CAPÍTULOS 6-10

CAPÍTULO 6

 

Iavé, o Deus dos pais

 

1O Señor díxolle a Moisés: ‑"Agora verás o que vou facer co faraón. Forzado por man rexa, deixaravos saír e mesmo vos botará da súa terra".

2Deus seguiu dicindo: ‑"Eu son Iavé. 3Aparecinme a Abraham, a Isaac e a Xacob co nome de Deus todopoderoso; pero non lles dei a coñecer o meu nome Iavé. 4Eu fixen con eles un pacto: darlles o país de Canaán, terra na que viviron coma forasteiros. 5Estou escoitando as queixas dos israelitas que os exipcios asoballan; teño en conta o meu pacto. 6Dilles, pois, ós israelitas: Eu, Iavé, tirareivos de debaixo da carga que vos impoñen os exipcios, sacareivos da súa servidume, librareivos con brazo estendido e con grandes escarmentos. 7Tomareivos coma meu pobo e eu serei o voso Deus. Saberedes que eu son Iavé, o voso Deus, o que vos tirou de debaixo da carga dos exipcios. 8Levareivos á terra que xurei darlles a Abraham, a Isaac e a Xacob, e daréivola a vós en posesión. Eu, Iavé".

9Moisés díxolles ós israelitas todo iso. Pero non lle fixeron caso, polo desfalecemento do espírito baixo a dureza do traballo.

10O Señor díxolle a Moisés: 11‑"Vai onda o faraón, rei de Exipto, e dille que deixe saír os israelitas da súa terra".

12Moisés respondeulle: ‑"Se non me fan caso os israelitas, ¿como mo vai facer o faraón, sendo eu tan torpe de palabras?" 13Pero o Señor seguiu falando con Moisés e Aharón e dándolles as súas ordes para os israelitas e para o faraón, rei de Exipto, co fin de sacar de alí ós israelitas.

 

Xenealoxía de Moisés e Aharón

 

14Estes foron os xefes dalgunhas familias patriarcais. Fillos de Rubén, primoxénito de Israel: Hanoc, Palú, Hesrón e Carmí. Estes son os clans de Rubén. 15Fillos de Simeón: Iemuel, Iamín, Ohad, Iaquín, Sohar e Xaúl, o fillo da cananea. Estes son os clans de Simeón.

16Estes son os nomes dos fillos de Leví, conforme as súas xeracións: Guerxón, Quehat e Merarí. Leví viviu cento trinta e sete anos.

17Fillos de Guerxón: Libní e Ximí, coas súas familias. 18Fillos de Quehat: Amram, Ishar, Hebrón e Uziel. Quehat viviu cento trinta e tres anos. 19Fillos de Merarí: Mahlí e Muxí. Estes son os clans de Leví, conforme as súas xeracións.

20Amram tomou por muller á súa parente Ioquébed, que lle deu a Aharón e a Moisés. Amram viviu cento trinta e sete anos. 21Fillos de Ishar: Córah, Néfeg e Zicrí. 22Fillos de Uziel: Mixael, Elsafán e Sitrí. 23Aharón tomou por muller a Elixeba, filla de Aminadab e irmá de Nahxón; ela deulle por fillos a Nadab, Abihú, Elazar e Itamar. 24Fillos de Córah: Asir, Elcanah e Abiasaf. Estes son os clans de Córah. 25Elazar tomou por muller unha das fillas de Futiel, que lle deu a Pinhás. Estes son os xefes das familias dos levitas, conforme os seus clans.

26Foi a Aharón e a Moisés ós que lles dixo o Señor: ‑"Sacade as multitudes dos israelitas de Exipto"; 27os que falaron ó faraón, rei de Exipto, de deixalos saír de alí. Eses foron Moisés e Aharón. 28Cando o Señor falou con Moisés en Exipto, 29díxolle: ‑"Eu son Iavé. Repítelle ó faraón, rei de Exipto, todo o que eu che digo".

30Respondeulle Moisés: ‑"¿Como me fará caso o faraón, sendo eu tan torpe de palabra?"

 

 

 

CAPÍTULO 7

 

Aviso das pragas

 

1O Señor díxolle a Moisés: ‑"Voute pór no lugar de Deus para o faraón, e teu irmán Aharón será o teu profeta. 2Ti dirás todo o que eu che mando, e teu irmán Aharón diralle ó faraón que deixe saír os israelitas da súa terra. 3Eu endurecerei o corazón do faraón, e farei moitos sinais e moitos milagres en Exipto. 4O non darvos creto o faraón, eu porei sobre Exipto a miña man e sacarei as multitudes do pobo de Israel daquela terra con fortes escarmentos. 5Os exipcios aprenderán que eu son Iavé, cando alongue a miña man contra o Exipto e saque de alí os israelitas".

