Capítulos 11-15

Idolatría e xuízo relixioso

 

Capítulo 11

 

1O rei Salomón, á parte da filla do faraón, amou a moitas mulleres estranxeiras, moabitas, amonitas, edomitas, sidonias e hititas, 2de nacións das que dixera o Señor ós israelitas: ‑"Non vos xuntedes con elas, nin elas convosco, pois virarían o voso corazón cara ós seus deuses". Salomón namorouse delas. 3Tivo setecentas princesas como esposas e trescentas como concubinas. As mulleres torcéronlle o sentido.

4Cando Salomón ía xa vello, as súas mulleres levaron o seu corazón tras deuses alleos; non o tiña por enteiro co Señor, seu Deus, coma seu pai David. 5Salomón deu culto a Axtarté, deusa dos sidonios, a Malcom, ídolo dos amonitas. 6Fixo o mal ós ollos do Señor e non lle gardou fidelidade, coma seu pai David.

7Daquela construíu Salomón, no monte que está enfronte de Xerusalén, un altar a Kemox, ídolo dos moabitas, e a Moloc, ídolo dos amonitas. 8O mesmo fixo para as outras mulleres estranxeiras, que queimaban incenso e ofrecían sacrificios ós seus deuses.

9Anoxouse o Señor con Salomón, porque afastara o seu corazón do Señor, Deus de Israel, que se lle aparecera dúas veces, 10e que sobre o particular lle prescribira non seguir deuses alleos. Salomón non cumpriu o que lle mandara o Señor.

11Entón díxolle o Señor: ‑"Xa que te comportaches deste xeito e non gardaches a miña alianza e os preceptos que eu che dei, arrincareiche o reino da man e dareillo a un servo teu. 12Non o farei mentres ti vivas, por amor a David, teu pai; arrincareillo ó teu fillo da súa man. 13Non lle arrincarei o reino todo. Deixareille ó teu fillo unha tribo, por amor de David, teu pai, e por amor de Xerusalén que eu escollín".

 

Derrubamento do reino

 

14O Señor suscitoulle un inimigo a Salomón: o edomita Hadad, da liñaxe real de Edom.

15Sucedeu que, cando David venceu a Edom, e foi alí o xeneral Ioab enterrar os mortos, este matou os homes todos de Edom. 16Ioab quedárase alí por seis meses co exército israelita ata que rematou o exterminio dos varóns de Edom. 17Pero Hadad puido fuxir cuns poucos homes de entre os servidores de seu pai e pasou a Exipto. Daquela Hadad era un rapaz.

18Saíron de Madián e chegaron a Parán. Alí colleron consigo algúns homes, pasaron a Exipto e presentáronse ó faraón, rei de Exipto, que os forneceu de casa, de alimentos e de terras. 19Hadad caeulle en graza ó faraón, que lle deu por muller a súa cuñada, irmá da raíña Tafnes. 20A irmá de Tafnes pariulle a Hadad un fillo, Guenubat, que a mesma Tafnes criou no pazo do faraón. Por iso Guenubat medrou no pazo cos fillos do faraón.

21Cando, en Exipto, Hadad oíu dicir que David se reunira con seus pais e que morrera tamén Ioab, o xefe do exército, díxolle ó faraón: ‑"Déixame ir á miña terra". 22O faraón respondeulle: ‑"¿Que botas de menos onda min, para que queiras ir á túa terra?" El dixo: ‑"Nada. Pero déixame que vaia".

23Deus suscitou aínda outro inimigo a Salomón: Rezón, fillo de Eliadá, que fuxira do seu señor Hadadézer, rei de Sobah. 24Rodeouse duns poucos homes e fíxose xefe de banda. David loitaba daquela con Edom. Eles entraron en Damasco e aclaramon rei a Rezón. 25Foi un inimigo de Israel, toda a vida de Salomón. En canto a Hadad, fíxolle todo o mal que puido a Israel e atormentouno, desde o seu reino de Edom.

