Capítulos 6-10

O machado na auga

 

Capítulo 6

 

1Os fillos dos profetas dixéronlle a Eliseo: ‑"O sitio onde vivimos contigo énos estreito de máis. 2Déixanos ir onda o Xordán. Cada un collerá unha viga, e faremos alí un sitio para vivir". El respondeulles: ‑"Ide". 3Un de entre eles pediulle: ‑"Fainos este favor: ven ti tamén cos teus servos". El respondeulles: ‑"Irei". 4E Eliseo foise con eles.

Chegaron onda o Xordán e puxéronse a cortar madeira. 5Cando un deles cortaba a súa árbore, caeulle na auga a folla do machado, e empezou a berrar: ‑"¡Ai, meu señor, que era emprestada!". 6O home de Deus preguntoulle: ‑"¿Onde caeu?". E o outro indicoulle o sitio. Eliseo cortou unha rama e botouna alí, e o machado emerxeu. 7Díxolle: ‑"Agárrao". E o outro estendeu a man e agarrouno.

 

Eliseo cega o exército arameo

 

8O rei de Aram facíalle a guerra a Israel. Celebrou consello cos seus ministros e tomou esta decisión: ‑"Poremos o campamento naquel sitio". 9Entón o home de Deus mandoulle dicir ó rei de Israel: ‑"Gárdate de pasar por ese sitio, pois están para baixar alí os arameos". 10O rei de Israel mandou recoñecer o lugar que dixera o home de Deus, tomando as debidas precaucións. Iso mesmo pasou non unha nin dúas veces.

11O rei de Aram estaba inquedo por tal feito, e convocou os seus oficiais para dicirlles: ‑"¿Dirédesme quen de nós informa ó rei de Israel?". 12Un dos oficiais respondeulle: ‑"Non, rei, meu señor. É Eliseo, un profeta que hai en Israel, quen informa ó rei de Israel das palabras que ti dis mesmo na túa alcoba". 13O rei ordenou entón: ‑"Ide ver onde está, e mandarei prendelo". Dixéronlle: ‑"Está en Dotán". 14E el mandou alá unha forte compañía de soldados, con cabalos e carros. Chegaron alí de noite e cercaron a cidade.

15O criado do home de Deus ergueuse cedo e viu, ó saír, que o exército cercaba a cidade, con cabalos e carros. E díxolle ó home de Deus: ‑"Ai, meu señor, ¿como faremos?". 16Respondeulle el: ‑"Non teñas medo, pois hai máis connosco ca con eles". 17Eliseo rezou: ‑"Señor, ábrelle os ollos para que vexa". E o Señor abriu os ollos do criado, e este viu o monte cuberto de cabalos e de carros de lume, que cercaban a Eliseo.

18Cando os arameos baixaban onda Eliseo, este pediulle ó Señor: ‑"Deixa cega a esta xente". E quedaron todos cegos, conforme pedira Eliseo. 19Este díxolles: ‑"Non é este o camiño nin é esta a cidade. Seguídeme, que eu vos levarei onda o home que buscades". E conduciunos a Samaría. 20Cando entraban en Samaría, Eliseo pediu: ‑"Señor, ábrelles os ollos a estes, e que vexan". O Señor abriulles os ollos, e decatáronse que estaban no medio de Samaría.

21O rei de Israel, ó velos, preguntoulle a Eliseo: ‑"¿Mátoos, meu pai?". 22El respondeulle: ‑"Non os mates. ¿Ou matarías coa túa espada e co teu arco ós que ti non colliches prisioneiros? Sírvelles pan e auga, que coman e que beban, e que volvan onda o seu amo". 23O rei preparoulles un banquete e, despois que comeron e beberon, despediunos, e eles volveron onda o seu señor. As bandas arameas non volveron entrar no territorio de Israel.

