Capítulos 1-5

REINADO DE SALOMÓN (1 Re 1-11)

 

Vellez de David

 

Capítulo 1

 

1O rei David ía xa vello, moi metido en anos, e por máis que o cubrían de roupa, non quecía.

2Dixéronlle os seus servidores: ‑"Que se procure para o rei, noso señor, unha rapaza nova, para que o sirva e o atenda, que durma con el e que o faga quecer". 3Foron por todo Israel, á busca dunha rapaza fermosa; atoparon a Abixag de Xunam e leváronlla ó rei. 4A rapaza era moi bela. Servía ó rei e coidaba del; pero o rei non se lle achegou.

 

Adonías pretende o reino

 

5Ao tempo, Adonías, fillo de Haguit, ergueuse e andaba dicindo: ‑"Eu serei rei". Fíxose cunha carroza e cabalos e con cincuenta homes de escolta. 6Seu pai nunca o contrariara, preguntándolle que facía. Era moi ben parecido e nacera despois de Abxalom.

7Mantiña tratos con Ioab, fillo de Seruiah, e co sacerdote Abiatar, que o apoiaban. 8Pero o sacerdote Sadoc, Benaías, fillo de Iehoiadá, o profeta Natán, Ximí, Reí e mais os valentes de David, non seguían a Adonías.

9Adonías sacrificou ovellas, bois e becerros, onda a pedra Zohélet, ó pé de En Róguel. Convidou ós irmáns, fillos do rei, e ós homes de Xudá que servían ó rei; 10pero ó profeta Natán, e Benaías, ós valentes de David e ó seu irmán Salomón, non os convidou.

 

A causa de Salomón

 

11O profeta Natán díxolle entón a Batxeba, nai de Salomón: ‑"¿Non oíches dicir que se proclamou rei Adonías, fillo de Haguit, sen que o saiba David, noso señor? 12Déixame que che dea un consello, se queredes salvar a vida ti e teu fillo Salomón. 13Vai onda o rei e dille: Rei, meu señor, ¿non tiñas xurado á tua serva que despois de ti reinaría o meu fillo Salomón, sentándose no teu trono? ¿Como é pois, que se proclamou rei Adonías? 14O tempo de estares falando ti co rei, entrarei eu e confirmarei as túas palabras".

15Batxeba entrou onda o rei, na súa alcoba. O rei estaba moi vello, e servíao Abixag a xunamita. 16Batxeba inclinouse e prostrouse diante do rei. E o rei preguntoulle: ‑"¿Que queres?" 17E ela respondeulle: ‑"Señor, ti xurácheslle polo Señor, teu Deus, á tua serva: despois de min reinará o teu fillo Salomón, sentándose no meu trono. 18Mais agora é Adonías quen se proclama rei, ás túas escondidas. 19Sacrificou bois, becerros e moitísimas ovellas e convidou a todos os fillos do rei, ó sacerdote Abiatar e ó xeneral Ioab, pero ó teu servo Salomón non o convidou. 20Agora, rei, meu señor, os ollos de todo Israel están postos en ti, á espera de que lle digas quen reinará despois de ti. 21Ora, cando o rei, meu señor, durma cos seus pais, eu e meu fillo Salomón teremos a consideración de culpables".

22Aínda falaba ela co rei, cando entrou o profeta Natán. 23Anunciáronlle ó rei: ‑"Velaquí o profeta Natán". Entrou el onda o rei e prostrouse polo chan. 24E dixo: ‑"Ti, rei meu señor, debes ter dito que Adonías será rei despois de ti, que será el quen sente no teu trono. 25Porque hoxe baixou e sacrificou bois e becerros e moitísimas ovellas e convidou a todos os fillos do rei, ós xenerais e ó sacerdote Abiatar. Están agora no convite e proclaman: Viva o rei Adonías. 26Pero a min, o teu servidor, ó sacerdote Sadoc, a Benaías, fillo de Iehoiadá e ó teu servo Salomón non nos convidou. 27¿Será isto cousa do rei, meu señor, mesmo se ti non informaches ós teus servos de quen sentará no trono, para reinar despois de ti?"

