Capítulos 26-30

CAPÍTULO 26

 

1Cando entres no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza e tomes posesión del e vivas xa alí, 2has de coller parte das primicias de todos os froitos do campo que recollerás da terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar. Poralas nunha cesta, e irás ao santuario que o Señor, o teu Deus, escolla para morar alí o seu Nome. 3Irás onda o sacerdote que estea de servizo aqueles días e diraslle: Declárolle hoxe ao Señor, o meu Deus, que xa entrei no país que o Señor lles prometeu con xuramentos a nosos pais dárnolo a nós.

4O sacerdote collerá a cesta da túa man e poraa diante do altar do Señor, o teu Deus. 5Entón ti tomarás a palabra e dirás diante do Señor, o teu Deus: Meu pai era un arameo errante, que baixou a Exipto, onde residiu como emigrante con pouquiña xente, que o acompañaba. Alí converteuse nun pobo grande, poderoso e numeroso. 6Pero os exipcios maltratáronnos, oprimíronnos e impuxéronnos cruel servidume. 7Entón chamamos polo Señor, Deus de nosos pais, e o Señor escoitou o noso clamor e viu a nosa opresión e o noso duro traballo. 8Logo o Señor fíxonos saír de Exipto con man forte e brazo estendido, con grande terror, con sinais e con feitos marabillosos, 9e fíxonos entrar neste santuario e entregounos esta terra, terra que deita leite e mel. 10Por isto, velaí que agora eu trouxen as primicias dos froitos da terra que ti me deches, Señor.

Poralas na presenza do Señor, o teu Deus, prostraraste na presenza do Señor, o teu Deus, 11e farás festa por todo o ben que che concedeu o Señor, o teu Deus, ti e mais o levita e o emigrante que vive contigo.

 

O ritual do décimo do terceiro ano: profesión de obediencia

 

12Cando remates de repartir todo o décimo das túas colleitas, no ano terceiro, isto é, o ano do décimo, e llo teñas xa dado ao levita, ao emigrante, ao orfo e mais á viúva, para que coman nas túas cidades ata se fartaren, 13entón dirás na presenza do Señor, o teu Deus: Xa retirei da miña casa o que tiña que consagrar e xa llelo dei ao levita, ao emigrante, ao orfo e mais á viúva, todo conforme o mandamento que ti me mandaches; non quebrantei o teu precepto nin o esquecín. 14Non o comín estando en dó ritual nin o separei estando impuro nin llo ofrendei a Mot. Fíxenlle caso á voz do Señor, o meu Deus, e comporteime en todo tal como ti mo mandaches. 15Mira, pois, desde a túa santa morada, desde o ceo, e bendí o teu pobo, a Israel, e a terra de cultivo que nos deches, tal como llelo xuraches a nosos pais, unha terra que deita leite e mel.

 

A observancia do Código deuteronómico e a autenticidade da Alianza

 

16Hoxe o Señor, o teu Deus, mándache pór en obra estes preceptos e decretos. Gárdaos e ponos en obra con todo o teu corazón e con toda a túa ilusión. 17Ti hoxe fixécheslle dicir ao Señor que El sería o teu Deus e que ti camiñarías polos seus vieiros, que gardarías os seus preceptos, os seus mandamentos e os seus decretos e que escoitarías a súa voz. 18E hoxe o Señor fíxoche dicir a ti que serías o pobo da súa persoal propiedade ‑tal como cho prometera‑ e que gardarías os seus mandamentos, e que El te convertería en gloria, en renome e en esplendor no máis grande de todos os pobos que El creou e que serías o pobo consagrado ao Señor, o teu Deus ‑tal como cho dixo‑".

 

 

III. O SANTUARIO CENTRAL E A LITURXIA DA ALIANZA

 

CAPÍTULO 27

 

As pedras caleadas para escribir a Lei e o altar dos sacrificios en Xequem

 

1Moisés e mais os anciáns de Israel ordenáronlle ao pobo nestes termos:

‑"Gardade todos os mandamentos que eu vos mando hoxe. 2O día que crucedes o Xordán camiño do país que o Señor, o teu Deus, che vai dar, erguerás pedras grandes e encalaralas con cal, 3e logo escribirás sobre elas todas as formulacións desta lei, ao cruzares para entrares no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar, país que deita leite e mel, tal como cho dixo o Señor, Deus de teus pais.

