Capítulos 6-10

Construción do templo

 

Capítulo 6

 

1O ano catrocentos oitenta da saída dos israelitas de Exipto, no mes de Ziv, que é o segundo do ano, no mes cuarto do reinado de Salomón en Israel, empezou a construírse o templo do Señor.

2O templo que o rei Salomón construía en honor do Señor, medía trinta metros de lonxitude, dez de anchura e quince de altura. 3O pórtico que había diante da nave do santuario tiña dez metros de lonxitude, no sentido da anchura do santuario, e cinco de fondo, ata a parede do templo. 4No templo fixo fiestras, con marcos e con reixas.

5Pegado ó muro do templo, arredor do santuario e do santísimo, construíu un anexo, con andares arredor. 6O piso baixo medía dous metros e medio de anchura, o do medio medía tres, e o terceiro tres metros e medio de anchura. Arredor do templo, por afora, fixera canzorros, para que as trabes non entrasen nos mesmos muros do templo.

7Na construción do templo empregáronse pedras labradas na canteira, de xeito que, na hora do traballo, non se oían martelos, machetas nin outras ferramentas. 8A entrada do piso baixo estaba á dereita do templo. Por unha esqueira de caracol subíase ó andar do medio, e desde este ó terceiro.

9Cando o templo quedou construído, Salomón recubriuno cun artesoado de madeira de cedro. 10O anexo que construíra arredor do templo tiña dous metros e medio de altura, e estaba ligado por trabes de cedro ó templo mesmo.

11Daquela, Deus faloulle a Salomón:

12‑"Por este templo que me estás construíndo,

se camiñas conforme os meus mandatos e cumpres as miñas decisións,

se gardas os meus preceptos e te guías por eles,

eu mantereiche a promesa que fixen a teu pai David.

13Habitarei no medio dos israelitas

e non abandonarei este meu pobo de Israel".

 

Os complementos do templo

 

14Cando Salomón acabou de construír o templo, 15revestiu os muros por dentro de táboas de cedro, desde o pavimento ata o teito; revestiu de madeira todo o seu interior e pisouno de táboas de ciprés. 16Revestiu de táboas de cedro os dez metros de fondo, desde o pavimento ó teito, e dedicou esta parte a camarín ou santísimo. 17Os outros vinte metros diante del constituían o santuario. 18O cedro do interior do santuario estaba enfeitado de grilandas de flores abertas. Era todo de cedro, e a pedra non se vía.

19O camarín, no fondo interior do templo, estaba preparado para colocar alí a Arca da Alianza do Señor. 20O camarín tiña dez metros de longo, dez de ancho e dez de alto. Salomón revestiuno de ouro puro. O altar revestiuno de cedro. 21Revestiu tamén de ouro puro o interior do templo; puxo cadeas de ouro diante do camarín e recubriu este de ouro. 22De ouro revestiu o templo todo, desde o cimo ata o fondo; e tamén o altar, diante do camarín.

23Para o camarín fixo Salomón dous querubíns, de madeira de oliveira, de cinco metros de altura. 24A á dun querubín medía dous metros e medio, e dous metros e medio a outra, de xeito que do cabo dunha ó cabo doutra había cinco metros. 25O outro querubín medía igualmente cinco metros. Os dous tiñan o mesmo grandor e a mesma feitura. 26Tanto un coma outro medían cinco metros de altura.

27Salomón puxo os querubíns dentro do camarín, coas ás estendidas, de xeito que unha daba nun muro e a outra no muro oposto. As outras dúas ás tocábanse entre elas, no medio do recinto. 28Os querubíns estaban revestidos de ouro.

29Sobre as paredes do templo, por toda a volta, fixo gravar por dentro e por fóra, baixorrelevos de querubíns, de palmeiras e de grilandas de flores. 30O lousado do templo, tanto na parte interior coma na exterior, recubriuno tamén de ouro. 31Para a entrada do camarín fixo portas de madeira de oliveira, con xambas de cinco arestas. 32Nas dúas follas das portas de oliveira fixo gravar baixorrelevos de querubíns, de palmeiras e de grilandas de flores, e recubriunas de ouro, ben axustado ás entalladuras.

