Capítulos 26-31

 

 

Capítulo 26

 

1Non vai a neve co verán, nin a chuvia coa seitura,

nin di ben o honor co parvo.

2Coma o pardal a bandada e andoriña a revoar:

a maldición inxusta non vai para ningures.

 

3A tralla para o cabalo; para o burro, o freo,

e o fungueiro para o lombo dos necios.

4Non respondas ó necio cando fala parvadas,

non sexa que te lle asemelles.

5Respóndelle ó necio cando fala parvadas,

non se vaia ter por sabio.

6Corta as propias pernas e bebe vinagre

quen envía recado por medio dun parvo.

7Abanéanlle as pernas ó tolleito,

e o refrán na boca do necio.

8Coma quen amarra a pedra na fonda,

é quen da honra ó necio.

9Espiñas de toxo na man dun bébedo

iso é o proverbio na boca dun parvo.

10Arqueiro que fere a quenquera que pasa,

é quen contrata un parvo ou un bébedo.

11Coma o can volta ó seu vómito,

repite o parvo a súa tolemia.

12¿Viches a alguén que se teña por sabio?

Aínda hai máis que esperar dun parvo ca del.

 

13Di o nugallán: ‑"Anda un leopardo no camiño;

vai un león no medio das rúas".

14Xira a porta no seu gonzo,

e o nugallán no seu leito.

15O preguiceiro mete a man na cunca,

e fáltanlle forzas para tornala á boca.

16Coida o nugallán que el é máis sabio

ca sete dos que responden con siso.

17Atrapa un can polas orellas

quen se enreda nunha disputa allea.

18Coma tolo que dispara

fachicos, frechas e morte,

19é quen engana a un amigo

e despois lle di: ‑"Estaba a chancear".

20Por falta de achas, esmorece o lume;

ausente o murmurador, apágase a rifa.

21Coma o fol para as ascuas e a leña para o lume,

é o rifador para facer alampar liortas.

22As verbas do intrigante son coma lambetadas,

que penetran ata o máis fondo do ventre.

23Esmalte que recobre a cunca de arxila

son os labios suaves nun corazón perverso.

24O que odia, coa boca faise pasar por outro,

mais no seu interior pon a falsidade;

25aínda que suavice a voz, non lle deas creto,

pois leva sete perfidias no corazón.

26Pode encubrirse o odio coa simulación,

pero a intención maliciosa descóbrese na asemblea.

27Quen cava unha cova caerá nela,

e a pedra dará enriba de quen a bota a rodar.

28Lingua falsa amorea vítimas,

boca agasalleira leva á ruína.

 

Capítulo 27

 

1Non te gabes do mañá,

que non sabes que traerá o hoxe.

2Lóuvete outro, e non a túa boca;

un alleo, e non os teus labios.

3Peso de pedra, carga de area:

máis cós dous pesa a carraxe do tolo.

4Cruel é a ira; e unha enxurrada, o noxo,

pero contra os celos ¿quen se pode manter?

5Mellor é reproche patente

cá amizade acubillada.

6As feridas de amigo son de lei,

os bicos do inimigo son finxidos.

7Andorga farta patea no mel,

para a gorxa famenta é doce o amargo.

8Pardal que revoa lonxe do niño,

é quen anda errante lonxe do seu eido.

9Perfume e incenso alegran o corazón,

a dozura da amizade dálle forza ó espírito.

10Non desbotes ó teu amigo nin ó de teu pai,

e non terás que ir á casa de teu irmán no día da desgraza.

11Meu fillo, faime feliz sendo sabio,

e terei resposta que dar a quen me aldraxe.

12O asisado ve o perigo, e apártase;

os docas tiran para diante, e páganas.

13Queda ti co seu vestido, pois deu prenda por un alleo

e puxo fianza por unha estranxeira.

14Quen xa de mañanciña saúda ó veciño a berros,

é coma se o maldicise.

15Pingar arreo nun día de orballada

e muller rifadora son cousas parellas;

16quen a retén, retén vento,

e recolle aceite na man.

17Co ferro afíase o ferro,

e o home a carón do próximo.

18Quen coida da figueira, xantará do froito;

quen garda ó seu amo, será honrado.

