Capítulos 21-25

CAPÍTULO 21

 

Ritual de expiación do sangue vertido por un descoñecido

 

1Se aparecese un home apuñalado na terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar en posesión ‑un que caeu morto no descampado e non se sabe quen o matou‑, 2sairán os teus anciáns e os teus xuíces, e medirán a distancia que hai ás cidades que haxa preto do apuñalado. 3Verán cal é a cidade máis próxima ao apuñalado e os anciáns desa cidade collerán unha xovenca coa que non se traballou nin se puxo ao xugo; 4logo os anciáns desa cidade farán baixar a xovenca ata un río de auga perenne, onde non se cultive nin se semente, e descrocarán alí a xovenca no río. 5Os sacerdotes, fillos de Leví, aproximaranse, pois escolleunos o Señor, o teu Deus, para servilo, para bendicir no Nome do Señor e para que calquera litixio e calquera caso de morte se resolva coa súa declaración; 6e os anciáns desa cidade, os que están cerca do apuñalado, lavarán as súas mans sobre a xovenca descrocada no río, 7e declararán deste xeito: As nosas mans non verteron este sangue, os nosos ollos non viron nada. 8Perdoa o teu pobo Israel, a quen ti redimiches, Señor, e non deixes que o sangue inocente siga estando no medio do teu pobo Israel. Deste xeito, o sangue vertido quedaralles expiado. 9Ti aparta do medio de ti o sangue inocente vertido; si, fai o que é recto ós ollos do Señor.

 

O matrimonio cunha cativa de guerra

 

10Cando saias á guerra contra o teu inimigo e o Señor, o teu Deus, cho entregue no teu poder e o leves cativo, 11se ves entre os presos unha muller de fermosa figura e atopas compracencia nela e a queres coller como muller, 12entón farala entrar dentro da túa casa; ela rapará a súa cabeza e axeitará as súas uñas, 13quitará o vestido da súa escravitude e vivirá na túa casa; logo fará dó por seu pai e por súa nai durante os días dunha lunación; e despois disto uniraste a ela, casarás con ela e será a túa muller. 14Pero se despois resulta que non atopas compracencia nela, déixaa marchar á súa vontade, pero vender non a vendas por diñeiro. Non a maltrates, despois que a posuíches.

 

O dereito de primoxenitura

 

15Se un home ten dúas mulleres, unha benquerida e outra desdeñada, e a benquerida e mais a desdeñada lle dan fillos, pero o fillo primoxénito é da desdeñada, 16o día que reparta toda a súa herdanza, todo o que ten, entre os seus fillos, non poderá constituír primoxénito o fillo da benquerida contra o dereito do fillo da desdeñada, que é o primoxénito; 17senón que ha de recoñecer como primoxénito o fillo da desdeñada dándolle parte dobre en todo o que lle pertenza, pois el é a primicia do poder xerador do pai: a el perténcelle o dereito de primoxenitura.

 

Pena de morte para o fillo rebelde

 

18Se un home tivese un fillo rebelde e bebedor que nin fai caso de seu pai nin de súa nai, pois aínda que o corrixan non lles fai caso, 19collerano o seu pai e a súa nai e sacarano fóra perante os anciáns da súa cidade, ás portas do seu lugar. 20Diranlles ós anciáns da súa cidade: Este fillo noso é un rebelde e un borracho, non nos fai caso, é un comellón e un borracho. 21Logo apedrarano a cantazos todos os homes da súa cidade e morrerá. Deste xeito apartarás o mal do medio de ti, e todo Israel escoitarao e collerá medo.

 

O cadáver colgado dunha árbore

 

22Se un home tivese un pecado castigado coa pena de morte e hai que lle dar morte, colgaralo dunha árbore. 23O seu cadáver non pasará a noite colgado na árbore, senón que o has de enterrar no mesmo día, pois o colgado é unha maldición de Deus, e non debes volver impura a terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza.

