SEGUNDA SECCIÓN:

 

ÁBRESE O LIBRO SELADO CON SETE SELOS

 

CAPÍTULO 6

 

Os catro primeiros selos: os catro cabaleiros

 

1E mirei, cando o Año abriu o primeiro dos sete selos e oín que un dos catro animais berraba con voz de trebón: "Ven". 2E mirei e vin un cabalo branco. O seu cabaleiro tiña un arco. Déuselle unha coroa e saíu coma vencedor e para seguir vencendo.

3E cando abriu o segundo selo, oín que o segundo animal dicía: "Ven". 4E saíu outro cabalo vermello. O seu cabaleiro déuselle poder de quitar a paz da terra e facer que se degolen uns ós outros e déuselle tamén unha espada grande.

5E cando abriu o terceiro selo, oín que o terceiro animal dicía: "Ven". E mirei e vin un cabalo negro. O seu cabaleiro tiña unha balanza na man. 6E oín algo, coma se fose un berro, no medio dos catro animais, que dicía: "¡Un cuarto de ferrado de trigo por un denario; e tres cuartos de ferrado de cebada por un denario! Pero ó aceite e ó viño non lles fagas mal".

7E cando abriu o cuarto selo, oín a voz do cuarto animal, que dicía "Ven". 8E mirei e vin un cabalo cardoso. O seu cabaleiro chámase Morte e seguíao o Hades. Déuselle o poder sobre a cuarta parte da terra, para matar coa espada, coa fame, co andazo e coas feras da terra.

 

O quinto selo: os mártires chaman a Deus

 

9E cando abriu o quinto selo, vin baixo o altar as ánimas dos degolados por mor da palabra de Deus, e por gardaren ben o seu testemuño. 10E a grandes berros preguntaron: "¿Ata que día, noso Dono santo e verdadeiro tardarás en facer xustiza e en vingar o noso sangue contra os veciños da terra?" 11Déuselles cadanseu vestido branco e díxoselles que parasen unha miga, ata que se completase o número dos seus compañeiros e irmáns, que os ían matar axiña como os mataran a eles.

 

O sexto selo: intervención terrible de Deus

 

12E vin, cando abriu o sexto selo, que houbo un gran terremoto. O sol virou mouro coma un pano de picote e a lúa volveuse en sangue. 13As estrelas do ceo caeron na terra, como a figueira solta os seus figos, cando zorrega nela un gran vento. 14O ceo retirouse coma un rolo de pergamiño cando se recolle, e todos os montes e illas se moveron do seu posto. 15Os reis da terra, e os seus grandes, os xenerais, os ricos, os fortes e todos, servos e libres, agacháronse nas covas e entre os penedos dos montes. 16E dicíanlles ós montes e ós penedos: "¡Caede enriba de nós e ocultádenos da presenza do que está sentado no trono e da ira do Año! 17Porque chegou o día grande da súa ira e ¿quen o poderá aturar?"

 

 

 

CAPÍTULO 7

 

Marcan os fieis cun sinal

 

1Despois disto vin catro anxos que apreixaban, nas catro esquinas da terra, os catro ventos, para que non bourasen contra a terra, nin contra o mar nin contra as árbores. 2E vin outro anxo máis, que tiña o selo do Deus vivente, subir desde o nacente. Dicíalles a berros ós catro anxos, a quen se lles deu poder de danar a terra e o mar: 3"¡Non lles fagades mal á terra nin ó mar nin ás árbores, ata que marquemos co selo na testa os servos do noso Deus!". 4E oín o número dos que tiñan a marca, cento corenta e catro mil, marcados de entre todas as tribos dos fillos de Israel.

5Da tribo de Xudá, doce mil marcados,

da tribo de Rubén, doce mil marcados,

da tribo de Gad, doce mil marcados,

6da tribo de Axer, doce mil marcados,

da tribo de Naftalí, doce mil marcados,

da tribo de Menaxés, doce mil marcados,

7da tribo de Simeón, doce mil marcados,

da tribo de Leví, doce mil marcados,

da tribo de Isacar, doce mil marcados,

8da tribo de Zebulón, doce mil marcados,

da tribo de Xosé, doce mil marcados,

da tribo de Benxamín, doce mil marcados.

