Capítulos 26-30

CAPÍTULO 26

 

O tabernáculo

 

1O tabernáculo faralo con dez lenzos de liño fino torcido, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, con querubíns bordados. 2Cada lenzo terá vinte e oito cóbados de longo por catro de ancho. O mesmo medirán todos os lenzos. 3Os lenzos empalmarán uns cos outros, en dúas series de cinco cada unha. 4Farás unhas presillas de púrpura violácea, na beira do lenzo extremo de cada unha das dúas series. 5Cincuenta presillas irán na beira dunha serie e cincuenta na da outra, postas de xeito que caian enfronte unhas das outras. 6Farás tamén cincuenta broches de ouro e axuntarás os lenzos con eles, de xeito que o tabernáculo figure un conxunto. 7Tecerás despois once lenzos de pelo de cabra, para que lle fagan de Tenda ó tabernáculo. 8A lonxitude do lenzo será de trinta cóbados e o ancho de catro. Esta será a medida para todos os lenzos. 9Empalmarás cinco lenzos nunha serie e seis noutra, de xeito que o sexto lenzo caia fronte á porta. 10Porás cincuenta presillas nas beiras de cada unha das dúas series de lenzos empalmados. 11Fundirás cincuenta broches de bronce, meteralos nas presillas, e así quedará composta a Tenda nunha peza. 12En canto ó que sobrar dos lenzos da Tenda, a metade dun deles colgará por detrás do tabernáculo, 13e o cóbado sobrante polos lados colgará polos dous lados do tabernáculo e taparao.

14Farás aínda para o tabernáculo unha cuberta de peles curtidas de carneiro, e por enriba dela outra cuberta de peles de teixugo.

15As táboas do tabernáculo faralas de madeira de acacia. 16A longura dunha táboa será de dez cóbados e o ancho de un e medio. 17Cada táboa rematará en dous cantís, para ensamblar unhas nas outras. E o mesmo todas as táboas. 18Unha vez feitas as táboas para o tabernáculo, porás vinte do lado que mira cara ó sur. 19Farás corenta baseamentos de prata e poralas, dúas a dúas, debaixo das vinte táboas, unha por cada cantil. 20Polo outro lado do tabernáculo, ó norte, porás outras vinte táboas, 21cos correspondentes corenta baseamentos de prata, dúas debaixo de cada táboa. 22Polo lado posterior do tabernáculo, ó ocaso, colocarás seis táboas, 23con dúas máis para os dous cantos. 24Estas encaixarán de abaixo para arriba; as dúas táboas farán os dous cantos. 25Serán, pois, oito táboas, con dezaseis baseamentos de prata, dúas por cada táboa. 26Farás tamén traveseiros de madeira de acacia, cinco para cruzar as táboas dun lado do tabernáculo, 27cinco para as do outro e cinco para as do ocaso. 28O traveseiro que pasará polo medio das táboas irá dun cabo ó outro. 29Recubrirás de ouro as táboas e os traveseiros, e de ouro serán tamén as argolas, polas que pasarán os traveseiros. 30Construirás o tabernáculo conforme o modelo que eu che mostrei na montaña.

 

O veo e a cortina

 

31Farás un veo de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido, con querubíns bordados. 32Penduraralo de catro columnas de madeira de acacia, recubertas de ouro, con ganchos de ouro e catro baseamentos de prata. 33Pendurarás o veo de cravos. Dentro porás a arca da alianza. O veo separará o lugar santo do santísimo. 34Porás o propiciatorio encima da arca da alianza, no santísimo. 35Por fóra do veo, do lado norte, colocarás a mesa; e enfronte da mesa, do lado sur do santuario, o candelabro. 36Para a entrada da tenda farás unha cortina, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido e bordada. 37Para a cortina farás cinco columnas de madeira de acacia, recubertas de ouro, con cinco ganchos de ouro; para as columnas fundirás cinco baseamentos de bronce.

 

 

 

CAPÍTULO 27

 

O altar dos holocaustos

 

1Farás o altar de madeira de acacia, cadrado, de cinco cóbados de longo, cinco de ancho e tres de alto. 2Nos catro ángulos faraslle saíntes coma cornos, que revestirás de bronce. 3Para o altar farás, sempre de bronce, caldeiros para a cinsa, paletas, aspersorios, tenaces e braseiros. 4Dotarás o altar dun enreixado, feito de bronce e en forma de rede. Nos catro cantos levará catro argolas de bronce. 5Porás o enreixado debaixo do reborde saínte do altar, desde a media altura ata o chan. 6Farás aínda para o altar varais de madeira de acacia, recubertos de bronce; 7meterasllos polas argolas dos costados, para podelo transportar. 8O altar faralo oco e de táboas, conforme o modelo que che mostrei na montaña.

