Capítulos 16-20

Acaz de Xudá

 

Capítulo 16

 

1No ano dezasete de Pécah, fillo de Remalía, empezou a reinar en Xudá Acaz, fillo de Iotam. 2Tiña vinte anos cando subiu ó trono e reinou vinte anos en Xerusalén.

3Non fixo o que é debido ós ollos do Señor, seu Deus, coma seu pai David. Foi polo camiño dos reis de Israel. Sacrificou mesmo na fogueira ó seu fillo, seguindo o abominable costume dos pobos que o Señor expulsara de diante dos israelitas. 4Ofreceu sacrificios e queimou incenso nos outeiros, nos cotarelos e debaixo de toda árbore vizosa.

5No seu tempo Resín, rei de Aram, e Pécah, fillo de Remalía, rei de Israel, subiron para atacar Xerusalén. Cercárona, mais non a puideron conquistar. 6Por aquel mesmo tempo o rei de Edom recuperou Eilat, desbotando de alí a Xudá. Os edomitas entraron en Eilat e quedaron alí ata o día de hoxe.

7Acaz mandou mensaxeiros a Teglatpeléser, rei de Asiria, para dicirlle: ‑"Son o teu servo e o teu fillo. Ven e líbrame do poder do rei de Aram e do rei de Israel, que se ergueron en contra miña". 8Acaz botou man da prata e do ouro, que había no templo do Señor e no tesouro do pazo real, e mandoullo coma agasallo ó rei de Asiria. 9O rei de Asiria atendeuno e subiu contra Damasco. Tomou a cidade, desterrou ós seus habitantes a Quir e matou a Resín.

10O rei Acaz foi a Damasco, para encontrarse con Teglatpeléser, rei de Asiria. O ver o altar que había alí, Acaz mandoulle ó sacerdote Urías un debuxo do mesmo, cos datos da súa feitura. 11O sacerdote Urías construíu un altar, seguindo as instrucións que lle mandara o rei desde Damasco. Antes de o rei volver, o sacerdote tíñao todo acabado.

12A súa volta de Damasco o rei viu o altar, achegouse e subiu a el 13e queimou enriba del o holocausto e a ofrenda, verteu unha libación e salferiu o altar co sangue dos sacrificios de comuñón que ofrecera. 14O altar de bronce que estaba diante do Señor, guindouno da fronte do templo, de entre o templo e o altar novo, e púxoo do lado norte do altar novo.

15Despois o rei Acaz deulle ó sacerdote Urías estas normas: ‑"Enriba deste altar grande queimarás o holocausto da mañá e a ofrenda da tarde, o holocausto e a ofrenda do rei, o holocausto e a ofrenda do pobo. Por riba del verterás las súas libacións e o sangue de todo holocausto e sacrificio. O altar de bronce déixao quedar da miña conta". 16O sacerdote Urías fixo todo o que lle mandaba o rei Acaz.

17O rei Acaz fixo, pola súa parte, arrincar as molduras dos baseamentos e tirou de enriba delas as pías; baixou o Mar de Bronce de riba dos touros de bronce que o sostiñan, e asentouno no pavimento de pedra. 18Por mor tamén do rei de Asiria, retirou do templo do Señor a tribuna real que puxeran alí, e suprimiu a entrada exterior pensada para o rei.

19O resto da historia de Acaz e os seus feitos, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 20Acaz adormeceu con seus pais, e enterrárono onda eles, na cidade de David. Sucedeulle no trono o seu fillo Ezequías.

 

Oseas, rei de Israel

 

Capítulo 17

 

1No ano doce do reinado de Acaz en Xudá empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, Oseas, fillo de Elah. Reinou nove anos. 2Fixo o mal ós ollos do Señor, mais non coma os reis de Israel que o precederan.

3Xalmanasar, rei de Asiria, rubiu para atacalo; pero Oseas sometéuselle e pagoulle tributo. 4Máis tarde o rei de Asiria descubriu que Oseas se revolvera contra el, pois mandara mensaxeiros a So, rei de Exipto, e non pagaba ó rei de Asiria o tributo, coma todos os anos. Entón o rei de Asiria prendeuno e púxoo na cadea.

5Despois o rei de Asiria invadiu o país enteiro e cercou Samaría por tres anos. 6No ano noveno de Oseas, o rei de Asiria conquistou Samaría e desterrou os israelitas a Asiria. Instalounos en Halah, onda o Habor, río de Gozán, e nas cidades de Media.

