Capítulos 1-4

 

Encabezamento

 

CAPÍTULO 1

 

1Paulo e Timoteo, servidores de Xesús Cristo, a todos os crentes en Cristo Xesús que vivides en Filipos e mais ós vosos encargados e diáconos 2desexámovos a graza e paz de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.

 

Paulo está satisfeito dos de Filipos

 

3Doulle grazas ó meu Deus por todo o que me acorda de vós. 4Sempre que rezo por vós, fágoo con alegría, 5pola parte que vides tomando na difusión do Evanxeo desde o primeiro día ata hoxe. 6Eu fío en que o que encetou en vós un traballo bo, halle de ir dando cabo de aquí ó día de Cristo Xesús. 7E é xusto que eu pense así, porque vos levo no corazón; a vós, que tanto que eu estea preso como que estea a defender e a afiuzar o Evanxeo, participades todos na graza da miña misión. 8¡Ben sabe Deus con que morriña cristiá vos boto a faltar aquí! 9E na miña oración pido que o voso amor reborde de penetración e de sensibilidade para todo: 10así poderedes acertar co mellor para chegardes enxebres e sen chata ó día de Cristo Xesús, 11e cheos do froito da xustiza que se consegue por medio de Xesús Cristo para gloria e loanza de Deus.

 

Situación persoal de Paulo

 

12Quero que saibades, irmáns, que o que me está a pasar, máis ben aproveitou ó espallamento do Evanxeo. 13Porque na residencia do gobernador e nos outros sitios todo o mundo sabe que estou preso por ser cristián, 14e a maior parte dos irmáns, ó colleren da miña prisión azos para confiar no Señor, métense moito máis a anunciar a palabra de Deus sen medo. 15Hai, de certo, algúns que predican a Cristo por meteren envexa e por me faceren a competencia. Pero outros fano á boa fe. 16Estes, porque me queren e saben que eu estou posto para a defensa do Evanxeo; 17aqueles anuncian a Cristo á retesía, con mala intención, coa idea de me faceren máis amolado o meu encadeamento. 18Pero ¿que máis ten? O importante é que, dunha maneira ou da outra, con retranca ou sen ela, vaise anunciando a Cristo: e diso alégrome. Máis aínda: continuarei alegrándome, 19porque sei ben que, grazas ás vosas oracións e ó Espírito de Xesús Cristo que me patrocina, "todo me ha de ser para ben". 20Esta é a miña arela e a miña esperanza: que en nada vou saír fracasado, senón que, con toda seguridade, agora coma sempre, manifestarase a grandeza de Cristo na miña persoa, tanto que eu siga vivindo como que morra.

 

Esperanza de que o ceiben

 

21Porque para min a vida é Cristo; e morrer, unha ganancia. 22Ora, como vivir neste mundo me permite  traballar con proveito, non sei o que escoller. 23As dúas cousas tiran por min: quería morrer para estar con Cristo, pois era moitísimo mellor. 24Mesmo así, por vós, cómpre que eu fique neste mundo; 25e así coido que vou ficar e seguir onda vós, para axudar a que adiantedes alegres na fe, 26a fin de que o orgullo de serdes  cristiáns reborde xa por causa miña, coa miña presenza outra vez cabo de vós.

 

A loita pola fe

 

27Unha cousa só: mirade de vos comportar conforme ó Evanxeo de Cristo, para que, tanto que vos vaia ver coma que quede lonxe, eu sinta falar de que vos mantedes firmes nun mesmo espírito e que, todos de acordo, loitades xuntos pola fe do Evanxeo, 28sen vos deixardes acovardar polos que vos fan a contra: cousa que para eles é un sinal de condenación e para vós é de salvación; e todo por obra de Deus. 29Porque a vós, por Cristo, concedéusevos o privilexio, non só de crerdes nel, senón tamén de padecerdes por El, 30enlizados como estades na mesma loita en que me vistes a min e na que agora sabedes de oídas que aínda ando metido.

 

Evitar os bandos

 

CAPÍTULO 2

 

1Así que, se vale de algo o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai sentimentos en vós de agarimo e misericordia, 2facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea. 3Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el. 4Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros.

 

O exemplo de Cristo

 

5Tede entre vós a mesma actitude de Cristo Xesús.

