CAPÍTULOS 1-5

CAPÍTULO 1

 

Os fillos de Xacob

 

1Estes son os nomes dos israelitas que foron a Exipto con Xacob, cada un coa súa familia: 2Rubén, Simeón, Leví, Xudá, 3Isacar, Zebulón, Benxamín, 4Dan, Naftalí, Gad e Axer.

5As persoas que descendían directamente do sangue de Xacob eran setenta. Xosé xa estaba en Exipto. 6Morto Xosé e seus irmáns e toda aquela xeración, 7os israelitas medraron, propagáronse, creceron, fixéronse moi fortes, enchían o país.

 

Opresión dos hebreos en Exipto

 

8Subiu ó trono de Exipto un rei novo, que non coñecera a Xosé, 9e díxolle ó seu pobo: ‑"Mirade que o pobo dos israelitas é máis forte ca nós. 10Imos tratalo con astucia, non sexa que, se se declara unha guerra, se axunte cos nosos inimigos, pelexe contra nós e logo saia do país".

11Asignáronlles, pois, capataces, co fin de oprimilos con traballos, cando construían as cidades-graneiros de Pitom e de Ramsés. 12Pero, canto máis os oprimían, máis se multiplicaban eles e máis se propagaban.

13Os exipcios asoballáronos con fera opresión, 14amarguexáronlles a vida co duro labor do barro, dos ladrillos, coa labranza da terra, e con toda sorte de traballos, impostos con brutalidade.

15Por parte, o rei de Exipto deu esta orde ás parteiras das hebreas, chamadas unha Xéfora e outra Púah: 16‑"Cando asistades ós partos das hebreas, fixádevos no sexo: se nace varón, matádeo; se nace femia, que viva".

17Mais as parteiras mostráronse temerosas de Deus, e non fixeron caso do que lles mandara o rei de Exipto. Deixaban os nenos con vida. 18El fíxoas chamar, para dicirlles: ‑"¿Por que facedes iso de deixar nenos con vida?"

19Respondéronlle elas: ‑"As mulleres hebreas non son coma as exipcias. Son fortes e paren primeiro de que chegue onda elas a parteira".

20Deus premiou ás parteiras. O pobo medraba e facíase moi forte. 21Por temeren a Deus, tamén as parteiras viron crecer a casa delas.

22Entón ordenou o faraón ó seu pobo:

‑"Todo neno que naza, botarédelo ó río; ás nenas deixádeas que vivan".

 

 

 

CAPÍTULO 2

 

Nacemento e crianza de Moisés

 

1Un home da tribo de Leví casou cunha muller da mesma tribo. 2A muller quedou embarazada e deu a luz un neno. Atopábao moi fermoso e tívoo encuberto por tres meses. 3Cando xa non podía encubrilo por máis tempo, colleu unha cesta de xuncos, embreouna de betume e de pez, meteu o neno nela e deixouna nunha xunqueira, á beira do río. 4Unha irmá do neno axexaba desde lonxe, para ver que ía ser del.

5Baixou a filla do faraón para se bañar no río e, mentres as súas doncelas paseaban polas beiras, viu a cesta na xunqueira e mandou á súa serva que a trouxese. 6Abriuna e viu nela un neno que choraba. Condoída del, dixo: ‑"É un neno dos hebreos".

7A irmá do neno díxolle á filla do faraón: ‑"¿Queres que vaia buscar unha muller hebrea que o críe?"

8Respondeulle ela: ‑"Vai". E a rapaza foi chamar a nai do neno.

9Díxolle a filla do faraón: ‑"Leva este neno e críamo; pagareiche o debido". Ela colleu o neno e criouno.

10Cando o neno era xa grande, levoullo á filla do faraón, que o adoptou coma seu fillo. Púxolle por nome Moisés, dicindo: ‑"Das augas o saquei".

 

Moisés mata un exipcio e foxe a Madián

 

11Cando Moisés era xa grande, foi un día visitar a seus irmáns, e atopounos coas súas cargas. Viu tamén que un home exipcio batía nun hebreo de entre seus irmáns. 12Mirou para un lado e para o outro, e certificando que non había ninguén, matou ó exipcio e enterrouno na area. 13Saíu ó día seguinte e viu dous hebreos pelexando. Díxolle ó agresor: ‑"¿Por que bates no teu compañeiro?"