 

O cerco de Samaría

 

24Transcorrido algún tempo, Benhadad, rei de Aram, reuniu os seus exércitos e foi pór cerco a Samaría. 25Daquela en Samaría pasábase moita fame. O cerco era tan estreito, que a cabeza dun burro se chegou a pagar a oitenta siclos de prata, e un cuarto de maquía de esterco de pomba a cinco siclos. 26Pasando o rei pola muralla, berroulle unha muller: ‑"¡Socórreme, rei, meu señor!". 27O rei respondeulle: ‑"Se non te socorre o Señor, ¿con que poderei facelo eu? ¿Con algo da artesa ou algo da adega?". 28E despois preguntoulle: ‑"¿Que é o que che pasa?". E ela respondeulle: ‑"Esta muller propúxome: trae o teu fillo e comámolo hoxe, e mañá comeremos o meu. 29Cocemos o meu fillo e comémolo, e cando, ó outro día, eu lle dixen: trae agora o teu fillo e comámolo, ela escondeuno".

30Cando o rei oíu o que dicía a muller, rachou as súas vestiduras. Como pasaba por riba da muralla, a xente puido ver que por dentro da roupa, ía vestido de saco. 31Daquela o rei xurou: ‑"Que Deus me castigue, se a cabeza de Eliseo, fillo de Xafat, queda hoxe enriba dos seus ombros".

32O tempo, Eliseo atopábase na súa casa, e os anciáns sentados con el. O rei mandou diante del un mensaxeiro. Pero, antes de que este chegase, Eliseo díxolles ós anciáns: ‑"¿Sabedes que ese fillo de asasino mandou alguén que me cortase a cabeza? Mirade, cando chegue o mensaxeiro, vós cerrádeslle a porta e empuxádelo con ela. ¿Non se senten xa detrás del os pasos do seu amo?". 33Aínda estaba el falando con eles, cando chegou o rei e dixo: ‑"Esta desgraza mandouna o Señor. ¿Que podemos aínda esperar del?".

 

Liberación de Samaría

 

Capítulo 7

 

1Eliseo dixo entón: ‑"Escoita a palabra do Señor: mañá, destas horas, unha fanega de flor de fariña conseguirase por un siclo, e por un siclo tamén dúas fanegas de orxo, ás portas de Samaría". 2O oficial que daba o seu brazo ó rei para apoio replicoulle ó home de Deus: ‑"Aínda que abrise Deus fiestras no ceo, ¿pasaría tal cousa?". El respondeulle: ‑"Halo ver cos teus ollos, pero ti non o probarás".

3As portas de Samaría sentaban catro leprosos, que estaban con esta conversa: ‑"¿Que estamos facendo aquí, agardando a morte? 4Se decidimos entrar na cidade, coa fame que hai nela, morreremos alí; se quedamos aquí, morreremos tamén. Vamos agora mesmo ó campamento arameo. Se nos deixan con vida, viviremos; e se nos matan, matáronnos".

5O anoitecer decidíronse a entrar no campamento arameo e, cando chegaron cerca del, viron que alí non había ninguén. 6O Señor fixera resoar no campamento arameo estrondo de carros e cabalos e dun exército poderoso; e entón dixéronse uns ós outros: ‑"O rei de Israel contratou contra nós os reis hititas e os exipcios". 7E niso, ó anoitecer, saíron todos fuxindo, abandonando os seus cabalos e os seus carros e o campamento como estaba; e escaparon para salvaren as súas vidas.

8En chegando ó campamento, os leprosos aqueles entraron nunha tenda, onde puideron comer e beber e de onde levaron prata, ouro e roupas, que foron acochar. Despois entraron noutra tenda, colleron tamén o que había e fórono esconder. 9Entón falaron entre eles: ‑"O que estamos facendo non é xusto. Hoxe é un día de boas novas. Se calamos e esperamos que amañeza, caeremos en culpa. Vamos coa nova ó pazo do rei, agora mesmo".

10Foron á cidade, chamaron polos gardas da porta e informaron: ‑"Fomos ó campamento arameo e vimos que alí non había ninguén nin se oía voz de home; soamente cabalos e burros amarrados, e as tendas tal como as ergueran". 11Os gardas fixérono saber, e levaron a nova ata o pazo real.