19Coma as augas reflicten o rostro,

así a intención reflicte ó home.

20Xeol e abismo non se dan fartos,

tampouco se enchen os ollos do home.

21O forno proba a prata; o crisol, o ouro;

e o home, a opinión de quen o gaba.

22Aínda que esnaquices o tolo cun mazo

nun morteiro mesturado coa area,

non lle tirarás fóra a necidade.

23Repara ben no aspecto da túa grea

e ten boa conta dos teus rabaños,

24pois a facenda non dura sempre

nin as riquezas de xeración en xeración;

25apañada a herba e despuntado o gromo,

recolleita a forraxe das montañas,

26os años forneceranche vestido

e as cabuxas terán o prezo dunha leira,

27terás leite de cabra abondo para a túa mantenza

para a mantenza da túa casa e sustento das túas criadas.

 

Antoloxía "B" (28-29)

 

Capítulo 28

 

1O perverso foxe sen que ninguén o persiga,

o xusto vai seguro coma un león.

2Polos crimes dun país multiplícanse os seus tiranos,

mais cun home intelixente e prudente mantense a orde.

3Quen oprime o pobre e asoballa os mendigos,

é chuvia devastadora que non trae trigo.

4Os que esquecen a lei, gaban ó malvado;

os que gardan a lei, alporízanse contra el.

5Os homes perversos non queren saber de dereito,

os que procuran ó Señor comprenden todo.

6Mellor é un pobre que se comporta honradamente,

do que un rico de vías tortas.

7Un fillo asisado garda a lei,

o amigo de esmorgas avergonza a seu pai.

8Quen amorea facenda por usura e interese,

xúntaa para o que se apiada dos pobres.

9Quen retira o oído para non oír a lei,

mesmo a súa pregaria é de aborrecer.

10Quen extravía ós xustos por mal camiño,

caerá na súa propia cova,

mais os íntegros herdarán a felicidade.

11O rico tense por sabio,

mais un pobre intelixente cóllelle as voltas.

12Cando os honrados medran, grande é a festa;

cando os perversos soben, a xente agáchase.

13Quen esconde as súas faltas, non prosperará;

quen as confesa e corrixe, encontrará piedade.

14Benia quen sempre ten temor reverencial,

mais quen endurece o corazón caerá no mal.

15León bruante, oso esfameado

é o gobernante malvado que asoballa a un pobo pobre.

16Xefe sen intelixencia amorea opresións,

o que aborrece a rapina vive longos anos.

17Quen leva ás costas a carga dun delito de sangue

ata a tumba ¡que ninguén o deteña!

18O de conduta irreprochable está a salvo,

o de vieiros tortos caerá no foxo.

19Quen cultiva a súa leira, fartarase de pan;

quen anda ós biosbardos, fartarase de pobreza.

20Home leal vai cheo de bendicións,

o que corre a enriquecerse non o fará sen culpa.

21Privilexiar a alguén non é honrado,

mesmo por un anaco de pan hai quen se fai culpable.

22Home de ollar torcido apúrase a enriquecer,

non se decata de que a penuria se lle bota enriba.

23Quen a outro reprende, ó remate será máis respectado

có que fala con verbas solermiñas.

24Quen lles rouba ó pai e á nai e di: ‑"Non é pecado",

equipárase a un salteador.

25Home cobizoso alampa liortas,

quen ten fe no Señor medrará.

26Quen confía no seu tino é parvo,

o que procede sabiamente sálvase.

27Quen lle dá ó pobre xamais carecerá,

a quen lle pecha os ollos maldicirano abondo.

28Cando os malvados soben ó poder, a xente agáchase;

cando perecen, multiplícanse os honrados.

 

Capítulo 29

 

1Quen endurece despois da reprensión,

vai á ruína nun momento, sen remedio.

2Cando mandan os xustos, o pobo alégrase;

mais se un impío goberna, o pobo xeme.

3Quen ama a Sabedoría alegra a seu pai,

quen frecuenta prostitutas malgasta a facenda.

4Un rei fai próspero o país coa xustiza,

mais quen aumenta os impostos arruínao.

5O que lle di verbas suaves ó veciño,

téndelle unha rede diante dos pés.

 

6Na maldade do impío escóndese un lazo,

namentres que o xusto reloucará ledo.