 

 

 

CAPÍTULO 22

 

Respecto ós bens do próximo

 

1Has de mirar polo boi de teu irmán ou polo seu carneiro extraviados; aínda que ti te queiras ocultar por causa deles, has de llos devolver sen demora a teu irmán. 2Se teu irmán non está cerca de ti ou ti non o coñeces, recollerás o animal dentro da túa casa, e estará contigo ata que teu irmán o busque, e entón devolverasllo a el. 3E o mesmo farás co seu burro, co seu vestido e con calquera obxecto perdido de teu irmán; se se lle perde e ti o atopas, non poderás desentenderte.

4Si, has de ollar polo burro de teu irmán ou polo seu boi caídos no camiño, aínda que queiras desentenderte deles, has de axudar a teu irmán a levantalos.

 

O travestismo

 

5A muller non porá sobre si cousas de home, e o home non vestirá vestido de muller, pois todo aquel que fai estas cousas é abominación para o Señor, o teu Deus.

 

Outras leis

 

6Se atopas un niño de paxaros diante de ti no camiño, en calquera árbore ou no chan, con paxariños ou con ovos, e a nai está acochada sobre os paxariños ou sobre os ovos, non collerás a nai que está sobre os seus fillos. 7Deixarás escapar a nai e collerás para ti os seus fillos, para que sexas feliz e alongues os teus días.

8Se constrúes unha casa nova, farás unha varanda na azotea, dese xeito non cargarás co sangue vertido na túa casa, se morre o que caia dela.

9Non has de sementar na túa viña dúas cousas; se non, quedará consagrado todo o froito: a semente que sementes e o produto da viña.

10Non ares con boi e con burro aparellados.

11Non te has de vestir con roupa de picote, la e liño xuntos.

12Has de pór borlas nas catro puntas do manto co que te tapas.

 

Delitos contra o matrimonio

a) As probas da virxindade

 

13Se un home casa cunha muller e, despois de se unir a ela, non a quere 14e lle atribúe cousas vexatorias, facendo que se estenda contra ela mala sona dicindo: Casei con esta muller, e cando me acheguei a ela, non atopei nela a virxindade, 15entón o pai da rapaza e súa nai han de coller as probas da virxindade da rapaza e levaranas perante os anciáns da cidade, ás portas da cidade, 16e o pai da rapaza diralles ós anciáns: Deille miña filla a este home como muller, pero el ódiaa, 17e velaí que lle atribúe cousas vexatorias, dicindo: Non atopei na túa filla a virxindade; pero estas son as probas da virxindade da miña filla, e estenderá o pano diante dos anciáns da cidade. 18Os anciáns da tal vila arrastrarán o marido para castigalo, 19imporanlle unha multa de cen siclos de prata, e daranllos ao pai da rapaza, xa que aquel estendeu mala sona sobre unha virxe de Israel. Ela será a súa muller, sen que el a poida despedir en todos os días da súa vida.

20Pero se o asunto este fose verdade e non se atopasen probas de virxindade en favor da rapaza, 21farán saír a rapaza á porta da casa de seu pai e os homes da cidade apredrarana a cantazos, e morrerá, pois cometeu unha infamia en Israel, entregándose á prostitución na familia de seu pai. Deste xeito apartarás a maldade do medio de ti.

 

b) Adulterio de casados

 

22Se se atopa un home deitado cunha muller casada con outro, morrerán eles os dous: o home que se deita coa muller casada e mais a tal muller. Deste xeito apartarás de Israel a maldade.

