Capítulos 31-35

CAPÍTULO 31

 

Os artífices do santuario

 

1O Señor díxolle a Moisés: 2‑"Ves que chamei polo seu nome a Besalel, fillo de Urí, fillo de Hur, da tribo de Xudá, 3e que o enchín do espírito de Deus, de sabedoría, de intelixencia e de habilidade para calquera labor: 4para concibir proxectos, para labrar o ouro, a prata e o bronce, 5para tallar pedras e engastalas, para tallar madeiras e facer calquera obra. 6Ves tamén que lle dei por axudante a Oholiab, fillo de Ahisamac, da tribo de Dan. A todos os homes capaces deilles habilidade, para que poidan facer todo canto che mandei: 7a Tenda do Encontro, a arca da alianza co propiciatorio que está por riba dela, e os utensilios todos da tenda, 8a mesa cos seus accesorios, o candelabro de ouro cos seus trebellos, o altar do incenso, 9o altar dos holocaustos con todos os seus utensilios e a pía coa súa base, 10as vestiduras sacras do sacerdote Aharón e de seus fillos, cando serven no santuario, 11o óleo da unción, o incenso recendente para o santuario. Farán todas esas cousas conforme eu che mandei".

 

O descanso do sábado

 

12O Señor díxolle a Moisés: 13‑"Dilles ós israelitas: Gardaredes o meu sábado, porque o sábado é o sinal entre min e vós, dunhas a outras xeracións, polo que coñeceredes que eu son o Señor que vos consagro. 14Gardaredes o sábado, que será día santo para vós. O que o profane será reo de morte; o que traballe nese día será excluído do pobo. 15Seis días traballarás, pero o sétimo, sábado, é día de lecer, consagrado ó Señor. O que traballe en día de sábado será reo de morte. 16Os israelitas gardarán o día do sábado, celebrarano polas xeracións, cumprindo un pacto perpetuo. 17Será sinal duradeiro entre min e os israelitas, pois en seis días fixo o Señor o ceo e a terra, e o sétimo descansou".

18Cando o Señor rematou de falar con Moisés no monte Sinaí, entregoulle as dúas táboas da alianza, táboas de pedra escritas polo dedo de Deus.

 

 

 

CAPÍTULO 32

 

O becerro de ouro

 

1Vendo o pobo que Moisés se demoraba en baixar da montaña, xuntouse ó redor de Aharón e díxolle: ‑"Anda, fainos un deus que vaia diante de nós, pois ese Moisés, o home que nos sacou de Exipto, non sabemos que foi del".

2Respondeulles Aharón: ‑"Collede das vosas mulleres e dos vosos fillos e fillas os pendentes de ouro que levan nas orellas e traédemos". 3Todo o mundo quitou os pendentes de ouro das orellas e tróuxollos a Aharón. 4El recibiunos das súas mans, e fixo do metal fundido un becerro, modelado a cicel. O pobo exclamaba diante del: ‑"Este é o teu Deus, Israel, que te sacou de Exipto".

5En vendo isto Aharón, construíu un altar diante do becerro. E proclamou: ‑"Mañá será festa en honor do Señor". 6A mañá seguinte o pobo ergueuse cedo; ofreceron holocaustos e sacrificios de comuñón, sentaron todos a comer e a beber, e logo puxéronse a danzar.

7O Señor díxolle a Moisés: ‑"Anda, baixa da montaña, porque o teu pobo, o que sacaches de Exipto, perverteuse. 8Desviáronse axiña do camiño que eu lles indicara. Fixéronse un becerro de metal, próstranse diante del, ofrécenlle sacrificios e pregoan: Este é o teu Deus, Israel, o que te sacou de Exipto". 9E díxolle o Señor aínda a Moisés: ‑"Vexo que este pobo ten a cerviz dura. 10Deixa, pois, que agora se acenda a miña ira contra eles e os consuma. Pero a ti convertereite nun gran pobo".