7Recoñece o xusto o dereito dos pobres,

mais o malvado non ten comprensión.

 

8Homes arrogantes turban unha cidade,

mais os sabios aquedan a ira.

9Cando un sabio ten preito cun necio,

enfádase ou ri, pero non ten sosego.

10Os sanguinarios odian ó íntegro,

pero os rectos considéranse del.

11O parvo déixase levar de calquera impulso,

mais o sabio reprímeo e acálmao.

12Cando un gobernante dá creto a razóns falsas,

todos os seus ministros serán malvados.

13Pobre e explotador teñen algo en común:

O Señor deulles ós dous a luz dos ollos.

14Rei que xulga equitativamente os pobres,

o seu trono afíncase para sempre.

15A vara e a reprensión dan sabedoría,

rapaz consentido avergonza a súa nai.

16Cando mandan malvados acrecéntase o crime,

pero os xustos ollarán a súa desfeita.

17Corrixe ó teu fillo: servirache de acougo

e dará satisfaccións ó teu espírito.

18Onde non hai revelación, o pobo perde o freo;

mais ¡benia o que respecta a lei!

19Só con razóns non se corrixe un criado,

pois aínda que comprenda non obedece.

20¿Viches un que fala a toda présa?

Máis se pode esperar dun tolo que non del.

21O que consente ó seu criado desde pequeno,

ó remate sairalle respondón.

22Home alporizado alampa liortas,

o acalorado multiplica as faltas.

23O orgullo do home humillarao,

quen ten ánimo humilde acadará honra.

24Quen ten parte co ladrón odia a súa vida,

pois escoita a maldición e non denuncia.

25O respecto humano tende un lazo,

mais quen afiúza no Señor ponse a salvo.

26Moitos procuran o favor do gobernante,

mais é do Señor de quen se obtén xustiza.

27É abominable para os xustos o home inicuo,

é aborrecible para o malvado o de conduta recta.

 

 

PALABRAS DE AGUR

 

Capítulo 30

 

1Palabras de Agur, fillo de Iaqueh, o de Masá. Sentencia deste home: ‑"Non hai Deus, non hai Deus, e estou canso,

2pois eu son máis unha besta ca un home

e non teño discernimento humano;

3non aprendín Sabedoría

nin acadei coñecemento do Santo".

4¿Quen ascendeu ó ceo e de alí baixou?

¿Quen recolleu o vento nos seus puños?

¿Quen envolveu as augas no seu manto?

¿Quen afincou os lindeiros da terra?

¿Cal é o seu nome e cal o de seu fillo,

acaso o sabes?

 

5Toda palabra de Deus está acrisolada,

El é un escudo para os que nel se refuxian.

6Non acrecentes ren ás súas palabras,

non sexa que te reprenda e sexas convencido de mentira.

 

7Dúas cousas che pido,

non mas negues antes de que eu morra:

8Afasta de min a falsidade e a mentira,

non me deas nin pobreza nin riqueza,

déixame comer a miña ración de pan,

9non sexa que, farto, renegue

dicindo: ‑"¿Quen é ese, o Señor?";

ou que, empobrecido, roube,

aldraxando o nome de Deus.

 

10Non critiques o criado diante do amo,

para que non te maldiga e a teñas que pagar.

 

 

PROVERBIOS NUMÉRICOS

 

11Hai xente que maldí ó propio pai,

e non bendí á súa nai.

12Hai xente que se ten por limpa,

e non se lava da súa cotra.

13Hai xente que se xulga a si mesma moi importante,

que leva a altiveza na ollada.

14Hai xente con espadas por dentes

e coitelos por queixadas,

para engulipar os pobres do país

e os miserentos, arrincándoos da terra.

 

15A samesuga ten dúas fillas: ‑"¡Dáme" e  "Dáme"!

 

Velaquí tres cousas que non se dan fartas,

e unha cuarta que non di: ‑"¡abonda!":

16O Xeol, o seo estéril,

terra non farta de auga,

lume que xamais non di: ‑ "abonda".

17Ollos de quen se burla do pai

e aldraxa á nai anciá,

¡que lles arrinquen os ollos os corvos

e sexan comestos das aguias!