28Niso ordenou o rei David: ‑"Chamádeme a Batxeba". Entrou Batxeba e quedouse de pé diante do rei. 29Entón o rei xurou: ‑"Polo Deus vivo, que me tirou de todas as angustias. 30O que che xurei polo Señor, Deus de Israel, que o teu fillo Salomón reinaría despois de min, sentado no meu trono, vouno cumprir agora mesmo".

31Inclinouse Batxeba e prostrouse polo chan diante do rei e dixo: ‑"Viva por sempre o rei David, meu señor".

32O rei David mandou entón: ‑"Chamádeme ó sacerdote Sadoc, ó profeta Natán e a Benaías, fillo de Iehoiadá". E eles entraron onda o rei. 33El díxolles: ‑"Levade convosco os ministros do voso señor, montade a meu fillo Salomón na miña mula e baixádeo a Guihón. 34Alí o sacerdote Sadoc e o profeta Natán unxirano rei de Israel. Logo tocaredes a trompeta e aclamaredes: ¡Viva o rei Salomón!. 35Rubiredes despois tras el, e que veña sentar no meu trono, para reinar no meu lugar. Dispoño que sexa el o xefe de Israel e de Xudá".

36Benaías, fillo de Iehoiadá, respondeulle ó rei: ‑"Amén, que así o queira o Señor, Deus do meu señor o rei. 37Segundo estivo o Señor co rei, meu señor, que estea tamén con Salomón e que engrandeza o seu trono, aínda máis có do rei David".

38Entón o sacerdote Sadoc, o profeta Natán, Benaías, fillo de Iehoiadá, cos cereteos e os peleteos, baixaron a Salomón montado na mula do rei e conducírono a Guihón.

39O sacerdote Sadoc colleu do santuario o corno de aceite e unxiu a Salomón. Tocaron a trompeta, e o pobo todo aclamou: ‑"Viva o rei Salomón". 40Despois subiron todos detrás del, tocando frautas e facendo tan grande festa, que a terra tremía co estrondo.

 

Desfeita de Adonías

 

41Oírono Adonías e os seus convidados, que acababan de comer. En sentindo Ioab o son da trompeta, preguntou: ‑"¿Que algueirada é esa na cidade?"

42Non concluíra de falar, cando entrou Ionatán, fillo do sacerdote Abiatar. Díxolle Adonías: ‑"Entra; ti es home de ben e traerás boas noticias".

43Ionatán respondeulle: ‑"Ben ó contrario. O rei David, noso señor, fixo rei a Salomón. 44O rei mandou con el ó sacerdote Sadoc, ó profeta Natán e Benaías, fillo de Iehoiadá, cos cereteos e os peleteos, e levárono montado na mula do rei. 45O sacerdote Sadoc e o profeta Natán unxírono rei en Guihón. De alí rubiron en festa, e a cidade relouca. Esa é a algueirada que oístes.

46E aínda máis. Salomón sentou no trono real, 47e os servidores do rei foron felicitar o rei David, noso señor:

Que Deus faga ben a Salomón, por enriba de ti,

e que engrandeza o seu trono sobre o teu.

E o rei, prostrado no seu leito, exclamou:

48Bendito sexa o Señor, Deus de Israel,

que me deu hoxe quen sente no meu trono

e que me permitiu que o vise cos meus ollos".

49Os convidados de Adonías, todos cheos de medo, erguéronse e marcharon, cada un polo seu lado. 50Adonías tivo medo de Salomón e foise agarrar dos cornos do altar.

51Dixéronlle a Salomón: ‑"Seica Adonías teme ó rei, e foise agarrar dos cornos do altar. Quere que lle xures que non o matarás a fío de espada".

