Capítulos 1- 6

 

ENCABEZAMENTO

 

 

CAPÍTULO 1

 

1Paulo, nomeado apóstolo non por homes nin por encomenda humana, senón por encomenda de Xesús Cristo e de Deus Pai, que o resucitou de entre os mortos, 2e mais os irmáns todos que están comigo, ás igrexas de Galacia:

3Desexámosvos a graza e a paz que veñen de Deus, Pai noso, e mais do noso Señor, Xesús Cristo, 4quen, conforme ó plan do noso Deus e Pai, se entregou polos nosos pecados, para nos arrincar deste mundo ruín en que vivimos. 5Que el sexa eternamente glorificado. ¡Amén!

 

 

PARTE APOLOXÉTICO - HISTÓRICA

 

Non hai máis Evanxeo ca un

 

6Chámame moito a atención que así, tan correndiño, desertedes de quen chamou por vós á graza de Cristo, para vos facerdes doutro evanxeo. 7¡Non hai esoutro evanxeo! O que hai e que algúns vos andan a quentar a cabeza coa idea de lle dar outro xeito ó Evanxeo de Cristo. 8Pois mirade: ¡Malia quen vos predique un evanxeo para engadir ó que vos temos predicado, aínda que fosemos nós mesmos ou un anxo baixado do ceo! 9E volvo dicir o mesmo que vos dixen: a quen vos vaia cun evanxeo para engadir ó que recibistes, ¡botádeo fóra!

10¡Que! ¿Intento eu agora quedar ben cos homes ou con Deus? ¿Ou é que loito por compracer ós homes? Se a estas alturas aínda estivese procurando compracer ós homes, non sería un servo de Cristo.

 

 

PAULO DEFENDE A SÚA AUTORIDADE E A SÚA DOUTRINA

 

Porque o manda Cristo en persoa

 

11Porque fágovos saber, irmáns, que o Evanxeo que eu predico non é cousa de homes, 12xa que nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús Cristo. 13Si: vós tedes oído falar das miñas andanzas de cando estaba no xudaísmo; do furor con que dera en perseguir ala Igrexa de Deus; 14e de como adiantaba eu no xudaísmo máis ca moitos da miña raza e do meu tempo, porque era moito máis fanático das tradicións dos meus devanceiros.

15Mais cando a Aquel, que xa desde o seo da miña nai me puxera á parte e chamou por min pola súa graza, 16lle prougo revelarme o seu Fillo, para que volo predicase ós non xudeus, eu ‑sen lle pedir consellos á carne nin ó sangue, 17sen tan sequera subir a Xerusalén onda os que en ser apóstolos xa me levaban anos‑, de hoxe para mañá, retireime á Arabia, de onde volvín de novo a Damasco.

18De alí a tres anos subín a Xerusalén para ir coñecer a Pedro e cabo del fiquei uns quince días. 19E non vin a ningún apóstolo máis, fóra de Santiago, o parente do Señor. 20¡Así Deus me salve, como nos vos minto nisto que vos escribo! 21Despois chegueime ás terras de Siria e Cilicia. 22Ora, as comunidades cristiás de Xudea non chegaron a coñecerme de vista; 23só sentiran dicir: "Disque o que antes nos perseguía, agora predica a fe que asoballaba"; 24e, por isto meu, glorificaban a Deus.

 

Porque as autoridades de Xerusalén aproban o que predica

 

CAPÍTULO 2

 

1Andando o tempo, á volta de catorce anos, subín outra vez a Xerusalén con Bernabé, levando tamén comigo a Tito. 2Deume a alma que tiña que ir alá. Daquela, a porta pechada, sometín o Evanxeo que vos predico ós non xudeus, ó xuízo dos que eran algo: non fose que estivese correndo ou tivese corrido ás toas. 3Mais nin tan sequera apremaron a Tito, que ía na miña compaña e que era grego, para que se fixese circuncidar: 4a pesar dos falsos irmáns que solermiñamente se viñeron meter polo medio, para fiscalizaren a liberdade que nós temos en Cristo Xesús e para nos aferrollaren. 5Pois ben, para que esteades seguros na verdade, non lles baixamos as orellas nin un instante.

