Capítulos 16-20

 

 

Antoloxía "B" (16, 1-22, 16)

 

Capítulo 16

 

1Cousa do home é ordenar os pensamentos,

mais a resposta da lingua vén do Señor.

2Todo o proceder dun home semella recto ós seus ollos,

pero é o Señor quen sopesa os motivos.

3Ofréndalle ó Señor os teus feitos,

para que os teus proxectos saian ben.

4Todo o fixo o Señor cun designio;

mesmo ó malvado, para o día da desfeita.

5O ánimo soberbio aborréceo o Señor,

tarde ou cedo non sairá impune.

6Coa bondade e a verdade púrgase a culpa,

e temendo ó Señor evítase o mal.

7Cando o Señor se comprace no proceder de alguén,

mesmo os seus inimigos lle van ofrecer as paces.

8Máis conta ten ter pouco honradamente,

ca moreas de bens con inxustiza.

9A mente humana proponse un camiño,

mais é o Señor quen afianza o paso.

10Dos labios dun rei sae un oráculo,

a súa boca non erra no veredicto.

11Romana e balanzas xustas son cousa do Señor;

asunto seu, todas as pesas da caixa.

12É un horror para os reis que se cometa un crime,

pois na xustiza afíncase o seu trono.

13Un rei asente ós labios veraces,

e tenlles lei ós que falan rectamente.

14Carraxe de rei: mensaxeiro de morte,

o home sabio procura aplacala.

15As raiolas do rostro do rei traen a vida,

o seu favor é coma roibéns de orballo.

16¡Moito mellor có ouro adquirir Sabedoría;

preferible á prata mercar intelixencia!

17Vía real dos xustos é o afastarse do mal,

garda a súa vida quen vixía a propia conduta.

18Por diante da desfeita vén o orgullo,

e antes da caída, a fachenda.

19Mellor é ser humilde entre os pobres

que ter parte no botín dos opresores.

20O que as colle ó vó, medra;

pero feliz é só quen espera no Señor.

21O de mente aleuta ten sona de entendido,

e a fala doce promove a comprensión.

22O bo siso é manancial de vida para quen o posúe,

pero a crítica dos necios é necidade.

23A mente do sabio fai atinado o seu falar,

polos seus labios progresa a doutrina.

24Panal de mel son as palabras xeitosas,

doces para a gorxa, saudables para os ósos.

25Coidaba alguén que o seu camiño era recto,

e ó remate levaba á morte.

26A fame do obreiro traballa por el,

pois aguilloa a súa boca.

27Home malicioso cava malicias,

coma se un lume alampase nos seus labios.

28Home perverso provoca liortas,

e o difamador separa do amigo.                                                    

29Home violento engana ó seu próximo,

conducíndoo por un mal camiño.

30Quen torce a ollada, matina intrigas;

quen remorde os labios, xa fixo o mal.

31Coroa de gloria son os cabelos brancos,

chégase a eles polo vieiro da xustiza.

32Máis vale o temperado heroe

e quen domina a paixón có que conquista unha vila.

33Reméxense as sortes no pano,

mais a decisión vén toda do Señor.

 

Capítulo 17

 

1Mellor é a codia seca con paz

cá casa farta de matanzas e discordia.

2O criado avisado chegará a mandar nun fillo innobre,

e irá ás partes na herdanza cos irmáns.

3O crisol proba a prata; o forno, o ouro;

e o Señor é quen proba os corazóns.

4O malicioso presta oído a labios argalleiros,

e o mentireiro ponlle a orella á lingua maldicente.

5Quen se burla do pobre, insulta ó seu creador;

quen se alegra na desgraza, non quedará impune.

6Coroa dos vellos son os netos,

e adorno dos fillos son os pais.

7Non di ben no parvo un falar escolleito,

moito menos no nobre a fala mentireira.

8O suborno é un amuleto ós ollos de quen o emprega:

onde queira se torne, terá éxito.

9Quen encobre unha chata, procúrase un afecto;

quen repite un rumor, perde un amigo.

10Unha reprensión ten máis efecto no home asisado,

ca cen fungueirazos no parvo.

11O argalleiro non procura máis ca liortas,

pero seralle enviado un cruel mensaxeiro.

12¡Atope eu unha osa que perdeu as crías,

e non ó parvo na súa tolemia!

13Quen paga ben con mal,

non aparta a desgraza do seu casal.

14Encetar un preito é coma ceibar a auga:

retírate antes que comece o proceso.