6El, con ser de condición divina,

non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus;

7senón que se espiu do seu rango,

asumiu a condición de escravo;

fíxose un home normal e presentouse coma tal

8abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,

¡e a morte na cruz!

9Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo

e lle concedeu un título que está por riba de calquera título

10para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo

no ceo, na terra e mais no abismo,

11e para que toda lingua proclame

para gloria de Deus Pai

que Xesús Cristo é o Señor.

 

Traballar pola salvación

 

12De maneira que, meus amigos, igual que sempre me fixestes caso, traballade con temor e tremor pola vosa salvación non só na miña presenza, senón moito máis agora na miña ausencia. 13Deus efectivamente é quen activa en vós tanto o querer coma o facer, conforme o seu bondadoso designio. 14Facede todas as cousas sen rosmar nin discutir, 15para serdes sen chata e sinxelos, "fillos de Deus sen mancha no medio dunha xente raposeira e atravesada", onde vós relucides coma fachos no universo, 16presen-tando a palabra da vida. Dese xeito o día de Cristo eu voume poder gabar de que nin corrín ás toas nin me cansei en balde. 17Mais, aínda que verta o meu sangue coma libación nun sacrificio ó servizo da vosa fe, estou alegre e asóciome á vosa alegría. 18Pois vós, igual: estádeme alegres e unídevos á miña alegría.

 

Timoteo

 

19Coa axuda do Señor Xesús espérovos mandar axiña a Timoteo, para me animar eu tamén recibindo noticias vosas; 20que non teño ninguén coma el que mire lealmente polas vosas cousas; 21que todos andan á súa comenencia, non á de Xesús Cristo. 22En cambio el, xa sabemos ben cómo é: que se puxo comigo ó servizo do Evanxeo, coma un fillo co seu pai. 23Así que, nada máis ver eu claramente que é o que vai ser de min, vóuvolo mandar. 24Mesmo así, espero no Señor ir eu tamén axiña.

 

Epafrodito

 

25Por outra parte, coidei que cumpría mandarvos de volta a Epafrodito, irmán, colaborador e camarada meu, que vós me mandastes para atenderme na miña necesidade. 26El tiña morriña de todos vós e andaba amolado porque chegastes a saber da súa doenza. 27Pois enfermou e mesmo houbo de morrer. Pero Deus tivo dó del. Vaia, non só del, senón de min tamén, para que non me viñese unha desgraza enriba da outra. 28Así que volo mando ben axiña, para que, ó velo, volvades a estar alegres e eu me sinta máis acougado. 29Recibídeo, logo, no Señor con toda alegría e estimade a homes coma el, 30que estivo a piques de morrer pola causa de Cristo, arriscando a súa vida para me prestar na vosa ausencia os servizos que vós non me podiades prestar.

 

 

ATAQUE DOS XUDAIZANTES

 

O ideal que propoñen fora o de Paulo

 

CAPÍTULO 3

 

1Do resto, meus irmáns, estade alegres no Señor. Repetirvos o dito noutras ocasións a min non me custa e a vós dávos seguranza. 2¡Ollo ós cans! ¡Ollo ós obreiros de moita parola e pouco traballo! ¡Ollo á falsa circuncisión! 3Porque a circuncisión verdadeira, esa sómola nós, que, impulsados polo Espírito, damos culto a Deus e poñemos a nosa gloria en Cristo Xesús, sen confiarmos en criterios externos. 4Anque, por confiar, eu tiña de que confiar, incluso en criterios externos. Se alguén coida que el ten de que confiar conforme eses criterios, eu teño máis: 5circuncisión ós oito días; do pobo de Israel; da tribo de Benxamín, nacido e criado hebreo; en canto á Lei, fariseo; 6en canto a celo, perseguidor da Igrexa; en canto á xustiza que manda a Lei, home sen tacha.

 

Pero renunciou a el

 

7Mais todo o que daquela era para min un proveito, estimeino, por causa de Cristo, unha perda. 8Máis aínda, todo me parece perda comparado co grande que é coñecer a Cristo Xesús, o meu Señor. Por El tirei con todo e doulle tanto valor coma ó lixo con tal de gañar a Cristo 9e de vivir nel; non por ter unha xustiza miña propia por cumprir a Lei, senón pola xustiza que se recibe coma resposta á fe.

10Así podereino coñecer a El, experimentar a forza da súa resurrección e solidarizarme cos seus sufrimentos, reproducindo en min a súa morte, 11para ver de chegar eu tamén á resurrección dos mortos.