6Moisés e Aharón fixeron exactamente o que lles mandaba o Señor. 7Moisés tiña oitenta anos e Aharón oitenta e tres, cando falaron co faraón.

 

A vara vólvese cobra

 

8O Señor díxolles a Moisés e a Aharón: 9‑"Cando o faraón vos diga: Facédeme algún milagre, ti mandarás a Aharón: Colle a vara e bótaa diante do faraón. E converterase en serpe".

10Moisés e Aharón entraron onda o faraón e fixeron o que o Señor lles tiña ordenado. Aharón botou a vara diante do faraón, e converteuse en serpe.

11O faraón mandou chamar ós seus sabios e feiticeiros, e os magos exipcios fixeron iso mesmo cos seus encantamentos. 12Cada un botou polo chan a súa vara e convertéronse en cobras. Pero a vara de Aharón enguliu as dos magos. 13O faraón teimou na súa e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor.

 

A auga convértese en sangue

 

14O Señor díxolle a Moisés: ‑"O faraón ponse duro e non deixa saír o pobo. 15Vai onda el mañá cedo, cando sae para o río. Agárdao á beira do Nilo e leva na man a vara que se trocou en serpe. 16Diraslle así: Iavé, o Deus dos hebreos, mandoume dicirche isto: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto no deserto. Ata agora non fixeches caso aínda. 17Iavé di: Nisto poderás recoñecer que eu son Iavé. Coa vara que levo na man baterei na auga do Nilo e trocarase en sangue. 18Os peixes morrerán, as augas federán e os exipcios terán noxo de beber auga do río".

19O Señor mandou a Moisés que lle dixese a Aharón: ‑"Colle a túa vara e alonga a man sobre as augas de Exipto: os ríos, os canais, as lagoas e depósitos, e que se troquen todos en sangue. Haberá sangue en todo o Exipto, mesmamente nos recipientes de madeira e de pedra".

20Moisés e Aharón fixeron o que o Señor lles mandara. Aharón ergueu a vara, bateu nas augas do río, á vista do faraón e dos seus servidores, e as augas do río trocáronse en sangue. 21Os peixes morreron, as augas fedían e os exipcios non podían beber auga do Nilo. Por todo o país de Exipto había sangue.

22Pero os magos de Exipto fixeron tamén iso cos seus encantamentos. O faraón endureceuse e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor. 23Voltou para o seu pazo e non pensou máis naquilo. 24Os exipcios cavaban pozos nas ribeiras do río, buscando auga que beber, pois a auga do río non servía.

 

A praga das ras

 

25Pasados sete días desde que o Señor batera o Nilo, 26díxolle o Señor a Moisés: ‑"Vai onda o faraón e comunícalle que isto di Iavé: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto. 27Se non o deixas saír, infestarei de ras todo o país. 28O Nilo ferverá con elas, subirán ó teu pazo, á cámara do teu leito, enriba da túa cama, ás casas dos teus ministros e de todo o teu pobo, ós teus fornos e artesas. 29Ti, os teus servidores e todo o teu pobo quedaredes cubertos de ras".

 

 

CAPÍTULO 8

 

1O Señor mandou a Moisés que lle dixese a Aharón: ‑"Tende a túa man coa vara sobre os ríos, os canais e as pozas, e que a terra de Exipto quede cuberta de ras".

2Aharón tendeu a man sobre as augas de Exipto, e xurdiron tantas ras, que cubrían a terra. 3Pero os magos fixeron iso mesmo cos seus encantamentos: fixeron saír ras ata cubrir a terra.

4O faraón mandou chamar a Moisés e Aharón, para dicirlles: ‑"Rogade a Iavé que arrede as ras de min e do meu pobo, e deixarei saír o voso pobo, para que ofreza sacrificios a Iavé".

5Moisés preguntoulle: ‑"Fai o favor e dime cando hei rogar por ti, polos teus ministros e o teu pobo, para que as ras se arreden de ti e do teu pazo, dos teus ministros e do pobo, e se reduzan ó Nilo".

6El respondeu: ‑"Mañá".