4Cando crucedes o Xordán, ergueredes no monte Ebal esas pedras que eu vos diga e encalarédelas con cal. 5Construirás alí un altar en honra do Señor, o teu Deus, un altar de pedras que non labrarás co cicel. 6Pedras enteiras construirán o altar do Señor, o teu Deus, sobre o que lle ofrendarás holocaustos ao Señor, o teu Deus. 7Sacrificarás sobre el o sacrificio de comuñón e ti comerás alí e alegraraste na presenza do Señor, o teu Deus. 8Sobre as pedras escribirás todas as formulacións desta lei, escribiralas clara e esteticamente".

9Moisés e mais os sacerdotes levitas faláronlle a todo Israel nestes termos:

‑"Garda silencio e escoita, Israel: No día de hoxe quedaches convertido nun pobo para o Señor, o teu Deus. 10Por isto has de escoitar a voz do Señor, o teu Deus, e has de pór en práctica os seus mandamentos e mais os seus preceptos, que eu che mando hoxe".

 

As maldicións

 

11Ese día Moisés mandoulle ao pobo isto:

12‑"Estes son os que han de estar de pé no monte Garizim, para bendicir o pobo, cando crucedes o Xordán: Simeón, Leví, Xudá, Isacar, Xosé e Benxamín. 13Estes son os que han de estar de pé no monte Ebal, por mor da maldición: Rubén, Gad, Axer, Zebulón, Dan e Naftalí.

14Os levitas collerán a palabra e diranlles a todos os homes de Israel en voz alta:

15Maldito sexa o home que faga un ídolo e unha imaxe de fundición ‑abominación para o Señor, obra das mans dun artista‑ e o poña en lugar escondido. E todo o pobo collerá a palabra e dirá: Amén.

16Maldito sexa quen desprece a seu pai e a súa nai. E todo o pobo dirá: Amén.

17Maldito sexa quen lle dea para atrás ao marco do seu veciño. E todo o pobo dirá: Amén.

18Maldito sexa quen faga desviarse a un cego do seu camiño. E todo o pobo dirá: Amén.

19Maldito sexa quen torza o dereito de emigrante, do orfo e da viúva. E todo o pobo dirá: Amén.

20Maldito sexa quen se deite coa muller de seu pai, pois destapou un lenzo do mantón de seu pai. E todo o pobo dirá: Amén.

21Maldito sexa quen se deite cun animal calquera. E todo o pobo dirá: Amén.

22Maldito sexa quen se deite coa súa media irmá, filla do pai ou da nai. E todo o pobo dirá: Amén.

23Maldito sexa quen se deite coa súa sogra. E todo o pobo dirá: Amén.

24Maldito sexa quen mate o seu veciño en secreto. E todo o pobo dirá: Amén.

25Maldito sexa quen colla un regalo para matar a aspiración dunha vida inocente. E todo o pobo dirá: Amén.

26Maldito sexa quen non manteña as formulacións desta lei para pólas por obra. E todo o pobo dirá: Amén.

 

 

 

CAPÍTULO 28

 

As bendicións

 

1Se escoitas con actitude de obediencia a voz do Señor, o teu Deus, gardando e pondo en obra todos os seus mandamentos, que eu mando hoxe, o Señor, o teu Deus, converterate no máis grande de todos os pobos da terra. 2E todas estas bendicións que seguen, virán sobre ti e chegaranche a ti, xa que lle fas caso á voz do Señor, o teu Deus: 3Benia ti na cidade, e benia ti no campo.

4Benia o froito do teu ventre, o froito da túa terra e o froito do teu gando, o parto das túas vacas e as crías das túas ovellas. 5Benia túa cesta e mais a túa artesa.

6Benia ti cando entres e benia ti cando saias.

7Os teus inimigos, que contra ti se levanten, converteraos o Señor en derrotados na túa presenza: por un só vieiro saíron contra ti e por sete vieiros escaparán. 8O Señor ordenará que a bendición estea contigo nas túas arcas e nas empresas da túa man. El bendicirate no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar. 9Constituirate o Señor nun pobo consagrado a El, tal como cho xurou, se ti cumpres os mandamentos do Señor, o teu Deus, e camiñas polos seus vieiros. 10Entón todos os pobos da terra verán que o nome do Señor se invoca sobre ti e teranche medo. 11O Señor concederache ter bens de abondo: froitos do teu ventre, froitos do teu gando e froitos da túa terra, cando esteas na terra que o Señor lles xurou a teus pais que cha daría.

