CAPÍTULO 16

 

1Logo oín un berro que desde o santuario lles dicía ós sete anxos: "¡Ide e vertede sobre a terra as sete cuncas da ira de Deus!".

 

As seis primeiras cuncas

 

2E saíu o primeiro e verteu a súa cunca na terra; e unhas chagas malignas e dolorosas aparecéronlles ós homes que tiñan a marca da besta e mais ós que se prostraban para adorar a súa imaxe.

3Logo, o segundo, verteu a súa cunca no mar, que se volveu sangue, coma o sangue dun morto, e morreu canto ser vivo se atopaba no mar.

4Despois, o terceiro, verteu a súa cunca nos ríos e nas fontes das augas; e volvéronse sangue. 5Entón oínlle dicir ó anxo das augas:

"Xusto es ti, que es e que eras, o Santo.

Xustiza fas ó sentenciares deste xeito,

6porque verteron sangue de santos e de profetas

e por iso lles deches tamén a beber sangue.

¡Tíñano ben merecido!".

7Entón oín que desde o altar dicían:

"Si, Señor Deus, que todo o sostés,

verdadeiras e xustas son as túas sentencias".

8Logo, o cuarto, a quen se lle deu o poder de abrasar coa calor ós homes, verteu a súa cunca no sol. 9Os homes sufriron unha gran queimadura e comezaron a xurar contra o nome de Deus, que tiña na súa man o poder sobre estas pragas; pero non cambiaron os seus pensamentos para lle daren gloria a Deus.

10Despois, o quinto, verteu a súa cunca no trono da besta e o seu reino quedou cuberto de tebras. Coa dor comezaron a morder as propias linguas 11e a xurar contra o nome do Deus do ceo polas súas dores e chagas; pero non se arrepentiron das súas obras.

12Logo, o sexto, verteu a súa cunca no gran río, o Éufrates, e comezou a estiñar a auga para axeitarlles así o camiño ós reis do Nacente. 13Despois vin saír da boca do dragón, da boca da besta e mais da boca do falso profeta, tres espíritos inmundos semellantes a sapos; 14son os espíritos dos demos que fan prodixios e van onda os reis de toda a terra, para xuntalos para a guerra do día grande do Deus que todo o sostén.

15"Mira que veño coma un ladrón. Benia o que vixía e garda a roupa para non andar espido e que non lle vexan as súas vergonzas". 16Efectivamente, os espíritos xuntáronos no lugar que en hebreo se chama Harmaguedón.

 

 

QUINTA SECCIÓN:

A SÉTIMA CUNCA: INTERVENCIÓN LIBERADORA DE DEUS

 

Introdución

 

17Logo o sétimo verteu a súa cunca no aire e entón saíu un berro do santuario, de onda o trono, que dicía: "¡Xa está!". 18Entón apareceron lóstregos, berros e trebóns e houbo un terremoto tan grande como endexamais non o houbo de que hai homes sobre a terra: tan forte foi aquel gran terremoto. 19Deste xeito, a gran cidade partiu en tres anacos, as cidades dos xentís viñéronse abaixo e á gran Babilonia chamárona perante Deus para lle dar a cunca do viño da súa fervente ira. 20E todas as illas fuxiron e xa non se atoparon os montes. 21Logo caeu do ceo enriba dos homes un gran pedrazo, de pedras case de corenta quilos; e os homes xuraban contra Deus pola praga do pedrazo, porque esta praga foi terrible.

 

 

 

CAPÍTULO 17

 

1Logo veu falar comigo un dos sete anxos que tiñan as sete cuncas e díxome: "Ven acó, que che hei mostrar o xuízo de condenación da gran prostituta que está sentada onda as augas abundantes; 2foi a prostituta dos reis da terra e co viño da súa fornicación emborracháronse os habitantes da terra".

 

 

VITORIA DO AÑO SOBRE A GRAN  BABILONIA

 

Visión da gran Prostituta

 

3Logo arrebatoume en arroubo ó deserto e vin unha muller montada nunha besta vermella, chea de nomes blasfemos, que tiña sete cabezas e dez cornos. 4A muller estaba vestida de púrpura e escarlata, adornada de ouro, de pedras preciosas e de perlas; tiña na man unha copa de ouro chea de abominacións e tiña tamén as porcalladas da súa fornicación. 5Sobre a fronte tiña escrito un nome misterioso: "A gran Babilonia, a nai das prostitutas e das abominacións da terra". 6Logo vin que a muller estaba borracha do sangue do pobo santo e do sangue dos mártires de Xesús.