Díxolle Moisés: ‑"Será como ti dis, para que saibas que non hai outro coma Iavé, o noso Deus. 7As ras arredaranse de onda ti, do teu pazo, de onda os teus ministros e o teu pobo, e reduciranse ó Nilo".

8Moisés e Aharón saíron do pazo real. Moisés rogou a Iavé pola cousa das ras que mandara contra o faraón. 9O Señor fixo que fose como Moisés lle pedía. E morreron as ras das casas, dos cercados e dos campos. 10Axuntábanas en moreas, e todo o país fedía. 11En vendo o faraón que podía folguexar, endureceu o corazón e non lles fixo caso, conforme lles dixera o Señor.

 

A praga dos mosquitos

 

12O Señor mandou a Moisés que dixese a Aharón: ‑"Tende a vara e bate o po do chan, para que se troque en mosquitos por toda a terra de Exipto".

13E fixérono así. Aharón tendeu a man, bateu coa vara na terra, e esta trocouse en moscas, que picaban homes e gando. O po todo do chan converteuse en mosquitos en todo o Exipto.

14Os magos quixeron facer a mesma cousa, sacar mosquitos cos seus encantamentos, pero non o conseguiron. Os mosquitos picaban nos homes e no gando. 15Os magos dixéronlle entón ó faraón: ‑"O dedo de Deus anda aquí". Pero o corazón do faraón endureceu e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor.

 

A praga dos tabáns

 

16O Señor díxolle a Moisés: ‑"Mañá érguete cedo, preséntate ó faraón cando sae cara ó río, e dille que Iavé ordena isto: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto. 17Se non o deixas saír, botarei tabáns enriba de ti, dos teus ministros, do teu pobo, da túa xente. Encheranse deles as casas e a mesma terra onde pisan. 18Ese día farei unha excepción coa terra de Goxén, onde está o meu pobo. Non haberá tabáns nela, para que saibas que estou nesta terra eu, Iavé. 19Distinguirei entre o meu pobo e o teu. Mañá verás este sinal".

20O Señor cumpriuno así. Entraron enxames de tabáns no pazo do faraón e nas casas dos seus servos. Toda a terra de Exipto estaba infestada de tabáns.

21O faraón fixo chamar a Moisés a Aharón, para dicirlles: ‑"Ide, ofrecede sacrificios ó voso Deus nesta terra".

22Moisés respondeulle: ‑"Iso non pode ser, pois o que nós ofrecemos en sacrificio a Iavé, o noso Deus, é abominable para os exipcios. Se sacrificamos o que para eles é abominable, ¿non nos acantazarían? 23Faremos tres días de camiño no deserto e ofreceremos alí os sacrificios, conforme Deus nos mandou".

24Dixo o faraón: ‑"Deixareivos saír e ofreceredes os sacrificios no deserto a Iavé, o voso Deus, coa condición de que non vos alonguedes. E rezade por min".

25Respondeu Moisés: ‑"En canto saia de onda ti, rogarei a Iavé e, nese intre, arredaranse os tabáns do faraón, da súa corte, do seu pobo. Pero que o faraón non volva enganarnos, non deixando saír o pobo, para que ofreza sacrificios a Iavé". 26Moisés saíu de onda o faraón, e púxose a orar cara ó Señor.

27O Señor fixo que fose como Moisés lle pedía. Os tabáns arredáronse de onda o faraón, da súa corte, do seu pobo, sen quedar sequera un. 28Pero o faraón endureceuse tamén por esta vez, e non deixou saír o pobo.

 

 

 

CAPÍTULO 9

 

A peste no gando

 

1O Señor díxolle a Moisés: ‑"Vai onda o faraón e faille saber que isto di Iavé, o Deus dos hebreos: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto. 2Se non os deixas saír e os segues detendo pola forza, 3a man de Iavé caerá con peso sobre o gando dos campos. Os cabalos, os asnos, os camelos, as vacas e as ovellas sufrirán unha peste maligna. 4Iavé distinguirá entre o gando dos israelitas e o gando dos exipcios. Aquel non perderá sequera unha cabeza". 5O Señor fixou un prazo: ‑"Mañá cumprirá o Señor a súa palabra no país". 6E o Señor cumpriu a súa palabra ó día seguinte. Morreu o gando todo dos exipcios; pero dos israelitas non morreu sequera unha cabeza. 7O faraón mandou pescudar sobre o feito, e do gando dos israelitas non morrera sequera unha cabeza. Pero o faraón endureceuse e non deixou saír o pobo.

