Capítulos 21-25

Menaxés de Xudá

 

Capítulo 21

 

1Menaxés tiña doce anos, cando empezou a reinar, e reinou cincuenta e dous anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Hefsibah.

2Fixo o mal ós ollos do Señor, arremedando as cousas abominables das nacións que desbotara o Señor de diante dos israelitas. 3Reconstruíu os altares dos outeiros, que destruíra seu pai Ezequías. Edificou altares a Baal, ergueu outra estela, coma a que fixera Acab, rei de Israel; axeonllouse e deu culto ó exército do ceo.

4Construíu altares no templo do Señor, do que o Señor mesmo dixera: ‑"En Xerusalén porei eu o meu nome". 5Construíu tamén altares para todo o exército do ceo nos dous adros do templo do Señor. 6Pasou a seu fillo polo lume; deuse ós agoiros e á maxia, practicou a nigromancia e a adiviñanza; fixo o mal de moitas maneiras ós ollos do Señor, provocando o seu noxo.

7A imaxe que fixera a Axtarté púxoa no templo, do que o Señor dixera a David e ó seu fillo Salomón: ‑"Neste templo, en Xerusalén, cidade que eu escollín, entre todas as tribos de Israel, porei eu para sempre o meu nome. 8Non volverei a consentir que os israelitas vaguen fóra da terra que eu dei a seus pais, con tal que fagan o que eu lles mandei, e que cumpran a lei que o meu servo Moisés lles prescribiu". 9Pero eles non obedeceron. Menaxés encirrounos a facer cousas peores cós pobos que desbotara o Señor de diante dos israelitas.

10O Señor dixo entón polos seus servos, os profetas: 11‑"Xa que Menaxés, rei de Xudá, fixo esas cousas tan abominables, portándose peor ca, antes del, os amorreos, e deu causa para que tamén Xudá pecase cos seus ídolos, 12por iso, isto di o Señor, Deus de Israel: vou traer sobre Xerusalén e sobre Xudá unha desgraza que, de grande, abouxará os oídos dos que a oian.

13Medirei Xerusalén co mesmo cordel co que medín primeiro Samaría, e coa chumbada que botei sobre a familia de Acab. Fregarei Xerusalén como se frega un prato, que despois de fregado se pon boca abaixo. 14Abandonarei o resto do meu herdo, e entregareinos nas mans dos seus inimigos, ós que servirán de presa e botín, 15xa que fixeron o mal ós meus ollos, e, desde o día en que tirei a seus pais de Exipto ata hoxe, non pararon de anoxarme".

16Ademais diso, Menaxés verteu moito sangue inocente, ata alagar con el Xerusalén dun cabo ó outro; e, por riba, os pecados que fixo cometer a Xudá, facendo o mal ós ollos do Señor.

17O resto da historia de Menaxés, todo o que fixo e os pecados que cometeu, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 18Menaxés adormeceu con seus pais, e enterrárano no xardín do seu pazo, o xardín de Uzá. Sucedeulle no trono o seu fillo Amón.

 

Amón de Xudá

 

19Amón tiña vinte e dous anos cando empezou a reinar. Reinou dous anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Mexulémet, filla de Harus, de Iotbah.

20Fixo o mal ós ollos do Señor, como fixera seu pai Menaxés. 21Seguiu o camiño de seu pai; adorou e deu culto ós mesmos ídolos. 22Abandonou ó Señor, Deus de seus pais, e non seguiu os seus vieiros. 23Os cortesáns de Amón conspiraron contra el e matárono no seu pazo. 24Mais a xente do país matou a todos os que conxuraran contra o rei, e proclamaron sucesor ó seu fillo Ioxías.

25O resto da historia de Amón e os seus feitos ¿non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 26Enterrárono no seu túmulo, no xardín de Uzá. Sucedeulle no trono o seu fillo Ioxías.