33Para a entrada do santuario fixo xambas de oliveira, con catro arestas 34e con dúas portas de madeira de ciprés, cada unha con dúas follas xiratorias. 35Esculpiu nelas querubíns, palmeiras e grilandas de flores, e recubriunas de ouro, axustado ás entalladuras. 36Construíu a adro interior, con tres ringleiras de pedras talladas e unha de trabes de cedro.

37No mes de Ziv do ano cuarto do seu reinado, puxo Salomón os cimentos do templo do Señor, 38e no mes de Bul, que é o oitavo, do ano once do reinado, quedou rematado en todas as súas partes, conforme o seu proxecto. Construíu todo en sete anos.

 

Construción do pazo real

 

Capítulo 7

 

1En canto ó pazo real, Salomón empregou para construílo trece anos. 2Edificou primeiro o "Bosque do Líbano", unha sala que medía cincuenta metros de lonxitude, vinte e cinco de anchura e quince de alto, sobre catro ringleiras de columnas de cedro, que sostiñan trabes de cedro. 3Por riba das trabes que se apoiaban nas columnas (en todo corenta e cinco, quince por cada fiada), había un teito de cedro. 4Levaba tres ringleiras de fiestras, que se correspondían de tres en tres unhas coas outras. 5Todas as portas e fiestras levaban marcos rectangulares. As fiestras correspondíanse nas tres ringleiras entre elas.

6Salomón construíu un pórtico de columnas, de vinte e cinco metros de lonxitude e quince de anchura, e diante del outro pórtico de columnas, cun cuberto diante.

7Fixo tamén o pórtico do trono, onde administraba xustiza, a aula xudicial, e recubriuna de madeira de cedro, do pavimento ata o teito.

8A súa residencia construíuna no mesmo patio do pórtico, e era da súa mesma feitura. Da mesma feitura era tamén a casa que construíu para a filla do faraón, coa que casara.

9Estaba todo construído con pedras escolleitas, labradas á medida, serradas por dentro e por fóra, desde os cimentos ata a cimeira, desde fóra ata o gran adro. 10Os cimentos era de grandes pezas de pedra escolleita, de cinco por catro metros, 11e por riba tamén de pedras escolleitas, talladas á medida, e de madeira de cedro. 12O gran adro levaba arredor tres ringleiras de trabes de cedro, coma o adro interior do templo e o seu pórtico.

 

Obxectos de bronce para o templo

 

13O rei Salomón mandou vir de Tiro a Hiram. 14Este era fillo dunha muller viúva, da tribo de Naftalí, e dun home de Tiro. Traballaba o bronce e estaba dotado de gran coñecemento, pericia e habilidade para facer traballos en bronce. Veu onda o rei Salomón para realizar os seus encargos.

15Fundiu dúas columnas de bronce, de nove metros de alto e de seis metros de circunferencia, medida coa corda. 16Para rematar as columnas fixo dous capiteis de bronce fundido, de dous metros e medio de alto cada un deles. 17Para os capiteis que remataban as columnas fixo trenzados en forma de cadeas, sete para cada capitel.

18Despois fixo dúas ringleiras de granadas, arredor de cada trenzado, para cubrir os capiteis que remataban as dúas columnas. 19Os capiteis que remataban as columnas do pórtico tiñan forma de lirio, e medían dous metros. 20Por riba da moldura, que sobresaía do trenzado, eses capiteis tiñan duascentas granadas en ringleira arredor de cada capitel.

21Hiram asentou as columnas no pórtico do templo. Primeiro asentou a dereita, e púxolle o nome de Firme; despois asentou a esquerda e deulle o nome de Forte. 22Os remates das columnas tiñan forma de lirio. Con iso quedou rematada a obra das columnas.

