Capítulos 1-6

 

Saúdo

 

CAPÍTULO 1

 

1Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por mandado de Deus, noso Salvador, e de Cristo Xesús, nosa esperanza, 2a Timoteo, fillo lexítimo na fe, deséxoche a graza, a misericordia e a paz de Deus Pai e de Cristo Xesús, noso Señor.

 

Hai que evitar as doutrinas falsas

 

3Xa che pedira que quedases en Éfeso, cando eu ía marchar a Macedonia, para lles mandares a algúns que non ensinen doutrinas alleas, 4nin se afeccionen ós mitos e xenealoxías sen conta; cousas que se prestan máis para discusións, que para a realización do plan de Deus, que se basea na fe.

5A finalidade desta instrución é o amor, que sae dun corazón puro, dunha conciencia boa e dunha fe sincera. 6Algúns deles, trabucándose, extraviáronse en lerias; 7pretenden ser doutores na Lei e non entenden nin o que din nin o que tan rotundamente afirman.

8Nós sabemos que a Lei é boa, se se usa como cómpre; 9tendo en conta, que non se dita a Lei para o xusto, senón para os prevaricadores e rebeldes, para os impíos e pecadores, para os profanadores e sacrílegos, para os parricidas e matricidas, para os homicidas, 10os fornicarios, homosexuais, tratantes de escravos, mentiráns, perxuros e para todo aquel que se opón á boa doutrina, 11que cadra co Evanxeo da gloria do Deus bendito, que se me confiou.

 

Acción de grazas polos favores recibidos

 

12Doulle grazas a Cristo Xesús, noso Señor que me fortaleceu, porque fiou en min, encomendándome o ministerio; 13a min que fora un blasfemo, perseguidor e inxuriador. Pero compadeceuse, porque eu obrei, por ignorancia, sen ter aínda fe; 14e a graza do noso Señor sobreabundou coa fe e o amor, que hai en Cristo Xesús.

15Esta é palabra segura merecente de que todos a acollan: que Cristo Xesús veu ó mundo para salvar os pecadores, dos que eu son o primeiro. 16Pero por iso mesmo compadeceuse, a fin de que Cristo Xesús amosase en min, o primeiro, toda a súa paciencia coma exemplo para os que habían crer nel para lograr a vida eterna. 17¡O Rei dos séculos, inmortal, invisible, único Deus: honra e gloria polos séculos dos séculos! Amén.

 

Recomendación a Timoteo

 

18Vouche facer unha gran encomenda, meu fillo Timoteo, conforme as mensaxes inspiradas que se refiren a ti, para que, apoiado nelas sosteñas un bo combate, 19armado de fe e boa conciencia. Algúns rexeitárona e naufragaron na fe; 20entre eles están Himeneo e Alexandro, ós que entreguei a Satán, para que aprendan a non blasfemar.

 

Hai que rezar por todos

 

CAPÍTULO 2

 

1Recomendo primeiro de todo que se fagan peticións, oracións, súplicas, accións de grazas en favor de todos os homes, 2polos reis e por todos os que ocupan altos cargos, para que poidamos ter unha vida calma e serea baseada no pleno respecto mutuo e na decencia. 3Isto é fermoso e grato a Deus noso Salvador. 4El quere que todos os homes se salven e cheguen ó coñecemento da verdade.

5Porque hai un único Deus e un único mediador entre Deus e os homes: o home Cristo Xesús, 6que se entregou coma rescate por todos. Tal é o testemuño dado no tempo oportuno. 7A min fíxome o seu pregoeiro e apóstolo ‑digo a verdade e non minto‑, mestre dos xentís na fe e na verdade.

 

Actitude no culto

 

8Por iso quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira nin discusións. 9Do mesmo xeito tamén as mulleres, con vestido decente, con reverencia e modestia, que se adornen non con rizos, nin con ouro, nin margaridas, nin vestidos luxosos, 10senón coas boas obras, como cómpre a mulleres que profesan unha piedade verdadeira. 11A muller que aprenda en silencio e con toda submisión. 12Non lle consinto á muller que ensine, nin domine ó home, senón que estea calada. 13Porque primeiro crearon a Adam, despois a Eva. 14E a Adam non o enganaron, senón que a muller se deixou enganar e caeu no pecado. 15Salvarase, non obstante, grazas á súa maternidade, se se mantén na fe, no amor, na santidade e na modestia.

 

Virtudes dos "bispos"

 

CAPÍTULO 3

 

1Esta é palabra segura: aquel a quen lle tire o "episcopado", arela unha boa función. 2Pero cómpre que o "bispo" sexa irreprensible, home dunha soa muller, sobrio, asisado, comedido, hospitalario, capaz para o ensino; 3nin bebedor nin liorteiro, senón indulxente; home de paz, non amigo dos cartos. 4Que goberne ben a propia casa e teña os fillos ben guiados, con dignidade, 5(pois se un non sabe estar á fronte da súa familia, ¿como vai saber coidar a Igrexa de Deus?) 6Non neófito, para que non caia na condenación como caeu Satán, ensoberbecéndose. 7Cómpre que teña boa sona tamén entre os de fóra, para evitar o desprestixio e que o atrape o demo.

