Capítulos 1-5

DISCURSO DE INTRODUCCIÓN

 

CAPÍTULO 1

 

Introdución histórica

 

1Estas son as palabras que lle dirixiu Moisés a todo Israel na outra beira do Xordán, no deserto, isto é, na Arabah, enfronte de Suf, entre Parán por unha banda e Tofel, Labán, Haserot e Dizahab pola outra.

2Para viren desde o Horeb ata Cadex Barnea pola serra de Seir cumpríronlles once días. 3O día primeiro do undécimo mes do ano corenta, faloulles Moisés ós israelitas, tal e como lle mandara o Señor que lles falase, 4despois de que Moisés derrotara ao rei dos amorreos, Sihón, que reinaba en Hexbón, e despois de que derrotara en Edrei ao rei de Baxán, Og, que reinaba en Axtarot. 5O outro lado do Xordán, no país de Moab, comezou Moisés a pór en claro esta Lei  dicíndolles:

 

DISCURSO PRIMEIRO

 

A doazón da Terra Prometida

 

6‑"O Señor, noso Deus, falounos no Horeb, nestes termos: xa levades vivindo de abondo nestas serras. 7Arrincade as vosas tendas e entrade na serra dos amorreos e onda os seus veciños que viven na Arabah, na montaña e na Terra Baixa, no Négueb e na beira do mar. Ollade para o país dos cananeos e para o Líbano ata o río grande, o río Éufrates. 8Poño diante de vós esta terra: entrade a tomar posesión da terra que o Señor lles prometeu con xuramento ós vosos pais, a Abraham, a Isaac e mais a Xacob: que llela daría a eles e á súa descendencia despois deles.

 

Institución dos Xuíces nunha comunidade organizada

 

9Daquela díxenvos deste xeito: Non son capaz eu só de vos rexer; 10o Señor, voso Deus, multiplicouvos e velaí que hoxe sodes unha multitude coma as estrelas do ceo. 11Que o Señor, Deus dos vosos pais, vos aumente mil veces máis e que vos bendiga tal e como volo prometeu. 12E ¿como poderei aguantar eu só as vosas dificultades, os vosos problemas e os vosos litixios? 13Procurádevos para as vosas tribos homes de experiencia, intelixentes e instruídos, e eu poreinos á fronte de vós.

14Entón vós respondéstesme: Está ben o plan que nos propuxeches facer.

15Logo eu escollín para pór á fronte das vosas tribos homes de experiencia e instruídos, e púxenos á vosa fronte: xefes de mil, xefes de cento, xefes de cincuenta e xefes de dez, para cada unha das vosas tribos.

16Naquel momento deilles tamén estas normas ós vosos xuíces: Escoitade os litixios entre os vosos irmáns, e sentenciade conforme a xustiza os preitos entre un e o seu irmán, ou entre un e o estranxeiro que con el vive. 17No xuízo non teñades en conta o aspecto das persoas: atendede ao pequeno o mesmo ca ao grande; non lle teñades medo á presenza de ninguén, pois o xuízo é cousa que lle pertence ao Señor. O preito que vos resulte difícil traédemo a min, que eu o escoitarei. 18Naquel momento tamén vos mandei todas as normas que tendes que cumprir.

 

Exploración do país e primeira desconfianza con Deus

 

19Logo marchamos do Horeb e, atravesando todo aquel inmenso e terrible deserto que vós vistes, polos montes dos amorreos, tal como nolo mandara o Señor, noso Deus, chegamos a Cadex Barnea. 20Entón eu díxenvos: Xa chegastes ós montes dos amorreos, que o Señor, o noso Deus, nos entrega. 21Olla: o Señor, o teu Deus, ponche diante este país: Sube e toma posesión del, tal como o Señor, Deus dos teus pais, cho prometeu. Non teñas medo nin te acovardes!

22Entón todos vós presentástesvos diante miña e dixestes: É mellor que mandemos uns homes diante de nós para que nos exploren o terreo e nos informen do camiño por onde temos que subir e das cidades que temos que tomar.