 

As razóns da catividade de Israel

 

7Iso aconteceu porque os israelitas pecaron contra o Señor, seu Deus, que os tirara de Exipto, do xugo do faraón, rei de Exipto; pero eles adoraron outros deuses. 8Seguiron os costumes das nacións que o Señor expulsara de diante deles, costumes que os reis de Israel introduciron.

9Os israelitas fixeron o mal na presenza do Señor, seu Deus: construíron altares idolátricos en todos os seus poboados, desde torres de vixilancia ás cidades fortificadas, 10e ergueron estelas e imaxes de Axtarté en todos os outeiros e debaixo de toda árbore vizosa. 11Alí queimaron incenso, coma as nacións que o Señor expulsara de diante deles; cometeron maldades, que provocaron o noxo do Señor. 12Deron culto ós ídolos, feito do que tiña dito o Señor: ‑"Non fagades tal cousa".

13O Señor advertira a Israel e a Xudá polos profetas e os videntes: ‑"Deixádevos dos malos camiños e gardade os mandamentos, os preceptos e as leis, que eu prescribín ós vosos pais e que vos inculquei a vós polos meus servos os profetas".

14Pero eles non obedeceron. Fixéronse testáns, o mesmo cós seus pais, que non confiaran no Señor, seu Deus. 15Rexeitaron os seus mandatos, a alianza que el concluíra con seus pais, e os avisos que lles dera. E fóronse detrás de vaidades, facéndose vans eles mesmos, e coas xentes dos seus arredores, aínda que o Señor lles mandara que non fixesen coma eles. 16Deixaron os mandamentos do Señor, seu Deus, e fixéronse ídolos de metal fundido, dous becerros e unha estela; axeonlláronse perante todo o exército dos astros e déronlle culto a Baal. 17Sacrificaron no lume os seus fillos e as súas fillas. Practicaron artes de mal agoiro e bruxerías, vendéronse, facendo o mal ós ollos do Señor, provocando a súa carraxe.

18O Señor anoxouse tanto contra Israel, que o desbotou da súa presenza. Non quedou máis cá tribo de Xudá; 19mesmo tampouco Xudá gardou os mandatos do Señor, seu Deus, e imitou a conduta de Israel. 20O Señor rexeitou a liñaxe de Israel, aflixiunos e entregounos nas mans dos seus espoliadores, e botounos da súa presenza.

21Israel afastárase da familia de David e elixira por rei a Ieroboam, fillo de Nabat. E Ieroboam desviara a Israel do culto do Señor e fixéralle cometer graves pecados. 22Os israelitas imitaron os pecados que cometera Ieroboam, sen arredarse en nada del, 23ata que Deus os botou da súa presenza, como llo tiña advertido polos seus servos os profetas. Israel foi deportado da súa terra para Asiria, onde está ata hoxe.

24O rei de Asiria trouxo alí xentes de Babilonia e de Cutah, de Avá, Hamat e Sefarvaim, e asentounas nas cidades de Samaría, no lugar dos israelitas. Esas xentes tomaron posesión de Samaría e establecéronse alí, nas súas cidades. 25Desde o comezo do seu asentamento non recoñeceron ó Señor, e o Señor enviou leóns, que mataron a moitos deles.

26Daquela fixéronlle saber ó rei de Asiria: ‑"As xentes que transferiches, para asentalas nas cidades de Samaría, non coñecen o culto do deus do país. Este manda leóns que os matan, porque eles non coñecen o seu culto". 27Entón deu o rei de Asiria esta orde: ‑"Levade un dos sacerdotes desterrados, que se estableza alí e que lles aprenda o culto do Deus do país". 28Axiña veu un dos sacerdotes desterrados de Samaría, estableceuse en Betel e aprendíalles a maneira de dar culto ó Señor.

29Pero cada un daqueles pobos fixo os seus deuses e puxéronos nos outeiros que os samaritanos construíran, cada pobo na mesma cidade en que asentaran. 30Os de Babilonia fixeron unha imaxe de Succot-Benot, os de Cut unha de Nergal, os de Hamat a de Aximá, 31os de Avá a de Nibhaz e a de Tartac, os de Sefarvaim sacrificaban no lume os seus fillos en honor de Adramélec e de Anamélec, que eran os seus deuses.