 

Ioxías de Xudá

 

Capítulo 22

 

1Ioxías tiña oito anos cando empezou a reinar. Reinou trinta e un anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Iedidah, filla de Adaías, de Boscat. 2Fixo o que é debido ós ollos do Señor, andou polo camiño de seu pai David, sen desviarse nin á dereita nin á esquerda.

3No ano dezaoito do seu reinado mandou Ioxías o secretario Xafán, fillo de Asalías, fillo de Mexulam, ó templo do Señor, con este encargo: 4‑"Vai onda o sumo sacerdote Hilquías, que colla o diñeiro ingresado no templo do Señor, recollido da xente polos gardas da entrada, 5e que llelo entregue ós capataces encargados das obras do templo do Señor, para que estes paguen ós que traballan na reparación das avarías do edificio, 6carpinteiros, canteiros e albaneis, e para mercar a madeira e a pedra de cantería que requiran as obras. 7Que non se lles pidan contas do diñeiro que lles encomendan, pois son xente de fiar".

 

O libro da Lei

 

8O sumo sacerdote Hilquías díxolle ó secretario Xafán: ‑"Atopei o libro da Lei no templo do Señor". Hilquías entregoulle o libro a Xafán, e este leuno. 9O secretario Xafán foi onda o rei, para darlle conta do feito: ‑"Os teus servidores recolleron o diñeiro que había no templo e entregáronllelo ós capataces, encargados das obras do templo do Señor". 10E despois o secretario Xafán deulle a nova ó rei: ‑"O sacerdote Hilquías deume este libro". E Xafán leuno alí, diante do rei.

11Cando oíu o rei as palabras do libro da Lei, rachou as súas vestiduras 12e mandou ó sacerdote Hilquías, a Ahicam, fillo de Xafán, a Acbor, fillo de Miqueas, ó secretario Xafán e a Asaías, oficial do rei: 13‑"Ide consultar o Señor, por min, polo pobo e por todo Xudá, sobre o contido deste libro que atoparon. Moi grande ten que ser a carraxe do Señor, acesa contra nós, porque os nosos pais non fixeron caso das palabras deste libro e non cumpriron o que está escrito nel".

14Foron o sacerdote Hilquías, Ahicam, Acbor, Xafán e Asaías onda a profetisa Huldah, muller de Xalum, garda do vestuario, fillo de Ticvah, fillo de Harhás. Vivía no segundo barrio de Xerusalén. Falaron con ela, 15e ela respondeulles: ‑"Isto di o Señor, Deus de Israel:

16Dicídelle a quen vos mandou onda min que isto di o Señor: vou traer sobre este lugar e sobre os seus moradores unha desgraza: todas esas maldicións que están no libro que leu o rei de Xudá. 17Visto que eles me abandonaron a min e queimaron incenso a outros deuses, provocándome coas obras das súas mans, a miña carraxe está ardendo contra este lugar, e non se apagará.

18E ó rei de Xudá, que vos mandou consultar o Señor, dicídelle: isto di o Señor, Deus de Israel: xa que, cando oíches ler o libro, 19se che conmoveu o corazón e te humillaches diante do Señor, e xa que cando oíches o que eu dixen contra este lugar e contra os seus moradores, que se verían todos convertidos en espanto e en maldición, ti rachaches as vestiduras e choraches diante de min, por iso tamén eu te escoito a ti. Palabra do Señor.

20Polo mesmo, cando eu te recolla con teus pais, levarante en paz ó teu sartego. Os teus ollos non terán que ver a desgraza que traerei contra este lugar". Os enviados deron volta e informaron ó rei.

 

Reforma de Ioxías

 

Capítulo 23

 

1O rei mandou entón que se reunisen con el os anciáns todos de Xudá e de Xerusalén. 2Despois subiu ó templo do Señor, con todos os homes de Xudá e os veciños de Xerusalén, os sacerdotes, os profetas e o pobo todo, os pequenos e os grandes, e leu diante deles o libro da alianza atopado no templo do Señor.