E, ó mirar para ela, quedei abraiado.

 

Visión clarificadora do significado da gran Prostituta

 

7E díxome o anxo: "¿Por que te admiraches? Vouche explicar eu o senso misterioso da muller e da besta que a leva, a das sete cabezas e os dez cornos. 8A besta que viches existía pero xa non existe, e vai subir do abismo camiño da súa perdición; e os habitantes da terra, que non teñen os seus nomes escritos no libro da vida desde a creación do mundo, hanse admirar ollando que a besta existía, que xa non existe e que volverá aparecer. 9Para isto cómpre entendemento de sabio: as sete cabezas son sete montes sobre os que está sentada a muller; e tamén son sete reis: 10cinco deles xa caeron, un aínda reina, o outro aínda non veu e, cando veña, pouco vai durar. 11A besta, que existía pero xa non existe, é o rei oitavo e ó mesmo tempo é un dos sete; e tamén vai camiño da súa perdición. 12Os dez cornos que viches, son dez reis, que aínda non recibiron a dignidade de reis; pero han recibir xuntamente coa besta poder coma de reis, anque só por unha hora. 13Todos eles teñen o único plan de lle daren a súa forza e mais o seu poder á besta. 14Faranlle a guerra ó Año. Pero o Año venceraos: por algo é Señor de señores e Rei de reis; e tamén os vencerán os chamados, os escolleitos e os fieis que están con El".

15Logo díxome: "As augas sobre as que viches sentada a prostituta, son pobos e multitudes, nacións e linguas diferentes. 16Pero os dez cornos que viches e mais a besta aborrecerán a prostituta: deixarana abandonada e espida, comerán a súa carne e volverana cinsa co lume. 17Pois Deus puxo nos seus corazóns que levasen a cabo o seu plan, un plan común a todos: de lle daren á besta a súa dignidade rexia, ata que teñan cumprimento os decretos de Deus. 18A muller que viches é a gran cidade, a que reina sobre os reis da terra".

 

 

 

CAPÍTULO 18

 

Primeiro anuncio da caída de Babilonia

 

1Despois disto vin outro anxo baixar do ceo. Tiña gran poder e a terra quedou iluminada coa súa gloria. 2Berrou con voz poderosa:

"Caeu, caeu Babilonia, a grande,

volveuse morada de demos,

cova de todo espírito impuro,

niño de todo paxaro impuro e noxento.

3Porque do viño rabioso da súa prostitución

beberon todas as nacións,

e os reis da terra andaron a fornicar con ela,

e co exceso do seu luxo enriquecéronse os traficantes da terra".

 

Segundo anuncio da caída de Babilonia e laio por ela

 

4Logo oín outra voz que viña do ceo e dicía:

"Saíde dela, meu pobo,

para non terdes parte nos seus pecados,

e para que non vos toquen

os seus castigos.

5Os seus pecados fóronse amoreando ata o ceo,

e Deus recordou as súas iniquidades.

6Pagádelle coa mesma moeda que ela pagou;

aínda mais, dobrádelle as que ela fixo:

coa cunca onde ela remexeu a mestura, remexédelle o dobre para ela;

7canta gloria e praceres ela tivo,

dádelle outro tanto en tormentos e loito.

Porque ela di para si:

Estou sentada nun trono de raíña,

e nin estou viúva,

nin verei o loito.

8Por isto nun único día

hanlle vir as súas pragas:

peste, desgraza e fame,

e volverase cinsa no lume,

porque poderoso é o Señor, o Deus que a condena".

9Chorarán e botarán as mans á cabeza os reis da terra, os que practicaron a prostitución con ela e que se encheron de pecar con ela, cando vexan o fume da súa queima. 10Desde lonxe e de pé por medo ó seu castigo, dirán:

"¡Pobre, pobre da gran cidade de Babilonia!,

¡Pobre Babilonia, cidade poderosa!