12O Señor abrirá no teu favor o seu precioso tesouro do ceo, mandando ao seu tempo a chuvia que precisa o teu país e bendicindo calquera obra da túa man de xeito que ti lles prestes a populosas nacións, mentres que ti non terás preciso de pedir prestado.

13O Señor porate á cabeza e non ao rabo, estarás sempre arriba e non abaixo, se lles fas caso ós mandamentos do Señor, o teu Deus, que hoxe che mando gardar e pór en práctica, 14e se non te desvías cara á dereita nin cara á esquerda de ningunha destas disposicións que eu vos mando hoxe, camiñando tras deuses alleos e dándolles culto.

15Pero se non lle fas caso á voz do Señor, o teu Deus, pondo coidado en cumprir todos os seus mandamentos e preceptos que eu che mando hoxe, entón todas estas maldicións virán enriba de ti e afectaranche:

16Maldito sexas ti na cidade e maldito sexas ti no campo.

17Maldito sexa o teu cesto e mais a túa artesa.

18Maldito sexa o froito do teu ventre, e o froito da túa terra, e do teu gando.

19Maldito sexas ao entrares e maldito ao saíres.

20Que o Señor mande contra ti a maldición, a derrota e o castigo en todas as empresas da túa man, ata seres destruído e desapareceres, por causa da maldade dos feitos cos que me abandonaches.

21Que o Señor che apegue a peste ata facerte desaparecer de sobre a terra, na que ti entraches para tomala en posesión. 22O Señor ferirate coa tise, con febres, con flegmóns, con queimaduras, e coa seca, coa peste do cornecho e do mildeu, que te perseguirán ata que desaparezas.

23O ceo que está sobre a túa cabeza volverase bronce, e a terra que está debaixo de ti volverase ferro. 24O Señor mandará, como chuvia para a túa terra, po; e cinsa baixará do ceo sobre ti, ata que te destrúa.

25O Señor fará de ti un vencido diante dos teus inimigos; sairás contra eles por un só camiño, pero terás que fuxir da súa presenza por sete camiños. Volveraste o obxecto de vexación de todos os reinos da terra. 26E o teu cadáver servirá de carnada para todas as aves do ceo e mais para os bechos da terra, e non haberá quen os espante.

27O Señor ferirate coas úlceras de Exipto e cos tumores, coa sarna e coa tiña, das que non che será posible curar. 28O Señor ferirate coa loucura, coa cegueira e co desvarío da túa mente. 29A luz do mediodía terás que andar ás apalpadelas, como anda ás apalpadelas o cego na escuridade, e non poderás dar remate ós teus camiñares. Todos os días certo que serás maltratado e roubado, e non haberá quen te salve.

30Casarás cunha muller, e outro home violaraa; construirás unha casa, e non habitarás nela; plantarás unha viña, e non collerás os primeiros froitos. 31O teu boi será degolado ós teus ollos, e ti non comerás del; o teu burro serache roubado na túa mesma presenza, e non volverá onda ti; o teu rabaño será entregado ós teus inimigos, e ti non terás quen te salve.

32Os teus fillos e as túas fillas serán entregados a un exército estranxeiro; os teus ollos estarán véndoo, consumiranse de ollar para eles todo o día, pero nada estará no poder da túa man. 33Os froitos da túa terra e todo o produto do teu traballo comerao un pobo que ti non coñecías. Ti non serás máis ca un oprimido e un esmagado para sempre. 34Si, ti volveraste louco co que aparecerá ante os teus ollos, cando ti o vexas.

35O Señor ferirate nos xeonllos e nas coxas cuns furunchos malignos, que non serás capaz de curar, desde a planta do teu pé ata o curuto.

36O Señor farate marchar a ti e ao rei que ti constituíches sobre ti, xunto a un pobo que non coñecías nin ti nin os pais, e terás que darlles culto alí a deuses estranxeiros: ¡de pau e madeira! 37Ti volveraste o asombro, escarnio e o riso de todos os pobos a onde o Señor te conduza.

38Botarás moita semente no campo, pero pouco recollerás, porque a comerá o saltón. 39Plantarás viñas e traballaralas, pero o viño non o beberás nin o vendimarás, porque o comerá o pedreiro. 40Terás oliveiras no teu territorio, pero con aceite non te unxirás, porque as túas olivas caerán no chan. 41Enxendrarás fillos e fillas, pero non os terás contigo, porque marcharán á catividade. 42Todas as túas árbores e os froitos da túa terra recibiranos en herdanza os insectos.

