Capítulos 31-34

CAPÍTULO 31

 

A sucesión de Moisés

 

1Moisés acabou dicíndolle estas palabras a todo Israel. 2Logo díxolles:

‑"Hoxe cumpro cento vinte anos; xa non son capaz de saír e de entrar. Por iso díxome o Señor: Non cruzarás este Xordán.

3O Señor, o teu Deus, é quen cruzará o Xordán diante de ti. El destruirá ante ti estes pobos e ti tomaralos en posesión. Xosué será quen pase á túa fronte tal como o dixo o Señor. 4O Señor faralles a estes pobos o mesmo que lles fixo ós reis dos amorreos, a Sihón e a Og, e ao seu país: exterminalos. 5O Señor poraos diante de vós, e vós farédeslles tal e como eu vos mande. 6¡Sede valentes! ¡Sede fortes! Non teñades medo nin tremades ante a súa presenza que o Señor, o teu Deus, é quen irá contigo: non te deixará só nin te abandonará".

7Despois Moisés chamou a Xosué e díxolle á vista de todo Israel:

‑"¡Se valente! ¡Se forte!, que ti entrarás con este pobo no país que o Señor lles prometeu con xuramento a seus pais dárllelo, e ti has de llelo entregar en herdanza. 8Certo que o Señor será quen irá diante de ti. El estará contigo, non te deixará só nin te abandonará. Non teñas medo nin te desanimes".

 

Testemuño litúrxico: a renovación da Alianza

 

9Despois Moisés escribiu esta lei e entregóullela ós sacerdotes, fillos de Leví, que levaban a Arca da Alianza do Señor, e mais ós anciáns de Israel. 10E Moisés mandoulles isto:

‑"O cabo de sete anos, na data precisa do ano da Remisión, durante a festa das Tendas, 11cando todo Israel veña ver o rostro do Señor, o teu Deus, no santuario que El escolla, ti proclamarás esta lei ante todo Israel, de xeito que a escoiten. 12Reúne ao pobo, homes, mulleres e rapaces, e ao emigrante que vive dentro das portas das túas cidades, para que escoiten e aprendan a respectar o Señor, o voso Deus, e para que procuren cumprir todos os preceptos desta lei. 13Así teus fillos, que non teñen coñecemento, escoitarán e aprenderán a respectar o Señor, o voso Deus, todos os días que vós vivades na terra que ides tomar en posesión, pasando o Xordán".

 

Teofanía para Moisés e Xosué

 

14Logo o Señor díxolle a Moisés:

‑"Olla que os días da túa morte están cerca. Chama a Xosué e presentádevos na Tenda do Oráculo, que eu lle vou dar ordes".

Entón foron Moisés e Xosué e presentáronse na Tenda do Encontro. 15O Señor fíxose ver na tenda, nunha columna de nube, e a columna de nube estivo queda á porta da Tenda.

 

Introdución ao cantar de Moisés

 

16Entón o Señor díxolle a Moisés:

‑"Olla que ti vas deitarte con teus pais, pero este pobo vaise levantar para prostituírse, indo detrás dos deuses dos estraños, os deuses do país onde vai entrar; vaime abandonar a min e quebrantar a Alianza que eu fixen con el. 17E no día aquel a miña ira inflamarase contra el, e voume apartar deles e taparei para eles a miña cara. Entón o pobo será devorado, e moitas desgrazas e angustias virán sobre el. Dirá entón: ¿Non virán sobre min estas desgrazas por non estar o meu Deus no medio de min? 18Pero eu seguirei tapando a miña cara no día aquel, por causa de todo o mal que el fixo, xa que se volveron tralos deuses alleos.

19Pero agora, escribide para vós este cantar. Ensinádellelo ós fillos de Israel e póndellelo na súa boca, para que me sirva a min de testemuño contra os fillos de Israel. 20En efecto, traerei o pobo á terra que lles prometín con xuramento a seus pais, terra que deita leite e mel, e comerá, fartarase e engordará; pero logo volverase cos deuses alleos e daralles culto, desprezarame a min e romperá a miña Alianza. 21Cando grandes desgrazas e angustias caian sobre el, este cantar dará testemuño contra el, porque non será esquecido na boca da súa descendencia. Si, coñezo ben o plan que hoxe mesmo está facendo, antes de que eu o leve á terra que prometín con xuramento".