¡Que logo chegou a túa condenación!".

11Tamén choran e fan o pranto por ela os traficantes do mundo, porque xa ninguén lle compra a súa mercadoría: 12a carga de ouro e de prata, de pedras preciosas e perlas, de liño puro, de púrpura, de seda e de escarlata; de todas as madeiras nobres; de todos os obxectos de marfil e de pedras preciosas, de bronce, de ferro e de mármore; 13as cargas de canela e de perfumadas unturas, de pos perfumados, de mirra, de incenso, de viño, de aceite, de flor de fariña e de trigo, rabaños de vacas e ovellas, cabalos, carros, escravos e homes para a venda.

14Os froitos maduros da túa cobiza

fuxiron de ti.

E todo o ben cebado e brillante perdeuse para ti,

e xa non volverá endexamais.

15Os traficantes destas cousas, que se enriqueceron a costa dela, estarán de pé desde lonxe, por medo ó seu castigo. Chorando e laiando 16dirán:

"¡Ai! ¡Pobre gran cidade

vestida de liño fino,

de púrpura e escarlata,

adornada de ouro,

de pedras preciosas e de perlas!

17Porque nun virar da man quedou erma tanta riqueza".

E todos os patróns e pasaxeiros que navegan, os mariñeiros e cantos traballan no mar, quedaron de pé, desde lonxe; 18e, mirando para o fume da queima, comezaron a berrar, dicindo: "¿Que cidade houbo semellante á gran cidade?" 19Logo, botaron terra nas súas cabezas e, entre choros e laios, berraron:

"¡Ai! ¡Pobre gran cidade

coa que se fixeron ricos todos os que teñen barcos no mar, á costa da súa fartura!

Nun virar da man quedou erma.

20¡Alégrate, ceo, por causa dela!

¡E vós, os santos, os apóstolos e os profetas, alegrádevos!

Porque Deus volveu contra ela a sentencia que un día ela lanzara contra vós".

 

Símbolo profético da caída de Babilonia

 

21Entón un anxo forte ergueu unha pedra coma unha grande moa de muíño e botouna no mar dicindo:

"Con forza coma esta han botar

a Babilonia, a gran cidade,

e non a atoparán máis.

22A música dos citaristas e dos músicos,

a melodía dos frautistas e dos trompetistas

xa non se oirá máis en ti;

e artesán ningún, de calquera oficio que for,

non o haberá máis en ti;

e o ruído da moa do muíño

non se volverá sentir máis en ti;

23e a luz do farol

non volverá brillar máis en ti,

e as palabras amorosas do esposo e da esposa

non se oirán máis en ti:

Porque, sendo os teus traficantes os máis grandes de todo o mundo,

todas as xentes se perderon coas túas bruxerías;

24e en ti atopouse sangue dos profetas e do pobo santo,

e o de todos os que foron inmolados no mundo".

 

 

 

CAPÍTULO 19

 

Loas a Deus pola caída de Babilonia

 

1Despois disto oín no ceo coma unha forte voz dunha gran multitude, que dicía:

"¡Aleluia!

A salvación, a gloria e o poder son do noso Deus,

2porque verdadeiras e xustas son as súas sentencias.

El condenou a gran Prostituta,

que coa súa prostitución corrompeu o mundo,

El vingou o sangue dos seus servos,

que ela tiña no seu poder".

3Logo repetiron:

"¡Aleluia!

O fume do seu castigo sobe por todos os séculos".

4Entón os vinte e catro anciáns e os catro animais prostráronse para adoraren a Deus, que se sentaba no trono, e dicían:

"¡Amén! ¡Aleluia!"

 

Canto ás vodas do Año e conclusión

 

5E do trono saíu un berro que dicía:

"¡Loade o noso Deus,

todos os seus servidores;

tamén os que o respectades,

pequenos e grandes!"

6Logo oín algo coma o algareo dunha gran multitude, coma o ruxido das augas abundantes e coma o estrondo dun forte trono, que dicía:

"¡Aleluia!

Porque comeza o Reino do Señor,

o noso Deus, que todo o sostén.

