Capítulos 21-25

 

 

Capítulo 21

 

1Coma as canles da auga, a mente do rei está na man do Señor,

el víraa para onde quere.

2Todo o proceder do home semella recto ós seus ollos

pero é o Señor quen sopesa os motivos.

3Facer o recto e o xusto,

prefíreo o Señor ós sacrificios.

4Ollar fachendoso e corazón finchado:

o facho dos impíos é o pecado.

5Os planos do dilixente dan boa renda,

pero quen anda ás présas anda ás perdas.

6Gañar tesouros con lingua embusteira

é sopro que foxe e trampa de morte.

7A violencia dos perversos arrástraos,

por se teren negado a practicar o xusto.

8O proceder do arteiro todo é reviravoltas,

mais é recto o facer do home cabal.

9Mellor é habitar nun recuncho do faiado,

ca con muller enredante en casa grande.

10O instinto do impío tende ó mal,

non repara con piedade no seu próximo.

11Cando o burlón as paga, aprende o inxenuo,

mais cando se instrúe a un sabio, el acrecenta seu saber.

12O xusto controla o casal do malvado,

e precipita ós impíos na ruína.

13Quen peche a orella ó laio do pobre,

tamén el berrará e non será escoitado.

14Regalo baixo corda desvía a ira;

e suborno no peto, a máis fera xenreira.

15É ledicia do xusto o facer a xustiza,

e unha desgraza para os malfeitores.

16Quen desvía do vieiro da prudencia,

rematará na compaña dos mortos

17Quen gusta da esmorga, rematará pobre;

e quen se afai ó viño e ó perfume, non enriquecerá.

18O malvado será o rescate do home de ben,

e o traidor, o do home recto.

19Mellor é morar nun ermo

ca ter muller fungona e enredante.

20Na morada dun sabio gárdanse tesouros desexables e requintados,

namentres que o parvo consúmeo todo.

21Quen procura xustiza e lealdade,

acada vida e mais honra.

22O sabio sabe como atacar un castelo de paladíns,

e derrubar a fortaleza na que afiuzaban.

23Quen controla boca e lingua,

garda a súa vida de estreituras.

24Leva alcume de petulante o fachendoso insolente,

que no actuar se pasa de presuntuoso.

25O degoiro do preguiceiro lévao á morte,

pois as súas mans refugan o traballo.

26¡Cobiza e máis cobiza todo o día!

Só o home de ben dá sen reserva.

27Sacrificios de impíos son de aborrecer,

e aínda máis cando os fan de mala lei.

28A falsa testemuña desaparece,

mais o que sabe escoitar fala para sempre.

29O perverso pon a forza nas aparencias,

o recto afianza a súa conduta.

30Non hai Sabedoría, nin discernir,

nin plano que valla diante do Señor.

31Aparéllase o cabalo para o día da loita,

mais a vitoria é cousa do Señor.

 

Capítulo 22

 

1Máis vale a boa sona cá moita facenda;

e o ser apreciado, cá prata e o ouro.

2Rico e pobre véñense encontrar:

a ámbolos dous fíxoos o Señor.

3O asisado ve o perigo e apártase;

os docas tiran para diante, e  páganas.

4Tralas pegadas da humildade e do temor do Señor.

veñen a facenda, a honra e a vida.

5Silvas e trapelas inzan o camiño do perverso,

quen mira pola súa vida apártase delas.

6Afai ó mozo ó seu vieiro:

aínda de vello non se apartará del.

7O rico goberna nos pobres,

e quen debe é escravo do que lle emprestou.

8Quen sementa maldade recolle aflición,

e vai dar nel mesmo a vara do seu exceso.

9Os bos e xenerosos serán benditos,

xa que lles deron o seu pan ós pobres.

10Bota fóra ó cínico; rematará a liorta

e cesarán a rifa e mais a aldraxe.

11O Señor ama a quen ten a mente limpa,

e o de falar xeitoso ten por amigo ó rei.

12Os ollos do Señor protexen o saber,

mais confunden as verbas dos traidores.

13Pretexta o preguiceiro: ‑"Vai un león na rúa,

e pódeme matar na encrucillada".

14As verbas das estranxeiras son cova profunda,

o que o Señor refuga vai caer nela.

15Apégase a tolemia ó corazón do mozo,

mais a vara da corrección é tal de a despegar.

16Quen asoballa ó pobre, estao engrandecendo;

quen fai regalo ó rico, estase a empobrecer.

 

DITOS DE SABIOS (22, 17-24, 22)                                         

 

17Inclina o oído e escoita as miñas palabras,

aplica a túa mente ó meu saber,

18pois é axeitado que as gardes no teu seo,

e que as teñas prontas nos teus labios.

19Para que poñas a túa confianza no Señor,

tamén a ti vou eu instruír hoxe.

20Abofé téñoche escritos trinta ditos,

consellos e ciencia por xunto,

21para te informar da verdade das palabras axustadas,

e poidas así traer razóns exactas a quen te envíe.