43Os emigrantes que hai no medio de ti subirán máis ca ti, cada vez máis arriba, mentres ti baixarás cada vez máis abaixo. 44Eles prestaranche a ti, e ti non lles poderás prestar a eles, eles servirán de cabeza, e ti de rabo.

45Todas estas maldicións virán contra ti, perseguirante e afectarante ata seres exterminado, xa que non lle fixeches caso á voz do Señor, o teu Deus, gardando os mandamentos e os preceptos que El che mandou. 46Estas maldicións quedarán de sinal e de prodixio en ti e na túa descendencia para sempre.

47Xa que non serviches o Señor, o teu Deus, con alegría e coa felicidade do corazón, por causa da abundancia en todo, servirás os teus inimigos, onde o Señor te envíe ‑na fame, na sede, na nudez e na privación de todo‑, e El porache un xugo de ferro no teu pescozo, ata acabar contigo. 49Como unha aguia levanta o voo, así levantará o Señor contra ti un pobo que vén de lonxe, desde o cabo da terra, un pobo do que ti non oirás a lingua, 50un pobo de rostro duro, que non ten respecto ao ancián nin ten compaixón do neno. 51Comerá o froito do teu gando e o froito da túa terra, ata que ti desaparezas, porque non che deixará trigo, nin mosto, nin aceite novo, nin os partos das túas vacas, nin as crías do teu rabaño ata facerte desaparecer.

52Asediarate por todas as portas das túas cidades, ata botar abaixo as murallas altas e inaccesibles, nas que ti puñas a túa seguridade en todo o teu país. Si, asediarate por todas as portas das cidades que hai no teu país, que o Señor, o teu Deus, che deu.

53Terás que comer o froito do teu ventre, a carne dos teus fillos e das túas fillas que o Señor, o teu Deus, che deu, cando sexa o asedio e a opresión coa que te oprimirá o teu inimigo. 54O ollo do home máis delicado e máis elegante que hai en ti mirará con degaro para seu irmán, para a muller do seu seo e para o resto de seu fillo que deixa sobrante, 55para non ter que compartir con eles a parte da carne do propio fillo que está comendo, non sexa que non lle quede todo para el, cando veñan o asedio e a opresión, coa que o teu inimigo te oprimirá en todas as portas das túas cidades.

56A muller máis delicada e máis elegante que nin sequera se atrevía a pór na terra a planta do seu pé, de elegante e delicada que era, o seu ollo mirará con degaro para o home do seu seo, para o seu fillo e para a súa filla, 57e para as libranzas que saen do seu seo e para os fillos que acaba de dar a luz. Si, comeraos ás agachadas por falta de todo, cando sexa o asedio e opresión con que o teu inimigo te oprimirá en todas as portas das túas cidades.

58Se non coidas de cumprir todos os preceptos desta lei escrita neste libro, respectando este Nome glorioso e temible, O Señor, o teu Deus, 59entón o Señor fará máis extraordinarios os teus castigos e os castigos da túa descendencia: uns castigos grandes e inflexibles, unhas enfermidades malignas e durísimas; 60fará volverse contra ti todas as pragas do Exipto, que tanto medo che provocan, e apegaránseche a ti. 61Tamén fará rubir o Señor sobre ti todas as enfermidades e todos os castigos que non están descritos no libro desta lei, ata que desaparezas.

62Vós quedaredes uns poucos homes, despois de serdes tan numerosos coma as estrelas do ceo, porque non lle fixeches caso á voz do Señor,  o teu Deus. 63E resultará que o mesmo que o Señor se compraceu en vós facéndovos o ben e multiplicándovos, así se compracerá tamén o Señor destruíndovos e facéndovos desaparecer, e seredes arrincados de sobre a terra, na que entrastes a tomar posesión dela. 64O Señor esparexeravos por entre todos os pobos, desde unha punta da terra á outra punta, e ti daraslles culto alí a deuses alleos, que nin coñecías ti nin os teus pais: ¡madeira e pedra! 65Entre eses pobos non terás descanso, nin a planta do teu pé terá un lugar de acougo, senón que o Señor che dará alá un corazón asustado, ollos apagados e respiración ansiosa: 66a túa vida estará pendurada dun fío diante de ti. Terás pavor de día e de noite, e non te fiarás da túa vida.67Pola mañá dirás: Quen me dera que fose a tarde; e pola tarde dirás: quen me dera que fose a mañá, por causa do pavor que abraiará o teu corazón, e por causa da visión que contemplarán os teus ollos.