52Salomón respondeu: ‑"Se se amosa home de ben, non caerá por terra un só dos seus cabelos; pero se comete algunha falta, morrerá". 53O rei Salomón mandou que o baixasen de onda o altar. Adonías veu prostrarse diante do rei Salomón, e este díxolle: ‑"Vai para a túa casa".

 

Derradeiros consellos e morte de David

 

Capítulo 2

 

1Véndose cerca da morte, David fíxolle a seu fillo Salomón estas recomendacións: 2‑"Eu estou para emprender o camiño de todos. Ti tes que ser valente e portarte coma un home. 3Garda os preceptos do Señor, o teu Deus, seguindo os seus camiños; observa os seus mandamentos e as súas leis, as súas decisións e os seus ensinos, conforme están escritos na Lei de Moisés, para que che saia ben todo o que fagas e todo o que emprendas. 4Dese xeito cumprirá o Señor a promesa que fixo: se os teus fillos fan o que é debido, camiñando diante de min con sinceridade de corazón e de espírito, non che faltará un descendente no trono de Israel.

5Polo demais, ti sabes ben o que me fixo Ioab, fillo de Seruiah, o que fixo cos dous xenerais de Israel, con Abner, fillo de Ner, e con Amasá, fillo de Iéter, ós que matou, botando con iso na paz sangue de guerra, lixando con sangue de guerra o cinto que o cinguía e as sandalias dos seus pés. 6Fai con el segundo a túa sabedoría, pero non deixes que os seus cabelos brancos baixen en paz ó sepulcro.

7Mais cos fillos de Barzilai de Galaad móstrate agradecido. Cóntaos entre os que xantan na túa mesa, pois eles fixeron comigo outro tanto, cando eu ía fuxindo de teu irmán Abxalom.

8Velaí tes tamén a Ximí, fillo de Guerá, o benxaminita de Bahurim. O día en que eu fuxía de Mahanaim, botoume unha cruel maldición. Mais logo baixou ó Xordán ó meu encontro, e xureille polo Señor que non o mataría á espada. 9Pero ti non o deixes sen castigo. Ti es intelixente e sabes o que has facer, para que na súa vellez baixe en sangue á sepultura".

10David durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de David. 11Reinara en Israel corenta anos, sete deles en Hebrón e trinta e tres en Xerusalén. 12Salomón sucedeu a David, seu pai, no trono e consolidou o seu reino.

 

Salomón desfaise dos seus inimigos: Adonías

 

13Adonías, fillo de Haguit, presentouse a Batxeba, nai de Salomón, e ela preguntoulle: ‑"¿Vés en son de paz?" 14El respondeulle: ‑"Veño". E engadiu: ‑"Teño que dicirche unha cousa". Ela díxolle: ‑"Fala".

15Adonías dixo entón: ‑"Ti sabes que o reino era meu e que todo Israel esperaba que eu reinase. Pero o trono escapóuseme e foi para meu irmán, porque o Señor o dispuxo dese xeito. 16Mais agora vouche pedir só unha cousa. Non ma negues".

Batxeba díxolle: ‑"Fala". 17El dixo: ‑"Pídelle, por favor, ó rei Salomón, e el non cho negará, que me dea por muller a Abixag de Xunam". 18Batxeba díxolle: ‑"Está ben; falareille por ti ó rei".

19Batxeba foi onda o rei Salomón, para falarlle de Adonías. O rei saíu ó seu encontro e saudouna cunha inclinación. Despois sentou no trono e mandou pór alí outro trono, para que a nai do rei  sentara á súa dereita.

20Batxeba dixo entón: ‑"Teño unha pequena cousa que pedirche. Non ma negues." O rei respondeulle: ‑"Pide, nai, que non cha negarei". 21Ela dixo: ‑"Que Abixag a xunamita sexa dada por muller a teu irmán Adonías".

