Capítulos 16-22

O profeta Iehú

 

Capítulo 16

 

1Iehú, fillo de Hananí, recibiu esta palabra do Señor contra Baxá: 2‑"Eu tireite do po e fíxente xefe do meu pobo Israel. Mais ti fuches polo mesmo camiño ca Ieroboam e fixeches pecar a Israel, anoxándome cos vosos pecados. 3Por iso vou varrer a Baxá e a súa familia, facendo con ela o que fixen coa familia de Ieroboam, fillo de Nabat. 4Os que lle morran a Baxá na cidade, comeranos os cans, e os que lle morran no campo, comeranos os paxaros do ceo".

5O resto da historia de Baxá, os seus feitos e as súas proezas ¿non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 6Baxá durmiu con seus pais, e enterrárono en Tirsah. Sucedeulle no trono o seu fillo Elah. 7Polo profeta Iehú, fillo de Hananí, veu a palabra do Señor contra Baxá e contra a súa familia, por culpa do mal que fixera ós ollos do Señor, por anoxalo cos seus feitos, coma a familia de Ieroboam, e porque exterminou esta familia.

 

Elah de Israel

 

8No ano vinte e seis do reinado de Asá en Xudá empezou a reinar Elah, fillo de Baxá, en Tirsah. Reinou dous anos. 9O seu oficial Zimrí, xefe da metade dos carros de guerra, conspirou contra el. Cando Elah estaba emborrachándose en Tirsah, na casa de Arsá, maiordomo do pazo de Tirsah, 10entrou Zimrí, feriuno e matouno. E no ano vinte e sete do reinado de Asá en Xudá, sucedeulle no trono.

11O primeiro que fixo Zimrí, ó verse sentado no trono, foi matar a toda a familia de Baxá, sen deixar un só varón, un vingador do sangue ou un amigo. 12Zimrí exterminou a toda a familia de Baxá, conforme a palabra que dixera o Señor contra Baxá polo profeta Iehú. 13Foi por culpa de todos os pecados de Baxá e de Elah, os deles e mais os que fixeran cometer a Israel, anoxando cos seus ídolos ó Señor, seu Deus.

14O resto da historia de Elah e todo o que fixo ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel?

 

Zimrí de Israel

 

15Zimrí empezou a reinar no ano vintesete do reinado de Asá en Xudá. Reinou sete días en Tirsah.

Cando o pobo que estaba acampado cerca de Guibetón, que pertencía ós filisteos, 16tivo a nova de que Zimrí se revoltara contra o rei e que o matara, aquel mesmo día, no campamento, Israel enteiro proclamou rei a Omrí, xefe do exército.

17Omrí e todo Israel rubiron de Guibetón e puxeron cerco a Tirsah. 18Cando Zimrí viu que a cidade estaba a punto de caer, entrou no pazo real, prendeulle lume e morreu nel. 19Foi polos pecados que cometera, facendo o mal ós ollos do Señor e seguindo o camiño de Ieroboam e o seu pecado de facer pecar a Israel.

20O resto da historia de Zimrí e a súa revolta, ¿non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Israel?

21Daquela, o pobo de Israel dividiuse en dous bandos. A metade seguía a Tibní, fillo de Guinat, e quería facelo rei. A outra metade seguía a Omrí. 22Os partidarios de Omrí prevaleceron sobre os de Tibní, fillo de Guinat. Tibní caeu morto, e Omrí foi rei.

23Omrí empezou a reinar sobre Israel no ano trinta e un do reinado de Asá en Xudá. Reinou doce anos, seis deles en Tirsah. 24Mercoulle a Sémer a montaña de Samaría por dous talentos de prata, e construíu nela unha cidade, á que chamou Samaría, polo nome de Sémer, que fora o dono da montaña.

25Omrí fixo o mal ós ollos do Señor. Foi peor aínda cós seus antecesores. 26Seguiu o mesmo camiño ca Ieroboam, fillo de Nabat, e caeu nos pecados que el fixera cometer a Israel, anoxando cos seus ídolos ó Señor, Deus de Israel.

27O resto da historia de Omrí, os seus feitos e as súas proezas, ¿non están escritos no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 28Omrí durmiu con seus pais, e enterrárono en Samaría. Sucedeulle no trono o seu fillo Acab.

 

Acab de Israel

 

29Acab, fillo de Omrí, empezou a reinar en Israel no ano trinta e oito do reinado de Asá en Xudá. Reinou sobre Israel en Samaría vinte e dous anos.

30Acab, fillo de Omrí, fixo o mal ós ollos do Señor, peor ca todos os seus antecesores. 31Como se fose pouco caer nos pecados de Ieroboam, fillo de Nabat, colleu por muller a Iezabel, filla de Etbaal, rei dos sidonios, e chegou a dar culto a Baal e prostrarse diante del. 32Ergueu un altar a Baal, na ermida que lle construíra en Samaría, e levantou unha Axerah. 33Provocou o noxo do Señor, Deus de Israel, cada vez máis, peor ca todos os reis que houbera antes del en Israel.

34No seu tempo, Hiel de Betel reconstruíu Xericó. Botoulle os cimentos co pago da vida de Abiram, seu primoxénito, e púxolle as portas co pago da vida do máis novo, Seguib, conforme a palabra do Señor por Xosué, fillo de Nun.