32Tamén daban culto ó Señor e escolleron sacerdotes de entre a xente común, para que ofrecesen sacrificios por eles nos outeiros. 33Veneraban o Señor e, ó mesmo tempo, os seus deuses, conforme os ritos do país de onde viñeran desterrados. 34Ata o día de hoxe seguen practicando os ritos máis antigos. Non temen o Señor e non viven conforme os seus mandatos, os seus estatutos e a súa lei e ós preceptos que o Señor prescribira ós fillos de Xacob, a quen puxera por nome Israel.

35O Señor fixera con eles un pacto e prescribíralles: ‑"Non temeredes outros deuses, non os adoraredes, non os serviredes, non lles ofreceredes sacrificios. 36Temeredes o Señor, que con moito poder do seu forte brazo vos tirou do país de Exipto. Soamente a El adoraredes e ofrecerédeslle os vosos sacrificios. 37Cumpride talmente, toda a vida, os seus mandamentos e os seus estatutos, a súa lei e os seus preceptos, os que El vos deu por escrito. E non adoredes outros deuses. 38Non esquezades a Alianza que eu fixen convosco adorando outros deuses. 39Adorade soamente ó Señor, voso Deus, e El libraravos do poder de todos os vosos inimigos".

40Mais eles non o obedeceron, senón que seguiron vivindo segundo os antigos costumes. 41Dese xeito, aquela xente adoraba ó Señor e, ó mesmo tempo, dáballes culto ós seus ídolos. Os seus fillos e os seus netos seguen facendo o mesmo cós seus pais, ata o día de hoxe.

 

O REINO DE XUDÁ ATA O DESTERRO

 

Ezequías de Xudá

 

Capítulo 18

 

1Ezequías, fillo de Acaz, empezou a reinar en Xudá no ano terceiro do reinado de Oseas, fillo de Elah, en Israel. 2Tiña vinte e cinco anos cando subiu ó trono e reinou vinte e nove anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Abí, filla de Zacarías.

3Fixo o que é debido ós ollos do Señor, seguindo o exemplo do seu pai David. 4Suprimiu os altares dos outeiros, rompeu as estelas, fanou as imaxes de Axtarté e quebrou a serpente de bronce que erguera Moisés, porque os israelitas seguían aínda nos seus días queimándolle incenso. Chamábanlle Nehuxtán.

5Ezequías puxo a súa esperanza no Señor, Deus de Israel. Non houbo outro coma el entre os reis que lle sucederon en Xudá, coma non o houbera entre os que lle precederan. 6Estivo apegado ó Señor e non se afastou del, cumprindo os preceptos que o Señor lle prescribira a Moisés.

7O Señor estivo con el e fixo prosperar todos os seus proxectos. Revirouse contra o rei de Asiria e deixou de pagarlle vasalaxe. 8Derrotou os filisteos ata Gaza e devastou o seu territorio, desde as torres de vixía ata as cidades fortificadas.

 

Lembranza da destrución de Samaría

 

9No ano cuarto do reinado de Ezequías, que era o sétimo do reinado de Oseas, fillo de Elah, en Israel, rubiu Xalmanasar, rei de Asiria, contra Samaría e cercouna. 10O cabo de tres anos, no ano sexto de Ezequías, que corresponde co noveno do reino de Oseas en Israel, conquistouna. 11O rei asirio desterrou os israelitas para Asiria e instalounos en Halah, onda o Habor, río de Gozán, e nas cidades de Media. 12Foi por non obedeceren eles ó Señor, o seu Deus, e por  quebraren o seu pacto. Non lle fixeron caso nin cumpriron o que lles mandara Moisés, servo do Señor.

 

Invasión de Senaquerib e cerco de Xerusalén

 

13No ano catorce do reinado de Ezequías, rubiu Senaquerib, rei de Asiria, contra todas as cidades fortificadas de Xudá e conquistounas. 14Entón Ezequías, rei de Xudá, mandou a Láquix a dicirlle ó rei de Asiria: ‑"Recoñézome culpable. Retírate, e pagareiche o que me impoñas".

O rei de Asiria impúxolle a Ezequías, rei de Xudá, un pago de trescentos siclos de prata e de trinta de ouro. 15Ezequías entregoulle a prata toda que había no templo do Señor e no tesouro do pazo real. 16Naquela ocasión tivo Ezequías que arrincar as follas das portas do santuario de Señor e o ouro co que el mesmo recubrira os seus marcos, e darllo todo ó rei de Asiria.

17O rei de Asiria mandou desde Láquix o xefe do exército, o xefe dos seus servidores e o copeiro maior, cun forte destacamento, para que fosen a Xerusalén, onda o rei Ezequías. Cando chegaron a Xerusalén, detivéronse onda a canle da balsa de arriba, que queda no camiño do campo do Bataneiro. 18Chamaron polo rei, e saíronlles Eliaquim, fillo de Hilquías, mordomo do pazo, Xébnah, o secretario, e o cronista Ioah, fillo de Asaf.