12O rei ergueuse de noite e comentou cos seus ministros: ‑"Vouvos dicir o que argallan os arameos contra nós. Saben que estamos famentos, e saíron do campamento para esconderse na campía. Pensan que nós sairemos da cidade, e que poderán collernos vivos e entrar na cidade".

13Un dos ministros propuxo: ‑"Collamos cinco cabalos, dos que nos quedan aínda na cidade, pois ó cabo están perecendo coma as xentes de Israel, e mandémolos pescudar que é o que pasa". 14O rei mandou uns homes que collesen dous carros con cabalos e que fosen detrás do exército arameo; e ordenoulles: ‑"Ide e vede o que pasa". 15Eles fóronos seguindo ata o Xordán, e viron que todo o camiño estaba cheo de roupas e de obxectos que, na présa por escapar, ían guindando os arameos. Os mensaxeiros deron a volta e contáronllo ó rei. 16Entón saíu a xente toda saquear o campamento arameo.

A fanega de flor de fariña chegou a venderse por un siclo, e por un siclo tamén dúas fanegas de orxo, conforme a palabra do Señor. 17O rei encargara a garda da porta ó oficial que lle daba apoio co seu brazo, e a xente atropelouno onda a mesma porta, e morreu, segundo dixera o home de Deus, cando fora o rei falar con el. 18O home de Deus dixéralle ó rei: ‑"Mañá destas horas, ás portas de Samaría, dúas fanegas de orxo compraranse por un siclo, e por un siclo tamén unha fanega de flor de trigo". 19O que o oficial do rei lle respondera: ‑"Aínda se o Señor abrise fiestras no ceo, ¿pasaría tal cousa?" O que Eliseo respondera: ‑"Halo ver cos teus ollos, pero ti non o probarás". 20Iso foi o que lle pasou. A xente atropelouno onda a mesma porta e morreu.

 

Volta da xunamita

 

Capítulo 8

 

1Eliseo díxolle á nai do neno que el reanimara: ‑"Vai, colle a túa familia, e ide vivir onde vos pareza; porque o Señor chamou a fame, e asoballará este país por sete anos". 2A muller puxo por feito o que home de Deus lle dicía. Foise coa súa familia á terra dos filisteos e estivo alí sete anos. 3O cabo dos sete anos, regresou de onda os filisteos, e foi reclamar cabo do rei a súa casa e os seus eidos.

4O rei estaba nese intre de conversa con Guehazí, criado do home de Deus, pedíndolle que lle contase os milagres que tiña feito Eliseo. 5Cando lle estaba referindo como fixera revivir un neno morto, presentouse alí a nai do neno, reclamando do rei a súa casa e os seus eidos. Guehazí dixo: ‑"Rei, meu señor, esta é a muller e este é o neno que Eliseo reanimou". 6O rei interrogou entón á muller, e ela contoulle todo. Despois puxo o rei un oficial ás súas ordes, con este mandato: ‑"Fai que lle volvan a esta muller todo o que é dela, xunto cos réditos da terra, desde o día en que a abandonou ata agora".

 

Eliseo e Hazael

 

7Eliseo chegouse logo a Damasco. Benhadad, rei de Aram, atopábase doente, e anunciáronlle que chegara alí o home de Deus. 8Entón díxolle o rei a Hazael: ‑"Leva contigo un regalo, vai onda o home de Deus e consulta por el o Señor se sandarei ou non desta doenza".

9Hazael foi axiña onda o home de Deus, levando consigo un regalo de corenta camelos cargados cos mellores produtos de Damasco. Chegou alá e presentóuselle, dicindo: ‑"O teu fillo Benhadad, rei de Aram, mandou que che consultase se o rei sandará desta doenza". 10Eliseo respondeulle: ‑"Vai e dille que certamente sandará desa doenza. Pero o Señor reveloume que sen remedio vai morrer".

11Despois o home de Deus quedou coa cara fixa, aquelado e turbado, e botouse a chorar. 12Hazael preguntoulle: ‑"¿Por que chora o meu señor?" El respondeulle: ‑"Porque sei o dano que ti farás ós israelitas: queimarás as súas facendas, matarás coa espada os máis novos, esmagarás os seus nenos e fenderás as mulleres embarazadas".

