Capítulos 1-5

Saúdo e acción de grazas

 

CAPÍTULO 1

 

1Paulo, chamado a ser apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, así coma o irmán Sóstenes: 2á Igrexa de Deus que está en Corinto, ós que están santificados en Cristo Xesús, chamados a ser santos cos que en calquera lugar invocan o nome do noso Señor Xesús Cristo, Señor deles e noso, 3desexámosvos graza e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.

4Non paro de lle dar grazas a Deus por vós, pola graza de Deus que se vos deu por medio de Cristo Xesús. 5Porque por medio del quedastes ricos en todo, nos dons da palabra e do coñecemento: 6e así confirmouse solidamente entre vós o testemuño en favor de Cristo. 7De xeito que non carecedes de ningún don, mentres agardades a revelación do noso Señor Xesús Cristo. 8El é quen vos manterá firmes deica á fin, para que ninguén vos poida acusar de nada no día do noso Señor Xesús Cristo. 9Deus é fiel e foi El quen vos chamou á comunidade do seu Fillo Xesús Cristo, noso Señor.

 

 

CORRECCIÓN DOS ABUSOS EN CORINTO. DIVISIÓN NA COMUNIDADE

 

Partidos na Igrexa de Corinto

 

10Irmáns, polo nome do noso Señor Xesús Cristo: rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós; ó contrario, axeitádevos todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento.

11Pois, irmáns, polos de Cloe cheguei a saber que hai discordias entre vós. 12Refírome a que cada un de vós anda a dicir: "eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, eu de Cristo". 13¿Pero é que Cristo está dividido? ¿É que foi Paulo a quen crucificaron por vós? ¿Ou é Paulo o nome no que vos bautizaron?

14Dou grazas a Deus de non ter eu bautizado a ningún de vós fóra de Crispo e de Caio; 15así ninguén poderá dicir que vos bautizaron no meu nome. 16(Ai si, tamén bauticei a familia do Estevo; pero do resto, que eu acorde non bauticei a ninguén). 17Porque non me mandou Cristo a bautizar, senón a predicar o Evanxeo; e isto sen habilidades retóricas, para que non quede desvirtuada a eficacia da cruz de Cristo.

 

A sabedoría do mundo e a sabedoría de Deus

 

18Porque a palabra da cruz é loucura para os que se perden, pero para nós, os que nos salvamos, é poder de Deus. 19Pois está escrito:

Desmontarei a sabedoría dos sabios

e derrubarei a intelixencia dos intelixentes.

20¿Onde está o sabio? ¿Onde o letrado? ¿Onde está o investigador conforme ós criterios deste mundo?

¿É que non mostrou Deus que a sabedoría do mundo é unha parvada? 21Mirade, xa que o mundo con todo o seu saber non recoñeceu a Deus na súa Sabedoría, tivo Deus a ben salvar coa loucura da predicación ós que teñen fe. 22Así os xudeus piden signos e os gregos buscan a sabedoría; 23pero nós

predicamos un Mesías crucificado: e isto para os xudeus é un escándalo e para os pagáns é unha loucura. 24Pero para os chamados, tanto xudeus coma gregos, el é Cristo, marabilla do poder e da sabedoría de Deus. 25Porque a loucura de Deus é máis sabia ca toda a sabedoría dos homes e a debilidade de Deus é máis forte ca toda a fortaleza dos homes.

26E, se non, irmáns, reparade en quen sodes os chamados: entre vós, mirando as cousas con criterios deste mundo, non hai moitos sabios, nin moitos poderosos, nin moitos da nobreza. 27O contrario, o que hai de parvo no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar os sabios; e o que hai de débil no mundo, iso foi escoller Deus para desconcertar o poder; 28o plebeo e mais o desprezado, iso foi escoller Deus: o que non é, para anular o que é; 29de xeito que ningún mortal poida campar diante de Deus. 30Por El é por quen existides vós en Cristo Xesús, quen se fixo para nós a sabedoría e mais a xustiza, a santificación e mais a redención que veñen de Deus. 31E así, como está escrito, "quen está orgulloso, que o estea do Señor".

 

A predicación de Paulo

 

CAPÍTULO 2

 

1En canto a min, irmáns, cando cheguei onda vós, non cheguei exhibindo elocuencia nin saber para anunciarvos o misterio de Deus. 2Nada pretendín saber entre vós fóra de Xesús Cristo; e Cristo crucificado. 3E eu presenteime diante vosa cunha sensación de impotencia e tremendo de medo; 4e a miña palabra e mais a miña predicación non se apoiaban en argumentos persuasivos e sabios, senón que constituían unha demostración do poder do Espírito: 5todo para que a vosa fe non se apoie na sabedoría dos homes, senón no poder de Deus.