68O Señor farate volver en barcos a Exipto polo camiño que che dixo:

Non volverás de novo ver ese camiño; e alí seredes vendidos ós teus inimigos coma escravos e escravas, e non haberá nin quen compre".

 

 

IV. TERCEIRO DISCURSO

 

69Estas son as palabras da Alianza, que o Señor lle mandou a Moisés pactar cos fillos de Israel no país de Moab, ademais da Alianza que pactou con eles no Horeb.

 

 

 

CAPÍTULO 29

 

Resumo histórico

 

1Moisés convocou a todo Israel e díxolles:

‑"Vós xa vistes todo o que o Señor lles fixo á vosa vista no país de Exipto ao faraón, a todos os seus servos e a todo o seu país: 2as grandes probas que viron os vosos ollos, os prodixios e os sinais grandes aqueles. 3Pero ata o día de hoxe, o Señor non vos deu un corazón para coñecer, nin ollos para ver nin oídos para escoitar.

4Eu fíxenvos camiñar durante corenta anos polo deserto; os vosos vestidos non se gastaron sobre vós nin a túa sandalia se gastou no teu pé; 5non comestes pan nin bebestes viño nin licor, para que recoñezades que eu, o Señor, son o voso Deus. 6Logo chegastes a este sitio e saíron Sihón, rei de Hexbón, e Og, rei de Baxán, ao voso encontro en plan de guerra, e nós vencémolos.

7Logo, collemos o seu país e démosllelo en herdanza ós rubenitas, ós gaditas e á metade da tribo de Menaxés. 8Gardade, pois, as palabras desta Alianza e cumprídeas para que teñades éxito en todo o que fagades.

 

Compromiso persoal ante a Alianza co Señor

 

9Vós hoxe estades todos diante do Señor, o voso Deus: os vosos xefes, as vosas tribos, os vosos anciáns e os vosos escribas, todos os homes de Israel; 10os vosos meniños, as vosas mulleres e o teu emigrante, que está por medio do teu campamento, desde o cortador das túas árbores ata o que carrexa a túa auga. 11Ti estás aí para entrares na Alianza do Señor, o teu Deus, e no pacto xurado que o Señor, o teu Deus, conclúe contigo hoxe, 12co fin de que el te constitúa hoxe nun pobo para El, e que El sexa Deus para ti, tal como cho dixo e tal como llelo prometeu con xuramento ós teus pais, a Abraham, a Isaac e a Xacob. 13Pero non vou concluír convosco sós esta alianza e este pacto xurado. 14Conclúoo con aquel que está aquí de pé hoxe convosco diante do Señor, o voso Deus, e tamén con aquel que non está connosco hoxe.

15Si, xa sabedes vós como viviamos no país de Exipto e como cruzamos polo medio das nacións por onde pasamos; 16e vistes os seus monstros horribles e os seus ídolos ‑pau e pedra, prata e ouro‑, que había onda eles. 17Que non haxa entre vós home ou muller ou familia ou tribo que aparte hoxe o seu corazón de xunto ao Señor, noso Deus, para iren dar culto ós deuses deses pobos; que non haxa entre vós raíz que produza veleno e asente. 18Se un escoita as palabras deste pacto xurado e se felicita no seu corazón dicindo: Teña eu fartura, que seguirei no endurecemento do meu corazón, porque o que apaga a sede farta de auga a quen pasa sede, 19a ese o Señor non lle quererá perdoar; entón si que se acenderá a ira do Señor e o seu celo contra ese home, e caerán sobre el todas as maldicións escritas neste libro e o Señor fará desaparecer o seu nome de debaixo do ceo. 20Así retirará o Señor a maldade de todas as tribos de Israel, segundo as maldicións da Alianza escrita no libro desta lei.

 

A causa do desterro

 

21A primeira xeración, os vosos fillos que virán despois de vós e o estranxeiro que vén dun país afastado, verán o castigo deste país e as enfermidades coas que o Señor o fará enfermar: 22toda a terra deste país será xofre, sal e calcinación, non será sementada e non xermolará, nela non medrará herba ningunha; será como o arraso de Sodoma e Gomorra, de Ademah e Seboím, ás que arrasou o Señor na súa ira e no seu enfado. 23Todos os pobos dirán: ¿Por que trata o Señor así a este país? ¡Que ardor o desta tan grande ira! 24E responderán: Porque abandonaron a Alianza do Señor, Deus de seus pais, quen concluíu a alianza con eles ao sacalos do país de Exipto; 25foron darlles culto a deuses alleos e prostrarse diante deles, deuses que antes non coñeceran e que non recibiran no reparto. 26Por isto a ira do Señor inflamouse contra este país, traendo contra el todas as maldicións escritas neste libro. 27E o Señor arrincounos da súa terra con ira, con carraxe e con grande indignación, e botounos a outro país, como sucede hoxe.