23Pareceume ben a proposta, e escollín de entre vós doce homes, un home por tribo. 24Eles emprenderon a subida cara ós montes, e chegaron á ribeira do Excol; e percorrérona a pé. 25Colleron a proba dos froitos deste país, e baixaron xunto a nós para nos informaren.

Dixeron: É boa a terra que o Señor, o noso Deus, nos vai dar. 26Pero vós non quixestes subir e rebelástesvos contra a orde do Señor, voso Deus. 27Levantastes calumnias baixo as vosas tendas, dicindo: Polo odio que o Señor nos ten, foi polo que nos sacou do país de Exipto, para nos entregar ao poder dos amorreos, para que nos fagan desaparecer. 28¿Onde imos nós subir? Os nosos irmáns fixeron esmorecer os nosos corazóns, ao diciren: Son un pobo máis grande e máis corpulento ca nós, cidades máis grandes e máis cortadas a pico có ceo e mesmo vimos alí anaquitas. 29Entón díxenvos: Non estarrezades nin lles teñades medo. 30O Señor, o voso Deus, será quen irá diante de vós; El pelexará no voso favor tal como fixo, diante dos vosos ollos, en Exipto. 31E polo deserto viches como o Señor, o teu Deus, te trouxo no colo, coma un home trae ao seu fillo, por todo o camiño que percorrestes ata chegardes a este lugar. 32Pero a pesar deste razoamento vós non vos fiastes do Señor, o voso Deus, 33quen ía por diante de vós polo camiño, para vos buscar sitio onde acampar, quen ía diante de vós de noite, no lume, para que vísedes o camiño por onde tiñades que marchar, e de día, na nube.

34O escoitar o Señor o rumor das vosas palabras, enfadouse, e con xuramento dixo: 35Ninguén destes homes, ninguén desta xeración pervertida verá esa terra bendita, que xurei darlles ós vosos pais, 36excepto Caleb, fillo de Iefuneh; este poderá vela e eu dareilles a el e ós seus fillos a terra que pise, xa que el seguiu sen reservas ao Señor.

37Pola vosa culpa tamén se enfadou o Señor contra min e díxome: Tampouco ti non entrarás alí. 38Xosué, o fillo de Nun, o teu criado, el será quen entrará alí; confiareille o poder, pois el será quen lle repartirá a Israel a terra en herdanza. 39Os vosos meniños, que coidabades que servirían de botín, os vosos fillos que hoxe aínda non saben distinguir o ben do mal, eles serán os que entrarán alí, a eles dareilles a terra e eles tomarán posesión dela. 40Vosoutros dade a volta e botádevos ao deserto na dirección do Mar Rubio.

41Entón vós repondéstesme nestes termos: Cometemos pecado contra o Señor. Imos subir e loitar tal como nolo mandou o Señor, noso Deus. Vós cinguistes as vosas armas de guerra e tivestes por cousa fácil subir ós montes.

42Pero o Señor díxome: Dilles isto: Non subades nin trabedes pelexa, ollade que eu non estou no medio de vós para que non vos poidan os vosos inimigos. 43Díxenvolo, pero non me fixestes caso, senón que vos rebelastes contra o mandato do Señor, e cheos de orgullo subistes ós montes. 44Pero os amorreos, que dominaban aquelas montañas, saíronvos ao paso e perseguíronvos o mesmo que o farían as abellas, e derrotáronvos desde Seir ata Hormah. 45O volverdes, puxéstesvos a chorar diante do Señor, pero o Señor non fixo caso do voso choro nin vos escoitou; 46por isto seguistes vivindo en Cadex tanto tempo como alí levabades vivindo.

 

 

 

CAPÍTULO 2

 

O paso por Edom, Moab e Amón

 

1Despois puxémonos ao camiño na dirección do Mar Rubio tal como mo dixera o Señor, e demos voltas ao monte Seir durante moito tempo. 2Logo o Señor díxome así: 3Xa está ben de dardes voltas a estes montes. Dirixídevos ao Norte. 4Dálle estas ordes ao pobo: Vós ides pasar as fronteiras dos vosos irmáns, os fillos de Esaú, que viven no Seir. Eles téñenvos medo, pero gardádevos ben 5de metervos con eles, xa que da súa terra non vos vou dar a vós nin sequera a pisada da planta do pé, senón que os montes de Seir deillos en herdanza a Esaú.