13A iso dixo Hazael: ‑"Pero ¿quen é o teu servo, este can, para que poida facer cousas tan terribles?" Respondeulle Eliseo: ‑"O Señor fíxome ver que serás rei de Aram".

14Hazael marchou de onda Eliseo e volveu onda o seu amo. Este preguntoulle que lle dixera Eliseo. El respondeulle: ‑"Díxome que sandarás". 15O día seguinte colleu Hazael un cobertor, ensopouno de auga, estendeullo enriba da cara, e o rei morreu. Hazael sucedeulle no trono.

 

Ioram de Xudá

 

16No ano quinto do reinado de Ioram, fillo de Acab, en Israel, empezou a reinar en Xudá Ioram, fillo de Ioxafat. 17Tiña trinta e dous anos e reinou oito anos en Xerusalén.

18Seguiu o camiño dos reis de Israel, como fixera a familia de Acab, de quen tomou unha filla por muller. Fixo o mal ós ollos do Señor. 19Mais o Señor non quixo esmagar a Xudá (aínda con iso), por mor do seu servo David, a quen prometera manterlle sempre unha lámpada, a el e a seus fillos.

20Nos días de Ioram revirouse Edom contra o dominio de Xudá e proclamouse un rei. 21Ioram pasou a Seir con todos os seus carros. Erguéndose de noite, desbaratou os edomitas que o tiñan cercado a el e ós xefes dos carros. Pero o exército fuxiu para as súas tendas. 22Así foi como Edom quedou ceibe de Xudá ata o día de hoxe. Naquela ocasión revirouse tamén Libnah.

23O resto da historia de Ioram, todo o que fixo, ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 24Ioram adormeceu con seus pais, e enterrárono con eles na cidade de David. Sucedeulle no trono o seu fillo Ocozías.

 

Ocozías de Xudá

 

25No ano doce do reinado de Ioram, fillo de Acab, en Israel, empezou a reinar en Xudá Ocozías, fillo de Ioram. 26Ocozías tiña entón vinte e dous anos, e reinou un ano en Xerusalén. A súa nai chamábase Atalía, filla de Omrí, rei de Israel.

27Ocozías seguiu o camiño da familia de Acab, facendo o mal ós ollos do Señor, como a familia de Acab coa que emparentara. 28Ocozías foi con Ioram, fillo de Acab, loitar contra Hazael, rei de Aram, en Ramot de Galaad. Daquela os arameos feriron a Ioram. 29Para curarse das feridas dos arameos en Ramot, no combate contra Hazael, rei de Aram, o rei Ioram volveuse a Iezrael. Estando alí doente, foi visitalo Ocozías, fillo de Ioram, rei de Xudá.

 

Iehú, rei de Israel

 

Capítulo 9

 

1O profeta Eliseo chamou a un dos fillos dos profetas e encargoulle: ‑"Cingue o cinto, colle este frasco de aceite e vai a Ramot de Galaad. 2Cando chegues alá, pescuda onde está Iehú, fillo de Ioxafat, fillo de Nimxí. Entras onda el, afástalo dos seus compañeiros e lévalo a un sitio reservado. 3Colles o frasco do aceite e vértesllo na cabeza, dicindo: isto di o Señor: únxote por rei de Israel. Logo abres a porta, e vaste, sen máis demora".

4O mozo profeta foi a Ramot de Galaad. 5Chegou e encontrou en xunta ós xefes do exército, e dixo: ‑"Teño unha palabra para ti, xefe". Iehú preguntou: ‑"¿Para quen de nós?" El respondeulle: ‑"Para ti, xeneral".