 

O profeta Elías

 

Capítulo 17

 

1Elías o texbita, de Tixbé de Galaad, díxolle a Acab: ‑"¡Pola vida do Señor, Deus de Israel, a quen sirvo! Non caerá orballo nin chuvia estes anos, se eu non o mando".

2Despois veulle esta palabra do Señor: 3‑"Vaite de aquí cara ó nacente e escóndete no torrente Carit, que está do outro lado do Xordán. 4Do regato beberás, e eu mandarei corvos que che leven alí de comer".

5Elías fixo o que lle mandaba o Señor, o foi vivir onda o torrente Carit, do outro lado do Xordán. 6Os corvos levábanlle alí pan pola mañá e carne pola tarde. E bebía do regato.

 

A viúva de Sarepta

 

7A volta duns poucos días, o regato secou, porque non chovía na rexión. 8O Señor díxolle a Elías: 9‑"Vai a Sarepta de Sidón e fica alí, pois mandeille a unha viúva do lugar que che dea de comer".

10Foi el á Sarepta e, ó entrar pola porta da cidade, viu alí unha muller viúva, que estaba xuntando guizos. Elías chamou por ela e díxolle: ‑"Fai o favor e vaime por unha pouca auga na xerra para beber". 11Mentres ía ela collerlla, Elías chamouna e díxolle: ‑"Tráeme tamén, se podes, na túa man un anaco de pan".

12Ela díxolle: ‑"Pola vida do Señor, teu Deus, que non teño pan ningún. Quédame só na talla unha presa de fariña e unha pinga de aceite na aceiteira. Ves que estou apañando guizos. Irei preparalo para min e para o meu fillo. Comerémolo e despois teremos que morrer".

13Díxolle Elías o texbita: ‑"Non teñas medo. Anda e fai como dixeches. Pero primeiro prepara un panciño con iso e tráemo a min. Despois xa prepararás para ti e para teu fillo. 14Pois isto di o Señor, Deus de Israel: a talla de fariña non se acabará e a aceiteira do aceite non minguará, ata o día en que o Señor mande a chuvia á terra".

15Foi ela facer o que Elías lle dixera. E comeu el, ela e seu fillo, moito tempo, 16sen que se acabase a fariña da talla nin minguará o aceite na aceiteira, como dixera o Señor por medio de Elías.

 

O fillo da viúva

 

17Algún tempo despois adoeceu o fillo da muller, dona da casa. A doenza foi tan grave, que o neno deixou de alentar. 18A muller díxolle a Elías: ‑"¿Que temos que ver un con outro, home de Deus? ¿Viñeches á miña casa para lembrarme os meus pecados e para matarme o fillo?"

19Respondeulle Elías: ‑"Dáme aquí o teu fillo". E coa mesma, colleullo do colo, rubiuno ó cuarto onde el durmía e deitouno na cama. 20E rezoulle ó Señor, dicindo: ‑"Señor, meu Deus, ¿tamén vas visitar coa desgraza a esta viúva coa que vivo, facendo que morra seu fillo?" 21Logo tendeuse riba do neno por tres veces, chamando ó Señor: ‑"Señor, meu Deus, fai que o alento de vida deste neno entre nel outra vez".

22O Señor escoitou a oración de Elías, e o neno comezou a alentar e reviviu. 23Elías colleu o neno, baixouno do seu cuarto e deullo á nai, dicindo: ‑"Aí tes o teu fillo vivo".

24A muller díxolle a Elías: ‑"Agora acabo de ver que ti es un home de Deus, e que a palabra do Señor está de verdade na túa boca".

 

Elías e Acab

 

Capítulo 18

 

1Pasado moito tempo, ó cabo de tres anos, chegoulle a Elías esta palabra do Señor: ‑"Vai e preséntate á Acab, que quero mandar chuvia á terra". 2E Elías foi para se presentar a Acab.

A fame era moi grande en Samaría. 3Acab chamou a Abdías, mordomo do pazo, home moi respectuoso do Señor, 4ata o punto que, cando Iezabel mataba os profetas do Señor, el colleu a cen deles, escondeunos en covas, en grupos de cincuenta, e leváballes de comer e beber. 5Acab díxolle: ‑"Percorramos todo o país, por mananciais e regatos, para ver se atopamos herba con que manter cabalos e mulos, e que non teña que perecer o gando todo". 6Repartíronse o territorio e percorrérono entre os dous, Acab só polo seu lado, e Abdías polo seu.

7Cando ía Abdías percorrendo o seu camiño, saíulle Elías ó encontro. En canto o recoñeceu, Abdías prostrouse diante del e díxolle: ‑"¿Es ti, meu señor Elías?" 8El respondeulle: ‑"Son eu. Vai e dille ó teu amo que aquí está Elías".

9Abdías dixo: ‑"¿Que pecado cometín eu, para que entregues o teu servo nas mans de Acab, e que me mate? 10Pola vida do Señor, teu Deus, que non queda pobo nin reino no que o meu amo non mandase dar contigo. Se lle dicían que non estabas, facíalles xurar a reinos e a pobos que non te atoparan.