 

Revolta de Ieroboam

 

26Tamén se revoltou contra Salomón Ieroboam, fillo de Nabat, un servo do rei, un efrateo de Seredah. Súa nai chamábase Seruah e era viúva. 27A ocasión da súa revolta contra o rei foi cando Salomón construía o terraplén e pechaba as fendas da cidade de David, seu pai. 28Ieroboam amosouse home valente. E vendo Salomón que o mozo facía ben o seu traballo, nomeouno capataz dos traballadores da casa de Ioel.

29Un día que saía Ieroboam de Xerusalén, encontrouse no camiño co profeta Ahías de Xiloh. Este levaba unha capa nova, e estaban sós os dous no descampado. 30Ahías botou man da capa nova que levaba e partiuna en doce cachos. 31E mandoulle a Ieroboam: ‑"Colle dez cachos para ti, pois isto di o Señor, Deus de Israel:

Vou arrincar o reino da man de Salomón, e vouche dar dez tribos a ti. 32Unha tribo será para el, por amor ó meu servo David e por amor a Xerusalén, a cidade que eu escollín entre todas as tribos de Israel.

33Iso é porque me abandonaron a min e adoraron a Axtarté, deusa dos sidonios, a Kemox, deus de Moab, e a Malcom, deus dos amonitas, e non seguiron os meus camiños, facendo o que é xusto ós meus ollos, gardando coma seu pai David os meus mandatos e as miñas decisións.

34Non lle quitarei o reino todo, senón que lle manterei o principado por todos os días da súa vida, por amor ó meu servo David, a quen escollín, e que gardou a miña lei e os meus preceptos.

35Mais arrincarei o reino das mans de seu fillo e dareiche dez tribos a ti. 36A seu fillo dareille unha tribo, para que o meu servo David teña sempre unha lámpada acesa diante de min en Xerusalén, a cidade que eu escollín, para que habite nela o meu nome.

37A ti escóllote para que reines, conforme os teus desexos. Serás rei de Israel. 38Se me obedeces en todo o que che mande, se vas polos meus camiños e fas o que é xusto ós meus ollos, se gardas as miñas leis e os meus mandatos, como fixo o meu servo David, eu estarei contigo, edificareiche unha casa segura, como lla edifiquei a David, e entregareiche Israel. 39Con isto humillarei ós descendentes de David; mais non será para sempre".

 

Morte de Salomón

 

40Salomón tentou de matar a Ieroboam; mais este fuxiu para Exipto, ó lado do rei Xexac, e ficou por alá ata a morte de Salomón. 41O resto da historia de Salomón, os seus feitos e a súa sabedoría, están todos escritos no Libro dos Feitos de Salomón. 42Salomón reinou en Xerusalén, sobre todo Israel, corenta anos. 43Despois durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de David, seu pai. Sucedeulle no trono o seu fillo Roboam.

 

 

OS REINOS DE ISRAEL E DE XUDÁ (1 Re 12 - 2 Re 17)

 

Asemblea de Xequem

 

Capítulo 12

 

1Roboam foi a Xequem, pois reuníase alí todo Israel para proclamalo rei. 2Sóuboo Ieroboam, cando estaba aínda en Exipto, a onde fora fuxindo do rei Salomón, 3e en canto o mandaron chamar, viñera axiña.

4Ieroboam e a asemblea toda de Israel presentáronse a Roboam e faláronlle deste xeito: ‑"Teu pai botou riba de nós un xugo duro de máis. Alixeira agora ti esta rexa servidume que teu pai botou riba de nós, e este xugo tan duro que el nos impuxo, e entón nós servirémoste". 5El respondeulles: ‑"Agora ídevos, e volvede onda min ó cabo de tres días". E o pobo retirouse.

6O rei Roboam consultou entón cos anciáns, que estiveran ó servizo do seu pai Salomón, cando el vivía: ‑"¿Que me aconsellades que lle responda a esta xente?" 7Eles dixéronlle: ‑"Se hoxe te abaixas con esta xente e te pos ó seu servizo, se te avés con eles e lles dás boas palabras, servirante por toda a vida".