12Non é que eu xa chegase á meta nin que xa teña chegado á perfección. Non. Eu aínda vou correndo, a ver se a alcanzo, xa que tamén eu fun alcanzado por Cristo Xesús. 13Irmáns, eu non boto de conta que a teña alcanzado. Velaquí o único que fago: esquezo o que quedou atrás, lánzome cara ó que está diante, 14bulo para pillar o premio ó que Deus desde arriba nos convoca en Cristo Xesús.

15Todos os perfectos, polo tanto, pensamos así. E se nalgún punto pensades doutro xeito, Deus hávolo esclarecer. 16Fóra disto, a onde queira que teñamos chegado, sigamos na mesma liña.

 

Seguir o exemplo de Paulo

 

17Irmáns, seguide todos o meu exemplo e reparade nos que camiñan conforme o modelo que tedes de nós. 18É que moitos ‑dos que xa vos teño falado e agora falo a chorar‑ pórtanse coma inimigos da cruz de Cristo. 19Esa xente vai acabar na perdición; o Deus dela é o bandullo; o orgullo dela está na vergonza: xente que só se interesa polas cousas terreais. 20Pero a nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor. 21El ha transformar o noso pobre corpo, reproducindo en nós a gloria do seu propio corpo con ese poder que lle permite someter incluso o mesmo universo.

 

CAPÍTULO 4

 

1Polo tanto, meus irmáns tan queridos e por quen sinto saudades, miña alegría e coroa, ¡seguide así firmes no Señor, queridiños!

 

 

CONSELLOS

 

Levarse ben

 

2Recoméndolles a Evodia e mais a Síntique que se entendan, como cristiás que son. 3E tamén a ti, meu leal compañeiro de traballo, pídoche que lles botes unha man: que elas loitaron canda min polo Evanxeo xunto con Clemenzo e outros colaboradores meus que teñen o seu nome no Libro da Vida.

 

Estar alegres

 

4Estade sempre alegres no Señor. Repítovolo: estade alegres. 5Que todo o mundo vexa o bos que sodes. O Señor está a chegar. 6Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de grazas. 7E a paz de Deus, que supera toda intelixencia, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.

 

Solidarizarse con todo o bo

 

8Do resto, meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, todo o que sexa xusto, todo o que sexa enxebre, todo o que sexa estimable, todo o que sexa honroso, calquera virtude ou mérito que haxa, iso é o que debedes estimar. 9O que aprendestes, recibistes, oístes e vistes en min, iso é o que tedes que levar á práctica. E o Deus da paz irá convosco.

 

Agradecemento

 

10Moito me alegrei no Señor de que por fin abrollase o voso interese por min. Ter xa o tiñades, pero non tiñades a ocasión de o manifestar. 11Non volo digo pola miña pobreza, que eu aprendín a gobernarme nas situacións en que estea. 12Hoxe sei vivir na miseria e na fartura. En calquera situación estou ensinado para estar farto e para pasar fame; para ter de abondo e para non ter nada. 13Teño forzas para todo grazas a quen me fai forte. 14Mesmo así, fixestes ben en tomardes coma vosa a miña dificultade.

15Vós, os de Filipos, sabedes tamén que de que saín de Macedonia, no comezo da evanxelización, ningunha Igrexa tivo comigo nada que anotar no libro de ingresos e gastos, fóra de vós: os únicos. 16Porque xa a Tesalónica me mandarades máis dunha vez algo para as miñas necesidades. 17Non é que eu ande á pedicha do agasallo; procuro tan só que os intereses se acugulen na vosa conta. 18Acuso recibo de todo e teño de abondo. Quedei ben provisto ó recibir de Epafrodito o que viña de vosa parte, agradable recendo, sacrificio aceptable e que prace a Deus. 19O meu Deus, pola súa parte, cubrirá todas as vosas necesidades, conforme a súa riqueza con magnificencia en Cristo Xesús. 20Gloria a Deus, noso Pai, polos séculos dos séculos. Amén.

 

Lembranzas e remate

 

21Moitos saúdos a todos os crentes en Cristo Xesús. Recordos dos irmáns que están comigo. 22Mándanvos un saúdo todos os consagrados e, en especial, os que están ó servizo do César. 23A graza do Señor Xesús Cristo vaia convosco. Amén.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com