6E dos que tiñan autoridade...(a min non me fai diferenza o que foron noutros tempos, que Deus non ten ningún aquel polo prestixio do home), pois tampouco eses que eran algo non me impuxeron cousa ningunha. 7Moi polo contrario, cando viron que a min se me encomendara a evanxelización dos non circuncidados, coma a Pedro a dos circuncidados 8(pois o que capacitou a Pedro para apóstolo dos circuncidados tamén me capacitou a min para apóstolo dos non xudeus), 9e cando recoñeceron a graza que se me concedera, van Santiago, Pedro e mais Xoán (os piares coma quen di) e déronnos a man a min e mais a Bernabé coma sinal de solidariedade. De xeito que evanxelizarvos ós non xudeus correse pola nosa conta; e evanxelizar ós circuncidados, pola deles. 10Soamente nos mandaron que mirásemos polos pobres: cousa na que sempre eu procurei cargar a man.

 

Porque defendeu a súa doutrina, mesmo fronte a Pedro

 

11Mais, cando Pedro veu a Antioquía, arrepúxenme a el na súa mesma cara, porque o merecera. 12Si, porque antes de chegaren uns poucos mandados de Santiago, Pedro comía cos non xudeus. Ah, mais nisto chegan os propios e el arredábase e poñíase á parte, por medo dos circuncidados. 13E os outros xudeus empezaron a aparentar coma el; tanto que o mesmo Bernabé se me deixou arrastrar naquela comedia.

14Así que cando vin que, conforme a enxebreza do Evanxeo, xa non camiñaban como é debido, díxenlle a Pedro á vista de todo o mundo: "Se ti, con seres xudeu, vives coma se non foses, ¿como é que lles fas seguir os costumes xudaicos ós que non son xudeus?" 15Nós somos de berce xudeu e non pecadores de devanceiros pagáns: 16así e todo, como sabemos moi ben sabido que ninguén se xustifica polas obras da Lei senón pola fe en Xesús Cristo, chegámonos tamén nós á fe en Cristo Xesús, para sermos xustificados pola fe en Cristo e non polas obras da Lei, porque polas obras da Lei non se ha xustificar ninguén.

17‑Ben, pero se nós, que andamos procurando ser xustificados en Cristo, nos atopamos aínda pecadores, ¿será Cristo un criado ó servizo do pecado...?

¡Ca! 18Se despois de facer vir abaixo unha cousa me poño a recompoñela, estoume a confesar culpable. 19Porque precisamente pola Lei morrín á Lei, a fin de vivir para Deus. Fiquei crucificado con Cristo 20e vivo: mais xa non vivo eu; é Cristo quen vive dentro de min. E aínda que agora vivo unha vida mortal, vivo na fe do Fillo de Deus, que me amou e que se deu en sacrificio por min. 21Eu non boto a perder a graza de Deus. Pero, iso si, se a xustificación nos viñese da Lei, Cristo tería morto para nada.

 

 

PARTE DOGMÁTICA

 

A xustificación vén pola fe e non polas obras

 

CAPÍTULO 3

 

1E a vós, gálatas sen xuízo, ¿de Cristo crucificado non se vos escribira xa antes? ¿Seica vos botaron o mal de ollo? 2Só quero que me digades se recibistes o Espírito por terdes cumprido coa Lei ou pola predicación da fe. 3E logo ¿sodes tan tarabeleiros que, principiando no Espírito, vindes rematar agora no máis baixo? 4¿Seica experimentastes cousas tan grandes para nada? Daquela sería inútil, ¡e mais ben! 5Quen vos concede o Espírito e anda a facer milagres entre vós ¿faino porque cumprides coa Lei ou porque obedecestes á fe?

 

O caso de Abraham: a fe é o que conta

 

6¿Non vedes como Abraham fiou en Deus e iso valeulle a xustificación? 7Recoñecédeme, logo, que os que viven da fe, eses son os fillos de Abraham. 8E a Escritura, previndo que Deus había xustificar os non xudeus, anuncioulle xa con tempo a Abraham: En ti han ser benditas todas as razas. 9De xeito que os que viven da fe son benditos xunto con Abraham, o crente.