15A quen absolve ó culpable e a quen condena ó xusto,

a ámbolos dous aborrece o Señor.

16¿De que serve a paga na man dun parvo?

¿Para mercar Sabedoría? ‑¡Pero se non ten siso!

17Un amigo ama en todo tempo,

e un irmán nace para a hora da adversidade.

18O falto de siso vai dando apertas de mans,

saíndo fiador por outro.

19Quen ama a culpa, ama a liorta;

quen constrúe a porta alta de máis, busca a ruína.

20O retranqueiro non atopará a felicidade,

e o de lingua falsa irá dar na desgraza.

21Quen tivo un fillo parvo cargou con boa coita,

pois non ten lecer o pai dun tolo.

22Animo ledo, corpo rufo;

o espírito abatido seca a cana dos ósos.

23O malvado tira do peto o suborno,

para desviar o curso da xustiza.

24O intelixente ten os ollos na Sabedoría,

os ollos do badoco andan ós biosbardos.

25Fillo tordas é mágoa de seu pai,

tristura para a nai que o deu.

26Abofé que non está ben multar o inocente,

aínda menos mallar sen xustiza na xente de ben.

27No aforro de palabras apréciase o sabio,

e quen mantén o sangue frío é home de tino.

28Mesmo o tolo calado pasa por sabio;

quen pecha a boca, por intelixente.

 

Capítulo 18

 

1O que anda apartado procúrase manías

e disente de calquera plano.

2O necio non se comprace na prudencia,

senón tan só nas súas matinacións.

3Onde chega a maldade, chega o desprezo;

coa mala sona chega a aldraxe.

4Augas profundas son as palabras dun home,

canle burbullante, fonte de Sabedoría.

5Inicuo é favorecer o culpable,

e prexudicar o inocente co veredicto.

6Labios de necio levan a preito,

a súa boca chama á liorta.

7A boca do necio é a súa propia ruína,

e os seus labios son para el mesmo unha trampa.

8Verbas de intrigante son coma lambetadas,

que penetran no máis fondo do ventre.

9O neglixente no seu traballo

é irmán do destrutor.

10O nome do Señor é forte torre:

acóllese nel o xusto, e acouga seguro.

11A facenda do rico é o seu castelo fortificado,

considéraa coma unha alta muralla.

12O corazón do home érguese orgulloso antes da desfeita,

pero é a humildade a que precede á gloria.

13Quen responde unha cuestión antes de escoitar,

conseguirá fatuidade e mais vergonza.

14Animo baril sostén no sufrimento,

pero ¿quen soerguerá un ánimo decaído?

15Mente prudente acada o saber,

oído de sabios procura a ciencia.

16Regalos abren camiños,

e levan a ter tratos cos grandes.

17O primeiro en falar nun preito semella levar razón,

ata que chega o outro e fai a réplica.

18A sorte apaga as contendas,

e decide entre os potentes.

19Irmán ofendido péchase máis ca unha fortaleza,

e as liortas son ferrollos de castelo.

20Do froito da súa boca énchese o ventre do home,

e fártase co produto dos seus labios.

21Morte e vida están no poder da lingua;

dos froitos que prefira, xantará.

22Quen encontra muller encontra un ben,

e recibiu favor do Señor.

23O pobre fala xemendo,

o rico responde bruando.

24Hai compañeiros só para parolar,

e hai amigos máis íntimos ca irmáns.

 

Capítulo 19

 

1Mellor é pobre de recto proceder,

ca rico de falar retorcido.

2Vitalidade sen siso non vale ren,

pés inquedos dan no erro.

3A necesidade do home tórceo na súa conduta,

e con todo o seu ánimo irrítase contra o Señor.

4A fortuna amorea amigos,

mais o pobre é abandonado polo propio veciño.

5Falsa testemuña non ficará impune,

nin fuxirá o perxuro da xustiza.

6Cortexan moitos o favor do nobre,

todos son amigos para o que fai agasallos.

7Odian ó pobre todos os seus irmáns;

¡moito máis se apartarán del os veciños!

Está aínda a falar, e xa fuxiron.

8Quen adquire bo siso, ámase a si mesmo;

quen garda prudencia, atopará a felicidade.

9Testemuña falsa non ficará impune,

e o perxuro perecerá.

10Non cadra co necio a boa vida,

e menos aínda que un escravo goberne nos príncipes.

11O home sabio móstrase tolerante,

a súa gloria é deixar de lado a ofensa.