3De pé sobre o estrado, o rei concluíu logo a alianza diante do Señor, comprometéndose a seguir o Señor, a cumprir os seus mandatos, as súas normas e as súas leis, de todo corazón e con toda a alma, e a mantés as cláusulas da alianza escritas neste libro. O pobo todo confirmou a alianza.

4Despois mandou o rei ó sumo sacerdote Hilquías, ós sacerdotes de segunda orde e ós gardas da entrada, que botasen fóra do santuario do Señor todos os trebellos dedicados ó culto de Baal, de Axtarté e de todo o exército do ceo. Fíxoos queimar fóra de Xerusalén, no agro do Cedrón, e fixo levar as súas cinsas a Betel.

5O rei depuxo os sacerdotes que nomearan os reis de Xudá para ofrecer incenso nos altares dos outeiros, nas cidades de Xudá e nos arredores de Xerusalén; queimaban incenso a Baal, ó sol, á lúa, ós  sinais do zodíaco e a todo o exército do ceo. 6Fixo tirar do templo do Señor, para fóra de Xerusalén, a imaxe de Axtarté e queimouna no val do Cedrón. Reduciuna a cinsa, que botou na fosa común.

7Derrubou as habitacións dos consagrados á prostitución, que había no templo do Señor, onde as mulleres tecían panos para Axtarté. 8Fixo vir a todos os sacerdotes das cidades de Xudá e profanou os altares dos outeiros, onde os sacerdotes ofrecían incenso, desde Gueba ata Beerxeba. Destruíu o altar dos sátiros, que había na porta de Xosué, gobernador da cidade, á man esquerda da entrada. 9Os sacerdotes dos santuarios dos outeiros non podían subir ó altar do Señor en Xerusalén; pero comían dos pans ácimos igual cós seus irmáns.

10O rei profanou tamén Tófet, no val de Benhinnom, para que ninguén pasase alí polo lume a seu fillo ou a súa filla en honor de Moloc. 11Fixo desaparecer os cabalos que os reis de Xudá dedicaran o sol, á entrada do templo do Señor, onda a cámara do eunuco Natanmélec, nos anexos do templo, e queimou o carro do sol. 12Derrubou tamén o rei os altares que ergueran os reis de Xudá, na azotea da cámara de Acaz, e os altares que puxera Menaxés nos dous adros do templo do Señor; esborrallounos e tirou o seu po no torrente Cedrón.

13O rei profanou aínda os altares dos outeiros de enfronte de Xerusalén, ó sur do monte das Oliveiras, construídos por Salomón, rei de Israel, en honor de Axtarté, ídolo abominable dos sidonios, de Kemox, ídolo dos moabitas, e de Moloc, ídolo dos amonitas. 14Rompeu as estelas, quebrou as imaxes de Axtarté e encheu de ósos humanos os seus lugares. 15Destruíu, ademais, o altar de Betel e o altar que fixera Ieroboam, fillo de Nabat, co que fixera pecar a Israel. Destruíu o templo, o altar e mais o santuario; reduciuno a cinsa e queimou tamén a imaxe de Axtarté.

16Ioxías volveu os ollos e viu os sartegos que se estendían polo monte; mandou coller os ósos que había neles e queimounos enriba do altar, para profanalo, conforme a palabra do Señor, proclamada polo home de Deus que anunciara estas cousas.

17Despois o rei preguntou: ‑"¿Que monumento é ese que estou vendo?". A xente da cidade respondeulle: ‑"É o sartego do home de Deus, que viñera de Xudá e anunciara as cousas que acabas de facer sobre o altar de Betel". 18E o rei mandou: ‑"Deixádeo; que ninguén remova os seus ósos". Dese xeito, os seus ósos conserváronse cos ósos do profeta que viñera de Samaría.

19Ioxías fixo desaparecer os santuarios todos dos outeiros das cidades de Samaría, construídos polos reis de Israel para anoxar o Señor, e fixo con eles o que fixera primeiro en Betel. 20Sacrificou sobre os altares os sacerdotes dos outeiros que había alí; queimou ósos humanos enriba deles.