23Fixo despois Hiram o Mar de Bronce, un depósito redondo, de cinco metros de diámetro, de dous e medio de alto e de quince de circunferencia, medidos coa corda. 24Por debaixo do bordo, por todo o arredor, o depósito tiña botóns gravados, cinco por cada metro. Estaban dispostos en dúas ringleiras, e foran fundidos co Mar, facendo con el unha peza.

25O Mar de Bronce estaba asentado enriba de doce bois. Tres deles miraban para o norte, tres para o occidente, tres para o sur e tres para o nacente; enriba deles ía o depósito. Os cadrís dos bois quedaban todos cara a dentro. 26O Mar de Bronce tiña unha cuarta de grosor; o seu bordo semellaba o dunha copa, coa forma de flor de lirio; a súa capacidade era de oitenta mil litros.

27Hiram fixo tamén dez baseamentos de bronce, cada unha de dous metros de lonxitude, dous de anchura e un e medio de alto. 28Tiñan a seguinte forma: levaban entrepanos encadrados en molduras; 29nos entrepanos entre as molduras había leóns, bois e querubíns; nas molduras, por riba e por baixo dos leóns e dos bois, ían grilandas de flores.

30Cada baseamento levaba catro rodas de bronce, con eixes tamén de bronce. Nos catro pés levaba resaltes fundidos, que sostiñan a pía sobresaíndo das grilandas. 31Os baseamentos por dentro, na parte superior, unha boca de medio metro; era redonda e tiña un remate de setenta e cinco centímetros. Arredor da boca levaba uns gravados, en entrepanos cadrados, non redondos.

32As catro rodas estaban debaixo dos entrepanos e os eixes fixos nos baseamentos. Cada roda medía de diámetro setenta e cinco centímetros. 33A súa forma era coma a da roda dun carro. Os seus eixes, as cinchas, os radios e os cubos eran todos de metal fundido. 34Os catro resaltes sobre os pés do baseamento formaban un corpo con ela.

35O baseamento remataba nunha peza circular de vinte e cinco centímetros de alto; os seus resaltes e entrepanos formaban un corpo con ela. 36Nos entrepanos gravou Hiram querubíns, leóns e palmeiras, segundo o espazo, con grilandas arredor. 37Deste xeito ficaron acabadas os dez baseamentos de metal fundido, todos de mesma feitura, das mesmas dimensións e co mesmo debuxo.

38Fixo despois Hiram dez pías de metal fundido, unha para cada baseamento de cento sesenta litros de capacidade cada unha delas. 39Colocou cinco baseamentos na banda dereita do templo e cinco na banda esquerda. O Mar de Bronce situouno na banda dereita do templo, ó sueste.

40Hiram fixo tamén cinseiros, pás e hisopos. E con iso rematou o que Salomón lle encomendara facer para o templo de Señor. 41Foron dúas columnas, dous capiteis redondos, que remataban as columnas, dúas grilandas para recubrilos, 42catrocentas granadas para as dúas grilandas, dúas ringleiras de granadas en cada unha das grilandas; 43os dez baseamentos e mais as dez pías enriba delas; 44o Mar de Bronce cos doce bois debaixo del; 45os cinseiros, as pás e os hisopos.

Todos os obxectos que o rei Salomón encargara a Hiram eran de bronce fundido. 46O rei fíxoos fundir en moldes de arxila, no val do Xordán, entre Succot e Sartán. 47Salomón fixo poñer cada obxecto no seu sitio. Eran tantos, que non se puido botar a conta do que pesaba o seu bronce.

48Salomón mandou facer aínda outros obxectos para o templo do Señor: o altar de ouro, a mesa de ouro para poñer enriba dela os pans da proposición; 49os candelabros de ouro puro, cinco á dereita e cinco á esquerda, diante do camarín; e, por parte, as flores, as lámpadas e as pinzas de ouro, 50as culleres, os coitelos, as cuncas, as copas e os braseiros de ouro puro; os gonzos de ouro para as portas do camarín ou santísimo, e para as do santuario.