6A comida que ides comer, comprádellela a eles con prata, e a mesma auga que ides beber, comprádellela tamén con prata; 7pois velaí que o Señor, o teu Deus, te bendiciu en todas as túas empresas, tivo coidado de ti ao camiñares por este enorme deserto. Durante estes corenta anos, estivo contigo o Señor, o teu Deus, e nada che faltou. 8E ao saírmos de xunto ós nosos irmáns, os fillos de Esaú que vivían en Seir, deixando o camiño da Arabah, de Eilat e de Esion-Guéber, collemos a dirección do deserto de Moab.

9E o Señor díxome: Non ataques a Moab nin te metas en guerra con eles; mira que non che dou en herdanza nada do seu país, pois xa lles dei ós fillos de Lot en herdanza a cidade de Ar. 10Noutros tempos vivían alí os emitas, un pobo grande, numeroso e alto de estatura, igual cós anaquitas. 11(Todos coidan que os emitas eran refaítas coma os anaquitas, pero os moabitas chámanlles emitas. 12Tamén en Seir vivían noutros tempos os hurritas, pero os fillos de Esaú expulsáronos e botáronos de diante de si, establecéndose no seu lugar, o mesmo que fixo Israel co país que o Señor lle deu en herdanza). 13Agora, en marcha, e póndevos a atravesar o regato Zéred. E pasamos o regato Zéred.

14Trinta e oito anos foi o tempo que nos levou atravesar desde Cadex Barnea ata que pasamos o regato Zéred e ata que desapareceu do campamento toda aquela xeración de homes de guerra, tal como o Señor llelo xurara. 15Pois a man do Señor estaba clamorosamente contra eles para espantalos do medio do campamento ata que desaparecesen completamente.

 

Conquista en guerra santa do reino de Sihón

 

16Unha vez que todos os homes de guerra desapareceron, por iren morrendo no medio do pobo, 17faloume o Señor nestes termos: 18Ti, atravesa hoxe a fronteira de Moab, por Ar. 19Cando chegues á presenza dos fillos de Amón, non os ataques nin te metas con eles, xa que non che dou en herdanza nada do territorio dos fillos de Amón, pois xa llelo teño dado en herdanza ós fillos de Lot. 20(Este territorio tamén se considera territorio dos refaítas, pois noutros tempos viviron nel os refaítas, a quen os amonitas lles chaman zamzumitas: 21un pobo grande, numeroso e alto de estatura, o mesmo cós anaquitas. O Señor fíxoos desaparecer de diante dos amonitas, que os desposuíron para se estableceren no seu lugar. 22Foi o mesmo que fixo o Señor en favor dos fillos de Esaú, que viven en Seir, pois o Señor fixo desaparecer de diante dos fillos de Esaú ós hurritas, que os desposuíron e se estableceron no sitio ata o día de hoxe. 23Os avitas, que vivían nas bisbarras ata Gaza, os cretenses, que saíran de Creta, fixéronos desaparecer, para se estableceren no seu lugar.

24¡En pé! ¡En marcha! Cruzade o regato Arnón. Mira que che entrego no teu poder a Sihón, o amorreo, rei de Hexbón, e o seu territorio. Comeza e conquista, decláralle a guerra. 25O día de hoxe comezo a te converter no causante de temor e de terror ante a presenza dos pobos que hai debaixo de todo o firmamento; ao teren noticia do teu renome, poranse a tremer e escaparán da túa presenza.

26Logo eu, desde o deserto do Nacente, mandei mensaxeiros a Sihón, rei de Hexbón, con esta mensaxe de paz: 27Déixame pasar a través do teu país, ao longo do vieiro; irei polo vieiro sen virar nin á dereita nin á esquerda. 28Comerei a comida que me queiras vender a prezo de prata, e beberei a auga que me queiras dar, a cambio de prata. Déixame tan só pasar a pé, 29o mesmo que me deixaron os fillos de Esaú, que viven en Seir, e os moabitas que viven en Ar, ata que pase o Xordán para a terra que o Señor, o noso Deus, nos vai entregar.