 

Intercesión de Moisés

 

11Entón rogou Moisés ante o Señor, o seu Deus: ‑"¿Por que, Señor, se ten que acender a túa ira contra o teu pobo, que con moito poder e con man rexa sacaches de Exipto? 12¿Por que haberían dicir os exipcios: Sacounos arteiramente, para matalos nas montañas e varrelos da face da terra? Vólvete atrás do teu noxo e renuncia ó castigo que pensaches contra o teu pobo. 13Lembra ós teus servos Abraham, Isaac e Israel, ós que con xuramento prometiches: Multiplicarei os vosos descendentes coma as estrelas do ceo, e dareilles este país de que vos teño falado, para que o herden a perpetuidade". 14E o Señor renunciou ó castigo co que ameazara ó seu pobo.

 

As táboas da lei rotas

 

15Moisés baixou do monte coas dúas táboas da alianza na súa man. Estaban escritas polos dous lados, 16e eran obra de Deus: o gravado nas táboas era escritura de Deus. 17En oíndo Xosué a algueirada do pobo, díxolle a Moisés: ‑"Óense berros de loita no campamento".

18Moisés respondeulle: ‑"Non son aturuxos de vitoria, nin salaios de desfeita, senón que son cantos o que oio".

19Cando chegou ó campamento e viu o becerro e a danza, Moisés anoxouse moito, tirou as táboas da man e crebounas na aba da montaña. 20Logo agarrou o becerro que fixeran, queimouno e moeuno, ata convertelo en po, e fíxollelo beber ós israelitas.

21Moisés díxolle a Aharón: ‑"¿Que che fixo este pobo, para que deixases caer enriba del un pecado tan grave?"

22Respondeulle Aharón: ‑"Que non se anoxe o meu señor. Ti sabes que este pobo é inclinado ó mal. 23Dixéronme: Fainos un deus que nos conduza, pois ese Moisés, o home que nos sacou de Exipto, non sabemos que foi del. 24Eu díxenlles: ¿Quen de entre vós ten ouro? Eles recolleron ouro e trouxéronmo. E eu fundino, e saíu este becerro".

25Vendo Moisés que o pobo estaba desbocado, pois deixárao desbocarse Aharón, expoñéndoo ó riso dos inimigos, 26púxose á entrada do campamento e berrou: ‑"¡Comigo os que están polo Señor!" E fóronse con el todos os levitas.

27El díxolles: ‑"Isto manda o Señor, o Deus de Israel: Cinguide cada un a súa espada, ide e vide de porta en porta polo campamento e que cada un mate ó seu irmán, ó seu amigo, ó seu parente". 28Os levitas cumpriron o mandado de Moisés, e aquel día caeron cerca de tres mil homes do pobo.

29Díxolles Moisés: ‑"Recibide hoxe a investidura do Señor. Cada un, a costa do fillo ou do irmán, hoxe merecestes a súa bendición". 30O día seguinte Moisés díxolle ó pobo: ‑"Cometestes un grave pecado. Agora subirei onda o Señor, para ver se vos obteño o perdón".

31Volveu, pois, Moisés onda o Señor e dixo: ‑"Recoñezo que este pobo cometeu un grave pecado, ó facerse un deus de ouro. 32Pero rógoche que agora lle perdoes o pecado. E se non, táchame a min tamén do libro onde rexistras".

33O Señor respondeulle a Moisés: ‑"Do meu rexistro tacharei ó que pecou. 34Pero agora vai e leva o pobo a onde che mandei. O meu anxo irá diante de ti. O día da conta pedireille as contas do pecado". 35O Señor castigou ó pobo, por veneraren o becerro que lles fixo Aharón.

 

 

 

CAPÍTULO 33

 

O anxo de Deus co pobo

 

1O Señor díxolle a Moisés: ‑"Anda, ti e o pobo que trouxeches de Exipto e sube de aquí cara á terra, da que eu xurei a Abraham, a Isaac e a Xacob: Daréillela ós vosos descendentes. 2Eu mandarei diante o meu anxo, desbotarei da terra ós cananeos, ós amorreos, ós hititas, ós perizitas, ós hivitas e ós iebuseos, 3e vós entraredes nesa terra que zumega leite e mel. Eu non irei entre vós, cun pobo que ten a cerviz dura, non sexa que vos destrúa no camiño". 4Cando o pobo escoitou estas tan duras palabras, fixo loito, e ninguén puxo as súas galas.