 

A Pascua e o remate da reforma

 

Despois o rei regresou a Xerusalén, 21e deulle ó pobo soamente esta orde: ‑"Celebrade a Pascua, en honor do Señor, voso Deus, conforme está escrito neste libro da alianza". 22Non se celebrara unha Pascua coma ela, desde os días en que os Xuíces xulgaban Israel, nin tampouco no tempo dos reis de Israel e de Xudá. 23Foi no ano dezaoito do reinado de Ioxías, cando se celebrou esa Pascua en honra do Señor, en Xerusalén.

24Ioxías acabou tamén cos nigromantes e os agoireiros, e igualmente cos ídolos, cos fetiches, e con todas as cousas abominables que se vían en Xudá e en Xerusalén, para cumprir as palabras da Lei, escritas no libro que achara o sacerdote Hilquías no templo do Señor. 25Antes de Ioxías non houbera rei ningún, nin veu outro despois, que se convertese ó Señor coma el, de todo corazón, con toda a alma e con todas as forzas, en todo conforme coa Lei de Moisés.

26Con todo e iso, o Señor non se aplacou do grande noxo que collera contra Xudá, polo moito que o aldraxara Menaxés. 27E por iso dixo o Señor:

‑"Botarei a Xudá da miña presenza,

como botei a Israel.

Rexeitarei Xerusalén,

a cidade que eu escollera,

e o templo do que dixera

que alí estaría o meu Nome".

28O resto da historia de Ioxías e todo o que fixo, ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá?

 

Morte de Ioxías

 

29No seu tempo rubiu o faraón Nekó, rei de Exipto, cara ó Éufrates, para axudar ó rei de Asiria. O rei Ioxías saíulle ó paso, e Nekó matouno, no primeiro encontro, en Meguido.

30Os seus servidores puxeron o cadáver no seu carro, en Meguido, e levárono a Xerusalén; e enterrárono no seu sartego. A xente do país colleu a Ioacaz, fillo de Ioxías, unxírono e proclamárono sucesor de seu pai.

 

Ioacaz de Xudá

 

31Ioacaz tiña vinte e tres anos cando empezou a reinar. Reinou tres meses en Xerusalén. A súa nai chamábase Hamutal, filla de Xeremías, de Libnah. 32Fixo o mal ós ollos do Señor, o mesmo que fixeran os seus pais.

33O faraón Nekó prendeuno en Riblah, territorio de Hamat, para que non reinase en Xerusalén, e impúxolle ó país un tributo de cen talentos de prata e un de ouro. 34O faraón Nekó puxo por rei a Eliaquim, fillo de Ioxías, no lugar de Ioxías, seu pai. Cambioulle o nome por Ioaquim, e a Ioacaz levouno para Exipto, onde morreu.

 

Ioaquim de Xudá

 

35Ioaquim pagoulle ó faraón o tributo de prata e de ouro. Pero, para poder darlle ó faraón o que pedira, tivo que imporlle ó pobo unha contribución. Cada un aportou o que lle foi taxado en prata e ouro, para pagarlle ó faraón.

36Ioaquim tiña vinte e cinco anos cando empezou a reinar, e reinou once anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Zebidah, filla de Pedaías, de Rumah. 37Fixo o mal ós ollos do Señor, coma fixeran seus pais.

 

Invasión de Nabucodonosor

 

Capítulo 24

 

1Nos seus días subiu Nabucodonosor, rei de Babilonia, e Ioaquim quedou sometido por tres anos. Pero, ó cabo deles, revirouse.

2Entón mandou o Señor contra el bandas de caldeos e de arameos, de moabitas e de amonitas. Mandounas contra Xudá, para destruíla, conforme a palabra que dixera o Señor polos seus servos os profetas. 3Iso aconteceulle a Xudá certamente por orde do Señor. Quería desbotala da súa presenza, polos pecados que cometera Menaxés, 4e polo sangue inocente que vertera, ata encher del Xerusalén. Por iso o Señor non quixo perdoar.