30Sihón, o rei de Hexbón, non nos quixo deixar pasar por xunto del, xa que o Señor, o teu Deus, volveu terco o seu espírito e duro o seu corazón, para entregarcho na túa man, tal como hoxe está. 31Entón o Señor díxome: Olla, eu comecei por entregarche a Sihón e a súa terra. Ti comeza por recibir en herdanza o seu país.

32Entón Sihón saíunos ao encontro en plan de guerra a Iahsah, el e mais o seu pobo. 33E como o Señor, o noso Deus, nolo entregou á nosa vontade, derrotámolo a el, a seus fillos, e a todo o seu pobo. 34E naquel intre conquistamos todas as súas cidades, consagrando ao exterminio cada cidade: homes, mulleres e meniños, e sen deixarmos sobreviventes. 35Soamente deixamos para nós como botín os animais e os espolios das cidades que conquistaramos. 36Desde Aroer, que está na beira do río Arnón, e desde a cidade que está no val, ata Galaad, non houbo cidade que se nos resistise. O Señor, o noso Deus, entregáranolas todas elas, á nosa vontade. 37Soamente non te achegaches ao país dos amonitas, a todo o longo do val do Iaboc e ás cidades da montaña, e a todo o que o Señor, o noso Deus, che prohibira.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

Guerra santa e conquista do reino de Og en Baxán

 

1Logo nós volvemos para subir camiño de Baxán, cando Og, o rei de Baxán, nos saíu ao encontro en Edrei en plan de guerra, el e todo o seu exército. 2Entón díxome o Señor: Non lles teñas medo, xa que chos puxen na túa man, a el, a todo o seu exército e o seu país; e has de lles facer o mesmo que lle fixeches a Sihón, o rei dos amorreos, que reinaba en Hexbón. 3Deste xeito, o Señor, o noso Deus, tamén nos entregou nas nosas mans a Og, rei de Baxán, e a todo o seu exército, e derrotámolo ata non deixarlle sobrevivente. 4Daquela, apoderámonos de todas as súas cidades, sen que quedase ningunha que non lla tomásemos. Sesenta cidades de toda a comarca de Argob, eran o reino de Og en Baxán. 5Todas estas cidades estaban fortificadas con altos muros, porta dobre e trancas, sen contar as cidades de abundante poboación perizita desde antigo. 6Consagrámolas ao exterminio, o mesmo que fixeramos con Sihón, rei de Hexbón; consagramos cada unha das cidades: a homes, mulleres e meniños; 7deixamos para nós todos os animais e o botín destas cidades.

8Entón, arrebatámoslles a dous reis amorreos do outro lado do Xordán este territorio: desde o río Arnón ata o monte Hermón. 9(A xente de Sidón chámalle Sirion ao Hermón, mentres que os amorreos lle chaman Senir). 10Todas as cidades da Chaira e todo o Galaad e todo o Baxán ata Salcah e Edrei, eran cidades do reino de Og en Baxán.11(Og, o rei de Baxán, era o único que quedaba do resto dos refaítas: ¡Velaí o seu sartego!, o sartego de bronce que hai en Rabat dos amonitas; ten nove cóbados de longo por catro de ancho medido en cóbados ordinarios).

12Ata entón, tomaramos posesión de todo este territorio.

 

Reparto entre as tribos da Transxordania

 

Entregueilles aos rubenitas e gaditas a metade da montaña de Galaad e mais as súas cidades, desde Aroer, que se atopa á beira do río Arnón. 13A metade da tribo de Menaxés entregueille o resto de Galaad e todo o Baxán, toda a rexión de Argob, que fora o reino de Og. (A toda esta rexión de Baxán, chámanlle país dos refaítas).

14Iaír, o fillo de Menaxés, recibiu toda a rexión de Argob ata as fronteiras dos guexurritas e dos macateos, e ata o día de hoxe estes habitantes chamáronse co seu nome, e a Baxán chamóuselle Tendas de Iaír. 15A Maquir entregueille o Galaad. 16Os rubenitas e ós gaditas entregueilles desde Galaad ata o río Arnón, servindo de fronteira o medio do río, e ata o río Iaboc, a fronteira dos amonitas. 17E ademais a estepa que ten o Xordán por fronteira, desde Xenesaret ata o mar da estepa, isto é, ata o mar Morto e ao Nacente onde está, augas abaixo, a liña divisoria de augas do Pisgah.