22Entón o rei Salomón díxolle a súa nai: ‑"¿Por que pides para Adonías a Abixag a xunamita? Podías pedir tamén o reino para el, pois el é meu irmán, maior ca min, e ten de seu lado ó sacerdote Abiatar e a Ioab, fillo de Seruiah". 23E o rei Salomón xurou no nome do Señor: ‑"Que Deus me castigue, se Adonías non paga esta palabra coa súa vida. 24Polo Señor vivo, que me asentou ben afincado no trono do meu pai David, e que escolleu a miña familia, conforme tiña prometido; xuro que hoxe mesmo morrerá Adonías".

25O rei Salomón encargoullo a Benaías, fillo de Iehoiadá, e este feriuno e matouno.

 

Os partidarios de Adonías

 

26O rei díxolle ó sacerdote Abiatar: ‑"Vaite para as túas terras de Anatot. Merecías morrer. Pero hoxe non te vou matar, porque levaches a Arca do Señor diante de meu pai David e porque compartiches as súas aflicións". 27Dese xeito destituíu Salomón a Abiatar das súas funcións sacerdotais, cumpríndose con iso a palabra do Señor contra a familia de Elí, en Xiloh.

28Chegoulle a nova a Ioab, que fora do partido de Adonías, mais non do de Abxalom, e foi buscar abeiro no santuario de Señor, agarrándose dos cornos do altar.

29Dixéronlle ó rei Salomón que Ioab se refuxiara no santuario do Señor e que estaba alí ó pé do altar. Salomón mandou a Benaías, fillo de Iehoiadá, que fose alí e que o ferise.

30Benaías foi ó santuario do Señor e, de parte do rei, mandou a Ioab que saíse. El negouse, dicindo que quería morrer alí. Benaías volveu onda o rei coa resposta de Ioab.

31Entón o rei ordenoulle: ‑"Fai como el che dixo. Mátao e entérrao. Con iso afastarase de min e da miña familia o sangue inocente que el verteu. 32O Señor botará ese sangue enriba da súa cabeza, pois matou a dous homes máis honrados e mellores ca el, ás escondidas de meu pai David: Abner, fillo de Ner, xeneral de Israel, e Amasá fillo de Iéter, xeneral de Xudá. 33O seu sangue caerá sobre a cabeza de Ioab e de seus fillos, para sempre. E, polo contrario, a paz do Señor estará sempre con David e con seus fillos, coa súa casa e co seu trono".

34Benaías, fillo de Iehoiadá, foi e matou a Ioab, e enterrouno na propiedade que tiña na estepa. 35O rei puxo a Benaías, fillo de Iehoiadá, no posto de Ioab, á fronte do exército, e ó sacerdote Sadoc no posto de Abiatar.

 

Ximí

 

36Despois o rei mandou chamar a Ximí e ordenoulle: ‑"Fai casa en Xerusalén, habita nela e non saias de alí para lado ningún. 37O día en que saias e cruces o torrente Cedrón, fai conta de que morrerás. Ti só serás responsable".

38Ximí respondeulle: ‑"Está ben. O teu servo fará o que di o rei, meu señor". E Ximí estableceuse en Xerusalén por moito tempo.

39A volta de tres anos, escapáronselle a Ximí dous escravos, e foron ó territorio de Aquix, fillo de Macah, rei de Gat. E dixéronlle a Ximí: ‑"Os teus escravos atópanse en Gat". 40Ximí aparellou o burro e foi a Gat, en busca dos seus escravos. Chegado a Gat, tróuxoos consigo.

41Dixéronlle a Salomón que Ximí saíra de Xerusalén para Gat e que volvera. 42O rei mandouno chamar, para dicirlle: ‑"¿Non che fixen xurar polo Señor e non che advertín que o día en que saíses e andases dun lado para outro, certamente morrerías? Ti dixéchesme que estaba ben e que o farías. 43¿Por que non cumpriches o xuramento do Señor e a orde que eu che dei?" 44E o rei engadiu: ‑"Ti sabes o dano que fixeches a meu pai David. Na túa conciencia tes que recoñecelo. Que o Señor faga caer agora a túa maldade enriba da túa cabeza. 45Pero que o rei Salomón sexa bendito e que o trono de David se vexa afincado para sempre, na presenza do Señor".