8Pero el desbotou o consello que lle daban os anciáns, e aconsellouse con xente nova, que medraran con el e que estaban agora ó seu servizo. 9El preguntoulles: ‑"¿Que me aconsellades que responda a esta xente, que veñen pedindo que lles afrouxe o xugo que botou riba deles meu pai?"

10Os mozos compañeiros respondéronlle: ‑"O pobo que che di que teu pai lles impuxo un xugo moi duro e que ti llelo alixeires, débeslle dicir isto: o meu dedo maimiño é máis groso có lombo de meu pai. 11Se meu pai vos impuxo un xugo rexo, eu engadirei dureza a ese xugo. Se meu pai vos zorregou a lombeiradas, eu fareino coa tralla".

12O terceiro día, conforme o rei lles dixera, presentouse Ieroboam co pobo todo diante de Roboam. 13O rei faloulles duramente, desatendendo o consello que lle deran os anciáns. 14Seguindo o consello dos mozos, faloulles nestes termos: ‑"Se meu pai vos impuxo un xugo rexo, eu engadirei dureza a ese xugo. Se meu pai vos zorregou a lombeiradas, eu fareino coa tralla".

15O rei non fixo caso dos desexos do pobo, e esa foi a ocasión buscada polo Señor, para que se confirmase a palabra que o Señor tiña dito a Ieroboam, fillo de Nabat, por Ahías de Xiloh. 16Cando todo Israel se convenceu de que o rei non os atendía, faláronlle deste xeito:

‑"¿Que parte temos nós con David?

Non temos herdo ningún co fillo de Ixaí.

¡As túas tendas, Israel!

E ti, David, goberna agora a túa casa".

E os israelitas fóronse todos para as súas casas. 17Pero Roboam seguiu reinando sobre os israelitas que vivían nas cidades de Xudá.

18O rei Roboam mandou entón a Adoniram, xefe do recrutamento dos traballadores. Mais os israelitas botáronselle enriba, acantazárono e matárono. O velo, o rei Roboam montou no seu carro a toda présa e fuxiu cara a Xerusalén. 19Foi dese xeito como Israel se separou da casa de David,  ata o día de hoxe.

 

División do reino

 

20Cando se soubo en Israel que volvera Ieroboam, chamárono á súa asemblea e proclamárono rei de todo Israel. A casa de David non lle quedou tribo ningunha, fóra da tribo de Xudá.

21Chegado a Xerusalén, Roboam reuniu a casa toda de Xudá e a tribo de Benxamín, cento oitenta mil homes, guerreiros escolleitos, para facer a guerra á casa de Israel e restituír o reino de Roboam, fillo de Salomón. 22Pero nisto veu esta palabra do Señor a Semaías, home de Deus: 23‑"Dille isto a Roboam, fillo de Salomón, rei de Xudá, á casa toda de Xudá e de Benxamín e ó resto do pobo. 24Isto di o Señor: non vaiades facer a guerra ós vosos irmáns os israelitas. Que cada un volva para a súa casa, pois isto que pasa é cousa miña". Eles obedeceron a palabra do Señor e, de acordo con ela, foi cada un para a súa casa.

25Ieroboam fortificou Xequem, na montaña de Efraím, e quedou a vivir alí. Despois saíu de Xequem e fortificou Penuel. 26Ieroboam pensou nos seus adentros: o reino pode aínda volver á casa de David. 27Se esta xente segue subindo a Xerusalén, para ofrecer sacrificios na casa do Señor, o seu corazón tornarase para o seu señor Roboam, rei de Xudá. Someteranse ó rei de Xudá e a min mataranme.

28Despois de aconsellarse, o rei mandou construír dous becerros de ouro, e díxolle ó pobo:

‑"¡Acabouse rubir a Xerusalén!

Aquí está o teu Deus, Israel,

o que te sacou de Exipto".

29E puxo un becerro en Betel e o outro en Dan.

