CAPÍTULO 1

PRÓLOGO

Introdución

 

1Revelación de Xesús Cristo que Deus lle outorgou, para que el lles mostrase ós seus servos o que ten que acontecer axiña. E fíxoa coñecer, mandándolla polo seu anxo ó seu servo Xoán, 2que é testemuña da palabra de Deus e do propio testemuño de Xesús Cristo, dicindo canto viu. 3Benia quen lea e quen escoite esta profecía e faga caso do que nela queda escrito, porque está no seu cumprimento.

 

Saúdo ós destinatarios

 

4Eu, Xoán, deséxovos ás sete igrexas de Asia graza e paz de parte do que é, o que era e o que está a vir, de parte dos sete espíritos que están diante do seu trono; 5e de parte de Xesús Cristo, a testemuña que merece fe, o primeiro en renacer da morte e soberano dos reis da terra.

A aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue 6e que nos converteu nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai: a el a gloria e mais o poder polos séculos dos séculos. Amén.

7Velaquí vén nas nubes,

e todo ollo o verá,

mesmo aqueles que o traspasaron:

por el baterán no peito todas as razas da terra.

Certo. Amén.

8Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que todo o sostén.

 

 

PARTE EXHORTATIVA

 

Visión vocacional do autor

 

9Eu, Xoán, voso irmán e compañeiro no sufrimento, no reino e na esperanza en Xesús, estaba na illa chamada Patmos, por cousa da palabra de Deus e do testemuño de Xesús. 10Caín en arroubo o día do Señor e oín detrás miña un berro forte, coma dunha trompeta, 11que dicía: "o que vas ver escríbeo nun libro e mándallelo ás sete igrexas: á de Efeso, á de Esmirna, á de Pérgamo, á de Tiátira, á de Sardes, á de Filadelfia e á de Laodicea".

12E dei a volta para ver de quen era a voz que me falaba e, ó virar, vin sete candelabros de ouro 13e no medio dos candelabros unha figura humana vestida cunha túnica talar  e cunha faixa de ouro cinguida á altura do peito. 14A súa cabeza e os seus cabelos eran brancos coma a lá branca, coma a neve; e os seus ollos, coma chama de lume; 15os seus pés semellantes ó metal, cando se pon roxo na forxa; o seu falar, coma o bruído do mar. 16Na man dereita tiña sete estrelas e da boca saíalle unha espada de dous fíos ben afiada. A cara resplandecíalle coma o sol cando dá con toda a súa forza.

17O velo, caín ós seus pés coma morto. Pero el puxo a súa man dereita sobre min e díxome: "Non teñas medo. Eu son o Primeiro e o Ultimo, 18o que vive; estiven morto pero repara en que estou vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves da Morte e do lugar dos mortos. 19Escribe, logo, todo o que ves, o que hai e o que ha vir despois disto. 20O segredo misterioso das sete estrelas que ollas na miña man dereita e dos sete candelabros de ouro é este: as sete estrelas son os anxos das sete igrexas e os sete candelabros son as sete igrexas.

 

 

 

CAPÍTULO 2

 

As sete cartas. A carta a Éfeso

 

1O anxo da Igrexa de Éfeso escríbelle:

Isto di quen apreixa coa súa dereita as sete estrelas, quen pasea entre os sete candelabros de ouro. 2Coñezo as túas obras e fatigas e mais a túa enteireza e vexo que non podes aturar os malos. Puxeches á proba ós que se teñen por apóstolos sen seren apóstolos e ti atopáchelos falsos. 3Eu sei ben que tes esperanza e paciencia e por iso aguantaches por cousa miña e non estás canso.

4Pero teño contra ti que perdiches o teu amor primeiro. 5Acórdate de onde caíches: arrepíntete e ponte a facer as obras de antes. Porque che vou vir cambiar o teu candelabro de sitio, caso de non te arrepentires. 6Anque unha cousa tes ó teu favor: que aborreces a conduta dos nicolaítas, que eu tamén aborrezo.

7 Quen teña oídos, escoite o que o Espírito lles di ás igrexas. O vencedor heille dar a comer da árbore da vida, que está no xardín de Deus.

 

A carta a Esmirna

 

8O anxo da Igrexa de Esmirna escríbelle:

Isto di o Primeiro e o Ultimo, o que estivo morto pero volveu á vida. 9Coñezo o teu sufrimento e a túa pobreza –aínda que es rico‑ e a maledicencia contra ti dos que se teñen por xudeus sen seren xudeus pero que si son sinagoga de Satán. 10Non teñas medo ningún do que vas sufrir. Ollade que Satán vos ha meter a algúns de vós no cárcere, para vos poñer á proba e teredes sufrimento dez días. Pero mantente fiel ata a morte e dareiche a coroa da vida.

11Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas. O vencedor prométolle que non o vai danar a morte segunda.