46Entón o rei mandou a Benaías, fillo de Iehoiadá, que o matase. E el foi e feriu de morte a Ximí. E o reino quedou consolidado nas mans de Salomón.

 

A sabedoría de Salomón. Soño en Gabaón

 

Capítulo 3

 

1Salomón emparentou co faraón, rei de Exipto, casando coa súa filla. Levouna á cidade de David, mentres acababa de construír o seu pazo, o templo do Señor e os muros de Xerusalén.

2O pobo ofrecía sacrificios nos altares dos outeiros, pois daquela aínda no se construíra o templo para o nome do Señor. 3Salomón amaba ó Señor, seguindo as normas de seu pai David. Pero ofrecía sacrificios e queimaba incenso nos altares dos outeiros. 4O rei foise a Gabaón, para ofrecer alí sacrificios, pois aquel era o outeiro principal. Encima do seu altar ofreceu Salomón un milleiro de holocaustos.

5En Gabaón aparecéuselle Deus, no soño da noite, a Salomón e díxolle: ‑"Pídeme o que queiras".

6Salomón respondeulle: ‑"Ti trataches con moita bondade ó teu servo David, meu pai; e el portouse diante de ti con lealdade, con xustiza e con rectitude de corazón. Ti conservácheslle o teu favor, concedéndolle un fillo, que hoxe senta no seu trono. 7Agora, Señor, meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai David, sendo eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse. 8O teu servo atópase no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar nin estimar. 9Concédelle, pois, ó teu servo un corazón atento, que saiba gobernar ben o teu pobo e distinguir o ben e o mal. ¿Quen, se non, podería gobernar este pobo tan grande?"

10O Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo. 11E díxolle: ‑"Xa que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar, 12vouche conceder o que pediches: unha mente sabia e intelixente, coma non a houbo antes de ti nin a haberá tampouco despois. 13E dareiche tamén o que non pediches: riqueza e gloria, coma non as tivo rei ningún. 14Se vas polos meus camiños e gardas os meus preceptos e os meus mandamentos, como fixo teu pai David, dareiche unha longa vida".

15Espertou Salomón e viu que tivera un soño. Volveu para Xerusalén e presentouse diante da Arca da Alianza do Señor. Ofreceu holocaustos e sacrificios de comuñón, e convidou ó banquete a todos os seus servidores.

 

Sabedoría xudicial

 

16Daquela viñeron dúas prostitutas e presentáronse diante do rei. 17Unha delas contoulle isto: ‑"Escoita, meu señor; eu e esta muller vivimos xuntas nunha casa. E estando as dúas no mesmo cuarto eu dei a luz. 18O terceiro día de eu parir, pariu tamén esta muller. Estabamos xuntas as dúas , e na casa non había ninguén máis, fóra de nós as dúas. 19Unha noite morreu o fillo desta muller, porque ela se recostou enriba del. 20No medio da noite ergueuse e colleu o meu fillo de onda min; namentres durmía a túa serva, deitouno no colo dela e deitou o morto no meu. 21Cando me erguín, pola mañá, para dar o peito ó meu fillo, decateime que estaba morto. A luz do día mirei ben, e vin que aquel non era o fillo que eu parira".

22Nisto dixo a outra muller: ‑"Non; o meu fillo é o vivo, e o teu é o morto". E a primeira insistiu: ‑"Non; o teu fillo é o morto; e o meu, o vivo". E rifaban diante do rei.

23Entón falou o rei: ‑"Unha di: o meu fillo é o que está vivo, e o teu é o morto; e a outra di: non, o teu fillo é o morto; e o meu, o vivo". 24E o rei mandou: ‑"Traédeme unha espada". E leváronlle a espada ó rei. 25Este ordenou: ‑"Cortade en dous o neno vivo e dádelle unha metade a cada unha".