 

Boas maneiras dos "diáconos"

 

8Da mesma maneira, que os "diáconos" sexan serios, sen retranca, nin moi amigos do viño nin dos negocios sucios, 9conservando o misterio da fe nunha conciencia limpa. 10Tamén a eles os hai que someter á proba primeiro; despois, se están sen tacha, que exerzan o ministerio. 11Sexan tamén así as súas mulleres: púdicas, nin lingoreteiras nin amigas do viño, en todo de fiar.

12Que os "diáconos" sexan homes dunha soa muller, que saiban gobernar ben os seus fillos e as súas familias. 13Porque os que exercen ben este ministerio, adquiren para si un posto nobre e unha gran liberdade na fe que temos en Cristo Xesús.

 

O misterio cristián

 

14Escríboche isto, esperando ir onda ti axiña. 15Por se tardar rógoche que saibas comportarte como convén na familia de Deus, que é a Igrexa do Deus vivo, columna e alicerce da verdade.

16Estamos todos de acordo en que é grande o misterio da nosa relixión:

Que se manifestou coma home,

xustificou no Espírito,

apareceulles ós mensaxeiros,

predicáronllelo ós xentís,

creu nel todo o mundo,

foi exaltado na gloria.

 

Algúns afastaranse da fe

 

CAPÍTULO 4

 

1O Espírito di ben claro que nos tempos derradeiros algúns se afastarán da fe e lles farán caso a espíritos mentireiros e á doutrina dos demos, 2extraviados por raposeiros argallantes que teñen cauterizada a súa conciencia. 3Estes prohibirán que a xente case e coma certos alimentos, sendo así que Deus os creou para que con gratitude os coman os que cren e os que coñecen a verdade. 4Porque todo o que Deus creou é bo e nada é rexeitable, cando se come con gratitude, 5porque o santifica a palabra de Deus e a oración.

 

As virtudes do bo ministro de Cristo

 

6Propoñéndolles estas cousas ós irmáns, serás un bo servidor de Cristo Xesús, alimentado coas palabras da fe e da boa doutrina, que con tanto coidado seguiches. 7Rexeita as fábulas profanas e antigas, e exercítate na auténtica piedade. 8O exercicio corporal e útil para pouco tempo; pero a piedade verdadeira é útil para sempre, porque contén a promesa da vida presente e da que está por vir.

9Esta palabra é moita verdade e todos debían acollela: 10para isto traballamos e loitamos, porque esperamos en Deus vivo, que é o Salvador de todos os homes e maiormente dos que cren.

11Pregoa e ensina estas cousas. 12Que ninguén faga pouco de ti por seres tan novo. Ti faite exemplo dos que cren: en ditos e feitos, en caridade, en fe, en limpeza. 13Mentres non chego, dedícate á lectura, á exhortación, ó ensino.

14Non descoides o carisma que hai en ti, que che se deu pola profecía coa imposición das mans dos "presbíteros". 15Coida estas cousas, mantente nelas, para que todos vexan como progresas. 16Preocúpate de ti e da doutrina; mantente en todo iso, que, facéndoo, te salvarás ti e salvarás os que che fagan caso.

 

Consellos para o bo goberno da comunidade. Os fieis en xeral

 

CAPÍTULO 5

 

1A un vello non o reprendas con dureza, senón exhórtao, coma a un pai; ós mozos, coma a irmáns; 2ás vellas, coma a nais; ás mozas, coma a irmás, con toda delicadeza.

As viúvas

3Honra as viúvas que o son de verdade. 4Se unha viúva ten fillos ou netos, que aprendan estes primeiro a respectar a propia familia e a corresponderlles ós seus pais, porque isto é o que lle agrada a Deus. 5A viúva de verdade, a que está desamparada, pon a súa esperanza en Deus e persevera nas oracións e súplicas noite e día. 6Pero a que se bota á vida do pracer, xa está morta en vida. 7Recoméndalles estas cousas, para que sexan irreprensibles. 8Se algún non coida dos seus e maiormente dos da propia familia, renega da fe, é peor ca un non crente.

9Inscribe coma viúva só a que teña máis de sesenta anos, que for muller dun só marido 10e con sona de boas obras: se educou ben os fillos, se foi hospitalaria, se lavou os pés dos santos, socorreu os que o estaban pasando mal e aproveitou todas as ocasións de facer o ben.

