolda; e que haxa un intérprete. 28Se non hai intérprete, entón quen teña ese don que cale na asemblea: que fale para si e para Deus.

29Os profetas, que falen dous ou tres: os demais saquen as consecuencias. 30Se algún dos que están sentados ten unha revelación, que cale quen está falando. 31Porque, un por un, todos podedes profetizar, de modo que todos aprendan e reciban ánimos; 32e ademais o espírito dos profetas está baixo o control dos propios profetas, 33porque Deus non é Deus de desorde, senón de paz.

Coma en todas as igrexas dos santos, 34as mulleres na asemblea que calen a boca, que non lles está permitido falar; que se mostren submisas, coma a mesma Lei o di. 35Se queren aprender algunha cousa, que llela pregunten na casa ós seus homes, pois non di ben nunha muller falar na asemblea.

36¿Acaso empezou por vós a palabra de Deus? ¿Ou chegouvos acaso soamente a vós? 37Se algún se cre profeta ou inspirado polo Espírito, recoñeza que o que eu vos escribo é un mandato do Señor. 38Se alguén o ignora, sinal de que tamén o ignorarán a el.

39Así que, irmáns, aspirade a falar profeticamente e non lle privedes a ninguén de falar co don de linguas. 40Pero que todo se faga con dignidade e con orde.

 

 

A RESURRECCIÓN DOS MORTOS

 

A resurrección de Cristo

 

CAPÍTULO 15

 

1Quero que vos acorde, irmáns, o Evanxeo que vos prediquei, que vós aceptastes, no que ficades firmes 2e polo que vos estades salvando (se é que o gardades tal como volo anunciei; do contrario, a vosa fe sería inútil).

3Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; 4que o sepultaron, que ó terceiro día resucitou conforme ás Escrituras 5e que se apareceu a Cefas e despois ós Doce. 6Máis tarde apareceuse dunha soa volta a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven, algúns xa finaron. 7Despois apareceuse a Santiago e logo a todos os apóstolos. 8En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ó nacido á deshora.

9Pois eu son o menor dos apóstolos, que nin son merecente de me chamar apóstolo, xa que perseguín a Igrexa de Deus; 10pero pola graza de Deus son o que son, e esa graza que fixo comigo non ficou baleira. O contrario, traballei máis ca todos eles; aínda que non precisamente eu, senón a graza de Deus que está comigo. 11Pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así predicamos e así crestes vós.

 

A resurrección de Cristo: garantía da nosa resurrección

 

12Ora, se se predica que Cristo resucitou dos mortos, ¿como é que andan algúns de entre vós dicindo que non hai resurrección dos mortos? 13Se non hai resurrección dos mortos, tampouco Cristo está resucitado. 14E, se Cristo non está resucitado, baleira é a nosa predicación, e baleira tamén a vosa fe.

15Resultaría, ademais, que nós acabamos sendo falsas testemuñas contra Deus, pois levantámoslle a Deus o testemuño de que resucitou a Cristo, sendo así que non o resucitou, caso de que efectivamente os mortos non resuciten. 16Pois, se os mortos non resucitan, tampouco Cristo está resucitado. 17E, se Cristo non está resucitado, a vosa fe é unha ilusión: estades aínda nos vosos pecados.

18Resultaría tamén que os que finaron en Cristo pereceron completamente. 19Ora, se a esperanza que temos en Cristo é soamente para esta vida, nós somos os máis dignos de compaixón entre todos os homes.

20Pero non: Cristo resucitou dos mortos, coma primicia dos que dormen. 21Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos. 22Igual que todos morren por Adam, así tamén por Cristo todos revivirán. 23Pero cada un no seu intre: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa Vinda, os que sexan de Cristo; 24despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación. 25Porque é necesario que El reine ata que poña a todos os seus inimigos por debaixo dos seus pés. 26A morte será o derradeiro inimigo destruído, 27pois todo o puxo por debaixo dos seus pés. (Aínda que cando di que "todo está sometido", é claro que con excepción daquel que lle someteu todas as cousas). 28E cando lle teña todo sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todo.

 

Confirmación da verdade da resurrección

 

29De non ser así, ¿que conseguen os que se bautizan polos mortos? Se os mortos non resucitan en absoluto, ¿por que entón se bautizan por eles? 30E nós mesmos, ¿por que nos poñemos en perigo a toda hora? 31Tan certo, irmáns, coma o orgullo que por vós teño en Cristo o noso Señor, que estou todos os días ás portas da morte. 32Se con miras simplemente humanas loitei coas feras en Efeso, ¿cal sería o meu proveito? Se os mortos non resucitan, comamos e bebamos, que mañá morreremos. 33Non vos deixedes enganar, "malas compañías estragan bos costumes". 34Volvede en vós á realidade normal e non pequedes; porque algúns perderon o coñecemento de Deus. Para a vosa vergonza volo digo.

 

Como será a resurrección

 

35Pero algún preguntará: ¿como resucitan os mortos? ¿Con que clase de corpo volverán á vida? 36‑Insensato. O que ti sementas non prende na vida, se primeiro non morre. 37Nin sementas xa o corpo que vai nacer, senón un simple gran de trigo, se cadra, ou de calquera outra semente. 38Deus é quen lle dá o corpo que lle parece: a cada semente o seu.