28As cousas ocultas perténcenlle ao Señor; pero as cousas reveladas perténcennos a nós e a nosos fillos para sempre, para cumprirmos as palabras desta lei.

 

 

 

CAPÍTULO 30

 

Conversión ao Señor e volta do exilio

 

1Resultará que cando veñan sobre ti todas estas palabras, a bendición e a maldición que eu poño diante de ti, farás volver de todos os pobos, a onde te dispersou o Señor, a forza da túa decisión, 2converteraste ao Señor, o teu Deus, e faraslle caso á súa voz, ti e mais o teu fillo, segundo todo o que eu che mande hoxe. 3E o Señor, o teu Deus, cambiará o teu destino, terá compaixón de ti e volverá a xuntarte de entre todos os pobos a onde o Señor, o teu Deus, te dispersou. 4Aínda que os teus deportados estean no cabo do ceo, de alí os xuntará o Señor, o teu Deus, colleraos 5e traeraos o Señor, o teu Deus, ao país que recibiron en herdanza os teus pais, e recibiralo ti en herdanza. El farate feliz e multiplicarate máis ca teus pais.

6O Señor, o teu Deus, circuncidará o teu corazón e o corazón da túa descendencia, para que ames o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón e con todo o teu ser, a fin de que vivas feliz. 7E o Señor, o teu Deus, porá todas estas maldicións sobre os teus inimigos e sobre os que te queren mal, pois perseguíronte.

8Entón ti volverás a facerlle caso á voz do Señor e cumprirás todos os seus mandamentos, que eu che mando hoxe. 9Así o Señor, o teu Deus, concederache éxito en todas as obras da túa man, no froito do teu ventre, no froito dos teus animais e nos froitos da túa terra, para o teu ben. Si, o Señor volverase a alegrar contigo pola túa felicidade como se alegrou con teus pais.

10Si, faille caso á voz do Señor, o teu Deus, gardando os seus mandamentos e os seus preceptos, o escrito no libro desta lei. Si, convértete ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón e con todo o teu ser.

 

 

CONCLUSIÓN:

 

TESTEMUÑOS DA LEI E DA ALIANZA E SUCESIÓN DE MOISÉS

 

Testemuño interno da palabra

 

11Si, este mandamento que eu che mando hoxe non é imposible para ti nin che resulta inaccesible. 12Non está no ceo para dicires: ¿Quen subirá por nós ao ceo e nolo collerá e nolo fará escoitar, para que nós o cumpramos? 13Tampouco está da outra banda do mar para dicires: ¿Quen cruzará por nós ao outro lado do mar e nolo collerá e nolo fará escoitar, para que nós o cumpramos? 14Si, a palabra está moi cerca de ti: na túa boca e no teu corazón, para a cumprires.

15Mira que eu poño hoxe diante de ti a vida e a felicidade, a morte e a desgraza, 16porque che mando hoxe amar o Señor, o teu Deus, camiñar polos seus vieiros e cumprir os seus mandamentos, preceptos e decretos, para que vivas feliz e te multipliques, e para que o Señor, o teu Deus, te bendiga no país onde vas entrar a tomalo en posesión. 17Pero se o teu corazón se aparta e se ti non lle fas caso e te extravías e te prostras ante deuses alleos e lles dás culto, 18eu declárovos hoxe que pereceredes sen remedio e que non aumentaredes os vosos días sobre a terra, na que vós, que estades cruzando o Xordán, ides entrar para tomala en posesión.

 

O ceo e a terra testemuñas da Alianza

 

19Poño hoxe por testemuñas contra vós o ceo e mais a terra: poño diante de ti a vida e a morte, a bendición e a maldición; escolle a vida, para que poidas vivir feliz, ti e a túa descendencia, 20amando o Señor, o teu Deus, facéndolle caso á súa voz e apegándote a El. Isto é a túa vida e o alongamento dos teus días, habitando na terra que o Señor lles xurou a teus pais, a Abraham, a Isaac e a Xacob, que llela daría".

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com