11E agora disme ti: vai e dille ó teu amo que aquí está Elías. 12En canto eu me afaste de ti, o espírito do Señor levarate non sei para onde. Eu ireillo dicir a Acab, e el non te atopará e matarame. Mais o teu servo teme ó Señor desde pequeno. 13¿Non che teñen contado o que fixo o teu servo, cando Iezabel mataba os profetas do Señor? Escondín en covas cen de entre eles e leváballes de comer e de beber. 14E agora ti disme: vai e dille ó teu amo que aquí está Elías. Matarame".

15Elías dixo: ‑"Pola vida do Señor dos exércitos, que hoxe mesmo me presentarei diante del". 16Entón Abdías foi ó encontro de Acab e contoulle todo. E Acab saíu ó encontro de Elías. 17Cando Acab viu a Elías, díxolle: ‑"¿Es ti, ruína de Israel?" 18E el respondeulle: ‑"Non son eu a ruína de Israel, senón ti e a túa familia, porque abandonastes os mandamentos do Señor e fostes tralos baales.

 

Elías e os profetas de Baal

 

19Agora manda que todo Israel, cos catrocentos cincuenta profetas de Baal, que comen á mesa de Iezabel, se xunten comigo no monte Carmelo". 20E Acab mandou recado por todo Israel, que se xuntou no monte Carmelo con todos os profetas de Baal.

21Elías volveuse entón cara ó pobo e díxolles: ‑"¿Por canto tempo iredes coxeando cara a un lado e cara ó outro? Se o Señor é Deus, seguídeo a El; e se é Baal, seguide a Baal". O pobo non respondeu unha palabra. 22E Elías seguiu dicindo: ‑"De todos os profetas do Señor quedo eu só con vida, mentres os profetas de Baal son catrocentos cincuenta. 23Que nos dean dous becerros. Que eles escollan un, que o despecen, que o coloquen enriba da leña, pero que non lle prendan lume. Eu prepararei despois o outro becerro, poreino enriba da leña, sen pegarlle lume tampouco. 24Logo invocaredes vós ó voso deus, e eu invocarei o nome do Señor. O Deus que responda, facendo que o lume se prenda, será o Deus verdadeiro". O pobo respondeu á unha voz: ‑"Iso está ben".

25Entón díxolles Elías ós profetas de Baal: ‑"Escollede un becerro e preparádeo vós primeiro, porque vós sodes máis. Despois, sen pegarlle lume, invocade o voso deus". 26Eles colleron o becerro que lles deron, preparárono e estiveron invocando o nome de Baal desde a mañá ata o mediodía. Dicían: ‑"Baal, escóitanos". Mais non se oía voz ningunha nin había resposta. Pero eles seguían brincando arredor do altar que construíran.

27Polo mediodía, Elías dicíalles con burla: ‑"Berrade aínda máis, pois, aínda que el é deus, pode estar entretido, de conversa ou de viaxe; tamén pode ser que durma, e que haxa que espertalo". 28Eles chamábano a berros e facíanse cortaduras con coitelos e lancetas, ata correrlles o sangue, segundo o seu costume. 29Pasado o mediodía caeron en arroubo, ata a hora da ofrenda. Mais non se oía voz ningunha, nin había resposta nin quen lles fixese caso.

30Entón Elías díxolle á xente: ‑"Acercádevos". E achegáronse todos a el. El arranxou o altar que estaba derrubado. 31Colleu doce pedras, conforme o número das tribos de Xacob, a quen Deus lle dixera que se chamaría Israel; 32edificou coas pedras un altar en honor do Señor e fíxolle unha gabia arredor, coma de dúas sementeiras. 33Despois preparou a leña, despezou o becerro e púxoo enriba da leña. 34E mandou: ‑"Enchede catro cántaros de auga e botádea por riba do sacrificio e da leña". E engadiu: ‑"¡Outra vez!" E eles repetiron. E mandou aínda: "¡Outra vez!" E eles fixérono por terceira vez. 35A auga correu arredor do altar e encheu tamén a gabia.

36Chegada a hora da ofrenda, o profeta Elías achegouse ó altar e rezou: ‑"Señor, Deus de Abraham, de Isaac e de Israel; que se saiba hoxe que ti es o Deus de Israel e que eu son o teu servo, que fago polo teu mandato estas cousas. 37Respóndeme, Señor, respóndeme, para que saiba este pobo que ti, Señor, es Deus. E ti converterás os seus corazóns".

38Nisto caeu un lume do Señor, que consumiu o sacrificio, a leña, as pedras e o po, e secou mesmo a auga da gabia. 39Cando a xente o viu, prostrouse toda polo chan e exclamou: ‑"¡O Señor é o Deus verdadeiro, o Señor é o Deus verdadeiro!"

40Elías díxolles entón: ‑"Prendede os profetas de Baal, sen que escape ningún". Eles prendéronos, e Elías fíxoos baixar ó torrente Quixó, onde os matou.

 

O final da seca

 

41Despois diso, Elías díxolle a Acab: ‑"Vai comer e beber, que xa sinto o estrondo da chuvia". 42Acab foi comer e beber, mentres Elías rubía o cume do Carmelo. Alí sentouse dobrado cara ó chan, coa cabeza entre os xeonllos.