30Isto foi causa de pecado, pois a xente ía, uns a Dan e outros a Betel. 31Ieroboam construíu tamén ermidas nos outeiros e puxo por sacerdotes xentes do pobo, que non pertencían á tribo de Leví. 32Por parte, instituíu unha festa no día quince do mes oitavo, como a festa que se facía en Xudá, e el mesmo rubiu ó altar que fixera en Betel, para ofrecer sacrificios ós becerros, mandados facer por el. En Betel puxo tamén sacerdotes nas ermidas que el construíra nos outeiros. 33Rubiu ó altar feito por el en Betel, o día quince do mes oitavo, o mes escollido ó seu gusto. Instituíu para os israelitas esa festa e rubiu ó altar para ofrecer incenso nel.

 

Un profeta de Xudá

 

Capítulo 13

 

1Cando estaba Ieroboam ó pé do altar para ofrecer incenso nel, chegou a Betel un home de Deus con palabra do Señor. Por mandato do Señor berrou contra o altar esta palabra: 2‑"¡Altar, altar! Isto di o Señor: da familia de David nacerá un fillo, que se chamará Ioxías, que sacrificará enriba de ti os sacerdotes dos outeiros, que queiman incenso sobre ti; enriba de ti queimará ósos humanos". 3E deu entón este sinal: "Este é o sinal de que quen fala é o Señor: o altar fenderase e ciscarase a cinsa que hai enriba del".

4Cando o rei Ieroboam oíu a palabra que proclamaba o home de Deus contra o altar de Betel, tendeu a súa man cara ó altar e ordenou: ‑"¡Prendédeo!" Mais a man que tendera contra o home quedou ríxida e non podía volvela ó seu sitio. 5O altar fendeuse e a cinsa que había enriba del ciscouse toda. Era o sinal que dera o home de Deus da parte do Señor.

6O rei pediulle ó home de Deus: ‑"Aplaca ó Señor, teu Deus, e rézalle por min, para que sande a miña man". O home de Deus aplacou ó Señor, e a man do rei volveu a ter movemento e quedou coma antes.

7O rei díxolle entón ó home de Deus: ‑"Ven comigo á miña casa comer algo. Quero tamén facerche un regalo". 8O home de Deus respondeulle: ‑"Non iría contigo nin que me deses a metade da túa casa. Neste lugar non quero comer nin beber nada, 9pois o Señor mandoume que non comese nin bebese aquí cousa ningunha, nin volvese polo camiño por onde vin". 10E foise por outro camiño, non por onde chegara antes a Betel.

 

O home de Deus e o vello profeta

 

11En Betel vivía daquela un profeta moi vello. Seus fillos viñéranlle contando o que ese día fixera en Betel o home de Deus e o que lle dixera ó rei. 12O pai preguntoulles: ‑"¿Que camiño colleu?" E os fillos mostráronlle o camiño que collera o home de Deus chegado de Xudá.

13Entón o profeta díxolles ós fillos: ‑"Aparelládeme o burro". Eles aparelláronllo, e o profeta montou nel, 14para irse tralo home de Deus. Encontrouno sentado debaixo dunha aciñeira e preguntoulle: ‑"¿Es ti o home de Deus, que chegou de Xudá?" ‑"Son", respondeu el. 15O outro dixo: ‑"Ven comigo á miña casa, comer un anaco de pan". 16Respondeulle o home de Deus: ‑"Non podo volver nin ir á túa casa, nin podo comer nin beber neste lugar cousa ningunha. 17Porque o Señor que me falou, ordenoume que non comese nin bebese aquí nada e que non volvese por onde vin". 18O outro entón díxolle, enganándoo: ‑"Eu son tamén profeta, coma ti, e o anxo díxome no nome do Señor: faino ir contigo á túa casa, para que coma e beba algo". 19O home de Deus foise con el, e comeu e bebeu na súa casa.

20Estando os dous sentados á mesa, veulle palabra do Señor ó profeta que o fixera volver, 21e este berroulle ó home de Deus chegado de Xudá: ‑"Isto di o Señor: xa que desobedeciches a orde do Señor e non fixeches o que o Señor, teu Deus, che ordenara, 22senón que comiches e bebiches no lugar onde Deus che vedara que o fixeras, o teu cadáver non será enterrado na sepultura de teus pais".