51Cando o que encargara o rei Salomón para o templo do Señor estivo todo acabado, o rei fixo traer as cousas que consagrara seu pai David, prata, ouro e obxectos, e depositou todo no templo do Señor.

 

Dedicación do templo

 

Capítulo 8

 

1Salomón convocou en Xerusalén a todos os anciáns de Israel, os xefes de tribo e os cabezas de familia dos israelitas, para traer a Arca da Alianza do Señor da cidade de David, que é Sión. 2No mes de Etanim, o sétimo do ano, pola festa das Tendas, reuníronse, pois, con Salomón todos os israelitas.

3Chegados todos os anciáns de Israel, os sacerdotes colleron a Arca e levárona. 4Os sacerdotes e os levitas levaban tamén a Tenda do Encontro, con todos os obxectos sacros que había nela. 5O rei Salomón e toda a asemblea de Israel, congregada arredor del, diante da Arca, ofreceron sacrificios de ovellas e de bois en grande cantidade. 6Despois os sacerdotes puxeron a Arca da Alianza do Señor no seu lugar, no camarín do templo, o santísimo, baixo as ás dos querubíns.

7Os querubíns estendían as súas ás por riba da Arca, e cubrían a Arca e mais os seus varais. 8Os varais eran tan longos, que se lles vían os extremos desde o santuario, diante do camarín, pero non se lles vían desde fóra:  aínda están alí hoxe.

9Na Arca non había cousa fóra das dúas táboas de pedra que puxera alí Moisés, no monte Horeb, cando o Señor concluíu cos israelitas a Alianza, logo de saíren de Exipto.

10O tempo que os sacerdotes saían do santuario, a nube enchía o templo do Señor, 11de xeito que non podían os sacerdotes seguir facendo o servizo, por cousa dela: a gloria do Señor enchía o templo.

 

Proclama de Salomón

 

12Entón dixo Salomón:

‑"O Señor que puxo o sol no ceo,

quixo habitar na escuridade.

13Eu construínche unha casa, onde habites para sempre,

que sexa o lugar da túa morada".

14Despois volveuse o rei cara á asemblea de Israel, toda en pé, e bendiciuna. 15Dixo:

‑"Bendito sexa o Señor, Deus de Israel,

que deu cumprimento coa súa man

ó que coa súa boca prometera a meu pai David, cando lle dixo:

16Desde o día en que saquei de Exipto o meu pobo Israel,

non escollín cidade ningunha, no medio das tribos de Israel,

para edificar nela un templo, onde habite o meu nome,

pero escollín a David,

para que fose á fronte do meu pobo Israel.

17Meu pai David tivera no pensamento

construír unha casa en honra do Señor Deus de Israel.

18Entón díxolle o Señor:

Ese pensamento de construír unha casa ó meu nome

está ben que o teñas.

19Pero non serás ti quen me construirá esa casa;

será un fillo saído dos teus lombos

quen edificará esa casa ó meu nome.

20E o Señor cumpriu a promesa que fixera.

Eu sucedín a meu pai David

e estou sentado no trono de Israel,

conforme a promesa do Señor,

e construín esta casa en honra do Señor Deus de Israel.

21Nela fixen un sitio para a Arca da Alianza do Señor,

a alianza que el concluíra cos nosos pais,

despois de sacalos de Exipto".

 

Pregaria de Salomón

 

22Salomón, en pé, diante do altar do Señor, de cara para toda a asemblea de Israel, ergueu as mans cara ó ceo 23e dixo:

‑"Señor, Deus de Israel,

non hai un deus coma ti,

nin arriba no ceo, nin abaixo na terra.

Ti gardas a alianza e o amor ós teus servos,

que camiñan diante de ti con todo o corazón.

24Ti mantivécheslle ó teu servo David, meu pai,

a promesa que lle fixeches.

O que coa boca lle prometiches,

cúmprelo hoxe coa túa man.

25E agora, Señor, Deus de Israel,

mantenlle ó teu servo David, meu pai,

estoutra promesa que lle fixeches, ó dicirlle:

Non che ha faltar, polo que a min respecta, un descendente, que sente no trono de Israel,

con tal que os teus fillos sigan como é debido os meus camiños, e anden na miña presenza coma ti.