5O Señor díxolle a Moisés: ‑"Dilles ós israelitas: Sodes un pobo de cerviz dura. Se por un momento subise entre vós, acabaría convosco. Agora tirade de enriba os atavíos que levades, e verei que fago convosco". 6Os israelitas desprendéronse das galas que levaban, desde o monte Horeb.

 

A Tenda do Encontro

 

7Moisés levantou a Tenda e plantouna lonxe, fóra do campamento; e chamouna Tenda do Encontro. O que quería visitar o Señor, saía do campamento e ía fóra del, á Tenda do Encontro.

8Cando Moisés saía cara á Tenda, a xente agardaba de pé, á entrada das súas tendas, ollando como Moisés entraba na Tenda do Encontro. 9Cando Moisés entraba na Tenda, baixaba a columna de nube e pousábase na entrada, mentres Deus se comunicaba a Moisés. 10O pobo todo podía ver a columna de nube pousarse na entrada da Tenda, e todos se erguían e se prostraban, cada un á porta da súa tenda. 11O Señor falaba con Moisés cara a cara, coma un home co seu amigo. Despois Moisés volvía para o campamento; pero o seu servidor Xosué, fillo de Nun, non se ía da Tenda.

 

Moisés pide a Deus que os acompañe

 

12Moisés díxolle ó Señor: ‑"Ti mándasme conducir este pobo, pero non me indicaches aínda a quen mandas comigo, por máis que me teñas dito: Coñézote polo nome e concédoche o meu favor. 13Agora, pois, se merezo o teu favor, ensíname o teu camiño, para que eu te coñeza e faga por merecer o teu favor. Mira por esta xente que é o teu pobo".

14O Señor respondeulle: ‑"Irei eu mesmo contigo e dareiche o repouso".

15Moisés insistiu: ‑"Se non vés ti mesmo connosco, non nos fagas rubir de aquí, 16pois ¿como poderiamos saber, eu e mais este teu pobo, que contamos co teu favor, se non no feito de que veñas ti connosco? Entón avantaxariamos, eu e mais este teu pobo, a todos os pobos que hai sobre a terra".

17O Señor respondeulle a Moisés:

‑"Concedereiche isto tamén, pois contas co meu favor e coñézote polo nome".

18Entón Moisés pediu: ‑"Móstrame a túa gloria".

19O Señor respondeulle: ‑"Farei pasar diante de ti todo o meu ben e pronunciarei diante de ti o nome do Señor, pois fago favores a quen quero e mostro misericordia con quen quero". 20E engadiu: ‑"Pero non poderás ver a miña cara, porque non pode verme un home e despois seguir vivindo".

21E dixo aínda o Señor: ‑"Aí tes un lugar cerca de min. Ponte de pé naquel penedo. 22Cando a miña gloria pase, metereite nunha greta e tapareite coa man, ata que eu teña pasado. 23Cando retire a miña man, poderás verme polas costas, pero non poderás ver a miña cara".

 

 

 

CAPÍTULO 34

 

Renovación da alianza

 

1O Señor díxolle a Moisés: ‑"Labra dúas táboas de pedra, o mesmo cás primeiras. Eu escribirei nelas as palabras que había nas que rompiches. 2Disponte para mañá. Sube cedo ó monte Sinaí e agárdame alí, no cume da montaña. 3Que ninguén suba contigo; que non se vexa unha persoa en todo o monte; que non pazan preto del nin ovellas nin vacas".

4Moisés labrou dúas táboas de pedra, o mesmo cás primeiras. Ergueuse cedo e rubiu ó monte Sinaí, conforme lle mandara o Señor, levando consigo as dúas táboas de pedra. 5O Señor baixou na nube e parou alí con el. Moisés pronunciou o nome do Señor.

6O Señor pasou diante del proclamando: ‑"O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade, 7que garda o seu amor ata a milésima xeración, que perdoa as culpas, os pecados e os erros, pero non declara inocente ó culpado, e castiga as culpas dos pais ata a terceira e a cuarta xeración".