6Iehú levantouse e entrou na casa, e o profeta verteulle o aceite na cabeza, dicindo: ‑"Isto di o Señor, Deus de Israel: únxote por rei do pobo do Señor, de Israel. 7Desbaratarás a casa de Acab, teu señor, e eu vingarei en Iezabel o sangue dos meus servidores, os profetas, e o sangue de todos os servos do Señor. 8Perecerá toda a familia de Acab. Exterminareille a Acab en Israel todo varón, escravo ou libre. 9Farei coa familia de Acab o que fixen coa de Ieroboam, fillo de Nabat, e coa de Baxá, fillo de Ahías. 10E a Iezabel comerana os cans no agro de Iezrael, sen que ninguén lle dea terra". Dito iso, o profeta abriu a porta e marchou.

11Iehú saíu para xuntarse cos oficiais do seu soberano, que lle preguntaron: ‑"¿Vai todo ben? ¿Que che quería ese tolo?" El respondeulles: ‑"Xa coñecedes o home e a súa canción". 12Pero eles insistiron: ‑"¡Mentira! ¡Conta, conta!" Iehú entón confesoulles: ‑"Exactamente díxome así: isto di o Señor: únxote por rei de Israel". 13De seguida colleron eles cadanseu manto, botáronos ós seus pés, sobre as gradas, tocaron a trompeta e aclamaron: ‑"¡Iehú é rei!"

14Entón Iehú, fillo de Ioxafat, fillo de Nimxí, urdiu contra Ioram a súa conxura. Ioram estaba con todo Israel defendendo Ramot de Galaad contra Hazael, rei de Aram. 15O rei Ioram volvérase a Iezrael, para curarse das feridas que lle fixeran os arameos, na guerra con Hazael, rei de Aram.

Iehú propuxo: ‑"Se vos parece ben, que ninguén saia da cidade para levar a nova a Iezrael". 16E axiña, el montou no seu carro e foise a Iezrael, onde estaba Ioram doente e onde fora visitalo Ocozías, rei de Xudá.

17En Iezrael, o vixía que facía a garda na torre viu vir a tropa de Iehú, e berrou: ‑"Vexo vir unha tropa". Ioram ordenou: ‑"Colle e manda un xinete ó seu encontro, e que pregunte se hai boas novas". 18Saíu o xinete ó seu encontro e dixo: ‑"Isto di o rei: ¿Hai boas novas?" Iehú respondeulle: ‑"¿Que che importan a ti as boas novas? Ponte detrás de min".

O vixía comunicou: ‑"O recadeiro chegou onda eles e non volve". 19Entón mandou outro xinete, que chegou xunto deles e dixo: ‑"Isto di o rei: ¿Hai boas novas?" Respondeulle Iehú: ‑"¿Que che importan a ti as boas novas? Ponte aí detrás".

20A sentinela comunicou: ‑"Chegou onda eles e non volve. O que guía o carro faino coma Iehú, fillo de Nimxí, pois guía coma un tolo". 21Ioram ordenou entón: ‑"¡Enganchade!" Engancháronlle o carro e saíron Ioram, rei de Israel, e Ocozías, rei de Xudá, cada un no seu carro. Correron ó encontro de Iehú e tropezáronse no herdo de Nabot de Iezrael.

22Cando Ioram viu a Iehú, preguntoulle: ‑"¿Boas novas, Iehú?" Iehú respondeulle: ‑"¿Como queres que haxa boas novas, mentres duran as prostitucións de túa nai Iezabel e as súas feiticerías?" 23Ioram niso pegou a volta e escapou, ó tempo que lle berraba a Ocozías: ‑"¡Traizón, Ocozías!"

24Pero Iehú tensou o arco e acertoulle coa frecha a Ioram, no medio das costelas, de xeito que lle atravesou o corazón, e caeu morto no seu carro. 25Iehú díxolle entón ó seu axudante Bidcar: ‑"Cólleo e bótao no herdo de Nabot de Iezrael. Pois lembraraste de que, cando iamos xuntos ti e mais eu, montados detrás de seu pai Acab, o Señor pronunciou conta el esta sentencia: 26¿Non vin eu aquí onte o sangue de Nabot e o dos seus fillos? Palabra do Señor. Pois neste mesmo agro dareiche eu o teu merecido, Palabra do Señor. Cólleo, pois, e guíndao neste herdo, conforme a palabra do Señor".