 

c) Violación dunha prometida

 

23Se hai unha rapaza virxe prometida en matrimonio a un home, e outro home a atopa na cidade e se deita con ela, 24entón sacaredes os dous ás portas da tal cidade e apedrarédelos a cantazos, e morrerán: a rapaza polo feito de non pedir auxilio na cidade, e o home polo feito de se aproveitar da muller do seu próximo. Deste xeito apartarás do medio de ti a maldade. 25Pero se o home atopase no campo a rapaza prometida en matrimonio e lle fixese violencia para deitarse con ela, entón morrerá só o home que se deitou con ela, 26pero á rapaza non lle farás nada; non é responsable a rapaza de pecado que mereza a morte, porque este caso é o mesmo que se un home se ergue contra o seu próximo e lle quita a vida, 27pois foi no campo onde a atopou; a rapaza prometida pediu auxilio, pero non houbo quen a axudase.

 

d) Violación dunha virxe non prometida

 

28Se un home atopa unha rapaza virxe que aínda non se prometeu, e se apodera dela e dorme con ela, pero son sorprendidos, 29entón o home que se deitou con ela daralle ao pai da rapaza cincuenta siclos de prata, e ela será muller del despois que a posuíu. Non poderá este despedila en todos os seus días.

 

 

 

CAPÍTULO 23

 

e) Incesto

 

1Un home non pode casar cunha muller do pai, nin poderá retirar a punta do manto de seu pai.

 

Persoas excluídas da asemblea cúltica

 

2O castrado por esmagamento e o que ten o pene cortado non entrarán na asemblea do Señor.

3O bastardo non entrará na asemblea do Señor; aínda que sexa a súa décima xeración, non entrará na asemblea do Señor.

4O amonita e mais o moabita non entrarán na asemblea do Señor; aínda que sexa a décima xeración, non entrará na asemblea do Señor endexamais, 5polo feito de que non vos saíron ao encontro con pan e auga ao voso camiño, cando saístes de Exipto, e polo feito de que alugaron contra vós a Balaam, fillo de Beor, natural de Petor en Mesopotamia, para maldicirte. 6Pero o Señor, o teu Deus, non quixo facerlle caso a Balaam, e o Señor, o teu Deus, cambiou no teu favor a maldición en bendición, pois queríate o Señor, o teu Deus. 7Non procures a súa fartura nin a súa prosperidade durante todos os teus días, xamais.

8Non consideres abominable o edomita, pois é teu irmán. Non consideres abominable o exipcio, pois ti fuches emigrante no seu país. 9Os fillos que lles nazan, na terceira xeración, entrarán na asemblea do Señor.

 

Pureza do campamento militar

 

10Cando saias de acampada na loita contra os teus inimigos, gárdate ben de calquera cousa mala. 11Se algún home dos teus non está puro por mor dalgún incidente nocturno, que saia do campamento: non poderá entrar no campamento. 12A caída da tarde lavarase con auga e ao porse o sol, poderá entrar no campamento. 13Mexarás fóra do campamento, e fóra sairás tamén a defecar. 14Co teu equipamento terás unha estaca, e cando vaias anicarte para defecar, cavarás con ela, anicaraste e logo taparás o teu excremento, 15pois o Señor, o teu Deus, anda camiñando polo medio do teu campamento, para salvarte e para entregarche á túa disposición os teus inimigos. Por isto o teu campamento estará consagrado, de xeito que o Señor non vexa en ti cousa de que avergoñarse, e non deixe de seguir estando detrás de ti.

 

O servo fuxitivo

 

16Non entregues ao seu amo o servo que escapou de par del para onda ti; 17contigo vivirá no medio de ti, no lugar que escolla nunha das túas cidades, onde estea feliz. Non o oprimirás.

 

A prostitución sagrada

 

18Non haberá prostituta sagrada entre as fillas de Israel nin prostituto sagrado entre os fillos de Israel.

19Non entrará na casa do Señor, o teu Deus, salario de prostituta sacra, nin paga de prostituto sacro, para cumprir calquera promesa, pois tanto o un coma a outra son abominación para o Señor, o teu Deus.