 

A carta a Pérgamo

 

12O anxo da Igrexa de Pérgamo escríbelle:

Isto di quen ten a espada de dous fíos ben afiada: 13sei que onde vives é onde Satán ten o seu trono e que te mantés firme comigo e non negaches a fe en min nin cando Antipas, o meu mártir que tamén fiaba en min, caeu asasinado aí onda vós, onde vive Satán.

14Pero teño contra ti unhas poucas cousas: que tes aí algunha xente enleada coa doutrina de Balaam, que ensinaba a Balac a escandalizar os fillos de Israel, incitándoos a comer carne sacrificada ós ídolos e a darse á prostitución. 15Así tamén ti tes algúns que profesan a doutrina dos nicolaítas. 16Arrepíntete, que, como non o fagas, vou vir axiña e loitarei contra eles coa espada da miña boca.

17Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas. O vencedor heille dar do maná escondido e tamén unha pedriña branca; e escrito na pedriña un nome novo que ninguén coñece, fóra daquel que a recibe.

 

A carta a Tiátira

 

18O anxo da Igrexa de Tiátira escríbelle:

Isto di o Fillo de Deus, que ten os seus ollos coma a chama do lume e os pés semellantes ó metal: 19coñezo as túas obras, o teu amor, a túa fe, o teu servizo, a túa enteireza e as túas obras últimas que son máis grandes cás primeiras.

20Pero teño contra ti que deixas que unha muller, Iezabel, se poña o título de profetisa, que ensine e que engaiole os meus servos para que se dean á prostitución e a comeren carne sacrificada ós ídolos. 21Deille tempo para se arrepentir, pero ela non se quere arrepentir da súa prostitución. 22Ides ver como a vou encamar, e ós que se dean á prostitución con ela voulles mandar un gran sufrimento, a menos que se arrepintan das obras dela; 23e ós fillos dela vounos matar cun andazo.

Así coñecerán todas as igrexas que eu son o que sonda os sentimentos e as intencións e o que vos dá a cadaquén segundo as vosas obras. 24Pero a vós, ós de Tiátira que non sodes desta doutrina e que non coñecedes os profundos misterios de Satán ‑como eles din‑, dígovos que non vos impoño outro peso. 25Unicamente que vos agarredes ben ó que tedes, ata que eu volva.

26O vencedor, a quen practique ata a fin as miñas obras, heille dar poder sobre os xentís,

27e ha de os gobernar cun caxato de ferro,

e escachizaraos coma unha ola de barro,

28o mesmo que eu recibín poder do meu Pai;

e heille dar o luceiro da alba.

29Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

A carta a Sardes

 

1O anxo da Igrexa de Sardes escríbelle:

Isto di quen ten os sete espíritos de Deus e as sete estrelas: coñezo as túas obras: tes sona de estar vivo, pero estás morto. 2Ponte alerta, fortalece o que aínda che queda sen morrer, porque non atopei perfectas as túas obras diante do meu Deus. 3Acórdate, logo, do que recibiches e escoitaches: gárdao e arrepíntete, que, como non vixíes e esteas á espreita, vou vir coma ladrón e non vas saber a que hora vou caer sobre ti.

4Pero tes unhas poucas persoas en Sardes, que non lixaron os seus vestidos. Estas han pasear comigo vestidas de branco, porque son dignas. 5O vencedor vaise vestir así con vestidos brancos e endexamais non borrarei o seu nome do libro da vida e responderei por el diante do meu Pai e diante dos seus anxos.

6Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.

 

A carta a Filadelfia

 

7O anxo da Igrexa de Filadelfia escríbelle:

Isto di o Santo, o Verdadeiro,

quen ten a chave de David,

quen , se el abre, ninguén pecha,

e, se el pecha, ninguén abre:

8coñezo as túas obras ‑olla que te puxen diante dunha porta ben aberta, que ninguén pode pechar‑; coñezo que tes pouca forza, e mesmo así, cumpriches a miña palabra e non me negaches. 9Vas ver que che vou entregar algúns da sinagoga de Satán, dos que din que son xudeus pero que non o son, porque menten. Vas ver que os vou facer poñerse ós teus pés e recoñecerán que eu te amo.

10Como ti gardaches as miñas palabras con perseveranza, tamén eu te gardarei a ti no intre da proba, que está a vir sobre todo o mundo, para pór a proba a toda a xente. 11Virei axiña. Agarra ben o que tes, para que ninguén che colla a túa coroa.

12O vencedor fareino columna do templo do meu Deus e prometo que xa non sairá fóra del; e escribirei nel o nome do meu Deus e o nome da cidade do meu Deus, da nova Xerusalén, a que baixa do ceo, de onda o meu Deus, e escribirei nel o meu nome novo.

13Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.

 

A carta a Laodicea

 

14O anxo da Igrexa de Laodicea escríbelle:

Isto di o Amén, a testemuña fiel e lexítima, o comezo da creación de Deus: 15coñezo as túas obras: ti non es frío nin quente. ¡Quen me dera que foses frío ou quente! 16Pero, por seres morno, nin frío nin quente, voute vomitar da miña boca. 17Porque dis: Son rico, xa teño fartura e non preciso de nada; pero ti non sabes que es unha besta, dás mágoa, es un mendigo cego e espido.