22Ese día Moisés escribiu este cantar, e ensinóullelo ós fillos de Israel.

 

Animo a Xosué

 

23Logo o Señor mandoulle isto a Xosué, fillo de Nun:

‑"¡Se valente! ¡Se forte!, que ti farás entrar ós fillos de Israel na terra que lles prometín con xuramento, e eu estarei contigo".

 

Testemuño sacro - literario: o libro da lei a carón da Arca da Alianza

 

24Cando Moisés acabou de escribir todas as palabras desta lei nun libro, 25deulles esta orde ós levitas, que levaban a arca da Alianza do Señor:

26‑"Collede o libro desta lei e póndeo ao lado da Arca da Alianza do Señor, o voso Deus, e que estea alí en testemuño contra ti. 27Porque eu coñezo ben a túa rebeldía e a túa cabeza dura: se hoxe, durante a miña vida convosco, sodes rebeldes co Señor: ¿canto máis o seredes despois da miña morte?

 

O ceo e a terra testemuño do canto de Moisés

 

28Xuntade ao meu lado os anciáns das vosas tribos e os vosos xefes, que vou pronunciar nos seus oídos estas palabras e vou pór como testemuñas contra eles o ceo e mais a terra. 29Si, eu sei ben como vos corromperedes despois da miña morte e como vos apartaredes do vieiro que vos ordenei, e entón a desgraza sairá ao voso encontro naqueles días despois de que fagades o mal ós ollos do Señor, enfadándoo cos feitos das vosas mans".

 

O canto de Moisés

 

30Entón Moisés pronunciou ata o final as palabras deste canto ós oídos de toda a asemblea de Israel:

 

 

 

CAPÍTULO 32

 

1‑"Escoita, ceo, que vou falar; escoita, terra, os ditos da miña boca.

2 A miña doutrina caerá en pingas coma a chuvia,

e o meu dito espallarase coma a chuvia mansa sobre a herba tenra,

coma o trebón sobre o céspede.

3 Si, proclamarei o nome do Señor.

 

Proclamación da xustiza salvífica de Deus

 

Aclamade: a grandeza é do noso Deus.

4 El é o Penedo, a súa obra é perfecta.

Si, todos os seus vieiros son xustiza.

É o Deus da fidelidade e non hai nel inxustiza

xusto e recto é El.

5 Envolveu os que non lle eran fillos con follas de palmeira,

xeración pervertida e malvada.

 

Acusación en forma interrogativa

 

6 ¿Isto lle facedes ao Señor, pobo parvo e sen sabedoría?

¿Non é El o teu Pai, quen te creou?

¿Non é El quen te fixo, quen che deu o ser?

 

Beneficios de Deus no pasado

 

7 Lémbrate dos días remotos,

si, considera os anos de xeración en xeración.

Pregúntalle a teu pai, e que cho mostre:

pregúntalles ós teus anciáns, e que cho digan.

8 Cando o Altísimo lles repartía a herdanza ós pobos,

e cando separaba ós fillos de Adam:

estableceu as fronteiras das nacións,

segundo o número dos fillos de Israel.

9 Si, a parte do Señor é o seu pobo,

Xacob é a súa herdanza.

10 Fortaléceo nunha terra de deserto

nunha soidade de ouveos engórdao, rodéao de coidados e aténdeo,

protéxeo coma á meniña do seu ollo.

11 O mesmo que a aguia espile a súa niñada,

planea sobre os seus poliños,

estende as ás e os colle, e os levanta sobre as súas ás,

12 así tamén o Señor, El só, conducirá o seu pobo,

non haberá con El un deus estraño,

13 farao montar de a cabalo sobre as alturas da terra

e daralle de comer os produtos do campo,

daralle a zugar o mel que sae da pena,

o aceite que sae do duro penedo:

14 manteiga de vaca e leite de ovellas, con graxa de años,

carneiros da raza de Baxán e cabritos, coa flor dos grans de trigo.

Bebiches fermentado o sangue da uva (e Xacob comerá ata se fartar).

 

Denuncia do pecado: Tipificación

 

15 Iexurún engordou, e logo couceou;

engordaches, colliches graxas, puxécheste brillante,

pero rexeitou ao Deus que o creou

e deshonrou o Penedo da súa salvación.