 

A sabedoría cristiá

 

6E, mesmo así, o que predicamos entre os perfectos é sabedoría, pero non sabedoría deste mundo nin dos xefes perecedoiros deste mundo. 7Nós predicamos unha sabedoría de Deus, misteriosa, que permanecía gardada, que Deus tiña predestinada desde antes dos séculos para a nosa gloria. 8Ningún dos xefes príncipes deste mundo a coñeceu; pois se a coñecesen, non crucificaban o Señor da Gloria. 9Pero como está escrito:

O que o ollo non viu,

o que o oído non sentiu,

e o que non pasou pola mente do home:

iso preparou Deus para os que o aman.

10E a nós revelóunolo Deus polo Espírito; pois o Espírito esculca todo, mesmo as profundidades de Deus, 11porque ¿que home coñece o que hai no home, se non é o espírito do home que está nel? Pois igual, o que hai en Deus ninguén o coñece, se non é o Espírito de Deus. 12Ora, nós non recibimos o espírito do mundo, senón o Espírito que procede de Deus, a fin de que coñezamos todo o que Deus nos outorgou pola súa graza. 13E iso é o que tamén predicamos, non con palabras aprendidas de humana sabedoría, senón con palabras aprendidas do Espírito, explicando con verbas espirituais as realidades espirituais.

14O home "animal" non acolle o que é propio do Espírito de Deus, pois parécelle unha parvada; nin o pode coñecer, porque disto só se pode xulgar espiritualmente. 15Pola contra, o home "espiritual" xulga de todo, mentres que a el non o xulga ninguén. 16Porque ¿quen coñeceu o pensamento do Señor, como para se poñer a darlle leccións?  Pero nós temos o Espírito de Cristo.

 

Inmadureza dos corintios

 

CAPÍTULO 3

 

1E eu, irmáns, non puiden falarvos coma a homes "espirituais", senón coma a homes aínda "non espirituais", coma a meniños en Cristo. 2Alimenteivos con leite, non co alimento sólido, porque aínda non o podiades pasar. Claro que aínda agora non o pasades, 3porque aínda sodes "carnais" ¿Ou non é certo que sodes "carnais" e que vos portades dun xeito simplemente humano, se entre vós hai rivalidade e discordia? 4Mentres un diga "eu son de Paulo" e outro "eu son de Apolo", ¿non sodes sinxelamente humanos?

 

O verdadeiro papel dos predicadores

 

5Porque ¿que é Apolo? ¿Que é Paulo? Meros servidores por medio de quen aceptastes a fe; e cada un obrou conforme ó que o Señor lle deu. 6Eu plantei, Apolo regou; pero Deus foi quen vos deu o medro. 7De maneira que nin o que planta nin o que rega son ninguén, senón Deus, que é quen fai medrar. 8Quen planta e rega veñen facer o mesmo, pero cadaquén levará a súa paga conforme ó seu traballo. 9Porque nós somos xornaleiros de Deus; e vós sodes o agro de Deus, edificio de Deus.

10Na medida da graza que Deus deu, coma un bo arquitecto, eu botei os alicerces. Outro edificou enriba. Que cadaquén olle como edifica. 11Pois ninguén pode poñer unha cimentación distinta da que está posta, que é Xesús Cristo. 12E sobre esta cimentación xa se pode edificar con ouro, con prata e con pedras preciosas ou con madeira, con feo e con palla, 13e a obra que cadaquén faga ha quedar ben á vista, porque o Día fará que se vexa. Pois ese Día hase revelar con lume e o lume probará a calidade da obra de cadaquén. 14Aquel a quen se lle aguante a obra que edificou, recibirá recompensa. 15Aquel a quen lle quede ardida, quedará sen paga: el persoalmente hase salvar, pero só coma quen dá fuxido do lume.

16¿Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? 17Se alguén destrúe o templo de Deus, Deus destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.

 

Consecuencias

 

18Que ninguén se engane. Se entre vós hai algún que se crea sabio ó xeito deste mundo, decátese de que é parvo para volverse sabio de verdade. 19Porque a sabedoría deste mundo é parvada diante de Deus.

Que está escrito:

El pilla os listos na súa propia astucia.

20E tamén:

O Señor coñece os pensamentos dos sabios

e sabe que son vans.

21De modo que ninguén apoie o seu orgullo nos homes. Porque todo é voso certamente: 22tanto Paulo coma Apolo coma Cefas, tanto o mundo coma a vida e coma a morte, tanto o presente coma o futuro. Todo é voso; 23pero vós sodes de Cristo e Cristo é de Deus.