14Respondeulle el: ‑"¿Quen te puxo de xefe ou de xuíz entre nós? ¿Ou pensas matarme, como mataches o exipcio?" Moisés colleu medo, pensando: ‑"A cousa xa se soubo".

15A nova chegou ó faraón, que mandou buscar a Moisés para matalo. Pero Moisés fuxiu do faraón e foise refuxiar en Madián.

Sentado á beira dun pozo, 16chegaron sete fillas que tiña o sacerdote de Madián, para sacaren auga e con ela encher os píos e abeberar o rabaño de seu pai. 17Viñeron os pastores e botáronas de alí. Pero Moisés saíu na defensa delas e abeberoulles os rabaños.

18En volvendo elas onda seu pai Reuel, este preguntoulles: ‑"¿Como é que vides tan cedo hoxe?"

19Respondéronlle elas: ‑"Un home exipcio librounos dos pastores, sacounos a auga do pozo e abeberou o noso rabaño".

20El preguntoulles: ‑"¿E onde está? ¿Como deixastes que se fose? Chamádeo para comer".

21Moisés aceptou habitar con Reuel, e este deulle por muller a súa filla Séfora. 22Esta deulle a luz un fillo, ó que lle puxo o nome de Guerxom, pensando: ‑"Son forasteiro en terra allea".

23Pasado moito tempo, morreu o rei de Exipto. Os israelitas queixábanse e berraban na súa servidume, e os seus xemidos subiron onda Deus. 24Deus escoitou o seu pranto, lembrou o seu pacto con Abraham, con Isaac e con Xacob, 25fixouse nos israelitas, recoñeceu os seus sufrimentos.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

A vocación de Moisés

 

1Moisés pastaba os rabaños de seu sogro Ietró, sacerdote de Madián. Levaba polo deserto os rabaños, e unha vez chegou ata a montaña de Deus, o Horeb. 2Nunha labarada, no medio dunha silveira, apareceulle o anxo do Señor. Moisés reparou na silveira que ardía e que non se consumía. 3E dixo para si: "Voume chegar alá, para observar este fenómeno e saber por que non se consome a silveira".

4En vendo o Señor que Moisés se achegaba para ver, chamouno desde a silveira: ‑"¡Moisés! ¡Moisés!"

El respondeu: ‑"Aquí estou".

5Díxolle Deus: ‑"Non te achegues aquí. Tira as sandalias dos pés, pois o sitio onde estás é terra sagrada". 6E engadiu: ‑"Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob".

Moisés tapou a cara, polo medo de ver a Deus.

7O Señor díxolle: ‑"Teño visto as miserias do meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os seus sufrimentos. 8Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta terra a unha terra boa e largacía, terra que deita leite e mel, ós lugares dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos perizitas, dos hivitas e dos iebuseos. 9O pranto dos israelitas chega xa onda min, e tamén teño visto como os oprimen os exipcios. 10Agora anda. Mándote onda o faraón, para que saques de Exipto ó meu pobo, os fillos de Israel".

11Moisés díxolle a Deus: ‑"¿Quen son eu para ir onda o faraón e para sacar os israelitas de Exipto?"

12Respondeulle Deus: ‑"Eu estarei contigo. E este será o sinal de que eu te mando: Cando saques o pobo de Exipto, adoraredes a Deus nesta montaña".

13Moisés replicou: ‑"Xa me estou vendo chegar onda os israelitas e dicíndolles: O Deus de vosos pais mándame onda vós. Mais eles preguntaranme: ¿E cal é o seu nome? ¿Que lles direi eu entón?"

14Deus respondeulle a Moisés: ‑"EU SON O QUE SON". E engadiu: ‑"Diraslles así ós israelitas: EU SON mándame onda vós". 15E mandoulle aínda: ‑"Diraslles tamén ós israelitas: Iavé, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob mándame onda vós. Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme todas as xeracións. 16Agora vai, xunta os anciáns de Israel e dilles: Iavé, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob, aparecéuseme e díxome: Veño visitarvos, pois xa vin como vos tratan en Exipto. 17Teño decidido sacarvos da miseria de Exipto e levarvos ó país dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos perizitas, dos hivitas e dos iebuseos, unha terra que deita leite e mel. 18Eles faranche caso, e ti e mais os anciáns de Israel iredes onda o rei de Exipto e dirédeslle: Iavé, o Deus dos hebreos, veu ó noso encontro e agora temos que facer polo deserto unha viaxe de tres días, para ofrecermos sacrificios a Iavé, o noso Deus. 19Eu sei que o rei de Exipto non vos deixará saír, se non é forzado por man rexa. 20Pero eu alongarei a miña man e ferirei a Exipto. Obrarei alí moitos prodixios, e deixaranvos saír. 21Farei tamén que este pobo encontre o favor dos exipcios. Dese xeito, cando saian, non sairán coas mans baldeiras. 22As mulleres pediranlles ás súas veciñas e ás súas hóspedes obxectos de prata e de ouro e roupas para vestir os vosos fillos e fillas, e así levaredes botín de onda os exipcios".