19Díxolles o copeiro maior: ‑"Dicídelle a Ezequías: isto di o gran rei, o rei de Asiria: ¿en que apoias a túa confianza? 20¿Pensas que as palabras dos beizos son estratexia e forza para a guerra? ¿En que confías agora, para te repoñeres contra min? 21Ben seguro que estás confiando no apoio desa cana rota de Exipto. O que se apoia nela crávaselle na man e atrevésalla. Iso é o faraón, rei de Exipto, para os que fían nel.

22Pero se dicides: confiamos no Señor, noso Deus, ¿non eran seus os outeiros e os altares que derrubou Ezequías, mandándolle a Xudá e a Xerusalén que adorasen soamente diante do altar de Xerusalén? 23Fai agora mesmo esta aposta co meu señor, o rei de Asiria: douche dous mil cabalos, se tes homes que os monten.

24¿Como poderías resistir a calquera dos máis pequenos entre os oficiais do meu señor, confiado en que Exipto che dea carros e xinetes? 25Pero, ademais, ¿pensas que eu rubín a este lugar para arrasalo, sen contar co Señor? O Señor ordenoume: rube contra esa terra e arrásaa".

26Eliaquim, fillo de Hilquías, e Xébnah, fillo de Ioah, pedíronlle ó copeiro maior: ‑"Fálanos, por favor, en arameo, que o entendemos, mais non nos fales en xudeu, e que oia a xente que está por riba das murallas". 27A iso respondeulles o copeiro maior: ‑"¿Pensades que o meu señor me mandou dicir estas cousas soamente ó voso amo e a vós, e non tamén á xente que está sobre das murallas, que terá que comer convosco o seu propio esterco e beber os seus mexos?".

28E entón ergueuse o copeiro maior e berrou na lingua dos xudeus: ‑"Escoitade a palabra que vos di o gran rei, o rei de Asiria: 29non vos deixedes enganar por Ezequías, que non vos poderá librar das miñas mans. 30Que Ezequías non vos faga confiar no Señor, dicindo: de certo nos librará o Señor e non entregará esta cidade no poder do rei de Asiria. 31Non lle fagades caso a Ezequías. Isto é o que vos aconsella o rei de Asiria: facede as paces comigo e sometédevos a min, e cada un poderá comer da súa viña e da súa figueira e beber auga do seu pozo, 32ata que veña eu para levarvos a un país coma o voso, terra de trigo e de mosto, terra de pan e de viño, terra de aceite e de mel. Viviredes e non morreredes. Non lle fagades caso a Ezequías, que vos engana, dicindo: o Señor hanos librar.

33¿Houbo algún, entre os deuses das nacións, que librase a súa terra do poder do rei de Asiria? 34¿Onde están os deuses de Hamat e de Arpad? ¿Onde os de Sefarvaim, de Hená e de Avá? ¿Librou alguén da miña man a Samaría? 35¿Cal de entre todos os deuses deses países librou da miña man a súa terra? ¿E vai o Señor librar agora Xerusalén da miña man?"

36A xente calou e non lle respondeu unha palabra, pois o rei mandara que non lle respondesen. 37Eliaquim, fillo de Hilquías, mordomo do pazo, Xébnah, o secretario, e Ioah, fillo de Asaf, o cronista, presentáronse onda Ezequías coas vestiduras rachadas, e referíronlle todo o que dixera o copeiro maior.

 

Embaixada a Isaías

 

Capítulo 19

 

1Cando o rei Ezequías o oíu, rachou as súas vestiduras e vestiuse de saco, e entrou no templo do Señor. 2Despois mandou a Eliaquim, mordomo do pazo, a Xébnah, o secretario, e ós sacerdotes e ós anciáns, todos vestidos de saco, onda o profeta Isaías, fillo de Amós. 3‑"Isto di Ezequías: hoxe é un día de angustia, de castigo e de vergonza. Os nenos están para nacer e non hai forza para parilos. 4Quizais o Señor, o teu Deus, escoitou as palabras do copeiro maior, a quen o seu amo, o rei de Asiria, mandou para aldraxar o Deus vivo, e quizais o castigue o Señor, teu Deus, polas palabras que escoitou. Ti reza por este resto que queda aínda".