5O resto da historia de Ioaquim e todos os seus feitos, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 6Ioaquim adormeceu con seus pais, e sucedeulle no trono o seu fillo Ioaquim. 7O rei de Exipto non volveu saír do seu país, porque o rei de Babilonia apoderárase de todos os territorios que eran do rei de Exipto, desde o torrente de Exipto ata o Éufrates.

 

Ioaquim de Xudá

 

8Ioaquim tiña dezaoito anos cando empezou a reinar. Reinou tres meses en Xerusalén. A súa nai chamábase Nehuxtá, filla de Elnatán, de Xerusalén. 9Fixo o mal ós ollos do Señor, como fixeran seus pais.

 

O primeiro desterro

 

10No seu tempo subiron os oficiais de Nabucodonosor, rei de Babilonia, contra Xerusalén e cercárona. 11Mentres os seus oficiais mantiñan o cerco, veu á cidade Nabucodonosor, rei de Babilonia.

12Entón Ioaquim, rei de Xudá, rendeuse o rei de Babilonia, xunto con súa nai, os seus oficiais, os seus xenerais e os seus servidores. O rei de Babilonia levouno prisioneiro. Era o oitavo ano do seu reinado.

13Nabucodonosor levou de alí tamén os tesouros do templo do Señor e os do pazo real, e destruíu os obxectos de ouro que fixera para o templo Salomón, rei de Israel, seguindo a orde do Señor.

14Nabucodonosor desterrou todo Xerusalén, os xefes, a xente toda de renome, dez mil desterrados: os ferreiros e os cerralleiros; non quedou máis cá xente pobre. 15Levou prisioneiro a Babilonia a Ioaquim, á nai do rei, ás súas mulleres, á súa servidume, ós grandes do país. Levounos a todos prisioneiros, de Xerusalén para Babilonia.

16Tamén levou á xente de renome, sete mil; os ferreiros e os cerralleiros, mil; os homes de valor, que servían para a guerra. Nabucodonosor levounos prisioneiros para Babilonia. 17O rei de Babilonia puxo por rei, no posto de Ioaquim, ó seu tío Matanías, cambiándolle o nome polo de Sedecías.

 

Sedecías en Xudá

 

18Sedecías tiña vinte e un anos cando empezou a reinar. Reinou once anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Hamutal, filla de Xeremías, de Libnah.

19Sedecías fixo o mal ós ollos do Señor, o mesmo ca Ioaquim. 20O que lle aconteceu a Xerusalén e a Xudá, foi polo noxo do Señor, que acabou por botalos da súa presenza. Sedecías revirouse contra o rei de Babilonia.

 

A caída de Xudá e o desterro

 

Capítulo 25

 

1No ano noveno do reinado de Sedecías, o día dez do décimo mes, chegou Nabucodonosor, rei de Babilonia, con todo o seu exército contra Xerusalén. Acampou enfronte da cidade e construíu un muro de cerco ó arredor. 2A cidade estivo cercada ata o ano once do reinado de Sedecías. 3O día nove do cuarto mes, a fame apertaba moito na cidade e a xente non tiña de que comer.

4Entón abriuse unha fenda no muro da cidade, e os soldados fuxiron de noite, pola porta que está entre os dous muros, ó pé do xardín do rei, e fóronse polo camiño da estepa, mentres os caldeos cercaban a cidade. 5As forzas dos caldeos perseguiron o rei e atrapárono nas estepas de Xericó, mentres os seus soldados se espallaban por todos os lados.

6Atrapado o rei, leváronllo ó rei de Babilonia, a Riblah, e alí sentenciárono. 7Os fillos de Sedecías esganáronos diante del, e a Sedecías mesmo cegárono, puxéronlle cadeas de ferro e levárono a Babilonia.

