Capítulos 1-3

 

CAPÍTULO 1

 

1Paulo, Silván e mais Timoteo, á Igrexa dos tesalonicenses, en Deus, noso Pai, e no Señor Xesús Cristo; 2desexámosvos a graza e a paz de Deus Pai e do Señor Xesús Cristo.

3Temos que lle dar grazas seguido a Deus por vós, irmáns, e é de xustiza porque a vosa fe vai medrando a cada paso máis e porque o amor que vos tedes todos uns a outros segue aumentando; 4tanto que nós mesmos presumimos de vós ante todas as igrexas de Deus pola vosa paciencia e pola vosa fe en todas as persecucións e apuros que estades a pasar.

 

A Vinda do Señor e o xuízo

 

5Esa é a proba do xusto xuízo de Deus, de que vos vai considerar dignos do seu Reino polo que estades a padecer; 6como é xusto que Deus pague con tribulacións ós que vos aflixen 7e que a vós, os aflixidos, vos dea acougo xunto connosco, cando se revele o Señor Xesús, vindo do ceo cos anxos do seu poder, 8con labaradas de lume para lles dar o castigo ós que non queren recoñecer a Deus e ós que non obedecen o Evanxeo do noso Señor Xesús. 9O castigo deles vai ser a perdición eterna, lonxe da presenza do Señor e do esplendor da súa gloria, 10naquel día, cando veña para manifestar a súa gloria nos seus santos e para manifestar as súas marabillas nos que abrazaron a fe. Ora, vós aceptastes o noso testemuño.

11Por iso rogamos decote por vós, para que o noso Deus vos faga dignos da chamada e para que co seu poder faga realidade todo propósito de facer o ben e toda empresa de fe. 12Dese xeito vós daredes gloria ó noso Señor Xesús Cristo e el a vós conforme a graza do noso Deus e do Señor Xesús Cristo.

 

O impío e a súa aniquilación

 

CAPÍTULO 2

 

1Tocante á Parusía do noso Señor Xesús Cristo e da nosa xuntanza con el, rogámosvos, irmáns, 2que non abaledes tan axiña nos vosos criterios nin vos desconcertedes por supostas revelacións, ditos ou cartas nosas coma se o Día do Señor estivese a caer. 3Que ninguén vos trabuque de ningún xeito. Porque primeiro ten que vir a apostasía e manifestarse o impío por excelencia, a perdición en persoa; 4aquel que se opón e se levanta contra todo o que se chame Deus ou que sexa digno de culto, ata chegar a sentarse el no templo de Deus, proclamando que el mesmo é Deus.

5¿Non vos acorda que, cando aínda estaba convosco, xa volo dicía? 6E agora xa sabedes qué é o que o detén, para que se mostre unicamente no seu preciso tempo. 7Pois a misteriosa iniquidade xa está actuando; só cómpre que lle quiten do medio a quen a detén. 8E daquela mostrarase o Impío, a quen o Señor matará co sopro da súa boca e aniquilará co resplandor da súa Vinda. 9A vinda dese Impío será obra de Satán, será con poder, con portentos e con prodixios trapalleiros, 10e con toda a sedución que exerce a inxustiza en cantos se han de perder, por non acolleren o amor da verdade que os ía salvar. 11E por iso mándalles Deus unha forza enganadora, para que crean na falsidade, 12e así se condenen todos os que non creron na verdade senón que se deleitaron na sedución.

 

Mantédevos agradecidos e animosos

 

13Pero por vós, irmáns benqueridos do Señor, debémoslle dar grazas sempre ó Señor porque desde o comezo escolleuvos Deus para salvarvos santificándovos co Espírito e dándovos fe na verdade. 14Para iso chamouvos polo noso Evanxeo, de xeito que logredes a gloria do noso Señor Xesús Cristo. 15Polo tanto, irmáns, mantédevos rexos e retede ben as ensinanzas que vos aprendemos tanto de palabra coma por carta. 16E que o mesmo Señor noso Xesús Cristo e mais Deus, o noso Pai, que nos amou e que nos deu gratuitamente azos duradeiros e boa esperanza, 17vos dea ánimos e vos afinque en toda obra e palabra boa.

 

Consellos e avisos

 

CAPÍTULO 3

 

1Polo demais, irmáns, rogade por nós, para que a mensaxe do Señor se difunda e se acolla con honor como pasou entre vós, 2e deste xeito nos vexamos libres da xente descamiñada e perversa: pois a fe non a teñen todos. 3Pero o Señor é fiel e afincaravos e protexeravos do Malo. 4Tocante a vós, fiámonos no Señor de que estades facendo e de que continuaredes a facer canto vos temos mandado. 5Que o Señor encamiñe os vosos corazóns ó amor de Deus e á paciente espera do Cristo.

6Irmáns: no nome do Señor Xesús Cristo, mándovos que vos arrededes de calquera irmán que leve unha vida lacazá e non conforme á ensinanza que recibistes de nós. 7Pois ben sabedes vós de que modo debedes imitarnos, xa que non nos dedicamos a andar sen xeito 8nin comemos de moca o pan de ninguén, senón que traballamos noite e día con esforzo e fatiga por non sermos unha carga para ningún de vós. 9Non porque non tivésemos dereito, senón para vos dar un exemplo que imitar, 10e porque, cando estabamos onda vós, xa vos demos esta norma: o que non queira traballar, que tampouco non coma.

11Porque chegou ós nosos oídos que algúns de vós andan descamiñados e por riba de non traballaren nada, entremétense nas cousas dos demais. 12A eses mandámoslles e aconsellámoslles no Señor Xesús Cristo que traballen con acougo e que coman o seu propio pan. 13E vós, irmáns, non cansedes de facer o ben. 14Agora, se algún non obedece a mensaxe desta carta, sinaládeo e non vos xuntedes con el, para que se avergonce. 15Non digo que o tratedes coma inimigo; senón que o corrixades coma irmán.

 

Despedida e firma

 

16Que o Señor da paz vos dea a paz decote e de todos os xeitos. Que o Señor vaia con todos vós. 17O saúdo vai da miña propia man: Paulo. É contrasinal en todas as cartas. Así escribo. 18Que a graza do noso Señor Xesús Cristo vos acompañe.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com