 

Os ministros de Cristo

 

CAPÍTULO 4

 

1Por tanto, que a xente vexa en nós uns servidores de Cristo e administradores dos misterios de Deus. 2Ora, o que se lles pide ós administradores é que sexan de fiar. 3Por min impórtame moi pouco que me pidades contas vós ou un tribunal humano; nin tan sequera eu me xulgo a min mesmo. 4Certo que de nada me remorde a conciencia. Pero non por iso estou xa xustificado: quen me pide contas é o Señor. 5De modo, que non xulguedes antes de tempo: agardade a que chegue o Señor. Xa se encargará El de sacar á luz os segredos das tebras e de descubrir os motivos dos corazóns. Entón quen o mereza recibirá do Señor o seu aprobado.

6En todo isto, irmáns, púxenme de exemplo eu e puxen a Apolo por causa vosa, para que nas nosas persoas aprendades aquilo de que non hai que ir máis alá do que está escrito, e non vos fagades fanáticos dun en contra do outro. 7Porque ¿quen te fai máis distinguido? ¿Que tes ti que non o recibises? E se o recibiches, ¿a que vén gabarse coma se non o recibises? 8¡Xa estades fartos, xa estades ricos: sen nós estades feitos uns reis! ¡Quen me dera que fose certo! Así podiamos nós reinar convosco.

9Porque paréceme a min que a nós, ós apóstolos, púxonos Deus no derradeiro lugar, coma os condenados á morte; de xeito que resultamos ser un espectáculo para o mundo: tanto para os anxos coma para os homes. 10Nós somos parvos por Cristo, vós ¡que cristiáns máis asisados! Nós somos débiles, vós fortes; a vós hónranvos, a nós desprézannos. 11Mesmo na hora presente pasamos fame e sede, e andamos esfarrapados; recibimos malos tratos e non temos acougo. 12Matámonos a traballar coas nosas propias mans. Aldráxannos, e nós bendicimos; perséguennos e nós aturamos; 13calúmniannos e nós falamos ben. Ata o presente vimos sendo algo así como o refugallo do mundo, o lixo de todos.

14Non escribo isto para vos avergonzar: fágovos a reprensión coma a fillos moi queridos. 15Coma cristiáns xa podedes ter milleiros de mestres, que pais non teredes moitos, pois fun eu quen por medio do Evanxeo vos xerei en Cristo Xesús. 16Así que vos pido por favor que tratedes de me imitar a min. 17Para iso vos mando aí a Timoteo, que é fillo meu moi querido e fiel no Señor. El havos facer o acordo dos meus principios cristiáns que son os mesmos que decote ensino en todas as igrexas.

18Pensando que eu non ía ir onda vós, algúns enchéronse de soberbia. 19Pero, se o Señor o quere, axiña chegarei aí e hei ter en conta non as palabras deses soberbios, senón a súa capacidade. 20Porque o Reino de Deus non está no que se di, senón no que se é capaz de facer. 21¿Que queredes? ¿Que vaia onda vós cunha vara ou con cariño e espírito de mansedume?

 

 

ESCÁNDALOS NA COMUNIDADE

 

O incestuoso

 

CAPÍTULO 5

 

1Non se oe falar doutra cousa que da indecencia que hai entre vós; e dunha indecencia tal, que nin entre os pagáns se viu cousa coma ela. Pois chega a darse o caso de que un vive coa muller de seu pai. 2¡E vós tan fachendosos, en lugar de poñervos de loito, para que desapareza do medio de vós quen tal cousa fai!

3Pois eu, fisicamente ausente pero presente en espírito, xa tomei unha decisión sobre o que tal fixo, coma se estivese aí: 4que xuntándonos no nome do noso Señor Xesús ‑vós en persoa e eu en espírito‑, co poder do noso Señor Xesús, 5entreguemos a ese tal a Satán: humanamente quedará esnaquizado, pero o seu "espírito" salvarase o Día do Señor.

6Non está ben a vosa fachenda. ¿Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda? 7Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ácimos que sodes. Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado. 8Fagamos, logo, a festa pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ácimo de pureza e de verdade.

9Escribinvos na outra carta que non vos levarades cos indecentes; 10pero non me refería ós indecentes deste mundo, así sen máis, nin ós avaros ou ós ladróns ou ós idólatras, porque dese xeito tiñades que saír do mundo. 11O que entón vos escribía foi que non vos levarades con aquel que ostentando o nome de irmán, sexa indecente ou avaro ou idólatra ou faltón ou borracho ou ladrón. Cun home así, nin sentar a comer. 12¿Por que vou xulgar eu os de fóra? ¿Non é os de dentro a quen vós xulgades? 13Os de fóra é Deus quen os xulga. Botádeme o perverso do medio de vós.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com