26Agora, pois, Señor, Deus de Israel, cumpre a palabra que lle deches

ó teu servo David, meu pai.

27¿Será verdade que Deus fará na terra unha morada?

Se nin os ceos todos te poden acoller,

canto menos esta casa que eu che construín.

28Mais ti, Señor, meu Deus, volve a atención á súplica e á pregaria do teu servo, escoitando o clamor e as preces que hoxe che dirixe. 29Ten abertos os ollos noite e día sobre este templo, este lugar en que dixeches que habitaría o teu nome. Escoita a oración que che faga o teu servo, mirando cara este lugar. 30Escoita a súplica do teu servo e do teu pobo Israel, cando recen neste lugar. Escoita desde a túa morada, desde o ceo. Escoita e perdoa.

31Cando un home peque contra outro e se lle pida xuramento, se el vén a este santuario, para xurar diante do teu altar, 32escoita ti desde o ceo e fai xustiza entre os teus servos. Condena ó culpable, dándolle o seu merecido, e declara xusto ó inocente, conforme á súa inocencia.

33Cando o teu pobo Israel sexa vencido polos inimigos, por ter pecado contra ti, se se volve cara a ti, se  confesa o seu pecado, se suplica e pide a túa misericordia neste templo, 34escoita ti desde o ceo e perdoa o pecado do teu pobo Israel, e fai que retornen á terra que ti lles deras a seus pais.

35Cando os ceos se pechen e non caia a chuvia, por teren eles pecado contra ti, se eles veñen rezar a este lugar, se na aflición confesan o teu nome e se converten do seu pecado, 36escoita ti desde o ceo e perdoa o pecado do teu pobo Israel. Ensínalles o bo vieiro por onde teñen que camiñar, e manda a chuvia sobre a terra que ti deches en herdo ó teu pobo.

37Cando haxa fame no país, cando haxa peste, pragas, fungos, lagostas, saltóns, ou se o inimigo cerca ó teu pobo nunha das súas cidades, ou en calquera outra calamidade e enfermidade, 38se entón un home ou o pobo enteiro de Israel, recoñecendo o mal da súa conciencia, estende as mans cara a este templo, rezando e suplicando, 39escoita ti desde o ceo, lugar da túa morada, e perdoa. Dálle a cada un segundo o seu merecido, ti que coñecer os corazóns, pois só ti coñeces o interior dos homes todos. 40Con iso temerante todos os días da súa vida na terra que deches ti a nosos pais.

41Tamén o estranxeiro, que non é do teu pobo Israel, pero que veu de terras de lonxe por razón do teu nome, 42‑pois haberá moito que falar e oír sobre a grandeza do teu nome, sobre o poder da túa man o sobre a largueza do teu brazo‑, cando ese estranxeiro veña rezarche a este templo, 43escoita ti desde o ceo, lugar da túa morada, e fai o que o estranxeiro che pida, para que todos os pobos do mundo coñezan o teu nome, te teman coma o teu pobo Israel, e saiban que o teu nome é invocado neste templo que eu che construín.

44Cando o teu pobo saia á guerra contra os seus inimigos, polo camiño que ti lles sinalares, se rezan ó Señor, cara á cidade que ti escolliches e cara ó templo que eu edifiquei na túa honra, 45escoita ti desde os ceos a súa oración e a súa súplica e axúdaos a acadar os seus dereitos.

46Cando eles pecaren contra ti, pois non hai home que non peque, e ti, anoxado con eles, os deixes caer nas mans dos seus inimigos, e que estes os leven cativos a unha terra apartada ou próxima, 47se na terra da súa catividade reflexionan, se converten e desde alí rezan, dicindo: pecamos, fixemos o mal, temos a culpa; 48se na terra dos inimigos que os levaron cativos se converten a ti, con todo o corazón e con toda a alma, e se che rezan voltos cara á terra que ti deches a seus pais, cara á cidade que ti escolliches e cara ó templo que eu che construín, 49escoita ti desde o ceo, lugar da túa morada, a súa oración e a súa súplica, e axúdaos a acadar os seus dereitos.