43Díxolle ó seu criado: ‑"Vai e outea cara ó mar". Foi el, outeou e dixo: ‑"Non se ve nada". El insistiulle: ‑"Volve, ata sete veces". 44A sétima vez o servo dixo: ‑"Érguese sobre o mar unha nube pequena, coma a palma da man". Elías mandoulle: ‑"Vaille dicir a Acab que enganche o carro e que baixe, se non quere que a chuvia o deteña".

45Nun intre o ceo cubriuse, estalou a treboada e rompeu a chover a cántaros. Acab ía cara a Iezrael, montado no seu carro. 46A man do Señor pousouse sobre Elías, que cinguiu o seu cinto e correu diante de Acab, ata a entrada de Iezrael.

 

Elías no monte Horeb

 

Capítulo 19

 

1Acab contoulle a Iezabel o que Elías fixera e como pasara a todos os profetas polo gume da espada. 2Ela mandou entón un mensaxeiro, que lle fose dicir a Elías: ‑"Que os deuses me traten do peor, se mañá destas horas non teño feito contigo o que fixeches ti con eles".

3Elías tivo medo e fuxiu, buscando salvar a súa vida. Chegado á Beerxeba de Xudá, deixou alí a seu criado. 4El seguiu polo deserto, un día de camiño. Alí foi sentar debaixo dunha xesta, e pediu a morte, dicindo: ‑"Xa chega, Señor. Quítame a vida, pois non vallo eu máis cós meus pais".

5Deitouse á sombra da xesta e durmiuse. Un anxo tocouno e díxolle: ‑"Érguete e come". 6Mirou Elías e viu á súa cabeceira unha bica cocida no rescaldo e un xerro de auga. Comeu e bebeu daquilo e volveuse deitar.

7Tornou de segundas o anxo do Señor e tocouno, dicíndolle: ‑"Érguete e come, que che queda moito camiño". 8Ergueuse Elías, comeu e bebeu e, coa forza daquel sustento, andou corenta días coas súas noites, ata o monte de Deus, o Horeb. 9Alí meteuse nunha cova e pasou nela a noite. Chegoulle a palabra do Señor, que lle preguntou: ‑"¿Que fas aí, Elías?"

10El respondeu: ‑"Ardo en celos polo Señor, Deus dos exércitos, porque os israelitas abandonaron a túa alianza, derrubaron os teus altares e mataron polo fío da espada os teus profetas. Quedo soamente eu, e búscanme para matarme".

11Díxolle o Señor: ‑"Sae de aí e fica de pé no monte, diante do Señor. Porque o Señor vai pasar".

Nisto veu un rexo furacán, que fendía os montes e cuarteaba os penedos diante do Señor. Mais non estaba o Señor no furacán. Despois do furacán houbo un tremor de terra; mais tampouco no tremor de terra estaba o Señor. 12Despois do tremor de terra veu un gran lume; mais non estaba no lume o Señor. Despois do lume oíuse o murmurio dunha airexadiña suave. 13En canto Elías o sentiu, tapou a cara co manto, saíu fóra e ficou en pé, na entrada da cova. Niso chegou unha voz que preguntaba: ‑"¿Que fas aí, Elías?"

14El respondeu: ‑"Ardo en celos polo Señor, Deus dos exércitos, porque os israelitas abandonaron a túa alianza, derrubaron os teus altares e mataron por fío de espada os teus profetas. Quedo soamente eu, e búscanme para matarme".

15O Señor díxolle a Elías: ‑"Vai e desanda o camiño cara ó deserto de Damasco. En chegando alí, unxe por rei de Aram a Hazael, 16e a Iehú, fillo de Nimxí, por rei de Israel; e a Eliseo, fillo de Xafat, de Abel Meholah, por profeta, teu sucesor. 17O que escape da espada de Hazael, matarao Iehú, e ó que escape da espada de Iehú, matarao Eliseo. 18Pero deixarei en Israel un resto de sete mil homes, os que non dobraron os xeonllos diante de Baal e que non o bicaron cos seus beizos".

 

Vocación de Eliseo

 

19Elías marchou de alí e encontrouse con Eliseo, fillo de Xafat, que araba con doce xuntas, levando el a derradeira. Elías pasou a carón del e botoulle enriba o seu manto.

20Eliseo deixou os bois e foi correndo atrás de Elías. E díxolle: ‑"Déixame despedirme de meu pai e de miña nai, e logo ireime contigo". El respondeulle: ‑"Vai, pero volve logo, pois xa ves o que fixen contigo". 21Ao dar a volta, Eliseo colleu a xunta de bois e ofreceunos en sacrificio. Cos apeiros de arar coceu a carne e deulle á xente de comer. Despois foise con Elías e quedou ó seu servizo.

 

Guerras de Acab cos arameos

 

Capítulo 20

 

1Benhadad, rei de Aram, xuntou todos os seus exércitos e, en compaña de vinte e dous reis máis, con cabalería e con carros, cercou Samaría e atacouna. 2Mandou mensaxeiros á cidade, para que dixesen a Acab, rei de Israel: 3‑"Isto di Benhadad: a túa prata e mais o teu ouro son para min; e para min tamén as túas mulleres e os teus fillos mellores". 4Respondeulle o rei de Israel: ‑"Como dispoña o rei, meu señor. Eu e todo o que teño somos teus".