8O día sete do quinto mes, dentro do ano dezaoito do reinado de Nabucodonosor en Babilonia, chegou a Xerusalén Nebuzardán, xefe da garda e servidor do rei de Babilonia, 9e púxolle lume ó templo do Señor e ó pazo real, e queimou igualmente os pazos todos de Xerusalén e as casas grandes da cidade. 10O exército caldeo, ás ordes do xefe da garda, derrubou a muralla que rodeaba Xerusalén.

11Nebuzardán, xefe da garda, desterrou o resto da xente que quedara na cidade, os que se pasaran xa ó rei de Babilonia e o resto da multitude. 12Da xente pobre do país deixou o xefe da garda uns poucos, para viñateiros e labregos.

13Os caldeos romperon as columnas de bronce, os baseamentos e o Mar de Bronce, que había no templo do Señor, e levaron o bronce para Babilonia. 14Colleron tamén os cinseiros, as pas, os coitelos, as copas e todos os obxectos de bronce que servían para o culto. 15O xefe da garda colleu tamén os braseiros e os aspersorios, o ouro co ouro e a prata coa prata.

16O peso do bronce das dúas columnas, do Mar de Bronce, dos baseamentos e dos obxectos todos que fixera Salomón para o templo do Señor, non se podía avaliar. 17Unha columna medía nove metros de altura, e enriba dela levaba un capitel de bronce, de metro e medio de alto e, por parte, os trenzados e as granadas, arredor dos capiteis, todo en bronce. E o mesmo a outra columna.

18O xefe da garda levou prisioneiro ó sumo sacerdote Saraías, a Sefanías, segundo sacerdote, e os tres gardas da entrada. 19Da cidade levou tamén preso un oficial, que era xefe do exército, cinco homes do servizo persoal do rei, que se atopaban na cidade, o secretario do xefe do exército, que recrutaba os soldados no pobo, e a sesenta persoas do pobo común, que se achaban tamén na cidade.

20Nebuzardán, xefe da garda, colleunos a todos presos e levounos a Riblah, diante do rei de Babilonia. 21O rei de Babilonia mandounos matar en Riblah, no país de Hamat. Xudá foi, dese xeito, levado á catividade, lonxe da súa terra.

 

Guedalías, gobernador de Xudá

 

22Guedalías, fillo de Ahicam, fillo de Xafán, foi nomeado gobernador da xente que quedara en Xudá, a que deixara alí Nabucodonosor, rei de Babilonia. 23Cando os xefes do exército e os seus homes oíron que o rei de Babilonia fixera gobernador a Guedalías, foron a Mispah, onda el. Eran Ismael, fillo de Netanías, Iohanán, fillo de Caréah, Seraías, fillo de Tanhúmet, de Netofah, e Iazanías, fillo de Macah, todos eles cos seus homes. 24Guedalías xuroulles, a eles e ós seus homes: ‑"Non teñades medo de sometervos ós caldeos. Vivide no país e obedecede ó rei de Babilonia. Iravos a todos ben".

25Mais sucedeu que, ós sete meses, chegou Ismael, fillo de Netanías, fillo de Elixamá, de sangue real, con dez homes, e feriu de morte a Guedalías, e tamén ós xudeus e ós caldeos que estaban en Mispah con el. 26A xente toda, os grandes e os pequenos, cos xefes dos soldados, colleron e, por medo dos caldeos, escaparon para Exipto.

 

Graza para Ioaquim

 

27O ano trinta e sete do desterro de Ioaquim, rei de Xudá, o día vinte e sete do mes doce, Evil Merodac, rei de Babilonia, no primeiro ano do seu reinado, concedeulle graza a Ioaquim, rei de Xudá, e tirouno da cadea. 28Faloulle benevolamente e puxo o seu trono por riba dos dos outros reis, que estaban con el en Babilonia. 29Mudoulle as roupas de preso e púxoo a comer á súa mesa, por todos os días da súa vida. 30O sustento de cada día quedoulle asegurado polo rei para mentres vivise.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com