10En cambio todos os que viven das obras da Lei están baixo maldición. Porque está escrito: ¡Malia quen non se ateña a todo o que está escrito no libro da Lei para que se cumpra. 11Ora, que ninguén se pode xustificar diante de Deus grazas á Lei, está visto: porque o que é xusto pola fe, vivirá. 12Mais a Lei non procede da fe, senón que quen cumpra eses preceptos vivirá por eles. 13Cristo rescatounos da maldición da Lei, facéndosenos El mesmo maldición polo noso ben (lembrade que está escrito: ¡Malia quen está pendurado dun pau), 14para que en Cristo Xesús vos chegase ós non xudeus a bendición de Abraham e para que, por medio da fe, recibísemos o Espírito prometido.

 

Primeiro prometeuse a salvación e despois veu a Lei

 

15Irmáns, vouvos poñer un caso da nosa vida: nun testamento, con tal que estea outorgado como é debido, ninguén engade nin quita nada; iso que é cousa dun home. 16Ben, pois a Abraham e mais á descendencia del fixéronselle as promesas. Mais a Escritura non di ós seus descendentes, como se fosen moitos, senón ó seu descendente; coma quen di a un só, que é Cristo. 17E digo eu: un testamento que xa foi outorgado en condicións por Deus, non o vai invalidar a Lei (que veu de alí a catrocentos trinta anos), ata o punto de cancelar a promesa. 18Pois, se a herdanza viñese da Lei, xa non viría da promesa. Non obstante, Deus concedeu o seu favor a Abraham en forma de promesa.

 

Valor provisorio da Lei

 

19¿A que vén, logo, a Lei? ‑A Lei engadiuse para nos facer ver os pecados mentres non viña o descendente, para quen se fixera a promesa; e promulgouse por medio dos anxos, por man dun mediador. 20Ora, non pode haber mediador dun só: e Deus é único.

21¿Logo é que a Lei vén estar contra as promesas de Deus? ‑Nin moito menos. Certo que, se nos desen unha Lei capaz de nos acadar a vida, a xustificación viría realmente da Lei. 22Mais a Escritura pinta todo encadeado polo pecado, de maneira que a promesa se lles cumpra ós que cren en Xesús Cristo mediante a fe.

23Pero antes que a fe chegase, estabamos todos baixo a Lei, agardando a fe que había ser revelada. 24Por iso a Lei foi a que nos levou a Cristo (coma un criado que leva o meniño á escola) para que logo fosemos xustificados pola fe. 25Por iso, de que chegou a fe, deixamos de estar baixo a tutela do criado.

26Todos vós sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús, 27porque ós que vos bautizaron en Cristo, vestíronvos de Cristo. 28E todo iso de xudeus e gregos; de escravos e libres, de homes e mulleres, todo iso acabou, pois sodes coma un só en Cristo Xesús. 29Vós, pola vosa condición de cristiáns, sodes a "descendencia" de Abraham, herdeiros conforme a promesa.

 

O cristián, fillo de Deus e maior de idade

 

CAPÍTULO 4

 

1E digo eu: mentres o herdeiro é pequerrecho, con ser o dono de todo, medio parece un escravo; 2porque, total, está sometido a titores e administradores ata a data sinalada polo pai. 3Si. Connosco tamén pasou así: cando eramos uns rapaces, estabamos sometidos coma escravos ós elementos do mundo.

4Mais así que chegou a plenitude dos tempos, Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller e suxeito á Lei, 5para rescatar os que estabamos baixo a Lei e para que recibísemos a filiación. 6A proba de que sodes fillos del é que Deus mandou ós vosos corazóns o Espírito do seu Fillo que exclama ¡Abbá! (que quere dicir ¡meu Pai! ). 7Polo tanto, ti xa non es escravo, senón fillo. E, por seres fillo, tamén, grazas a Deus, es herdeiro.