 

Cantos de vitoria a Deus e sorte dos seus fieis

 

9Despois disto mirei e vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións, tribos, pobos e linguas, en pé diante do trono e do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans. 10Proclamaban con grande voz:

"A salvación perténcelle ó noso Deus,

que senta no trono, e mais ó Año".

11Todos os anxos que estaban en pé arredor do trono, dos anciáns, e dos catro animais, prostráronse diante do trono para adoraren a Deus. 12Proclamaban:

"¡Amén! A bendición, a gloria, a sabedoría,

a acción de grazas, a honra,

o poder e mais a forza perténcenlle ó noso Deus,

polos séculos dos séculos. Amén".

13Un dos anciáns preguntoume: "¿Quen son e de onde viñeron estes que van vestidos de roupa branca?" 14Eu respondinlle: "Meu Señor, ti xa o sabes". E díxome: "Estes son os que veñen de pasar as súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branqueáronos co sangue do Año.

15Por iso están diante do trono de Deus,

e adórano día e noite no seu santuario.

E quen está sentado no trono chantará a súa tenda cabo deles.

16Non terán máis fame nin sede,

nin caerá endexamais sobre eles o sol,

nin ningunha queimadura del.

17Porque o Año, que está no medio do trono, será o seu pastor,

levaraos ás fontes de auga

e Deus enxugará dos seus ollos toda bágoa".

 

 

 

TERCEIRA SECCIÓN:

 

CAPÍTULO 8

 

O SÉTIMO SELO E A SERIE DAS TROMPETAS

 

1E cando abriu o sétimo selo, houbo, como media hora, un silencio no ceo. 2E vin os sete anxos, que están sempre en pé diante do trono de Deus. Déronselles sete trompetas.

 

Oracións dos fieis pola chegada do Reino e resposta de Deus

 

3Chegou outro anxo cun incensario de ouro. Púxose ó pé do altar e déuselle moito incenso, para que o ofrecese no altar de ouro, que está diante do trono, coas oracións de todo o pobo santo. 4E das mans do anxo que está diante do trono de Deus subiu o fume do incenso coas oracións do pobo santo. 5Colleu o anxo o incensario, encheuno co rescaldo do altar e botouno na terra: houbo lóstregos, berros, tronos e un terremoto.

6Entón os sete anxos, que tiñan as sete trompetas, preparáronse para tocar.

 

As catro primeiras trompetas: resposta de Deus

 

7Tocou o primeiro e caeu na terra unha sarabiada de lume mesturado con sangue: ardeu a terceira parte da terra e a terceira parte das árbores e toda a herba verde.

8Logo tocou o segundo anxo e botouse ó mar algo coma un monte grande ardendo: fíxose sangue a terceira parte do mar 9e morreu a terceira parte das criaturas vivas do mar e esnaquizáronse a terceira parte dos barcos.

10Tocou logo o terceiro anxo e caeu do ceo unha estrela grande, ardendo en labarada, e caeu sobre a terceira parte dos ríos e das fontes. 11A estrela chamábase Asente. E a terceira parte das augas volveuse en auga de asente e moitos dos homes morreron por culpa destas augas que se volveron amargas.

12Logo tocou o cuarto anxo e tremelicou a terceira parte do sol, a terceira parte da lúa e a terceira parte das estrelas: escureceuse a terceira parte de cada un deles e un terzo do día non alumeou e o mesmo a noite.

 

Aviso de ameaza

 

13E mirei e oín o que berraba con voz potente unha aguia, que estaba voando polo medio do ceo: "¡Ai, ai, ai dos veciños da terra, por cousa dos outros toques de trompeta, que tres anxos van tocar!"

 

 

 

CAPÍTULO 9

 

A quinta trompeta ou o primeiro ¡Ai!: os saltóns

 

1Logo tocou o quinto anxo e vin que unha estrela caía do ceo na terra. Déuselle a ela a chave do pozo do abismo; 2ela abriuno e subiu do pozo coma unha fumeira dun gran forno: escureceuse o sol e mais o aire por cousa da fumeira do pozo. 3Logo saíron da fumeira saltóns pola terra. Déuselles poder, coma o que teñen os alacráns da terra; 4e díxoselles que non danasen nin a herba dos campos nin verde ningún nin árbore ningunha senón unicamente os homes que non tivesen o selo de Deus na testa.