5Os servidores do rei Ezequías foron onda Isaías, 6e este mandoulles: ‑"Dicídelle ó voso amo que isto di o Señor: non te acovardes polas palabras que oíches, coas que os criados do rei de Asiria me aldraxaron. 7Eu vou pór nel un espírito, e cando lle chegue unha nova, volverase cara á súa terra, e alí fareino caer a fío de espada".

8O copeiro maior regresou e encontrouse co rei de Asiria combatendo contra Líbnah. Oíra xa que o rei se retirara de Láquix, 9despois de que lle chegara a nova de que Tirhácah, rei de Exipto, saíra á guerra en contra del.

10Senaquerib mandou de segunda mensaxeiros a Ezequías, para dicirlle ó rei de Xudá: ‑"Non te deixes enganar polo Deus en quen confías, pensando que Xerusalén non será entregada nas mans do rei de Asiria. 11Ti mesmo tes sabido como tratan os reis de Asiria a outras nacións e a cantas teñen exterminado. ¿E íaste librar ti? 12¿Por acaso salvaron os seus deuses os países que destruíron os meus pais, Gozán, Harán, Résef e os fillos de Edén que estaban en Telasar? 13¿Onde está o rei de Hamat e o de Arpad, o de Sefarvaim, o de Hená e o de Avá?"

 

Oración de Ezequías

 

14Ezequías colleu as cartas que traían os mensaxeiros, e leunas. Despois subiu ó templo e estendeunas diante do Señor. 15Ezequías fixo entón esta oración ó Señor:

‑"Señor, Deus de Israel, que sentas sobre os querubíns, soamente ti es Deus sobre todos os reinos da terra.

16Abaixa, Señor, os oídos e escoita,

abre, Señor, os ollos e mira.

Escoita a mensaxe que mandou Senaquerib

para aldraxar o Deus vivo.

17É certo, Señor, que os reis de Asiria

arrasaron as nacións e as súas terras,

18queimando e destruíndo os seus deuses,

porque non eran deuses,

senón feitura das mans dos homes, madeira e pedra.

19Agora, Señor, noso Deus,

sálvanos da súa man,

para que saiban os reinos do mundo

que soamente ti es Deus, Señor".

Profecía de Isaías

20Isaías, fillo de Amós, mandou dicir a Ezequías: ‑"Isto di o Señor, Deus de Israel: escoitei a oración que me fixeches, respecto de Senaquerib, rei de Asiria. 21Esta é a palabra que pronuncia o Señor en contra del:

Abáfate e rise de ti

a virxe, filla de Sión;

abanea a cabeza ás túas costas

a filla de Xerusalén.

22¿De quen blasfemas, a quen aldraxas,

contra quen ergues a voz

e levantas soberbiamente os teus ollos?

¡Contra o Santo de Israel!

23Por medio dos teus mensaxeiros

ofendes o Señor, dicindo:

Coa multitude dos meus carros

rubirei ó cume dos montes,

ás alturas do Líbano.

Tallarei os seus altos cedros

e os seus escollidos cipreses.

Chegarei ós seus remotos recunchos,

ata ó mesmo fondo do bosque.

24Eu escavarei e beberei

augas estranxeiras.

Secarei coa planta dos meus pés

todos os ríos de Exipto.

25¿É que non o oíches?

Desde lonxe xa o teño preparado;

desde tempos afastados téñoo decidido,

e agora vouno cumprir.

Por iso convertes ti en pardiñeiros

as súas cidades fortificadas.

26Os seus moradores atópanse sen forzas,

están todos amedrentados e confusos.

Volvéronse coma o alcacén do campo,

coma o verde do pradairo,

coma a herba das terrazas,

que agosta primeiro de crecer.

27Eu sei cando ti sentas e te ergues,

cando saes e cando entras

e cando te enrabechas contra min.

28Porque onda min chegou o teu noxo

e os teus aturuxos chegaron ós meus oídos,

poreiche unha argola no nariz

e un freo no fociño,

e fareite volver polo camiño

por onde viñeches para aquí.

29E a Ezequías: que isto che sirva de sinal:

Este ano comerás gran de rebusco

e, para o ano que vén, do que medre só.

Pero no ano terceiro sementaredes e segaredes,

plantaredes viñas e comeredes os seus froitos.

30O resto que queda de Xudá

botará raíces novas para abaixo

e dará froitos para arriba.

31Porque de Xerusalén sairá un resto

e do monte Sión sobreviventes.

O celo do Señor fará isto.