 

 

 

CAPÍTULO 4

 

Deus confirma con sinais a misión

 

1Moisés díxolle ó Señor: ‑"Os israelitas non me crerán nin farán caso de min. Dirán: O Señor non se che apareceu".

2O Señor preguntoulle: ‑"¿Que é iso que tes na man?"

El respondeu: ‑"Unha vara".

3O Señor díxolle: ‑"Tíraa no chan". El tirouna. A vara converteuse nunha cobra, e Moisés fuxía dela.

4O Señor mandou a Moisés: ‑"Bótalle a man e cóllea polo rabo". El botoulle a man e agarrouna. E a cobra trocouse de novo en vara na súa man. 5‑"Isto é para que crean que se che apareceu o Señor, o Deus de teus pais, Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob".

6O Señor díxolle aínda: ‑"Mete a túa man no peito". El meteuna e, ó sacala, viu que estaba coa lepra, branca coma a neve.

7Díxolle o Señor: ‑"Mete outra vez a man no seo". El meteuna e, ó sacala, viu que estaba coma o resto do seu corpo. 8‑"Se non cren nin che fan caso ó primeiro sinal, crerán e farancho ó segundo. 9Pero se non cresen nin te escoitasen por ningún destes sinais, collerás auga do Nilo, verterala no chan e volverase alí mesmo en sangue".

10Moisés desculpouse: ‑"Ai, Señor; eu non son home de labia: non o era antes de hoxe, nin o son desde que ti falas co teu servo. Son torpe de palabra e de lingua".

11Respondeulle o Señor: ‑"¿Quen lles dá ós homes a boca? ¿Quen os fai mudos ou xordos, tortos ou cegos? ¿Non son eu, o Señor? 12Agora, ti vai. Eu estarei na túa boca e ensinareiche o que has dicir".

13Moisés dixo: ‑"Ai, Señor; manda outro, o que a ti che pareza".

14O Señor enfadouse con Moisés e díxolle: ‑"¿Non está aí teu irmán Aharón, o levita? Eu sei que el é un home de palabra fácil. El sairá ó teu encontro e alegrarase de verte. 15Ti falaraslle a el e porás as miñas palabras na súa boca. Eu estarei na túa boca e na del e ensinareivos o que habedes facer. 16El falará por ti ó pobo. Será o teu voceiro e ti serás para el coma Deus. 17Leva na man esa vara, coa que farás os sinais".

 

Moisés volve a Exipto

 

18Moisés volveu para a casa de seu sogro Ietró e díxolle: ‑"Quero volver a Exipto, onde están meus irmáns, para ver se aínda viven".

Respondeulle Ietró: ‑"Vai en paz".

19O Señor dixéralle en Madián a Moisés: ‑"Corre, volve a Exipto, pois os que querían matarte xa morreron".

20Moisés colleu a súa muller e os seus fillos, montounos nun asno e volveu para Exipto. Na man levaba Moisés a vara de Deus.

21O Señor díxolle a Moisés: ‑"En volvendo a Exipto, farás diante do faraón os moitos milagres para os que eu che darei poder. Eu endurecerei o seu corazón, e non deixará saír o pobo. 22Ti diraslle: Así di o Señor: Israel é meu fillo primoxénito. 23E eu dígoche: Deixa saír a meu fillo, para que veña darme culto. Se te negas a deixalo, eu matarei o teu fillo primoxénito".

24Nunha pousada, ó longo da viaxe, o Señor saíulle ó paso a Moisés e tratou de matalo. 25Séfora colleu de seguido unha lasca de pedra, cortoulle o prepucio a seu fillo e acercoullo ás partes de Moisés, dicindo: ‑"Ti es esposo de sangue para min". 26O Señor deixouno, en canto ela dixo esposo de sangue, referíndose á circuncisión.