7Alegrémonos e relouquemos

e glorifiquémolo,

porque chegaron as vodas do Año,

e a súa esposa xa se preparou.

8Concedéuselle vestir de liño fino, ben curado e limpo, pois o liño fino son as obras boas do pobo santo".

9Logo o anxo díxome: "Escribe: ¡Benia os que están convidados ó xantar das vodas do Año!". E volveume dicir: "Estas son cousas verdadeiramente propias de Deus". 10Boteime ós seus pés para o adorar; pero el díxome: "¡Non, non o fagas! Son un servo de Deus igual ca ti e cós teus irmáns, que manteñen o testemuño de Xesús. Adora a Deus, que dar testemuño de Xesús é ter espírito profético".

 

 

VITORIA DEFINITIVA DO AÑO

 

Visión do Verbo de Deus

 

11Despois vin o ceo aberto. E apareceu un cabalo branco; o cabaleiro que o monta chámase Fiel e Verdadeiro, xulga e loita con xustiza. 12Ten os ollos coma chamas de lume, na cabeza ten moitas diademas; e escrito un nome que ninguén coñece, fóra del mesmo. 13Leva posto un manto tinxido de sangue e o seu nome é "Palabra de Deus". 14Os exércitos celestes, vestidos de ben curado liño branco, van tras el en cabalos brancos. 15Da boca sáelle unha espada ben afiada, para ferir con ela os xentís: ha de os rexer cun caxato de ferro e pisa a moxega do viño rabioso da ira de Deus, que todo o sostén. 16Ten escrito no seu manto e na súa coxa un nome: "Rei de reis e Señor de señores".

 

Visión da vitoria do Verbo sobre a besta e os reis

 

17Logo tiven unha visión e vin un anxo de pé no sol. A grandes berros chamou por todos os paxaros que voan polo medio do ceo, dicíndolles: "¡Vide aquí, xuntádevos para o gran banquete de Deus! 18Para comer a carne de reis, de xenerais, de valentes, de cabalos e de cabaleiros; carne de todos os homes: libres e escravos, de pequenos e de grandes". 19Logo vin que a besta, os reis do mundo e mais os seus exércitos se xuntaban para faceren a guerra contra o cabaleiro do cabalo e contra o seu exército. 20Colleron presos a besta e mais o falso profeta que estaba con ela: o que fixo os prodixios, cos que descamiñou ós que recibiron a marca da besta e adornaron a súa imaxe; botáronos vivos ós dous na lagoa de xofre ardendo. 21Os outros matáronos coa espada que saía da boca do cabaleiro que ía montado de a cabalo. Todos os paxaros quedaron fartos da súa carne.

 

 

 

CAPÍTULO 20

 

Visión do encadeamento do dragón

 

1Logo vin que outro anxo baixaba do ceo, coa chave do abismo e unha cadea grande na man. 2Con ela amarrou forte ó dragón, serpe antiga, que é Satán e Satán, e encadeouno para mil anos. 3Botouno no abismo e pechou e púxolle selo á pechadura diante do dragón para que xa non extravíe máis as nacións ata que se cumpran os mil anos; despois hano soltar unha miguiña de tempo.

 

Visión do reino milenario

 

4Logo vin uns tronos. Os que sentaban neles déuselles o poder de xulgar. Vin tamén as ánimas dos degolados por mor do testemuño de Xesús e da palabra de Deus e mais as dos que non se prostraron para adorar a besta nin a súa imaxe nin recibiron a marca da besta na súa fronte nin nas súas mans. Estes volveron vivir e comezaron a reinar con Cristo mil anos. 5O resto dos mortos non volveron á vida ata completaren os mil anos: esta é a primeira resurrección. 6¡Benaventurado e santo o que participa nesta primeira resurrección! Sobre eles non ten poder a morte segunda: serán sacerdotes de Deus e de Cristo e reinarán con El mil anos.

 

Vitoria definitiva sobre o dragón

 

7Cando se completen os mil anos, Satán vaise ver ceibe da súa cadea 8e sairá para engaiolar os xentís das catro esquinas do mundo, a Gog e a Magog, para os xuntar para a guerra. O número destes é coma o das areas do mar. 9Subiron por todo o ancho do mundo e rodearon o campamento dos santos e mais a cidade amada. Pero baixou do ceo lume e consumiunos. 10E, despois de os engaiolar, ó demo botárono na lagoa de lume e xofre, onde xa estaban a besta e mais o falso profeta. Alí hanos castigar día e noite polos séculos dos séculos.

