Capítulos 1-3

 

Saúdo

 

CAPÍTULO 1

 

1Paulo, servidor de Deus e apóstolo de Xesús Cristo, para levar os escolleitos de Deus á fe e mais ó coñecemento da verdade, que é conforme á piedade verdadeira 2e que se apoia na esperanza da vida eterna. Deus, que non mente, prometera xa antes de todos os tempos esa vida 3e ó tempo debido cumpriu publicamente á súa palabra pola predicación, que se me confiou, por mandato do noso Salvador Deus.

4A Tito, meu fillo lexítimo na fe común, deséxoche a graza e a paz de Deus, Pai de Cristo Xesús, o noso Salvador.

 

Tito, "bispo" da illa de Creta

 

5Deixeite en Creta, para que seguises endereitando o que faltaba e para que nomeases responsables en cada vila, tal como che prescribín eu: 6teñen que ser xente honesta, homes dunha soa muller, que teñan fillos crentes, non acusados de mala conduta ou desobedientes. 7Porque cómpre que o responsable sexa sen tacha, coma administrador de Deus: nin soberbio, nin iracundo, nin insolente, nin camorristas, nin amigo dos cartos; 8senón hospitalario, amigo do ben, asisado, xusto, santo, e dono de si, 9que se afinque na palabra certa conforme lla ensinaron para que sexa capaz de exhortar pola doutrina verdadeira e de convencer os que sosteñen a contraria.

10Porque hai moitos rebeldes, paroleiros, mentiráns, maiormente entre os da circuncisión. 11Cómpre facelos calar, porque perverten familias enteiras, ensinando o que non deben, nada máis que por gañaren cartos. 12Xa un deles (e téñeno por profeta) dixo:

"Cretenses: menten sempre, malas bestas, galbáns ventres".

13E este dito saíu certo.

Por esta razón repréndeos con severidade, para que cheguen a ter unha fe sa 14e para que non lles fagan caso a mitos xudaicos nin a mandamentos de homes que se afastan de verdade. 15Todas as cousas son limpas para os limpos; en troques, para os contaminados e incrédulos nada non é limpo; teñen mesmo contaminadas a mente e mais a conciencia. 16Afirmaban coñecer a Deus pero coas obras renegan del, sendo abominables, desobedientes e incapaces para toda obra boa.

 

Ensino san e seguro

 

CAPÍTULO 2

 

1Pola túa parte, ensina o que é conforme á boa doutrina. 2Que os vellos sexan sobrios, serios, prudentes, sans na fe, na caridade, na paciencia.

3As vellas o mesmo: que sexan honestas no coidado da súa compostura, nin lingoreteiras, nin moi amigas do viño, mestras do ben, 4para que exhorten ás novas a quereren ós seus homes e ós seus fillos, 5asisadas, limpas, boas administradoras da casa, submisas ós seus propios homes, para non desprestixiar a palabra de Deus.

6Exhorta tamén ós novos a seren asisados, 7mostrándote ti mesmo en todo coma exemplo de boa conduta: incorrupto na doutrina e serio. 8Ensina unha palabra sa e indiscutible, para que o contrario se avergonce, non tendo nada malo que dicir de nós.

9Que os escravos se lles sometan en todo ós seus amos e sexan servizais e non respondóns, 10nin rapineiros; ó contrario, que sexan plenamente fieis e honrados, para faceren honor á doutrina de Deus, o noso Salvador.

11Porque a graza de Deus viuse que era fonte de salvación para todos os homes. 12Ela ensínanos que reneguemos da impiedade e das cobizas mundanas e vivamos no mundo presente dun xeito asisado, xusto e respectuoso, 13agardando a bendita esperanza e a manifestación gloriosa do noso gran Deus e Salvador Xesús Cristo. 14El entregouse por nós, para nos redimir de toda iniquidade e purificar para si un pobo escolleito, afervoado, dedicado ás boas obras.

15Di estas cousas, exhorta e reprende con toda autoridade; que ninguén te desprece.

 

Consellos ós fieis

 

CAPÍTULO 3

 

1Recórdalles que se sometan ás autoridades, que as obedezan, que estean dispostos para toda obra boa. 2Que non difamen a ninguén, que sexan pacíficos, xustos, amables con todo o mundo. 3Noutrora fomos tamén nós toleiráns, rebeldes, extraviados, escravos de moitas cobizas e praceres, vivindo na maldade, na envexa, odiados e cheos de odio uns para os outros. 4Pero cando apareceu a bondade e a humanidade de Deus, o noso Salvador, 5salvounos non polas obras boas que nós fixemos, senón pola súa misericordia, por medio do baño do novo nacemento e polo poder renovador do Espírito Santo. 6Ese Espírito que verteu sobre nós con abundancia, por Xesús Cristo, noso Salvador, 7a fin de que, xustificados pola súa graza, nos fixésemos herdeiros da vida eterna, conforme á esperanza.

 

Últimas recomendacións

 

8Esta é doutrina certa. E eu quero que ti te afinques nela, para que os que creron en Deus se dediquen a practicar as boas obras. Isto é bo e útil para todos.

9Desbota, en troques, as pescudas extravagantes, as xenealoxías, as rifas, as polémicas sobre a Lei: son inútiles e sen substancia. 10O causante de divisións repréndeo unha vez ou dúas. Despois prescinde del, 11tendo ben sabido que ese tal é un perverso e peca, condenándose el mesmo.

12Cando cheguen onda ti Artemás ou Tíquico, apura a vir onda min a Nicópolis, porque decidín pasar alí o inverno. 13Dálles o preciso para a viaxe ó avogado Zenas e mais a Apolo para que non lles falte nada. 14Aprendan os nosos a faceren o ben atendendo as necesidades urxentes e así non serán improdutivos.

 

Saúdo final

 

15Mándanche recordos todos os que están comigo. Dálles saúdos a todos os amigos na fe. A graza vos acompañe a todos.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com