23Despois que lle deu de comer e de beber, o vello profeta aparelloulle o burro, e o home de Deus foise. 24Polo camiño saíulle un león que o matou. O seu cadáver quedou tirado no camiño, e onda el quedou o burro e o león. 25Pasaron algúns camiñantes e viron o cadáver no medio do camiño e o león quedo onda el, e o foron contar na cidade onde vivía o vello profeta. 26Cando o soubo, o profeta que o fixera volver do seu camiño, comentou: ‑"É o home de Deus, que se rebelou contra a palabra do Señor. O Señor entregouno ó león, que o esnaquizou e o matou, como lle dixera o Señor".

27Entón  mandou  o profeta  a seus fillos: ‑"Aparelládeme o burro". E eles aparelláronllo. 28El foi e encontrou o cadáver tirado no camiño e a pé del o burro e mais o león. O león non devorara o cadáver nin matara o burro.

29O profeta levantou o cadáver do home de Deus, cargouno no burro e levouno. Chegados á cidade do vello profeta, fixeron dó por el e enterrárono. 30O profeta puxo o cadáver no seu propio sepulcro e choraba por el dicindo: ‑"¡Ai, meu irmán!" 31Despois do enterro pediulles a seus fillos: ‑"Cando eu morra, enterrádeme no mesmo sepulcro, onda o home de Deus. Poñede os meus ósos onda os seus, 32porque a palabra que dixo coma palabra do Señor contra o altar de Betel e contra os altares dos outeiros das montañas de Samaría, de certo se cumprirá".

33Despois de todo isto, Ieroboam non se converteu da súa torta conduta, senón que seguiu facendo sacerdotes para os altares dos outeiros de entre a xente do pobo. A quen quería selo, el consagrábao sacerdote para as ermidas dos outeiros. 34Nisto consistía o pecado da casa de Ieroboam, e por iso foi destruída, varrida da face da terra.

 

O profeta Ahías predí a ruína de Ieroboam

 

Capítulo 14

 

1Por aquel tempo adoeceu Abías, fillo de Ieroboam, 2e este díxolle á súa muller: ‑"Vai e múdate de roupa, que non se saiba que es a muller de Ieroboam, e chégate a Xiloh, onde vive o profeta Ahías, o que me dixo que sería rei deste pobo. 3Leva contigo dez pans, unhas bicas e un tarro de mel, e preséntate a el, para que che diga o que acontecerá con este neno".

4A muller de Ieroboam fixo como el lle dixera. Colleu e marchou a Xiloh e presentouse na casa de Ahías. Ahías xa non podía ver, pois a vellez escurecéralle a vista. 5Pero o Señor dixéralle: ‑"Velaquí a muller de Ieroboam que vai vir pedirche unha palabra sobre o seu neno doente. Diraslle isto e isto".

6Chegou ela, finxindo que era outra. Pero, cando Ahías sentiu o bruído das pisadas, ó entrar ela na porta, díxolle: ‑"Entra, muller de Ieroboam. ¿Por que finxes ser outra? Teño para ti unha amarga nova. 7Vai e dille a Ieroboam: isto di o Señor, Deus de Israel: eu erguinte do medio deste pobo e fíxente xefe do meu pobo Israel. 8Crebei o reino da casa de David para darcho a ti. Xa que non te portaches como o meu servo David, que obedeceu os meus mandatos e me seguiu de todo corazón, facendo sempre o que é xusto ós meus ollos, 9senón que fuches peor ca todos os teus antecesores, facendo para ti deuses estraños e ídolos fundidos, cos que me anoxaches, e volvéndome a min as costas, 10aquí estou eu agora para traer a desgraza á casa de Ieroboam. Exterminareille a Ieroboam os homes todos, escravos ou libres en Israel; varrerei a casa de Ieroboam coma quen varre esterco, ata que non quede nada dela. 11Os da casa de Ieroboam que morran na cidade, comeranos os cans, e ós que morran no campo comeranos os paxaros do ceo. É o Señor quen o di.