 

22Non despoxes ó mendigo por ser tal

nin asoballes ó pobre das portas,

23pois o Señor defende a súa causa

e tiraralle a vida a quen malle neles.

24Non te xuntes con home enredante

nin camiñes co que se alporiza,

25non sexa que te afagas ás súas mañas

e vaias dar nunha trampa mortal.

 

26Non andes dando apertas de man

nin saíndo garante de débedas;

27se non tes recursos para as saldares:

¿por que expoñerte a que che incauten mesmo o leito?

 

28Non removas os lindeiros de sempre,

que puxeron os teus devanceiros.

29¿Viches a alguén mañoso no seu oficio?

‑Poderá presentarse diante de reis,

non servirá a xentes ignoradas.

 

Capítulo 23

 

1Cando sentes a xantar co xefe,

considérate ben de quen tes diante;

2ponte ti mesmo unha navalla na gorxa

se es bo comellón;

3que non te tenten as súas lambetadas,

pois son xantar que engana.

 

4Non te esgotes en facer fortuna,

deixa de darlle voltas ó maxín;

5apartas dela os ollos, e esmorece.

pois pode botar ás

e coma a aguia fuxir voando cara ó ceo.

 

6Non vaias ó banquete do avarento

nin areles as súas peperetadas;

7é coma un pelo de través na gorxa;

dirache: ‑"¡come e bebe!"

mais non lle interesas ren.

 

8Vomitarás o que comiches

malgastando as túas amables razóns.

 

9A oídos parvos non fales,

desprezarán o bo senso das túas palabras.

 

10Non removas os lindeiros de sempre

nin te metas nas leiras dos orfos,

11pois o seu vingador é poderoso,

e defenderaos no preito contra ti.

 

12Pon mentes na corrección,

e ten oído para as palabras instrutivas.

 

13Non lle aforres o reproche ó mozo:

porque lle deas coa vara non vai morrer;

14en troques, se o bates coa vara,

acaso o salves do Xeol.

15Meu fillo, se o teu corazón é sabio,

hase alegrar tamén o meu corazón,

16e reloucarán as miñas entrañas,

se os teus labios falan axeitadamente.

 

17Non sinta envexa a túa mente dos pecadores,

matine máis ben todos os días no temor do Señor,

18dese xeito agardarache un bo porvir

e a túa esperanza non será frustrada.

 

19Escoita, filliño, e faraste sabio,

endereita a túa mente pola vía xusta.

20Non te xuntes cos bébedos

nin cos engulidores de carne,

21pois o bébedo e o larpeiro empobrecen

e darse á nugalla leva a vestir de farrapos.

 

22Escoita a teu pai, que te xerou;

e non desbotes a túa nai, se vai vella.

23Merca a verdade e non a vendas,

a Sabedoría, a Instrución e a Intelixencia.

24Reloucará gozoso o pai do xusto;

quen xerou a un sabio, aledarase con el,

25teu pai e túa nai encheranse de alegría

e exultará a que te deu.

 

26Meu fillo, préstame atención,

que os teus ollos aproben os meus camiños,

27pois cova profunda é a prostituta,

pozo estreito a estranxeira,

28tamén axexa ela coma o atracador

e multiplica os traidores entre os homes.

 

29¿Quen di: ‑"¡Ai!"? ¿Quen grita: ‑"¡Mamá!"?

¿De quen son os preitos e para quen os laios?

¿Quen leva sen motivo as zorregadas?

¿De quen son os ollos chispos?

30‑"Dos que se demoran no viño

e van catar os viños mesturados".

31Non olles para o viño cando pinta de vermello

e reloce na cunca:

esvara lixeiriño,

32mais ó remate morde coma cobra

e pica coma víbora.

33Os teus ollos verán cousas estrañas,

a mente farate falar trabucado;

34estarás coma quen se deita na mareira

ou asenta no picouto do mastro.

35‑"Bateron en min e non me doeu,

calcáronme coma uva e non me decatei.

¿Cando volverei a estar sobrio?

Aínda pediría outra rolda".

 

Capítulo 24

 

1Non envexes os malvados

nin areles xuntarte con eles,

2pois as súas mentes matinan destrución

e os seus labios traman a desgraza.

 

3Un casal constrúese coa Sabedoría

e afíncase co discernimento,

4as súas pezas énchense co saber

dos bens máis prezados e elegantes.

 

5Máis baril é o sabio có forzudo,

e persoa de saber afianza o poderío,

6pois coa estratexia gañarás a guerra

e o triunfo está nos moitos conselleiros.

 

7A Sabedoría queda lonxe do parvo:

o tal non abrirá a boca na asemblea da porta.

 

8O que matina para mal,

levará alcume de intrigante;

9pecado é a intriga do necio

e a xente refuga ó cínico.

 

10Se te mostras feble no tempo da proba,

feble era a túa forza.

 

11Libera ós condenados á morte,

non negues axuda ós que van ser executados,

12xa que se despois dis: ‑"Nós non sabiamos tal",

¿pensas que o que sopesa as intencións non se decata?