12Bruar de león é a xenreira do rei,

mais coma orballo na herba é o seu favor.

13Fillo insensato, estrago para o seu pai;

muller enredante, goteira constante.

14Casal e fundamento hérdanse dos pais,

mais a muller competente dáa o Señor.

15A preguiza leva ó sono,

mais o indolente pasará fame.

16Quen garda o mandamento, garda a vida;

quen rexeita a súa autoridade, morrerá.

17Quen é bo co pobre préstalle ó Señor,

que lle reparará cumpridamente a débeda.

18Corrixe ó teu fillo mentres haxa esperanza,

pero non te deixes levar ata matalo.

19Quen fai alampar a ira, cargue co castigo:

se o deixas pasar por alto, anímalo a repetir.

20Escoita o consello e acepta a represión,

para que ó remate sexas sabio.

21En moitos proxectos matina o home,

mais é o plano do Señor o que se impón.

22O que se demanda dun home é a lealdade,

pois máis vale pobre ca falso.

23O temor do Señor promove a vida:

pódese un deitar farto sen ser visitado pola desgraza.

24O preguiceiro mete a man na cunca,

e xa non ten azos nin para volvela á boca.

25Malla no burlón, e o inxenuo farase asisado;

reprende ó asisado, e acrecentará o seu saber.

26Quen dá maltrato a seu pai e desbota a súa nai,

é un fillo deshonrado e infame.

27Meu fillo, se deixas de atender a corrección,

errarás lonxe das palabras prudentes.

28A testemuña perversa búrlase da xustiza,

as bocas dos malvados engulipan o crime.

29Para os arrogantes prepáranse fungueiros,

e para os lombos dos parvos, zorregadas.

 

Capítulo 20

 

1O viño excita e a augardente embriaga,

ninguén a quen eles acaneen chegará a sabio.

2Bruar de león é a xenreira do rei:

quen nela incorre, xógase a vida.

3Honor é para calquera desistir dun preito,

pois mesmo o último parvo sabe amañar unha liorta.

4O preguiceiro non ara no outono:

busca despois a colleita, e nada.

5O proxecto é auga profunda na mente do home,

o entendido sabe tirala fóra.

6Moitos proclaman a súa lealdade,

mais ¿quen atopa un home de fiar?

7O xusto procede integramente;

¡Benia os fillos que o sucedan!

8Asenta o rei na sede do tribunal,

e xa coa ollada disipa toda a maldade.

9¿Quen pode dicir: ‑"teño limpa a conciencia,

estou ceibe de pecado?"

10Pesas adulteradas, medidas cambiadas,

a ámbalas dúas aborrece o Señor.

11Polos seus feitos mostra xa un rapaz

se o seu proceder é limpo e recto.

12Oído atento e ollo observador,

ámbolos dous son obra do Señor.

13Non collas gusto ó sono, non sexa que empobrezas;

érguete cedo, e encheraste de pan.

14‑"Malo, malo", di o feirante,

e despois vai gabándose do trato.

15Existe o ouro, e moreas de perlas,

mais os labios sabidos son un raro tesouro.

16Cóllelle mesmo o vestido a quen deu aval por un estranxeiro,

e tómalle peñor a quen saíu fiador por un alleo.

17Sábelle ben á xente o pan da falsidade,

pero despois a boca éncheselle de cascallo.

18Os proxectos asegúranse no consello,

fai por tanto a guerra con estratexia.

19Quen vai parolando descobre segredos,

¡non te xuntes co lingoreteiro!

20A quen maldí do seu pai e da súa nai,

esmorézalle a candea na tebra máis fonda.

21A facenda feita ás presas no comezo,

non medrará ó remate.

22Non digas: ‑"Hamas de pagar";

afiúza no Señor, que El te axudará.

23Aborrece o Señor as pesas falsas,

nin é xusto pór trampa na balanza.

24Do Señor proceden os pasos do home,

¿que poderá este saber do seu camiño?

25Para moitos é unha trampa farfallar: ‑"Prometido",

e pensar só despois de feitos os votos.

26Un rei sabio aventa os malvados,

e fai pasar sobre eles a roda.

27O espírito do home é candea do Señor,

que enxerga todos os recunchos das entrañas.

28Lealdade e firmeza protexen un rei

e na clemencia afinca o seu trono.

29Gloria dos homes novos é a súa forza,

o ornamento dos anciáns son os cabelos brancos.

30Ferida que sangra purga do mal;

e os golpes, o interior das entrañas.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com