12E ti vaite agora para a túa casa. Cando poñas os pés na cidade, o neno morrerá. 13Israel chorará por el e asistirá todo ó seu enterro. Pero el será o único da familia de Ieroboam que terá sepultura, pois de toda a familia só nel se atopa algo bo ós ollos do Señor.

14O Señor escollerá para si un rei en Israel, que exterminará a familia de Ieroboam. 15O Señor vaille dar un pau a Israel que o deixará coma a cana abaneada pola auga. Arrincarao desta boa terra que dera a seus pais e espallaraos por máis alá do Río, por facérense ídolos, anoxando con eles ó Señor. 16Abandonará a Israel, por culpa dos pecados de Ieroboam e dos que el fixo cometer a Israel".

17A muller de Ieroboam marchou entón e colleu o camiño que leva cara a Tirsah. Cando puña o pé no limiar da súa casa, morría o seu neno. 18Todo Israel chorou por el e asistiu ó seu enterro, conforme dixera o Señor polo seu servo o profeta Ahías.

19O resto da historia de Ieroboam, as súas guerras, o seu reinado, está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel. 20Ieroboam reinou vinte e dous anos. Despois durmiu con seus pais. Sucedeulle no trono o seu fillo Nadab.

 

Roboam de Xudá

 

21Roboam, fillo de Salomón, reinou sobre Xudá. Tiña corenta e un anos cando empezou a reinar, e reinou dezasete anos en Xerusalén, a cidade que Deus escollera entre todas as tribos de Israel para poñer nela o seu nome. Súa nai chamábase Namah e era amonita.

22Xudá fixo o mal ós ollos do Señor. Cos pecados que cometeron provocaron os seus celos, aínda máis cós seus pais. 23Tamén eles  construíron altares nos outeiros, estelas e ídolos nos cotarelos e debaixo das árbores verdeantes. 24Houbo mesmo prostitución consagrada no país. Arremedaron as abominacións todas dos pobos que o Señor desbotara de diante dos israelitas.

25No ano quinto do reinado de Roboam rubiu Xexac, rei de Exipto, contra Xerusalén. 26Botou man dos tesouros do templo do Señor e do pazo real e levou todo. Tamén levou os escudos de ouro que fixera Salomón. 27Para substituílos, o rei Roboam mandou facer escudos de bronce e entregóullelos ós xefes da garda, que coidaban da entrada do pazo. 28Sempre que o rei ía ó templo do Señor, os da garda levábanos, e despois volvíanos ó corpo de garda outra vez.

29O resto da historia de Roboam, todo o que fixo, ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? 30Roboam e Xeroboam estiveron en guerra todo o tempo. 31Roboam durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de David. Súa nai chamábase Namah e era amonita. Sucedeulle no trono o seu fillo Abías.

 

Abías de Xudá

 

Capítulo 15

 

1Abías empezou a reinar en Xudá o ano dezaoito do reinado de Ieroboam, fillo de Nabat. 2Reinou tres anos en Xerusalén. Súa nai chamábase Macah, filla de Abxalom.

3Cometeu os mesmos pecados que cometera xa seu pai. O seu corazón non estivo enteiro co Señor, coma o de David, seu pai. 4Pero, por amor a David, concedeulle o Señor, seu Deus, unha lámpada en Xerusalén aínda en pé. 5En verdade, David fixera o que é xusto ós ollos do Señor e non se afastara dos seus mandamentos en toda a súa vida, fóra do caso de Urías o hitita. 6Abías e Ieroboam estiveron en guerra todo o tempo.

7O resto da historia de Abías, todo o que fixo, ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? Tamén sobre as guerras que houbo entre Abías e Ieroboam. 8Abías durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de David. Sucedeulle no trono seu fillo Asá.