 

O adro

 

9Co tabernáculo farás tamén o adro. Polo lado sur poraslle cortinas de liño fino torcido, cunha lonxitude de cen cóbados por lado. 10As súas vinte columnas estarán asentadas en vinte baseamentos de bronce. Os ganchos e as argolas das columnas serán feitos de prata. 11Do mesmo xeito, polo norte, o adro levará unha cortina de cen cóbados de longa, vinte columnas asentadas en vinte baseamentos de bronce, con alcaiatas e argolas de prata. 12O ancho, polo ocaso, o adro levará unha cortina de cincuenta cóbados de longa, e dez columnas con outros tantos baseamentos. 13O ancho, polo nacente, a cortina terá tamén cincuenta cóbados. 14A un lado da porta irán quince cóbados de cortina, con tres columnas e os seus baseamentos. 15Do lado oposto, a mesma cousa. 16Para a porta do adro farás unha cortina de vinte cóbados, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, de liño fino torcido e bordada; levará catro columnas cos seus baseamentos. 17Todas as columnas ó redor do adro levarán aneis de prata, con ganchos de prata e con baseamentos de bronce. 18O adro terá cen cóbados de longo, cincuenta de ancho e cinco de alto. Será de liño fino torcido, cos baseamentos de bronce. 19Todos os utensilios para calquera dos servizos do tabernáculo, as súas estacas e as do adro, serán todos de bronce.

 

O aceite da lámpada

 

20Ordénalles ós israelitas que che traian aceite puro de oliva, para manter a lámpada acesa. 21Aharón e os seus fillos colocarana na Tenda do Encontro, por fóra do veo que tapa o testemuño, para que brille diante do Señor, desde a noite á mañá. Esta é lei perpetua para todas as xeracións de Israel.

 

 

 

CAPÍTULO 28

 

As roupas dos sacerdotes

 

1Manda vir onda ti a teu irmán Aharón e a seus fillos Nadab, Abihú, Elazar e Itamar. De entre todos os israelitas serán eles os meus sacerdotes. 2A teu irmán Aharón faraslle vestimentas sacras, que lle dean honor e maxestade. 3Ordena a artesáns destros, dotados de espírito de sabedoría, que preparen as roupas coas que Aharón será consagrado sacerdote. 4Deberanlle facer estes ornamentos: o peitoral, o efod, o manto, a túnica bordada, a mitra e a faixa. Para faceren os vestidos sacros para o sacerdocio do teu irmán Aharón e dos seus fillos 5serviranse de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino.

 

O efod

 

6O efod faralo de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido e bordado. 7Levará dúas ombreiras, unha por cada lado, que servirán para atalo. 8Terá para cinguilo un cíngulo, que será da súa mesma feitura: de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido. 9Collerás dúas pedras de ónix e gravarás nelas os nomes das tribos de Israel, 10seis nomes nunha pedra e seis na outra, por orde de nacemento. 11Farás gravar os nomes das tribos de Israel nas dúas pedras, engastadas en ouro, como fan os ourives gravadores de selos. 12Despois porás as dúas pedras nas ombreiras do efod, para lembranza das tribos de Israel. Aharón levará sobre os ombreiros os nomes dos israelitas, para lembranza diante do Señor. 13Faraslles engastes de ouro 14e dúas cadeíñas de ouro puro, trenzadas coma un cordón, e poralas trenzadas nos engastes.

 

O peitoral

 

15Farás o peitoral das sortes, traballado con arte, da mesma feitura do efod, de ouro, de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e de liño fino torcido. 16Será cadrado, dobre, un palmo de longo e un de ancho. 17Levará engastadas catro ringleiras de pedras. Na primeira unha sardónica, un topacio e unha esmeralda; 18na segunda un rubí, un zafiro e un xaspe; 19na terceira un ópalo, unha ágata e unha ametista; 20e na cuarta un crisólito, un ónix e un berilo. Estarán todas nas súas ringleiras, engastadas en ouro. 21As pedras corresponden ós nomes das tribos de Israel, doce pedras por doce nomes. Cada unha levará gravado un nome, coma un selo; e así as doce tribos cos seus nomes.

