Capítulos 11-15

Atalía de Xudá

 

Capítulo 11

 

1Cando Atalía, nai de Ocozías, viu que morrera seu fillo, decidiu exterminar a toda a familia real. 2Pero Ioxeba, filla do rei Ioram e irmá de Ocozías, colleu a Ioax, fillo de Ocozías, levouno ás escondidas de entre os fillos do rei que ían ser asasinados, e meteuno nun apousento coa súa ama. Escondíao para que non o matase Atalía. 3Estivo coa súa ama acochado seis anos, no templo do Señor, mentres Atalía reinaba no país.

4O sétimo ano, mandou buscar Iehoiadá ós xefes de centuria dos carios e da garda real e reuniunos no templo. Fixo con eles un pacto, pedíndolles xuramento no templo do Señor, e presentoulles o fillo do rei.

5Despois comunicoulles as súas disposicións: ‑"Isto é o que habedes facer: o terzo de vós que fai no sábado a garda do pazo real, 6o terzo que está de posto na porta das cortes dos cabalos e mais o terzo que está na porta de detrás da garda real, faredes a garda do templo en rolda. 7E os outros dous corpos de vós, todos os que saídes da garda do sábado, faredes a garda do rei no templo do Señor. 8Rodearedes o rei por todos os lados, todos coas armas na man. Se alguén tenta romper as ringleiras, matarédelo. Estade ó lado do rei, onde queira que vaia".

9Os xefes de centuria fixeron canto o sacerdote Iehoiadá lles ordenara. Cada un xuntou os seus homes, os que estaban de servizo no sábado e os que quedaban libres nel, e presentáronse ó sacerdote Iehoiadá. 10El entregoulles ós xefes das centurias as lanzas e os escudos do rei David, que se gardaban no templo do Señor. 11Os da garda apostáronse, cada un coa súa arma na man, desde o extremo dereito do templo ata o esquerdo, ó longo do altar e do santuario, arredor do rei. 12Entón Iehoiadá amosou ó fillo do rei, púxolle a coroa e o testemuño e unxiuno por rei. Niso todos bateron palmas e berraron: ‑"¡Viva o rei!"

13Cando Atalía oíu o algueirada da garda e do pobo, meteuse por entre a xente no templo do Señor. 14Ao ver o rei de pé sobre o estrado, segundo o costume, arroupado cos xefes e coa banda de música, e o pobo todo en festa e tocando as bucinas, Atalía rachou os seus vestidos e exclamou: ‑"¡Traizón, traizón!"

15O sacerdote Iehoiadá ordenou ós xefes de centuria que mandaban na tropa: ‑"Tirádea fóra do adro, e ós que a sigan matádeos a espada". O sacerdote non quería que a matasen dentro do templo. 16Levárona fóra a empurróns, pola porta das cortes dos cabalos, e alí matárona.

17Iehoiadá concluíu o pacto entre o Señor, o rei e mais o pobo, polo que este se obrigaba a facerse o pobo do Señor. 18Despois a xente foi correndo ó templo de Baal e derrubárono, romperon os altares e as imaxes, e diante do altar mataron a Matán, o sacerdote de Baal.

O sacerdote Iehoiadá puxo garda no templo do Señor, 19e logo, cos xefes de centuria, cos carios, coa garda e co pobo todo, baixaron o rei do templo do Señor e levárono ó pazo real. Entón Ioax sentouse no trono da realeza. 20O pobo fixo festa e a cidade quedou en calma. A Atalía matárana ó pé do pazo real.

 

Ioax de Xudá

 

Capítulo 12

 

1Ioax tiña sete anos cando empezou a reinar, 2no ano sétimo do reinado de Iehú, e reinou corenta anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Sibia, e era de Beerxeba.

3Ioax fixo sempre o que é debido ós ollos do Señor, seguindo as instrucións do sacerdote Iehoiadá. 4Mais os altares dos outeiros non desapareceron, e a xente seguía ofrecendo neles sacrificios e incenso.

 

Reparación do templo

 

5Ioax faloulles ós sacerdotes: ‑"O diñeiro ofrendado ó templo do Señor, o diñeiro que traia cada persoa, o diñeiro pagado polo censo e o que cadaquén queira traer voluntariamente ó templo do Señor, 6que o recollan os sacerdotes, cada un polos seus axudantes, e eles encargaranse de reparar o templo do Señor, onde queira que atopen danos".