 

Asá de Xudá

 

9Asá empezou a reinar en Xudá no ano vinte do reinado de Ieroboam en Israel. 10Reinou corenta anos en Xerusalén. Súa avoa chamábase Macah, filla de Abxalom.

11Asá fixo o que é xusto ós ollos do Señor, coma David, seu pai. 12Botou fóra do país a prostitución consagrada e desbotou todos os ídolos que fixeran seus pais. 13Tamén retirou o título de raíña-nai á súa avoa Macah porque fixera unha imaxe de Axtarté. Asá derrubou a imaxe e queimouna no torrente Cedrón.

14Mesmo se non fixo desaparecer os altares dos outeiros, o corazón de Asá estivo enteiro co Señor, toda a súa vida. 15Levou ó templo do Señor as ofrendas sagradas de seu pai e as súas propias, prata, ouro e xoias.

16Asá e Baxá, rei de Israel, estiveron en guerra todo o tempo. 17Baxá, rei de Israel, marchou contra Xudá e fortificou Ramah, para cortarlle o paso a Asá, rei de Xudá.

18Daquela, Asá botou man da prata e do ouro que quedaban nos tesouros do templo do Señor e do pazo real, entregóullelos ós seus servidores e mandou que llos levasen a Benhadad, fillo de Tabrimón, de Hezión, rei de Aram, que residía en Damasco, con esta mensaxe: 19‑"Fagamos un pacto entre nós, coma o que houbo entre os nosos pais. Aí che mando ese regalo de prata e de ouro. Creba o pacto que tes con Baxá, rei de Israel, e que se afaste do meu territorio".

20Benhadad mostrouse de acordo coa petición do rei Asá, e mandou os seus xenerais contra algunhas cidades de Israel. Apoderouse de Iión, Dan, Abel-Bet-Macah, a rexión de Kinéret e o territorio de Naftalí.

21Cando Baxá soubo isto, deixou de reconstruír Ramah e volveuse para Tirsah. 22Entón o rei Asá convocou a todo Xudá, e levaron de Ramah as pedras e as madeiras, coas que Baxá a fortificaba. O rei Asá fortificou con elas Gueba de Benxamín e Mispah.

23O resto da historia de Asá, as súas proezas, os seus feitos e as cidades que fortificou, ¿non está todo escrito no Libro das Crónicas dos reis de Xudá? De vello adoeceu dos pés. 24Asá durmiu con seus pais, e enterrárono na cidade de David. Sucedeulle no trono o seu fillo Ioxafat.

 

Nadab de Israel

 

25Nadab, fillo de Ieroboam, empezou a reinar en Israel no ano segundo do reinado de Asá en Xudá. Reinou dous anos en Israel. 26Fixo o mal ós ollos do Señor. Foi polo mesmo camiño ca seu pai e cometeu o pecado que aquel fixera cometer a Israel.

27Baxá, fillo de Ahías, da tribo de Isacar, conspirou contra el e matouno en Guibetón, territorio dos filisteos, cando Nadab e todo Israel estaban cercando a cidade. 28Baxá matouno no ano terceiro do reinado de Asá en Xudá, e sucedeulle no trono.

29O primeiro que fixo Baxá como rei foi matar a familia de Ieroboam, sen deixarlle con vida unha soa persoa. Exterminouna toda, conforme a palabra que dixera no nome do Señor o seu servo Ahías de Xiloh, 30por culpa dos pecados que cometera Ieroboam e dos que fixera cometer a Israel, provocando o noxo do Señor, Deus de Israel.

31O resto da historia de Nadab e todo o que fixo ¿non está escrito no Libro das Crónicas dos reis de Israel?

 

Baxá de Israel

 

32Asá e Baxá, rei de Israel, estiveron en guerra todo o tempo. 33No ano terceiro de Asá, rei de Xudá, empezou a reinar Baxá, fillo de Ahías, sobre todo Israel. Reinou vinte e catro anos. 34Fixo o mal ós ollos do Señor. Foi polo mesmo camiño ca Ieroboam e cometeu o pecado que el fixera cometer a Israel.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com