32Por iso, isto di o Señor do rei de Asiria:

Non entrará nesta cidade,

nin tirará contra ela unha frecha,

non se achegará onda ela co escudo

nin botará contra ela un terraplén, trincheira, foxos.

33Polo camiño por onde veu, dará a volta,

sen entrar nesta cidade.

Palabra do Señor.

34Eu defenderei esta cidade e salvareina,

pola honra do meu nome e o do meu servo David".

 

Desfeita de Senaquerib

 

35Aquela mesma noite saíu o anxo do Señor e feriu no campamento asirio a cento oitenta e cinco mil homes. A hora de erguerse á mañá, eran todos cadáveres. 36Senaquerib, rei de Asiria, levantou o campamento, deu a volta para Nínive e quedou alí. 37Un día que estaba axeonllado no templo de Nisroc, seu deus, Adramélec e Xaréser matárono coa espada, e liscaron para  o país de Ararat. Sucedeulle no trono o seu fillo Esarhadón.

 

Doenza e cura de Ezequías

 

Capítulo 20

 

1Por aquel tempo Ezequías enfermou coma para morrer. O profeta Isaías, fillo de Amós, foi visitalo e anuncioulle: ‑"Prepara o testamento, porque vas morrer e non seguirás vivo". 2Ezequías virou a faciana cara á parede e pediulle ó Señor: 3‑"Ai, Señor, tenme en conta que sempre andei con sinceridade e integridade diante de ti, e que fixen o que é debido ós teus ollos". E rompeu a chorar, desfeito en bágoas.

4Isaías non saíra aínda do patio principal, cando recibiu esta palabra do Señor: 5‑"Volve onda Ezequías, xefe do meu pobo, e dille que isto di o Señor, Deus de seu pai David: escoitei a túa oración e vin as túas bágoas. Agora voute curar. A volta de tres días poderás subir ó templo do Señor. 6Os días da túa vida engadireilles quince anos. Librareite das mans do rei de Asiria, a ti e a esta cidade. Protexerei esta cidade, polo honor do meu nome e o do meu servo David".

7Entón mandou Isaías: ‑"Traede unha bica de figos. En canto a traian, que lla poñan na chaga, e sandará". 8Ezequías preguntoulle a Isaías: ‑"¿Cal será o sinal de que o Señor me sandará e de que á volta de tres días poderei subir ó templo do Señor?" 9E Isaías respondeulle: ‑"Este será para ti o sinal de que o Señor cumprirá a palabra que che deu: ¿Queres que a sombra do reloxo adiante dez graos, ou que os atrase?" 10Ezequías respondeulle: ‑"É cousa fácil que a sombra avance dez graos. Non; quero que se atrase en dez graos". 11O profeta Isaías invocou entón ó Señor, que fixo que a sombra retrocedese dez graos dos que xa percorrera no reloxo de Acaz.

 

Embaixada de Merodak Baladán

 

12Daquela, o rei de Babilonia, Merodak Baladán, fillo de Baladán, ó ter noticia da doenza de Ezequías, mandoulle unha carta e un agasallo. 13Ezequías folgouse coa visita, e amosoulles a casa do tesouro: a prata, o ouro, os perfumes, os óleos escolleitos, a vaixela e todo o que había no tesouro. Non quedou cousa no pazo nin no reino que Ezequías non lles amosase.

14Entón presentouse o profeta Isaías ó rei Ezequías e preguntoulle: ‑"¿Que che dixeron eses homes e de onde veñen para verte?" Ezequías respondeulle: ‑"Veñen dun país de moi lonxe, de Babilonia". 15Preguntou o profeta: ‑"¿E que viron no teu pazo?" Ezequías respondeulle: ‑"Viron todo o que hai no meu pazo. Non quedou cousa no meu tesouro que non lles amosase".

16Isaías díxolle entón a Ezequías: ‑"Escoita a palabra do Señor: 17virá un día, en que será levado a Babilonia todo o que hai no teu pazo e todo o que ata hoxe atesouraron os teus pais. Nada quedará, di o Señor. 18E ós fillos que nacerán de ti, que ti xerarás, levaranos para servidores do pazo do rei de Babilonia".

19Ezequías dixo a Isaías: ‑"Está ben a palabra do Señor que me anuncias". Porque pensaba: ‑"O menos haberá paz e seguridade mentres eu viva".

20O resto da historia de Ezequías, as súas proezas e as obras que fixo, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 21Ezequías adormeceu con seus pais, e sucedeulle no trono o seu fillo Menaxés.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com