8Moisés, ó tempo que se prostraba polo chan e adoraba, 9dixo: ‑"Se merezo, Señor, o teu favor, pídoche que veñas ti connosco. Este pobo ten cerviz dura, pero ti perdoarás as nosas culpas e pecados e farás de nós a túa herdade".

10O Señor respondeulle: ‑"Eu vou facer convosco unha alianza. A vista de todo o teu pobo farei marabillas que nunca se fixeron en ningún país nin nación. Todo o pobo que te rodea poderá ver os feitos do Señor, pois farei por medio de ti cousas marabillosas. 11Observa o que hoxe che mando. Eu botarei de diante de ti ós amorreos, ós cananeos, ós hititas, ós perizitas, ós hivitas e ós iebuseos. 12Gárdate de facer pactos cos moradores da terra na que entras, para que logo non teñas contigo unha trapela. 13Polo contrario, derrubarás os seus altares, crebarás as súas estelas, tronzarás as súas árbores sagradas.

 

O decálogo cúltico

 

14Non adorarás deuses alleos, porque o Señor, que leva nome de celoso, éo de verdade. 15Non concluirás pactos cos moradores do país, non sexa que, despois de se prostituíren cos seus deuses e de lles ofreceren culto, te conviden a comer dos seus sacrificios e ti aceptes. 16Non tomes de entre as súas fillas mulleres para os teus fillos, non sexa que ó prostituírense elas cos seus deuses, leven á prostitución tamén ós teus fillos. 17Non te fagas imaxes de deuses.

18Garda a festa dos Ácimos. Sete días comerás pan sen levedar, como che mandei, pola festa do mes de abib, pois no mes de abib saíches de Exipto. 19Todos os primoxénitos son meus; e meus son tamén os primoxénitos machos do teu gando, das ovellas e das vacas. 20As primeiras crías da asna poderalas rescatar por unha ovella; pero, se non as rescatas, deberalas esnocar. Rescatarás os teus fillos primoxénitos. E non viredes onda min coas mans baldeiras.

21Seis días traballarás e o sétimo descansarás. Descansarás o mesmo na sementeira coma na recolleita. 22Celebrarás a festa das Semanas, ó comezo da sega do trigo, e a festa da Colleita, á fin do ano.

23Tres veces no ano presentaranse todos os varóns diante do Señor, Deus de Israel. 24Cando eu bote as nacións de diante ti e anchee as túas fronteiras, ninguén cobizará a túa terra, namentres sobes visitar o Señor o teu Deus, as tres veces no ano.

25Non ofrecerás pan lévedo co sangue do sacrificio. Do sacrificio da festa da Pascua non deixarás quedar nada para o día seguinte. 26Levarás á casa do Señor o teu Deus os primeiros froitos da túa terra. Non cocerás o cabrito no leite de súa nai".

 

O mediador da alianza

 

27O Señor díxolle a Moisés: ‑"Pon por escrito estas palabras, pois conforme a elas fago contigo e con Israel esta alianza". 28Moisés estivo alí co Señor corenta días e corenta noites. Nelas non comeu pan nin bebeu auga. E escribiu nas táboas as palabras da alianza, os dez mandamentos.

29Cando Moisés baixou do monte Sinaí, traendo consigo as dúas táboas da alianza, non sabía que lle brillaba a pel da cara, por conversar co Señor. 30O veren que a pel da cara lle brillaba, Aharón e os israelitas tiñan medo de aproximarse a Moisés. 31Moisés chamou por eles e entón viñeron onda el Aharón e os xefes da comunidade. E Moisés conversou con eles. 32Despois acercáronse a el todos os israelitas, e Moisés deulles as ordes que recibira do Señor no monte Sinaí.

33Cando acabou de falarlles, tapou a cara cun veo. 34Sempre que Moisés entraba onda o Señor para falar con El, quitaba o veo, ata que volvía a saír. Cando saía, dáballes ós israelitas as ordes do Señor. 35Os israelitas podían ver como lle brillaba a pel da cara. Pero Moisés tapábaa co veo, ata que volvía outra vez a falar con Deus.