 

Chagas na xente e no gando

 

8O Señor díxolles a Moisés e a Aharón: ‑"Collede do forno un puño de cinsa, e que Moisés a cisque polo aire, á vista do faraón. 9Trocarase en po, que caerá en todo o Exipto enriba da xente e do gando, producindo chagas purulentas en todo o país".

10Eles colleron cinsa dun forno e presentáronse onda o faraón. Moisés ciscouna polo aire, e produciu chagas purulentas na xente e no gando. 11Os magos non podían resistir diante do faraón, polas chagas que lles saíran, a eles como a todos os exipcios. 12O Señor endureceu o corazón do faraón, e non lles fixo caso, conforme dixera o Señor a Moisés.

 

O pedrazo

 

13O Señor díxolle a Moisés: ‑"Mañá érguete cedo, preséntate ó faraón e comunícalle que Iavé, o Deus dos hebreos, manda isto: Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto. 14Pois desta botarei todas as pragas enriba de ti, dos teus ministros, do teu pobo, para que saibas que non hai ninguén coma min en toda a terra. 15Se alongase agora mesmo a miña man e te batese coa peste a ti e ó teu pobo, esvaeceríaste da terra. 16Se te manteño vivo, é para facerche ver a miña forza e para que se fale do meu nome en todo o mundo. 17Ti detés aínda o meu pobo e non o deixas saír. 18Pero mira: Mañá destas horas farei caer unha chuvia de pedrazo, tan rexo como non se viu aínda en Exipto, desde o día en que foi fundado ata hoxe. 19Manda poñer ó seguro a túa facenda e canto tes nos eidos. A xente e o gando que se atopen fóra, por non os dares recollido, sufrirán a chuvia do pedrazo, e morrerán".

20Os ministros do faraón que temían ó Señor, meteron ó seguro a súa xente e as súas facendas. 21Os que non deron creto ás palabras de Iavé deixaron fóra os servos e as facendas. 22Despois díxolle o Señor a Moisés: ‑"Estende a túa man cara ó ceo: que caia pedrazo en toda a terra de Exipto, sobre os homes, os animais e sobre toda a vexetación do campo".

23Moisés tendeu a vara cara ó ceo, e o Señor mandou trebón e pedrazo; caeron lóstregos na terra; o Señor fixo chover pedrazo sobre Exipto. 24Caía o pedrazo e os lóstregos mesturábanse coa pedra. O pedrazo era tan groso e tan rexo, como non se vira en Exipto desde que era pobo.

25O pedrazo feriu todo o que había no campo en Exipto, o mesmo xente que gando; machicou a herba, tronzou todas as árbores. 26Soamente non caeu na bisbarra de Goxén, onde estaban os israelitas.

27O faraón mandou chamar a Moisés e a Aharón, para dicirlles: ‑"Esta vez fixen mal. Iavé é xusto. Eu e mais o meu pobo recoñecémonos culpados. 28Rogádelle a Iavé, pois temos xa abondo de trebón e pedrazo. Deixareivos saír, e non seguirei deténdovos máis tempo".

29Díxolle Moisés: ‑"En saíndo da cidade, tenderei as mans cara a Iavé, e entón parará o trebón e deixará de caer pedrazo, para que saibas que a terra é de Iavé. 30Eu sei que ti e os teus servos non temedes aínda a Iavé Deus". 31O liño e a cebada arruináronse, porque esta tiña xa espigas e aquel estaba na flor. 32Pero non se perderon o trigo e o centeo, por seren máis serodios.

33En saíndo de onda o faraón e da cidade, Moisés tendeu as mans cara ó Señor. Os trebóns e o pedrazo remitiron, e parou de chover.

34Cando viu o faraón que rematara a choiva, o pedrazo e os trebóns, volveu pecar, el e os seus ministros, teimando na mesma outra vez. 35O corazón do faraón endureceuse e non deixou saír os israelitas, conforme dixera o Señor por Moisés.

 

 

 

CAPÍTULO 10

 

A praga da lagosta

 

1O Señor díxolle a Moisés: ‑"Vai onda o faraón. Eu endurecino a el e á súa corte, para facer diante deles os meus sinais, 2e para que así poidas contarlles a teus fillos e a teus netos como tratei eu ós exipcios e os sinais que fixen con eles. Dese xeito saberedes que eu son o Señor".