7No ano vinte e tres do reinado de Ioax, os sacerdotes non repararan aínda os danos do templo do Señor. 8O rei chamou entón ó sacerdote Iehoiadá e ós outros sacerdotes, e díxolles: ‑"¿Por que tedes os danos do templo aínda sen reparar? De agora en adiante, non colleredes o diñeiro da man dos vosos axudantes, senón que o entregaredes, para reparar os danos do templo do Señor". 9Os sacerdotes consentiron en non coller o diñeiro da xente e en non repararen eles os danos do templo.

10O sacerdote Iehoiadá colleu unha hucha, fíxolle na tapa un burato e colocouna ó pé do altar, pola dereita de quen entra no templo do Señor. 11Cando vían que na hucha había xa moito diñeiro, ía o secretario do rei co sumo sacerdote, recollían o diñeiro que había alí e contábano. 12Despois de contalo, dábanllelo ós capataces das obras do templo do Señor, e estes pagaban con el os carpinteiros e os obreiros todos que traballaban no templo do Señor, 13os albaneis e os canteiros. Con el mercaban madeira e pedra de cantería para reparar os danos do templo. Con el pagaban todos os  gastos da súa conservación.

14Co diñeiro traído ó templo do Señor non se facían xerras de prata, nin coitelos, nin aspersorios, nin bucinas, nin obxecto ningún de ouro ou de prata, 15senón que se entregaban ós capataces das obras, e con el restauraban o templo do Señor. 16Non se pedían contas ós homes ós que se encomendaba o diñeiro para pagar os capataces, pois eran xente de fiar. 17O diñeiro dos sacrificios penitenciais e o dos sacrificios polo pecado non se entregaba para o templo: era para os sacerdotes.

 

Fin do reinado de Ioax

 

18Por aquel tempo Hazael, rei de Aram, atacou Gat e conquistouna. Despois deu a volta, para atacar Xerusalén. 19Ioax, rei de Xudá, botou man de todas as cousas sagradas ofrecidas polos seus devanceiros Ioxafat, Ioram e Ocozías, reis de Xerusalén, e das que el mesmo fixera, de todo o ouro que había nos tesouros do templo do Señor e do pazo real, e mandoulle todo a Hazael, rei de Aram. Este entón desistiu de subir contra Xerusalén.

20O resto da historia de Ioax, todo o que fixo, ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 21Os seus cortesáns revoltáronse e conxuraron contra Ioax, e matárono en Betmiló, baixando cara a Sela. 22Matárono os seus servidores Iozacar, fillo de Ximat, e Iehozabad, fillo de Xomer. Enterrárono con seus pais, na cidade de David. Sucedeulle no trono o seu fillo Amasías.

 

Ioacaz de Israel

 

Capítulo 13

 

1No ano vinte e tres do reinado de Ioax, fillo de Ocozías, en Xudá, empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, Ioacaz, fillo de Iehú. Reinou dezasete anos.

2Fixo o mal ós ollos do Señor. Repetiu os pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel; non se arredou deles. 3O Señor anoxouse con Israel e entregouno nas mans de Hazael, rei de Aram, e de Benhadad, fillo de Hazael, por todo ese tempo.

4Ioacaz implorou entón ó Señor, e o Señor escoitouno, en vista do asoballamento en que tiña a Israel o rei de Aram. 5O Señor deulle a Israel un liberador, que o librou do xugo de Aram. Os israelitas viviron outra vez en paz coma antes nas súas tendas.

6Pero non se afastaron dos pecados que a familia de Ieroboam fixera cometer a Israel, senón que seguiron neles. Tamén seguiu en pé a imaxe de Axtarté en Samaría. 7Por iso non lle quedou a Ioacaz outro exército ca cincuenta xinetes, dez carros e dez mil soldados de a pé. O rei de Aram esnaquizoulle os outros: deixounos coma po das eiras.

8O resto da historia de Ioacaz, os seus feitos e as súas fazañas, ¿non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 9Ioacaz adormeceu con seus pais, e enterrárono en Samaría. Sucedeulle no trono o seu fillo Ioax.