 

Visión do xuízo universal e da vitoria sobre a Morte

 

11Logo vin un gran trono branco e vin quen estaba nel sentado: da súa presenza fuxiron o ceo e a terra e deles non quedou nin rastro. 12Logo vin os mortos, grandes e pequenos, de pé diante do trono; e abríronse uns libros. Abriuse tamén outro libro, o libro da vida é ós mortos xulgáronos polo escrito nos libros, conforme as súas obras. 13O mar entregou os mortos que nel había; e a Morte e o Hades entregaron os mortos que neles había; e a cadaquén xulgárono polas súas obras. 14A Morte e ó Hades botáronos na lagoa de lume. Esta é a Morte segunda: a lagoa do lume. 15A quen non apareceu inscrito no libro da Vida botárono na lagoa do lume.

 

 

 

CAPÍTULO 21

 

Visión do novo mundo e da nova cidade

 

1Logo vin un ceo novo e unha terra nova, pois o primeiro ceo e a primeira terra xa pasaran; e o mar xa non existía. 2Tamén vin que a cidade santa, unha Xerusalén nova, baixaba do ceo de onda Deus, preparada coma a esposa que está engalanada para o seu esposo. 3E sentín unha forte voz que desde o trono dicía:

"Velaquí a tenda de Deus onda os homes.

Acampará entre eles:

eles serán o seu pobo

e El será o seu Deus e compañeiro.

4Enxugará todas as bágoas dos seus ollos,

e a morte xa non existirá máis.

Nin haberá máis loito nin pranto nin dor,

porque as primeiras cousas pasaron xa".

5O que estaba sentado no trono dixo: "Vede que volvo novas todas as cousas". E mandóuseme: "Escribe, porque estas palabras merecen fe e din a verdade". 6E seguiu dicindo: "Xa están renovadas: eu son o Alfa e o Omega, o Principio e a Fin. A quen teña sede, heille dar de beber gratis auga das fontes da vida. 7O vencedor será herdeiro de todo isto. Eu serei para el o seu Deus e el será para min o meu fillo. 8Os covardes na loita, os que negan a fidelidade que prometeron, os corrompidos con abominacións, os asasinos, os luxuriosos, os bruxos, os idólatras e os que fían en mentiras, terán por lote a lagoa de xofre ardendo: que é a morte segunda".

9Logo veu un dos sete anxos que tiñan as sete cuncas cheas das sete derradeiras pragas e falou comigo, dicindo: "Ven acó, que che vou amosar a noiva, a esposa do Año". 10Levoume en espírito á cima dun monte moi grande e alto e amosoume a cidade santa, Xerusalén, que baixaba do ceo de onda Deus; 11tiña a gloria do mesmo Deus. O seu resplandor imitaba o dunha pedra moi preciosa, unha pedra cristalina de xaspe. 12Tiña unha muralla grande e alta con doce portas de entrada; e enriba das portas doce anxos; e escritos nelas os seus nomes, que son os das doce tribos de Israel: 13tres portas polo Nacente, tres portas polo Norte, tres portas polo Mediodía e tres portas polo Poñente. 14A muralla da cidade tiña doce alicerces e sobre os alicerces, doce nomes, que son os dos doce Apóstolos do Año.

15O que falaba comigo tiña consigo unha canivela de ouro, para medir a cidade coas súas portas e murallas. 16A cidade era cadrada, tan longa coma ancha. Tomoulle a medida coa súa canivela: tiña doce mil estadios; longo, ancho e alto eran iguais. 17Tomoulle a medida ó muro: tiña cento corenta e catro cóbados, medida normal de home, que usou o anxo. 18O material do muro era xaspe e o material da cidade era ouro puro, semellante ó cristal purísimo. 19Os alicerces da muralla da cidade estaban con toda clase de pedras preciosas: os primeiros alicerces eran de xaspe, os segundos de zafiro, os terceiros de calcedonia, os cuartos de esmeralda, 20o quinto de sardónix, o sexto de cornalina, o sétimo de crisólito, o oitavo de berilo, o noveno de topacio, o décimo de ágata, o undécimo de xacinto e o duodécimo de ametista. 21As doce portas eran doce perlas, cada unha das portas era dunha soa perla. A praza da cidade era de ouro, puro coma cristal relucente. 22Nela non vin santuario ningún, porque o seu santuario é o Señor Deus, que todo o sostén, e mais o Año. 23A cidade non precisa sol nin lúa que a ilumine, que a ilumina a gloria de Deus; e o Año é a súa lámpada.