26Entón á nai do neno vivo movéuselle o corazón polo seu fillo, e dixo: ‑"Por favor, meu señor; que lle dean a ela o neno vivo. Non o maten". Pero a outra dicía: ‑"Nin para min nin para ti. Que o dividan".

27Niso dixo o rei: ‑"Dádelle á primeira o neno vivo. Esa é súa nai". 28Israel todo coñeceu a sentencia de Salomón, e colléronlle moito respecto, vendo que Deus lle dera sabedoría para administrar xustiza.

 

Goberno e administración do reino

 

Capítulo 4

 

1O reino de Salomón estendíase a todo Israel. 2Estes eran os seus ministros: Azarías, fillo de Sadoc, era o sacerdote; 3Elihoref e Ahías, fillos de Xixá, os secretarios; Iehoxafat, fillo de Ahilud, o cronista; 4Benaías, fillo de Iehoiadá, o xefe do exército; Sadoc e Abiatar, os sacerdotes; 5Azarías, fillo de Natán, xefe dos gobernadores; Zabud, fillo de Natán, conselleiro privado do rei; 6Ahixar, maiordomo do pazo; e Adoniram, fillo de Abdá, encargado do alistamento dos traballadores.

7Salomón tiña doce gobernadores en todo Israel. Estaban encargados do abastecemento do rei e do seu pazo, cada un nun mes do ano. 8Estes eran os seus nomes:

Ben-Hur, na montaña de Efraím;

9Ben-Déquer, en Macás, Xaalbim, Bet-Xémex e Elón-Bet-Hanán;

10Ben-Hésed, en Arubot; e pertencíalle tamén Socoh e a terra de Héfer;

11Ben-Abinadab, en toda a veiga de Dor; estaba casado con Tafat, filla de Salomón;

12Baná, fillo de Ahilud, en Tanac e Meguido, ata máis alá de Iocneam; en todo Betxeán, por debaixo de Iezrael, desde Betxeán ata Abel-Meholah ó pé de Sartán;

13Ben-Guéber, en Ramot de Galaad; tiña tamén as aldeas de Iair, fillo de Menaxés, situadas en Galaad, e o distrito de Argob, en Baxán; sesenta grandes cidades amuralladas, con ferrollos de bronce;

14Ahinadab, fillo de Idó, en Mahanaim;

15Ahimaas, en Naftalí; este casara con Basmat, filla de Salomón;

16Baná, fillo de Huxai, en Axer e en Alot;

17Iehoxafat, fillo de Parúah, en Isacar;

18Ximí, fillo de Elá, en Benxamín;

19Guéber, fillo de Urí, no país de Galaad, no país de Sihón, o rei amorreo, e no de Og, rei de Baxán.

Había tamén un gobernador no país de Xudá.

20Xudeus e israelitas eran tan numerosos coma a area do mar. Tiñan abondo que comer e que beber, e vivían contentos.

 

Poder e sabedoría

 

Capítulo 5

 

1Salomón tiña poder sobre todos os reinos que van desde o río Éufrates ata o país dos filisteos e as fronteiras de Exipto. Pagábanlle tributos e estivéronlle todos sometidos ó longo da súa vida.

2As provisións de Salomón eran para cada día trinta cargas de flor de fariña e setenta de fariña corrente, 3dez bois cebados, vinte becerros e cen ovellas; e, por parte, veados, corzos, parrulos e capóns.

4Salomón tiña poder sobre as terras de máis alá do río Éufrates, desde Tifsah ata Gaza, e sobre todos os reinos desta banda do mesmo río. Estivo en paz con todos os veciños do arredor. 5Nos días de Salomón, Xudá e Israel vivían tranquilos, cada un debaixo da súa parra e da súa figueira, desde Dan ata Beerxeba.