 

Ioax de Israel

 

10No ano trinta e sete do reinado de Ioax en Xudá, reinou sobre Israel, en Samaría, Ioax, fillo de Ioacaz. Reinou dezaseis anos. 11Fixo o mal ós ollos do Señor. Non se arredou dos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel. Caeu en todos eles.

12O resto da historia de Ioax, os seus feitos e as súas fazañas, e a loita con Amasías, rei de Xudá, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 13Ioax adormeceu con seus pais, e sucedeulle no trono Ieroboam. Enterrárono en Samaría, cos reis de Israel.

 

Morte de Eliseo

 

14Eliseo enfermou da doenza da que ía morrer. Ioax, rei de Israel, foi visitalo e choraba por el, dicindo: ‑"¡Meu pai, meu pai, carro de Israel e o seu condutor!". 15Eliseo díxolle: ‑"Colle o teu arco e as túas frechas". E el colleunas. 16Eliseo díxolle: ‑"Empuña o arco coa man". E el empuñouno. Eliseo puxo as súas mans por riba das mans do rei, 17e díxolle: ‑"Abre a fiestra que dá cara ó oriente". El abriuna. Eliseo díxolle: ‑"¡Tira!" E el tirou. Eliseo dixo: ‑"¡Frecha de vitoria do Señor, frecha de vitoria contra Aram! Desbaratarás os arameos en Afec, ata exterminalos". 18Despois díxolle: ‑"Colle as frechas". E el colleunas. Díxolle: ‑"Fire con elas o chan". E o rei de Israel fíxoo tres veces, e parou. 19O home de Deus incomodouse con el e díxolle: ‑"Se o ferises cinco ou seis veces, derrotarías a Aram, ata acabar con el. Agora venceralo só tres veces".

20Eliseo morreu, e enterrárono. Naquel ano, bandas de moabitas facían batidas no país. 21E aconteceu que unhas xentes, que enterraban un morto, viron chegar unha desas bandas. Deitaron o morto no sartego de Eliseo e fuxiron. Cando o morto tocou cos ósos de Eliseo, reviviu e púxose en pé.

 

Desfeita dos arameos

 

22Hazael, rei de Aram, asoballara a Israel toda a vida de Ioacaz. 23Pero o Señor compadeceuse e tivo misericordia, e volveuse en favor deles, por mor do pacto que fixera con Abraham, Isaac e Xacob, e ata hoxe non consentiu en entregalos nin en botalos da súa presenza.

24Hazael, rei de Aram, morreu, e sucedeulle no trono o seu fillo Benhadad. 25Entón Ioax, fillo de Ioacaz, quitoulle das mans a Benhadad, fillo de Hazael, as cidades que el lle arrebatara a seu pai Ioacaz. Ioax venceuno por tres veces e quitoulle as cidades de Israel.

 

Amasías de Xudá

 

Capítulo 14

 

1No ano segundo do reinado de Ioax, fillo de Ioacaz, en Israel, empezou a reinar sobre Xudá Amasías, fillo de Ioax. 2Tiña vinte e cinco anos cando empezou a reinar e reinou vinte e nove anos en Xerusalén.

3Fixo o que é xusto ós ollos do Señor, pero non coma seu pai David. Portouse en todo coma seu pai Ioax. 4Mais os altares dos outeiros non desapareceron, e o pobo seguiu ofrecendo neles sacrificios e incenso.

5Cando o reino estaba ben firme nas súas mans, matou os ministros que mataran ó rei, seu pai. 6Pero os fillos deses ministros non os matou, conforme co que está escrito no Libro da Lei de Moisés, onde manda o Señor: ‑"Non morrerán os pais por culpa dos fillos, nin os fillos por culpa dos pais; cada un morrerá polo propio pecado".

7Amasías derrotou a Edom no Val do Sal, dez mil homes, e daquela conquistou Petra. Chamoulle Ioctael, nome que leva ata hoxe. 8Entón mandou Amasías unha embaixada a Ioax, fillo de Ioacaz, fillo de Iehú, rei de Israel, con esta mensaxe: ‑"¡Ven, que nos vexamos as caras!"