18Aconsélloche que merques ouro do meu, que se acaba de aquilatar no lume, para te poñeres rico; e que merques roupa branca, para vestires ben e para que non se vexa a vergonza da túa nudez; e que merques colirio para untar os teus ollos e así poderes ver. 19Que eu a quen lles quero ben, rífolles e corríxoos. ¡Ponte de xenio e convértete! 20Mira que hai tempo que estou a petar na túa porta. Se alguén escoita a miña voz e abre a porta, eu entraría cabo del e cearía con el e el comigo. 21O vencedor outorgareille sentar onda min no meu trono, do mesmo xeito que tamén eu vencín e sentei cabo do meu Pai no seu trono.

22Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.

 

 

 

PARTE APOCALÍPTICA

 

CAPÍTULO 4

 

PRIMEIRA SECCIÓN: VISIÓN INAUGURAL DE DEUS E DO AÑO

 

1Despois disto mirei e vin unha porta aberta no ceo; e a primeira voz, que oíra coma unha trompeta, falando comigo, dicíame: "Sube aquí que che vou amosar o que ten que acontecer despois disto".

2Axiña caín en arroubo. E velaquí un trono posto no ceo e un sentado no trono. 3A fasquía do que estaba sentado era coma a pedra de xaspe e de sardónica e cunha aureola arredor do trono, semellante ó aspecto da esmeralda. 4Arredor do trono vin vinte e catro tronos e, sentados nos tronos, vinte e catro anciáns, vestidos de roupas brancas e coroas de ouro nas súas cabezas.

 5Do trono saían lóstregos, berros e trebóns. Sete fachos de lume ardían diante do trono, que son os sete espíritos de Deus. 6Había diante do trono coma un mar transparente, semellante ó cristal.

E diante do trono e arredor do trono, catro animais, cheos de ollos por diante e por detrás. 7O primeiro animal, igual ca un león; o segundo, semellante a un xato; o terceiro, tiña a cara coma de home; e o cuarto, semellante a unha aguia voando. 8E cada un destes catro animais tiña seis ás, cheas de ollos en todo o arredor e por fóra. Non tiñan acougo nin de día nin de noite, proclamando:

"Santo, Santo, Santo,

Señor Deus, que todo o sostén,

o que era, o que é e o que está a vir".

9E cada vez que lle daban gloria, honra e grazas a quen está sentado no trono, que vive polos séculos dos séculos, 10os vinte e catro anciáns axeonllábanse ante o que está sentado no trono e adoraban o que vive polos séculos dos séculos e botaban diante do trono as súas coroas, dicindo ó mesmo tempo:

11"Merecente es, noso Señor e Deus,

de recibir gloria, honra e poder,

porque ti es quen o creaches todo:

pola túa vontade existe e foi creado".

 

 

 

CAPÍTULO 5

 

1E vin na dereita do que estaba sentado no trono un libro escrito por fóra e por dentro, pechado con sete selos. 2E vin un anxo forte, que clamaba con gran voz: "¿Quen pode abrir o libro e desenlear os seus selos?"

3E ninguén no ceo nin na terra nin debaixo da terra, daba aberto o libro nin lido nel. 4E eu choraba moito, porque non se atopaba ninguén digno de abrir o libro nin de ler nel.

5Pero díxome entón un dos anciáns: "Non chores, velaquí o león da raza de Xudá e rebento da raíz de David: venceu, e deste xeito pode abrir o libro e os seus sete selos".

6E vin no medio do trono e dos catro animais e diante dos anciáns, un Año en pé, coma se estivese degolado, con sete cornos e sete ollos, que son os sete espíritos de Deus, mandados a toda a terra. 7O Año achegouse ó trono e recibiu o libro da man dereita de quen está sentado no trono. 8Cando o colleu, os catro animais e os vinte e catro anciáns axeonlláronse diante do Año, con cadansúa cítara e con frascos de ouro cheos de perfumes, que son as oracións do pobo santo. 9E cantaban un canto novo:

"Ti es merecente de recibir o libro,

e de abrir os selos,

porque te degolaron e adquiriches para Deus co teu sangue

xentes de toda raza, lingua, pobo e nación.

10E fixeches deles un reino de sacerdotes para o noso Deus e reinarán na terra".

11E vin e oín a voz de moitos anxos arredor do trono e dos animais e dos anciáns: o número deles era de milleiros e milleiros. 12Proclamaban con forte voz:

"Merecente é o Año, por estar degolado,

de recibir o poder, a riqueza, a sabedoría, a forza,

a honra, a gloria e a bendición".

13E oín que todas as criaturas que están no ceo e na terra e debaixo da terra e enriba do mar e todas as cousas que hai nelas, proclamaban:

"Para quen está sentado no trono e para o Año:

a bendición, a honra, a gloria e o poder

polos séculos dos séculos".

14E os catro animais dicían: "Amén" e os anciáns caeron en adoración.

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com