22Farás para o peitoral cadeíñas de ouro puro, trenzadas coma un cordón, 23e dous aneis de ouro, que lle porás ó peitoral nos seus dous cabos. 24Pasarás as dúas cadeíñas de ouro polos aneis dos dous cabos do peitoral, 25e as puntas das cadeíñas fixaralas nos engastes, collidos no lado dianteiro das ombreiras do efod. 26Farás outros dous aneis de ouro e poralos nos dous cabos da parte baixa do peitoral, polo lado de dentro, de cara ó efod. 27E dous aneis máis que farás aínda, fixaralos nas dúas ombreiras do efod, na súa parte baixa dianteira, onda a xuntura, por enriba do cíngulo do efod. 28Os aneis do peitoral ligaranse cos do efod cun cordón de púrpura violácea, de xeito que o peitoral quede por riba do cíngulo do efod  e non se solte del.

29Dese xeito Aharón levará os nomes das tribos de Israel no peitoral das sortes, sempre que entre no santuario, para lembranza perpetua diante do Señor. 30No peitoral das sortes porás os urim  e os tummim, e así irán sobre o corazón de Aharón, sempre que este entre onda o Señor, Aharón levará sempre sobre o corazón, na presenza do Señor, as sortes de Israel.

 

O manto

 

31Farás tamén tecer o manto do efod, todo de púrpura violácea. 32No medio, por enriba, levará unha abertura, cunha orla de reforzo ó arredor, coma unha cota, para que non esgace. 33No borde baixo, ó arredor, poraslle granadas de púrpura violácea, escarlata e carmesí, e, mesturadas con elas, campaíñas de ouro. 34As granadas e as campaíñas alternaranse por todo o arredor. 35Aharón vestirá este manto cando faga o servizo, de xeito que se sinta o tintín cando entre no santuario, na presenza de Deus, e tamén cando saia. Así non morrerá.

 

A diadema

 

36Farás unha flor de ouro puro e gravarás nela, como se grava un selo: Consagrado ó Señor. 37Cun cordón de púrpura violácea suxeitarás a flor na cara dianteira da tiara. 38Porala na testa de Aharón, que cargará coas culpas dos israelitas, cando estes ofrezan as súas ofrendas sacras. Aharón levará a flor sempre na fronte, para reconcilialos co Señor.

 

Outros vestidos

 

39O manto do efod faralo de liño; e o mesmo a tiara e mais o cíngulo; será todo bordado. 40Os fillos de Aharón faraslles tamén túnicas, cíngulos e tiaras, que lles dean honor e maxestade. 41Así é como vestirás a teu irmán Aharón e a seus fillos. Unxiralos e consagraralos, para que me sirvan como sacerdotes. 42Faraslles calzóns de liño, que lles cubran cadrís e coxas, que lles tapen as partes. 43Aharón e os seus fillos levaranos cando entren na Tenda do Encontro e cando se acerquen ó altar para o servizo do santuario, para que non cometan falta, e morran. Esta será lei perpetua para Aharón e para seus fillos.

 

 

 

CAPÍTULO 29

 

Consagración dos sacerdotes

 

1Este é o rito da consagración dos sacerdotes. Colle do gando un xovenco e dous carneiros sen defecto. 2Colle tamén pan ácimo, bicas ácimas amasadas con aceite, filloas tamén ácimas untadas con aceite, todo feito de flor de trigo. 3Porás todo nunha cesta e ofrecerasmo nela, co xovenco e cos dous carneiros.

4Mandarás a Aharón e a seus fillos acercarse á porta da Tenda do Encontro e bañarse con auga. 5Despois collerás as roupas e vestiraslle a Aharón o manto, o manto do efod, o efod  e o peitoral, e cinguiralo co cíngulo do efod. 6Poraslle na cabeza a tiara, e por riba a sagrada diadema. 7Despois collerás o óleo da unción, verterasllo na cabeza, e quedará unxido. 8Logo farás que se acerquen os seus fillos, vestiraslles as túnicas, 9cinguiráslles o cíngulo. O mesmo a Aharón coma a eles poralles as súas mitras. O sacerdocio será a súa propiedade para sempre. Así é como investirás a Aharón e a seus fillos.

 

Ofrenda

 

10Farás traer o xovenco diante da Tenda do Encontro, e Aharón e os seus fillos poranlle as mans na cabeza. 11Logo degolaralo diante do Señor, á entrada da Tenda do Encontro. 12Collerás un pouco do seu sangue e mollarás cos dedos os cornos do altar. O resto do sangue verteralo ó pé do altar. 13Sacaraslle o sebo que envolve as entrañas, o que cobre o fígado, os dous riles co sebo que os envolve, e queimaralo todo no altar. 14A carne do xovenco, a súa pel e as súas tripas, queimaralas no lume, fóra do campamento, coma sacrificio polo pecado.