16 Provocáronlle celos con deuses estraños,

enfadárono con abominacións.

17 Ofrecéronlles sacrificios aos demos, non a Deus,

a deuses que antes non coñecían,

deuses novos, acabados de chegar,

ós que vosos pais non respectaran.

18 Desprezaches o Penedo que te deu a luz,

Esqueciches o Deus que te trouxo ao mundo.

 

Castigos históricos en forma oracular

 

19 Viu isto o Señor con enfado,

rexeitou a seus fillos e a súas fillas.

20E dixo: Escondereilles o meu rostro benévolo,

verei cal é o seu porvir,

pois eles son unha xeración de perversión,

fillos nos que non hai fidelidade.

21 Eles provocaron os meus celos con quen non é deus,

enfadáronme cos seus ídolos ilusos;

pero eu provocarei os seus celos con quen non é pobo,

cunha nación tola enfadareinos.

22 Si, un lume de carraxe acendeuse no meu nariz

abrasa ata as fonduras do Abismo,

devora a terra e os seus froitos,

e requeima os alicerces das montañas.

23 Amorearei calamidades sobre eles,

e acabarei coas miñas frechas contra eles:

24 cansos de fame, consumidos coa febre e coa peste maligna.

Si, mandarei contra eles dentes de animais,

con veleno de bechos que se arrastran polo chan.

25 Por fóra, a espada deixaraos sen fillos;

e, por dentro das casas, o terror.

¡Berros dos mozos! ¡Berros das mozas!

¡Berro de meniño que mama, xunto co home encanecido!

26 Pensei: vounos espallar,

vou facer desaparecer a súa lembranza de entre os homes,

27 se non temese provocar o inimigo

e que os seus adversarios se fagan ilusións

dicindo: A nosa man é poderosa,

pois non foi o Señor quen fixo todo isto.

 

Reflexións teolóxicas exhortativas á fe no poder do Señor

 

28 Si, son un pobo que derrama os plans,

e neles non hai intelixencia.

29 Se fosen sabios, comprenderían isto,

entenderían cal é o seu porvir:

30 ¿Como un home pode perseguir a mil

e como dous homes fan fuxir a dez mil,

se non é que o seu Penedo llelos vende

e se non é que o Señor llelos entrega atados?

31 Certo que o noso Penedo non é coma o seu penedo,

certo que os nosos inimigos non son quen a xulgar,

32 pois a súa viña é das cepas de Sodoma

e dos patróns de Gomorra;

as súas uvas son uvas de veleno

e os seus acios teñen amargor;

33 o seu viño é veleno de serpentes,

si, pezoña de cobras destrutoras.

34 ¿Non está el gardado ao meu carón,

selado no almacén dos meus tesouros?

35 ¡Velaí o día da vinganza e do axuste de contas!

¡Velaí o intre no que tropezarán os seus pés!

Certo que está próximo o día da súa ruína,

certo que vén ás présas preparado para eles.

36 Si, o Señor faralle xustiza ao seu pobo,

e compadecerase dos seus servos,

cando vexa que a forza se acaba,

e que xa non hai escravo nin libre.

37 Entón dirá: Onde están os seus deuses,

o penedo onde se refuxiaban?

38 Pois comen a graxa dos seus sacrificios

e beben o viño das súas libacións.

¡Que se levanten a axudarnos,

que sexan a nosa protección!

 

Anuncio da vinganza sobre os inimigos do pobo

 

39 Agora ollade: certo que eu son eu,

e non hai outros deuses comigo.

Eu fago morrer e fago vivir;

ferín, pero curarei,

e non hai quen escape da miña man.

40 Si, levantarei a miña man ao ceo e direi:

¡Pola miña vida, así será para sempre!

41 Afiarei o lóstrego da miña espada

e a miña man collerá a xustiza;

e farei volver a vinganza contra os meus adversarios

e axustarei as contas cos que me odian.

42 Emborracharei as miñas frechas de sangue

e a miña espada devorará carne:

do sangue dos mortos e cativos,

das cabezas peludas do meu inimigo.