O que vixía a túa vida ben que o sabe,

el retribuirá a cadaquén conforme ós feitos.

 

13Filliño, toma mel, que che é bo,

o panal é doce ó padal;

14tales son o coñecer a Sabedoría para a túa vida:

se a acadas, terás futuro,

e non será frustrada a túa esperanza.

 

15Non axexes o casal do home xusto

nin destrúas o seu acougo,

16pois se sete veces cae o home honrado, outras tantas se ergue,

mais os perversos tropezan e non se levantan.

 

17Non te alegres cando caia o inimigo

nin botes risadas cando tropece,

18non sexa que, ó velo, desagrades ó Señor,

e retire del a súa xenreira.

 

19Non te alporices contra os malvados

nin envexes os perversos,

20pois o impío non ten futuro

e a candea dos perversos esmorece.

 

21Meu fillo, teme ó Señor e ó rei,

non te comprometas cos que conspiran,

22pois a súa desfeita sobrevén de súpeto,

e quen sabe cando chegará a ruína das súas vidas.

 

OUTROS DITOS DE SABIOS ( 24, 23-24)

 

23Tamén estas máximas se atribúen ós Sabios:

Dar un xuízo parcial non está ben.

24A quen lle di ó culpable: ‑"tes a razón"

maldino os pobos, detéstano as nacións,

25mais os que os reprenden quedarán contentos,

e virá sobre eles a bendición cumprida.

26Bica nos labios

quen responde francamente.

 

27Pon orde no teu traballo exterior,

arránxate na túa leira;

despois poderás construír a casa.

28Non fagas sen máis de testemuña contra o teu veciño,

¿gústache enganar coa boca?

29Non digas: ‑"Farei con el o que el fixo comigo;

vaimas pagar conforme ó seu feito".

 

30Pasei pola leira do preguiceiro,

preto da viña do insensato,

31e estaba toda inzada de silveiras,

toda cuberta de estripos

e o valado de pedra derrubado.

32O velo reflexionei,

ollalo foi aprender unha lección:

33dormes un pouco, moqueas outro pouco,

cruzas os brazos un intre para repousar,

34e achégaseche a pobreza coma un moinante

e a necesidade coma un mendigo.

 

TAMÉN ESTES SON PROVERBIOS DE SALOMÓN (25-29)

 

Antoloxía  "A" (25-27)

 

Capítulo 25

 

1Tamén estes son Proverbios de Salomón, transcritos polos homes de Ezequías, rei de Xudá.

 

2Gloria de Deus é agachar unha razón,

honra dos reis é inquirila.

3A altura do ceo, o fondo da terra

e a mente dos reis non hai quen os abranga.

 

4Remove a escoura da prata,

e o ourive fará dela unha obra de arte;

5aparta ó malvado do servizo do rei,

e o seu trono afincará na xustiza.

 

6Non te deas aires na presenza do rei

nin ocupes os postos dos grandes;

7mellor é que che digan: ‑"achégate aquí",

que ter que ser deposto diante da nobreza.

 

O que os teus ollos viron

8non te apures a citalo no proceso,

pois ¿que farás ó remate,

cando o teu contrincante logre avergonzarte?

 

9Arranxa o teu preito co veciño,

e non descubras segredos doutro,

10non sexa que quen te escoite te inxurie

e non se poida reparar a túa infamia.

 

11Mazás douradas en bandexas de prata

son as palabras ditas con xeito.

12Anel de ouro e alfaia de ouro fino

é a reprensión dun sabio para o oído atento.

13Frescor de neve nun día de seitura

é o mensaxeiro fiel para quen o envía:

reconforta o ánimo do seu amo.

 

14Nubes e vento sen chuvia

é quen se gaba de regalar quincalla.

15Tendo paciencia persuádese a un príncipe,

pois unha lingua suave quebra ósos.

16Se atopas mel, come só o que cómpre,

non sexa que te fartes e o vomites;

17pon o pé de raro en raro na casa do veciño,

non sexa que se farte de ti e te aborreza.

 

18Maza, espada e frecha afiada

é quen testemuña en falso contra o amigo.

19Moa picada e pé tolleito

é afiuzar no traidor o día da angustia.

20Andar espido nun día de xeada,

botar vinagre nunha ferida,

iso é o cantar cántigas co corazón magoado.

 

21Se o teu inimigo ten fame, dálle pan a comer;

e se ten sede, dálle auga a beber;

22poraslle carbóns ardentes na cabeza

e o Señor hache recompensar.

 

23O vento nordés pare chuvias;

a lingua murmuradora, facianas irritadas.

24Mellor é habitar nun recuncho do faiado,

ca con muller enredante en casa grande.

25Auga fresca para boca sedenta

é unha boa noticia de país remoto.

26Manancial túrbido e fonte emporcada

é o xusto que abranda ante o impío.

27Non é san darse unha enchente de mel,

nin procurar honores tras honores.

28Cidadela desmantelada e sen muro:

o home que non se sabe conter.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com