9Ioax, rei de Israel, respondeulle a Amasías, rei de Xudá: ‑"O espiñeiro de Líbano mandou dicir ó cedro de Líbano: dáme a túa filla por muller para o meu fillo; mais pasaron as feras do Líbano e esmagaron o espiñeiro. 10Porque venciches a Edom, estás moi enfonchado. Conténtate con esa gloria e queda na túa casa. ¿Por que queres desencadear unha desgraza e caer nela, ti e Xudá contigo?".

11Pero Amasías non fixo caso. Entón Ioax, rei de Israel, subiu e víronse as caras, el e Amasías, rei de Xudá, en Betxémex de Xudá. 12Xudá foi vencida por Israel, e cada un fuxiu para a súa tenda. 13Ioax, rei de Israel, colleu preso en Betxémex a Amasías, fillo de Ioax, fillo de Ocozías, rei de Xudá, e levouno a Xerusalén. Alí abriu unha fenda de catrocentos cóbados na muralla, entre a porta de Efraím e a porta do Ángulo. 14Apreixou todo o ouro e a prata e todos os obxectos que había no templo do Señor e no pazo real, tomou uns poucos reféns e volveu para Samaría.

15O resto da historia de Ioax, os seus feitos e as súas fazañas, e a guerra que fixo contra Amasías, rei de Xudá, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 16Ioax adormeceu con seus pais, e enterrárono en Samaría, cos reis de Israel. Sucedeulle no trono o seu fillo Ieroboam.

17Amasías, fillo de Ioax, rei de Xudá, sobreviviu quince anos a Ioax, fillo de Ioacaz, rei de Israel. 18O resto da historia de Amasías, ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá?

19Contra el maquinaron en Xerusalén unha conxura, e el fuxiu cara a Láquix. Pero fórono perseguindo ata alí e alí matárono. 20Cargárono en cabalos e enterrárono en Xerusalén, na cidade de David, onda seus pais. 21Xudá enteiro fixouse en Azarías, cando tiña dezaseis anos, e aclamárono rei, no posto de seu pai Amasías. 22El reconstruíu Eilat e volveullo a Xudá, despois de que o rei adormeceu con seus pais.

 

Ieroboam de Israel

 

23No ano quince do reinado de Amasías, fillo de Ioax, en Xudá, empezou a reinar sobre Israel Ieroboam, fillo de Ioax. Reinou en Samaría corenta e un anos. 24Fixo o mal ós ollos do Señor. Non se arredou dos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel.

25Restableceu as fronteiras de Israel, desde a entrada de Hamat ata o mar de Arabah, conforme a palabra que o Señor, Deus de Israel, dixera polo seu servo o profeta Xonás, fillo de Amitai, de Gat-Héfer. 26Iso foi porque o Señor se fixara na pobreza e na aflicción de Israel, ó non lle quedar escravo nin libre, nin ninguén que o axudase. 27O Señor non decidira aínda borrar o nome de Israel de debaixo do sol; e salvouno por medio de Ieroboam, fillo de Ioax.

28O resto da historia de Ieroboam, os seus feitos e as súas proezas guerreiras, e mais o que fixo por recuperar Damasco e Hamat para Israel, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 29Ieroboam adormeceu con seus pais, os reis de Israel, e sucedeulle no trono o seu fillo Zacarías.

 

Azarías de Xudá

 

Capítulo 15

 

1No ano vinte e sete do reinado de Ieroboam en Israel, empezou a reinar en Xudá Azarías, fillo de Amasías. 2Tiña dezaseis anos cando chegou ó trono, e reinou cincuenta e dous anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Iecolía, de Xerusalén.

3Fixo o que é debido ós ollos do Señor, coma Amasías, seu pai. 4Soamente que os altares dos outeiros non desapareceron, e a xente seguía ofrecendo neles sacrificios e incenso. 5O Señor feriuno coa lepra, e o rei estivo con ela ata a súa morte, vivindo illado na súa casa. O seu fillo Iotam estaba á fronte do pazo e gobernaba o país.

6O resto da historia de Azarías e todo o que fixo ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 7Azarías adormeceu con seus pais, e enterrárono onda eles, na cidade de David. Sucedeulle no trono o seu fillo Iotam.

 

Zacarías de Israel

 

8No ano trinta e oito do reinado de Azarías en Xudá, empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, Zacarías, fillo de Ieroboam.