43 Nacións, aclamade ao seu pobo,

que o sangue dos seus servos está sendo vingado;

fai vinganza dos seus adversarios,

e así purifica a súa terra e o seu pobo".

44 Foi Moisés acompañado de Xosué, fillo de Nun, e pronunciou todas as palabras deste canto ós oídos do pobo.

 

Conclusión do canto de testemuño e da lei

 

45Cando acabou Moisés de pronunciar todas estas palabras para todo Israel, 46díxolles:

‑"Entregade o voso corazón a todas as palabras que hoxe poño como testemuño contra vós, pois habédesllelas de pór de precepto ós vosos fillos, para que procuren practicar todas as palabras desta lei. 47Pois non é unha palabra baleira de interese para vós, senón que é a vosa vida; e con esta palabra alongaredes os días sobre a terra, na que entraredes ao cruzar o Xordán para a tomardes en posesión".

 

Moisés morrerá despois de ver a terra prometida

 

48Nese mesmo día, o Señor faloulle a Moisés nestes termos:

49‑"Sube á montaña esa de Abarim, ao monte Nebó, que está no país de Moab, fronte a Xericó, e olla para a terra de Canaán, porque llela vou dar en propiedade ós fillos de Israel. 50Despois morrerás no monte onde vas subir e xuntaraste cos teus parentes, o mesmo que Aharón, teu irmán, morreu no monte Hor e se xuntou cos seus parentes. 51Por me serdes infieis a min ante os fillos de Israel, nas augas de Meribah de Cadex, no deserto de Sin, por non recoñecer a miña santidade, ante os fillos de Israel, 52por isto verás desde enfronte o país, pero non entrarás nel, nese país que eu lles vou dar ós fillos de Israel".

 

 

 

CAPÍTULO 33

 

Bendición de despedida de Moisés ós fillos de Israel

 

1Esta é a bendición coa que Moisés, o home de Deus, bendiciu os fillos de Israel, antes de morrer. 2Díxolles:

‑"O Señor chega do Sinaí,

resplandece desde Seir en favor deles,

brilla desde o monte Parán,

si, chega o Santo co seu poder,

avanza coa súa perna dereita en favor deles.

3 Ti si que amas o pobo,

todos os santos do pobo están na túa man.

Eles humíllanse ante os teus pés,

e as túas palabras levántanos.

4 Moisés ordenounas nunha lei,

e o seu propietario é a xuntanza de Xacob.

5 Hai rei en Iexurún, cando se xuntan os xefes do pobo,

cando están xuntas as tribos de Israel.

6 Que viva Rubén e que non morra,

aínda que son poucos os seus homes.

7Isto é o que dixo para Xudá:

Escoita, Señor, os gritos de Xudá

e tráeo ao seu pobo,

que as súas mans loiten ao seu favor,

pero ti se o seu auxiliador contra os seus adversarios.

8Isto é o que dixo para Leví:

Que os teus Tummim e os teus Urim

sexan para o home que é fiel ao teu amor,

a quen puxeches a proba en Masah,

con quen discutiches fronte ás augas de Meribah,

9 o que lles dixo a seu pai e a súa nai: Nunca vos vin,

que non recoñeceu a seus irmáns

e que ignora a seu fillo.

Si, cumpriron a túa palabra e mantiveron a túa Alianza.

10 Ensináronlle os teus decretos a Xacob,

e a túa lei a Israel.

Poñen o perfume do incenso diante de ti

e sacrificio completo sobre o teu altar.

11 Bendí, Señor, a súa forza

e comprácete no traballo das súas mans.

Pártelles os riles ós que se levanten contra el

e que non se poidan erguer os que o odian.

12Isto é o que dixo para Benxamín:

Benquerido do Señor.

O Altísimo farao habitar tranquilo,

si, o Altísimo protexerao todos os días,

e descansará nas súas abas.

13Isto é o que dixo para Xosé:

O seu país é o máis bendito polo Señor,

co precioso regalo do ceo, a rosada,

coas augas do abismo que descansan abaixo,

14 co precioso regalo dos produtos do sol,

co precioso regalo dos froitos das lúas,

15 co mellor dos montes doutro tempo,

co precioso regalo dos outeiros eternos,

16 co mellor da terra e de canto contén,

e a favor do que mora na silveira:

¡baixe sobre a cabeza de Xosé,

sobre a fronte do príncipe de seus irmáns!