 

A vida na nova Xerusalén

 

24Os xentís pasearán á súa luz e os reis da terra aportarán a ela a súa gloria. 25As portas endexamais non se pecharán de día, que noite alí non a hai. 26Alí levarán o esplendor e mais as riquezas das nacións; 27pero endexamais non entrará nela nada lixado nin ningún idólatra, ou mentireiro: só os que están inscritos no libro da vida, que ten o Año.

 

 

 

CAPÍTULO 22

 

1Daquela mostroume un río de auga vivificadora, clara coma un cristal, que saía do trono de Deus e do Año. 2Contra do medio da rúa principal da cidade, a unha e outra beira do río, había unha árbore da vida, que dá doce colleitas por ano, unha cada mes e as follas destas árbores son boas para curar as nacións.

3Alí endexamais non haberá nada maldito. Nela estará o trono de Deus e mais do Año; e será alí onde os seus servidores o servirán. 4Verano cara a cara e levarán o seu nome escrito na fronte. 5Alí endexamais non haberá noite nin precisarán da luz da lámpada nin da luz do sol, porque o Señor Deus será a luz que os alumee e eles serán reis polos séculos dos séculos.

 

 

EPÍLOGO

 

O anxo, Xoán e Xesús dan fe do libro

 

6Logo díxome: "Estas palabras merecen fe e son verdadeiras, pois o Señor, o Deus que inspira os profetas, mandou o seu anxo, para que lles amosase ós que o serven as cousas que han acontecer axiña. 7Mira que veño de seguida. Benia o que fai caso ás profecías que están neste libro".

8Eu Xoán, son o que oín e vin todo isto. Cando o acabei de oír e ver, prostreime en adoración ós pés do anxo que mo amosaba. 9Pero el díxome: "¡Non, iso non! Eu son compañeiro de servizo teu e dos teus irmáns os profetas e dos que fan caso das palabras deste libro: adorar, adora a Deus".

10E díxome: "Non gardes en secreto a mensaxe profética deste libro, que o intre do seu cumprimento está a chegar. 11Quen fai mal, que o siga facendo; o que é impuro, que siga na impureza; o que é honrado, que siga actuando honradamente; o de conciencia limpa, que a siga mantendo limpa.

12Mira que vou chegar axiña e traio comigo a miña paga, para lle pagar a cada un conforme o seu traballo. 13Eu son o Alfa e o Omega, o Primeiro e o Ultimo, o Principio e a Fin.

14Benia os que teñen lavada a súa roupa, para teren dereito á árbore da vida e a entraren polas portas da cidade. 15Fóra quedarán os cans, os bruxos, os luxuriosos, os asasinos, os idólatras, e todo o que é amigo das mentiras e fai trampas.

16Eu, Xesús, mandeivos o meu anxo, para que vos dese testemuño de todo isto que se refire ás igrexas. Eu son o renovo e a descendencia de David, o luceiro brillante da mañá".

17O Espírito e a esposa din: "Ven".

Quen escoita, que diga: "Ven".

Quen teña sede, que veña;

o que queira, que colla de balde auga da vida.

18A todo o que escoite as profecías deste libro declárolle que, se alguén engade algo ó aquí escrito, Deus mandaralle as pragas escritas neste libro. 19E se alguén quita algo do contido neste libro profético, Deus quitaralle a súa participación da árbore da vida e da cidade santa, descritas neste libro.

20Quen testemuña estas cousas, di: "Si, veño axiña". ¡Amén! ¡Ven, Señor Xesús! 21¡A graza do Señor Xesús vos acompañe a todos!

 

 

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com