9Fixo o mal ós ollos do Señor, como o fixeran seus pais. Non se arredou dos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel. 10Xalum, fillo de Iabex, cismou contra el. Feriuno de morte en Ibleam e suplantouno no trono.

11O resto da historia de Zacarías aí está escrita no Libro das Crónicas dos reis de Israel. 12Nel cumpriuse a palabra que o Señor dixera a Iehú: ‑"Os teus fillos sentarán no trono de Israel ata a cuarta xeración". E así foi.

 

Xalum de Israel

 

13Xalum, fillo de Iabex, empezou a reinar no ano trinta e nove do reinado de Ozías de Xudá. Reinou un mes en Samaría. 14De Tirsah subiu Menahem, fillo de Gadí, entrou en Samaría, feriu de morte a Xalum, fillo de Iabex, e suplantouno no trono.

15O resto da historia de Xalum e a súa conspiración está toda escrita no Libro das Crónicas dos reis de Israel. 16Menahem arrasou Tirsah, cos seus habitantes e o seu territorio, desde Tirsah, porque non lle abriran as portas, e fendeulles o ventre ás embarazadas.

 

Menahem de Israel

 

17No ano trinta e nove do reinado de Azarías en Xudá empezou a reinar en Israel Menahem, fillo de Gadí. Reinou dez anos en Samaría. 18Fixo o mal ós ollos do Señor. Non se afastou en toda a súa vida dos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel.

19Pul, rei de Asiria, invadiu o país, e Menahem entregoulle mil talentos de prata, para que o axudase a asegurar o reino nas súas mans. 20Menahem recadou o diñeiro que tiña que dar ó rei de Asiria entre a xente máis rica de Israel, a cincuenta siclos de prata cada un. O rei de Asiria retirouse, sen deterse máis no país.

21O resto da historia de Menahem e todo o que fixo ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 22Menahem adormeceu con seus pais, e sucedeulle no trono o seu fillo Pecahías.

 

Pecahías de Israel

 

23No ano cincuenta do reinado de Azarías en Xudá empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, Pecahías, fillo de Menahem. Reinou dous anos. 24Fixo o mal ós ollos do Señor. Non se arredou dos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel.

25O seu oficial Pécah, fillo de Remalía, conspirou contra el e matouno en Samaría, na torre do pazo real, xunto con Argob e Arieh; levaba con el cincuenta galaaditas. Matouno e suplantouno no trono. 26O resto da historia de Pecahías e todo o que fixo está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel.

 

Pécah en Israel

 

27No ano cincuenta e dous do reinado de Azarías en Xudá empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, Pécah, fillo de Remalía. Reinou vinte anos. 28Fixo o mal ós ollos do Señor. Non se arredou dos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel.

29No reinado de Pécah en Israel veu Teglatpeléser, rei de Asiria, e apoderouse de Iión, Abel-Bet-Macah, Ianóah, Cadex, Hasor, Galaad e do territorio de Naftalí, en Galilea, e desterrou os seus habitantes a Asiria.

30Oseas, fillo de Elah, conspirou contra Pécah, fillo de Remalía, feriuno de morte e suplantouno no trono, no ano vinte de Iotam, fillo de Ozías. 31O resto da historia de Pécah e todo o que fixo está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel.

 

Iotam de Xudá

 

32No ano segundo do reinado de Pécah, fillo de Remalía, sobre Israel, empezou a reinar en Xudá Iotam, fillo de Ozías. 33Tiña vinte e cinco anos cando subiu ó trono e reinou vinte anos en Xerusalén. A súa nai chamábase Ieruxá, filla de Sadoc.

34Fixo o que é debido ós ollos do Señor, como fixera Ozías, seu pai. 35Mais os altares dos outeiros non desapareceron, e a xente seguía ofrecendo neles sacrificios e incenso. Iotam construíu a porta superior do templo do Señor.

36O resto da historia de Iotam e o que fixo ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 37No seu tempo empezou a mandar o Señor, contra Xudá, a Resín, rei de Aram, e a Pécah, fillo de Remalía. 38Iotam adormeceu con seus pais, e enterrárono con eles na cidade de seu pai David. Sucedeulle no trono o seu fillo Acaz.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com