15Despois collerás un dos carneiros, e Aharón e os seus fillos imporán as mans na súa cabeza. 16De seguido, degolaralo, tomarás o seu sangue e asperxerás con el o altar ó redor. 17Porás o carneiro en anacos, lavarás as súas entrañas e as súas patas, poralas cos anacos de carne e coa cabeza 18e queimarás o carneiro todo encima do altar. É un holocausto para o Señor, un sacrificio recendente que lle prace.

19Collerás despois o outro carneiro, e Aharón e os seus fillos imporanlle as mans na cabeza. 20Degolarás o carneiro, collerás do seu sangue e mollarás con el o lóbulo da orella dereita de Aharón e os das orellas dos seus fillos, e tamén os polgares das súas mans e as dedas dos seus pés dereitos, e despois verterás o sangue ó redor do altar.

21Tomarás do sangue que hai enriba do altar e do óleo da unción, e asperxerás a Aharón e os seus vestidos, e ós fillos de Aharón e os seus vestidos. Dese xeito, tanto eles coma os seus vestidos quedarán consagrados. 22Do carneiro collerás logo o sebo, o rabo, o sebo que cobre as entrañas, o lóbulo do fígado, os dous riles co sebo que os envolve e a perna dereita, porque este é o carneiro da investidura.

23Da cesta dos ácimos presentados ó Señor collerás unha bola, unha bica amasada con aceite e unha filloa. 24Porás todo nas mans de Aharón e dos seus fillos e abalaralos ritualmente diante do Señor. 25Collerás todo outra vez das súas mans e queimaralo no altar coma holocausto, coma recendo que prace ó Señor. É un sacrificio no seu honor.

26Despois collerás o peito do carneiro da investidura de Aharón e abalaralo ritualmente diante do Señor. Esa será a túa ración. 27Do carneiro da investidura de Aharón e dos seus fillos consagrarás o peito que foi abalado e mais a perna ofrecida. 28Esta será, por lei perpetua, a ración de Aharón e dos seus fillos, de parte dos israelitas. É a ofrenda que os israelitas ofreceron ó Señor en sacrificio de comuñón.

29As vestimentas sacras de Aharón herdaranas seus fillos, para cando eles sexan unxidos e reciban a investidura. 30O fillo que lle suceda no sacerdocio vestiraas sete días, cando entre na Tenda do Encontro para servir no santuario.

 

Banquete sagrado

 

31Collerás o carneiro da investidura, cocerás a súa carne no lugar santo, 32e Aharón e os seus fillos comerano, co pan que hai na cesta, á entrada da Tenda do Encontro. 33Comerán a parte coa que se fixo a expiación na súa investidura e na súa consagración. Non comerá dela un alleo, porque é ración sagrada. 34Se da carne da investidura ou do pan quedase algo para o día seguinte, queimarase no lume. Ninguén comerá ese sobrante, porque é cousa santa.

 

Expiación polo altar

 

35Isto é o que farás con Aharón e con seus fillos, conforme che teño mandado. A investidura require sete días. 36Cada día ofrecerás en sacrificio un xovenco para expiación polo pecado. Ofreceralo encima do altar para expiar por el, e despois unxiralo para a súa consagración. 37Durante sete días expiarás polo altar e despois consagraralo. O altar será santísimo; calquera cousa que o toque quedará consagrada.

 

O sacrificio perpetuo

 

38Isto é o que ofrecerás sobre o altar todos os días: dous cordeiros dun ano, 39un á mañá e outro á tarde. 40Co primeiro ofrecerás un décimo de flor de fariña, amasada coa cuarta parte dun hin  de aceite de oliva, e unha libación de viño. 41Co segundo cordeiro, o da tarde, farás, coma á mañá, unha ofrenda e unha libación: ofrenda recendente que prace ó Señor. 42Este será o holocausto perpetuo ó Señor, polas xeracións, á entrada da Tenda do Encontro, onde me encontrarei convosco e onde vos falarei. 43Alí virei eu ó encontro de Israel, e o lugar quedará consagrado pola miña presenza gloriosa. 44Consagrarei a Tenda do Encontro e mais o altar, consagrarei a Aharón e a seus fillos coma os meus sacerdotes. 45Habitarei no medio de Israel e serei o seu Deus. 46E eles recoñecerán que eu son o Señor, o seu Deus, que os saquei de Exipto e que habito no medio deles. Eu o Señor, o seu Deus.