 

Ordes de Moisés para preparar a invasión da Cisxordania

 

18Daquela deivos estas ordes: O Señor, o voso Deus, entregouvos este país en posesión, pero vós, soldados, e todos os homes útiles para a guerra, pasaredes diante dos vosos irmáns israelitas. 19Soamente as vosas mulleres, os vosos meniños e os vosos rabaños ‑pois eu sei que tendes moitos rabaños‑ quedarán nas vosas cidades, nas que vos acabo de dar, 20ata que o Señor, o voso Deus, faga descansar ós vosos irmáns, como vos fixo a vós, e ata que tamén eles tomen posesión da terra que o Señor, o voso Deus, lles vai dar ao outro lado do Xordán. Entón cada un de vós poderá volver á súa posesión, a que eu vos dei.

 

Súplica de Moisés: O don da terra

 

21Entón deille estas ordes a Xosué: Ti viches cos teus propios ollos todo o que o Señor, o voso Deus, lles fixo a eses dous reis, o mesmo lles fará o Señor a todos os reinos nos que ti vas entrar. 22Non lles teñades medo, pois o Señor, o voso Deus, estará comprometido na guerra ao voso favor.

23Entón eu fíxenlle ao Señor esta súplica: 24¡Meu Señor, Deus! Ti comezaches por permitirlle ao teu servo ver a túa grandeza e a túa man forte, ¿que deus pode haber no ceo ou na terra, que faga as mesmas obras ca ti, ou teña o mesmo poder? 25Permíteme que eu poida cruzar para ver esa boa terra que está da outra banda do Xordán, esa boa montaña e o Líbano. 26Pero enfadouse o Señor contra min pola vosa culpa e non me fixo caso, senón que me dixo: ¡Xa abonda! Non sigas falándome nestes termos. 27Sube ao cume do Pisgah, e levanta a vista cara ao Occidente e cara ao Norte, cara ao Sur e cara ao Nacente: olla cos teus ollos, pois ti non cruzarás o Xordán que aí tes. 28Dálle ordes a Xosué: anímao e infúndelle valentía, xa que el será o que cruzará á fronte deste pobo e quen lle dará en herdanza esta terra que ti estás vendo. 29Logo quedamos no val diante de Bet Peor.

 

 

 

CAPÍTULO 4

 

A Lei, don de Deus, é fonte de sabedoría e de vida

 

1E agora, Israel, escoita as leis e decretos que eu vos ensino a cumprir para que vivades, entredes e tomedes posesión da terra que o Señor, Deus dos vosos pais, vos entrega. 2Non engadades nada ás palabras dos mandamentos que eu vos ordeno, nin lles quitedes nada, cumprindo as ordes do Señor, o voso Deus, que eu vos impoño. 3Os vosos ollos viron o que o Señor fixo en Baal Peor: a todo home que se foi tras do Baal de Peor, o Señor, o teu Deus, exterminouno do medio de ti, 4mentres que todos vós, que vos apegastes ao Señor, o voso Deus, seguides vivos o día de hoxe.

5Velaí que, tal e como o Señor, o meu Deus mo mandara facer, vos ensinei mandamentos e preceptos, para que obrásedes conforme eles dentro da terra onde ides entrar para tomardes posesión dela.

6Observádeos e poñédeos en práctica, pois isto será a vosa pericia e a vosa sabedoría ós ollos dos pobos. Estes, ao escoitaren todos estes mandamentos, dirán: esta gran nación é o pobo máis experto e máis sabio, 7pois, ¿que gran nación ten os seus deuses tan cerca de si como está o Señor, noso Deus, sempre que o invocamos? 8E ¿que gran nación ten mandamentos e preceptos tan xustos coma esta lei que hoxe eu vos propoño? 9Pero ti ten moito coidado de ti, ten coidado coa túa vida, de non esqueceres cousas que viron os teus ollos e de que non se che aparten do teu corazón todos os días da túa vida. Cóntallelas a teus fillos e a teus netos.

