Capítulo 1

 

CAPÍTULO 1

 

1Paulo, preso por Cristo Xesús, e mais o irmán Timoteo saudámoste a ti, o noso querido amigo e colaborador Filemón, 2e saudamos tamén a irmá Apia, o noso camarada Arquipo e á comunidade que se xunta na túa casa. 3Desexámosvos a alegría e a paz de Deus, o noso Pai, e do Señor Xesús Cristo. 4Doulle grazas decote ó meu Deus, ó me lembrar de ti nas miñas oracións, 5porque oio falar do amor e da fidelidade que tes ó Señor Xesús e a todos os membros do pobo santo. 6Pido que a solidariedade da túa fe se poña en marcha, ó comprenderes que todo o ben que temos é para Cristo.

7Alegroume e animoume moito a túa caridade, meu irmán: grazas a ti o pobo santo está máis confortado. 8Por iso, aínda que teña liberdade en Cristo para che mandar o que veña ó caso, 9cádrame máis pedircho, apelando á túa caridade. Así, sen máis título que ser eu Paulo, un vello que agora está preso por Cristo Xesús: 10pídoche por Onésimo, o meu fillo, que xerei estando na cadea. 11En tempos foiche inútil, mais agora vai ser un verdadeiro "Onésimo", é dicir, útil para ti e para min tamén. 12Velaí cho mando. Velaí che vai unha parte de min. ¡Recíbeo!

13Pensei en me quedar con el, para que me axudase no teu lugar, mentres estou preso polo Evanxeo. 14Pero non quixen facer nada sen contar co teu consentimento, para que non fagas este ben á forza, senón porque che sae de dentro. 15Igual por iso marchou de onda ti algún tempo: a fin de que agora o recuperes para sempre, 16non xa coma escravo, senón coma algo máis ca escravo: coma un irmán benquerido. Para min é moi querido; ¡moito máis o vai ser para ti, coma home e coma cristián! 17Así que se me consideras un amigo, acólleo coma a min. 18Se en algo te prexudicou ou se algo che debe, pono na miña conta. 19Eu, Paulo, firmo co meu puño e letra: pagareino eu. Iso para non falar de que ti mesmo te me debes. 20Anda, irmán; que eu saque algo de ti no Señor. Tranquilízate ti coma cristián.

21Escríboche fiando en que me vas facer caso e sabendo que has de facer máis do que che eu digo.

22Ai, e vaime preparando onde parar, que, grazas ás vosas oracións, ides ter o regalo de que eu vaia aí.

23Recordos de Epafras, o meu compañeiro de cadea, en Cristo Xesús. 24Saúdos dos meus colaboradores: Marcos, Aristarco, Dimas e Lucas. 25¡A graza do Señor Xesús Cristo sexa convosco!

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com