50Perdoa ó teu pobo os seus erros e os pecados que teñan cometido contra ti, e fai que teñan dó deles os que os levaron cativos, 51pois eles son o teu pobo e o teu herdo, que ti sacaches de Exipto, do medio dun forno de ferro.

52Ten abertos os ollos cara á súplica do teu servo e a do teu pobo Israel, e escóitaos, cando te chamen. 53Porque ti, Señor, escollíchelos a eles por teu herdo, entre todos os pobos da terra, segundo prometeras polo teu servo Moisés, cando sacaches de Exipto ós nosos pais".

 

Bendición para a asemblea

 

54Cando Salomón acabou de rezar esta oración e esta súplica ó Señor, levantouse de diante do altar do Señor, onde estaba axeonllado e, ergueitas as mans cara ó ceo, 55posto de pé, bendiciu á asemblea de Israel, dicindo con forte voz:

56‑"Bendito sexa o Señor, que deu acougo ó seu pobo Israel, conforme as súas promesas. Non fallou unha soa palabra de todo o que prometera polo seu servo Moisés.

57Que o Señor, noso Deus, estea connosco, como estivo cos nosos pais, que non nos abandone nin nos deixe. 58Que vire cara a El os nosos corazóns, para que sigamos os seus camiños e gardemos os seus mandamentos, as súas leis e as súas decisións, o que mandou a nosos pais.

59Que as palabras desta súplica que eu acabo de facer ó Señor, estean presentes perante o Señor, noso Deus, de día e de noite, para que El faga xustiza ó seu servo e ó seu pobo Israel, segundo a necesidade de cada día.

60Dese xeito recoñecerán os pobos todos que o Señor é o Deus verdadeiro e que non hai outro fóra del. 61E o voso corazón estará por enteiro co Señor, noso Deus, seguindo os seus preceptos e gardando os seus mandamentos, coma hoxe".

 

Sacrificios da Dedicación

 

62O rei e todo Israel ofreceron sacrificios ó Señor. 63Salomón ofreceu, no seu sacrificio de comuñón en honor do Señor, vinte e dous mil bois e cento vinte mil ovellas. Así foi como o rei e todo Israel dedicaron o templo do Señor.

64Aquel mesmo día consagrou o rei o adro interior, que está diante do templo do Señor. Alí ofreceu os holocaustos, as oblacións e a graxa dos sacrificios de comuñón, pois o altar de bronce que estaba ante o Señor era pequeno de máis para que coubesen nel os holocaustos, as oblacións e a graxa dos sacrificios de comuñón.

65Daquela, o rei Salomón e o pobo enteiro de Israel, unha grande multitude que viñera de todo o país, desde o paso de Hamat ata o torrente de Exipto, celebraron sete días de festa diante do Señor. 66No oitavo día Salomón despediu ó pobo, e fóronse todos para as súas casas, bendicindo ó rei, contentos e ditosos, por todos os bens que tiña feito o Señor ó seu servo David e ó seu pobo Israel.

 

Nova aparición de Deus

 

Capítulo 9

 

1Cando Salomón acabou de construír o templo do Señor e o pazo real e rematou os proxectos todos que fixera, 2aparecéuselle de novo o Señor, como en Gabaón, 3e díxolle: ‑"Oín a túa oración e a súplica que me fixeches, polo que santifico este templo que ti edificaches, para que nel more para sempre o meu nome. Nel terei sempre postos os meus ollos e o meu corazón. 4En canto a ti, se camiñas na miña presenza, como fixo teu pai David, con recto e sinxelo corazón, facendo o que che mando, gardando as miñas normas e as miñas decisións, 5eu farei firme para sempre o teu trono real sobre Israel, conforme lle prometín a teu pai David. Non che fallará un descendente, que se sente no trono de Israel.