 

Condescendencia de Deus na comunicación da súa Alianza e dos seus

mandamentos

 

10O día que estiveches no Horeb na presenza do Señor, o teu Deus, o Señor díxome: Xúntame en asemblea a este pobo, e fai que escoite as miñas palabras, para que aprendan a respectarme todos os días que vivan nesa terra e para que llelas aprendan a seus fillos. 11Entón vós achegástesvos e quedastes ao pé da montaña, e o monte resplandecía cunha lumarada que chegaba ao mesmo corazón do ceo, con escuridade, con nube e con espesos negróns. 12Entón o Señor falouvos desde o medio da lumarada. Vós oïades o son das palabras, pero non percibiades ningunha figura, soamente a voz. 13El manifestouvos a súa alianza coa que vos obrigaba a cumprir os dez mandamentos; si, escribiunos en dúas lousas de pedra. 14Entón a min mandoume o Señor que vos ensinase os mandamentos e decretos, para que os puxésedes en práctica na terra na que  iades entrar para tomardes posesión dela.

15Tende moito coidado con vós mesmos, que, o día que o Señor vos falou no Horeb desde o medio da lumarada, non vistes ningunha figura. 16Non vos pervertades fabricando para vós ningún ídolo da forma de calquera divindade: imaxe masculina ou feminina, 17imaxe de calquera animal que hai no abismo, imaxe de calquera paxaro alado que voa no ceo, 18imaxe de calquera réptil do chan, imaxe de calquera peixe que hai nas augas de debaixo da terra.

19E cando levantes os ollos cara ao ceo e contemples o sol, a lúa e as estrelas, todas as constelacións celestes, non te deixes seducir, adorándoos nin dándolles culto, pois o Señor, o teu Deus, repartiunos entre todos os pobos que hai de debaixo de todo o ceo. 20Pero a vosoutros o Señor colleuvos e sacouvos do forno do ferro, de Exipto, para constituírvos no que o día de hoxe sodes, o pobo da súa herdanza.

 

A Alianza do Deus celoso e as testemuñas da Alianza

 

21O Señor enfadouse contra min pola vosa culpa, e xurou que eu non cruzaría o Xordán nin entraría nesa bendita terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza. 22Si, eu vou morrer nesta terra, sen poder cruzar o Xordán, mentres que vosoutros cruzarédelo e tomaredes posesión desa bendita terra. 23Tende coidado, non vos esquezades da alianza do Señor, o voso Deus, a que el pactou convosco, nin vos fagades ídolos da figura de calquera cousa, porque cho prohibiu o Señor, o teu Deus; 24pois o Señor, o teu Deus, é lume que devora, é un Deus celoso.

25Cando teñas fillos e netos e te fagas vello nesa terra, se te pervertes facendo ídolos da figura de calquera cousa e facendo o que está mal ós ollos do Señor, o teu Deus, enfadándoo deste xeito, 26poño hoxe por testemuñas contra vós o ceo e mais a terra: desapareceredes axiña da terra á que ides pasar cruzando o Xordán para tomardes posesión dela; non alongaredes os vosos días sobre ela, senón que desaparecederes completamente. 27O Señor esparexeravos por entre as nacións e soamente uns poucos quedaredes entre os pobos a onde o Señor vos levará. 28Aló adoraredes deuses, feitos por mans humanas, pau e pedra que nin ven nin oen, nin comen nin olen. 29Pero desde alí buscaredes o Señor o teu Deus, e atoparalo, se o buscas con todo o teu corazón e con toda a túa alma. 30Cando, ao cabo de certos días, todas estas maldicións te cerquen e che veñan enriba, volveraste ao Señor, o teu Deus, e escoitarás a súa voz, 31pois o Señor, o teu Deus, é un Deus compasivo: non te abandonará nin te destruirá nin esquecerá a Alianza que con xuramentos lles prometeu a teus pais.

