Capítulos 1-4

 

Saúdo

 

CAPÍTULO 1

 

1Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por vontade de Deus para anunciala promesa da vida que hai en Cristo Xesús, 2a Timoteo, fillo querido: deséxoche a graza, a misericordia e a paz de Deus e de Cristo Xesús noso Señor.

 

Fidelidade ó Evanxeo

 

3Doulle grazas a Deus, a quen sirvo desde o nacemento con conciencia limpa, porque decote me lembro de ti nas miñas oracións, noite e día. 4Cando me acordan as túas bágoas, véñenme ganas de te ver para me encher de alegría, 5lembrando a túa fe sincera, que xa habitou na túa avoa Loide e na túa nai Eunice, e confío que tamén en ti.

6Por esta mesma causa recórdoche que reavíve-lo carisma de Deus, que hai en ti pola imposición das miñas mans. 7Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte, de amor e de sobriedade. 8Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el; ó contrario, faite partícipe dos meus sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus. 9El vivificounos e chamounos cunha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola graza que nos deu en Cristo Xesús antes de tódolos tempos, 10e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús. El destruíu a morte e alumeou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo. 11Deste Evanxeo constituíronme a min pregoeiro, apóstolo e mestre.

12Por esta causa precisamente padezo estas cousas. Pero non me importa, porque sei de quen me fiei, e estou certo que é podente para custodiar ata aquel día o depósito que me confiou. 13Mantén coma regra as palabras saudables que me escoitaches verbo da fe e da caridade de Cristo Xesús. 14Garda o precioso depósito por medio do Espírito Santo, que mora en nós.

15Saberás que me plantaron tódolos de Asia, entre eles Fíxelo e Hermóxenes. 16Concédalle o Señor misericordia á familia de Onesíforo, que me tivo animado moitas veces e non se avergoñou de que eu fora un preso. 17Aínda máis, cando cheguei a Roma, axiña me buscou e atopoume: 18que o Señor lle conceda achar a súa misericordia naquel día. E cantos servizos fixo en Éfeso coñécelos ti mellor ca min.

 

O bo soldado de Cristo

 

CAPÍTULO 2

 

1Polo tanto, ti, meu fillo, faite forte coa graza que hai en Cristo Xesús. 2E todo o que me escoitaches en presenza de tanta xente, propónllelo ti a homes de confianza que sexan capaces de llelo ensinaren a outros.

3Comparte os meus traballos coma un bo soldado de Cristo Xesús. 4Ningún soldado en activo se deixa enguedellar nos negocios da vida, se quere compracer ó que o alistou. 5E a ningún atleta lle dan o premio se non compite conforme ás regras atléticas. 6Pero o labrego que traballa é o primeiro que ten dereito a participar dos froitos. 7Entende ben o que che digo, pois o Señor hache dar entendemento en todo.

8Lémbrate de Xesús Cristo, resucitado dos mortos, da semente de David. Este é o meu Evanxeo, 9polo que padezo ata estar preso coma un vulgar criminal. Pero a palabra de Deus non está encadeada. 10Por iso soporto todas as cousas por mor dos escolleitos, para que tamén a eles lles toque en sorte a salvación que vén de Cristo Xesús, coa gloria eterna. 11Esta é unha gran verdade:

Se morremos con el, tamén viviremos con el.

12Se padecemos con el, tamén reinaremos con el.

Se renegamos del, tamén el renegará de nós.

13Pero se fallamos na fe, el permanece fiel,

porque non pode renegar de si mesmo.

 

Gardarse dos falsos mestres

 

14Failles diario o acordo disto, amoestándoos diante de Deus, para que non discutan sobre palabras: que iso non vale para nada máis que para botar a perder ós que escoitan. 15Esfórzate por presentarte grato a Deus: coma un traballador que non ten de que se avergonzar, xa que reparte a palabra da verdade. 16Evita leriar en van; os que se deixan levar van sempre a máis na impiedade. 17As súas palabras son coma a gangrena. Destes son Himeneo e Fíleto, 18que se extraviaron da verdade, dicindo que a resurrección xa aconteceu, e botaron a perder a fe dalgúns.

19Con todo, os cimentos sólidos de Deus mantéñense rexos, e teñen o selo seguinte: O Señor coñece ós que son del; e: "afástese da inxustiza todo o que invoca o nome do Señor".

20Nunha casa grande non hai soamente vaixelas de ouro e de prata, hainas tamén de madeira e de barro; e unhas son para uso nobre e outras para uso menos nobre. 21Polo tanto, se un se limpa destas cousas, será un utensilio honorable, santificado, útil para o dono, axeitado para todo uso bo.