 

18Tres cousas hai que me deixan abraiado,

e unha cuarta que non entendo:

19O camiño da aguia polo ceo,

o camiño da cobra pola rocha,

o camiño da barca pola alta mar

e o camiño do varón pola doncela.

 

20Tal é o xeito da adúltera:

come, limpa a boca e di: ‑"Non fixen mal ningún".

21Por tres cousas estremécese a terra,

e aínda catro non pode aturar:

22que un escravo chegue a gobernar,

que o insensato se farte de pan,

23que case a muller odiosa

e que a criada leve a herdanza da ama.

 

24Catro cousas pequechas hai na terra,

e, con todo, máis sabias cós mesmos sabios:

25As formigas, pobo feble

que polo verán asegura a súa mantenza;

26os teixugos, pobo sen poderío

que no entanto furan o seu tobo nas rochas;

27as lagostas, que non teñen rei

e marchan todas ordenadas;

28a lagarta, que a podes coller coas mans

e cóase no pazo real.

 

29Tres cousas hai de paso egrexio,

e aínda catro de fermoso camiñar:

30O león, o heroe de entre as feras,

que diante de ninguén recúa;

31o galo, que camiña fachendoso; tamén o arroallo;

e un rei diante do seu pobo.

 

32Se te ensoberbeciches por lixeireza

ou adrede, ¡man á boca!

33pois, premes o leite e sae manteiga;

premes o nariz e sae o sangue;

premes a ira e sae a liorta.

 

PALABRAS DE LEMUEL

 

Capítulo 31

 

1Verbas de Lemuel, rei de Masá, coas que o instruíu súa nai:

2¡Non, meu fillo! ¡Non, filliño das miñas entrañas!

¡Non, fillo das miñas promesas!

3Non cedas o teu vigor ás mulleres

nin a túa potencia ás que perden ós reis.

4Non di ben cos reis, Lemuel,

non di ben cos reis o beber viño,

nin convén a gobernantes o licor,

5non sexa que, bébedos, esquezan as leis

e trastornen o dereito dos miserentos.

6Dá o licor ó afundido;

e viño, ós de espírito magoado,

7para que beban e esquezan a miseria

e non se lembren máis da súa coita.

8Pronúnciate a favor do mudo

e a prol da causa dos abandonados.

9Abre a boca e pronuncia sentencia xusta,

e defende o dereito do coitado e do pobre.

 

A muller de valer

 

10Unha muller xeitosa ¿quen a atopará?:

o seu valer supera o das perlas.

11O seu marido pon nela a confianza

e non lle han faltar ganancias;

12procúralle felicidade, e non desgraza,

todos os días da súa vida.

13Consegue lá e liño,

e traballa gustosa coas súas mans;

14é coma os barcos mercantes,

traendo de lonxe a súa mantenza.

15Érguese cando aínda é noite,

dando ordes ós da casa

e distribuíndo os mandatos entre as criadas.

16Mira unha leira e mércaa,

e co que producen as súas mans planta unha viña.

17Cingue de fortaleza os seus cadrís

e reafirma os seus brazos;

18decátase de que a súa tarefa prospera

e a súa candea non esmorece na noite.

19Bota as mans á roca

e os seus dedos manexan o fuso.

20Tende a palma ó indixente

e achega as súas mans ó mendigo.

21Non teme polos da casa cando neva,

pois todos eles levan roupas dobradas.

22Fíxose ela mesma os cobertores,

e o seu vestido é de liño escolleito e púrpura.

23O seu marido é estimado no tribunal,

cando asenta cos anciáns da bisbarra.

24Confecciona tea e véndea,

e fornece de faixas ós viaxantes.

25Forza e elegancia son o seu vestido,

e ri cara ó día de mañá.

26Cando abre a boca é con sabedoría,

e na súa lingua hai unha instrución piadosa.

27Está pendente do ir e vir dos da casa,

e non xanta un pan ocioso.

28Érguense os seus fillos e bendícena,

e o marido fai a súa loanza:

29‑"Hai moitas mozas de valer,

mais ti véncelas a todas".

30A graza engana e a fermosura esvaece:

só a muller que teme ó Señor merece ser loada.

31¡Que falen por ela as obras das súas mans,

e os seus feitos lle dean honra na praza!

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com