39Non todas as carnes son as mesmas: unha cousa é a carne dos homes, outra a dos animais, outra a dos paxaros, outra a dos peixes. 40Hai corpos celestes e corpos terrestres; pero o brillo dos celestes é distinto do brillo dos terrestres. 41Unha cousa é o brillo de sol e outra moi distinta o da lúa ou o das estrelas: mesmo entre estrela e estrela hai diferenza de brillo.

42O mesmo pasa tamén coa resurrección dos mortos: seméntase na corrupción, resucítase na incorrupción; 43seméntase no desprezo, resucítase na gloria; seméntase na debilidade, resucítase na forza; 44seméntase un corpo natural, resucita un corpo espiritual. Se hai un corpo natural tamén hai un espiritual, 45pois así está escrito: o primeiro home, Adam, fixérono un ser vivo; o último Adam, un espírito que dá vida. 46Pero non foi primeiro o espiritual, senón o natural, e despois o espiritual. 47O primeiro home, saído da terra, era terrestre; o segundo home veu do ceo. 48Como era o terrestre, así son os terrestres: e como é o celeste, así son os celestes. 49E o mesmo que antes levamos a imaxe do terrestre, tamén levaremos a imaxe do celeste.

50O que vos digo, irmáns, é que a carne e o sangue non poden herdar o Reino de Deus; nin a corrupción herdará a incorrupción. 51Vouvos revelar un misterio: non todos imos morrer, pero todos nos imos transformar; 52nun instante, nun pechar os ollos, ó toque da derradeira trompeta. Pois soará a trompeta e os mortos resucitarán incorruptibles e nós apareceremos transformados. 53É necesario que isto corruptible se revista de incorrupción e que isto mortal se revista de inmortalidade.

54E cando isto corruptible se revista de incorrupción e isto mortal se revista de inmortalidade, entón cumprirase a palabra que está escrita:

a morte foi tragada pola vitoria

55Morte, ¿u-la túa vitoria?

Morte ¿ur o teu aguillón?

56O aguillón da morte é o pecado e a forza do pecado é a Lei. 57Pero deámoslle as grazas a Deus, que El nos dá a vitoria por medio do noso Señor Xesús Cristo.

58Así que, meus irmáns queridos, mantédevos firmes e inabalables; aplicádevos cada vez máis á obra do Señor, sabendo que os vosos esforzos coma cristiáns non son en balde.

 

 

CONCLUSIÓN

-

Colecta para os cristiáns de Xerusalén

 

CAPÍTULO 16

 

1En canto á colecta a prol dos irmáns, facede o mesmo que dispuxen para as igrexas da Galacia. 2Que o primeiro día da semana cada un de vós vaia xuntando na súa casa o que poida aforrar, para que non haxa que facer a colecta cando vaia eu. 3E, cando chegue, mandarei a quen vós elixades, con cartas, para levaren a vosa caridade a Xerusalén. 4No caso de que pague a pena que vaia tamén eu, irían comigo.

 

Plans de viaxe

 

5Irei onda vós, cando atravese Macedonia, pois pola Macedonia teño que cruzar. 6Pero convosco quizais me deteña, e se cadra, aínda paso o inverno, a fin de que vós me preparedes a viaxe para onde vaia. 7Porque esta vez non quero vervos só de paso: espero quedar algún tempo convosco, se o Señor o permite. 8Deica Pentecoste permanecerei en Éfeso, 9pois ábreseme alí unha porta grande e prometedora e son moitos os adversarios.

 

Recomendacións e noticias

 

10Se chega por aí Timoteo, mirade que non se sinta acovardado entre vós, pois traballa coma min na obra do Señor. 11Que ninguén mo desprece. Arranxádelle a viaxe para que veña en paz onda min, porque estou á espera del cos irmáns.

12En canto ó irmán Apolo teimei moito nel para que fose onda vós cos irmáns; pero agora non quixo ir de maneira ningunha: irá cando se lle presente unha boa ocasión.

13Vixiade, afincádevos na fe, sede homes, sede rexos. 14Que todo o que fagades sexa con amor.

15Unha recomendación, irmáns: ben sabedes que a casa de Estevo é a primicia da Acaia, e que todos eles se puxeron ó servizo dos irmáns. 16Poñédevos tamén vós á súa disposición e á de todo o que colabore e traballe con eles.

17Estou moi alegre coa visita de Estevo, de Fortunato e de Acaico, pois eles enchéronme a vosa ausencia: 18tranquilizaron o meu espírito e mais o voso. Apreciade, logo, a homes coma eles.

 

Despedida

 

19Mándanvos recordos as igrexas de Asia. Mándanvos un caloroso saúdo cristián Aquila e Prisca e mais a asemblea que se xunta na casa deles. 20Saúdanvos todos os irmáns. Saudádevos uns a outros co ósculo litúrxico.

21Este saúdo é da miña propia man, Paulo.

22Se algún non ama ó Señor, botádeo fóra. Marana ta.

23A graza do Señor Xesús sexa convosco. 24O meu amor está con todos vós en Cristo Xesús.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com