5Os mensaxeiros volveron de segundas, cunha nova mensaxe: ‑"Isto di Benhadad: xa che mandei dicir que me deas a túa prata e mais o teu ouro, as túas mulleres e os teus fillos. 6Pois ben, mañá destas horas mandareiche os meus criados, para que rexistren o teu pazo e as casas dos teus ministros. Poderán botar man de todo o que lles guste e levalo".

7O rei de Israel chamou entón a todos os anciáns de Israel e díxolles: ‑"Pensádeo ben e veredes que ese home quere a nosa desgraza. Mandou polas miñas mulleres e os meus fillos, pola miña prata e o meu ouro, e eu nada lle neguei". 8Os anciáns e o pobo enteiro respondéronlle: ‑"Non lle fagas caso. Non consintas en nada diso".

9Entón Acab deulles a resposta ós mensaxeiros de Benhadad: ‑"Dicídelle ó rei, meu señor: farei o que mandaches dicir de primeiras ó teu servo; mais isto outro non o podo facer". Os mensaxeiros marcharon coa resposta.

10Entón Benhadad mandou dicirlle a Acab: ‑"Que os deuses me castiguen, se chega o po de Samaría para que os soldados que me seguen enchan con el a súa man". 11Respondeulle o rei de Israel: ‑"Que non cante vitoria o que cingue a espada, senón o que a descingue".

12Cando oíu isto Benhadad, que estaba cos outros reis bebendo nas súas tendas, díxolles ós seus oficiais: ‑"¡Os vosos postos!" E eles dispuxéronse para atacar a cidade.

13Nisto presentouse a Acab, rei de Israel, un profeta, que lle anunciou: ‑"Isto di o Señor: ¿Ves esa enorme multitude? Pois hoxe vouna entregar nas túas mans, para que saibas que eu son o Señor". 14Preguntoulle Acab: ‑"¿Por medio de quen?" Respondeu el: ‑"O Señor di: por medio dos axudantes dos xefes dos distritos". Preguntoulle aínda o rei: ‑"¿Quen empezará o ataque?" ‑"Ti mesmo", respondeu el.

15Acab fixo o reconto dos axudantes dos xefes dos distritos, e eran douscentos trinta e dous. Despois fixo tamén o reconto dos soldados, e eran sete mil homes. 16Saíron a mediodía, mentres Benhadad bebía e se emborrachaba nas súas tendas, cos trinta e dous reis, os seus compañeiros. 17Saíron diante os axudantes dos xefes dos distritos.

A Benhadad chegoulle a nova: ‑"Saíu xente de Samaría". 18Benhadad ordenou entón: ‑"O mesmo se veñen tratar de paz coma se veñen en son de guerra, collédeos vivos".

19Os que saíran da cidade eran os axudantes dos xefes dos distritos, e tras eles o exército. 20Cada un matou un inimigo. Os arameos fuxían, e Israel perseguíaos. Benhadad, rei de Aram, fuxía á cabalo, cuns poucos cabaleiros. 21Entón saíu o rei de Israel, destruíu cabalos e carros, e inflixiu nos arameos unha grave desfeita.

 

Nova vitoria sobre os arameos

 

22Chegou un profeta onda o rei de Israel e díxolle: ‑"Vai preparar reforzos e pensa ben o que has facer, porque, á volta dun ano, o rei de Aram rubirá de novo contra ti".

23Os oficiais do rei de Aram, pola súa parte, dixéronlle ó seu rei: ‑"O Deus dos israelitas é un deus das montañas; por iso eles nos venceron. Se os atacamos na veiga de seguro que os venceremos. 24Adopta esta nova estratexia: depón dos seus postos eses reis e pon capitáns no sitio. 25Prepara un exército semellante ó que perdiches, co mesmo número de cabalos e de carros. Atacarémolos na chaira e seguramente os venceremos". O rei escoitou as súas razóns e deixouse guiar polos seus consellos.

26A volta do ano, Benhadad revistou o exército arameo e rubiu a Afecah, para atacar a Israel. 27Os israelitas, da súa banda, revistáronse e abastecéronse, e saíron despois ó seu encontro. Acampados enfronte deles, parecían dous fatos de cabras, mentres os arameos cubrían a chaira toda.

28Niso chegou alí un home de Deus e díxolle ó rei de Israel: ‑"Isto di o Señor: Xa que os arameos pensan que o Señor é un deus da montaña, e non un deus da terra cha, vou entregar nas túas mans esa enorme multitude, para que saibades que eu son o Señor".

29Seguiron alí acampados sete días, uns enfronte dos outros. No sétimo día metéronse na loita. Os israelitas mataron nun só día cen mil arameos dos de a pé. 30O resto fuxiu cara a Afecah; pero as súas murallas derrubáronse sobre os vinte sete mil homes que quedaran con vida. Benhadad fuxiu tamén e, entrando na cidade, buscaba onde acocharse, dun recanto noutro.