17 El é coma o primoxénito do touro. ¡Gloria a el!

Cornos de búfalo son os seus cornos,

con eles escorna os pobos,

os extremos do mundo ao mesmo tempo.

Si, ¡son as multitudes de Efraím!

Certo, ¡son os milleiros de Menaxés!

18Isto é o que dixo para Zebulón:

Se feliz, Zebulón, nas túas saídas,

e ti, Isacar, se feliz nas túas tendas.

19 Os pobos son convidados ao meu monte,

alí ofrecen sacrificios lexítimos.

Certo que mamarán da abundancia dos mares,

dos tesouros escondidos coa area.

20Isto é o que dixo para Gad:

Bendito sexa quen alarga o territorio de Gad.

El está deitado coma unha leoa,

e arrinca un brazo e tamén a cabeza.

21Viu as primicias que son para el;

si, alí está ben gardada a parte prescrita,

logo chegou onda os xefes do pobo,

cumpriu a xustiza do Señor,

os seus decretos cumpriunos con Israel.

22Isto é o que dixo para Dan:

Dan é un cachorro de león,

dá un salto desde Baxán.

23Isto é o que dixo para Naftalí:

Naftalí, farto de ben querer

e cheo da bendición do Señor:

cara ao Oeste e cara ao Sur, a súa posesión.

24Isto é o que dixo para Axer:

Axer, o máis bendito dos fillos,

o máis favorecido dos irmáns.

Baña en aceite o seu pé,

25 que os teus ferrollos sexan de ferro e bronce,

que o poder do teu dominio dure coma os teus días.

26 Ninguén hai coma Deus, Iexurún,

que monta a cabalo dos ceos na túa axuda,

que coa maxestade monta nas delgadas nubes.

27 O Deus de sempre é refuxio,

estás debaixo dos brazos do Eterno:

El botará o inimigo da túa presenza,

e dirá: ¡Extermina!

28 Entón Israel habitará en seguridade.

A Fonte de Xacob botará suficiente

para un país de trigo e de mosto,

tamén o seu ceo destilará a rosada.

29 Feliz ti, Israel, ¿quen coma ti?,

pobo salvado polo Señor,

escudo da túa axuda, espada da túa grandeza,

os teus inimigos quixeron dominarte,

pero ti triparás as súas costas".

 

 

 

CAPÍTULO 34

 

A morte de Moisés e a súa glorificación

 

1Subiu Moisés das chairas de Moab ao monte Nebó, á cima do Pisgah, que está enfronte de Xericó. O Señor mostroulle todo o país: Galaad ata Dan, 2todo Naftalí, o país de Efraím e Menaxés e todo o país de Xudá ata o mar Occidental; 3o Négueb, a veiga do val de Xericó, a cidade das palmeiras, ata Soar. 4Entón díxolle o Señor:

‑"Este é o país que lles prometín con xuramento a Abraham, Isaac e Xacob, dicíndolles: Heillo de dar á túa descendencia. Xa cho mostrei ós teus ollos, pero alí non podes cruzar".

5Morreu alí Moisés, o servo do Señor, no país de Moab, conforme á declaración do Señor. 6E enterrouno alí no val, no país de Moab, enfronte de Bet-Peor, e ningún home, ata o día de hoxe, coñeceu a súa sepultura. 7Moisés tiña cento vinte anos, cando morreu, e o seu ollo non enfraqueceu nin desapareceu a súa vitalidade.

8Os fillos de Israel choraron por Moisés nas chairas de Moab trinta días, completaron así os seus días de pranto como loito por Moisés. 9Entón Xosué, fillo de Nun, estaba cheo de espírito de sabedoría, xa que Moisés lle impuxera as súas mans, e os fillos de Israel fixéronlle caso e comportáronse tal coma o Señor llo mandara a Moisés.

10Nunca máis volveu xurdir un profeta en Israel semellante a Moisés, con quen o Señor tratase cara a cara. 11Ninguén coma el en todos os sinais e prodixios, que o Señor lle mandou facer no país de Exipto contra o Faraón, contra os seus servos e contra o seu país. 12E ningún coma el coa man forte e todo o grande pavor que provocou Moisés á vista de todo Israel.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com