27O Señor díxolle a Aharón: ‑"Diríxete ó deserto, ó encontro de Moisés". El foi, encontrouse con el na montaña de Deus e bicouno. 28Moisés referiulle a Aharón o que o Señor lle dixera, como o enviara e os sinais que lle mandara facer.

29Moisés e Aharón chegaron, e reuniron a todos os anciáns de Israel. 30Aharón referíullelo que o Señor lle dixera a Moisés, e este fixo á vista do pobo os sinais. 31O pobo creu. E en oíndo que o Señor visitaba ós israelitas e coidaba deles na opresión, axeonlláronse e adorárono.

 

 

 

CAPÍTULO 5

 

Primeiro encontro co faraón

 

1Moisés e Aharón presentáronse ó faraón para lle dicir: ‑"Isto di Iavé, o Deus de Israel: Deixa saír o meu pobo, para que celebre a miña festa no deserto".

2Respondeulles o faraón: ‑"¿E quen é Iavé, para que eu o obedeza e deixe saír a Israel? Non coñezo a Iavé, e non deixarei saír a Israel". 3Eles dixeron: ‑"O Deus dos hebreos chámanos. Déixanos facer polo deserto unha viaxe de tres días, para ofrecermos un sacrificio a Iavé o noso Deus, e que non nos fira coa peste ou coa espada".

4O rei de Exipto respondeulles: ‑"Moisés e Aharón, ¿por que molestades o pobo no traballo? Ide cumprir co voso labor". 5E engadiu: ‑"Eles son un pobo xa numeroso no país, e agora queredes que deixen o traballo".

 

Os traballos forzados dos hebreos

 

6Aquel día ordenoulles o faraón ós capataces e ós gardas: 7‑"Non sigades dándolle palla a esa xente que prepara os adobes, como faciades ata agora. Que a busquen eles mesmos. 8Pero esixirédeslles a mesma cantidade de adobes que facían ata hoxe, sen rebaixarlles nada, pois son uns lacazáns. Por iso berran, dicindo: Queremos ir ofrecer un sacrificio ó noso Deus. 9Póndelle a esa xente un traballo máis duro. Que se entreteñan con el e que non lles dean creto a contos mentireiros".

10Foron os capataces e os gardas e faláronlle ó pobo: ‑"Isto di o faraón: Non seguirei provéndovos de palla. 11Ide vós mesmos buscala onde queira que a haxa. Pero a vosa tarefa non ha minguar en nada".

12A xente espallouse por toda a bisbarra, á pescuda de restrollo para a palla dos adobes. 13Os capataces apremábanos, dicíndolles: ‑"Acabade a xeira do día, como cando tiñades palla". 14Os capataces do faraón batían nos inspectores israelitas que eles mesmos puxeran á cabeza da xente, e dicíanlles: ‑"¿Por que non completades agora a cantidade asignada, coma nos días pasados?"

15Os inspectores israelitas fóronse queixar ó faraón: ‑"¿Por que tratas os teus servos deste xeito? 16Sen nos daren a palla, esíxennos que fagamos os adobes. Os teus servos levan os paus, cando a culpa é do teu pobo".

17O faraón respondeulles: ‑"Lacazáns é o que vós sodes, lacazáns. Por iso andades dicindo: Queremos ir ofrecer un sacrificio a Iavé. 18Ide traballar agora mesmo. Non se vos dará a palla; pero vós entregaredes os adobes que vos tocan".

19Os inspectores israelitas víronse nun apuro, cando lles dixeron: ‑"Non minguará en nada a cantidade de adobes asignada". 20E, ó que saíron de ver o faraón, foron falar con Moisés e Aharón, que os estaban agardando. 21Dixéronlles: ‑"Que o Señor olle o voso feito e que xulgue. Fixéstesnos aborrecer polo faraón e polos seus servidores, e puxésteslles na man a espada para que nos maten".

22Moisés volveuse cara ó Señor e rogou: ‑"Señor, ¿por que aflixes a este pobo? ¿Para que me mandaches? 23Desde que entrei onda o faraón para falarlle no teu nome, el trata peor ó teu pobo, e ti non fas nada por libralo".

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com