31Os seus oficiais dixéronlle: ‑"Temos oído dicir que os reis de Israel son misericordiosos. Cingámonos sacos ó van e cordas ó pescozo, e presentémonos ó rei de Israel. O mellor perdóache a vida". 32Cinguíronse sacos ó van e cordas ó pescozo, e presentáronse ó rei de Israel, dicindo: ‑"O teu servo Benhadad pídeche: por favor, perdóame a vida". El preguntou: ‑"¿Vive aínda? É meu irmán".

33Os arameos viron niso un bo agoiro. Colléronlle de seguida a palabra e dixéronlle: ‑"Benhadad é teu irmán". El ordenoulles: ‑"Ide e traédemo". Benhadad chegou onda el, e el montouno no seu carro.

34Benhadad díxolle entón: ‑"Vólvoche as cidades que meu pai lle quitou ó teu, e ti poderás pór un mercado en Damasco, coma o que meu pai puxo en Samaría". Acab respondeulle: ‑"Por este  pacto eu déixote marchar". Concluíu con el un pacto e deixouno en liberdade.

 

Un profeta ameaza a Acab

 

35Un home da comunidade dos profetas díxolle a un seu compañeiro, por orde do Señor: ‑"¡Anda, pégame!" Mais o outro negouse a pegarlle. 36Aquel díxolle: ‑"Xa que non obedeciches a orde do Señor, en afastándote de min matarate un león". En canto partiu de onda el, saíulle un león e matouno.

37Encontrouse despois con outro home e díxolle: ‑"¡Anda, pégame!" Este pegoulle e feriuno. 38O profeta ferido foi e apostouse no camiño, á agarda do rei, demudado como estaba e cunha venda nos ollos.

39Cando o rei pasaba por alí, o profeta berroulle: ‑"Saía o teu servo do medio da batalla, e nisto aproximóuseme un home, que me dixo: garda este prisioneiro. Se che escapa, responderás por el coa túa vida ou cun talento de prata. 40Pero, mentres o teu servo andaba de aquí para acolá, desapareceu o prisioneiro". O rei de Israel respondeulle: ‑"Esa é a túa sentencia; ti mesmo a pronunciaches".

41Entón tirou o profeta da venda que lle tapaba os ollos, e o rei de Israel deuse conta de que era un dos profetas. 42Este díxolle: ‑"Isto di o Señor: xa que deixaches escapar da túa man o home que eu dedicara ó exterminio, pagarás a súa vida coa túa vida e o seu exército co teu". 43O rei de Israel volveu para a súa casa triste e anoxado. E entrou en Samaría.

 

A viña de Nabot

 

Capítulo 21

 

1Nabot de Iezrael tiña unha viña pegada ó pazo de Acab, rei de Samaría. 2Acab propúxolle a Nabot: ‑"Cédeme a túa viña, para facer un horto nela, pois está ó lado do meu pazo. Eu dareiche, en troques, unha viña mellor ou, se prefires, pagareicha polo que valla". 3Nabot respondeulle a Acab: ‑"Deus me libre de cederche o que é herdo de meus pais".

4Acab marchou para casa triste e anoxado, polo que lle dixera Nabot de Iezrael: ‑"Non che cederei o herdo de meus pais". Botouse na cama, volto cara á parede, e non quixo comer.

5Entrou onda el Iezabel, a súa muller, e preguntoulle: ‑"¿Por que estás triste e non queres comer?"  6E el contoulle a proposta que lle fixera a Nabot de Iezrael: ‑"Cédeme a túa viña por diñeiro ou, se o prefires, dareiche por ela outra mellor"; e como el lle respondera: ‑"Non che cederei a miña viña".

7A isto díxolle Iezabel, á súa muller: ‑"¿Seica non es ti quen manda en Israel? Érguete e come. Sentiraste mellor. Eu conseguireiche a viña de Nabot de Iezrael". 8Escribiu cartas no nome de Acab, selounas co selo real e mandóullelas ós anciáns e nobres da cidade, veciños de Nabot. 9Nesas cartas dicíalles: ‑"Pregoade un xaxún e poñede a Nabot á cabeza do pobo. 10Sentade dous homes ruíns do outro lado, que testemuñen en contra del: ti maldiciches a Deus e ó rei. Que entón o saquen para fóra e que o acantacen, ata que morra".

11Os homes da cidade, os anciáns e os nobres, veciños de Nabot, fixeron como lles dicía Iezabel, conforme o escrito nas cartas que ela lles mandara. 12Pregoaron un xaxún e sentaron a Nabot á cabeza do pobo. 13Viñeron despois dous homes, sentaron enfronte del e testemuñaron contra Nabot, á vista do pobo todo: ‑"Nabot maldiciu a Deus e ó rei". Sacárono fóra da cidade, acantazárono e morreu. 14Entón mandáronlle dicir a Iezabel: ‑"Nabot foi acantazado e morreu".

15Cando viu Iezabel que Nabot fora acantazado e que morrera, foille dicir a Acab: ‑"Anda, vai tomar posesión da viña de Nabot de Iezrael. Non cha quixo vender, pero Nabot xa non vive, está morto". 16Cando Acab soubo que morrera Nabot de Iezrael, foi de contado á sua viña, para tomar posesión.