27A vista disto, Ocozías, rei de Xudá, liscou polo camiño de Bet-Hagán. Pero Iehú foino perseguindo e berrando: ‑"¡A el tamén!" E ferírono no seu carro, na costa de Gur, cerca de Ibleam. El seguiu fuxindo cara a Meguido, onde morreu. 28Os seus servidores levárono no seu carro a Xerusalén e enterrárono na cidade de David, no túmulo de seus pais. 29Ocozías empezara a reinar en Xudá no ano once do reinado de Ioram, fillo de Acab.

30Iehú entrou en Iezrael. Iezabel, ó sabelo, enfeitou os ollos, peiteou os cabelos e debruzouse no corredor. 31Cando Iehú entraba pola porta, ela díxolle: ‑"¿Traes boas novas, Zimrí, asasino do teu señor?" 32El ergueu entón os ollos cara ó corredor, e preguntou: ‑"¿Quen está aí da miña parte, quen?" Apareceron dous ou tres eunucos, 33e el díxolles: ‑"Botádea embaixo". E eles guindárona. O seu sangue salferiu a parede e os cabalos, que a esmagaron.

34Iehú entrou, comeu e bebeu, e logo dixo: ‑"Facédevos cargo desa maldita e enterrádea; á fin, é filla de rei". 35Cando foron para enterrala, non atoparon dela máis cá caveira, os pés e as mans. 36Voltaron para dicirllo, e Iehú comentou: ‑"É o que o Señor tiña anunciado polo seu servo Elías o texbita, cando dixo: no agro de Iezrael comerán os cans a carne de Iezabel. 37O seu cadáver será coma esterco no agro, no herdo de Iezrael, de xeito que ninguén poderá dicir: esa é Iezabel".

 

Reinado sanguento de Iehú

 

Capítulo 10

 

1En Samaría vivían setenta fillos de Acab. Iehú escribiu cartas e mandounas a Samaría, ós maxistrados da cidade, ós anciáns e ós mestres dos fillos de Acab. Nelas dicíalles: 2‑"Cando vos chegue esta carta, xa que tedes convosco os fillos do voso señor, e tedes tamén os seus carros, os seus cabalos, unha cidade fortificada e armas, 3vede cal dos fillos do voso señor é o mellor e o máis xusto, sentádeo no trono do seu pai e dispoñédevos a loitar pola familia do voso señor". 4Eles, mortos de medo, dixeron: ‑"Se entre os dous reis non lle puideron facer fronte, ¿como lla faremos nós?"

5Entón o mordomo do pazo, o gobernador da cidade, os anciáns e os mestres mandáronlle dicir a Iehú: ‑"Nós somos todos servos teus e faremos o que nos mandes. Non elixiremos ningún rei. Fai ti como che pareza".

6Iehú escribiulles outra carta, na que dicía: ‑"Se vós estades comigo e me obedecedes, vinde onda min a Iezrael, mañá destas horas, e traédeme as cabezas dos fillos do noso señor". Os setenta fillos do rei estaban cos grandes da cidade, que os criaban. 7En recibindo eles a carta, colleron ós fillos do rei, mataron ós setenta, puxeron en cestos as cabezas e mandáronllas a Iehú, a Iezrael.

8Entrou onda el o recadeiro e anuncioulle: ‑"Trouxeron as cabezas dos fillos do rei". E el ordenou: ‑"Poñédeas en dous montóns, ás portas da cidade, ata mañá pola mañá". 9Pola mañá saíu Iehú, e en pé diante de toda a xente, dixo: ‑"Vós sodes inocentes. Eu conspirei contra o meu señor e mateino. Pero a todos estes ¿quen os matou? 10Vede como non cae polo chan ningunha das palabras que dixera o Señor contra a familia de Acab. O Señor cumpre o que dixo polo seu servo Elías".