5Encargóuselles que non os matasen senón que os atormentasen por cinco meses: o tormento deles era coma o tormento do alacrán, cando pica no home. 6Naqueles días os homes procurarán a morte e non a atoparán, desexarán morrer, pero a morte fuxirá deles.

7Os saltóns semellaban cabalos aparellados para a guerra: tiñan nas cabezas coma unhas coroas que parecían de ouro e as caras coma as caras dos homes; 8tiñan os cabelos coma cabelos de mulleres e os dentes eran coma os dos leóns; 9tiñan unhas coirazas como coirazas de ferro e o zoar das súas ás era coma estrondo de carros e de moitos cabalos correndo para a guerra; 10tiñan rabos e aguillóns semellantes ós dos alacráns e nos seus rabos tiñan o poder de danar os homes por cinco meses. 11Teñen un rei que os dirixe: o anxo do abismo, que en hebreo se chama Abaddón e en grego Apolión, o Estragador.

12O primeiro ¡Ai! pasou, pero despois deste aínda virán dous ¡Ais! máis.

 

A sexta trompeta ou o segundo ¡Ai!: a cabalería mortífera do demo

 

13Logo tocou o sexto anxo e oín unha voz, que viña dos cornos do altar de ouro, que está diante de Deus. 14Dicíalle ó sexto anxo, que tiña a trompeta: "solta os catro anxos, que están presos onda o gran río, o Éufrates". 15E quedaron soltos os catro anxos, que estaban aparellados para mataren a terceira parte dos homes naquela hora, día, mes e ano. 16O número da tropa de cabalería era de douscentos millóns; eu mesmo oín o número.

17E nesta visión os cabalos e os seus cabaleiros aparecían deste xeito: tiñan coirazas da cor do rescaldo, violáceo e marelo de xofre; as cabezas dos cabalos eran coma as cabezas dos leóns e da boca saíalles lume, fumeira e xofre. 18Unha terceira parte dos homes quedaron mortos con estas tres pragas: co lume, coa fumeira e co xofre que saía da boca dos cabalos. 19Porque estes cabalos tiñan o poder na boca e no rabo, pois os rabos, semellantes a cobras, remataban en cabezas e con elas facían mal.

20Quedou un refugallo de homes, que nin con estas pragas morreron nin se arrepentiron do culto dos deuses falsos. Non deixaron de adorar os demos e as imaxes de ouro, de prata, de bronce, de pedra e de madeira, que nin poden ollar nin oír nin camiñar. 21Non se arrepentiron dos seus homicidios nin das bruxerías nin da prostitución nin dos roubos.

 

 

 

CAPÍTULO 10

 

O anxo co seu libro profético

 

1E vin que outro anxo forte baixaba do ceo, envolto nunha nube co arco iris sobre a súa cabeza; o aspecto da súa cara era coma o sol e as pernas coma columnas luminosas. 2Tiña na man un libriño aberto e puxo o pé dereito no mar e o esquerdo na terra. 3Berrou con toda a forza, coma o brado do león; e, en berrando, falaron os sete tronos coas súas propias voces. 4Despois de falaren os sete tronos estaba eu para escribir, pero oín que unha voz desde o ceo me dicía: "Garda en segredo o que falaron os sete tronos e non o escribas". 5E o anxo, que eu vira afincado no mar e na terra, ergueu a súa man dereita cara ó ceo 6e xurou por aquel que vive polos séculos dos séculos, que creou o ceo e canto hai nel, a terra e canto hai nela, o mar e canto hai nel: "¡xa non haberá máis demora!; 7pero nos días en que apareza a voz do sétimo anxo, cando estea para tocar a trompeta, hase de cumprir o Misterio de Deus, tal como El llelo anunciara, coma boa nova, ós seus servos, os profetas".

8E a voz que oíra desde o ceo volveu falar comigo para me dicir: "Vai e colle o libriño aberto, que ten na man o anxo que está afincado no mar e na terra". 9Fun onda o anxo dicirlle que me dese o pequeno libro e el respondeume: "Cólleo e engúleo todo: hache amargar no ventre pero na boca hache ser doce coma o mel". 10Eu collín o libriño da man do anxo e engulipeino de vez e fíxoseme na boca doce coma o mel, pero de que o comín enchéuseme de amargor o ventre. 11E dixéronme: "Cómpre que volvas profetizar para moitos pobos, xentes, linguas e reis".

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com