32Si, pregúntalles ós tempos antigos, que houbo antes de ti desde o día en que Deus creou a humanidade sobre a terra, e desde un cabo do ceo ata o outro cabo do ceo: ¿Houbo algo tan grande coma isto ou oíuse algo semellante? 33¿Escoitou algún pobo a voz de Deus falándolle desde o medio do lume, tal coma ti a escoitaches, e seguiches vivindo? 34¿Ou intentou algún deus vir coller para si unha nación do medio doutros pobos, con castigos, con sinais e prodixios, con guerra, con man forte e brazo estendido, con terrores grandes, de maneira semellante a todo o que o Señor, o voso Deus, fixo no voso favor en Exipto ós teus propios ollos?

35A ti fíxoche ver todo isto para que saibas que o Señor é o teu Deus, que fóra del non hai outro. 36Desde o ceo fíxoche escoitar a súa voz para instruírte, e sobre a terra fíxoche ver a súa gran luminaria para que escoitases as palabras que saían do medio do lume, 37e seguiches vivo diante del. Amou a teus pais e escolleu a súa descendencia despois deles, e por isto fíxote saír de Exipto na súa presenza coa súa gran forza, 38para desposuír diante túa a pobos máis grandes e poderosos ca ti, para facerte entrar e darche en posesión a súa terra, tal como hoxe sucede. 39Recoñéceo hoxe e dálle voltas no teu corazón: o Señor é Deus, arriba no ceo e abaixo na terra, e que non hai outro. 40Garda os seus mandatos e leis que eu mando hoxe: serache bo para ti e para teus fillos despois de ti, e alongarás os teus días sobre a terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar para sempre".

 

Apéndice histórico: as cidades de refuxio na Transxordania

 

41Entón separou Moisés tres cidades ao outro lado do Xordán, ao Nacente do sol, 42para se refuxiaren alí os homicidas por mataren ao seu próximo sen querer e sen odialo de véspera nin de antevéspera; refuxiándose nunha desas cidades, vivirá. 43Para os rubenitas, separou Béser no deserto, na terra cha; para os Gaditas, Ramot, en Galaad; e para os menaxitas, Golán, en Baxán.

44Esta é a Lei que lles propuxo Moisés ós fillos de Israel. 45Estas son as normas, preceptos e decretos que lles promulgou Moisés ós fillos de Israel, cando saíron de Exipto. 46Foi no outro lado do Xordán, no val que está fronte a Bet Peor, no país de Sihón, rei amorreo, quen reinaba en Hexbón. A Sihón venceuno Moisés e mais os fillos de Israel, cando saían de Exipto, 47e tomaron posesión do seu país e do territorio de Og, rei de Baxán (os dous reis amorreos que vivían do outro lado do Xordán): polo Nacente do sol, 48desde Aroer, que está na ribeira do Arnón, ata o monte Sión, isto é, o Hermón, 49e mais toda a Arabah do outro lado do Xordán cara ao Nacente, e ata o mar da Arabah debaixo das ladeiras do río Pisgah.

 

 

 

SEGUNDO DISCURSO

 

CAPÍTULO 5

 

I. REFLEXIÓN TEOLÓXICA

 

A revelación do Señor á Asemblea de Israel no Horeb

 

1Moisés convocou a todo Israel e díxolle:

‑"Escoita, Israel, estes mandatos e decretos que eu promulgo ós vosos oídos neste día, para que os aprendades e coidedes de os pór en práctica.

2O Señor, o noso Deus, fixo unha alianza connosco no Horeb; 3non foi cos nosos pais, con quen o Señor fixo esta alianza, senón connosco, estes que hoxe estamos aquí, todos nós, vivos. 4Cara a cara falou o Señor convosco na montaña desde o medio do lume. 5Eu estaba entre o Señor e vós naquel intre, para darvos a coñecer a palabra do Señor, xa que vós lle tiñades medo á presenza do lume, e non quixestes rubir á montaña. Velaí o que dixo:

6Eu son o Señor, o teu Deus, que te fixen saír do país de Exipto, da opresión dos escravos.

7Non terás outros deuses na miña presenza.