11Iehú acabou tamén cos que quedaban da casa de Acab en Iezrael, os grandes, os parentes, os sacerdotes, sen deixar restos de ninguén. 12Despois colleu e foise a Samaría. Cando, polo camiño, chegaba a Bet-Équed-Haroim, 13atopouse Iehú cos irmáns de Ocozías, rei de Xudá, e preguntoulles: ‑"¿Vós, quen sodes?" Respondéronlle eles: ‑"Somos irmáns de Ocozías e imos visitar os fillos do rei e os fillos da raíña". 14Iehú ordenou: ‑"Collédeos vivos". Colléronos vivos, e logo esganáronos onda a balsa de Bet-Équed. Eran corenta e dous homes, e non quedou sequera un.

15Iehú seguiu máis adiante e encontrouse con Ionadab, fillo de Recab, que viña ó seu encontro. Iehú saudouno e preguntoulle: ‑"¿Es ti sincero comigo, coma o son eu contigo?" Ionadab respondeulle: ‑"Son". ‑"Entón dáme a man". El deulle a man, e Iehú gurrou del para o seu carro. 16E díxolle: ‑"Vén comigo e verás o meu celo polo Señor". E levouno con el no seu carro. 17Iehú entrou en Samaría e matou os que quedaban alí da casa de Acab, ata acabar con toda a familia, como dixera o Señor por medio de Elías.

18Despois reuniu Iehú ó pobo todo e faloulles: ‑"Acab serviu un pouco a Baal; Iehú servirao moito máis. 19Convocade onda min a todos os profetas de Baal, os seus adoradores e os seus sacerdotes. Que non falte ningún, porque quero ofrecer a Baal un gran sacrificio. Aquel que falte non vivirá". Iehú procedía arteiramente, para ver de acabar dunha vez con todos os adoradores de Baal.

20Logo ordenou: ‑"Convocade asemblea santa en honor de Baal". E convocárona. 21Iehú mandou recado por todo Israel, e viñeron todos os devotos de Baal, sen fallar nin sequera un. Reuníronse todos no santuario de Baal, que se encheu de parede a parede. 22Iehú ordenoulle ó garda do vestiario: ‑"Tira vestiduras para os devotos de Baal". E el tirou vestiduras para todos.

23Niso entrou Iehú con Ionadab, fillo de Recab, no templo de Baal e díxolles ós seus adoradores: ‑"Asegurádevos de que non hai entre vós ningún servidor do Señor, senón só os devotos de Baal". 24Entón comezaron a ofrecer sacrificios e holocaustos.

Iehú apostara fóra oitenta homes, con esta encomenda: ‑"O que deixe zafarse un destes homes que poño nas vosas mans, pagará por el coa súa vida". 25Cando acabaron de ofrecer o holocausto, Iehú mandou ós gardas e ós oficiais: ‑"Entrade e matádeos. Que non fuxa ningún". Os gardas e os oficiais matáronos a fío de espada, e despois botáronos fóra. Entraron logo no camarín de Baal, 26retiraron del a estela e queimárona, 27destruíron o altar de Baal, derrubaron o templo e convertérono en esterqueira, ata hoxe.

28Deste xeito foi como acabou Iehú con Baal en Israel. 29Pero Iehú non se afastou dos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel, cos becerros de ouro de Betel e de Dan. 30O Señor comunicoulle: ‑"Xa que tiveches un bo comportamento, facendo o que é xusto ós meus ollos, e trataches como eu decidira á familia de Acab, os teus fillos sentarán no trono de Israel, ata a cuarta xeración".

31Pero Iehú non procurou seguir a lei do Señor, Deus de Israel, con todo o seu corazón. Non se afastou dos pecados que Ieroboam fixera cometer a Israel. 32Entón empezou o Señor a minguar o territorio de Israel. Hazael bateuno en todas as fronteiras, 33des-de o Xordán cara ó nacente, cos territorios de Galaad, de Gad, de Rubén e de Menaxés, e desde Aroer, que está onda o Arnón, ademais de Galaad e de Baxán.

34O resto da historia de Iehú, os seus feitos e as súas fazañas, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 35Iehú adormeceu con seus pais, e enterrárono en Samaría. Sucedeulle no trono o seu fillo Ioacaz. 36Iehú reinara vinte e oito anos sobre Israel, en Samaría.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com