11Non inscribas as viúvas novas porque, cando o pracer contrario a Cristo as atrae, queren casar. 12Incorren así en culpa por teren faltado á primeira fidelidade. 13O mesmo tempo afanse a ser preguiceiras, andando polas casas; e non só preguiceiras senón tamén baralleiras e falando o que non convén.

14Quero, logo, que as máis mozas casen, críen fillos, gobernen a casa e non dean motivo ningún de discusión ó inimigo; 15porque, algunhas xa se extraviaron detrás de Satán. 16Se algunha crente ten viúvas ó seu cargo, que as asista, de xeito que non sexan un peso para a Igrexa, e así poida esta socorrer as que son de verdade viúvas.

 

Os presbíteros

 

17Os "presbíteros" que presiden ben son dignos dun dobre honor, maiormente os que se afanan na predicación e no ensino. 18Porque di a Escritura: non lle porás bozo ó boi que trilla o gran. E tamén: o obreiro ten dereito ó seu xornal.

19Contra un presbítero non escoites acusación, agás no caso de que dous ou tres testemuñas a sosteñan.  20Os culpables repréndeos diante de todos, para que os demais collan medo.

21Pídoche de corazón ante Deus e Cristo e os anxos escolleitos, que gardes estes consellos sen prexuízos e sen facer nada con parcialidade.

22Non impoñas de seguida as mans a ninguén, para non te faceres cómplice das faltas alleas. Consérvate limpo ti mesmo. 23Non bebas auga soa, toma un chisco de viño por mor do teu estómago e das túas frecuentes doenzas.

24Os pecados de certos homes logo se manifestan, xa antes de os levar a xuízo; os doutros, en cambio, só despois do xuízo se descobren. 25Do mesmo xeito, tamén as obras boas son públicas; e as que non o son tampouco non se poden agachar.

 

Os escravos

 

CAPÍTULO 6

 

1Todos os que están baixo o xugo da escravitude teñan ós seus propios amos por dignos da maior estima, para que non se maldiga o nome de Deus nin se desprece a doutrina. 2Os que teñan amos crentes, non lles falten á consideración por seren irmáns; ó contrario, sírvanos mellor, por seren crentes e irmáns os que reciben os seus bos servizos.

 

As falsas doutrinas e as verdadeiras ganancias

 

Isto é o que tes que ensinar e recomendar. 3Se alguén ensina outra cousa e non segue as boas palabras ‑as do noso Señor Xesús Cristo, a doutrina conforme á verdadeira piedade‑, 4faise un soberbio; non entende nada, senón que se aparva con controversias e discusións baleiras, das que nacen envexas, rifas, palabras inxuriosas e malas sospeitas, 5discusións parvas de homes con mente corrompida, carentes da verdade, que teñen a verdadeira piedade coma unha fonte de ganancia. 6E certamente a verdadeira piedade, cando un se conforma co que ten, é a mellor fonte de ganancia. 7Porque nada trouxemos ó mundo e nada podemos levar del.

8Contentémonos con ter para comer e para vestir. 9Os que se queren facer ricos caen en tentacións e trapelas e en moitas cobizas, todas perigosas, que botan os homes a perder e á ruína. 10A raíz de todos os males é a avaricia: algúns, dominados por ela, afastáronse da fe e envurulláronse a si mesmos en moitas dores.

 

Encomenda a Timoteo

 

11Pero ti, home de Deus, fuxe desas cousas; procura a xustiza, a piedade verdadeira, a fe, a caridade, a paciencia e a mansedume. 12Loita na fermosa competición da fe, procura a vida eterna á que te chamaron e que confesaches de maneira brillante diante de moita xente. 13Mándocho ante Deus, que fai vivir todas as cousas, e ante Cristo Xesús, que con tan magnífica confesión deu testemuño ante Poncio Pilato: 14garda o mandamento, sen lixo e sen tacha, ata a manifestación gloriosa do Señor noso Xesús Cristo. 15No seu debido tempo amosarao o Deus bendito e único podente, Rei dos reis e Señor dos señores. 16O único que ten a inmortalidade e que habita nunha luz inaccesible. A El ningún home o viu nin o pode ver. A El a honra e o poder eterno. Amén.

 

Os ricos

 

17Os ricos deste mundo mándalles que non sexan fachendosos, nin poñan a esperanza na riqueza incerta, senón en Deus, que nos dá para gozar de todas as cousas con gran abundancia. 18Que fagan o ben, enriquecidos en boas obras, xenerosos en dar e dadivosos cos demais. 19Así atesourarán para si un estupendo capital para o porvir e acadarán a verdadeira vida.

 

Saúdo final

 

20Timoteo, garda o depósito, evitando as lerias profanas e as obxeccións da falsa ciencia. 21Por andaren niso algúns afastáronse da fe.

A graza sexa convosco.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com