 

 

 

CAPÍTULO 35

 

O sábado

 

1Moisés reuniu a asemblea, para dicir ós israelitas: ‑"Estas son as ordes do Señor: 2Seis días traballaredes, pero o sétimo será día santo, sábado de repouso, dedicado ó Señor. O que traballe nese día será reo de morte. 3No sábado non acenderedes lume en ningunha das vosas casas".

 

Doazóns para o santuario

 

4Moisés comunicoulle á asemblea dos israelitas: ‑"Estas son as ordes do Señor: 5Separade dos vosos bens unha ofrenda para o Señor. Cada un traerá xenerosamente en ofrenda para o Señor ouro, prata ou bronce; 6púrpura violácea, escarlata e carmesí, liño ou pelo de cabra; 7peles de carneiro curtidas, peles de teixugo ou madeira de acacia; 8aceite para o candelabro, aromas para o óleo de unción e para o incenso; 9pedras de ónix ou pedras de engaste para o efod  e para o peitoral.

 

As obras que hai que facer

 

10Cantos de entre vós teñan habilidade, que veñan para facer o que ordenou o Señor: 11o tabernáculo coa súa Tenda, e coa súa cuberta, os broches, as táboas, os varais, as columnas e os baseamentos; 12a arca cos seus varais, o propiciatorio e o veo que o tapa; 13a mesa cos seus varais e cos seus accesorios, e os pans presentados; 14o candelabro para alumar, cos seus trebellos, coas lámpadas e co aceite do alumado; 15o altar do incenso cos seus traveseiros, o óleo de unción, o incenso recendente, o veo da entrada do tabernáculo; 16o altar dos holocaustos, coa súa reixa de bronce, cos seus varais e con todos os seus trebellos, e a pía coa súa base; 17as cortinas do adro, coas súas columnas e os seus baseamentos, e o veo da entrada do adro; 18as estacas do tabernáculo e do adro, coas súas cordas; 19as vestiduras tecidas para o servizo do santuario e as vestiduras sacras de oficiar do sacerdote Aharón e as dos seus fillos".

 

As doazóns

 

20A comunidade dos israelitas retirouse de onda Moisés, 21e todos os que con espírito xeneroso así o decidiron trouxéronlle ó Señor a súa ofrenda para as obras da Tenda do Encontro, para o culto e para as súas sagradas vestiduras. 22Chegaban homes e mulleres, todos os que eran xenerosos, e traían broches, colares, aneis, torques e outros moitos obxectos de ouro; cada un facía a súa ofrenda de ouro ó Señor. 23Os que tiñan púrpura violácea, escarlata e carmesí, liño, pelo de cabra, peles curtidas de carneiro ou peles de teixugo, traían diso que tiñan. 24Os que preferían ofrecer prata ou bronce, facían diso a súa ofrenda ó Señor. Os que tiñan madeira de acacia, traían a madeira para as variadas obras do culto.

25As mulleres expertas na arte de fiar, viñan cos seus fiados de púrpura violácea, escarlata e carmesí, ou de liño fino. 26As que tiñan habilidade para isto e a vontade de facelo, traían pelos de cabra. 27Os xefes ofrecían pedras de ónix e pedras de engaste, para o efod  e para o peitoral; 28e, por parte, os aromas, o aceite para alumar, o óleo da unción, o incenso recendente. 29Todo home e muller de espírito xeneroso para poñer a súa parte na obra que o Señor ordenara facer por medio de Moisés, traía a súa ofrenda ó Señor.

 

Os artífices das obras

 

30Moisés díxolles ós israelitas: ‑"Vedes que o Señor escolleu a Besalel, fillo de Urí, fillo de Hur, da tribo de Xudá, 31e que o encheu do espírito de Deus, de sabedoría, de intelixencia e de habilidade para toda sorte de labores: 32para concibir proxectos, para labrar o ouro, a prata e o bronce, 33para tallar pedras e engastalas, para tallar madeira e acabar calquera obra de arte. 34Deulle tamén capacidade para dirixir, a el e a Oholiab, fillo de Ahisamac, da tribo de Dan. 35Deus deulles moita habilidade para levaren a termo calquera sorte de traballo de arte, recamado de púrpura violácea, escarlata e carmesí, para proxectar e para realizar calquera obra".

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com