8Non farás para ti imaxe esculpida, que represente nada do que hai arriba no ceo, nin abaixo na terra, nin na auga de debaixo da terra. 9Non te prostrarás en adoración diante delas nin te someterás á escravitude no culto a elas, xa que eu son o Señor, o teu Deus, Deus celoso: para os que me aborrecen, castigo o delito dos pais nos descendentes ata a terceira e cuarta xeración; 10pero practico misericordia benfeitora por mil xeracións cos que me aman e gardan os meus mandamentos.

11Non invocarás o nome do Señor, o teu Deus, en van, pois non deixará o Señor sen castigo ao que invoque en van o seu nome.

12Reserva o día do sábado para santificalo, segundo cho mandou o Señor, teu Deus. 13Traballa e cumpre toda a túa misión durante seis días, 14pero o día sétimo é sábado, o descanso para o Señor, o teu Deus. Non farás ningún traballo, nin ti nin o teu fillo nin a túa filla, nin o teu criado nin a túa criada, nin o teu boi nin o teu burro, nin ninguén dos teus animais, nin o estranxeiro que está nas túas cidades; deste xeito, descansarán o teu servo e mais a túa serva o mesmo ca ti. 15Lémbrate de que fuches servo no país de Exipto e de que te sacou de alí o Señor o teu Deus con man forte e brazo estendido. Por isto mandouche o Señor o teu Deus que observases o día de descanso sabático.

16Honra a teu pai e túa nai, tal como cho mandou o Señor, o teu Deus, para que se alonguen os teus días e atopes a felicidade na terra, que o Señor o teu Deus che vai dar.

17Non mates.

18Non cometas adulterio.

19Non roubes.

20Non deas testemuño falso contra o teu próximo.

21Non desexes ter a muller do teu próximo; non cobices a casa do teu próximo, nin a súa terra, nin o seu servo nin a súa serva, nin o seu boi nin o seu burro, nin nada do que lle pertence ao teu próximo.

22Estes mandamentos ditoullos o Señor con forte voz a toda a vosa asemblea na montaña, desde o medio do lume, da nube e do escuro nubrado. Non engadiu máis nada, senón que os escribiu en dúas lousas de xisto, e entregoumos a min.

 

A mediación de Moisés na promulgación da Lei

 

23Pero cando escoitastes esta voz que saía do medio do nubrado e cando a montaña ardía en labarada, achegástesvos xunto a min, todos vós, xefes de tribos e anciáns 24e dixéstesme: Velaí que o Señor, o noso Deus, mostrounos a súa gloria e a súa grandeza: escoitámolo falar desde o medio do lume. Hoxe vimos que Deus lle pode falar ao home, e este pode seguir vivo; 25pero agora, ben certo que morreremos. Seguro que nos devorará esa grande labarada, se seguimos nós escoitando de novo a voz do Señor, o noso Deus. Si, morreremos, 26pois un que sexa todo el carne e que escoite a voz do Deus vivo falándolle desde o medio do lume, ¿como poderá seguir vivo? 27Acércate ti e escoita todo o que diga o Señor, o noso Deus, e logo ti dirasnos todo o que che diga o Señor, o noso Deus, e nós escoitarémolo e porémolo en práctica.

28Pero o Señor escoitou as vosas palabras mentres me falabades, e logo díxome o Señor: Escoitei as palabras que che falou este pobo. Está ben todo o que che dixeron. 29¡Quen me dera que tivesen un corazón deste xeito, para respectarme a min sempre e para gardaren todos os meus preceptos, e para deste xeito seren felices sempre, eles e os seus fillos! 30Vai e dilles: Volvédevos ás vosas tendas. 31Pero ti, queda aquí comigo, que che vou ditar eu mesmo  todos os mandamentos e preceptos e ordes que lles ensinarás a eles para que os poñan en práctica no país do que lles vou dar posesión.

32Tende, pois, coidado de pólos en práctica tal como volo mandou a vós o Señor, o noso Deus. Non vos desviedes nin á dereita nin á esquerda. 33Seguide todo o camiño que vos mandou o Señor, voso Deus, e deste xeito viviredes, seredes felices e alongaredes os días que recibiredes en herdanza.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com