6Pero, se vós ou vosos fillos vos afastades de min, se non gardades os mandatos e os preceptos que eu vos dei, se vos ides servir deuses estraños e vos prostrades diante deles, 7eu botarei a Israel da terra que lle dei, arredarei da miña vista este templo, que santifiquei para honra do meu nome, e Israel será o refrán e o riso para todos os pobos.

8Este templo converterase nun pardiñeiro, e os que pasen diante del pasmaranse e asubiarán, e dirán: ‑¿Por que tratou deste xeito o Señor esta terra e este templo? 9E responderanlles: ‑Porque abandonaron ó Señor, seu Deus, que tirara de Exipto a seus pais, e apegáronse a deuses alleos, prostráronse diante deles e adoráronos. Por iso o Señor botou riba deles todas estas desgrazas".

 

Terra de Cabul

 

10Nos vinte anos que empregou Salomón para construír as dúas casas, o templo do Señor e o pazo real, 11Hiram, rei de Tiro, forneceu a Salomón das madeiras de cedro e de ciprés e de todo o ouro que quixo. En compensación, o rei Salomón deulle a Hiram vinte cidades na rexión de Galilea.

12Foi Hiram de Tiro ver as cidades que lle dera Salomón, e non lle gustaron. 13Dixo: ‑"¿Que clase de cidades son esas que me deches, irmán?" E chamounas Cabul, nome que levan ata hoxe. 14Hiram mandáralle a Salomón catro mil quilos de ouro.

Recrutamento de traballadores

15Agora falaremos do recrutamento de traballadores que fixo o rei Salomón para construír o templo, o pazo real, o terraplén, os muros de Xerusalén, e mais Hasor,

Meguido e Guézer.

 

16O faraón, rei de Exipto, subira para apoderarse de Guézer e puxéralle lume; matara os cananeos que habitaban na cidade e déralla en dote á súa filla, muller de Salomón. 17Salomón reconstruíu Guézer, Bet-Horón de Abaixo, 18Balat, Tamar da estepa 19e todas as cidades de aprovisionamento que o rei tiña, mais as cidades de carros e cabalos e canto se lle antollou construír en Xerusalén, no Líbano e en todos os seus dominios.

20Salomón recrutou para traballos forzados, cousa que rexe ata hoxe, toda a xente non israelita que quedara dos amorreos, dos hititas, dos perizitas, dos hivitas e dos iebuseos. 21Os seus descendentes seguiron no país, pois os israelitas non os exterminaran.

22Os israelitas non os empregou coma escravos, senón coma guerreiros, mordomos, xefes e oficiais, comandantes de carros e de cabalería. 23Os capataces que vixiaban as obras de Salomón e que tiñan o mando sobre os traballadores eran cincocentos cincuenta.

24Cando a filla de Salomón subiu da cidade de David ó pazo que Salomón lle construíra, foi cando el fixo edificar o terraplén.

25Salomón ofrecía tres veces ó ano holocaustos e sacrificios pacíficos no altar que lle construíra ó Señor, queimaba nel pos recendentes diante do Señor. El tiña tamén a conservación do templo ó seu coidado.

 

A flota de Salomón

 

26O rei Salomón construíu unha flota en Esion Guéber, preto de Elat, na beira do mar Morto, no país de Edom. 27Hiram mandou nesa flota, cos homes de Salomón, algúns mariñeiros servos seus, xente que coñecía ben o mar. 28Chegaron ata Ufir, de onde trouxeron ó rei Salomón quince mil quilos de ouro.

 

A raíña de Saba

 

Capítulo 10

 

1A raíña de Saba oíu falar do renome de Salomón, e foino probar con adiviñas. 2Chegou a Xerusalén cun grande séquito, con camelos cargados de pos recendentes, de moitísimo ouro e de pedras preciosas. Presentouse ó rei Salomón e propúxolle todo aquilo que traía pensado. 3O rei Salomón respondeulle a todo. Por escura que fose, non houbo pregunta ningunha que non tivese do rei a súa resposta.