3Moisés e Aharón presentáronse ó faraón, para dicirlle: ‑"Así fala Iavé: ¿Por canto tempo te negarás a abaixarte diante de min? Deixa saír o meu pobo, para que me ofreza culto. 4Se non o deixas saír, mañá traerei a lagosta ó teu país. 5Cubrirá a superficie da terra, de xeito que non se poderá nin ver o chan; comerá o resto salvado do pedrazo; rillará as plantas todas que crecen nos campos. 6Encherá a túa casa, as dos teus ministros e as de todos os exipcios, cousa que nunca viron teus pais nin teus avós, desde o día en que viñeron á terra ata hoxe". Moisés deu a volta e saíu de onda o faraón. 7Os ministros dixéronlle ó faraón: ‑"¿Ata cando nos seguirá poñendo trapelas este home? Deixa marchar esa xente, e que ofrezan culto ó seu Deus Iavé. ¿Ou non te dás conta aínda de que Exipto se está botando a perder?"

8Fixeron volver a Moisés e a Aharón onda o faraón, e este díxolles: ‑"Ide e dade culto a Iavé, o voso Deus. Pero ¿cales son os que irán?"

9Respondeulle Moisés: ‑"Iremos nós cos nenos e cos vellos, cos fillos e coas fillas. Levaremos tamén as ovellas e as vacas, pois celebramos a festa de Iavé".

10Díxolle o faraón: ‑"¡Así vaia Iavé convosco, coma eu vos deixarei saír a vós e a vosos fillos! Pero ¿vedes como son cativas as vosas intencións? 11Non. Ide soamente os homes e dade culto a Iavé, pois iso é o que pedistes". E con iso o faraón botounos da súa presenza.

12O Señor díxolle a Moisés: ‑"Estende a túa man sobre Exipto, e que entre a lagosta por todo o país, que coma a herba dos campos e o que quedou do pedrazo".

13Moisés tendeu a vara sobre Exipto, e o Señor empuxou cara ó país un vento do leste, todo o día e toda a noite. Pola mañá o vento siroco trouxera a lagosta. 14A lagosta entrou por todo o país e pousouse en toda a terra de Exipto. Tan grande cantidade de lagosta non a houbera antes nin a volvería haber despois. 15Cubría a superficie da terra, ata escurecela. Comeu a herba dos eidos e os froitos das árbores que quedaran do pedrazo. En todo o Exipto non quedou chisca de verde, nin nas árbores nin nos campos.

16O faraón fixo chamar a toda présa a Moisés e a Aharón, para dicirlles: ‑"Pequei contra Iavé, o voso Deus, e tamén contra vós. 17Agora perdoade o meu pecado, tamén por esta vez, e rogade a Iavé, o voso Deus, para que arrede de min este mortífero castigo".

18Moisés saíu de onda o faraón e rogou ó Señor. 19O Señor trocou aquel vento por un vento forte do mar, que levou a lagosta e a guindou no Mar Rubio. Non quedou unha lagosta nos lindeiros de Exipto. 20Pero o Señor endureceu o corazón do faraón, e este non deixou saír os israelitas.

 

As tebras

 

21O Señor díxolle a Moisés: ‑"Ergue a túa man cara ó ceo, e virán sobre Exipto unhas tebras tan pechas, que se poderán apalpar".

22Moisés estendeu a súa man cara ó ceo e viñeron tres días de néboa escura sobre Exipto. 23Nos tres días non se vían uns ós outros nin se podían mover do seu sitio. Pero nas moradas dos israelitas había luz.

24O faraón mandou chamar a Moisés, para dicirlle: ‑"Ide e dade culto a Iavé. Podedes levar convosco os vosos fillos; deixade só as ovellas e as vacas".

25Respondeulle Moisés: ‑"Permitirasnos levar tamén vítimas para os sacrificios que habemos ofrecer a Iavé, o noso Deus. 26O gando terá que vir connosco, sen que quede aquí nin unha uña, pois del temos que ofrecer culto a Iavé, o noso Deus. Nós non sabemos aínda o que lle habemos ofrecer; só o saberemos alí".

27Pero o Señor endureceu o corazón do faraón, que non quixo deixalos saír. 28Díxolle a Moisés: ‑"Arrédateme de aquí, e non te me poñas máis diante. Se un día volves verme, morrerás".

29Respondeulle Moisés: ‑"Como ti digas. Non che volverei ver a cara".

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com