17Entón chegou esta palabra do Señor a Elías, o texbita: 18‑"Érguete e baixa ó encontro de Acab, rei de Israel en Samaría. Está agora mesmo na viña de Nabot, onde baixou para tomar posesión dela. 19Diraslle: isto di o Señor: ¿Mataches e agora roubas? Dille: isto di o Señor: no mesmo sitio onde os cans lamberon o sangue de Nabot, lamberán tamén o teu".

20Acab díxolle a Elías: ‑"Descubríchesme, meu inimigo". El respondeulle: ‑"Descubrinte. Xa que te vendiches, facendo o mal ós ollos do Señor, 21aquí veño eu para traer desgrazas contra ti. Varrerei a túa liñaxe, exterminareille a Acab en Israel todo varón, o mesmo escravo ca libre. 22Farei coa túa familia coma coa de Ieroboam, fillo de Nabat, e a de Baxá, fillo de Ahías, polo moito que me anoxaches e porque fixeches pecar a Israel. 23Tamén contra Iezabel dixo o Señor: os cans devorarán a Iezabel no agro de Iezrael. 24Os de Acab que morran na cidade, devoraranos os cans, e os que morran no campo, comeranos os paxaros do ceo".

25En verdade, non houbo ninguén que se vendese coma Acab, facendo o mal ós ollos do Señor, provocado por Iezabel, a súa muller. 26Fixo cousas abominables, indo detrás dos ídolos. Asemellouse ós amorreos que o Señor expulsara diante dos israelitas.

27Cando Acab oíu estas palabras, rachou as súas vestiduras vestiuse de saco e xaxuou. 28Entón chegoulle esta palabra do Señor a Elías, texbita: 29‑"¿Viches como se humillou Acab diante de min? Por esta humildade, non traerei a desgraza nos seus días; traereina sobre a súa familia, nos días de seu fillo".

 

O profeta Miqueas

 

Capítulo 22

 

1Pasaron tres anos sen guerra entre Aram e Israel. 2O terceiro ano foi Ioxafat, rei de Xudá, visitar o rei de Israel. 3Este díxolles ós seus ministros: ‑"¿Non sabedes que Ramot de Galaad é nosa, e nós estámonos aquí quedos, sen arrincala das mans do rei de Aram?" E preguntoulle a Ioxafat: ‑"¿Virías comigo á guerra contra Ramot de Galaad?"

4Ioxafat  respondeulle  ó  rei  de  Israel: ‑"Conta comigo coma contigo, co meu exército coma co teu, coa miña cabalería coma coa túa". 5Despois dixo Ioxafat ó rei de Israel: ‑"Gustaríame que consultases agora a palabra do Señor". 6O rei de Israel reuniu os profetas, arredor de catrocentos, e preguntoulles: ‑"¿Debo atacar Ramot de Galaad ou debo desistir?" Respondéronlle eles: ‑"Vai. O Señor entregaraa nas mans do rei".

7Ioxafat preguntou: ‑"¿Non hai aquí aínda un profeta do Señor, ó que poidamos consultar?" 8Respondeulle o rei de Israel: ‑"Queda aínda un home, polo que se pode consultar o Señor: Miqueas, fillo de Imlah; pero eu aborrézoo, porque nunca me anuncia cousa boa, senón sempre desgrazas". Díxolle Ioxafat: ‑"Que o rei non fale dese xeito".

9O rei de Israel chamou un servidor e ordenoulle: ‑"Tráeme axiña a Miqueas, fillo de Imlah". 10O rei de Israel e Ioxafat, rei de Xudá, estaban os dous sentados ás portas de Samaría, vestidos de traxe real, en cadanseu trono, e os profetas todos en arroubo, diante deles. 11Sedecías, fillo de Cananah, fixera cornos de ferro e dicía: ‑"Isto di o Señor: con estes cornos turrarás nos arameos, ata acabares con eles". 12E os profetas a unha profetizaban: ‑"Rube a Ramot de Galaad; terás vitoria; o Señor entregaraa nas mans do rei".

13O mensaxeiro que fora en busca de Miqueas, advertiuno: ‑"Mira que os profetas son todos do mesmo parecer, de agoirárenlle vitoria ó rei. Que a túa palabra concerte coa súa, agoirándolle o ben". 14Pero Miqueas respondeulle: ‑"¡Pola vida do Señor! O que me diga o Señor, iso será o que eu direi".

15Presentouse Miqueas onda o rei, e este preguntoulle: ‑"Miqueas, ¿podemos ir atacar Ramot de Galaad, ou debemos desistir?" El respondeulle: ‑"Rube, vencerás; o Señor entregaraa nas mans do rei". 16Pero o rei advertiuno: ‑"¿Cantas veces terei que facerche xurar que non me dirás senón a verdade no nome do Señor?" 17Entón dixo Miqueas: ‑"Estou vendo todo Israel espallado polas montañas, coma rabaño que non ten pastor. E o Señor di: estes non teñen pastor. Que cada un se volva en paz para a súa casa".

18O rei de Israel díxolle a Ioxafat: ‑"¿Non cho dicía? Non me agoira nunca ventura, senón sempre desgraza".