8É certo que daquela, como non coñeciades a Deus, erades escravos de deuses que, ben mirado, non eran deuses. 9Mais hoxe en día que, en cambio, coñecedes a Deus (ou, mellor dito, que Deus xa vos coñece a vós), ¿como é que volvedes ós miserables e pobres elementos e desexades facervos escravos deles? 10Andades a gardar certos días, meses, estacións e anos. 11Total: non sei se non me estaría sacrificando por vós para nada.

 

Que os gálatas sigan a confiar en Paulo

 

12Meus irmáns, rógovos que vos fagades coma min, que tamén eu me fixen coma vós. Non me ofendestes en nada. 13Lembrade que, da primeira volta que vos prediquei o Evanxeo, eu andaba un pouco cativo; 14así e todo, vós non me desprezastes nin cuspistes no chan por mor daquela miña doenza (que para vós fora unha tentación), senón que aínda me acollestes coma se eu fose un anxo do ceo, coma se fose Cristo Xesús. 15¿Onde vai, logo, todo aquel voso contento? Porque vos podo asegurar que daquela, se for posible, erades capaces de vos arrincardes os ollos para mos dar a min. 16¿Seica me volvín inimigo voso por vos dicir toda a verdade?

17Eses que tanto miran por vós, fano raposeiramente, porque o que queren é arredarvos de min, para que os rodeedes de atencións a eles. 18Pero, ben mellor será que me atendades con sinceridade e sempre, non só cando estou aí. 19¡Ai, meus filliños! Que me volven a aguilloar as dores do parto por vós, mentres non vos conformedes segundo a fasquía de Cristo! 20Convosco un xa non sabe que é o que ten que facer. ¡Quen me dera estar agora aí onda vós: a ver se dicíndovos unhas palabriñas ben ditas...!

 

A Lei non é a que salva

 

21Dicídeme os que vos queredes someter á Lei: ¿é que non oídes a Lei? 22Porque está escrito que Abraham tivo dous fillos: un da escrava e o outro da muller libre; 23e o fillo da escrava naceu como nace todo o mundo, mentres que o fillo da muller libre naceu en virtude da promesa.

24Todo isto vos quere dicir unha cousa: estas dúas mulleres veñen representar os dous Testamentos. O primeiro concertouse no monte Sinaí; e é Agar 25("agar" en árabe indica o monte Sinaí); ela dá á luz fillos escravos e corresponde á Xerusalén de hoxe, que vive de escrava coma os seus fillos. 26En cambio a Xerusalén de arriba é libre. Esta é a nosa nai, 27porque está escrito:

¡Alégrate ti, aínda que es erma e non dás á luz!

¡Aturuxa, aínda que non che dean vido dores de parto:

que a abandonada ha ter máis fillos cá que ten home!

28Vós, irmáns, sodes fillos da promesa, coma Isaac. 29Mais hoxe pasa coma daquela: o xerado normalmente anda a paus co xerado espiritualmente. 30¡Ah! ¿E qué é o que di a Escritura?: Bota fóra a esa escrava e mais o seu fillo: que o fillo da escrava non partillará a herdanza co da libre. 31Así que, irmáns, nós non somos fillos da escrava, senón da libre.

 

 

PARTE  MORAL

 

Cristo fíxonos libres

 

CAPÍTULO 5

 

1Cristo liberounos para que vivamos en liberdade. ¡Estádeme, logo, ben firmes nel! ¡Que non vos canguen outra vez o xugo da escravitude!

2E mirade que eu, Paulo, xa vos deixo ben avisados de que, se vos facedes circuncidar, Cristo non vos vai servir de nada. 3E a todo o que se me faga circuncidar, eu vólvolle asegurar que queda obrigado a cumprir coa Lei enteiriña. 4Os que procurades na Lei a vosa xustificación, rompestes con Cristo, saístes da graza.

5Porque a nós o Espírito móvenos a agardar da fe os bens da xustificación esperada. 6Porque en Cristo Xesús estar ou non estar circuncidados non importa para nada: o único que importa é a fe que actúa a través do amor.

7¡Tan ben como iades! ¿Quen vos poñería o pé diante para que xa non obedezades á verdade? 8Esta vosa idea non vén, de certo, do que vos chama: 9cun chisco de fermento abonda para levedar a masa toda. 10Mais eu fío no Señor de que vós habedes pensar coma min. Iso si, ese que vos perturba ha levar o seu merecido, sexa quen sexa.