4Cando a raíña de Saba viu a sabedoría de Salomón, o pazo que construíra, 5os manxares da súa mesa, as habitacións dos seus cortesáns, o porte e as vestiduras dos seus servidores e copeiros, e os holocaustos que ofrecía no templo do Señor, quedou admirada. 6E díxolle ó rei: ‑"Todo o que na miña terra oíra sobre os teus feitos e a túa sabedoría era verdade. 7Eu non lle daba creto ó que dicían, mais ó vir e velo cos meus ollos, constato que non me contaban a metade. A túa sabedoría e as túas riquezas son maiores de canto me dixeran. 8Ditosa a túa xente, ditosos os teus cortesáns, que están sempre contigo, aprendendo da túa sabedoría. 9Bendito sexa o Señor, teu Deus, que te quixo a ti no trono de Israel. Polo amor eterno que o Señor ten a Israel, constituíute a ti rei, para que o gobernes con xustiza e equidade".

10A raíña entregoulle ó rei catro mil quilos de ouro e gran cantidade de pos recendentes e de pedras preciosas. Endexamais se viran tantas coma as que lle trouxo a raíña de Saba ó rei Salomón.

 

Abundancia de Salomón

 

11A flota de Hiram traíalle a Salomón ouro de Ufir. De alí traía tamén en grande cantidade madeira de sándalo e pedras preciosas. 12Coa madeira de sándalo fixo o rei varandas para o templo do Señor e para o pazo real; e para os cantores fixo cítolas e arpas. Madeira de sándalo coma aquela nunca antes viñera, nin volvería verse ata hoxe.

13O rei Salomón regaloulle á raíña de Saba canto a ela se lle antollou, amais do que el lle tiña xa dado con rexia xenerosidade. Despois, a raíña de Saba deu volta e marchou co seu séquito para a súa terra.

14O peso do ouro que cada ano chegaba onda Salomón era de vinte e tres mil trescentos quilos, 15á maiores dos impostos dos mercadores e dos trabucos dos traficantes, dos reis de Arabia e dos gobernadores do país.

16O rei Salomón mandou facer douscentos escudos de ouro batido, de seis quilos e medio de ouro cada un, 17e outros trescentos, de quilo e medio cada un, e fíxoos gardar todos na casa do Bosque de Líbano. 18Tamén mandou o rei que fixeran un trono de marfil e recubriuno de ouro do máis puro. 19O trono levaba seis chanzos, un remate redondo por detrás, e brazos dun lado e doutro do asento, con dous leóns de pé onda os brazos. 20Sobre os seis chanzos había, seis dun lado e seis doutro, doce leóns en pé. Non se tiña visto obra coma ela en ningún reino.

21A vaixela do rei Salomón era toda de ouro. As xoias da casa do Bosque do Líbano eran todas tamén de ouro puro. Non había nada de prata, pois nos días de Salomón non se lle daba aprecio. 22O rei tiña no mar navíos de Tárxix, coa flota de Hiram. Cada tres anos os navíos viñan cargados de ouro, prata, marfil, macacos e pavos reais.

23O rei Salomón avantaxaba ós reis todos da terra en riqueza e sabedoría. 24Todo o mundo quería velo, para aprender da sabedoría que Deus lle concedera. 25Cada un traía o seu regalo, obxectos de prata e de ouro, armas e pos recendentes, cabalos e mulos. Así ano tras ano. 26Reuniu moitos carros e cabalos. Chegou a ter mil catrocentos carros e doce mil cabalos, que puxo de gornición nas cidades de carros e en Xerusalén, cerca do rei. 27O rei fixo abundar Xerusalén en prata tanta coma pedras, e en tantos cedros coma figueiras da Xefelah.

28Os cabalos de Salomón proviñan de Exipto. Os tratantes do rei mercábanos alí ó contado. 29Un carro traído de Exipto custaba seiscentos siclos de prata, e un cabalo cento cincuenta siclos. Iso mesmo custaban os importados polos tratantes do rei do reino hitita ou dos reinos arameos.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com