 

Préstamo con interese

 

20Non lle prestes con interese a teu irmán: nin empréstito de cartos, nin de comida, nin de calquera cousa que se poida emprestar. 21O estranxeiro prestaraslle con intereses; a teu irmán non lle podes emprestar con intereses, para que o Señor, o teu Deus, te bendiga en todas as túas empresas, no país onde vas entrar a tomar posesión del.

 

O cumprimento dos votos

 

22Cando fagas un voto ao Señor, o teu Deus, non demores en cumprilo, porque o Señor, o teu Deus, reclamaracho a ti e será un pecado para ti. 23Pero se deixas de facer votos, non será pecado para ti.

24Vixía o que sae dos teus labios, para o poñeres en práctica tal como llo prometiches ao Señor, o teu Deus, en ofrenda espontánea, que pronunciaches coa túa boca.

 

A comida do descoñecido que pasa

 

25Cando entres na viña do teu próximo, come uvas. ¡Si, farta a túa gorxa! Pero non poñas nada na túa cesta. 26Cando entres nos eidos  do teu próximo, podes arrincar espigas coa túa man, pero a fouce non a movas no pan  do teu próximo.

 

 

 

CAPÍTULO 24

 

Prohibición de volver a casar coa mesma muller que se repudiou

 

1Se un home colle muller e casa con ela, pero logo, se ela non atopa amor ós seus ollos, xa que el encontrou nela cousas que o fan avergoñarse, entón escribiralle o documento de repudio e entregarallo na man botándoa da casa. 2Entón se ela sae da casa del e vai e volve ser muller doutro home; 3se estoutro home non a quere e lle escribe o documento de repudio entregándollo na man e despedíndoa da casa, ou se morre estoutro home que casou coa muller, 4o primeiro marido, o que a despediu, non poderá volver collela para que sexa a súa muller, despois que ela se volveu impura. Si, isto sería unha abominación na presenza do Señor, e non podes encher de pecados o país que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza.

 

Leis de protección social

 

5Se un home hai pouco que casou coa muller, non sairá co exército, nin se irá á casa del por calquera cousa; estará libre durante un ano na súa casa e gozará coa muller coa que casou.

6Non se collerán como fianza as dúas pedras do muíño, e nin sequera a moa, pois colleríase en fianza unha vida.

7Se acontece que un home secuestra a outro de seus irmáns entre os fillos de Israel, e o vende despois de maltratalo, o secuestrador ha de morrer. Deste xeito retirarás a maldade do medio de ti.

8Precavédevos das chagas da lepra, poñendo moita atención e cumprindo todo o que vos ensinen os sacerdotes levitas. Estade atentos a facer tal como eu llelo mandei. 9Lembrádevos do que o Señor, o teu Deus, lle fixo a María polo camiño, cando saístes de Exipto.

10Cando lle emprestes ao teu próximo calquera cousa, non entres na súa casa a collerlle fianza: 11has de esperalo fóra, e que o home a quen ti lle emprestaches, che saque a fianza fóra. 12Se fose un pobre, non te deites na súa fianza: 13has de lle devolver a fianza ao pórse o sol, e deste xeito deitarase cuberto co seu manto e bendicirate, e ti terás na presenza do Señor, o teu Deus, unha obra xusta.

14Non explotarás o xornaleiro, oprimido e pobre, sexa un dos teus irmáns ou un dos emigrantes que hai no teu país, nas portas das túas cidades. 15No seu día entregaraslle o seu xornal, de xeito que non se poña o sol sobre ese xornal, pois el é un oprimido e está arelando o seu xornal; non sexa que chame ao Señor contra ti e o  feito che sexa pecado.

16Non se condenará á morte os pais por culpa dos fillos, nin se condenará á morte os fillos por culpa dos pais: condenarase á morte a cada un polo seu pecado.

 

Leis en favor dos pobres

 

17Non estorbarás o xusto xuízo do emigrante nin do orfo, nin collas en fianza o vestido dunha viúva. 18Lémbrate de que fuches servo en Exipto e de que o Señor, o teu Deus, te rescatou de alí. Por isto eu che mando que poñas en obra esta lei.