19Miqueas dixo aínda: ‑"Agora escoita a palabra do Señor. Vin o Señor sentado no seu trono, e todo o exército do ceo onda el, á súa dereita e á súa esquerda. 20O Señor preguntou: ‑¿Quen enganará a Acab, para que ruba e pereza en Ramot de Galaad? E un propuña unha cousa e outro outra. 21Entón adiantouse o espírito, presentouse diante do Señor e dixo: ‑Eu enganareino. E o Señor preguntoulle: ‑¿Como? 22E el respondeu: ‑Irei e fareime espírito de mentira na boca dos seus profetas. A iso dixo o Señor: Ti poderalo enganar: vai e faino.

23Polo tanto, mira que o Señor puxo un espírito de mentira na boca deses teus profetas, porque o Señor ten decretada a túa desgraza". 24Entón adiantouse Sedecías, fillo de Cananah, e deulle unha labazada a Miqueas, preguntándolle: ‑"¿Como é que se foi de onda min o espírito do Señor, para irche falar a ti?" 25Respondeulle Miqueas: ‑"Xa o verás ti mesmo, o día en que teñas que fuxir dun recanto noutro, querendo esconderte".

26O rei de Israel dispuxo entón: ‑"Prende a Miqueas e lévallo a Amón, gobernador da cidade, e a Ioax, fillo do rei, 27e dilles de parte do rei: metede a este na cadea e taxádelle pan e auga, ata que eu volva coa vitoria". 28A iso dixo Miqueas: ‑"Se de verdade ti volves con vitoria, é que Deus non falou pola miña boca".

 

Morte de Acab

 

29O rei de Israel e Ioxafat, rei de Xudá, rubiron contra Ramot de Galaad. 30Díxolle o rei de Israel a Ioxafat: ‑"Voume disfrazar, para entrar no combate. Ti leva a túa roupa". E, coa mesma, entrou no combate disfrazado.

31O rei de Aram déralles ós trinta e dous xefes de carros esta orde: ‑"Non ataquedes nin a pequeno nin a grande, senón só ó rei de Israel". 32Cando os xefes dos carros viron a Ioxafat, comentaron: ‑"Aquel é certamente o rei de Israel". 33E botáronse enriba del. Pero Ioxafat pegou un berro, e os xefes dos carros viron que aquel non era o rei de Israel e deixaron de perseguilo. 34Un soldado disparou á toa unha frecha e feriu ó rei de Israel, por entre as xunturas da coiraza. O rei díxolle ó que guiaba o seu carro: ‑"Dá volta e sácame do campo, porque estou malferido".

35O combate era moi rexo ese día, e o rei mantívose ergueito no seu carro, enfronte dos arameos. Pero á tarde morreu. O sangue da súa ferida corría por dentro do carro. 36No solpor correu polo campamento o clamor: ‑"¡Cada un para a súa cidade, cada un para a súa terra! ¡O rei morreu!"

37Despois de que o rei morreu, levárono a Samaría e enterrárono alí. 38Cando lavaban o seu carro no estanque de Samaría, os cans lambían o seu sangue, e as prostitutas lavábanse con ela, conforme a palabra do Señor.

39O resto da historia de Acab, todo o que fixo, o pazo de marfil e as cidades que construíu, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel? 40Acab durmiu con seus pais, e sucedeulle no trono o seu fillo Ocozías.

 

Ioxafat de Xudá

 

41Ioxafat, fillo de Asá, empezou a reinar en Xudá no ano cuarto de Acab, rei de Israel. 42Tiña trinta e cinco anos cando empezou a reinar, e reinou vinte e cinco anos en Xerusalén. Súa nai chamábase Azubah, filla de Xilhí.

43Seguiu o camiño de Asá, seu pai, sen afastarse nada del, facendo o que é xusto ós ollos do Señor. 44Mais non desapareceron os altares dos outeiros, e a xente seguía sacrificando e queimando incenso neles. 45Ioxafat estivo en paz co rei de Israel.

46O resto da historia de Ioxafat, as súas proezas e as guerras que fixo, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 47Ioxafat varreu do país a prostitución consagrada, que quedara do tempo de Asá, seu pai. 48Daquela non había rei en Edom, e un gobernador facía de rei.

49Ioxafat construíuse unha flota de navíos de Tárxix, para ir por ouro a Ufir. Pero non chegou a saír, porque a flota afundiuse en Esion-Guéber. 50Entón Ocozías, fillo de Acab, propúxolle a Ioxafat: ‑"Que vaian os meus homes nos navíos cos teus". Pero Ioxafat non accedeu.

51Ioxafat durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de seu pai David. Sucedeulle no trono o seu fillo Ioram.

 

Ocozías de Israel

 

52Ocozías, fillo de Acab, empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, no ano dezasete do reinado de Ioxafat sobre Xudá. Reinou dous anos sobre Israel.

53Ocozías fixo o mal ós ollos do Señor, seguindo o camiño de seu pai, de súa nai e de Ieroboam, fillo de Nabat, que fixera pecar a Israel. 54Deulle culto a Baal e adorouno, provocando con iso o noxo do Señor, Deus de Israel, como fixera tamén seu pai.

 

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com