 

 

 

CAPÍTULO 30

 

O altar do incenso

 

1Farás un altar de madeira de acacia, para queimar nel o incenso. 2Faralo cadrado, dun cóbado de longo, un de ancho e dous de alto, con cornos saíntes nos ángulos. 3Revestiralo de ouro puro, por enriba, polos lados e nos cornos; poraslle unha cinta de ouro ó redor. 4Debaixo da cinta, nos dous flancos, poraslle dúas argolas de ouro, para meter os dous varais con que podelo transportar. 5Os varais serán de madeira de acacia, revestidos de ouro. 6Colocarás o altar diante do veo que tapa a arca da alianza, diante do propiciatorio que cobre o testemuño, onde eu virei ó teu encontro. 7Aharón queimará nel incenso recendente, ó tempo de axeitar cada mañá as lámpadas, 8e cando as acenda pola tarde. Será incenso perpetuo diante do Señor, polas xeracións. 9Non ofreceredes nel incenso prohibido, nin holocaustos, nin ofrendas, nin verteredes libacións. 10Aharón fará por el a expiación, unxindo unha vez no ano os seus cornos co sangue do sacrificio polo pecado; así polas xeracións. O altar está consagrado ó Señor".

 

Prezo do rescate

 

11O Señor díxolle a Moisés: 12‑"Cando contes os israelitas para facer o seu censo, cada persoa pagará ó Señor un rescate pola súa vida; así non sufrirán praga ningunha, ó seren rexistrados. 13Cada persoa rexistrada pagará medio siclo, segundo o peso do siclo do santuario que é de vinte óbolos; medio siclo será o voso tributo para o Señor. 14Cada persoa rexistrada, de vinte anos para arriba, pagará este tributo ó Señor. 15Nin o rico dará máis nin o pobre dará menos da metade dun siclo, como tributo ó Señor polo rescate das súas vidas. 16Recollerás o diñeiro do rescate dos israelitas e dedicaralo ó servizo da Tenda do Encontro. Servirá para memorial diante do Señor de que os israelitas rescataron as súas vidas".

 

A pía de bronce

 

17O Señor díxolle a Moisés: 18‑"Farás unha pía de bronce, coa base tamén de bronce, para as ablucións. Porala entre a Tenda do Encontro e o altar e botarás auga nela. 19Aharón e seus fillos lavarán nela as mans e mais os pés. 20Cando entren na Tenda do Encontro, lavaranse con auga, e así non morrerán. E o mesmo cando se acerquen ó altar para oficiar ou para queimar unha ofrenda ó Señor. 21Lavarán as mans e os pés, e así non morrerán. Esta é lei perpetua para eles e para os seus descendentes, polas xeracións".

 

O óleo da unción

 

22O Señor díxolle a Moisés: 23‑"Procúrate aromas da mellor calidade: cincocentos siclos de mirra virxe, douscentos cincuenta de cinamomo recendente e douscentos cincuenta de canela, 24cincocentos siclos de casia, en peso do santuario, e sete litros de aceite de oliveira. 25Con todo iso farás o óleo da unción santa, un perfume recendente, coma o que fan os perfumistas. Será o óleo da unción santa. 26Con el unxirás a Tenda do Encontro e a arca da alianza, 27a mesa cos seus recipientes, o candelabro cos seus trebellos, o altar do incenso, 28o altar dos holocaustos con todos os seus utensilios, e a pía coa súa base. 29Consagrarás estas cousas todas, para que sexan santísimas: calquera que as toque quedará tamén santificado. 30Unxirás a Aharón e a seus fillos, para que me queden consagrados na función de sacerdotes.

31Diraslles ós israelitas: Este será o meu óleo santo da unción polas xeracións. 32Non poderedes unxir con el ningunha outra persoa. Nin faredes un preparado coma este. Foi consagrado, e será santo para vós. 33Calquera que prepare outro óleo coma este e unxa con el un profano, será excluído do pobo".

 

O incenso

 

34O Señor díxolle a Moisés: ‑"Procúrate estes aromas: ámbar, uña recendente, gálbano e incenso puro, todo nas mesmas cantidades. 35Con todo iso prepara o incenso, conforme á arte dos perfumistas, mesturado con sal, puro e santo. 36Despois moerás un pouco, ata convertelo en po, e porás unha parte del diante da arca, na Tenda do Encontro, na que eu virei onda ti. Terédelo por cousa santa. 37Para os vosos usos non faredes incenso composto conforme a esa receita. Ese terédelo por cousa consagrada ó Señor. 38O que faga para o seu uso un aroma coma ese, será excluído do pobo".

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com