6Salomón tiña cortes para corenta mil cabalos de tiro e doce mil de montura. 7Os gobernadores, un por mes, provían ás necesidades de Salomón e dos que comían á súa mesa, sen que lles faltase cousa ningunha. 8Cada un pola súa vez subministraba tamén orxo e palla para os cabalos de tiro e de montura.

9Deus concedeu a Salomón sabedoría e moito entendemento e unha mente tan aberta coma as praias da beiramar. 10Avantaxaba en sabedoría ós sabios de Oriente e ós de Exipto. 11Era o máis sabio dos homes, máis ca Etán o indíxena e máis ca Hemán, Calcol e Dardá, fillos de Mahol. A súa sona estendíase polas nacións do arredor. 12Formulou tres mil sentenzas e compuxo mil cinco cancións. 13Disertou sobre as árbores, desde o cedro do Líbano ata a herba sagrada que medra nas paredes, acerca dos animais e das aves, dos reptís e dos peixes. 14De todos os pobos viñan xentes, para escoitar o sabio Salomón, de todos os reinos da terra onde chegara a sona de súa sabedoría.

 

Pacto con Hiram e provisións para o templo

 

15Cando Hiram, rei de Tiro, tivo a nova de que Salomón fora unxido rei, no posto do pai, mandoulle os seus embaixadores, pois Hiram fora sempre amigo de David.

16Salomón, pola súa parte, mandoulle a Hiram esta embaixada: 17‑"Ti sabes que meu pai David non puido edificar un templo ó Señor, seu Deus, por causa das guerras que o envolveron, mentres Deus non puxo os seus inimigos debaixo dos seus pés. 18Agora o Señor meu Deus deume paz polos arredores, e non teño inimigos nin outras calamidades. 19Por iso estou proxectando edificar un templo ó nome do Señor meu Deus, conforme o Señor dixera a meu pai David: o fillo que che darei para que te suceda no teu trono, el será quen edifique un templo ó meu nome. 20Agora, pois, manda que corten para min cedros do Líbano. Os meus servos irán cos teus, e eu pagareilles o xornal que ti me digas. Ti sabes que entre nós non hai quen saiba, coma os fenicios, talar árbores".

21En oíndo Hiram a mensaxe de Salomón, folgouse moito e exclamou: ‑"Bendito sexa hoxe o Señor, que deu a David un fillo sabio, para gobernar este gran pobo". 22E Hiram mandou dicir a Salomón: ‑"Acepto a túa petición. Compracereite como desexas, no tocante á madeira de cedro e de ciprés. 23Os meus servos baixarán a madeira desde o Líbano ó mar. De alí levarana logo en balsas ata o lugar que ti sinales. Alí desfaremos as balsas, e ti faraste cargo. Pola túa parte, ti cumprirás a miña arela, se abasteces a miña casa".

24Hiram deulle a Salomón toda a madeira que quixo de cedro e de ciprés. 25E Salomón deulle a Hiram, para sustento da súa casa, vinte mil cargas de trigo e vinte mil medidas de aceite puro de oliveira. Iso era o que Salomón lle daba cada ano a Hiram. 26O Señor concedeu a Salomón sabedoría segundo a promesa. Entre Hiram e Salomón había paz, e fixeron un pacto entre os dous.

27O rei Salomón recrutou traballadores por todo Israel, unha leva de trinta mil homes. 28Mandounos ó Líbano en quendas de dez mil cada mes. Un mes estaban no Líbano e dous nas súas casas. Adoniram era o xefe da leva dos traballadores. 29Por parte, Salomón tiña setenta mil homes dedicados ó carrexo, e oitenta mil canteiros na montaña, 30ademais dos capataces das obras, que eran tres mil trescentos; estes mandaban na xente que facía os traballos. 31O rei mandou que extraesen pedras grandes, escolleitas, pedras de cantería, para os fundamentos do templo. 32Os obreiros de Salomón, os de Hiram e os guiblitas labraban a madeira e preparaban a pedra para a obra do templo.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com