19Se segas a túa anada no teu campo e esqueces un monllo, non deas a volta para collelo: será para o emigrante, para o orfo e para a viúva, a fin de que o Señor, o teu Deus, te bendiga en todas as obras da túa man.

20Se vareas a túa oliveira, non varees de segundas as ramas verdes: o que quede será para o emigrante, para o orfo e para a viúva.

21Se vendimas a túa viña, non rebusques de segundas: o rebusco será para o emigrante, para o orfo e mais para a viúva. 22Así lembraraste de que fuches servo no país de Exipto. Por isto eu che mando que poñas en obra esta lei.

 

 

 

 

CAPÍTULO 25

 

1Cando haxa un preito entre dous homes, hanse de chegar ao tribunal dos xuíces que os han de xulgar, e declararán xusto o inocente, condenarán o culpable. 2Se o xuíz decreta castigar con golpes o culpable, farao azoutar na súa presenza en número proporcional á culpabilidade. 3Poderá castigalo con corenta azoutes, nada máis, non sexa que o continúen azoutando por enriba deste número, e a ferida sexa excesiva e teu irmán quede humillado na túa presenza.

4Non lle porás bozo ao boi cando trille.

 

A lei do levirato

 

5Se dous irmáns viven xuntos, e morre un deles sen fillos, a muller do defunto non será para un home alleo, non sairá para fóra da familia; o seu cuñado irá xunto dela e colleraa coma muller súa, e cumprirá con ela o seu deber de cuñado. 6O primoxénito que ela dea a luz, constituirao el á fronte da familia de seu irmán defunto; deste xeito a familia deste non desaparecerá de Israel.

7Pero se ao home non lle gusta casar coa cuñada, a cuñada subirá ás portas da cidade a onda os anciáns, e declarará: O meu cuñado rexeita a seu irmán, a súa familia en Israel, non quere cumprir no meu favor os seus deberes de cuñado. 8Os anciáns da cidade citarano e diranllo; el comparecerá, e, se lles di: non quero collela, 9entón a súa cuñada acercarase a el en presenza dos anciáns e desataralle a sandalia do seu pé, cuspiralle na cara, e logo tomará ela a palabra e dirá: Así se lle fai ao home que non quere construír a casa de seu irmán. 10A súa familia chamarase en Israel: a casa do da sandalia desatada.

 

Golpe prohibido nas liortas

 

11Se dous homes pelexan, un e mais o seu irmán, e a muller dun deles se arrima para librar o seu marido da man de quen lle está batendo, se ela mete a súa man e agarra forte o outro polas súas vergoñas, 12entón cortaraslle a ela a man; os teus ollos non terán compaixón.

 

Legalidade no comercio

 

13Non terás no teu saco dúas pesas de pedra distintas: unha máis grande e outra máis pequena. 14Non terás na túa casa dous ferrados distintos: un grande e outro pequeno. 15Has de ter pesas de bo peso e trato xusto; has de ter ferrado de boa medida e trato xusto, para que se multipliquen os teus días sobre a terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar. 16Pois todo aquel que fai estas cousas, todo o que comete inxustiza, é unha abominación para o Señor, o teu Deus.

 

Contra os amalequitas

 

17Lémbrate do que che fixo Amaleq no camiño, cando saístes de Exipto: 18de como che saíu ao encontro polo camiño e de como te atacou por detrás, a ti e a todos os que viñan cansos detrás de ti, pois ti estabas fatigado e esmorecendo; non lle tivo ningún respecto a Deus. 19Por iso, cando o Señor, o teu Deus, che permita descansar de todos os inimigos que hai ao teu arredor, na terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza, para que tomes posesión dela, has de borrar a lembranza de Amaleq de debaixo do ceo. ¡Non te esquezas!

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com