11E eu, meus irmáns, se disque aínda predico a circuncisión, ¿como é que aínda me perseguen? Porque daquela estaría eliminado o escándalo da cruz. 12¡Vaites cos que vos andan a quentar a cabeza! ¡Mágoa que non se castren eles!

 

Usar ben a liberdade

 

13Irmáns, a vós chamáronvos á liberdade. ¡Pero coidadiño con servir ós baixos instintos co gallo da liberdade! Habédesme ser escravos uns dos outros mediante o amor. 14Porque toda a Lei está completa neste precepto: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. 15Pero, se vos mordedes e devorades, levade tento de non acabardes uns cos outros.

16Pois quérovos dicir que vivades conforme o Espírito e, que non lles deades polo pé ós proídos do instinto. 17Porque os baixos instintos cobizan contra o Espírito e o Espírito contra os baixos instintos: contraríanse entre eles tanto, que non facedes o que de verdade queredes. 18Mais, se vos guiades polo Espírito, xa non estaredes máis baixo a Lei.

19As obras dos baixos instintos tédelas ben á vista: fornicación, adulterio, libertinaxe, 20idolatría, bruxerías, xenreiras, liortas, cobiza, retesías, discordias, faccións, 21envexas, bebedelas, enchentes e cousas polo estilo. Xa vos avisei ben avisados de que non herdarán o Reino de Deus os que tal fagan.

22En cambio o froito do Espírito é o amor, alegría, paz, paciencia, agarimo, bondade, formalidade, 23mansedume e dominio de si. Contra isto non hai Lei que valla.

 

Vivir no Espírito

 

24Os de Cristo Xesús crucificaron os baixos instintos coas súas paixóns e cobizas. 25Se vivimos no Espírito, sigamos coma norma o Espírito. 26Non hai que ser farfalláns. Non se hai que encirrar uns cos outros. Non nos temos que envexar.

 

CAPÍTULO 6

 

1Irmáns, se acaso colledes a alguén nunha falta, vós, coma homes do Espírito, reprendédeo polas boas, termando cada quen de si, que ti tamén podes ser tentado. 2Levade uns as cargas dos outros, que así cumpriredes coa Lei de Cristo. 3O que, así polas boas, coida que é algo, non sendo nada, a quen engana é a si mesmo. 4Bote contas cadaquén sobre os propios feitos, e daquela terá en si e non nos outros razón para estar satisfeito. 5Cadaquén ten que levar o seu fardel.

6Cando un vaia á doutrina onda outro, faga parceiro dos seus bens ó que lla ensina. 7Non vos levedes a engano, que de Deus non hai quen faga riso. Conforme sementes, recollerás. 8O que semente baixos instintos dos baixos instintos recollerá podremia; e o que semente no Espírito, do Espírito recollerá Vida eterna. 9Non cansemos de facer o ben, que, coma esmorecer non esmorezamos, cumprido o tempo habemos ter boa colleita.

10Polo tanto, fagamos ben a todos, mentres temos tempo, maiormente ós nosos irmáns na fe.

 

Remate autógrafo

 

11Mirade con que letras tan grandes vos escribo eu pola miña man. 12Os que queren quedar ben vistos no externo, son xustamente os que vos queren facer circuncidar, para que non os persigan a eles pola cruz de Cristo. 13Pero ¡se nin tan sequera os que circuncidan cumpren coa Lei! O que queren é que vos circuncidedes vós para se gabaren da vosa circuncisión. 14Pero a min Deus me libre de gabarme en algo que non sexa a cruz de Cristo, na que o mundo está crucificado para min como eu para o mundo. 15Pois tanto ten estar circuncidado coma estar sen circuncidar. O que importa é a nova creación.

16A paz e mais a misericordia virán sobre todos os que se axusten a esta norma e sobre o Israel de Deus. 17De hoxe en diante que ninguén me veña amolar, porque levo no meu corpo as marcas de Xesús. 18Irmáns, que a graza do noso señor Xesús Cristo vaia convosco. Amén.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com