22Fuxe das paixóns da mocidade e procura a xustiza, a fe, o amor e a paz con tódolos que invocan o Señor cun corazón limpo. 23Evita as discusións parvas e as controversias testalanas, que xa sabes que xeran loitas: 24en quen serve ó Señor non di ben a contenda, senón o ser manso con todos, hábil para o ensino, tolerante; 25con moito xeito para educar os que sosteñen doutrinas contrarias: quizais lles dea Deus a conversión para o coñecemento da verdade, 26e para se desenguedellaren das trapelas de Satán, que os ten apreixados vivos para que lle fagan o que el quere.

 

Os homes dos tempos derradeiros

 

CAPÍTULO 3

 

1Ten ben sabido isto: que nos días derradeiros haberá intres difíciles. 2A xente volverase egoísta, avariciosa, fachendosa, presumida, maldicente, mal guiada cos seus pais, sen caridade, impía, 3desamorada, falsa, calumniadora, arrogante, ríspeta, inimiga do bo, 4traicioneira, temeraria, foncha, máis amante do pracer ca de Deus; 5terá aparencia de piedade, pero renegará da verdadeira forza da mesma. Ti con xente desa non te xuntes. 6Porque destes son os que se meten nas casas e engaiolan as mulleriñas ateigadas de pecados e empurradas por moitas castes de paixóns, 7que están sempre aprendendo pero que non dan chegado ó coñecemento da verdade. 8E da mesma maneira que Ianne e Iambrés se arrepuxeron contra Moisés, así tamén estes se arrepoñen contra verdade: homes de mente estragada, réprobos na fe. 9Pero non avantarán moito, porque a súa insensatez será manifesta a todos, como o foi a daqueles.

 

Tarefa dura de Timoteo

 

10Ti, en troques, seguíchesme a min na doutrina, no xeito de vida, nos meus plans, na fe, na paciencia, na caridade, na resistencia 11ás persecucións e ós sufrimentos (como os que aturei en Antioquía, en Iconio, en Listra). ¡Que grandes persecucións soportei e de todas me librou o Señor! 12E tódolos que queiran vivir coma bos cristiáns padecerán persecución.

13Homes ruíns e sedutores irán de mal en peor, enganadores e enganados. 14Ti mantente no que aprendiches e no que criches, e que non che esqueza quen cho aprendeu. 15Porque xa desde neno coñeces as letras santas, que son podentes para che facer sabe-lo camiño da salvación pola fe en Cristo Xesús.

16Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para emendar, para educar na xustiza. 17Dese xeito, o home de Deus tórnase perfecto e competente para toda obra boa.

 

Exhortación a Timoteo e anuncio da propia morte

 

CAPÍTULO 4

 

1E pídoche por favor unha cousa diante de Deus e de Cristo Xesús, que ha vir xulgar a vivos e mortos, pola súa vinda gloriosa e polo seu reinado: 2pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo, corrixe, reprende, aconsella con toda a paciencia que require a doutrina.

3Porque virán tempos nos que non escoitarán a verdadeira doutrina, senón que, conforme os seus caprichos, amorearán mestres que lles agarimen os oídos. 4Afastaranse de escoitar a verdade e extraviaranse polo terreo dos mitos.

5Ti, en troques, mantente sobrio en todo, soporta o mal, fai obra de evanxelista, cumpre ben o teu servizo. 6Porque a min xa me falta pouco para derramar o meu sangue, e o meu pasamento está a chegar. 7Combatín unha loita brillante, rematei a miña carreira, gardei a fe. 8O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel Día.

E non só a min senón a tódolos que arelan a súa Vinda gloriosa.

 

Consellos persoais

 

9Prepárate para vires onda min axiña, 10porque Dimas me plantou preferindo o mundo presente e foise para Tesalónica; Crescente, para Galacia; e Tito, para Dalmacia. 11Só Lucas está comigo. Recolle a Marcos e tráeno contigo, que me cómpre moito para o ministerio. 12A Tíquico mandeino a Éfeso. 13Cando veñas, tráeme o capote que deixei en Tróade onda Carpo, e mailos libros, maiormente os pergamiños.

14Alexandro, o ourive, fíxome moito mal: o Señor halle dar o pago do que fixo. 15¡Ti, moito ollo tamén, porque fixo moito contra as nosas palabras!

16Na miña primeira defensa non me asistiu ninguén, todos me deixaron. ¡Que Deus llelo perdoe! 17Pero o Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e todas as nacións a escoitaran. E libroume da boca do león. 18O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter vivo para o seu Reino celestial. Sexa para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.

 

Derradeiros saúdos

 

19Dálles saúdos a Prisca, a Aquila e á familia de Onesíforo. 20Erasto quedou en Corinto, a Trófimo deixeino en Mileto. 21Apura para te vires antes do inverno. Mándanche saúdos Éubulo, e Pudente, Lino e Claudia e todos os irmáns. 22O Señor acompañe o teu espírito. A graza vaia convosco.

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com